Modificación del Reglamento de Carreteras de GALICIA

,

DECRETO 51/2023, do 11 de maio, polo que se modifica o Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado mediante Decreto 66/2016, do 26 de maio.

El texto de estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:                                                       >

A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece na súa disposición derradeira segunda a habilitación da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario.

Co fin de dar cumprimento a ese mandato legal, aprobouse o Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aprobou o Regulamento xeral de estradas de Galicia, para o desenvolvemento da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Con posterioridade á aprobación do antedito Regulamento xeral de estradas de Galicia, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, sufriu unha serie de modificacións.

Así, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, foi modificada, sucesivamente, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia; pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas;pola Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas; e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Nese sentido, o obxectivo deste decreto é adaptar os preceptos do Regulamento xeral de estradas de Galicia aos cambios producidos na disposición legal que este desenvolve, de tal xeito que se eviten as contradicións que os cambios introducidos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia provocaron, en relación co texto do antedito Regulamento xeral de estradas de Galicia.

Tamén se realizan algúns outros cambios, no texto do Regulamento xeral de estradas de Galicia, que teñen por obxecto rectificar, simplificar e aclarar a interpretación dalgún dos seus preceptos, dado que, transcorridos varios anos desde a súa entrada en vigor, a experiencia acumulada puxo de manifesto certas dificultades para a súa aplicación práctica por parte dos órganos administrativos competentes para esta.

Así, no título I do Regulamento xeral de estradas de Galicia, que recolle as dúas disposicións xerais, mellóranse algunhas das definicións, e dotouse de maior precisión o concepto de aresta exterior da explanación e concretouse a relación dos incluídos no de elementos funcionais. Ademais, establécese unha nova definición das travesías, que simplifique a súa identificación e desenvólvense de xeito máis completo as condicións para a consideración do mantemento da continuidade e coherencia das redes de estradas, para os efectos da adquisición da condición de vías urbanas. Por outra parte, no que se refire á titularidade das estradas, acláranse as situacións dos treitos de estradas repostos como consecuencia de obras, acláranse determinados aspectos relativos á tramitación dos expedientes de cambio de titularidade e flexibilízanse as condicións para os cambios de titularidade nos que existan alternativas viarias de titularidade de administracións de menor ámbito territorial. Tamén se desenvolve o procedemento para a tramitación dos catálogos de estradas.

No título II, relativo á planificación e proxección das estradas, adáptanse o contido e a tramitación dos plans de estradas á nova Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, tendo en conta a súa consideración como plans sectoriais para os efectos da antedita lexislación. Tamén se realizan unha serie de cambios para permitir que, baixo determinadas circunstancias, os estudos e proxectos poidan establecer categorías funcionalmente nas estradas. Para iso, regúlanse os instrumentos que, xunto co Plan director de estradas de Galicia, permiten esa circunstancia, adáptase o contido dos estudos e proxectos a ela e recóllese como un novo suposto nos que os estudos e proxectos deben ser sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas. Tamén se reducen os prazos para a emisión do informe xurídico sobre a tramitación dos expedientes dos estudos e proxectos, concretando o seu obxecto, segrégase a regulación relativa á supervisión dos estudos e proxectos nun artigo específico e mellórase a redacción do artigo relativo á aprobación definitiva dos estudos e proxectos. Por último, no capítulo relativo á coordinación das actividades de planificación, introdúcese un novo criterio para a emisión dos informes sobre os instrumentos de planeamento urbanístico, e aclárase a redacción do artigo relativo ao recoñecemento de treitos urbanos, suprimindo as referencias ao recoñecemento de travesías, dado que estas se xestionarán a través dos seus propios inventarios.

O título III refírese á construción, financiamento e explotación das estradas, pero as modificacións que non se derivan da adaptación aos cambios introducidos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, concéntranse no capítulo referido á explotación das estradas. Así, flexibilízanse as condicións para a constitución das garantías no caso de usos especiais da estrada, e restrínxense ás autoestradas parte das condicións exixidas para a execución de áreas de servizo e áreas de descanso.

No título IV, relativo á protección do dominio público viario, adáptase a definición da zona de afección nas zonas nas que conflúan estradas de diferentes clases e elimínase un dos supostos nos que se permitía a redución excepcional da liña límite de edificación. Tamén se amplía o ámbito de aplicación de determinadas condicións das autorizacións, para abranguer tamén as declaracións responsables. Por outra parte, desenvólvese con maior precisión a regulación da acta de terminación das actuacións autorizadas, e dos instrumentos alternativos para o seu control, naqueles casos nos que non sexa exixible a elaboración dunha acta. Nos artigos relativos ás condicións específicas de determinadas autorizacións, realízanse varios cambios orientados a incorporar a experiencia e a problemática xurdida tras varios anos de aplicación do texto regulamentario. Eses cambios aféctanlle, por exemplo, aos artigos relativos aos movementos de terra e explanacións; accesos; obras subterráneas; peches; parcelacións e segregacións; elementos, obras, actuacións e instalacións das administracións públicas; cruzamentos subterráneos; instalacións provisionais; e publicidade. Nos artigos relativos ás autorizacións de acceso, tamén se realizan varios cambios para coordinar a súa redacción coa da Orde do 23 de maio de 2019, pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo. Por último, no artigo relativo aos expedientes de reposición da legalidade viaria, realízanse unha serie de pequenas modificacións para mellorar a súa redacción.

O último dos títulos do Regulamento xeral de estradas de Galicia, o seu título V, refírese ao réxime sancionador, pero nel tan só se realizan as modificacións necesarias para adaptalo aos cambios introducidos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Por último, no anexo do Regulamento xeral de estradas de Galicia engádese unha única definición: a de cultivo agrícola.

Este decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Respecto dos principios de necesidade e eficacia, cabe indicar que as modificacións do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aprobou o Regulamento xeral de estradas de Galicia, se derivan, por unha parte, das sucesivas modificacións da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que aquel desenvolve e, por outra parte, da conveniencia de rectificar, simplificar e aclarar a interpretación dalgún dos seus conceptos. Os fins perseguidos quedan recollidos no articulado e trátase dun instrumento adecuado para garantir a consecución dos anteditos fins. En virtude do principio de proporcionalidade, a iniciativa contén a regulación imprescindible para desenvolver regulamentariamente os cambios lexislativos introducidos ao longo dos anos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, desenvolta polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, que agora se modifica, e para poder obter o resultado que debe acadarse. Co obxecto de garantir o principio de seguridade xurídica, este decreto é coherente co resto do ordenamento xurídico. Por outra banda, en aplicación do principio de eficiencia, o decreto non introduce novas cargas administrativas.

Este decreto dítase ao abeiro do disposto no artigo 148.1.5ª da Constitución española, que establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias en materia de estradas cando o seu itinerario se desenvolva integramente no territorio destas, do artigo 27.8 do Estatuto de autonomía para Galicia, que lle reserva á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma, e da disposición derradeira segunda da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que habilita o Consello da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento regulamentario.

Na elaboración desta norma cumpríronse as exixencias establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Foi sometida a consulta pública previa a proposta presentada e a información pública o anteproxecto do decreto, mediante a súa exposición no Portal de transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, e outorgóuselle trámite de audiencia a todas as consellerías da Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ás deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, á Federación Galega de Municipios e Provincias, ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e ao Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas de Galicia. Ademais, foron solicitados os informes preceptivos do Servizo Técnico Xurídico da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Consellería de Facenda e Administración Pública, da Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública. Finalmente, tamén se solicitou o informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, oído o Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día once de maio de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado por Decreto 66/2016, do 26 de maio

O Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, queda modificado nos seguintes termos:

Un. O número 2 do artigo 11 queda redactado como segue:

«2. Nos casos en que exista gabia de garda de desmonte ou ao pé de noiro, a aresta exterior da explanación será a liña exterior de delimitación da dita gabia.

Onde o terreo natural se sitúe ao mesmo nivel que a estrada ou que o elemento funcional, a aresta exterior da explanación será a liña exterior de delimitación da gabia. Cando non exista gabia, a aresta exterior da explanación situarase a un metro (1 m) do bordo da plataforma. A desaparición accidental da gabia por erosións ou colmatacións non cuestiona a súa preexistencia.

Nas obras de fábrica, a aresta exterior da explanación estará definida pola intersección dos paramentos exteriores ou das súas cimentacións co terreo natural.

Naqueles treitos de estrada nos que existan túneles, pontes, viadutos, estruturas ou obras similares, a aresta exterior da explanación será a máis exterior que resulte de comparar a intersección co terreo natural dos noiros xerados polas súas bocas ou estribos e a proxección ortogonal sobre o terreo da liña exterior de delimitación das obras».

Dous. A letra c) do número 2 do artigo 12 queda redactada como segue:

«c) Os treitos antigos de estradas xerados como resultado da execución dunha variante de trazado da estrada orixinal e que dispoñan de calzada e conexión coa rede viaria (artigo 6.2.c) LEG)».

Tres. O número 1 do artigo 14 queda redactado como segue:

«1. Para os efectos da lexislación de estradas de Galicia e deste regulamento, considérase travesía o treito dunha estrada que discorre a través dun núcleo de poboación, nos termos establecidos neste artigo (artigo 8.1 LEG)».

Catro. O número 2 do artigo 14 queda redactado como segue:

«2. Considerarase que o treito de estrada que discorre a través dun núcleo de poboación ten a condición de travesía cando, segundo o correspondente instrumento de planeamento urbanístico, se produza unha das situacións seguintes:

  1. a) Que o solo de ambas as dúas marxes da estrada estea clasificado como urbano consolidado.
  2. b) Que se atope situado entre dous treitos de travesía, segundo o criterio establecido na letra anterior, e se cumpra unha das condicións seguintes:

1º. Que o solo dunha das marxes da estrada estea clasificado como urbano non consolidado e/ou de núcleo rural, cando o solo da outra marxe da estrada estea clasificado como urbano consolidado.

2º. Que o solo de ambas as dúas marxes da estrada estea clasificado como urbano non consolidado e/ou de núcleo rural, cando a lonxitude deste treito sexa igual ou inferior a douscentos metros (200 m)».

Cinco. A letra b) do número 3 do artigo 14 queda redactada como segue:

«b) Que non resulten necesarias para manter a continuidade e a coherencia das redes de estradas.

(artigo 8.2 LEG)

Para estes efectos, considerarase que se mantén a continuidade e a coherencia das redes de estradas cando se cumpra cando menos unha das seguintes condicións:

1º. Que se trate dun treito inicial ou terminal dunha estrada que non conecte con outro treito de calquera outra estrada de titularidade da administración titular da travesía ou doutras administracións de maior ámbito territorial.

2º. Que se trate dunha estrada que só conecte nun punto con outra estrada ou estradas de titularidade da administración titular da travesía ou doutras administracións de maior ámbito territorial.

3º. Que se trate dunha estrada que non conecte en ningún punto con ningunha outra estrada ou estradas de titularidade da administración titular da travesía ou doutras administracións de maior ámbito territorial.

4º. Que exista unha alternativa viaria que proporcione un mellor nivel de servizo e supoña unha redución dos tempos de viaxe».

Seis. O número 4 do artigo 14 queda redactado como segue:

«4. As travesías de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galicia que adquiran a condición de vías urbanas entregaranse ao concello polo que estas discorran, seguindo os procedementos de cambios de titularidade previstos na lexislación de estradas de Galicia (artigo 8.3 LEG) e neste regulamento.

Unha vez entregada, a titularidade da vía será da administración que a reciba, e procederá a actualizar os catálogos de estradas e os inventarios de travesías das administracións transmitinte e receptora».

Sete. Engádese un número 3 ao artigo 17, coa seguinte redacción:

«3. Os treitos de estradas que sexan repostos como consecuencia da execución doutras obras ou actuacións, conservarán a súa titularidade previa, independentemente de que a súa reposición fose executada por outra administración ou entidade pública ou privada».

Oito. O número 7 do artigo 18 queda redactado como segue:

«7. No caso de que, no prazo de tres (3) meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución ou decreto polo que se aproben os cambios de titularidade, non se teña asinado a correspondente acta de entrega por parte das administracións transmitinte e receptora, bastará con que a primeira a asine unilateralmente, facendo constar o ofrecemento formal, para entender formalizada a cesión e para os efectos derivados dela».

