Axencia Tributaria de GALICIA
ORDE do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia.
[sc name=»Guía del Interventor Municipal» ]
A Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, regula no seu artigo 60 que o pagamento en efectivo das débedas tributarias poderá realizarse polos medios e na forma que regulamentariamente se establezan.
O Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, entre outras materias, regula as liñas básicas de actuación das entidades de crédito que actúan como colaboradoras na xestión recadatoria da Facenda Pública e os medios susceptibles de ser utilizados para a realización do pagamento das débedas tributarias e non tributarias, concretamente o artigo 38 especifica a domiciliación bancaria como un deses posibles medios de pagamento.
Doutra banda, o artigo 96 da mencionada Lei 58/2003, do 17 de decembro, establece que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a Constitución e as leis establezan.
Así mesmo, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, fai fincapé na necesidade de fomentar as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte.
Así, a Administración tributaria autonómica tratou de impulsar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns o cumprimento das súas obrigas. Neste sentido apróbase a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras cuxa disposición adicional segunda establece a posibilidade de solicitar a domiciliación do pagamento das débedas aprazadas ou fraccionadas e regula os requisitos e o procedemento para a solicitude de domiciliación.
Continuando nesta liña, considerando a domiciliación bancaria como un medio idóneo para o pagamento das débedas tributarias e para a necesaria redución de custos para as partes interesadas, sendo o desexo da propia Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento das súas obrigas de pagamento, e dada a necesidade de establecer criterios de actuación en certos supostos en que puidesen xurdir incidencias no proceso de domiciliación do pagamento, é preciso a aprobación desta orde.
Así, na súa virtude, regúlase o procedemento de domiciliación de pagamento de débedas ante a Atriga, diferenciando dous supostos:
– O pagamento domiciliado de autoliquidacións que se presenten electronicamente para os modelos recollidos no anexo I e os requisitos e condicións para a presentación das ordes de domiciliación, das solicitudes de revogación, de rehabilitación das ordes previamente revogadas e de modificación da conta sinalada para a domiciliación, que unicamente poden presentarse electronicamente.
– O pagamento domiciliado de aprazamentos e fraccionamentos das débedas xestionadas pola Atriga e os requisitos e condicións para a presentación das ordes de domiciliación, das solicitudes de revogación, de rehabilitación das ordes previamente revogadas e de modificación da conta sinalada para a domiciliación, que poden presentarse de maneira presencial ou electronicamente.
A presente orde está composta de dezasete artigos estruturados nun título preliminar relativo ao obxecto da orde, ámbito de aplicación e débedas cuxo pagamento pode ser domiciliado, nun título primeiro onde se regula o procedemento de domiciliación tanto para o pagamento de autoliquidacións como para o pagamento de aprazamentos e fraccionamentos, e nun título segundo dirixido ás entidades colaboradoras, conta ademais cunha disposición adicional, unha disposición derrogatoria, once disposicións derradeiras e dous anexos. Os artigos regulan o obxecto da orde, as débedas cuxo pagamento pode ser domiciliado, os requisitos das contas designadas para o cargo das domiciliacións, a domiciliación do pagamento das autoliquidacións, a domiciliación do pagamento de aprazamentos e fraccionamentos concedidos polos órganos da Atriga, a xestión das domiciliacións, o momento do pagamento e liberación do obrigado fronte á Atriga e o ingreso nas contas restrinxidas e achega de información polas entidades colaboradoras á Atriga.
Así mesmo, a través desta orde modifícase o anexo II da Orde do 23 de novembro de 2001 de recadación executiva de multas e sancións para introducir o recadro onde se recollen os meses de prescrición, a Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras para os efectos de actualizar os anexos e os modelos de ingreso. Por último, modifícanse diversas ordes que regulan as normas de aplicación dos impostos propios e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo para os efectos de introducir a modalidade de pagamento domiciliado.
O seu contido adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O texto da orde foi sometido ao trámite de información pública regulado no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, conta con todos os informes preceptivos, incluídos o informe tecnolóxico-funcional da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o informe da Asesoría Xurídica.
Así, en virtude do exposto, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,
ACORDO:
TÍTULO PRELIMINAR
Consideracións xerais
CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación
Artigo 1. Obxecto da orde e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten como obxecto a regulación da domiciliación bancaria como medio de pagamento de determinadas débedas tributarias xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
2. Esta orde non resulta de aplicación no caso de domiciliación de débedas aprazadas ou fraccionadas correspondentes a taxas e prezos. Esta seguirá rexéndose polo previsto na disposición adicional segunda da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras ata que non se regule expresamente.
