Planeamento urbanístico GALICIA
ORDE do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.
[sc name=»urbanismo» ]
As normas técnicas de planeamento regúlanse no artigo 48 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 88 e 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
As normas técnicas de planeamento nacen, principalmente, da necesidade dunha simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento urbanísticos, co obxecto de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento. Por isto, cómpre entendelas e asumilas como unha oportunidade de mellora no proceso de formulación e aprobación dos documentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e lexibilidade destes.
As normas técnicas de planeamento teñen por obxecto unificar os criterios técnicos para a elaboración dos documentos de planeamento urbanístico, a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en materia de planeamento urbanístico.
No que atinxe ao seu procedemento de aprobación, seguiuse o regulado no artigo 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que exixe un período de información pública por un prazo non inferior a un mes, audiencia á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e aos colexios profesionais con competencias na formulación dos instrumentos de planeamento, e informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, antes da súa aprobación pola persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo.
O 21 de maio de 2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acordou o inicio da tramitación das normas técnicas de planeamento, someténdoas a información pública durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 100, do 28 de maio). Asemade, comunicouse expresamente o trámite de audiencia ás seguintes entidades:
– Federación Galega de Municipios e Provincias.
– Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
– Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Galicia.
– Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.
– Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
– Colexio Oficial de Xeógrafos de Galicia.
Unha vez finalizado o seu procedemento de tramitación e cumpridos todos os trámites preceptivos, en cumprimento do previsto no artigo 89.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, eleváronse as normas técnicas de planeamento á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, na súa sesión do 3 de setembro de 2019, emitiu informe favorable previo á súa aprobación definitiva pola persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo.
Visto canto antecede, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 89.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia
Apróbanse as normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que se insiren a continuación como anexo a esta orde, de conformidade coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia.
Disposición adicional. Arquivos e modelos accesibles na páxina web
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda habilitará na súa páxina web un espazo dixital axeitado en que porá á disposición de todas as persoas interesadas arquivos ou modelos normalizados, de acordo co disposto nestas normas técnicas, que faciliten e axilicen o proceso de formulación do planeamento.
Estes arquivos e modelos poderán ser modificados co fin de mantelos actualizados e adaptados a novos programas informáticos, o que será obxecto da adecuada publicidade na páxina web.
Disposición transitoria primeira. Adaptación do planeamento
1. Aos plans aprobados inicialmente antes da entrada en vigor das normas técnicas de planeamento seralles de aplicación unicamente o disposto no título III destas normas, sen prexuízo de decidir adaptarse a elas voluntariamente. En todo caso, aqueles documentos cuxo expediente completo xa se remitise ao órgano autonómico competente en materia de urbanismo para a súa aprobación definitiva non terán que adaptarse ao título III.
2. Os plans en tramitación que non alcanzasen a aprobación inicial na data de entrada en vigor destas normas técnicas de planeamento deberán adaptarse a elas na súa totalidade.
3. O planeamento de desenvolvemento dos plans xerais de ordenación municipal, as delimitacións de núcleo rural e os estudos de detalle, regulados na sección 1ª do capítulo VII da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, están suxeitos ao cumprimento das presentes normas. Non obstante, en relación coa aplicación do título II, seralles de aplicación unicamente cando o plan xeral que desenvolvan xa estea adaptado a el. Sen prexuízo disto, para a súa elaboración empregarase como soporte a cartografía oficial rexistrada dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio, actualizada ou detallada para o ámbito afectado, cando sexa preciso.
Disposición transitoria segunda. Documentación gráfica en formato editable
Os documentos de planeamento aprobados inicialmente á entrada en vigor destas normas que se remitan á consellería competente en materia de urbanismo para informe ou aprobación, achegarán os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado, ou axustado ás normas técnicas de planeamento.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ANEXO
Normas técnicas de planeamento
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Artigo 2. Definicións
Artigo 3. Principios aplicables
TÍTULO I
Criterios de elaboración, presentación e entrega
CAPÍTULO I
Criterios xerais
Artigo 4. Documentación dos instrumentos de planeamento
Artigo 5. Documentación escrita
Artigo 6. Documentación gráfica
Artigo 7. Abreviaturas
Artigo 8. Simboloxía gráfica
Artigo 9. Formatos de entrega da documentación
Artigo 10. Condicións do soporte dixital non editable
Artigo 11. Codificación do instrumento de planeamento
CAPÍTULO II
Contido e estrutura do documento dixital
Artigo 12. Contido dos instrumentos de planeamento
Artigo 13. Estrutura e codificación do documento en formato dixital
CAPÍTULO III
Criterios específicos para a elaboración da documentación gráfica
Artigo 14. Documentación gráfica en soporte dixital editable
Artigo 15. Criterios de calidade da documentación gráfica en soporte dixital editable
Artigo 16. Metadatos do soporte dixital editable
CAPÍTULO IV
Criterios específicos do documento en formato papel
Artigo 17. Documentación en soporte papel
TÍTULO II
Base cartográfica
Artigo 18. Cartografía
Artigo 19. Propiedade intelectual
Artigo 20. Sistema de coordenadas
TÍTULO III
Disposicións comúns
Artigo 21. Criterios de interpretación
Artigo 22. Sinatura e dilixenciado dixital
Artigo 23. Protección de datos no documento de planeamento
Artigo 24. Publicidade das subvencións concedidas
Artigo 25. Extracto da avaliación ambiental
Artigo 26. Ficha de vixencia de planeamento tras a aprobación dun documento en tramitación
Artigo 27. Garantías nos documentos refundidos de planeamento
Anexo 1. Lista de abreviaturas.