Nove. O número 8 do artigo 18 queda redactado como segue:

«8. Para os efectos do seu coñecemento por terceiras persoas, publicarase unha referencia das actas de entrega formalizadas, que inclúa os datos principais que permitan identificar as estradas ou os treitos de estradas que fosen obxecto do cambio de titularidade, como mínimo, a denominación da estrada e do treito, os seus puntos quilométricos inicial e final e a identificación das administracións transmitinte e receptora.

No caso de que a administración autonómica actúe como transmitinte ou receptora, a publicación realizarase, por parte desta, no Diario Oficial de Galicia. No resto dos casos, a publicación realizarase, por parte da administración provincial, no Boletín Oficial da provincia correspondente».

Dez. O número 11 do artigo 18 queda redactado como segue:

«11. Os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo, cando menos, equivalente».

Once. O número 1 do artigo 19 queda redactado como segue:

«1. Os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar, inventariar, clasificar e, se for o caso, establecer categorías funcionalmente nas estradas das redes de cada administración titular (artigo 10.1 LEG)».

Doce. O número 2 do artigo 19 queda redactado como segue:

«2. Os catálogos de estradas conterán a clasificación técnica das estradas, a súa identificación e denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que a constitúen e a súa respectiva lonxitude, así como a súa representación gráfica e, se for o caso, por non estar establecida previamente no Plan director de estradas de Galicia, a categoría funcional á que pertencen, que deberá xustificarse nos catálogos de estradas, segundo os criterios establecidos neste regulamento».

Trece. Engádese un artigo 20.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 20.bis. Tramitación dos catálogos de estradas

  1. Os catálogos de estradas serán elaborados pola correspondente administración titular.
  2. Cando os catálogos de estradas establezan categorías funcionalmente nas estradas, incorporarán, cando menos, os documentos que xustifiquen a categoría funcional que se lle propón asignar a cada estrada ou tramo de estrada.
  3. Unha vez elaborados, os catálogos de estradas serán aprobados provisionalmente pola correspondente administración titular.
  4. Posteriormente, os catálogos de estradas aprobados provisionalmente someteranse a un trámite de información pública, que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da administración titular nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e no sitio web oficial da administración titular.

O catálogo de estradas estará á disposición da cidadanía na sede dos seus órganos centrais e na páxina web oficial da administración titular e nas sedes dos seus órganos territoriais. As alegacións presentadas neste procedemento deberán tratar sobre a identificación das estradas incluídas no catálogo, sobre os datos que as definen e sobre a xustificación da clasificación técnica e da categorización funcional das estradas na forma proposta no catálogo de estradas.

  1. Simultaneamente, o catálogo de estradas tamén se someterá ao informe das administracións territoriais afectadas para que, no prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da administración titular nun máximo de quince (15) días hábiles máis, examinen a categorización funcional proposta no catálogo de estradas e emitan informe ao respecto, no ámbito das súas competencias. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade coa categorización funcional proposta.
  2. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, a administración titular dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante será posto á disposición das persoas interesadas e notificado ás administracións ás que se lle tivese solicitado informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.
  3. A continuación, a administración titular remitirá copia do expediente á consellería competente en materia de estradas para que emita informe vinculante, que deberá tratar sobre os preceptos contidos na lexislación de estradas de Galicia e sobre a harmonización da categorización funcional proposta para cada estrada coa categoría dos núcleos de poboación e centros de actividade aos que serve, e a súa funcionalidade en relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte.
  4. Poderanse omitir os trámites de aprobación provisional, información pública, informe das administracións afectadas e informe vinculante da consellería competente en materia de estradas previstos neste artigo no caso de expedientes de aprobación de catálogos de estradas que non establezan ou modifiquen a categoría funcional das estradas incluídas neles.
  5. As modificacións dos catálogos de estradas que teñan por obxecto o cambio de categoría funcional dunha ou varias estradas, ou treitos delas, ou a incorporación de novas estradas establecendo a súa categoría funcional, deberán someterse, de maneira previa á súa aprobación, aos mesmos trámites de información pública, informe das administracións afectadas e informe vinculante da consellería competente en materia de estradas previstos neste artigo para os catálogos de estradas que inclúan a categorización funcional das estradas».

Catorce. Engádese un número 7 ao artigo 21, coa seguinte redacción:

«7. Os decretos ou resolucións polos que se aproben os catálogos de estradas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e notificaránselle ás administracións ás que se lle tivese solicitado informe, ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións e, no caso dos catálogos de estradas das entidades locais, á consellería competente en materia de estradas».

Quince. Engádese unha letra e) ao artigo 22, coa seguinte redacción:

«e) O cambio de categoría funcional de estradas, cando non se tramitase un expediente ao respecto, ben sexa o da aprobación do Plan director de estradas de Galicia ou o da aprobación de estudos informativos ou, se é o caso, anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, que establezan ou modifiquen a categoría funcional de estradas planificadas, proxectadas ou existentes, ou de treitos delas».

Dezaseis. A letra c) do artigo 23 queda redactada como segue:

«c) A variación dos datos que identifican as estradas ou travesías contidas neles».

Dezasete. A letra d) do artigo 23 queda redactada como segue:

«d) O cambio de categoría funcional dunha estrada, cando se tramitase un expediente ao respecto, ben sexa o da aprobación do Plan director de estradas de Galicia ou o da aprobación de estudos informativos ou, se é o caso, anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, que establezan ou modifiquen a categoría funcional de estradas planificadas, proxectadas ou existentes, ou de treitos delas».

Dezaoito. O número 2 do artigo 26 queda redactado como segue:

«2. O Plan director de estradas de Galicia, logo de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, ten a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio (artigo 12.2 LEG)».

Dezanove. O número 3 do artigo 26 queda redactado como segue:

«3. As determinacións do Plan director de estradas de Galicia terán a eficacia que sexa congruente coa súa finalidade, e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance co que deberán operar.

A ese respecto, o Plan director de estradas de Galicia poderá conter:

  1. a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o Plan director de estradas de Galicia precisará os aspectos concretos nos que prevalecerá sobre aqueles.
  2. b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do Plan director de estradas de Galicia, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso de que o propio Plan director de estradas de Galicia precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás ditas determinacións.
  3. c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no Plan director de estradas de Galicia exixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de plan sectorial, estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos.

(artigo 12.3 LEG)».

Vinte. O artigo 27 queda redactado como segue:

«Artigo 27. Documentación e contido

O Plan director de estradas de Galicia estará integrado polos seguintes documentos, que se elaborarán atendendo as determinacións que se indican en cada caso:

  1. a) Memoria, que incluirá:

1º. Definición do seu ámbito territorial e descrición das súas características.

2º. Identificación do seu obxecto e xustificación da súa necesidade e da coherencia e oportunidade para a súa formulación.

3º. Descrición, análise e diagnóstico da situación da rede de estradas e dos seus elementos funcionais en relación co seu estado funcional e de conservación, a seguridade viaria, a mobilidade sostible, a calidade de servizo, o sistema xeral de transportes, o modelo e a problemática territorial, o medio natural, a dinamización dos investimentos empresariais, a fixación da poboación rural e as principais variables socioeconómicas.

4º. Avaliación do cumprimento do Plan director anterior, se é o caso, e do impacto das actuacións producidas no pasado e previstas para o futuro en relación ás estradas de Galicia.

5º. Descrición das alternativas analizadas, se é o caso, e xustificación de idoneidade da planificación proposta.

6º. Fixación dos principios e dos obxectivos estratéxicos e operativos para o seu posterior desenvolvemento e, se é o caso, definición de estándares e normas de distribución territorial.

7º. Definición dos criterios e características técnicas xerais aplicables ao deseño e construción dos elementos que compoñen o sistema viario, así como á súa conservación e á do seu patrimonio histórico.

8º. Adscrición dos treitos da rede existentes e previstos ás distintas clases e categorías funcionais de estradas, tendo en conta o previsto, se é o caso, nos catálogos de estradas aprobados e proxectos de estradas que establezan a categoría funcional de estradas.

9º. Descrición e análise da incidencia sobre o territorio físico, así como das afeccións ambientais previstas, especialmente sobre os núcleos de poboación, os usos do solo, as infraestruturas e os equipamentos e servizos, coa previsión dos medios propostos para corrixilas ou minimizalas.

10º. Definición dos procedementos para o desenvolvemento e xestión do Plan director, que inclúa os criterios e directrices para a elaboración dos plans sectoriais de estradas e dos estudos e proxectos en materia de estradas que o desenvolvan.

11º. Medidas previstas para a protección do ambiente, do patrimonio cultural e da paisaxe, que inclúan a identificación das infraestruturas verdes precisas para mitigar, entre outros, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.

12º. Pautas e directrices para unha eficaz coordinación, colaboración e cooperación administrativa.

13º. Definición de criterios e procedementos para a avaliación e seguimento do cumprimento dos obxectivos e para a revisión, actualización e modificación do Plan director.

  1. b) Relación dos programas que forman o instrumento de planificación e das actuacións e medidas previstas en cada un deles, que inclúa unha descrición, coa especificación suficiente, das súas respectivas características.
  2. c) Documentación gráfica e planos, para representar a diagnose e a planificación proposta, á escala axeitada, que recollerá:

1º. Os estudos e planos de información, se é o caso.

2º. A delimitación do seu ámbito territorial.

3º. Os planos de clasificación e cualificación dos terreos afectados, obtidos dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes nas zonas afectadas, e, se é o caso, os correspondentes á nova clasificación e cualificación do solo.

4º. A representación de todas as actuacións previstas no Plan director, sobre a cartografía da súa localización, coa delimitación, se é o caso, do ámbito territorial no que se asentarán.

  1. d) Memoria económica e financeira, que incluirá a estimación do custo das actuacións previstas no Plan director, a identificación, determinación e programación dos recursos económicos, financeiros e organizativos necesarios para a súa execución, así como para garantir a conservación, explotación e defensa do dominio público viario, e o estudo da súa viabilidade económica e financeira.
  2. e) Programación temporal das actuacións, que incluirá a orde de prioridade o cronograma daquelas, e o ámbito temporal previsto para a vixencia do Plan director.
  3. f) A documentación necesaria para a avaliación ambiental, de acordo coa normativa vixente na materia.
  4. g) Estudo de avaliación de impacto de seguridade viaria.
  5. h) Medidas de articulación, se é o caso, entre o Plan director, as directrices de ordenación do territorio e cos demais instrumentos de ordenación urbanística e do territorio vixentes, así como, se é o caso, co resto dos sectores de actividade. En particular, incluirase:

1º. Unha análise da relación do contido do Plan director coa planificación urbanística vixente, que inclúa as determinacións relativas aos solos cuxa clasificación ou cualificación se recollerá no Plan director con prevalencia á contida nos instrumentos de ordenación urbanística, se é o caso, ou os criterios orientadores para a posterior clasificación ou cualificación do solo cando o Plan director se desenvolva a través de plans sectoriais de estradas ou de estudos e proxectos en materia de estradas.

Para tal efecto, o Plan director poderá establecer a clasificación e categorización do solo dos ditos ámbitos delimitados, cando sexa condición mesma para a súa efectividade. Neste caso, o Plan director deberá conter, respecto da clase ou categoría de solo que defina, as determinacións que en cada caso resulten exixibles conforme a lexislación urbanística.

Incluiranse, ademais, se é o caso, as determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística municipal que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do Plan director, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

2º. Unha xustificación do acomodo do Plan director aos instrumentos de ordenación do territorio vixentes. Neste sentido, incluirase a análise de compatibilidade estratéxica para garantir a coherencia da planificación proposta coas directrices de ordenación do territorio e cos demais instrumentos de ordenación do territorio vixentes, e a consideración da prevención e mitigación dos posibles efectos adversos que o Plan director puider xerar no ambiente.

3º. Os criterios de coordinación cos plans e programas que, en materia de estradas, teñan aprobado as distintas administracións que interveñen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, se é o caso, cos do resto dos sectores de actividade.