CAPÍTULO II
Débedas obxecto de domiciliación
Artigo 2. Débedas cuxo pagamento pode ser domiciliado
Os obrigados ao pagamento, salvo aqueles a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, poderán utilizar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas resultantes de:
a) As autoliquidacións que se relacionan no anexo I, sempre que a súa presentación se leve a cabo por vía electrónica a través da Oficina Virtual Tributaria (en diante, OVT) da Atriga. (Procedemento administrativo FA011A na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal).
b) Os aprazamentos e fraccionamentos de pagamento concedidos polos órganos competentes da Atriga. (Procedemento administrativo FA011B na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal).
TÍTULO I
Procedemento de domiciliación
CAPÍTULO I
Requisitos das contas designadas para a domiciliación
Artigo 3. Requisitos das contas designadas para o cargo de domiciliacións
1. As contas designadas polos obrigados ao pagamento para levar a cabo o cargo do importe das débedas domiciliadas deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Ser de titularidade do obrigado ao pagamento.
b) Tratarse dunha conta á vista ou dunha conta de aforro que admita a domiciliación de pagamentos.
c) Estar abertas nunha entidade de crédito autorizada para actuar como colaboradora na xestión recadatoria da Atriga.
2. Carecerán de efectos as ordes de domiciliación en contas que non reúnan os requisitos anteriores, polo que o obrigado deberá responder ante a Atriga da posible falta de pagamento ou do pagamento fóra de prazo do importe domiciliado, nos termos que estableza a normativa vixente en cada caso e iso sen prexuízo da posibilidade de corrección prevista nos artigos seguintes da presente orde respecto daquelas ordes de domiciliación que resulten defectuosas.
CAPÍTULO II
Procedemento de domiciliación do pagamento de autoliquidacións
Artigo 4. Lexitimación
1. Os obrigados tributarios ou, se for o caso, os seus representantes legais ou voluntarios con poderes suficientes para iso poderán ordenar a domiciliación do pagamento das débedas tributarias resultantes das autoliquidacións a que se refire o artigo 2.a) da presente orde.
2. As persoas ou entidades autorizadas a presentar por vía electrónica declaracións en representación de terceiras persoas, de acordo co disposto no Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, poderán dar traslado á Atriga por esta vía das ordes de domiciliación que previamente lle comunicaron os obrigados tributarios en cuxo nome actúan.
Artigo 5. Procedemento e prazos
1. A domiciliación das débedas tributarias resultantes de autoliquidacións deberá ordenarse ao tempo de efectuar a presentación da autoliquidación a través da Oficina Virtual do enderezo electrónico da Atriga sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo.
Para a realización desta operación exixirase ao presentador, en todo caso, sistema de sinatura electrónica.
2. Naqueles casos en que a presentación electrónica da declaración con orde de domiciliación fose aceptada, a Atriga confirmará en pantalla este aspecto ao presentador e mostraralle os seus datos da mesma, facendo constar, ademais da data e a hora da presentación, un código seguro de verificación (en diante, CSV) formado por dezaseis caracteres e a codificación da conta consignada para o cargo do importe domiciliado.
O presentador deberá conservar a mensaxe de aceptación, que servirá de acreditación tanto da presentación da declaración como da orde de domiciliación.
3. No caso de que a presentación electrónica da declaración con orde de domiciliación fose rexeitada a través da OVT da Atriga, mostrarase en pantalla ao presentador a descrición dos erros detectados, co fin de que poida levar a cabo a súa posterior corrección.
Artigo 6. Modificación da conta de domiciliación
1. Poderá solicitarse á Atriga a modificación da conta de domiciliación previamente ordenada, de acordo coas seguintes condicións:
a) A modificación deberá solicitarse, en todo caso, por vía electrónica a través da OVT da Atriga utilizando o sistema de sinatura electrónica.
b) A modificación deberá solicitarse sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo.
A Atriga mostrará en pantalla a información acerca da aceptación ou do rexeitamento da solicitude.
2. Se a solicitude de modificación da conta resulta aceptada, a Atriga confirmará este aspecto en pantalla ao solicitante, o cal deberá conservar a mensaxe de aceptación, que servirá de xustificación da modificación efectuada.
3. Se a solicitude de modificación da conta resultase rexeitada, a Atriga mostrará en pantalla ao solicitante as causas do rexeitamento, para os efectos de que, se for o caso, proceda á súa corrección. Aquelas solicitudes que non fosen aceptadas a través da OVT da Atriga, non producirán efectos ante esta, polo que a domiciliación do pagamento será tramitada de acordo cos datos inicialmente consignados ao presentar electronicamente a autoliquidación.
Artigo 7. Revogación de ordes de domiciliación
1. Poderán ser revogadas ante a Atriga aquelas domiciliacións que fosen ordenadas ao tempo de efectuar a presentación electrónica das autoliquidacións, nos seguintes termos:
a) A revogación deberá comunicarse, en todo caso, por vía electrónica a través da OVT da Atriga, empregando o sistema de sintura electrónica.
b) A revogación deberá comunicarse sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo.