Anexo 2. Simboloxía gráfica.
Anexo 3. Modelo de datos dos arquivos vectoriais.
Anexo 4. Estrutura e codificación de arquivos e carpetas.
Anexo 5. Modelo de cartela e formato A1, A3 e A4.
Anexo 6. Modelo de extracto ambiental.
Anexo 7. Ficha de vixencia de planeamento tras a aprobación do documento en tramitación.
Anexo 8. Catálogo mínimo de obxectos xeográficos da base topográfica do planeamento urbanístico.
Anexo 9. Declaración responsable.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. As normas técnicas de planeamento terán por obxecto unificar os criterios técnicos para a elaboración dos documentos de planeamento urbanístico, a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica nesta materia. Así mesmo, facilitará a integración da información do planeamento nas infraestruturas dixitais de datos espaciais e posibilitará un acceso sinxelo aos documentos de planeamento a todos os axentes que participan na planificación do territorio e ao público en xeral.
2. As normas técnicas de planeamento terán o seguinte contido:
a) A definición e concreción dos conceptos habitualmente utilizados na elaboración das normas urbanísticas dos instrumentos de planeamento ou das ordenanzas de edificación, así como noutros documentos escritos e na rotulación e lendas dos planos.
b) As normas técnicas para a elaboración da cartografía urbanística e para o seu tratamento informático.
c) Os criterios, formatos e contidos para a elaboración dos diferentes documentos que compoñen os instrumentos de planeamento.
d) As especificacións exixidas respecto do formato dos documentos requiridos polo órgano ambiental para a tramitación da avaliación ambiental estratéxica.
e) Calquera outro que teña como finalidade reducir o grao de discrecionalidade na interpretación dos documentos de planeamento urbanístico e facilitar a súa integración nos sistemas de información territorial e urbanística de Galicia.
Artigo 2. Definicións
1. As definicións de conceptos urbanísticos empregados de xeito habitual na elaboración dos instrumentos de planeamento están recollidas no anexo I do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia.
2. En relación cos conceptos cartográficos empregados na elaboración de conxuntos de datos xeográficos, de carácter topográfico ou de temática urbanística, atenderase ás definicións contidas no Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, acordes coa lexislación básica estatal.
Artigo 3. Principios aplicables
1. O contido dos instrumentos de planeamento urbanístico deberá desenvolverse seguindo os principios de máxima sinxeleza, lexibilidade e proporcionalidade en relación coas características do ámbito territorial do documento de planeamento, conforme o artigo 83 do Regulamento da Lei do solo de Galicia.
2. De cara a garantir a máxima transparencia e a óptima difusión dos documentos de planeamento nas infraestruturas dixitais de datos espaciais, na elaboración dos instrumentos de planeamento teranse en conta os seguintes principios:
a) Interoperabilidade, entendida como a capacidade dos sistemas de información e, dos procedementos a que estes dan soporte, de compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles, conforme o Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica.
b) Difusión, poñendo á disposición da cidadanía os produtos da actividade cartográfica e facilitando o seu acceso, conforme o Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.
c) Reutilización da información, aproveitando a potencionalidade que lle outorga o desenvolvemento da sociedade da información, conforme a Lei 37/2007, do 16 de novembro, sobre reutilización da información do sector público.
TÍTULO I
Criterios de elaboración, presentación e entrega
CAPÍTULO I
Criterios xerais
Artigo 4. Documentación dos instrumentos de planeamento
1. Os instrumentos de planeamento plasmarán as súas determinacións no conxunto de documentación escrita e gráfica de que se compoñen. A documentación gráfica está formada polas distintas series de planos que conforman o documento, mentres que o resto da documentación se considera documentación escrita.