4º. A normativa do Plan director de estradas de Galicia.

  1. i) Síntese e conclusións do proceso de información pública e do de solicitude de informe das administracións territoriais afectadas, así como da análise dos informes sectoriais recibidos».

Vinte e un. O número 1 do artigo 28 queda redactado como segue:

«1. A elaboración do Plan director de estradas de Galicia iniciarase cunha antelación non inferior a dezaoito (18) meses con respecto do prazo de vencemento do plan vixente e a súa tramitación e aprobación axustarase ao seguinte procedemento, tanto para o caso dun novo Plan director como para o de modificación do existente:

  1. a) O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, acordará o inicio da tramitación do Plan director de estradas de Galicia. O acordo, que haberá de publicarse no Diario Oficial de Galicia, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e as súas finalidades.
  2. b) A consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas elaborará un documento previo, no que se expoñan os obxectivos e propostas básicas que deba desenvolver o Plan director de estradas de Galicia.
  3. c) O documento previo do novo Plan director será remitido ás entidades locais e demais administracións e entes públicos afectados que, dentro dos dous meses seguintes á súa recepción, deberán remitir os plans ou programas de actuación ou actividades que desenvolvan os instrumentos de ordenación xeral en materia de estradas, ao tempo que poderán efectuar as súas propostas de programación ou observación e, se é o caso, as alternativas que consideren convenientes.

Paralelamente, a consellería competente en materia de estradas remitiralle o documento previo do Plan director, xunto co resto de documentación necesaria, ao órgano ambiental, para a tramitación previa correspondente á súa avaliación ambiental, segundo o previsto na normativa de aplicación.

  1. d) Unha vez analizada a información recibida, completada a tramitación previa correspondente á avaliación ambiental do plan sectorial e, se é o caso, rectificado, modificado ou ampliado o documento correspondente á proposta do novo Plan director, a consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas acordará a súa aprobación inicial, que será anunciada no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia, nos boletíns oficiais das provincias correspondentes e no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, e someterao aos trámites de información pública e informe das entidades locais e outras administracións e entes públicos afectados desde o punto de vista da ordenación do territorio e das consellerías da Xunta de Galicia competentes en materia de facenda, ordenación do territorio, agricultura, economía e industria por un prazo de dous meses.

Para a tramitación do Plan director de estradas de Galicia, esta publicación substitúe a notificación individual a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

Paralelamente, solicitaranse os informes preceptivos e realizaranse as consultas previstas no procedemento de avaliación ambiental, segundo o exixido pola normativa sectorial.

  1. e) Unha vez rematado o trámite anterior, a consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas redactará, incorporando as modificacións que, se é o caso, procedesen como resultado dos trámites de información pública e informe das administracións, organismos e entes públicos afectados, o documento final do Plan director e procederá á súa aprobación provisional, logo de informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo de dous (2) meses.
  2. f) Despois da aprobación provisional, o Plan director será elevado pola consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas ao Consello da Xunta de Galicia, a quen lle corresponde a súa aprobación definitiva en forma de decreto.
  3. g) Logo de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, o Plan director remitirase ao Parlamento de Galicia, para o seu exame, e publicarase no Boletín Oficial del Estadoe no Diario Oficial de Galiciao seu decreto de aprobación e a súa normativa».

Vinte e dous. O artigo 29 queda redactado como segue:

«Artigo 29. Concepto, natureza e eficacia

  1. Os plans sectoriais de estradas son os instrumentos técnicos e xurídicos de desenvolvemento do Plan director de estradas de Galicia nun determinado ámbito territorial inferior ao da totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou en relación á rede de estradas de titularidade dunha determinada administración (artigo 13.1 LEG).

Os plans sectoriais de estradas poderán referirse ao conxunto ou a unha parte da rede de estradas da administración que os promova.

  1. Os plans sectoriais de estradas terán a consideración de plan sectorial, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio (artigo 13.2 LEG).
  2. Os plans sectoriais de estradas prevalecerán sobre a ordenación urbanística nos aspectos relativos ao sistema viario e de comunicacións. Para estes efectos, poderán conter:
  3. a) Determinacións de aplicación directa, que prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación urbanística. Neses casos, o Plan sectorial de estradas precisará os aspectos concretos nos que prevalecerá sobre aqueles.
  4. b) Determinacións vinculantes, que implicarán a necesidade de modificar os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, os anteditos instrumentos de ordenación urbanística vixentes deberán adaptarse a esas determinacións no prazo dun ano desde a data da aprobación do Plan sectorial de estradas, ou con ocasión da súa primeira modificación ou revisión, no caso de que sexa anterior, agás no caso de que o propio Plan sectorial de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación ás ditas determinacións.
  5. c) Determinacións pendentes de desenvolvemento, que non modificarán directamente os instrumentos de ordenación urbanística vixentes. Neses casos, cando as obras ou actuacións previstas no Plan sectorial de estradas esixan unha modificación das determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes, procederase, unha vez definida a obra ou actuación de que se trate a nivel de estudo ou proxecto aprobado definitivamente, á adaptación dos devanditos instrumentos de ordenación urbanística, segundo as determinacións que se establezan neses documentos (artigo 13.3 LEG)».

Vinte e tres. O artigo 30 queda redactado como segue:

«Artigo 30. Documentación e contido

Os plans sectoriais de estradas estarán integrados polos seguintes documentos, que se elaborarán atendendo ás determinacións que se indican en cada caso:

  1. a) Memoria, que incluirá:

1º. Definición e xustificación do seu ámbito territorial de incidencia do Plan sectorial de estradas e descrición das súas características, coa indicación dos municipios aos que afecte, no caso de non se referir á totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Identificación do seu obxecto e, en concreto, da administración ou administracións titulares da rede ou redes de estradas que o conforman, e xustificación da súa necesidade e da coherencia e oportunidade para a súa formulación.

3º. Descrición, e análise e diagnóstico da situación da rede de estradas e dos seus elementos funcionais en relación co seu estado funcional e de conservación, a seguridade viaria, a mobilidade sostible, a calidade de servizo, o sistema xeral de transportes, o modelo e a problemática territorial, o medio natural, a dinamización dos investimentos empresariais, a fixación da poboación rural e as principais variables socioeconómicas.

4º. Avaliación do cumprimento dos instrumentos de planificación sectorial de estradas anteriores, se é o caso, e do impacto das actuacións producidas no pasado e previstas para o futuro en relación ás estradas que conforman o seu obxecto.

5º. Descrición das alternativas analizadas, se é o caso, e xustificación de idoneidade da planificación proposta.

6º. Xustificación da súa harmonización co Plan director de estradas de Galicia e do interese público das actuacións planificadas.

7º. Fixación dos principios e dos obxectivos estratéxicos e operativos para o seu posterior desenvolvemento e, se é o caso, definición de estándares e normas de distribución territorial.

8º. Definición dos criterios e características técnicas xerais aplicables ao deseño e construción dos elementos que compoñen o sistema viario, que especifique os parámetros mínimos e desexables do seu trazado en planta e alzado e dos elementos que compoñan a súa sección tipo, así como á súa conservación e á do seu patrimonio histórico.

9º. Identificación dos treitos da rede existentes e previstos segundo as distintas clases e categorías funcionais de estradas, tendo en conta o previsto, se é o caso, no Plan director de estradas de Galicia, nos catálogos de estradas aprobados e nos estudos e proxectos de estradas que establezan a categoría funcional de estradas.

10º. Descrición e análise da incidencia sobre o territorio físico, así como das afeccións ambientais previstas, especialmente sobre os núcleos de poboación, os usos do solo, as infraestruturas e os equipamentos e servizos, coa previsión dos medios propostos para corrixilas ou minimizalas.

11º. Definición dos procedementos para o desenvolvemento e xestión do Plan sectorial de estradas, que inclúa os criterios e directrices para a elaboración dos estudos e proxectos en materia de estradas que o desenvolvan.

12º. Medidas previstas para a protección do ambiente, do patrimonio cultural e da paisaxe, que inclúan a identificación das infraestruturas verdes precisas para mitigar, entre outras, a alteración, a perda e a fragmentación de hábitats e a deterioración de procesos ecolóxicos e servizos ecosistémicos, así como o incremento dos riscos naturais.

13º. Pautas e directrices para unha eficaz coordinación, colaboración e cooperación administrativa.

14.º Definición de criterios e procedementos para a avaliación e seguimento do cumprimento dos obxectivos e para a revisión, actualización e modificación do Plan sectorial de estradas.

  1. b) Relación dos programas que forman o instrumento de planificación e das actuacións e medidas previstas en cada un deles, que inclúa unha descrición, coa especificación suficiente, das súas respectivas características e as directrices para a redacción dos estudos e proxectos nos que se desenvolvan.
  2. c) Documentación gráfica e planos, para representar a diagnose e a planificación proposta, a escala axeitada, que recollerá:

1º. Os estudos e planos de información, se é o caso.

2º. A delimitación do seu ámbito territorial.

3º. Os planos de clasificación e cualificación dos terreos afectados, obtidos dos instrumentos de ordenación urbanística vixentes nas zonas afectadas, e, se é o caso, os correspondentes á nova clasificación e cualificación do solo.

4º. A representación de todas as actuacións previstas no Plan sectorial de estradas sobre a cartografía da súa localización, coa delimitación, se é o caso, do ámbito territorial no que se asentarán.

  1. d) Memoria económica e financeira, que incluirá a estimación do custo das actuacións previstas no Plan sectorial de estradas, a identificación, determinación e programación dos recursos económicos, financeiros e organizativos necesarios para a súa execución das actuacións previstas, así como para garantir a conservación, explotación e defensa do dominio público viario, e o estudo da súa viabilidade económica e financeira.
  2. e) Programación temporal das actuacións, que incluirá a orde de prioridade o cronograma de aquelas, e o ámbito temporal previsto para a vixencia do Plan sectorial de estradas.
  3. f) A documentación necesaria para a avaliación ambiental, de acordo coa normativa vixente na materia.
  4. g) Estudo de avaliación de impacto de seguridade viaria.
  5. h) Medidas de articulación, se é o caso, entre o Plan sectorial de estradas, o Plan director de estradas de Galicia, as directrices de ordenación do territorio e cos demais instrumentos de ordenación urbanística e do territorio vixentes, así como, se é o caso, co resto dos sectores de actividade. En particular, incluirase:

1º. Unha análise da relación do contido do Plan sectorial de estradas coa planificación urbanística vixente, que inclúa as determinacións relativas aos solos cuxa clasificación ou cualificación se recollerá no Plan sectorial de estradas con prevalencia á contida nos instrumentos de ordenación urbanística, se é o caso, ou os criterios orientadores para a posterior clasificación ou cualificación do solo cando o Plan sectorial de estradas se desenvolva a través de estudos e proxectos en materia de estradas.

Para tal efecto, o Plan sectorial de estradas poderá establecer a clasificación e categorización do solo dos ditos ámbitos delimitados, cando sexa condición mesma para a súa efectividade. Neste caso, o Plan sectorial de estradas deberá conter, respecto da clase ou categoría de solo que defina, as determinacións que en cada caso resulten exixibles conforme a lexislación urbanística.

Incluiranse, ademais, se é o caso, as determinacións dos instrumentos de ordenación urbanística municipal que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do Plan sectorial de estradas, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación.

2º. Unha xustificación do acomodo do Plan sectorial de estradas aos instrumentos de ordenación do territorio vixentes. Neste sentido, incluirase a análise de compatibilidade estratéxica para garantir a coherencia da planificación proposta coas directrices de ordenación do territorio e cos demais instrumentos de ordenación do territorio vixentes, e a consideración da prevención e mitigación dos posibles efectos adversos que o Plan sectorial de estradas puidese xerar no ambiente.

3º. Os criterios de coordinación co Plan director de estradas de Galicia e co resto de plans e programas que, en materia de estradas, teñan aprobado as distintas administracións que interveñen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, se é o caso, cos do resto dos sectores de actividade.

4º. A normativa do Plan sectorial de estradas.