A Atriga mostrará en pantalla ao presentador a información relativa á aceptación ou ao rexeitamento da solicitude de revogación.
2. Se a solicitude de revogación resulta aceptada, a Atriga confirmará este aspecto en pantalla ao solicitante, o cal deberá conservar a mensaxe de aceptación, que servirá de xustificación da revogación efectuada.
3. Se a solicitude de revogación é rexeitada, a Atriga mostrará en pantalla ao solicitante as causas do rexeitamento, para os efectos de que, se for o caso, proceda á súa corrección.
No caso de que a petición de revogación resulte aceptada, a Atriga non dará curso posterior á domiciliación, polo que o obrigado tributario poderá proceder ao ingreso da débeda a través de calquera das entidades de crédito que actúan como colaboradoras na xestión recadatoria da Atriga.
O devandito ingreso poderá realizarse, de acordo coa normativa vixente de cada tributo, de forma presencial ou por vía electrónica a través da OVT da Atriga, aínda que neste último caso, o número de referencia completo (en diante, NRC) obtido non deberá utilizarse a efectos de presentación da autoliquidación, posto que esta xa sería presentada electronicamente con anterioridade. Aquelas revogacións que non fosen aceptadas a través da OVT da Atriga non producirán efectos ante esta, polo que a domiciliación do pagamento se tramitará ante a entidade colaboradora en que se atope aberta a conta en que inicialmente domiciliou o ingreso.
Artigo 8. Rehabilitación de ordes de domiciliación previamente revogadas
1. Aquelas ordes de domiciliación de autoliquidacións que fosen obxecto de revogación a través da OVT da Atriga poderán ser posteriormente rehabilitadas, nas condicións seguintes:
a) A rehabilitación deberá solicitarse necesariamente por vía electrónica a través da OVT da Atriga, utilizando o sistema de sinatura electrónica.
b) A rehabilitación deberá solicitarse sempre antes dos últimos 5 días hábiles do prazo de presentación establecido na normativa reguladora de cada tributo.
A Atriga mostrará en pantalla ao presentador a información relativa á aceptación ou ao rexeitamento da solicitude de rehabilitación.
2. Se a solicitude de rehabilitación é aceptada, a Atriga confirmará este aspecto en pantalla ao solicitante, o cal deberá conservar a mensaxe de aceptación, que servirá de xustificación da rehabilitación efectuada.
3. Se a solicitude de rehabilitación resulta rexeitada, a Atriga mostrará en pantalla ao solicitante as causas do rexeitamento, para os efectos de que, se for o caso, proceda á súa corrección. Se a petición de rehabilitación resulta aceptada, a Atriga tramitará a domiciliación orixinariamente ordenada ante a entidade colaboradora en que se atope aberta a conta designada para tales efectos no momento de presentar electronicamente a autoliquidación.
Non producirán efectos aquelas solicitudes de rehabilitación que non fosen aceptadas a través da OVT da Atriga, polo que nestes casos a orde de domiciliación continuará revogada.
Artigo 9. Modificación ou rectificación de datos de autoliquidacións
Naqueles supostos en que o obrigado tributario, ademais de rectificar, revogar ou rehabilitar a orde de domiciliación do pagamento da débeda tributaria que vai a ingresar, desexe modificar calquera outro dato da respectiva autoliquidación, deberá solicitar ao órgano competente da Atriga a rectificación da súa autoliquidación nos termos previstos no artigo 120.3 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, e nos artigos 126 e seguintes do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo ou, se for o caso, presentar a correspondente autoliquidación complementaria, segundo o previsto no artigo 122 da citada lei e no artigo 119 do texto regulamentario mencionado.
CAPÍTULO III
Procedemento de domiciliación do pagamento
de aprazamentos e fraccionamentos
Artigo 10. Lexitimación
1. Os obrigados tributarios ou, de ser o caso, os seus representantes legais ou voluntarios con poderes suficientes, poderán solicitar a domiciliación bancaria como medio de pagamento das débedas tributarias nos supostos de aprazamento ou fraccionamento.
2. Non poderán solicitala aqueles a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro.
Artigo 11. Procedemento e prazos
1. A domiciliación do pagamento das débedas obxecto de aprazamento ou fraccionamento será ordenada na solicitude, que se presentará ante a Xunta de Galicia, por vía electrónica a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, podendo empregar o modelo de solicitude de aprazamento/fraccionamento dispoñible no enderezo http://atriga.gal/a-axencia-tributaria-de-galicia/servizos/modelos-e-formularios/modelos-e-formularios-para-tramites-administrativos/modelos-e-formularios-de-recadacion, indicando a codificación da conta en que se desexa domiciliar o pagamento, cos requisitos que se establecen no artigo 3 desta orde.
2. A data de cargo en conta de tales domiciliacións será sempre o día 20 do mes que corresponda ao vencemento do prazo ou fracción acordada ou o inmediato hábil seguinte.