2. O contido completo do documento será recollido nun índice xeral numerado que se incorporará ao comezo do documento da memoria do plan.
3. Sen prexuízo disto, a totalidade dos documentos que compoñen o plan conterán un índice propio ao comezo de cada un deles coa sinalización das súas páxinas numeradas e con acceso ás diferentes partes do documento a través de marcadores. No caso do documento da memoria incorporarase este índice a continuación do índice xeral do plan.
4. A totalidade dos documentos do instrumento de planeamento indicará en todas as súas follas, cando menos: o nome do instrumento de planeamento, o nome do concello, o equipo redactor, a data de elaboración do documento e a fase da tramitación a que corresponda. No caso da documentación gráfica incluirase, ademais, o título do plano, a numeración ou código do plano e a escala gráfica e numérica, nunha cartela informativa que cumpra coas especificacións establecidas no anexo 5.
5. O nome do instrumento de planeamento configurarase seguindo as seguintes regras básicas:
a) En primeiro lugar, indicarase a figura de planeamento de que se trata, ou ben a súa condición de modificación, de corrección de erros ou de documento refundido dunha figura de planeamento e o número correlativo que lle corresponda, se hai máis dunha. Respecto disto, a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0.
b) En segundo lugar, identificarase o ámbito da figura de planeamento, ben sexa remitindo ao seu ámbito territorial, ao código asignado polo planeamento xeral no caso dos ámbitos de planeamento de desenvolvemento ben, ao asentamento de poboación identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns oficiais, no caso das delimitacións de núcleo rural.
c) En terceiro lugar, se procede, sinalarase o obxecto do instrumento de planeamento.
6. No caso de tratarse dunha modificación dun instrumento de planeamento, tanto na súa documentación escrita coma na gráfica deixarase constancia expresa, clara e indubitada do obxecto da modificación e dos cambios efectuados respecto ao documento orixinal.
Artigo 5. Documentación escrita
1. A documentación escrita elaborarase mediante o emprego de procesadores de texto, follas de cálculo ou as aplicacións ofimáticas que correspondan segundo o documento concreto de que se trate.
2. Todos os documentos escritos estarán paxinados con numeración correlativa referenciada ao total de páxinas.
3. Para a maquetación e presentación das follas A4 seguiranse as especificacións de formato, tamaño e posición definidas no anexo 5.
Artigo 6. Documentación gráfica
1. A documentación gráfica elaborarase mediante o emprego de sistemas de información xeográfica (SIX).
2. De ser precisa a división en follas da cartografía a escala 1:10 000 e 1:5 000 para a súa elaboración e presentación, esta división realizarase en follas de tamaño A1 segundo os marcos oficiais para a distribución de follas do sistema xeográfico de referencia.
3. Para a maquetación e presentación das follas A1 e A3 seguiranse as especificacións de formato, tamaño e posición definidas no anexo 5. Incluirase en cada plano da serie un gráfico distribuidor das follas numeradas, cos códigos dos planos, en que se remarque a folla que corresponda ao contido do plano.
Artigo 7. Abreviaturas
Os instrumentos de planeamento empregarán, tanto na documentación escrita coma na gráfica, as abreviaturas definidas no anexo 1 destas normas técnicas. Se for preciso engadir novas abreviaturas referidas a conceptos non recollidos nestas normas, respectaranse as seguintes regras:
a) Evitarase a repetición de abreviaturas para referirse a conceptos diferentes dos indicados no anexo 1.
b) No caso de tratarse da especificación dun concepto recollido na táboa do anexo 1, empregarase a mesma codificación da táboa e engadirase a continuación a abreviatura da especificación separada mediante un guión.
c) Empregaranse preferentemente letras maiúsculas.
d) O significado do resto das abreviaturas empregadas na elaboración dos instrumentos de planeamento que non estean definidas no anexo 1, especificarase nas lendas da documentación gráfica e nunha lista incorporada á normativa urbanística do documento.
Artigo 8. Simboloxía gráfica
1. Na elaboración dos instrumentos de planeamento empregaranse os parámetros de simboloxía definidos no anexo 2 destas normas técnicas.
2. O resto da simboloxía gráfica requirida durante a elaboración do documento e que non se especifique nestas normas será definida libremente polo equipo redactor garantindo unha representación homoxénea do documento. Neste caso, as cores, tramas, tipos de liña e simboloxía individualizada gardarán similitude cos definidos nestas normas, mais non darán lugar a interpretacións equívocas dos planos e evitarán a repetición de simboloxía xa establecida.
3. A totalidade da simboloxía gráfica empregada quedará recollida e identificada nos diferentes planos da documentación gráfica a través dunha lenda de simboloxía.
Artigo 9. Formatos de entrega da documentación
1. A documentación dos instrumentos de planeamento formalizarase, como mínimo, nunha copia de todo o seu contido en soporte dixital, sen prexuízo de que as administracións que contraten a formulación do planeamento poidan establecer a obriga, para o redactor do documento, de entregar as copias en soporte papel que resulten precisas.
2. A entrega do documento completo en soporte dixital incluirá dous formatos que se achegarán en dúas carpetas comprimidas independentes:
• Documento en formato non editable PDF que permita a súa sinatura electrónica posterior.
• Documento no formato editable en que se elaborase tanto a documentación escrita como a gráfica.
3. O redactor do instrumento de planeamento, ou o promotor da súa formulación, acreditará mediante unha declaración responsable que a documentación do plan que se achegue para a súa tramitación urbanística e ambiental é coincidente nos diferentes formatos en que se formalice a entrega (PDF, soporte dixital editable ou papel, de ser o caso).
4. No relativo ao soporte dixital e para garantir a ausencia de alteracións posteriores no documento achegado, calcularase o código alfanumérico correspondente á pegada dixital (función hash) das carpetas comprimidas do documento, nos seus dous formatos dixitais e acreditarase a coincidencia entre o soporte non editable e o soporte editable mediante referencia a estas pegadas.
5. A declaración responsable será elaborada de conformidade co modelo do anexo 9 destas normas técnicas e nela indicaranse o algoritmo e o formato empregado para crear as pegadas dixitais do documento en soporte dixital.
Artigo 10. Condicións do soporte dixital non editable
1. Entregarase o instrumento completo de planeamento en formato dixital non editable (PDF) debidamente dilixenciado conforme o disposto no título III destas normas técnicas.
2. Os arquivos PDF xeraranse a partir dunha impresión en PDF do documento dixital editable e nunca como un escaneado óptico do documento en papel. A resolución mínima para a documentación escrita será de 150 ppp e, para a documentación gráfica, de 300 ppp; en todo caso, o tamaño máximo de cada arquivo non superará os 30Mb para permitir o seu asinado electrónico.
3. Como regra xeral, unicamente poderán desagregarse para a súa presentación en arquivos PDF independentes as distintas series de planos da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento. Neste caso, identificarase cada arquivo PDF co código seriado do plano que corresponda, tendo en conta que a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0.
4. O resto dos documentos do plan poderán dividirse en arquivos PDF diferenciados unicamente cando excedan o tamaño máximo de arquivo permitido (30 Mb).
5. En todo caso, para os efectos de poder dilixenciar correctamente o plan, cada un dos seus documentos, tanto escritos coma gráficos, deberá optar por un formato específico de papel, no relativo ao seu tamaño e orientación, que se manterá invariable para cada arquivo PDF obxecto de sinatura. Excepcionalmente, naqueles documentos en que sexa preciso incorporar páxinas de tamaño e orientación distinta, achegarán esa parte do documento desagregada nun arquivo PDF independente.
6. Tanto no caso da documentación gráfica coma na daqueles documentos da documentación escrita que deban presentarse divididos en arquivos PDF independentes, identificarase claramente a orde dos arquivos desagregados dentro do conxunto total das partes que conforman os documentos completos orixinais dos instrumentos de planeamento.
Artigo 11. Codificación do instrumento de planeamento
1. Para unha correcta identificación e organización dos instrumentos de planeamento, as carpetas raíz do documento en soporte dixital virán identificadas coa seguinte codificación básica INE_TIP_AAAAMM_F, onde:
a) INE é o código INE do concello (INE).
b) TIP é o tipo de instrumento de planeamento, sendo o dominio posible:
• Para o planeamento xeral: PXOM: plan xeral de ordenación municipal; PBM: plan básico municipal; NNSSPP: normas subsidiarias de planeamento; PXOU: plan xeral de ordenación urbana; POMR: proxecto de ordenación do medio rural.
• Para o planeamento de desenvolvemento: PP: plan parcial; PE: plan especial; PEP: plan especial de protección; PERI: plan especial de reforma interior; PEPRI: plan especial de protección e reforma interior; PEID: plan especial de infraestruturas e dotacións; PS: plan de sectorización; PAU: programa de actuación urbanística.
• Para outras figuras de planeamento: DNR: delimitación de solo de núcleo rural; ED: estudos de detalle; DSU: delimitación de solo urbano.
No caso de que se trate dunha modificación dun destes instrumentos, a nomenclatura do tipo de instrumento (TIP) estará precedida das letras MP, no caso de que se trate dunha corrección de erros estará precedida das letras CE e, no caso de tratarse dun documento refundido, das letras DR. Nos tres casos, acompañarase a letra co número de modificación, corrección de erros ou texto refundido de que se trate, tendo en conta que a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0, segundo o seguinte formato: MP01, MP02, MP03…
c) AAAAMM é a data do documento achegado identificada co ano e co mes.
d) F é a identificación dos documentos segundo a fase de tramitación urbanística e ambiental a que correspondan, sendo o dominio posible: B: borrador; AI: documento aprobado inicialmente; PPDEAE: proposta do plan para a formulación da declaración ambiental estratéxica; PPMA: proposta do plan para a formulación da memoria ambiental (naqueles instrumentos que continúan a súa tramitación ao abeiro da Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente); AP: documento aprobado provisionalmente e AD: documento aprobado definitivamente.
No caso de que se acheguen sucesivas addendas do documento que se correspondan con cada unha das fases, indicarase a continuación da nomenclatura da fase (F) o número de addenda que se está remitindo. Respecto disto, a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0, segundo o seguinte formato: PPDEAE01, PPDEAE02…AP01, AP02….
2. Tendo en conta esta codificación básica, achegaranse dúas carpetas diferenciadas para cada un dos soportes dixitais que serán nomeadas do seguinte xeito:
• Documento dixital en formato non editable PDF: INE_TIP_AAAAMM_F_01PDF.
• Documento dixital en formato editable: INE_TIP_AAAAMM_F_02EDIT.
CAPÍTULO II
Contido e estrutura do documento dixital
Artigo 12. Contido dos instrumentos de planeamento
A documentación dos instrumentos de planeamento será a definida no Regulamento da Lei do solo de Galicia para cada tipo de instrumento, sen prexuízo de que a esta documentación se poida engadir aquela outra que se considere conveniente ou resulte precisa durante a formulación dos documentos.
Artigo 13. Estrutura e codificación do documento en formato dixital
1. Á vista do contido mínimo que indica o Regulamento da Lei do solo de Galicia para os diferentes instrumentos de planeamento e da codificación básica que se define nestas normas, establécese no anexo 4 a preceptiva estrutura e codificación de carpetas e arquivos que se debe seguir na elaboración e presentación dos documentos, co fin de estandarizar e facilitar o seu manexo. Deste xeito, o documento de planeamento en soporte dixital deberá organizarse seguindo a xerarquía e nomenclatura de carpetas definida no anexo 4, e os arquivos que o compoñan nomearanse segundo a codificación establecida.
2. A incorporación nos instrumentos de planeamento de novos documentos, epígrafes ou elementos non previstos no Regulamento da Lei do solo de Galicia, nin nestas normas técnicas, levarase a cabo de xeito ordenado e a continuación dos documentos definidos no RLSG, garantindo sempre que os instrumentos sigan a ser identificables no seu conxunto.
3. Os documentos incorporados codificaraos libremente o redactor do documento e engadiranse a continuación dos documentos definidos no Regulamento da Lei do solo de Galicia, integrándose de forma axeitada e sen alterar a estrutura establecida no anexo 4.
4. Cando non proceda incorporar algún dos documentos sinalados no Regulamento da Lei do solo de Galicia, manterase igualmente a carpeta correspondente na estrutura do plan e incluirase nela un documento no que se deixe constancia do motivo da súa falla. Este documento manterá a codificación establecida no anexo 4 para o documento ausente engadíndolle ao final o código «_NP» que indique a súa falta de procedencia.
5. Do contido mínimo do Regulamento da Lei do solo de Galicia recollido nas táboas do anexo 4 considéranse documentación gráfica, para os efectos destas normas técnicas, as series de planos identificadas nas táboas do anexo cun asterisco (*).
CAPÍTULO III
Criterios específicos para a elaboración da documentación gráfica
Artigo 14. Documentación gráfica en soporte dixital editable
1. A documentación gráfica do plan realizarase en formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) e estará definida no sistema de referencia ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989), fuso 29N.
2. Considéranse datos SIX os datos almacenados cunha referenciación xeográfica ligada a un sistema de referencia de coordenadas. Pola contra, non se consideran datos SIX aqueles pegados ou almacenados en arquivos sen un sistema de referencia de coordenadas, como son as composicións de mapas (layouts) en formato Postcript, JPEG, TIFF, PDF, EPS, WMF, PNG ou calquera outro de imaxe dixital.
3. De seren precisos, os datos en formato raster entregaranse preferentemente como bandas individuais, empregando o formato de arquivo Geographic Tag Image File Format (GeoTIFF). Para os datos tabulares, admitiranse as follas de cálculo e os arquivos delimitados por comas (.csv). A documentación escrita achegarase nos seus formatos de creación segundo sexan textos, follas de cálculo ou o tipo de documento que corresponda.
4. Como parte da documentación gráfica en formato dixital editable, requírese a achega dos arquivos de proxecto do documento (.mxd, .qgs…), a partir dos cales se xere o documento en formato non editable (PDF) e a fonte de datos (.shp, .gpkg, .gdb, .mdb, .gml, .jpg, .tiff, .pdf, .png …) empregada para a súa elaboración. Esta documentación organizarase en carpetas segundo as indicacións do anexo 4 destas normas técnicas.
5. A este respecto, no anexo 3 regúlase o modelo de datos dunha serie de arquivos vectoriais que se deben achegar con carácter preceptivo como parte da documentación gráfica en formato editable, ben como arquivos independentes, ben como parte dunha base de datos empaquetada. O resto dos arquivos vectoriais empregados para a formulación do documento tamén deberán ser achegados, ben que, o seu modelo de datos é de carácter libre.
No caso de tratarse dunha modificación puntual dun instrumento de planeamento, achegaranse os arquivos vectoriais definidos no anexo 3 que sexan precisos segundo o obxecto da modificación puntual.
6. A etiquetaxe dos datos espaciais contidos nos arquivos vectoriais regulados no anexo 3 realizarase atendendo aos parámetros de etiquetaxe definidos no anexo 2 destas normas, en consonancia co modelo de datos establecido para cada un destes arquivos.
Artigo 15. Criterios de calidade da documentación gráfica en soporte dixital editable
A documentación gráfica en soporte dixital editable elaborarase tendo en conta os seguintes criterios de calidade:
a) A información gráfica dos recintos ou ámbitos representada no documento dixital non editable (PDF) debidamente dilixenciado deberá coincidir exactamente coa contida nos arquivos vectoriais do documento dixital editable.
b) As entidades xeográficas do documento de planeamento representaranse como punto, liña ou polígono, en función da capa de información vectorial a que se refiran e segundo o indicado nas especificacións do modelo de datos do anexo 3 destas normas técnicas.
c) Os recintos, ou partes de recintos, que aparezan representados en diferentes capas ou planos deberán de ser idénticos.
d) As liñas comúns entre recintos estremeiros deberán ser idénticas, de xeito que non haxa ocos ou solapamentos entre recintos, agás en casos xustificados, como pode ser a superposición de ámbitos clasificados con distintas categorías de solo rústico.
e) Deberase controlar a asignación de códigos e de atributos ás diferentes entidades xeográficas, de xeito que se garanta que non haxa xeometrías con códigos que non existen no documento de planeamento ou atributos alfanuméricos que non pertenzan ao dominio previsto no modelo de datos do anexo 3 destas normas técnicas. Tamén se garantirá a corrección semántica na asignación de códigos e de atributos de cara a evitar posibles incongruencias ou problemas de compatibilidade.
f) As delimitacións dos recintos de planeamento deberán ter unha calidade posicional (erro menor ou igual de) axeitada á escala de representación: admítese as seguintes marxes de erro:
Escala Calidade posicional
1:10 000 2 m
1:5 000 1 m
1:2 000 0,4 m
Artigo 16. Metadatos do soporte dixital editable
A cartografía da documentación gráfica do instrumento de planeamento subministrarase acompañada dos seus metadatos, xerados conforme o núcleo español de metadatos (NEM), co fin de proporcionar a información precisa para que poida ser catalogada, compartida e explotada de xeito seguro e eficaz por todo tipo de usuarios ao longo do tempo. Durante a súa elaboración teranse en conta as indicacións da última actualización do núcleo español de metadatos (NEM).
CAPÍTULO IV
Criterios específicos do documento en formato papel
Artigo 17. Documentación en soporte papel
1. O documento en soporte papel, no caso de ser requirido, será da máxima calidade de reprodución posible, de xeito que non se perda información respecto do documento orixinal dixital e se garanta a súa lexibilidade.
2. A documentación presentarase no interior de caixas de proxecto ou arquivadores normalizados A3 ou A4, que non poderá superar de forma individual os 15 kg de peso, de acordo coa Guía técnica para a avaliación e prevención dos riscos relativos á manipulación de cargas do Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo, co fin de que poida ser manexado sen dificultade, tendo en conta a maioría da poboación.
3. Cada caixa ou arquivador achegado incluirá externamente un resumo do seu contido e estará identificado no seu lombo cunha etiqueta en que se indique, cando menos, o nome do instrumento de planeamento, o nome do concello, o equipo redactor, a data de realización do documento e a fase da tramitación a que corresponda. Para a elaboración desta etiqueta tomarase como referencia o modelo de cartela informativa definido no anexo 5 destas normas.
TÍTULO II
Base cartográfica
Artigo 18. Cartografía
1. Na elaboración da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento urbanístico empregarase como soporte a cartografía oficial rexistrada dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio.
2. Cando a cartografía dispoñible no Instituto de Estudos do Territorio non estea suficientemente actualizada ou detallada para o ámbito afectado, quen elabore o instrumento de planeamento deberá producir, previa ou simultaneamente, a cartografía necesaria de acordo coas normas cartográficas vixentes.
3. A cartografía que se elabore será posta á disposición do Instituto de Estudos do Territorio, para os efectos da súa validación e incorporación á base de datos correspondente, así como da súa inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia, conforme o disposto no capítulo III do título II do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.
4. A tramitación do instrumento de planeamento poderá continuar coas sucesivas fases establecidas no seu procedemento ata acadar a súa aprobación definitiva, con independencia do proceso de inscrición da base cartográfica elaborada no Rexistro de Cartografía de Galicia.
5. Co obxecto de facilitar a súa integración no Sistema de información territorial de Galicia, para a elaboración desta cartografía tomaranse como referencia as especificacións de produto da Base topográfica de Galicia (BTG) para as escalas 1:10 000 e 1:5 000 e as especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG) para as escalas de maior detalle ou, de ser o caso, a normativa que as substitúa. As normas BTG e BTUG correspóndense coas aprobadas pola Comisión de Coordinación de Cartografía e SIX da Xunta de Galicia e están dispoñibles para a súa descarga na páxina web da Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG).
6. Respecto delas, no anexo 8 destas normas técnicas indícase o catálogo mínimo de obxectos xeográficos que debe incorporar a base cartográfica do documento de planeamento segundo a escala requirida. En todo caso, de actualizarse a Base topográfica de Galicia (BTG), respectarase o seu modelo de datos sen alterar as especificacións definidas para cada obxecto xeográfico ou fenómeno.
7. Sen prexuízo disto, no proceso de formulación do plan admítese o emprego doutras fontes cartográficas elaboradas con suxeición ás prescricións da Lei 7/1986, do 24 de xaneiro, de ordenación da cartografía, da Lei 14/2010, do 5 de xullo, sobre as infraestruturas e os servizos de información xeográfica en España, do Real decreto 1545/2007, do 23 de novembro, polo que se regula o Sistema cartográfico nacional e demais normas cartográficas que lle sexan de aplicación (cartografía catastral, cartografía oficial do Estado…).
Artigo 19. Propiedade intelectual
1. A Xunta de Galicia posúe a propiedade intelectual e todos os dereitos sobre a información xeográfica xerada polo Instituto de Estudos do Territorio e sobre os servizos propios que utilicen esa información xeográfica e sexan prestados pola Infraestrutura de datos espaciais de Galicia (IDEG).
2. A licenza de uso baixo a cal se distribúen estes ficheiros de información xeográfica ampara o uso comercial e non comercial, a reutilización, a redistribución, a modificación e a xeración de produtos e servizos de valor engadido a partir dos produtos e servizos de datos xeográficos dixitais da Xunta de Galicia. O usuario titular da licenza comprométese a citar o Instituto de Estudos do Territorio mediante a fórmula: «Cartografía cedida por © Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia» como orixe e propietario da información xeográfica fornecida ante calquera exhibición ou difusión dela, ou de parte dela, ou de calquera produto que, aínda sendo de forma parcial, a incorpore ou derive dela.
Artigo 20. Sistema de coordenadas
A base cartográfica estará definida no sistema de referencia ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989), a orixe das altitudes terán como referencia o nivel medio do mar en Alacante e o sistema de proxección será o UTM (Universal Transversal Mercator), fuso 29N.
TÍTULO III
Disposicións comúns
Artigo 21. Criterios de interpretación
1. As dúbidas na interpretación dos instrumentos de planeamento urbanístico producidas por imprecisións ou contradicións entre os seus documentos resolveranse aplicando o principio de interpretación integrada das normas.
2. En caso de detectarse incoherencias entre os diferentes formatos de entrega do documento, prevalecerá sempre o documento dixital en formato non editable (PDF) debidamente dilixenciado, ao cal se lle atribúe a condición de disposición de carácter xeral, para os efectos do artigo 84.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e que será obxecto de inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Artigo 22. Sinatura e dilixenciado dixital
1. Os instrumentos de planeamento en soporte dixital non editable (PDF) estarán asinados dixitalmente polo redactor do plan. Ademais, deberán contar coa oportuna dilixencia, municipal ou autonómica segundo corresponda, que deixe constancia visible da condición do documento a través do texto da dilixencia e da sinatura electrónica que a acredite.
2. En todo caso, os documentos aprobados inicialmente, os aprobados provisionalmente, os aprobados definitivamente, os documentos refundidos e as correccións de erros dos instrumentos de planeamento deberán estar dilixenciados.
3. Para estes efectos, reservarase en todos os documentos do plan un espazo axeitado, libre de texto e imaxes, para estampar os datos asociados á sinatura electrónica (identificación do asinante, data e hora), o código de verificación, de ser o caso, e o texto da dilixencia que corresponda.
4. En todo caso, este espazo situarase na banda esquerda do documento para o dilixenciado da Administración municipal e na banda dereita para o dilixenciado da Administración autonómica. En relación co seu tamaño e posición seguiranse as indicacións do anexo 5 destas normas técnicas, mentres non se desenvolva a Plataforma urbanística dixital de Galicia, prevista na disposición adicional primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Artigo 23. Protección de datos no documento de planeamento
1. Para a inscrición dos instrumentos de planeamento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, segundo o previsto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e para os efectos de dar cumprimento á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como ao resto da lexislación aplicable, deben adoptarse as medidas precisas para garantir a seguridade dos datos de carácter persoal contidos no planeamento.
2. Para estes efectos, trataranse os datos de carácter persoal contidos nos documentos de planeamento mediante o oportuno procedemento de disociación que impida que aparezan no documento público datos persoais ou información que poidan asociarse a unha persoa identificada ou identificable.
Artigo 24. Publicidade das subvencións concedidas
1. Os instrumentos de planeamento que obtivesen unha subvención para a súa elaboración, ao abeiro do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reservarán na totalidade da súa documentación, tanto escrita coma gráfica, un espazo axeitado, libre de texto e imaxes, que permita dar adecuada publicidade do carácter público desta subvención.
2. En relación co tamaño e posición deste espazo, na documentación do plan seguiranse as indicacións do anexo 5 destas normas técnicas.
Artigo 25. Extracto da avaliación ambiental
O artigo 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece que xunto co acordo de aprobación definitiva, publicarase no Diario Oficial de Galicia a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público, así como, cando proceda, un extracto do procedemento de avaliación ambiental do documento. Esta información recollerase nun formulario tipo, conforme o modelo recollido no anexo 6 destas normas técnicas, que se achegará xunto co resto da documentación do procedemento de avaliación ambiental segundo a estrutura de carpetas e arquivos definida no anexo 4 destas normas.
Artigo 26. Ficha de vixencia de planeamento tras a aprobación dun documento en tramitación
1. Os instrumentos de planeamento que se estean a tramitar, así como unha vez aprobados definitivamente, contarán cunha ficha en que se recolla a vixencia do planeamento completo do concello tras a súa aprobación.
2. Nesta ficha, elaborada polo redactor do documento ou polo promotor deste, de ser o caso, deixarase constancia tanto do planeamento vixente no concello tras a aprobación definitiva do documento coma do planeamento que perde a súa vixencia e pasa a ser un instrumento histórico. Esta ficha realizarase segundo o modelo do anexo 7 e achegarase como un anexo á memoria xustificativa do documento, tal e como se indica na estrutura de carpetas e arquivos regulada no anexo 4 destas normas.
Artigo 27. Garantías nos documentos refundidos de planeamento
1. O órgano autonómico competente para a aprobación definitiva de calquera instrumento de planeamento poderá condicionar a súa eficacia á elaboración dun documento refundido. Nese caso, o Concello enviará ao órgano autonómico o documento refundido correctamente dilixenciado, conforme o disposto nestas normas técnicas, xunto cun informe municipal no que se identifiquen con claridade as partes do documento, tanto escritas coma gráficas, que foron modificadas na elaboración do documento refundido para dar cumprimento ás condicións impostas na orde de aprobación emitida.
2. O órgano autonómico, no prazo dun mes, verificará formalmente a documentación indicada neste informe e, de estar esta correcta, procederá a dilixenciar o documento.
Anexos
Anexo 1. Lista de abreviaturas.
Anexo 2. Simboloxía gráfica.
Anexo 3. Modelo de datos dos arquivos vectoriais.
Anexo 4. Estrutura e codificación de arquivos e carpetas.
Anexo 5. Modelo de cartela e formato A1, A3 e A4.
Anexo 6. Modelo de extracto ambiental.
Anexo 7. Ficha de vixencia de planeamento tras a aprobación do documento en tramitación.
Anexo 8. Catálogo mínimo de obxectos xeográficos da base topográfica do planeamento urbanístico.
Anexo 9. Declaración responsable.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!