  1. i) Síntese e conclusións do proceso de información pública e do de solicitude de informe das administracións territoriais afectadas, así como da análise dos informes sectoriais recibidos».

Vinte e catro. O número 1 do artigo 31 queda redactado como segue:

«1. A elaboración de cada Plan sectorial de estradas iniciarase segundo o previsto no Plan director de estradas de Galicia e a elaboración dos sucesivos deberá iniciarse cunha antelación non inferior a doce (12) meses con respecto do prazo de vencemento do plan vixente.

A súa tramitación e aprobación axustarase ao seguinte procedemento, tanto para o caso dun novo plan sectorial como para o de modificación do existente:

  1. a) A administración titular da rede, ou a consellería competente en materia de estradas, cando o plan sectorial abranga estradas de titularidade de varias administracións, acordará a elaboración do novo plan sectorial ou a modificación do vixente e establecerá os obxectivos e directrices do seu contido.
  2. b) No caso de que o plan sectorial non sexa elaborado pola consellería competente en materia de estradas, unha vez elaborado o documento previo do plan sectorial, a administración titular da rede remitirallo a aquela.
  3. c) A consellería competente en materia de estradas remitiralle o documento previo do plan sectorial, xunto co resto de documentación necesaria, ao órgano ambiental, para a tramitación previa correspondente á súa avaliación ambiental, segundo o previsto na normativa de aplicación.
  4. d) Unha vez completada a tramitación previa correspondente á avaliación ambiental do plan sectorial, a administración titular da rede someterá a versión inicial do plan sectorial a información pública desde o punto de vista de estradas e da ordenación do territorio, anunciándoo no Diario Oficial de Galicia, nos boletíns oficiais das provincias correspondentes e no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, por un prazo de dous meses, durante o cal se porá á disposición do público e será solicitado informe ás entidades locais e demais administracións públicas afectadas polo plan, así como ás consellerías da Xunta de Galicia competentes en materia de ordenación do territorio, agricultura, economía e industria e, no caso dos plans sectoriais de estradas das entidades locais, de estradas. No caso dos plans sectoriais de estradas da administración autonómica, tamén lle será solicitado informe á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de facenda.

Para a tramitación dos plans sectoriais de estradas, esta publicación substitúe a notificación individual a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

Paralelamente, solicitaranse os informes preceptivos e realizaranse as consultas previstas no procedemento de avaliación ambiental, segundo o exixido pola normativa sectorial.

  1. e) A administración titular da rede, ou a consellería competente en materia de estradas, cando o plan sectorial abranga estradas de titularidade de varias administracións, redactará, incorporando as modificacións que, se é o caso, procedesen como resultado dos trámites de información pública, informe das administracións afectadas e de avaliación ambiental, o documento final do plan sectorial e, se é o caso, remitirallo á consellería competente en materia de estradas, á que lle corresponde a súa aprobación provisional, logo de informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo de dous (2) meses.
  2. f) O plan sectorial será elevado pola consellería da Xunta de Galicia competente en materia de estradas ao Consello da Xunta de Galicia, a quen lle corresponde a súa aprobación definitiva en forma de decreto.
  3. g) Logo de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galiciao decreto de aprobación e a normativa do Plan sectorial de estradas».

Vinte e cinco. Suprímese o número 3 do artigo 31, que queda sen contido.

Vinte e seis. O número 1 do artigo 32 queda redactado como segue:

«1. As estradas categorízanse funcionalmente en tres redes:

  1. a) Rede estruturante.
  2. b) Rede complementaria.
  3. c) Rede local».

Vinte e sete. Engádese un número 4 ao artigo 32, coa seguinte redacción:

«4. A categorización funcional das estradas de Galicia poderá ser establecida por:

  1. a) O Plan director de estradas de Galicia.
  2. b) O catálogo de estradas de cada administración titular.
  3. c) Os estudos informativos ou, se é o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, e que fosen sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administración afectadas, en relación ás novas estradas ou novos treitos de estradas existentes que se planifiquen ou proxecten a través deles, así como, se é o caso, ás estradas existentes, ou treitos delas, nas que fose necesario modificar a súa categoría funcional como consecuencia da actuación planificada ou proxectada».

Vinte e oito. Engádese un número 5 ao artigo 32, coa seguinte redacción:

«5. O Plan director de estradas de Galicia poderá modificar a categorización funcional de calquera estrada, ou treito de estrada, independentemente da súa titularidade, establecida ao abeiro do resto de instrumentos habilitados para establecer a antedita categorización funcional.

Nese sentido, a aprobación do Plan director de estradas de Galicia terá a consideración de actualización dos catálogos de estradas das administracións titulares afectadas».

Vinte e nove. Engádese un número 6 ao artigo 32, coa seguinte redacción:

«6. A aprobación dos estudos informativos ou, se é o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, que establezan categorías funcionalmente nas estradas, ou treitos delas, cando fosen sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administración afectadas, terá a consideración de actualización dos catálogos de estradas das administracións titulares afectadas, unha vez executadas e postas en servizo as actuacións planificadas ou proxectadas».

Trinta. A letra d) do número 3 do artigo 39 queda redactada como segue:

«d) Documento acreditativo da adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, indicación das determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, así como o prazo para realizar a correspondente adecuación. Incluirase e xustificarase a categorización funcional das estradas ou, se é o caso, treitos delas, planificadas ou afectadas pola actuación. Representaranse graficamente as zonas de protección da estrada e a liña límite de edificación».

Trinta e un. O ordinal 4º da letra a) do número 3 do artigo 40 queda redactado como segue:

«4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo aprobado definitivamente, ou, en caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo. Cando o anteproxecto asuma a función dun estudo informativo e categorice funcionalmente as estradas ou, se é o caso, treitos delas, proxectadas ou afectadas pola actuación, incluirase a xustificación correspondente e a proposta de categorización funcional. Representaranse graficamente as zonas de protección da estrada e a liña límite de edificación».

Trinta e dous. O ordinal 4º da letra a) do número 3 do artigo 41 queda redactado como segue:

«4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo ou anteproxecto aprobado definitivamente, ou, en caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento municipal que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo ou anteproxecto. Cando o proxecto de trazado asuma a función dun estudo informativo e estableza categorías funcionalmente nas estradas ou, se é o caso, treitos delas, proxectadas ou afectadas pola actuación, incluirase a xustificación correspondente e a proposta de categorización funcional. Representaranse graficamente as zonas de protección da estrada e a liña límite de edificación».

Trinta e tres. O ordinal 4º da letra a) do número 3 do artigo 42 queda redactado como segue:

«4º. Xustificación expresa da coherencia coa opción ou solución seleccionada, cando a obra proxectada desenvolva un estudo informativo, anteproxecto ou proxecto de trazado aprobado definitivamente, ou, en caso contrario, xustificación e argumentación dos motivos aducidos para apartarse daqueles. Ademais, débese comprobar a adecuación da obra proxectada aos instrumentos de planeamento urbanístico ou, de non ser así, ás determinacións urbanísticas do planeamento local que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do antedito estudo informativo, anteproxecto ou proxecto de trazado. Cando o proxecto de construción asuma a función dun estudo informativo e categorice funcionalmente as estradas ou, se é o caso, treitos delas, proxectadas ou afectadas pola actuación, incluirase a xustificación correspondente e a proposta de categorización funcional. Representaranse graficamente as zonas de protección da estrada e a liña límite de edificación».

Trinta e catro. O artigo 47 queda redactado como segue:

«Artigo 47. Aprobación provisional

Logo de informe técnico sobre os obxectivos, contido do documento e procedemento, os estudos e proxectos que deban someterse aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas serán aprobados de forma provisional polo órgano competente da administración promotora da actuación (artigo 19 LEG)».

Trinta e cinco. Engádese un artigo 47.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 47.bis. Efectos da aprobación provisional dos proxectos

  1. A aprobación provisional dos proxectos implicará, tan só para os efectos da ocupación temporal dos terreos para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración do proxecto:
  2. a) A declaración de utilidade pública.
  3. b) A urxente necesidade de ocupación temporal dos ditos terreos.
  4. Para os efectos do previsto no número anterior, será imprescindible que o anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado provisionalmente inclúa, entre os documentos que o compoñen, a relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración do proxecto, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias, e que se tivesen realizado os trámites exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa.
  5. A aprobación provisional permitirá practicar, se é o caso, os trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas, así como cantos outros trámites sexan preceptivos ou convenientes para obter a aprobación definitiva».

Trinta e seis. Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 49, coa seguinte redacción:

«d) Actuacións que impliquen a modificación da categorización funcional de estradas, ou treitos delas, unha vez executadas e postas en servizo as actuacións planificadas ou proxectadas».

Trinta e sete. O número 2 do artigo 53 queda redactado como segue:

«2. Unha vez emitido o informe de resposta ás alegacións e informes presentados, o expediente completo seralle remitido ao servizo xurídico da administración promotora da actuación, para que emita informe relativo á súa tramitación.

O prazo para a emisión do informe será de dez (10) días».

Trinta e oito. Engádese un artigo 54.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 54.bis. Supervisión dos estudos e proxectos

A aprobación definitiva dos estudos e proxectos requirirá a emisión previa do preceptivo informe de supervisión, naqueles casos nos que así o exixa a lexislación de contratos do sector público.

No resto dos casos, a administración promotora da actuación poderá someter a supervisión, potestativamente, os estudos e proxectos que vaian ser aprobados definitivamente. En concreto, non será preceptivo o informe de supervisión dos documentos finais de obras».

Trinta e nove. O número 1 do artigo 55 queda redactado como segue:

«1. Os estudos e proxectos serán aprobados de xeito definitivo, cando non teñan que ser posteriormente sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, polo órgano competente da administración promotora da actuación».

Corenta. O número 5 do artigo 55 queda redactado como segue:

«5. A aprobación definitiva dos estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas corresponderalle ao órgano competente da administración promotora da actuación cando concorran as seguintes circunstancias:

  1. a) Que ningunha das administracións territoriais ás que se lles dese trámite de informe preceptivo en materia de estradas expresase de xeito motivado a súa falta de conformidade co trazado proposto.
  2. b) Que se trate de estudos informativos, ou de anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, que desenvolvan actuacións incluídas no Plan director de estradas de Galicia, no Plan sectorial de estradas da administración promotora ou no planeamento urbanístico municipal».

Corenta e un. O número 6 do artigo 55 queda redactado como segue:

«6. A resolución de aprobación definitiva dos estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas será publicado no Diario Oficial de Galicia pola administración que as emitise.

A resolución seralle notificada, pola administración promotora da actuación, ás administracións ás que se lle tivese dado trámite de informe e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións».

Corenta e dous. Engádese un artigo 55.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 55.bis. Efectos da aprobación definitiva dos estudos informativos

  1. A aprobación definitiva dos estudos informativos implicará, tan só para os efectos da ocupación temporal dos terreos para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración do proxecto:
  2. a) A declaración de utilidade pública.
  3. b) A urxente necesidade de ocupación temporal dos ditos terreos.
  4. Para os efectos do previsto no número anterior, o estudo informativo aprobado definitivamente deberá incluír, entre os documentos que o compoñen, a relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, bens, servidumes e demais dereitos reais que se considere necesario ocupar para a toma de datos e realización de prospeccións necesarias para a elaboración do proxecto, coa identificación das súas persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias, e que se tivesen realizado os trámites exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa».

Corenta e tres. A letra b) do número 1 do artigo 56 queda redactada como segue:

«b) A declaración da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto».

Corenta e catro. O artigo 58 queda redactado como segue:

«Artigo 58. Coordinación coa ordenación do territorio

  1. A planificación en materia de estradas, e os estudos e proxectos que a desenvolvan, deberán coordinarse coas determinacións vinculantes das directrices de ordenación do territorio, e coas do resto de instrumentos de ordenación territorial que lles afecten, no que se refiran á formulación e execución da política sectorial de estradas.
  2. A realización, dentro do obxecto e ámbito delimitado polo Plan director de estradas de Galicia ou polos plans sectoriais de estradas, de actuacións derivadas de estudos ou proxectos en materia de estradas que non veñan previstas naqueles non requirirá da previa modificación dos anteditos plans, cando a aprobación deses estudos ou proxectos sexa realizada polo Consello da Xunta de Galicia (artigo 23.bis LEG)».