Os obrigados ao pagamento de aprazamentos ou fraccionamentos concedidos poderán solicitar a domiciliación do pagamento dos vencementos restantes.
3. A solicitude de domiciliación deberá presentarse antes do día 5 do mes anterior ao do primeiro vencemento que se desexe solicitar.
Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, o obrigado ao pagamento deberá continuar ingresando os vencementos posteriores mediante documento de ingreso ata a resolución da súa petición.
4. O órgano competente en materia de recadación deberá ditar resolución expresa sobre a petición de domiciliación no prazo de tres meses desde esta. Transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa, entenderase concedida a petición.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos ou non se axusta á forma indicada, o órgano competente en materia de recadación que tramita a dita solicitude requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto ou acompañe o preceptivo documento coa indicación de que, se así non se fixese, se tería por desistido da súa solicitude.
Artigo 12. Modificación da conta de domiciliación
1. Os obrigados a realizar o pagamento e os seus representantes legais ou voluntarios poderán solicitar á Atriga a modificación da conta de domiciliación previamente ordenada. Nestes casos, a solicitude deberá presentarse ante a Xunta de Galicia, por vía electrónica a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. Para que produza efectos esta modificación deberá ser dirixida ao órgano en materia de recadación que tramite o expediente antes do día 5 do mes anterior a aquel en que teña que efectuarse o cargo na nova conta designada.
3. Se a comunicación da nova conta non reúne os requisitos ou non se xustifica na maneira indicada, o órgano competente en materia de recadación que tramita a dita solicitude requirirá ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe o preceptivo documento coa indicación de que, se así non se fixese, se tería por desistido da súa solicitude de cambio de conta e se considerará que a domiciliación persiste na conta anteriormente comunicada.
Artigo 13. Revogación de ordes de domiciliación
O obrigado ao pagamento poderá revogar unha orde de domiciliación previamente ordenada renunciando así á domiciliación, aínda que deberá comunicar a dita circunstancia ao órgano competente en materia de recadación que tramite o expediente, ben por vía electrónica a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, antes do día 5 do mes anterior a aquel en que se deba efectuar o cargo.
Ao mesmo tempo, solicitará ao órgano competente en materia de recadación que tramitou o aprazamento ou fraccionamento os documentos de ingreso que fagan posible a realización do pagamento nos mesmos vencementos que no momento da renuncia estivesen establecidos. Tamén, se é o caso, poderá obter os devanditos documentos en calquera delegación da Atriga.
Artigo 14. Rehabilitación de ordes de domiciliación previamente revogadas
O obrigado ao pagamento poderá ordenar de novo a domiciliación en calquera momento durante a vixencia do acordo de aprazamento ou fraccionamento mediante escrito que deberá presentarse ante a Xunta de Galicia, por vía electrónica a través do formulario xenérico PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, indicando a codificación da conta en que se desexa domiciliar o pagamento, cos requisitos que se establecen no artigo 3 desta orde. A solicitude de domiciliación deberá presentarse antes do día 5 do mes anterior ao do primeiro vencemento que se desexe solicitar.
TÍTULO II
Entidades colaboradoras
Artigo 15. Xestión das domiciliacións
1. Ficheiros de domiciliacións. A Atriga xerará, para cada entidade colaboradora, un ficheiro coas domiciliacións ordenadas en contas abertas nela.
O devandito ficheiro axustarase ás especificacións técnicas que se recollen no anexo II.
O ficheiro será posto á disposición das entidades colaboradoras coa antelación suficiente para que estas poidan levar a cabo os procesos necesarios para o cumprimento das respectivas ordes de domiciliación. O período de antelación será de 6 días naturais anteriores ao día do vencemento que corresponda.
2. Cargo na conta do obrigado ao pagamento. O día do vencemento que en cada caso corresponda, a entidade colaboradora efectuará o cargo dos importes domiciliados nas contas dos respectivos obrigados ao pagamento e abonará inmediatamente os mesmos na conta restrinxida para a recadación de tributos que corresponda, salvo que a conta designada polo obrigado non cumpra ningún dos requisitos establecidos no artigo 3 da presente orde ou nela non exista o día do vencemento saldo dispoñible suficiente para atender o pagamento íntegro do importe domiciliado. O cargo deberá efectuarse, en todo caso, polo importe íntegro da débeda domiciliada, sen que poidan levar a cabo cargos por importes parciais.
Así mesmo, a entidade colaboradora deberá realizar o cargo dos importes domiciliados na mesma conta que figure no ficheiro recibido da Atriga, sendo de exclusiva responsabilidade da entidade calquera incidencia que se puidese producir polo feito de que o cargo se leve a cabo nunha conta distinta.
Artigo 16. Momento do pagamento e liberación do obrigado fronte á Atriga
1. O pagamento das débedas domiciliadas considerarase efectuado na data en que se produza o cargo na conta do obrigado, carecendo de efectos fronte á Atriga a data en que a entidade colaboradora valore contablemente a operación de cargo.
2. Unha vez realizado o cargo na conta de domiciliación e, para efectos de xustificación do pagamento, a entidade colaboradora emitirá e fará chegar ao obrigado ao pagamento un recibo co contido mínimo seguinte: número de conta, data do ingreso, total ingresado, NIF, nome ou razón social do obrigado ao pagamento, expediente, clave de liquidación (no caso de pagamento domiciliado de autoliquidacións), número de xustificante; e ademais, no caso de pagamento domiciliado de aprazamentos ou fraccionamentos, número de prazo, importe do prazo e xuros. Xunto coa lenda «Este cargo produce os efectos liberatorios para co Tesouro Público da Facenda Galega previstos no Regulamento xeral de recadación».
3. Sen prexuízo do previsto no artigo 38.3 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, cando non se producise o cargo en conta dos importes domiciliados, aínda por causa non imputable aos obrigados, estes non quedarán liberados fronte á Atriga da obriga de ingresar o importe da débeda domiciliada.
4. Para os efectos da aplicación do precepto regulamentario citado no parágrafo anterior, considerarase que non resulta imputable ao obrigado a falta de cargo ou o cargo fóra de prazo cando concorresen simultaneamente as seguintes condicións:
a) Que a domiciliación do pagamento se levou a cabo respectando os prazos, procedementos e condicións establecidos normativamente en cada caso.
b) Que a conta designada para o cargo do importe domiciliado sexa de titularidade do obrigado.
c) Que na dita conta existise, o día do vencemento, saldo dispoñible suficiente para atender integramente a domiciliación.
Artigo 17. Ingreso nas contas restrinxidas e achega de información polas entidades colaboradoras á Atriga
O ingreso das cantidades recadadas mediante domiciliación polas entidades colaboradoras, así como a achega por estas da correspondente información de detalle á Atriga realizaranse de acordo co establecido na Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.
Disposición adicional. Habilitación normativa
Habilítase a persoa titular da dirección da Atriga para actualizar, cando sexa preciso, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde co obxecto de mantelos adaptados á normativa aplicable.
Disposición derrogatoria. Derrogación normativa
1. Derrógase a disposición adicional segunda da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan os procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras, salvo para o pagamento fraccionado ou aprazado de taxas e prezos cuxa domiciliación seguirase rexendo pola antedita orde.
2. Queda derrogada a disposición adicional terceira da mesma orde.
3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 23 de novembro de 2001 que regula o Procedemento de recadación voluntaria e executiva das multas e sancións
Substitúese o anexo II a que se refire o punto segundo da orde polo seguinte:
ANEXO II
ÓRGANO SANCIONADOR…………………………………….
CLAVE..…………………………………………………………
Don/Dona……………………………………………como……………………………………..
CERTIFICO: que as persoas ou entidades que a seguir se relacionan non pagaron as sancións administrativas firmes impostas por infracción das disposicións vixentes.
Nome ou razón social do debedor NIF/CIF Número do expediente Domicilio Importe da sanción Data de vencemento do período voluntario Meses de prescrición
En……..……, ………… de ……………………………… 20..
O ……………………………………
Disposición derradeira segunda. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras
1. Modifícanse as letras a) e b) do número 2 do artigo 1 que quedan redactadas como segue:
«a) Tesouro Público da Facenda Galega: conta restrinxida de colaboración na recadación da Consellería de Facenda de declaracións-liquidacións ou autoliquidacións. Nesta conta recolleranse os ingresos que resulten de declaracións-liquidacións ou autoliquidacións e de taxas, prezos públicos e sancións ingresadas por vía telemática formulados nos modelos regulamentariamente establecidos que figuran como anexo I.
b) Tesouro Público da Facenda Galega: conta restrinxida de colaboración na recadación da Consellería de Facenda de liquidacións practicadas pola Administración. Nesta conta recolleranse os ingresos derivados de liquidacións practicadas pola Administración, tanto en período voluntario como en vía executiva, así como os ingresos procedentes de embargos formulados nos modelos regulamentariamente establecidos que figuran como anexo II».
2. Modifícase o anexo I que queda redactado como segue:
«Anexo I. Modelos de ingreso de declaracións-liquidacións, autoliquidacións e de taxas, prezos e sancións vía telemática.
Modelo 002. Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación directa.
Modelo 003. Imposto sobre a contaminación atmosférica. Autoliquidación anual.
Modelo 011. Imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada. Autoliquidación.
Modelo 012. Canon eólico. Autoliquidación.
Modelo 013. Imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM). Autoliquidación.
Modelo 041. Taxa fiscal de apostas deportivas e de competición. Autoliquidación.
Modelo 043. Taxa fiscal sobre o xogo. Bingo. Autoliquidación.
Modelo 044. Taxa fiscal sobre o xogo. Casinos. Autoliquidación.
Modelo 045. Taxa fiscal do xogo. Máquinas de xogo.
Modelo 046. Taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo. Resumo de autoliquidacións.
Modelo 600. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
Modelo 610. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Pagamento en metálico do imposto que grava os documentos mercantís admitidos a negociación ou cobramento por entidades colaboradoras.
Modelo 615. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Pagamento en metálico do imposto que grava a emisión de documentos que leven aparellada acción cambiaria ou sexan endosables á orde.
Modelo 620. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Transmisión de determinados medios de transporte usados.
Modelo 630. Imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Pagamento en metálico do imposto que grava as letras de cambio.
Modelo 650. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-sucesións.
Modelo 651. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-doazóns.
Modelo 717. Autoliquidacións telemáticas ou con NRC.
Modelo 731. Taxas prezos e sancións
Modelo 739. Taxas prezos e sancións vía telemática».
3. Modifícase o anexo II que queda redactado como segue:
«Anexo II. Modelos de ingreso de liquidacións notificadas, domiciliación de autoliquidacións e vencementos de prazos.
Modelo 707. Liquidacións practicadas pola Administración.
Modelo 708. Pagamentos aprazados ou fraccionados.
Modelo 990. Providencia de constrinximento.
Modelo 991. Ingresos en zona.
Modelo 992. Embargo efectivo.
Modelo 993. Embargo contas.
Modelo 994. Embargo créditos.
Modelo 995. Embargo inmobles.
Modelo 996. Outros embargos.
Modelo 998. Embargos mecanizados.
Modelo 735. Pagamentos domiciliados de taxas e prezos.
Modelo 736. Domiciliación autoliquidacións».
4. Incorpórase unha disposición adicional segunda coa seguinte redacción:
«Disposición adicional segunda. Habilitación
Habilítase a persoa titular da dirección da Atriga para actualizar, cando sexa preciso, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde co obxecto de mantelos adaptados á normativa aplicable».
Disposición derradeira terceira. Modificación da Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos
Modifícase o número 2 do artigo 4 da Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, quedando redactado como segue:
«2. O suxeito pasivo aplicará a tarifa anual vixente á base impoñible acumulada desde o comezo do ano natural ata o último día do trimestre de que se trate, aplicando a cada un dos tramos de base o tipo correspondente da tarifa e deducindo da cota total resultante o importe correspondente ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores do mesmo ano. No caso de iniciación da actividade despois de que o ano dese comezo, a acumulación empezará con ela e terminará, en todo caso, ao final do ano natural. Unha vez calculada a débeda tributaria, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera das formas sinaladas no número 3 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante o órgano ou unidade administrativa competente unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación telemática da autoliquidación».
Disposición derradeira cuarta. Modificación da Orde do 25 de marzo de 2011 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada
Modifícase o número 2 do artigo 5 da Orde do 25 de marzo de 2011 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada, quedando redactado como segue:
«2. Os suxeitos pasivos declararán os datos necesarios para proceder ao cálculo da débeda tributaria e, unha vez calculada esta, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera das maneiras sinaladas no número 3 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a xefatura territorial correspondente unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación telemática da autoliquidación».
Disposición derradeira quinta. Modificación da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico
Modifícase o número 1 do artigo 15 da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico, quedando redactado como segue:
«1. Unha vez confeccionado e confirmado o correspondente modelo 012, conforme o sinalado no artigo 14, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera das maneiras sinaladas no número 2 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación».
Disposición final sexta. Modificación da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo
Modifícase o número 1 do artigo 13 da Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se regula a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, quedando redactado como segue:
«1. Unha vez confeccionado e confirmado o correspondente modelo 043, conforme o sinalado no artigo 12, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade positiva resultante da autoliquidación, de calquera das formas sinaladas no número 2 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a Axencia Tributaria de Galicia solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa tributaria e sen que se poida entender presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación».
Disposición derradeira sétima. Modificación da Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo
Modifícase o número 2 do artigo 9 da Orde do 17 de marzo de 2014 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, quedando redactado como segue:
«2. A aplicación informática xerará unha única carta de pagamento por modelo 046, correspondente ás débedas tributarias dos modelos 045 que apoie. Para estes efectos, a carta de pagamento que xerará a aplicación acumulará todos os importes que se ingresarán de cada unha das autoliquidacións correspondentes ás máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar na Atriga. O suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade resultante da carta de pagamento, de calquera das formas sinaladas neste artigo ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar no propio modelo 046 que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda de acordo coa normativa xeral tributaria. Neste último caso, deberá presentar ante a Atriga unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa de aplicación e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica do modelo 046 e as autoliquidacións que apoia».
Disposición derradeira oitava. Modificación da Orde do 29 de xaneiro de 2015 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre a contaminación atmosférica
Modifícase o número 1 do artigo 19 da Orde do 29 de setembro de 2015 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre a contaminación atmosférica, quedando redactado como segue:
«1. Unha vez confeccionado e confirmado o correspondente modelo 002 ou 003 segundo corresponda, conforme o sinalado no artigo 18, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación, de calquera das maneiras sinaladas no número 2 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa tributaria e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación».
Disposición derradeira novena. Modificación da Orde do 20 de outubro de 2015 pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e modifícanse determinadas normas tributarias
Modifícase o número 1 do artigo 9 da Orde do 20 de outubro de 2015 pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e modifícanse determinadas normas tributarias, quedando redactado como segue:
«1. Unha vez confeccionado e confirmado o impreso 041 conforme o sinalado nos artigos anteriores, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade positiva resultante da autoliquidación, de calquera das maneiras sinaladas no número 2 ou ordenando a súa domiciliación, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa tributaria e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación».
Disposición derradeira décima. Modificación da Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se establecen as normas de aplicación do imposto compensatorio ambiental mineiro
Modifícase o número 1 do artigo 14 da Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se establecen as normas de aplicación do imposto compensatorio ambiental mineiro, quedando redactado como segue:
«1. Unha vez confeccionado e confirmado o impreso 013 conforme o sinalado no artigo 13, o suxeito pasivo deberá ou ben realizar o pagamento da cantidade positiva resultante da autoliquidación, de calquera das formas sinaladas no número 2 ou ordenando a súa domiciliación do mesmo, ou ben marcar na propia autoliquidación que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda. Neste último caso, deberá presentarse ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa tributaria e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación».
Disposición derradeira undécima. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día 1 do mes seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda
ANEXO I
Relación de modelos de autoliquidacións cuxo ingreso pode ser domiciliado
a través das entidades colaboradoras da Atriga
Modelo 002. Modelo de autoliquidación dos pagamentos mensuais á conta do imposto sobre a contaminación atmosférica.
Modelo 003. Modelo de autoliquidación anual do imposto sobre a contaminación atmosférica.
Modelo 011. Modelo de autoliquidación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada.
Modelo 012. Modelo de autoliquidación do canon eólico.
Modelo 013. Modelo de autoliquidación do imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM).
Modelo 041. Modelo de autoliquidación da taxa fiscal de apostas deportivas e de competición.
Modelo 043. Taxa fiscal sobre o xogo. Bingo. Autoliquidación.
Modelo 044. Taxa fiscal sobre o xogo. Casinos. Autoliquidación.
Modelo 045. Modelo de autoliquidación da taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo.
Modelo 046. Modelo resumo de autoliquidacións presentadas da taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo.
Modelo 600. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
Modelo 620. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Transmisión de determinados medios de transporte usados
Modelo 650. Imposto sobre sucesións e doazóns: autoliquidación-sucesións.
Modelo 651. Imposto sobre sucesións e doazóns: autoliquidación-doazóns.
ANEXO II
Ficheiro de ordes de domiciliación. Especificacións técnicas.
O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico e Contable (en diante, Cixtec) obterá por entidade colaboradora os importes para ingresar mediante domiciliación en función do IBAN. A distribución da devandita información realizarase mediante ficheiro 6 días naturais anteriores ao vencemento da débeda correspondente. Os ficheiros enviaranse diariamente, sábados, domingos e festivos inclusive.
O día do vencemento as entidades colaboradoras procederán, se é o caso, a cargar na conta o importe total de cada un dos pagamentos comunicados pola Atriga aboándoo inmediatamente na conta restrinxida para a recadación de tributos que corresponda. En ningún caso, admitiranse cargos que correspondan a ingresos parciais.
1. Estrutura dos rexistros de domiciliación.
A continuación detállase a información que se enviará en cada un dos campos dos diferentes tipos de rexistro.
As zonas «libre» de todos os rexistros, irán sempre a espazos. Todos os importes figurarán con dúas posicións decimais (céntimos), axustados á dereita, e completados con ceros a súa esquerda, cando sexa necesario.
1.1. Estrutura do ficheiro.
No ficheiro inclúense os seguintes tipos de rexistro (segundo se indica no primeiro carácter de cada liña):
Tipo rexistro Descrición
1 Cabeceira entidade receptora
2 Cabeceira entidade colaboradora
3 Detalle de domiciliacións a tratar
5 Fin entidade colaboradora
6 Fin de transmisión
Cabe destacar a non existencia do rexistro tipo 4.