Corenta e cinco. O artigo 59 queda redactado como segue:

«Artigo 59. Eficacia dos estudos e proxectos de estradas

  1. Os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos de interese autonómico, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, sen que sexa precisa unha declaración previa de interese autonómico por parte do Consello da Xunta de Galicia (artigo 23.1 LEG).
  2. As determinacións contidas nos estudos e proxectos de estradas que teñan a consideración de proxectos de interese autonómico terán forza vinculante para as administracións públicas e para as persoas particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

As entidades locais nas que se asenten as infraestruturas obxecto do estudo ou proxecto de estradas deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido naquel, para o que se establecerán nel as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano desde esa data e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión, agás no caso de que o propio estudo ou proxecto de estradas precise un momento ou uns prazos diferentes para levar a cabo a adaptación das ditas determinacións (artigo 23.1 LEG)».

Corenta e seis. Engádese unha letra f) ao número 2 do artigo 60, coa seguinte redacción:

«f) Os instrumentos de planeamento urbanístico priorizarán a compactación dos núcleos de poboación existentes fronte á súa expansión sobre terreos en estado natural, e evitarán os crecementos ao longo das vías de comunicación».

Corenta e sete. O artigo 62 queda redactado como segue:

«Artigo 62. Recoñecemento de treitos urbanos

  1. A delimitación dos treitos urbanos por parte da administración titular da estrada poderá recoñecerse mediante a aprobación do instrumento de planeamento urbanístico que conte co seu previo informe preceptivo favorable nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou a actuacións previstas nos plans de estradas vixentes.

O recoñecemento da delimitación dos treitos urbanos só terá efectos no momento no que o instrumento de planeamento sometido a informe entre en vigor.

Para que se produza o recoñecemento da delimitación dos treitos urbanos, o antedito informe deberá incluír un pronunciamento expreso e concreto ao respecto. En caso de ausencia do antedito pronunciamento expreso e concreto, entenderase que non se está a recoñecer delimitación de ningún treito urbano.

  1. A delimitación dos treitos urbanos por parte da administración titular da estrada poderá recoñecerse tamén a través dun expediente de delimitación específico ao respecto.
  2. A delimitación dos treitos urbanos que discorren por solo clasificado polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico como urbano non requirirá o seu recoñecemento previo por parte da administración titular da estrada».

Corenta e oito. O artigo 63 queda redactado como segue:

«Artigo 63. Delimitación de treitos urbanos

  1. Os expedientes de delimitación de treitos urbanos incoaranse, cando sexa preciso, por parte da administración titular da estrada, de oficio ou por instancia dalgún dos concellos polos que esta discorra.

No caso de que sexa incoado por instancia dun ou varios concellos, o ámbito do expediente restrinxirase aos treitos de estradas que discorran polos seus respectivos termos municipais.

  1. Os estudos de delimitación de treitos urbanos terán en conta o previsto no correspondente instrumento de planeamento urbanístico e deberán xustificarse en todos os seus extremos. Incluirán, ademais, os planos nos que se delimite a estrada, ou o treito dela, á que se refire a proposta, a identificación dos treitos que se propón recoñecer como treitos urbanos, a situación actual da zona de afección e da liña límite de edificación e a ordenación urbanística da zona, e incluírase a definición da aliñación de edificación.
  2. O estudo de delimitación será elaborado polo órgano da administración titular que teña encomendada a dirección ou inspección da explotación da estrada ou polos concellos polos que esta discorra, segundo o expediente se iniciase de oficio ou por instancia de parte, respectivamente.
  3. Unha vez elaborado, o estudo de delimitación será aprobado provisionalmente pola administración titular da estrada e, posteriormente, someterase ao trámite de información pública, que se levará a cabo durante un prazo mínimo de trinta (30) días hábiles, ampliable ao seu xuízo nun máximo de quince (15) días hábiles máis, mediante un anuncio que se publicará nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados, e no sitio web oficial da administración titular.

O anuncio tamén se publicará no Diario Oficial de Galicia, no caso de que a administración titular da estrada sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, e no Boletín Oficial da provincia correspondente, no resto dos casos.

A documentación que forma o expediente estará á disposición da cidadanía na sede dos seus órganos centrais e na páxina web oficial da administración titular, na sede do órgano territorial desta última que abranga o ámbito da actuación, se é o caso, e nos concellos afectados. As alegacións presentadas neste procedemento deberán versar sobre a xustificación da delimitación do treito urbano proposta no expediente.

  1. Simultaneamente, cando o expediente se iniciase de oficio, tamén se someterá ao informe dos concellos afectados para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, ampliable a xuízo da administración titular da estrada nun máximo de quince (15) días hábiles máis, examinen a delimitación de treitos urbanos proposta no expediente e informen ao respecto, no ámbito das súas competencias. Transcorrido ese prazo sen que os concellos consultados emitisen o citado informe, entenderase que amosan a súa conformidade coa delimitación proposta.
  2. Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe dos concellos afectados e recibidas as alegacións e informes presentados, a administración titular da estrada, ou treito dela, dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante será posto á disposición das persoas interesadas e notificado aos concellos afectados e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións.
  3. A continuación, a administración titular da estrada remitirá copia do expediente de delimitación de treitos urbanos á consellería competente en materia de estradas para que emita informe sobre el, que deberá tratar sobre os preceptos contidos na lexislación de estradas de Galicia, neste regulamento e sobre a harmonización da delimitación proposta co correspondente instrumento de planeamento urbanístico.
  4. Recibido o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á administración titular da estrada correspóndelle adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desestimación, total ou parcial, da proposta de delimitación de treitos urbanos.
  5. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, no caso de que a administración titular da estrada sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, e no Boletín Oficialda provincia correspondente, no resto dos casos, e notificaráselle á consellería competente en materia de estradas, aos concellos afectados e ás persoas particulares que tivesen presentado alegacións».

Corenta e nove. O número 1 do artigo 71 queda redactado como segue:

«1. As obras de estradas promovidas pola administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, incluídas todas as actuacións necesarias para a súa execución, así como as realizadas nas zonas onde se sitúen os seus elementos funcionais, no resto da zona de dominio público ou na zona de servidume, constitúen actuacións de interese xeral e, polo tanto, non están sometidas a licenza ou a calquera outro acto de control preventivo municipal previsto na lexislación reguladora das bases do réxime local.

Para os efectos do previsto neste artigo, enténdense como necesarias para a execución das obras as actuacións derivadas da necesidade de repoñer os servizos afectados, independentemente da súa titularidade.

A execución das devanditas obras, sempre que se realice de acordo cos proxectos aprobados, unicamente poderá ser suspendida pola propia administración promotora ou pola autoridade xudicial (artigo 27 LEG).

En consecuencia, non procederá a suspensión, por parte dos órganos urbanísticos competentes, das obras de estradas promovidas pola administración autonómica ou polas entidades locais de Galicia, cando se realicen en execución de proxectos aprobados definitivamente segundo a lexislación de estradas de Galicia e o presente regulamento, nin daqueloutras que poida acordar a administración titular das estradas por razóns de emerxencia».

Cincuenta. O número 4 do artigo 91 queda redactado como segue:

«4. No informe estableceranse os requisitos necesarios para garantir o cumprimento de todos os condicionantes expresados neste artigo e, en caso de que se emita en sentido favorable, poderá exixirse a constitución dunha garantía para responder dos danos e perdas que se poidan ocasionar ao dominio público viario».

Cincuenta e un. O número 9 do artigo 93 queda redactado como segue:

«9. As áreas de servizo situadas en autoestradas terán acceso directo a elas, e, nese caso, comunicaranse co exterior unicamente a través delas e estarán valadas en todo o seu perímetro exterior».

Cincuenta e dous. O número 2 do artigo 94 queda redactado como segue:

«2. As áreas de descanso situadas en autoestradas comunicaranse co exterior unicamente a través delas e, nese caso, estarán valadas en todo o seu perímetro exterior».

Cincuenta e tres. O artigo 101 queda redactado como segue:

«Artigo 101. Delimitación da zona de afección

  1. A zona de afección está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, delimitadas interiormente polas liñas exteriores da zona de servidume e exteriormente por dúas liñas paralelas a elas e medidas horizontal e ortogonalmente desde as liñas exteriores da zona de dominio público, a unha distancia de:
  2. a) Cen metros (100 m) no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.
  3. b) Trinta metros (30 m) no caso de estradas convencionais e elementos funcionais.

(artigo 40 LEG)

  1. Aplicarase a distancia prevista para autoestradas, autovías e vías para automóbiles sempre que a liña exterior da zona de dominio público se atope a unha distancia da aresta exterior da explanación daquelas inferior a quince metros (15 m), aínda que existan estradas convencionais ou elementos funcionais paralelos ou adxacentes a aquelas.
  2. Cando, pola presenza de estradas convencionais ou elementos funcionais paralelos ou adxacentes a autoestradas, autovías ou vías para automóbiles, a liña exterior da zona de dominio público se atope a unha distancia da aresta exterior da explanación daquelas superior a quince metros (15 m), a delimitación da zona de afección virá fixada pola liña máis exterior que resulte da aplicación das seguintes distancias:
  3. a) Cento quince metros (115 m) desde a aresta exterior da explanación correspondente ás calzadas previstas das autoestradas, autovías ou vías para automóbiles, medida paralela, horizontal e ortogonalmente desde aquela.
  4. b) Trinta metros (30 m) desde o liña exterior da zona de dominio público, medida paralela, horizontal e ortogonalmente desde aquela.
  5. Os terreos comprendidos na zona de afección poderán pertencer a calquera persoa pública ou privada».

Cincuenta e catro. A letra b) do número 1 do artigo 102 queda redactada como segue:

«b) Quince metros (15 m) no caso de estradas convencionais categorizadas funcionalmente como pertencentes á rede estruturante e á rede complementaria, no caso de que a súa administración titular teña aprobado o catálogo de estradas da súa rede».

Cincuenta e cinco. Engádese unha letra c) ao número 1 do artigo 102, coa seguinte redacción:

«c) Quince metros (15 m) no caso de estradas convencionais nas que a súa administración titular non teña aprobado o catálogo de estradas da súa rede».

Cincuenta e seis. Engádese unha letra d) ao número 1 do artigo 102, coa seguinte redacción:

«d) Sete metros (7 m) no caso de estradas convencionais categorizadas funcionalmente como pertencentes á rede local, no caso de que a súa administración titular teña aprobado o catálogo de estradas da súa rede».

Cincuenta e sete. Engádese unha letra e) ao número 1 do artigo 102, coa seguinte redacción:

«e) Sete metros (7 m) no caso de elementos funcionais».

Cincuenta e oito. Suprímese a letra b) do número 2 do artigo 103, que queda sen contido.

Cincuenta e nove. O título do capítulo II do título IV queda redactado como segue:

«CAPÍTULO II

Usos autorizables ou suxeitos a declaración responsable»

Sesenta. A letra d) do número 1 do artigo 105 queda redactada como segue:

«d) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos cando sexan empregados de xeito compartido coa rede de iluminación pública, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.

Así mesmo, reposición de apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos afectados por obras na estrada, no caso de que estas obras sexan promovidas pola administración titular da estrada».

Sesenta e un. A letra g) do número 1 do artigo 105 queda redactada como segue:

«g) As instalacións provisionais, cun prazo fixado, asociadas a actividades de interese, de uso ou de acceso público ou para a realización de actividades relacionadas coa conservación ou construción de instalacións industriais ou de edificacións, así como as obras, instalacións e usos provisionais de interese particular en terreos afectados por anteproxectos, proxectos de trazado e proxectos de construción aprobados definitivamente e cuxas obras non se iniciasen.

(artigo 43.1 LEG)».

Sesenta e dous. A letra c) do número 2 do artigo 105 queda redactada como segue:

«c) Excepcionalmente, apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos, cando polas condicións orográficas do terreo resulte tecnicamente inviable retiralos a maior distancia ou sexan os apoios extremos do van de cruzamento aéreo sobre a plataforma, fóra dos seus treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión».

Sesenta e tres. Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 105, coa seguinte redacción:

«d) A instalación dun único apoio pertencente a unha rede ou infraestrutura aérea de servizos públicos para cada paso da rede aérea a canalización subterránea, e de subterránea a aérea.

(artigo 43.2 LEG)».

Sesenta e catro. A letra d) do número 1 do artigo 106 queda redactada como segue:

«d) Peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica».

Sesenta e cinco. Engádese un artigo 107.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 107.bis. Usos suxeitos a declaración responsable na zona de servidume e na zona de afección

  1. Son usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento das edificacións, instalacións e peches situados na zona de servidume ou na zona de afección da estrada (artigo 45.bis.1 LEG).
  2. Considéranse obras menores de conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches os seguintes traballos, sempre que sexan de escasa complexidade e entidade técnica ou económica e que non produzan cambio de uso nin incremento do volume edificado por encima ou por debaixo da rasante, nin lle afecten a estrutura ou a cimentación:
  3. a) O pintado e a impermeabilización de fachadas.
  4. b) O cambio de fiestras.
  5. c) A substitución de tellados.
  6. d) Calquera outra actuación de mera conservación e mantemento de edificacións, instalacións e peches.

(artigo 45.bis.2 LEG)

  1. Non serán usos suxeitos a declaración responsable as obras menores de conservación e mantemento que requiran a ocupación da zona de dominio público con algún elemento auxiliar, tales como estadas, guindastres ou calquera outros similares. Neses casos, será necesario obter a correspondente autorización (artigo 45.bis.3 LEG)».

Sesenta e seis. O título do capítulo IV do título IV queda redactado como segue:

«CAPÍTULO IV

Autorizacións e declaracións responsable»

Sesenta e sete. O número 1 do artigo 111 queda redactado como segue:

«1. A execución de obras e instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección está suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, agás que estea suxeita a declaración responsable ou sexa expresamente permitida pola lexislación de estradas de Galicia ou por este regulamento (artigo 47.1 LEG)».

Sesenta e oito. O artigo 112 queda redactado como segue:

«Artigo 112. Relación con outras licenzas, permisos ou autorizacións

  1. A autorización ou a declaración responsable á que se refire este capítulo é independente e enténdese sen prexuízo doutras licenzas ou autorizacións que sexan necesarias para a execución das obras, instalacións ou actividades das que se trate (artigo 47.4 LEG).
  2. Non se poderán outorgar licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico para a realización de obras e actividades na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, sen que previamente se tivese obtido a autorización, ou presentado a correspondente declaración responsable, nos casos nos que proceda, prevista neste capítulo.

As licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico que se outorguen deberán respectar o contido das autorizacións, ou das declaracións responsables, ás que se refire este capítulo, cuxas cláusulas vincularanas e, en todo caso, prevalecerán sobre aquelas.

  1. As actuacións non previstas nas autorizacións outorgadas deberán ser obxecto dun novo procedemento de autorización ou da súa modificación.

No caso das actuacións non previstas nas declaracións responsables presentadas, estas deberán ser obxecto dunha declaración responsable ou, se é o caso, dunha nova autorización, cando proceda».

Sesenta e nove. O artigo 113 queda redactado como segue:

«Artigo 113. Competencia

  1. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, así como para realizar as actividades de comprobación daquelas suxeitas a declaración responsable no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, correspóndelle á Administración titular da estrada, agás nos casos previstos na lexislación de estradas de Galicia.
  2. Considérase que as autorizacións de acceso á estrada ou aos seus elementos funcionais afectan directamente as súas calzadas e, en consecuencia, o outorgamento das autorizacións correspóndelle, en todos os casos, á administración titular da estrada, incluso cando se realicen nos seus treitos urbanos.

Do mesmo xeito, como consecuencia da súa relación cos anteditos accesos ás estradas, as parcelacións e segregacións de todas as parcelas lindeiras coas estradas requirirán a autorización da administración titular da estrada, incluso nos treitos urbanos.

(artigo 47.5 LEG)».

Setenta. O número 1 do artigo 114 queda redactado como segue:

«1. As autorizacións outorgaranse a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias, sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos preexistentes sobre os terreos ou bens. Non supoñerán en ningún caso a cesión do dominio público, nin a asunción pola administración titular de ningunha responsabilidade respecto da persoa titular da autorización ou de terceiras persoas (artigo 49.1 LEG).

O mesmo réxime seralle de aplicación ás declaracións responsables, nos casos nos que procedan».

Setenta e un. O número 3 do artigo 115 queda redactado como segue:

«3. A autorización será transmisible logo de notificación á administración titular da estrada do cambio de titularidade, en documento asinado pola persoa titular da autorización e por aquela á que se lle transmite.

A persoa adquirente quedará subrogada nestes casos na posición da persoa que fose titular da autorización. A transmisión producirá efectos desde o momento en que teña sido comunicada á administración titular da estrada».

Setenta e dous. O número 2 do artigo 116 queda redactado como segue:

«2. As actuacións poderán ser inspeccionadas en todo momento polo persoal da administración titular da estrada (artigo 49.2 LEG).

En todo caso, a correspondente autorización deberá estar dispoñible para a súa consulta por parte do dito persoal, así como polos/as axentes da autoridade en materia de tráfico se a actuación ten incidencia sobre este».

Setenta e tres. O número 3 do artigo 116 queda redactado como segue:

«3. As actuacións autorizadas, cando afecten a zona de dominio público, non se poderán iniciar sen que o persoal da administración titular da estrada teña comprobado a súa implantación. No resto dos casos, a administración titular da estrada poderá condicionar, na súa autorización, o inicio das actuacións a que se teña comprobado a súa implantación.

Para estes efectos, a persoa interesada porase en contacto co dito persoal, conforme se indique na autorización, cunha antelación mínima de sete (7) días da data que prevea para a dita operación. A celebración e contido da implantación quedará reflectido nunha acta. Se non houbese conformidade faranse constar os reparos de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

A acta de conformidade da implantación implicará o permiso definitivo de iniciación das obras, no que á normativa sectorial de estradas se refire e a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias.

Antes da celebración do acto de implantación das actuacións autorizadas, a persoa interesada deberá comunicarlle á administración titular da estrada, a identificación da persoa á que lle teña encomendada a dirección da actuación, cando non coincida coa persoa titular da autorización».

Setenta e catro. O número 5 do artigo 116 queda redactado como segue:

«5. Se a administración titular da estrada apreciara desviacións respecto da documentación presentada ou das condicións impostas na autorización, procederá á inmediata paralización das actuacións ata que se corrixan aquelas, segundo o previsto neste regulamento, sen prexuízo da tramitación do procedemento de sanción que proceda».

Setenta e cinco. O número 6 do artigo 116 queda redactado como segue:

«6. Finalizadas as obras ou instalacións autorizadas, a administración titular da estrada comprobará a súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización. De ser o caso, faranse constar as obxeccións de xeito pormenorizado e concederase un prazo proporcionado para a súa corrección.

Será preceptivo o levantamento dunha acta de terminación no caso de todas as obras ou instalacións levadas a cabo na zona de dominio público. Nos demais supostos, só será exixible cando a administración titular da estrada condicione, na súa autorización, o uso das obras ou instalacións ao seu levantamento. De non establecerse tal condición, o levantamento da acta poderá ser substituído polos mecanismos de comprobación que se establecen neste regulamento (artigo 49.3 LEG).

Nos supostos nos que non sexa exixible o levantamento da acta de terminación, este será substituído pola elaboración dun informe de vixilancia da terminación, o estado e a conformidade cos termos da autorización.

Nas situacións nas que sexa necesario o levantamento da acta de terminación, a persoa titular da autorización porase en contacto co persoal da administración titular, conforme se indique na autorización, cunha antelación mínima de sete (7) días da data en que prevexa finalizar as obras ou instalacións.

Nos casos regulados neste número, cando a administración titular da estrada así o exixa, a persoa titular deberá entregarlle a documentación que recompile a información necesaria para coñecer de xeito detallado as características da obra executada, previamente á celebración do acto de documentación da súa terminación, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización».

Setenta e seis. O número 7 do artigo 116 queda redactado como segue:

«7. Nos casos nos que esta sexa exixible, a acta de terminación implicará o permiso de uso das obras ou instalacións cuxa conformidade se acredite (artigo 49.3 LEG), no que á normativa sectorial de estradas se refire e a reserva das demais licenzas e autorizacións necesarias».

Setenta e sete. Engádese un número 8 do artigo 116, coa seguinte redacción:

«8. A acta de terminación das obras ou instalacións será elaborada pola administración titular da estrada, nos casos nos que sexa exixible, e será posta á disposición da persoa titular da autorización, quen poderá manifestar o que considere oportuno, se é o caso (artigo 49.3 LEG)».

Setenta e oito. O número 4 do artigo 119 queda redactado como segue:

«4. O prazo de garantía será dun (1) ano como máximo desde a data da acta de conformidade, de ser o caso. A garantía será independente das taxas que, con carácter xeral, se devindiquen pola tramitación do expediente da autorización e sen prexuízo das responsabilidades en que se puidese incorrer polo incumprimento das condicións establecidas naquela (artigo 51.2 LEG).

Transcorrido ese prazo sen que se teña apreciado desviación con respecto das condicións das autorizacións nin ocasionado danos ou perdas ao dominio público viario, a administración titular da estrada autorizará a devolución da garantía constituída».

Setenta e nove. O número 3 do artigo 124 queda redactado como segue:

«3. Na autorización de movementos de terra e explanacións imporase a condición de que se adopten as medidas necesarias para que, salvo xustificación técnica, as augas da escorrega da zona non vertan á zona de dominio público viario, para o que, no caso de recheos ou terrapléns, a rasante final do terreo na liña exterior da zona de dominio público deberá quedar a unha cota inferior á da aresta exterior da calzada».

Oitenta. O número 1 do artigo 127 queda redactado como segue:

«1. Considéranse accesos ás estradas ou ás súas vías de servizo todas aquelas entradas e saídas de vehículos a elas nas que a súa incorporación a ou desde a calzada se produce sen empregar as conexións da estrada con outras vías públicas que teñan a consideración de estradas ou de vías de servizo.

Teñen a consideración de accesos ás estradas ou ás súas vías de servizo os das actuacións urbanísticas, os das vías urbanas e camiños públicos, os das instalacións de servizos, os de vivendas unifamiliares e predios agrícolas e os accesos a outras propiedades».

Oitenta e un. O número 1 do artigo 128 queda redactado como segue:

«1. A administración titular da rede poderá limitar e ordenar os accesos ás estradas e establecer, con carácter obrigatorio, os lugares e as condicións en que tales accesos se poidan construír, atendendo á normativa vixente e aplicando criterios de intensidade de tráfico, seguridade viaria e funcionalidade e explotación da estrada. En todo caso, será prioritario o emprego de accesos existentes (artigo 52.1 LEG), restrinxindo ao máximo a creación de novos accesos.

Poderán establecerse igualmente as limitacións de deseño que xustificadamente se estimen convenientes, incluída a necesidade de que a execución dos accesos se realice a distinto nivel».

Oitenta e dous. O número 4 do artigo 128 queda redactado como segue:

«4. Nas estradas convencionais e nas vías de servizo só se autorizarán accesos das propiedades lindeiras cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

  1. a) Que o acceso sexa de interese público por atoparse vinculado a bens, instalacións ou servizos de carácter igualmente público, tales como edificios administrativos, hospitais e centros de saúde, centros educativos ou similares.
  2. b) Que se xustifique que non existe a posibilidade de acceso alternativo á rede viaria a través de calquera outra vía pública de titularidade dunha administración de ámbito territorial máis restrinxido e non se dispoña xa dun acceso co mesmo uso que se solicita.

Para estes efectos, non se considerará que existe a posibilidade de acceso alternativo a través de calquera outra vía pública de titularidade dunha administración de ámbito territorial máis restrinxido no caso de que ese acceso alternativo supoña un empeoramento da seguridade viaria ou da funcionalidade da rede viaria».