No caso de que unha mesma entidade receptora xestione domiciliacións de varias entidades colaboradoras, enviaranse todas no mesmo ficheiro, agrupando cada bloque de domiciliacións (tipo rexistro 3) dentro dos bloques cabeceira e pé de cada unha das entidades colaboradoras. É dicir, a orde de gravación dos rexistros será similar ao seguinte:
1. Cabeceira entidade receptora.
2. Cabeceira entidade colaboradora.
3. Detalle (comeza a secuenciación).
…
5. Fin entidade colaboradora.
2. Cabeceira entidade colaboradora.
3. Detalle (comeza a secuenciación).
…
5. Fin entidade colaboradora.
…
6. Fin de transmisión.
1.2. Deseño dos rexistros.
1.2.1. Deseño do rexistro cabeceira para a entidade receptora (tipo 1).
Posición Tipo Tamaño Descrición
1-1 Numérico 1 Tipo rexistro (1)
2-5 Numérico 4 Clave entidade receptora
6-6 Alfanumérico 1 Tipo presentación (D)
7-7 Alfanumérico 1 Tipo domiciliación (A)
8-13 Numérico 6 Mes vencemento (formato AAAAMM)
14-22 Alfanumérico 9 NIF da xunta (S1511001H)
23-30 Alfanumérico 8 Data confeción (formato AAAAMMDD)
31-32 Numérico 2 Día vencemento (formato DD)
33-500 Alfanumérico 468 Libres
1.2.2. Deseño do rexistro cabeceira de entidade colaboradora (tipo 2).
Posición Tipo Tamaño Descrición
1-1 Numérico 1 Tipo rexistro (2)
2-5 Numérico 4 Entidade colaboradora
6-6 Alfanumérico 1 Tipo presentación (D)
7-7 Alfanumérico 1 Tipo domiciliación (A)
8-13 Numérico 6 Mes vencemento (formato AAAAMM)
14-15 Numérico 2 Día vencemento (formato DD)
16-500 Alfanumérico 485 Libres
1.2.3. Deseño do rexistro detalle da domiciliación (tipo 3).
Posición Tipo Tamaño Descrición
1-1 Numérico 1 Tipo rexistro (3)
2-8 Numérico 7 Número de secuencia
9-10 Numérico 2 Delegación da débeda
11-15 Numérico 5 Libres (ceros)
16-24 Alfanumérico 9 NIF do debedor
25-64 Alfanumérico 40 Nome ou razón social debedor
65-104 Alfanumérico 40 Domicilio do debedor
105-109 Alfanumérico 5 Código postal do debedor
110-121 Alfanumérico 12 Municipio do debedor
122-141 Alfanumérico 20 Expediente
142-154 Alfanumérico 13 Número xustificante
155-174 Alfanumérico 20 Clave liquidación
175-186 Numérico 12 Número referencia
187-188 Numérico 2 Número do prazo
189-196 Numérico 8 Data vencemento (formato AAAAMMDD)
197-209 Numérico 13 Importe do prazo (en céntimos de euro)
210-222 Numérico 13 Xuros (en céntimos de euro)
223-235 Numérico 13 Total a ingresar (en céntimos de euro)
236-255 Numérico 20 Código conta-cliente
256-500 Alfanumérico 245 Libres
1.2.4. Deseño do rexistro fin de entidade colaboradora (tipo 5).
Posición Tipo Tamaño Descrición
1-1 Numérico 1 Tipo rexistro (5)
2-8 Numérico 7 Número de secuencia
9-21 Numérico 13 Número rexistros tipo 2, 3 e 5
22-36 Numérico 15 Suma importe a ingresar
37-40 Numérico 4 Entidade colaboradora
41-500 Alfanumérico 460 Libres
1.2.5. Deseño do rexistro fin de transmisión (tipo 6).
Posición Tipo Tamaño Descrición
1-1 Numérico 1 Tipo rexistro (6)
2-5 Numérico 4 Entidade receptora
6-7 Numérico 2 Número entidades colaboradoras
8-14 Numérico 7 Número rexistros tipo 1, 2, 3, 5 e 6
15-500 Alfanumérico 486 Libres
2. Correspondencia entre domiciliacións e ingresos.
As domiciliacións enviadas polo sistema descrito anteriormente corresponderanse co rexistro de detalle de documentos notificados (tipo 3) do ficheiro de comunicación de ingresos. Por esta razón, o campo «tipo de ingreso» tanto do rexistro de entidade presentadora (tipo 1) como do rexistro de cabeceira de entidades colaboradoras (tipo 2) cubrirase co valor «L» (liquidación).
A correspondencia entre os rexistros tipo 3 será a seguinte:
Ficheiro ingresos Ficheiro domiciliacións
Posición Descrición Posición Descrición
9-11 Código de modelo 142-144 3 primeiras posicións do número de xustificante
14-27 Xustificante 142-153 Núm. xustificante sen díxito de control (posición 154)
28-29 Díxito de control 154 Última posición do número de xustificante
30-37 Data ingreso 189-196 Data vencemento
38-50 Importe do ingreso 223-235 Total a ingresar
56-64 NIF do debedor 16-24 NIF do debedor
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!