Oitenta e tres. O número 11 do artigo 128 queda redactado como segue:

«11. A autorización para a execución de edificacións, urbanizacións ou instalacións nun determinado predio non implicará, de ningún xeito, a autorización para o acceso desde a estrada ou vía de servizo ao dito predio.

A autorización do acceso a un determinado predio non implicará a autorización para a execución das edificacións, urbanizacións ou instalacións que existan ou se pretendan executar no dito predio».

Oitenta e catro. O número 2 do artigo 129 queda redactado como segue:

«2. Incorporaranse ao dominio público viario os elementos do novo acceso que se sitúen sobre a zona de dominio público.

Tamén se incorporarán ao dominio público viario os enlaces, interseccións, glorietas, pasos inferiores e superiores, vías de servizo, elementos de cambio de velocidade e aqueloutras ampliacións da plataforma da estrada ou vía de servizo orixinal que se executen como parte do proxecto do acceso, así como os terreos sobre os que se sitúen todos eses elementos, aínda no caso de que pertencesen ou fosen adquiridos pola persoa solicitante da autorización para executar o acceso.

A cesión dos elementos e terreos formalizarase mediante a sinatura dun documento para tal efecto. A sinatura do antedito documento de formalización será requisito previo para a celebración do acto no que se documentará a terminación das obras do acceso, o seu estado e a súa conformidade cos termos da autorización.

(artigo 52.2 LEG)

A titularidade destes elementos e terreos deberalle ser transferida á administración titular da estrada de maneira previa á posta en servizo do acceso solicitado».

Oitenta e cinco. O número 3 do artigo 129 queda redactado como segue:

«3. A conservación e mantemento do acceso, incluso na parte incorporada ao dominio público viario, coa excepción daqueles elementos que formen parte do tronco da estrada, como glorietas e carrís centrais de espera, corresponderalle á persoa titular da autorización.

No caso de que as condicións de mantemento de certos elementos do acceso puidesen afectar as propias da estrada, a súa administración titular poderá asumir o mantemento deses elementos a cargo da persoa titular da autorización».

Oitenta e seis. O artigo 130 queda redactado como segue:

«Artigo 130. Condicións dos accesos

  1. A consellería competente en materia de estradas regulará as condicións de visibilidade, intensidade de tráfico, distancias de seguridade, deseño do acceso ou outras nas que se poderán autorizar os accesos ás estradas e ás súas vías de servizo. En todo caso, deberán verificarse, cando menos, as condicións seguintes:
  2. a) Por restrición de acceso: non se autorizará o acceso ás estradas convencionais nas que se teñan restrinxido os seus accesos mediante, por exemplo, a disposición de valado perimetral nas súas marxes.
  3. b) Pola existencia de vías de servizo: se un treito de estrada está dotado de vías de servizo non se disporán accesos á calzada principal, e utilizaranse para iso as vías de servizo.
  4. c) Pola existencia de acceso alternativo: non se autorizará o acceso a estradas convencionais ou vías de servizo de titularidade autonómica ou provincial cando exista a posibilidade dun acceso alternativo á rede viaria a través de calquera outra vía pública de titularidade dunha administración de ámbito territorial máis restrinxido, ou se dispoña xa dun acceso co mesmo uso que se solicita.

Para estes efectos, non se considerará que existe a posibilidade de acceso alternativo a través de calquera outra vía pública de titularidade dunha administración de ámbito territorial máis restrinxido no caso de que ese acceso alternativo supoña un empeoramento da seguridade viaria ou da funcionalidade da rede viaria.

  1. d) Por razón de visibilidade, só se poderán autorizar accesos que cumpran, simultaneamente, as seguintes condicións:

1º. Todo acceso deberá dispoñer dunha visibilidade na estrada superior á distancia de parada para o carril e sentido de circulación da marxe na que se sitúa.

2º. No treito da estrada definido pola distancia de parada, existirá plena visibilidade para calquera vehículo situado no acceso, a unha distancia de tres metros (3,00 m) do bordo do carril máis próximo da vía preferente.

  1. No caso de accesos de carácter provisional, motivados por necesidades puntuais, poderase exceptuar o cumprimento dalgunha das condicións establecidas neste artigo».

Oitenta e sete. O número 1 do artigo 131 queda redactado como segue:

«1. Os accesos só poderán servir ao tráfico que circula polo carril contiguo da estrada e non se permitirán cruzamentos ou xiros á esquerda a nivel para entrar ou saír do acceso nos seguintes casos:

  1. a) Nos accesos desde actuacións urbanísticas, vías urbanas e camiños públicos a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.
  2. b) Nos accesos desde actuacións urbanísticas, vías urbanas e camiños públicos a treitos das estradas convencionais que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a cinco mil (5.000) vehículos ao día e non dispoñan de carrís centrais de espera nos que realizar eses movementos.
  3. c) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.
  4. d) Nos accesos desde instalacións de servizo a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.
  5. e) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a quince mil (15.000) vehículos ao día.
  6. f) Nos accesos desde vivendas unifamiliares ou predios agrícolas a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.
  7. g) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a quince mil (15.000) vehículos ao día.
  8. h) Nos accesos desde propiedades de uso residencial distintas das vivendas unifamiliares a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día.
  9. i) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a dez mil (10.000) vehículos ao día.
  10. j) Nos accesos desde o resto de propiedades non incluídas noutras letras deste número a treitos das estradas convencionais ou vías de servizo que non teñan a consideración de travesías e que presenten unha intensidade media diaria igual ou superior a sete mil cincocentos (7.500) vehículos ao día».

Oitenta e oito. O número 2 do artigo 134 queda redactado como segue:

«2. Entre a estrada e a liña límite de edificación, non se autorizarán as obras subterráneas que supoñan unha construción por debaixo da rasante do terreo, tales como garaxes, almacéns, piscinas, obras que formen parte de instalacións industriais e outras similares.

Excepcionalmente, poderanse autorizar, entre a estrada e a liña límite de edificación, aqueles elementos que formen parte de servizos básicos de abastecemento ou saneamento para uso residencial e que non poidan ter unha situación máis separada da estrada que a da liña límite de edificación».

Oitenta e nove. O artigo 135 queda redactado como segue:

«Artigo 135. Peches

  1. Os peches novos e a reposición dos existentes, como consecuencia da súa deterioración, serán autorizables, sempre que non diminúan as condicións de visibilidade e seguridade viaria, nos seguintes supostos:
  2. a) Completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, a partir da liña exterior da zona de dominio público.
  3. b) Diáfanos, nos que se admitirá un zócalo opaco que non sobresaia máis de corenta centímetros (40 cm) da rasante do terreo, ou arbustivos de ata cento cincuenta centímetros (150 cm) de altura, a partir da liña de delimitación exterior da zona de servidume.
  4. c) Non diáfanos ou peches de obra de fábrica, máis separados da estrada que a liña límite de edificación.
  5. Os peches completamente diáfanos estarán constituídos por unha malla metálica, que poderá estar plastificada.

A parte dos peches diáfanos non arbustivos distinta do seu zócalo deberá ter un mínimo dun cincuenta por cento (50 %) de ocos que permitan a visión do interior da parcela».

Noventa. O artigo 137 queda redactado como segue:

«Artigo 137. Parcelacións e segregacións

As autorizacións referidas ás parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas só se outorgarán:

  1. a) Cando se pretendan levar a cabo fóra do solo urbano consolidado, naqueles casos en que esas actuacións non impliquen un incremento global do número de accesos á estrada con respecto á potencial situación futura sen levar a cabo a parcelación ou segregación solicitada. Isto é, cando o acceso rodado de todas as parcelas xeradas se resolva a través dunha das seguintes solucións:

1º. Doutras vías de circulación de titularidade doutras administracións de ámbito territorial máis restrinxido.

2º. Dun acceso único á estrada, directamente ou a través dunha vía de servizo, xa autorizado pola súa administración titular.

3º. No caso de que as solucións anteriores non fosen viables, dun acceso único á estrada, común a todas as parcelas, directamente ou a través dunha vía de servizo, que cumpra as condicións para ser autorizado pola súa administración titular.

  1. b) Cando se pretenden levar a cabo no solo urbano consolidado, naqueles casos nos que cada unha das novas parcelas xeradas poida resolver o seu acceso a través dalgunha das seguintes solucións:

1º. Doutras vías de circulación.

2º. De novos accesos á estrada que cumpran as condicións para que poidan ser autorizados pola súa administración titular».

Noventa e un. O artigo 138 queda redactado como segue:

«Artigo 138. Elementos, obras, actuacións e instalacións das administracións públicas

Poderán autorizarse, fóra da calzada e das beiravías, os elementos, obras, actuacións e instalacións necesarios para que as administracións públicas poidan exercer as súas competencias, tales como pavimentación das vías públicas, urbanización de espazos públicos, mobiliario urbano, axardinamentos, iluminación pública, recollida de residuos, transporte público, infraestruturas de transporte ou outros análogos, cando pola súa natureza ou funcionalidade non poidan ter outra colocación».

Noventa e dous. O número 1 do artigo 143 queda redactado como segue:

«1. Nas edificacións, instalacións e peches preexistentes na zona comprendida entre a liña exterior de delimitación da calzada da estrada e a liña límite de edificación poderán ser autorizadas, ou quedarán suxeitas ao réxime de declaración responsable, nos casos previstos na lexislación de estradas de Galicia, no que á lexislación sectorial en materia de estradas se refire, e sempre que quede garantida a seguridade viaria na estrada e nos seus accesos e non se produza cambio de uso nin incremento de volume edificado, por encima ou por debaixo da rasante do terreo:

  1. a) Con carácter xeral, as obras de mantemento, conservación e rehabilitación.
  2. b) Excepcionalmente, obras de rehabilitación estrutural, naqueles supostos de interese público ou social, así cualificados.

(D.A. 1ª.1 LEG)

Para tal efecto, terán a consideración de supostos de interese social, entre outros, as obras de rehabilitación estrutural nas edificacións existentes de carácter tradicional definidas segundo a normativa en materia de solo de Galicia».

Noventa e tres. O número 2 do artigo 143 queda redactado como segue:

«2. As edificacións, instalacións e peches preexistentes que se vexan afectados por obras de reforma da estrada e que conten con autorización, sempre que lles for exixible, poderán ser repostos, no prazo máximo de tres anos desde a data de finalización contractual da obra que lles afectou, pola súa persoa propietaria ou pola administración titular da actuación, coas mesmas características que tivesen e, en todo caso, fóra da zona de dominio público (D.A. 1ª.2 LEG)».

Noventa e catro. O número 2 do artigo 146 queda redactado como segue:

«2. Tamén poderán autorizarse:

  1. a) Excepcionalmente, a localización máis próxima á estrada que a liña límite de edificación, incluso dentro da zona de dominio público, dos apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos:

1º. Cando sexan empregados de xeito compartido coa rede de iluminación pública, fóra dos treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión.

2º. Cando se trate da reposición de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos afectados por obras na estrada, no caso de que estas obras sexan promovidas pola administración titular da estrada.

  1. b) A instalación fóra da explanación da estrada e dos seus elementos funcionais dos apoios de redes e infraestruturas aéreas de servizos públicos:

1º. Cando, excepcionalmente, polas condicións orográficas do terreo resulte tecnicamente inviable retiralos a maior distancia ou sexan os apoios extremos do van de cruzamento aéreo sobre a plataforma, fóra dos treitos urbanos e sempre que non se trate de apoios de redes eléctricas de alta tensión. Neste caso, agás cando se trate dos apoios extremos do van de cruzamento aéreo sobre a plataforma de redes distintas das eléctricas de alta tensión, a distancia entre o apoio e a calzada non será inferior á altura dos postes.

2º. Dun único apoio pertencente a unha rede ou infraestrutura aérea de servizos públicos para cada paso da rede aérea a canalización subterránea, e de subterránea a aérea».

Noventa e cinco. O número 2 do artigo 148 queda redactado como segue:

«2. As obras dos cruzamentos subterráneos executaranse de forma que produzan as menores perturbacións posibles á circulación, repoñendo en perfectas condicións o firme e pavimento da estrada, e terán a debida protección para soportar sen deformacións nin avarías as cargas transmitidas polo tránsito de vehículos. A antedita protección situarase de tal xeito que a profundidade da súa parte superior non sexa inferior, en ningún punto, a oitenta centímetros (80 cm) por debaixo da rasante do pavimento».

Noventa e seis. O número 3 do artigo 148 queda redactado como segue:

«3. Non se autorizarán cruzamentos a ceo aberto en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas urbanas de alta capacidade, nin no resto de estradas convencionais con intensidade media diaria de circulación superior a tres mil (3.000) vehículos ou que teñan sido construídas ou reparadas dentro dos tres (3) anos anteriores á solicitude da autorización.

Nos casos anteriores, o cruzamento deberase efectuar mediante mina, túnel ou perforación mecánica subterránea, agás que por limitacións urbanas, xeométricas ou doutra índole, suficientemente xustificadas, non fose viable tecnicamente.

Tamén se poderán empregar para o cruzamento as obras de paso ou desaugamento da estrada, sempre que se garanta o adecuado mantemento das súas condicións funcionais, estruturais e, se é o caso, hidráulicas».

Noventa e sete. O título da subsección 6ª da sección 2ª do capítulo IV do título IV queda redactado como segue:

«Subsección 6ª. Obras, instalacións e usos provisionais»

Noventa e oito. O artigo 151 queda redactado como segue:

«Artigo 151. Obras, instalacións e usos provisionais

  1. Na explanación da estrada e na dos seus elementos funcionais só se poderán autorizar as seguintes obras, instalacións e usos provisionais, cun prazo fixado:
  2. a) As asociadas a actividades de interese ou de uso público, como festas ou feiras tradicionais, actividades deportivas, ou similares.
  3. b) As necesarias para a realización de actividades relacionadas coa conservación ou construción de instalacións industriais ou de edificacións.
  4. c) As obras, instalacións e usos provisionais de interese particular en terreos afectados por anteproxectos, proxectos de trazado e proxectos de construción aprobados definitivamente e cuxas obras non se iniciasen, cando cumpran as condicións establecidas neste regulamento para os usos autorizables entre a estrada e a liña límite de edificación.
  5. Ademais das obras, instalacións e usos provisionais indicadas no número anterior, tamén se poderán autorizar, fóra da calzada e das súas beiravías, as asociadas a actividades de acceso público.
  6. As autorizacións outorgadas ao abeiro deste artigo para a realización de obras, instalacións ou usos provisionais poderán ser revogadas unilateralmente polo órgano que as outorgou en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización.

Nese caso, os usos provisionais deberán cesar e as obras e instalacións provisionais deberán ser retiradas por conta da persoa solicitante.

  1. As obras, instalacións e usos provisionais autorizadas ao abeiro deste artigo non suporán en ningún caso incremento do valor de expropiación, nin a adquisición de ningún outro dereito».

Noventa e nove. O número 2 do artigo 152 queda redactado como segue:

«2. Entenderase por visible desde a zona de dominio público da estrada toda instalación publicitaria que se oriente cara á estrada sen obstáculos visuais fixos interpostos e que estea dimensionada para ser lida polas persoas condutoras».

Cen. A letra b) do artigo 153 queda redactada como segue:

«b) Os rótulos dos establecementos mercantís ou industriais que sexan indicativos da súa actividade, sempre que se cumpran, simultaneamente, as seguintes condicións:

1º. Que se sitúen nos edificios ou terreos en que aqueles desenvolvan a súa actividade.

2º. Que se sitúen máis separados da estrada que a liña límite de edificación e a unha distancia da calzada non inferior á súa altura.

No caso de edificacións preexistentes entre a calzada e a liña límite de edificación, admitiranse tamén aqueles casos nos que se xustifique que non se poden instalar rótulos máis separados da estrada que a liña límite de edificación, non se dispoña xa doutro rótulo visible desde a calzada e se trate de rótulos pintados ou instalados na propia edificación, sen voar sobre a zona de dominio público.

3º. Que non inclúan comunicación adicional tendente a promover a contratación de bens ou servizos».

Cento un. Suprímese o número 1 do artigo 159, que queda sen contido.

Cento dous. Engádese unha nova subsección 4ª á sección 3ª do capítulo IV do título IV, co seguinte título:

«Subsección 4ª. Procedemento das declaracións responsables»

Cento tres. Engádese un artigo 162.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 162.bis. Procedemento das declaracións responsables

No caso dos usos suxeitos a declaración responsable, esta deberá dirixirse á administración titular da estrada e nela a persoa interesada declarará, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos na normativa vixente para obter o recoñecemento do dereito ou facultade, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá á disposición da administración cando lle for requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao dito recoñecemento. Os requisitos mencionados deberán estar recollidos de maneira expresa, clara e precisa na correspondente declaración responsable. A administración poderá requirir en calquera momento que se xunte a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos, e a persoa interesada deberá achegala.

A declaración responsable deberá presentarse cunha antelación mínima de quince días ao inicio das obras, segundo o modelo normalizado que aprobe a administración titular da estrada. A actuación deberá executarse no prazo máximo dun ano desde a presentación da declaración.

(artigo 48.4 LEG)».

Cento catro. O número 1 do artigo 163 queda redactado como segue:

«1. A competencia para a execución das medidas de protección da legalidade viaria previstas neste capítulo correspóndelle á administración titular da estrada (artigo 54 LEG)».

Cento cinco. Engádese un artigo 165.bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 165.bis. Comprobación do contido das declaracións responsables

A administración titular da estrada terá a facultade de comprobar a veracidade e mais a exactitude dos datos consignados na declaración responsable, para o cal dispoñerá as oportunas tarefas de inspección.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a non presentación ante a administración titular da estrada da declaración responsable ou da documentación que puider ser requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar coa execución da actuación desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que puideren proceder. A resolución que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento anterior ao comezo da actuación correspondente, logo da tramitación dun expediente de reposición da legalidade viaria.

(artigo 55.2 LEG)».

Cento seis. O número 2 do artigo 166 queda redactado como segue:

«2. A administración competente poderá instar, mediante a oportuna notificación, as empresas subministradoras de servizos públicos para que suspendan no prazo de sete (7) días naturais a subministración do servizo correspondente ás obras ou aos usos en que se dispuxese a súa paralización ou suspensión. A suspensión da subministración só se poderá levantar unha vez que se procedese á legalización das obras ou do uso ou logo da notificación en tal sentido da administración competente ás empresas subministradoras (artigo 55.3 LEG)».

Cento sete. O número 3 do artigo 166 queda redactado como segue:

«3. A administración competente poderá precintar as obras ou instalacións e ordenar á persoa responsable da actuación, da obra ou do uso, a retirada, no prazo de dous (2) días naturais, da maquinaria e dos materiais aprovisionados. De incumprir a obriga de retirada, esta poderá ser realizada, sen máis trámites, pola administración competente, por conta daquela (artigo 55.4 LEG)».

Cento oito. O número 4 do artigo 166 queda redactado como segue:

«4. Se as actuacións non autorizadas ou que non se axustan á autorización, así como, nos supostos de aplicación do réxime de declaración responsable, as non declaradas ou que non se axustan ao declarado, supoñen un risco grave para a seguridade viaria, a administración competente poderá adoptar, por conta da persoa responsable e sen máis trámites, as medidas que considere oportunas para garantir a seguridade da circulación (artigo 55.5 LEG)».

Cento nove. O número 1 do artigo 168 queda redactado como segue:

«1. Na resolución de paralización ou suspensión ordenarase a incoación dun expediente de reposición da legalidade viaria que, unha vez instruído e logo da audiencia á persoa responsable, resolverá sobre a posible legalización das obras ou dos usos (artigo 55.6 LEG)».

Cento dez. O número 2 do artigo 168 queda redactado como segue:

«2. No caso de se apreciar que as obras ou usos non autorizados ou declarados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas correspondentes autorizacións ou declaracións poderían ser legalizables, como parte da instrución do expediente de reposición da legalidade viaria instarase a persoa responsable para que, no prazo de sete (7) días naturais, solicite a legalización da actuación.

Se é o caso, a solicitude de legalización tramitarase segundo o procedemento previsto neste regulamento para as solicitudes de autorización».

Cento once. O número 3 do artigo 168 queda redactado como segue:

«3. Se a persoa responsable non solicita a legalización no devandito prazo ou cando a actuación non for legalizable, a administración competente, unha vez instruído o expediente de reposición da legalidade viaria e logo da audiencia á persoa responsable, poderá acordar en resolución motivada a demolición das obras, a suspensión definitiva dos usos e o restablecemento da realidade física alterada, e requiriralle á persoa responsable que proceda ao seu cumprimento no prazo que se lle conceda, que debe ser proporcional ás circunstancias da actuación que deba realizar».

Cento doce. O número 2 do artigo 171 queda redactado como segue:

«2. A persoa causante dos danos deberá aboarlle á administración titular da estrada a indemnización polos danos e perdas ocasionados, no prazo que, para tal efecto, se lle conceda.

Así mesmo, a administración titular da estrada poderá exixirlle á persoa causante dos danos o resarcimento dos gastos que supoña a súa intervención para o auxilio público mediante persoal, xa sexa a través de medios propios ou contratados, medios de sinalización ou balizamento, a custodia de vehículos ou cargas e a retirada de restos en caso de accidente ou avaría.

No caso de que un asegurador asumise o risco derivado da responsabilidade civil da persoa causante dos danos, a administración titular da estrada poderá requirirlle directamente a aquel o pagamento da indemnización polos danos e perdas causados ao dominio público viario e polo resto de gastos a que se refire o parágrafo anterior.

(artigo 58.2 LEG)».

Cento trece. A letra a) do artigo 176 queda redactada como segue:

«a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións nas zonas de protección da estrada levados a cabo sen as autorizacións requiridas, sen a previa declaración responsable nos casos en que proceda, ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade».

Cento catorce. A letra a) do artigo 177 queda redactada como segue:

«a) Realizar obras, instalacións, usos ou actuacións non permitidos nas zonas de protección da estrada ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas ou as especificadas na declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, cando, nestes últimos casos, non for posible a súa legalización posterior».

Cento quince. A letra e) do artigo 177 queda redactada como segue:

«e) Deteriorar intencionadamente calquera elemento da estrada directamente relacionado coa ordenación, orientación, sinalización e seguridade da circulación, ou modificar as súas características ou situación, cando non se impida que o elemento do que se trate siga prestando a súa función. Entenderase incluída nesta infracción a realización de pintadas, graffitis ou incisións de calquera tipo».

Cento dezaseis. A letra f) do artigo 177 queda redactada como segue:

«f) Destruír, deteriorar, alterar ou modificar intencionadamente calquera obra ou instalación da estrada ou dos seus elementos funcionais, cando non se afecte a estrada ou as beiravías. Entenderanse incluídos nesta infracción a realización de pintadas, graffitis ou incisións ou calquera outro acto que cause danos, deteriore ou menoscabe o seu ornato».

Cento dezasete. A letra b) do número 1 do artigo 180 queda redactada como segue:

«b) No caso de incumprimento das condicións dunha autorización administrativa, ou dunha declaración responsable respecto dos usos suxeitos a este réxime, a persoa titular da autorización ou a persoa declarante, respectivamente.

(artigo 63.1 LEG)».

Cento dezaoito. O número 1 do artigo 188 queda redactado como segue:

«1. A sanción correspondente á infracción cometida poderá reducirse ata nun noventa por cento (90 %) do seu valor, en función dos danos ao dominio público viario e da diminución da seguridade viaria producida, se a persoa responsable acata, de ser o caso, a resolución de paralización ou suspensión e procede á demolición das obras, á suspensión definitiva dos usos e ao restablecemento da realidade física alterada antes da resolución do expediente de sanción (artigo 66.3 LEG)».

Cento dezanove. Engádese a seguinte definición no anexo único:

«Cultivo agrícola: conxunto de actividades de tratamento do solo, plantación de sementes na terra e outros labores agrícolas para a obtención de vexetais e froitos con fins alimenticios, medicinais ou estéticos, de xardinaría ornamental ou con outros fins análogos».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de maio de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade