Abastecemento nos episodios de seca GALICIA
LEI 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.
[sc name=»secretario» ]
Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en: dapp@dappeditorial.es
Exposición de motivos
I
A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, enumera os principios xerais da política de augas da Comunidade Autónoma de Galicia. En materia de abastecemento, esta política fundaméntase en que a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades locais no ámbito do abastecemento de poboacións garantirá a subministración de auga en cantidade e calidade adecuada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable.
A garantía na subministración de auga en cantidade e calidade adecuada exixe a existencia dun marco de coordinación idóneo entre todas as administracións con competencias na materia. Con esta finalidade, a propia Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, regula as competencias tanto da Administración hidráulica de Galicia coma das entidades locais, e establece mecanismos para a colaboración entre as distintas administracións.
Con carácter xeral, esta regulación foi eficaz e permitiu mellorar a xestión dos sistemas de abastecemento e a construción de importantes infraestruturas, coa finalidade de incrementar a garantía na subministración da auga. Con todo, nos últimos anos, os períodos de escaseza de precipitacións e, derivado diso, de diminución dos recursos hídricos dispoñibles, a existencia de eventos que poden reducir puntualmente a calidade da auga destinada ao consumo humano ou os efectos do cambio climático puxeron de manifesto a existencia de situacións nas cales a garantía do abastecemento pode chegar a estar comprometida, tanto na súa cantidade coma na súa calidade.
Reverter estas situacións exixe, en xeral, unha resposta áxil, acertada, coordinada e colaborativa por parte de todas as administracións competentes. Por iso, considérase necesario dotar esas administracións dos instrumentos xurídicos axeitados para poder xestionar estes eventos de seca ou de risco sanitario coa dilixencia e a eficacia que a súa propia natureza demanda.
Abordar estas situacións de difícil predición desde o ámbito da planificación é un reto que xa foi esbozado na propia Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Así, no seu artigo 26.2.f) indícase que entre as funcións que corresponden á Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia se atopa a elaboración dos instrumentos de planificación en materia de seca a que se refire o artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, no ámbito das bacías intracomunitarias e, en todo caso, a coordinación dos plans de emerxencia das entidades locais mencionados no devandito precepto. Co coñecemento e a experiencia adquiridos nos anos transcorridos desde a entrada en vigor da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, considérase necesario ordenar e delimitar con maior detalle o alcance dos instrumentos de planificación, como ferramenta clave na coordinación entre as distintas administracións e para que a súa efectividade se estenda a todas as fases na evolución dun período de seca ou dunha situación de risco sanitario.
Doutra banda, nesta lei introdúcese un marco normativo que regula as medidas que cómpre aplicar en episodios de seca ou en situacións de risco sanitario, respectando o marco competencial nesta materia. Neste sentido, hai que ter presente que Galicia conta, ademais de cun territorio integrado en bacías hidrográficas de xestión do Estado, cunha propia bacía hidrográfica integramente incluída no seu territorio, coñecida como Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. No ámbito territorial desta bacía, como xa recolle o preámbulo da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencia exclusiva (artigo 27.12 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) e, por tanto, co adecuado fundamento xurídico de conseguir unha regulación que responda aos seus propios intereses.
Ademais do indicado artigo estatutario, esta norma ten o seu fundamento competencial, esencialmente, nos seguintes títulos competenciais previstos no Estatuto de autonomía de Galicia: en materia de réxime local (artigo 27.2, posto en relación co artigo 49, relativo á tutela financeira das entidades locais), en materia de obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou cuxa execución ou explotación non afecten outra comunidade autónoma ou provincia (artigo 27.7), augas subterráneas (artigo 27.14), normas adicionais sobre a protección do ambiente (artigo 27.30), desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica en materia de contratos e concesións administrativas (artigo 28.2) e en materia de sanidade (artigo 33.1).
Atendendo este marco competencial, nesta lei establécense dous tipos de medidas para garantir o abastecemento en episodios de seca ou en situacións de risco sanitario, unhas aplicables en todo o territorio de Galicia e outras específicas do territorio da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, relacionadas coa xestión da bacía hidrográfica de competencia autonómica.
Todas estas medidas articúlanse tendo presente e tomando como guía o artigo 103.1 da Constitución española. A súa aplicación exixe unha adecuada coordinación entre a Comunidade Autónoma e as administracións locais, que na maior parte dos casos son as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación, regulada ao amparo dos artigos 2.2 e 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
II
Esta lei consta de trinta e un artigos, divididos en catro títulos, con sete disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e nove disposicións derradeiras. As rúbricas dos títulos fan referencia a «Disposicións xerais» (título I, artigos 1 ao 4), «Instrumentos de planificación en materia de seca e de risco sanitario» (título II, artigos 5 ao 11), «Medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga durante episodios de seca e en situacións de risco sanitario aplicables en todo o territorio de Galicia» (título III, artigos 12 ao 24), «Medidas adicionais para garantir o abastecemento e a calidade da auga en episodios de seca no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa» (título IV, artigos 25 ao 31).
O título primeiro da lei (artigos 1 ao 4) dedícase a fixar o obxecto e o ámbito de aplicación da lei (artigo 1), a recoller unha serie de definicións (artigo 2), cunha clara vocación instrumental ou auxiliar en relación co conxunto da lei e coa súa lectura e interpretación, así como a establecer previsións en materia de réxime sancionador, inspección e control (artigos 3 e 4).
En canto ao título II, este ten como obxectivo clarificar o papel dos instrumentos de planificación dispoñibles para a xestión dos episodios de seca e as situacións de risco sanitario, de tal xeito que poidan ser ferramentas útiles e eficaces neste tipo de eventos. Ademais, nel regúlase o contido do Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa (artigo 6), onde a Comunidade Autónoma ten competencias exclusivas de ordenación administrativa, planificación e xestión en relación co dominio público hidráulico, e mais dos plans de emerxencia ante situacións de seca (artigo 10), coa finalidade de ordenar e coordinar nestes episodios e situacións os servizos de abastecemento en alta.
No título III da lei establécense as medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga durante os episodios de seca e en situacións de risco sanitario aplicables en todo o territorio de Galicia. Estas medidas estrutúranse en tres capítulos:
No primeiro deles recóllense aquelas enfocadas a garantir o abastecemento e a calidade da auga durante os episodios de seca, tanto por parte dos responsables dos sistemas de abastecemento á poboación (artigos 12 e 13) coma por parte da Administración hidráulica de Galicia (artigo 14). Ademais, estipúlanse as consecuencias no caso de incumprimento das súas obrigas por parte das administracións responsables dos sistemas de abastecemento á poboación (artigo 15).
No segundo capítulo abórdanse as medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga en situacións de risco sanitario. Para iso, establécense unhas obrigas de carácter xeral (artigo 16) ás autoridades sanitarias, á Administración sanitaria autonómica, á Administración hidráulica de Galicia e aos municipios, dentro do ámbito das súas respectivas competencias. Ademais, regúlase o modo en que se avaliará o risco sanitario (artigo 17), a determinación das medidas que se deben adoptar nestas situacións (artigo 18) e a xestión do pechamento das situacións de risco sanitario (artigo 19).
O terceiro capítulo do título III está dedicado ás medidas relativas ás obras e as infraestruturas hidráulicas. Primeiramente, regúlase o réxime de execución e de financiamento das obras e as infraestruturas hidráulicas nun episodio de seca ou nunha situación de risco sanitario (artigo 20); posteriormente, o réxime das obras promovidas polas entidades locais e executadas coa colaboración da Administración hidráulica de Galicia (artigo 21) e mais das obras promovidas directamente pola Administración hidráulica de Galicia (artigo 22); finalmente, establécese o réxime de contratación de obras, servizos e subministracións (artigo 23) e o réxime xurídico das obras e as infraestruturas hidráulicas (artigo 24).
O último título da lei ten como obxectivo definir as medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga en episodios de seca no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Nel, primeiramente, concrétanse as funcións do Consello Reitor de Augas de Galicia (artigo 25), órgano colexiado de goberno que desempeña un papel moi relevante na xestión dos episodios de seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Posteriormente, regúlanse as medidas concretas que se poden adoptar neste ámbito territorial, relacionadas co réxime de caudais ecolóxicos (artigo 26), coa reutilización de augas depuradas (artigo 27), coa redistribución de recursos procedentes de encoros (artigo 28) e outras específicas en materia de garantía de abastecemento (artigo 29), tales como ordenar o destino ao abastecemento de caudais concedidos para outros usos ou a realización de derivacións ou captacións de emerxencia. Neste título tamén se establecen as bases da tramitación dos procedementos afectados pola aplicación das medidas anteriores (artigo 30), e determínanse as especialidades na aplicación do réxime sancionador (artigo 31).
As disposicións adicionais regulan as limitacións en momento de seca a dereitos preexistentes, a obrigatoriedade de que as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación realicen auditorías e plans de actuacións sobre as perdas nas redes de abastecemento, a obriga da instalación de contadores homologados, os límites nas perdas de auga nas redes de abastecemento, a adaptación de plans e protocolos sanitarios e os supostos que poderían xerar dereito a indemnización por medidas adoptadas en períodos de seca.
As disposicións transitorias prevén normas específicas sobre a vixencia dos actuais Plan de seca e plans de emerxencia ante situacións de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
A disposición derradeira primeira modifica a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para incorporar taxas pola prestación de servizos relacionados coa presentación de declaracións responsables en materia de augas.
A disposición derradeira segunda modifica varios artigos da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Así, inclúese unha nova definición do concepto «abastecemento de auga en alta ou adución» co fin de corrixir erros na definición recollida na lei, precísase o alcance da actuación de Augas de Galicia nos procedementos expropiatorios, inclúese a posibilidade da concesión de abastecemento a favor da entidade pública empresarial Augas de Galicia en infraestruturas públicas básicas de abastecemento supramunicipal, incorpórase un novo tipo infractor para poder sancionar determinadas actuacións referidas a declaracións responsables en materia de augas e mais regúlase a potestade sancionadora das entidades locais en materia de verteduras á rede de saneamento e depuración de augas residuais cando non exista ordenanza local reguladora da materia.
As disposicións derradeiras terceira e cuarta establecen normas específicas sobre a adaptación dos actuais Plan de seca e plans de emerxencia ante situacións de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
A disposición derradeira quinta, co fin de incrementar a eficiencia na xestión das redes de abastecemento, prevé a futura regulación dun gravame sobre as perdas de auga nas redes de abastecemento, mentres que a disposición derradeira sexta considera unha futura mudanza do canon da auga e do coeficiente de vertedura co obxectivo de penalizar o consumo excesivo.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 de la Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario.
TÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta lei ten por obxecto:
a) Garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga en alta ou adución e a subministración de auga en baixa ou distribución apta para o consumo humano, en todo o territorio de Galicia, cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles.
b) Establecer as normas e as medidas para o aproveitamento dos recursos hídricos, no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, nos períodos en que exista un episodio de seca, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a este evento, buscando unha garantía no abastecemento á poboación en equilibrio co medio natural e tendo en conta os posibles efectos do cambio climático.
c) Garantir a protección da saúde pública ante situacións de risco sanitario no abastecemento ou na subministración de auga para o consumo humano, en todo o territorio de Galicia.
d) Minimizar os efectos negativos sobre as actividades económicas, segundo a priorización de usos establecidos na lexislación de augas e nos plans hidrolóxicos.
2. As previsións contidas nesta lei enténdense e aplicaranse sen prexuízo do réxime xurídico previsto na normativa sectorial que resulte aplicable e das competencias que correspondan ás distintas administracións públicas por razón da materia.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta lei, enténdese por:
a) Abastecemento de auga en alta ou adución: inclúe a captación, o abrollamento e o represamento dos recursos hídricos e a súa xestión, incluído o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o almacenamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación.
b) Administración hidráulica de Galicia: os entes e os órganos a través dos cales a Comunidade Autónoma de Galicia exerce as súas competencias e funcións en materia de augas e obras hidráulicas. Está integrada polo Consello da Xunta de Galicia, pola consellaría competente en materia de augas e pola entidade pública empresarial Augas de Galicia.
c) Administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación: as administracións públicas responsables da prestación do servizo de abastecemento de auga en alta ou adución ou da prestación do servizo da subministración de auga en baixa ou distribución.
d) Episodio de seca: o período de tempo caracterizado principalmente pola falta de precipitación que dá lugar a un risco de diminución ou a unha diminución efectiva dos recursos hídricos dispoñibles.
e) Escaseza: a situación de carencia de recursos hídricos para atender as demandas de auga previstas nos respectivos plans hidrolóxicos, unha vez aseguradas as restricións ambientais.
f) Escaseza conxuntural: a situación de escaseza non continuada que, aínda permitindo o cumprimento dos criterios de garantía na atención das demandas recoñecidas no correspondente plan hidrolóxico, limita temporalmente a subministración de maneira significativa.
g) Escaseza estrutural: a situación de escaseza continuada que imposibilita o cumprimento dos criterios de garantía na atención das demandas recoñecidas no correspondente plan hidrolóxico.
h) Escenarios de seca: as distintas fases dentro dun episodio de seca que, con carácter progresivo en función da súa gravidade, poden activarse atendendo os indicadores de seca e os limiares establecidos nos correspondentes instrumentos de planificación en materia de seca no ámbito de cada demarcación hidrográfica cuxo ámbito territorial comprenda, en todo ou en parte, o territorio galego.
i) Seca: o fenómeno natural non predicible que se produce principalmente por unha falta de precipitación que dá lugar a un descenso temporal significativo nos recursos hídricos dispoñibles.
j) Situación de risco sanitario: a situación de alerta declarada pola autoridade sanitaria competente caracterizada pola existencia dunha elevada probabilidade de incumprimento ou dun incumprimento efectivo dos valores paramétricos de calidade da auga para o consumo humano establecidos na normativa vixente susceptible de entrañar un risco ou de afectar a saúde da poboación, orixinada por episodios de seca, incendios forestais, choivas torrenciais ou outros fenómenos naturais ou meteorolóxicos adversos, ou por outras circunstancias susceptibles de produciren unha alteración na calidade da auga, tales como verteduras, accidentes ou eventos similares.
k) Subministración alternativa ante unha situación de escaseza conxuntural: a subministración de auga realizada, entre outros sistemas, a través de captacións alternativas ou a distribución de auga envasada ou mediante cisterna, depósito ou outro elemento móbil, para a súa utilización ante unha situación de escaseza conxuntural que impida a subministración da auga do modo habitual.
l) Subministración alternativa ante unha situación de risco sanitario: a subministración de auga realizada ante unha situación de risco sanitario que determine a perda de aptitude para o consumo da auga subministrada do modo habitual e que se levará a cabo, entre outros sistemas, a través de captacións alternativas, da distribución de auga envasada ou mediante cisterna, depósito ou outro elemento móbil.
m) Subministración de auga en baixa ou distribución: inclúe o almacenamento intermedio e a subministración de auga potable ata as instalacións propias para o consumo por parte das persoas usuarias finais.
Artigo 3. Réxime sancionador
O réxime sancionador aplicable aos incumprimentos do disposto nesta lei será o previsto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e mais na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, sen prexuízo das especialidades establecidas no artigo 31 desta lei e do disposto na normativa básica estatal aplicable.
Artigo 4. Inspección e control
1. Augas de Galicia, no exercicio das súas competencias, velará pola correcta aplicación do que establece esta lei e adoptará as medidas dirixidas ao cesamento das condutas infractoras. Para ese efecto, as persoas titulares dos aproveitamentos hidráulicos e das autorizacións de verteduras facilitarán en todo momento o acceso do persoal competente de Augas de Galicia a todas as súas instalacións.
2. As administracións públicas con incidencia na materia levarán a cabo as súas actuacións de inspección e control de xeito coordinado e buscando a máxima colaboración.
3. Augas de Galicia poderá solicitar da policía local, do persoal con funcións de custodia dos recursos naturais e do resto de corpos e forzas de seguridade, no marco dos seus respectivos ámbitos de competencia e con respecto á normativa aplicable a eles, a súa colaboración nas tarefas de vixilancia e de control do cumprimento do que establece esta lei.
4. A consellaría competente en materia de sanidade velará polo cumprimento do establecido nesta lei, a través da inspección da saúde pública, nos termos previstos na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
5. As actuacións inspectoras previstas neste artigo levaranse a cabo coa debida coordinación, e poderán realizarse de maneira conxunta.
TÍTULO II
Instrumentos de planificación en materia de seca e de risco sanitario
Artigo 5. Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
1. O Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa é o instrumento básico de planificación para xestionar os episodios de seca neste ámbito territorial e minimizar os seus riscos asociados. Será elaborado e revisado pola Administración hidráulica de Galicia, e o seu contido será acorde co disposto nesta lei e nas demais disposicións legais e regulamentarias aplicables.
2. O plan definirá, no seu ámbito territorial de aplicación, as medidas de xestión que adoptarán as administracións e todos os axentes sociais e económicos con competencias para paliaren os efectos negativos dunha situación de seca, desde un enfoque de preparación, prevención, mitigación e resposta ante situacións excepcionais, e, ademais, incluirá as regras de explotación dos sistemas e as medidas que hai que aplicar en relación co uso do dominio público hidráulico, que terán vixencia temporal.
Artigo 6. Contido do Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
1. O Plan de seca definirá os distintos escenarios que se poden presentar nun episodio de seca, os seus respectivos indicadores e limiares e as medidas que cómpre adoptar para minimizar os riscos asociados a cada escenario.
2. O sistema de indicadores definido no plan permitirá identificar as situacións de seca e de escaseza conxuntural.
3. O Plan de seca recollerá de forma expresa as situacións en que se aplicará o réxime de caudais ecolóxicos de seca previsto no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, prestando especial atención aos encoros de abastecemento.
4. Os limiares que definan os distintos escenarios que se poidan presentar nun episodio de seca terán en conta as especiais características da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
5. O escenario de normalidade é a situación na cal os recursos hídricos dispoñibles son suficientes para garantir todos os usos do sistema de abastecemento á poboación e permiten o funcionamento do sistema de maneira normal. Partindo desta situación, na definición dos distintos escenarios que se poidan presentar nun episodio de seca teranse en conta, polo menos, os seguintes:
a) O escenario de prealerta: a situación en que non hai risco de desabastecemento á poboación en sentido estrito, mais a evolución dos indicadores apunta a un incremento do risco no medio prazo.
b) O escenario de alerta: a situación de alto risco de insuficiencia de recursos para garantir o normal abastecemento á poboación no curto prazo.
c) O escenario de emerxencia: a situación máis grave con alta probabilidade ou ocorrencia de situacións de desabastecemento á poboación.
6. O Plan de seca indicará os órganos da Administración hidráulica de Galicia con competencia para resolveren, a partir dos indicadores e dos limiares definidos, sobre a activación ou a desactivación do escenario correspondente a cada situación dun episodio de seca.
As resolucións de activación e de desactivación dos escenarios de alerta e emerxencia serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.
7. Procederá realizar unha declaración de situación excepcional por seca cando nun ou varios sistemas de explotación se produza algunha das seguintes circunstancias:
a) A escaseza en escenario de alerta que coincida temporal e xeograficamente con algún ámbito territorial en situación de seca.
b) A escaseza en escenario de emerxencia.
O plan concretará os parámetros que se terán en conta para a apreciación destas circunstancias, así como o órgano e o procedemento para a declaración dunha situación excepcional por seca.
A resolución de declaración de situación excepcional por seca e a resolución que estableza o final desta situación excepcional serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.
8. As medidas que estableza o Plan de seca aplicaranse para un, para varios ou para a totalidade dos sistemas de explotación cuxo ámbito territorial e de xestión se atope definido no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa vixente en cada momento e nos termos previstos no devandito plan.
Artigo 7. Seguimento e revisión do Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
1. O propio Plan de seca establecerá os mecanismos para que a Administración hidráulica de Galicia poida realizar o seu seguimento e comprobar que se están a aplicar as previsións do plan. Entre tales mecanismos deberase incluír, como mínimo, a elaboración por parte de Augas de Galicia dun informe de seguimento cunha periodicidade mínima anual, que será publicado na páxina web desta entidade pública.
2. O Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa revisarase cunha periodicidade mínima de seis anos.
3. En cada revisión actualizarase a información necesaria para predicir e diagnosticar os distintos escenarios de seca e de escaseza que se poidan presentar, avaliarase a idoneidade dos indicadores establecidos no plan anterior e estableceranse as medidas que se deben adoptar no seguinte período de planificación para minimizar os efectos negativos producidos polas secas.
Artigo 8. Demarcacións hidrográficas intercomunitarias con parte do seu territorio en Galicia
1. Os instrumentos de planificación para a xestión de episodios de seca nas demarcacións hidrográficas intercomunitarias con parte do seu territorio na Comunidade Autónoma de Galicia serán os previstos na normativa estatal aplicable.
2. No territorio destas demarcacións hidrográficas situado en Galicia haberá que aterse ao establecido nos ditos instrumentos de planificación e na restante normativa estatal aplicable, así como, no que non se opoña a eles, ao disposto nesta lei.
Artigo 9. Plans de emerxencia ante situacións de seca
1. Os plans de emerxencia ante situacións de seca constitúen os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca.
2. De acordo co artigo 27.3 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan, singular ou mancomunadamente, unha poboación igual ou superior a vinte mil habitantes deberán dispoñer dun plan de emerxencia ante situacións de seca. Segundo o seu ámbito territorial, Augas de Galicia ou o organismo da bacía competente deberán emitir un informe sobre os ditos plans, que deberá ter en conta as regras e as medidas previstas nos plans especiais a que se refire o artigo 27.2 daquela lei e, no caso da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, no seu Plan de seca.
3. As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento á poboación que, en calquera parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, atendan, singular ou mancomunadamente, unha poboación inferior a vinte mil habitantes poderán elaborar o seu propio plan de emerxencia ante situacións de seca, por si mesmas ou a través da deputación provincial correspondente. Este plan deberá ter en conta as regras e as medidas que resulten aplicables consonte o disposto nos plans especiais previstos no artigo 27.2 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, ou no Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, segundo o seu ámbito territorial de aplicación.
Augas de Galicia emitirá un informe preceptivo dos plans cuxo ámbito territorial estea incluído no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
4. Os plans de emerxencia ante situacións de seca elaborados polas deputacións provinciais correspondentes poderán agrupar dous ou máis sistemas de abastecemento á poboación, co fin de optimizar a dispoñibilidade dos recursos hídricos nunha situación de seca.
5. Naqueles casos en que non coincidan as administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento de auga en alta ou adución e de subministración de auga en baixa ou distribución, para garantir a debida coordinación, o plan será elaborado pola administración responsable do servizo de abastecemento en alta, de xeito coordinado coa persoa responsable do servizo de abastecemento en baixa, e será aprobado conxuntamente por ambas as administracións atendendo os seus respectivos ámbitos competenciais e con atención sempre a unha mellor eficiencia na repartición entre a veciñanza dos recursos hídricos.
6. No procedemento de elaboración e aprobación dos plans de emerxencia ante situacións de seca garantirase a axeitada participación pública das persoas usuarias e dos interlocutores económicos e sociais.
Artigo 10. Contido dos plans de emerxencia ante situacións de seca
1. O contido dos plans de emerxencia ante situacións de seca será acorde co disposto nesta lei, no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, nas demais disposicións legais e regulamentarias aplicables, na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e no Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e mais nos instrumentos de planificación en materia de seca das correspondentes demarcacións hidrográficas.
2. En todo caso, o seu contido incluirá, como mínimo:
a) Unha descrición e un diagnóstico dos sistemas de abastecemento, con indicación dos recursos dispoñibles, das áreas de captación e das demandas de auga.
b) A determinación das zonas máis vulnerables no caso de seca e dos usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, cunha previsión específica para os colectivos especialmente vulnerables, dos condicionantes ambientais ou dos principais elementos do patrimonio natural e das actividades estratéxicas que se poderían ver afectados. Prestarase especial atención ás posibles repercusións negativas sobre as especies incluídas nos catálogos de especies ameazadas, aos hábitats de conservación prioritaria e aos espazos naturais protexidos.
c) Un sistema de indicadores e escenarios coherentes co recollido no instrumento de planificación en materia de seca da demarcación hidrográfica correspondente.
d) As medidas de xestión que se deben adoptar en cada un dos distintos escenarios incluídos.
e) A previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir nestas situacións e á súa duración.
f) As actuacións que se considere necesario executar para garantir o abastecemento á poboación durante un episodio de seca, incluídas as obras de captación e de condución que sexan precisas co seu financiamento e temporalización. As obras deberanse realizar, na medida do posible, coa previsión de que chegada a seca poidan ser utilizadas.
g) Un programa de accións específicas dirixidas á racionalización dos consumos de auga, de reutilización e ao conseguinte aforro de recursos hídricos.
h) A avaliación da dispoñibilidade de augas subterráneas e superficiais e das medidas para a súa conservación e xestión sustentable, tendo en conta as necesidades de abastecemento para a poboación e para as actividades económicas.
i) As medidas que se deben adoptar para a preservación dos recursos hídricos, entre elas as relativas ao ámbito forestal, á conservación da biodiversidade, á xestión da vexetación, ás infraestruturas, aos equipamentos e ás actividades mineiras e de produción de enerxía.
Artigo 11. Protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento
1. O protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento e, naqueles casos en que sexa obrigatoria a súa elaboración, o plan sanitario da auga constitúen os instrumentos básicos de planificación e actuación dos xestores dos sistemas de abastecemento ante situacións de risco sanitario en relación coa calidade da auga de consumo humano.
2. A súa elaboración e o seu contido rexeranse polo establecido na lexislación aplicable, e, en todo caso, deberá preverse neles unha subministración alternativa ante situacións de risco sanitario, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir nestas situacións e á súa duración.
3. A persoa ou a entidade xestora do abastecemento deberá avaliar no marco do seu protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento a necesidade de elaborar plans específicos de resposta ante as situacións de risco sanitario.
4. Os servizos de inspección de saúde pública da Administración autonómica comprobarán nas inspeccións e auditorías que realicen aos xestores de abastecemento se se incluíron no protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento a subministración alternativa así como, de seren necesarios, os plans específicos previstos nas alíneas anteriores.
5. Os protocolos e os plans sanitarios recollidos neste artigo deberanse adecuar ao Programa autonómico de vixilancia sanitaria da auga, dada a competencia da autoridade sanitaria na vixilancia da auga de consumo humano.
TÍTULO III
Medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga
durante episodios de seca e en situacións de risco sanitario aplicables
en todo o territorio de Galicia
CAPÍTULO I
Medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga
durante episodios de seca
Artigo 12. Medidas de carácter xeral
1. As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento á poboación terán a obriga de distribuír os recursos hídricos dispoñibles para tal destino da forma máis eficiente posible para poder satisfacer as demandas.
2. As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento á poboación asegurarán, mediante as limitacións, as restricións ou as prohibicións pertinentes, que a auga apta para o consumo humano dispoñible para o abastecemento á poboación se destina á satisfacción da demanda de abastecemento e que non se producen consumos excesivos. Neste sentido, deberán realizar as actuacións de conservación e de mantemento necesarias para que as súas infraestruturas de abastecemento garantan o uso sustentable dos recursos.
3. A estrutura tarifaria, incluídos, se é o caso, os mínimos exentos dos tributos relacionados cos sistemas de abastecemento á poboación, a rede de sumidoiros e os sistemas de depuración que establezan as administracións públicas responsables en cada caso da prestación dos servizos, deberase deseñar de xeito que responda aos principios dun uso eficiente da auga, consumo responsable, equidade, transparencia e recuperación dos custos destes servizos.
As administracións públicas responsables revisarán as súas ordenanzas ou normas reguladoras dos distintos servizos co obxecto de conseguiren unha estrutura tarifaria axustada a estes principios.
En particular, de acordo co principio de equidade, as administracións públicas responsables só poderán facturarlles ás persoas usuarias aqueles servizos previstos no primeiro parágrafo desta alínea que sexan efectivamente prestados.
Así mesmo, para o cumprimento dos principios antes indicados, a estrutura tarifaria do servizo de abastecemento, sen prexuízo da existencia dunha cantidade fixa polo feito da prestación do servizo, diferenciará os tramos en función do volume de auga consumida, sen que se poidan establecer mínimos exentos que desincentiven o consumo responsable da auga. A adecuación da estrutura tarifaria a estes principios deberase xustificar especialmente no expediente de elaboración das ordenanzas ou no procedemento de elaboración das normas reguladoras do servizo.
O sistema de facturación será facilmente comprensible pola persoa usuaria e os custos administrativos derivados do sistema responderán ao principio de eficiencia.
4. As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento á poboación sancionarán, de conformidade co establecido nesta lei e na normativa sancionadora aplicable, aqueles comportamentos que contraveñan as disposicións e adoptarán as medidas executivas necesarias para restituír as situacións irregulares ao marco legal.
5. As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento á poboación colaborarán nas tarefas de control do cumprimento das obrigas que establece esta lei.
Estas administracións teñen a obriga de informar Augas de Galicia, cando esta o requira, sobre o volume de auga empregada para a prestación dos diferentes servizos públicos da súa competencia.
Dentro do seu ámbito de actuación, estas administracións adoptarán as disposicións e as actuacións necesarias, en relación coa información e coa difusión das medidas establecidas nesta lei, para garantir en cada momento un axeitado coñecemento e comprensión delas.
Artigo 13. Medidas de carácter específico que deben adoptar os responsables dos sistemas de abastecemento á poboación durante un episodio de seca
1. Nos períodos en que exista un episodio de seca no ámbito territorial en que se sitúe un sistema de abastecemento á poboación, as administracións públicas responsables dese sistema suxeitarán as súas actuacións ás seguintes regras, co fin de garantir o indicado abastecemento, dentro do necesario respecto ao disposto nos instrumentos de planificación en materia de seca para cada un dos escenarios neles previstos e na restante normativa que resulte aplicable:
a) As administracións competentes ditarán, para garantir o dito abastecemento, as disposicións dirixidas a asegurar o aforro de auga e o uso racional con respecto ao mantemento e ao reaproveitamento da auga das piscinas de uso público e privado, a restrición da rega dos xardíns públicos e privados e a optimización do uso da auga nos parques acuáticos e noutras instalacións de carácter lúdico, velando, en todo caso, polo cumprimento dos requisitos sanitarios aplicables. Estas disposicións deben prever, cando cumpra, a prohibición de destinar a auga apta para o consumo humano para a práctica dos mencionados usos, coas excepcións que, motivadamente, se establezan, e poderán considerar de maneira xustificada a restrición horaria da prestación do servizo de abastecemento, que requirirá a información previa ás persoas afectadas.
b) Non se poderá destinar a auga apta para o consumo humano para o funcionamento das fontes ornamentais, agás nos casos xustificados expresamente recollidos nas disposicións ditadas conforme o previsto na alínea a).
c) Só se recorrerá á utilización da auga apta para o consumo humano para a limpeza de rúas cando sexa imprescindible para o mantemento das condicións hixiénicas e sanitarias adecuadas, e neste caso utilizarase o volume de auga mínima indispensable.
d) As mesmas restricións da alínea anterior rexerán na utilización da auga apta para o consumo humano para a rega de xardíns públicos.
e) Cando se destinen augas non aptas para o consumo humano para os usos mencionados nas tres alíneas anteriores, será necesario que estean previamente desinfectadas de acordo co previsto na lexislación aplicable.
f) Velarase pola operatividade dos depósitos e das bocas de extinción de incendios e, no posible, deberase substituír a auga apta para o consumo humano destinada a prover os hidrantes de extinción de incendios por auga non apta para o consumo humano que cumpra as condicións establecidas nesta lei e no resto da regulación sectorial aplicable.
2. As administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación aplicarán o disposto nos plans de emerxencia ante situacións de seca aprobados.
Nos casos en que o episodio de seca existente poña en risco a garantía do abastecemento á poboación nun determinado sistema, de non existir un plan de emerxencia ante situacións de seca aprobado ou cando as previsións do plan aprobado resulten insuficientes, os responsables dos sistemas de abastecemento á poboación elaborarán uns plans excepcionais onde se propoñan unhas medidas e actuacións concretas e de carácter inmediato para garantir o abastecemento e unha subministración alternativa ante unha situación de escaseza conxuntural, dentro do necesario respecto ao disposto nos instrumentos de planificación en materia de seca para cada un dos escenarios neles previstos e na restante normativa que resulte aplicable.
3. Para que a adopción de medidas durante un episodio de seca se realice de forma coordinada entre os distintos axentes intervenientes e resulte eficiente para eliminar ou mitigar os efectos que o devandito episodio ocasione sobre o abastecemento, os plans excepcionais e calquera outra medida que se considere necesaria serán propostos polos responsables dos sistemas de abastecemento ao órgano competente en cada caso para a xestión do escenario de seca, para os efectos da posible valoración da conveniencia da súa execución.
4. As administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán promover e executar, no ámbito das súas competencias, aquelas actuacións e obras, incluídas as previstas nos seus plans de emerxencia ou nos plans excepcionais, que sexan necesarias para garantir o abastecemento á poboación durante un episodio de seca, sen prexuízo da emisión dos informes e a obtención das autorizacións que sexan precisas e da colaboración técnica e financeira que, para a súa execución, poida prestar a Administración hidráulica de Galicia ou outras administracións públicas no marco das súas competencias, dentro do necesario respecto ao disposto nos instrumentos de planificación en materia de seca para cada un dos escenarios neles previstos e na restante normativa que resulte aplicable.
Artigo 14. Medidas que debe adoptar a Administración hidráulica de Galicia
1. Sen prexuízo das medidas que poida adoptar a Administración hidráulica de Galicia no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e que se regulan no título IV desta lei, a dita administración poderá, durante a vixencia dun episodio de seca que afecte calquera parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter xeral e de acordo co que se estableza nos correspondentes instrumentos de planificación en materia de seca e restante normativa que resulte aplicable:
a) Solicitar das persoas titulares, públicas ou privadas, de dereitos de concesión para o abastecemento a información necesaria sobre os caudais de auga captada, tratada e fornecida e sobre as medidas adoptadas para reducir o consumo e o seu impacto.
b) Impulsar a substitución de caudais destinados á rega, aos usos industriais ou aos usos recreativos ou ornamentais por augas rexeneradas, alí onde sexa posible.
c) Desenvolver campañas informativas e de concienciación sobre o uso racional e sustentable da auga.
2. Durante a vixencia dun episodio de seca, Augas de Galicia colaborará coas administracións responsables dos sistemas de abastecemento á poboación e cos órganos encargados da xestión do episodio de seca na avaliación dos riscos sobre a garantía do abastecemento á poboación, na valoración das medidas e das actuacións necesarias para garantir o abastecemento nestas situacións e na determinación de subministracións alternativas ante situacións de escaseza conxuntural.
Artigo 15. Consecuencias no caso de incumprimento das obrigas por parte dos responsables de sistemas de abastecemento á poboación
1. Sen prexuízo da aplicación, cando proceda, do correspondente réxime sancionador, no caso de incumprimento por parte das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación das obrigas previstas nesta lei que afecten o exercicio de competencias autonómicas, e, en particular, as relativas á elaboración dos plans de emerxencia ou dos plans excepcionais e á promoción e a execución das actuacións e obras necesarias para garantir o abastecemento durante un episodio de seca, a consellaría competente en materia de réxime local poderá instar o seu cumprimento, e para ese efecto concederalles un novo prazo, como mínimo, dun mes.
2. Se transcorrido o devandito prazo o incumprimento persiste, tendo en conta a existencia de intereses supramunicipais e a afectación ás competencias autonómicas, o Consello da Xunta, por instancia da consellaría competente en materia de réxime local, procederá a adoptar as medidas necesarias para o cumprimento das indicadas obrigas, á custa e en substitución da entidade local.
Neste caso, o custo das obras e actuacións, ou outras medidas adoptadas ao amparo deste artigo, poderá ser obxecto de repercusión por parte da Administración autonómica sobre a participación da correspondente entidade local no Fondo de Cooperación Local, na forma establecida na lexislación orzamentaria.
3. O incumprimento por parte das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación de calquera das obrigas previstas neste artigo poderá ser causa de denegación da colaboración técnica, económica e financeira da Administración hidráulica de Galicia para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas prevista nesta lei ou no Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, durante o tempo que persista o incumprimento.
CAPÍTULO II
Medidas para garantir o abastecemento e a calidade da auga
en situacións de risco sanitario
Artigo 16. Obrigas de carácter xeral
1. De acordo co Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano, corresponde ás autoridades sanitarias a vixilancia sanitaria que exixe a normativa vixente para as augas de consumo humano.
2. A Administración sanitaria autonómica está obrigada a:
a) Vixiar a calidade sanitaria da auga de consumo humano nos termos establecidos na normativa de aplicación.
b) Avaliar o risco derivado das circunstancias previstas nesta lei e declarar as situacións de risco sanitario.
c) Establecer os criterios e as medidas sanitarias necesarias para garantir a protección da saúde das persoas consumidoras.
3. Augas de Galicia, no marco das súas competencias e nos termos establecidos na lexislación aplicable, deberá:
a) Facilitar á consellaría competente en materia de sanidade e ás entidades xestoras das captacións os resultados que se obteñan sobre a calidade das augas nos seus programas de control, para os efectos de cumprir as obrigas previstas nesta lei.
b) Determinar e avaliar, en coordinación coa consellaría competente en materia de sanidade, a presenza de posibles contaminantes que entrañen riscos para a saúde en situacións nas cales se sospeite que se poidan atopar na auga destinada á produción de auga de consumo humano.
c) Facilitar os datos relativos ás presións a que están sometidas as captacións á consellaría competente en materia de sanidade e ás entidades xestoras responsables da xestión e a elaboración dos protocolos de autocontrol e xestión do abastecemento e, se é o caso, dos plans sanitarios da auga.
d) Coordinarse coa consellaría competente en materia de sanidade en todos os aspectos necesarios para controlar os riscos sobre a saúde humana.
4. Os concellos, no seu ámbito territorial e de conformidade co disposto na normativa de aplicación, consonte o establecido na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, deberán:
a) Garantir que a auga subministrada no seu ámbito territorial sexa apta para o consumo no punto de entrega á persoa consumidora, con independencia do medio que, de acordo co establecido na normativa, se utilice.
b) Realizar o control da calidade da auga na billa da persoa consumidora en todas as augas de consumo humano proporcionadas a través de calquera rede de distribución, sexa pública ou privada, e a elaboración periódica dun informe dos resultados obtidos.
c) Realizar o autocontrol da calidade da auga de consumo humano cando a xestión do abastecemento sexa realizada de forma directa polo propio concello.
d) Garantir o cumprimento dos requisitos e das obrigas establecidos pola normativa vixente cando a captación, a condución, o tratamento de potabilización, a distribución ou o autocontrol da auga de consumo humano sexa realizado por xestores do servizo público distintos do concello.
e) Garantir que a auga que as persoas titulares dos abastecementos privados e dos establecementos con actividades comerciais ou públicas poñan á disposición das persoas usuarias sexa auga apta para o consumo humano.
f) Poñer en coñecemento da poboación, doutras administracións competentes e dos axentes económicos afectados as situacións de risco sanitario, así como as medidas preventivas e correctoras previstas, en coordinación coa correspondente consellaría competente en materia de sanidade; todo isto sen prexuízo das obrigas de información establecidas na normativa básica estatal a outros suxeitos.
g) Cumprir as obrigas de vixilancia dos abastecementos individuais e domiciliarios ou das fontes naturais que proporcionen como media menos de dez metros cúbicos diarios de auga ou que abastezan menos de cincuenta persoas, así como adoptar e garantir que se aplican as medidas necesarias nos casos en que se perciba un risco potencial para a saúde das persoas derivado da calidade da auga distribuída.
Artigo 17. Avaliación do risco sanitario
1. Ao se detectar un incumprimento dos parámetros da calidade da auga provocado por algunha circunstancia das previstas nesta lei que poida ocasionar unha situación de risco sanitario, a entidade pública ou privada que xestione total ou parcialmente a rede de abastecemento ou o concello, no caso de xestión directa, procederán de forma inmediata, e con independencia das obrigas de confirmación e notificación do incumprimento previstas na normativa básica, a comunicar o incumprimento á consellaría competente en materia de sanidade, co obxecto de coordinar as medidas que requiran as circunstancias concorrentes.
A comunicación prevista no parágrafo anterior efectuarase por medios electrónicos nos enderezos que se habiliten para estes efectos por parte da consellaría competente en materia de sanidade.
2. A consellaría competente en materia de sanidade avaliará a idoneidade das medidas de xestión que debe adoptar o xestor e as previsións contidas no protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento.
3. Nos casos en que, á vista do alcance das circunstancias concretas producidas, non se consideren suficientes e idóneas tanto as medidas que cómpre adoptar polo xestor coma as incluídas nos plans de autocontrol e xestión do abastecemento ou, de ser o caso, nos plans sanitarios, a consellaría competente en materia de sanidade realizará unha avaliación do risco sanitario de conformidade cos seguintes criterios:
a) A probabilidade de que se produzan efectos sobre a saúde se non se toman medidas inmediatas.
b) A gravidade das consecuencias na saúde.
c) A importancia dos posibles incumprimentos.
d) A posible repercusión na saúde da poboación afectada.
4. Os criterios anteriores teranse en conta para os efectos da declaración de situación de risco sanitario.
5. Malia o anterior, se a entidade que xestiona total ou parcialmente a rede de abastecemento ou o concello, no caso de xestión directa, consideran que as circunstancias acontecidas poden ocasionar un risco grave e inminente para a saúde da poboación, tomarán con carácter inmediato as medidas previstas no seu protocolo de autocontrol e xestión do abastecemento e aquelas urxentes que consideren necesarias con carácter previo á confirmación e á notificación. Así mesmo, informarán, a través das canles e dos medios de comunicación adecuados, a poboación, os axentes económicos, outras persoas ou entidades públicas ou privadas xestoras e mais os municipios que poidan estar afectados, coa maior prema posible, atendendo a entidade do incumprimento e as posibles repercusións deste na saúde da poboación e, en todo caso, no prazo máximo de vinte e catro horas desde que teñan coñecemento das circunstancias acontecidas.
Artigo 18. Determinación das medidas que se deben adoptar en situación de risco sanitario
1. Despois de se declarar a situación de risco sanitario, o órgano correspondente por razón do territorio da consellaría competente en materia de sanidade determinará se a situación require de actuacións de carácter inmediato e ditará as medidas que as entidades xestoras dos abastecementos afectados e os concellos deberán adoptar, así como o contido da información que estes deban proporcionar, de ser o caso, e os medios e as canles de comunicación utilizables para isto.
Para os efectos de coordinación na adopción das medidas, a autoridade competente en materia sanitaria compartirá a información dispoñible sobre a situación detectada con outros órganos ou administracións que teñan competencias en materias relacionadas, e, en particular, con Augas de Galicia ou co organismo da bacía correspondente cando a situación de risco sanitario derive dunha seca.
2. As medidas que resulten procedentes segundo os criterios sanitarios serán trasladadas polo órgano correspondente por razón do territorio da consellaría competente en materia de sanidade ás entidades xestoras do abastecemento e ao concello, para os efectos do seu cumprimento e execución, informando tamén os demais organismos competentes para a vixilancia coordinada do seu cumprimento.
3. As medidas sanitarias que debe adoptar a autoridade sanitaria poderán consistir, entre outras, en:
a) Establecer a necesidade de levar a cabo a subministración alternativa ante a situación de risco sanitario.
b) Exixir ás entidades xestoras a presentación de plans excepcionais que conteñan as pautas necesarias para o tratamento e a xestión da situación acontecida, así como as medidas correctoras necesarias.
c) Declarar a auga como non apta para calquera uso ou permitir algún dos usos previstos na lexislación aplicable, tendo en conta o risco sanitario e a situación analizada.
d) Determinar a recollida de mostras e a realización de controis nun laboratorio oficial, así como establecer a periodicidade destes. En particular, en atención ás circunstancias concorrentes, determinarase o número das mostras con resultado favorable necesarias para recuperar a situación ordinaria de normalidade e para o pechamento da situación de risco, que, en todo caso, non serán inferiores a dúas mostras favorables consecutivas.
e) Ordenar a aplicación de técnicas de tratamento adecuadas para modificar a natureza ou as propiedades da auga antes da súa subministración.
f) Calquera outra medida prevista nas disposicións normativas aplicables ou aquelas que se consideren adecuadas e proporcionadas á situación.
4. As resolucións de activación e desactivación das situacións de risco sanitario serán publicadas no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 19. Pechamento da situación de risco sanitario
1. Tras se resolver a causa que orixinou a situación de risco sanitario e comprobar a conformidade dos valores paramétricos afectados cos establecidos na normativa básica estatal aplicable, a consellaría competente en materia de sanidade procederá a comunicar o pechamento da situación de risco sanitario ás entidades xestoras, aos concellos, á Administración hidráulica e á Administración ambiental, segundo corresponda.
2. Ao se pechar a situación de risco sanitario restablecerase a frecuencia do control analítico anterior á declaración de tal situación, agás que a autoridade sanitaria determine de forma motivada a necesidade de establecer unha nova frecuencia analítica durante un período de tempo determinado.
3. A entidade pública ou privada que xestione total ou parcialmente a rede de abastecemento ou o concello, no caso de xestión directa, informarán outras persoas ou as entidades públicas ou privadas xestoras, os municipios e os axentes económicos afectados, así como a poboación, do pechamento da situación de risco sanitario e do restablecemento da situación de normalidade, sen prexuízo das obrigas de información establecidas pola normativa básica estatal a outros suxeitos.
CAPÍTULO III
Medidas relativas a obras e infraestruturas hidráulicas
Artigo 20. Réxime de execución e financiamento de obras e infraestruturas hidráulicas
As obras e as infraestruturas hidráulicas en materia de abastecemento cuxa execución se acorde no marco desta lei como medida para garantir a subministración de auga apta para o consumo humano en situacións de risco sanitario ou para mitigar os efectos derivados dun episodio de seca poderán ser promovidas, financiadas e executadas polas entidades locais ou pola entidade pública empresarial Augas de Galicia, nos termos previstos neste capítulo e na restante normativa de aplicación.
Artigo 21. Obras e infraestruturas hidráulicas promovidas polas entidades locais e executadas coa colaboración da Administración hidráulica de Galicia
1. As entidades locais, cando carezan por si mesmas e/ou coa asistencia das deputacións provinciais correspondentes da capacidade técnica e/ou financeira para a execución das obras ou infraestruturas hidráulicas necesarias para garantir o abastecemento no marco dun episodio de seca e/ou dunha situación de risco sanitario, poderán solicitar a colaboración técnica e/ou financeira da entidade pública empresarial Augas de Galicia para a súa execución, sen prexuízo da colaboración que poidan prestar outras administracións públicas.
2. En atención ao mandato de colaboración e cooperación entre as administracións local e autonómica que, en materia de abastecemento, establece a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, o órgano competente da entidade pública empresarial Augas de Galicia, tendo en conta as circunstancias concorrentes e coa finalidade de alcanzar de forma conxunta o obxectivo de garantía de abastecemento no marco das medidas adoptadas en aplicación desta lei, poderá:
a) Convir coas administracións locais afectadas ou con outras administracións públicas o financiamento conxunto da actuación. Nese caso, a contía das achegas de cada administración e o resto das determinacións financeiras articularanse mediante a formalización dun convenio de colaboración, que se tramitará con carácter de urxencia, onde se farán constar, ademais, os restantes termos da colaboración técnica no caso de que se acorde.
Excepcionalmente, á vista das circunstancias concretas que caractericen o episodio de seca ou a situación de risco sanitario e atendendo a intensidade da urxencia que requira a execución inmediata da medida co fin de garantir o abastecemento de auga potable á poboación afectada, a entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá proceder asemade á contratación de emerxencia das obras e á tramitación do convenio de colaboración no que se establezan os compromisos de financiamento conxunto e de execución da actuación.
b) Acordar o financiamento íntegro das obras con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia así como a súa contratación, a redacción da documentación técnica necesaria, a asunción da dirección facultativa da obra e os controis que en materia de calidade e seguridade e saúde deban efectuarse durante a súa execución.
Nos dous supostos anteriores, a execución das obras realizarase coa máxima colaboración e acordo coas entidades locais afectadas en canto á posta á disposición de terreos, logo de se verificar a compatibilidade urbanística da actuación, con plena coordinación entre a dirección facultativa da obra e as outras administracións ou organismos que, se é o caso, e en virtude de competencias sectoriais, poidan resultar afectados por algún aspecto da súa execución, así como dos restantes termos de colaboración daquelas que se prevexan no correspondente convenio.
3. Ao se rematar as obras ou as infraestruturas hidráulicas de abastecemento e ser recibidas, se é o caso, pola entidade pública empresarial Augas de Galicia, estas serán entregadas á entidade local correspondente, que, como titular da obra e da competencia para a prestación do servizo de abastecemento, asumirá a súa explotación e mais o seu mantemento e a súa conservación. A entrega das instalacións entenderase producida tras a formalización da correspondente acta de entrega ou, na súa falta, mediante a notificación á entidade local do acordo en que se dispoña a posta á disposición efectiva das obras ao seu favor.
Artigo 22. Obras e infraestruturas hidráulicas promovidas e executadas pola entidade pública empresarial Augas de Galicia
1. En virtude das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 4.1.c) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de adopción de medidas extraordinarias en caso de necesidade para garantir a subministración de auga, e, en particular, as establecidas no artigo 26.2.g) da devandita lei, que facultan a Administración hidráulica de Galicia para a regulación e a xestión de estados de urxencia ou necesidade, Augas de Galicia poderá, con carácter excepcional, dentro do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, no marco dun escenario de seca distinto ao de prealerta ou dunha situación de risco sanitario, promover e executar, con cargo aos seus orzamentos, obras de captación, transporte, adecuación de infraestruturas ou outras obras ou actuacións directamente relacionadas co abastecemento, cando existan circunstancias de excepcional interese público que determinen a imperiosa necesidade de execución da actuación en cuestión, co fin de garantir, coa máxima celeridade posible, o abastecemento de auga á poboación en cantidade e calidade abondas.
Para apreciar o excepcional interese público e a imperiosa necesidade de execución, Augas de Galicia atenderá, entre outras circunstancias, a especial intensidade ou gravidade do escenario de seca, a magnitude dos seus efectos adversos no curto prazo, a existencia de inmediato risco sanitario ou de desabastecemento de auga potable para o consumo humano, o grao de suficiencia ou eficacia doutras medidas que, en sede da xestión do episodio de seca ou da situación de risco sanitario, poidan adoptarse previamente na zona afectada para reducir ou minimizar os efectos derivados do dito episodio ou situación ou a capacidade das infraestruturas de abastecemento de competencia das entidades locais para facer fronte, en función do seu estado de conservación, mantemento e execución, aos devanditos efectos.
2. Fóra do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de acordo coas previsións que se establezan nos instrumentos de planificación en materia de seca e nas restantes disposicións aplicables que correspondan para cada escenario ou nunha situación de risco sanitario, Augas de Galicia poderá acordar cos órganos xestores desas situacións a execución, no marco dun escenario de seca distinto ao de prealerta ou dunha situación de risco sanitario, promover e executar, con cargo aos seus orzamentos, obras de captación, transporte, adecuación de infraestruturas ou outras obras ou actuacións directamente relacionadas co abastecemento, como medidas para garantir o abastecemento de auga potable para o consumo humano, sen prexuízo das fórmulas de colaboración que para a súa execución se poidan establecer entre as distintas administracións implicadas.
3. Ao finalizar a actuación de abastecemento e ser recibida pola entidade pública empresarial Augas de Galicia, agás os casos en que a prestación do servizo de abastecemento sexa asumida previamente por esta en virtude dalgún dos mecanismos previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, ou na súa normativa de desenvolvemento, será entregada ou cedida á entidade local, segundo os casos, para que, como titular da competencia para a prestación do servizo de abastecemento, asuma a súa explotación nos termos que se determinen, así como o seu mantemento e a súa conservación, sen prexuízo de que se poida acordar, no caso de que as obras sexan de titularidade de Augas de Galicia, a cesión da propiedade, de ser o caso.
Artigo 23. Réxime de contratación de obras, servizos e subministracións
1. Os expedientes de contratación de obras, servizos e subministracións que, en aplicación desta lei, sexan promovidos pola Administración hidráulica de Galicia, ben sexa en virtude do réxime de colaboración acordado ou ben por iniciativa propia, ou polas administracións locais, e calquera que sexa a súa contía, poderán ser obxecto de tramitación de emerxencia, cumprindo os requisitos e de acordo co réxime establecido no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
2. En particular, para os efectos da alínea anterior, consonte o disposto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, poderá acudirse á tramitación de emerxencia no caso de obras de necesaria execución inmediata para facer fronte a situacións de grave perigo derivadas da declaración pola Administración hidráulica competente de insuficiencia de recursos hídricos para os efectos do abastecemento de auga para o consumo humano ou da declaración pola autoridade sanitaria competente da situación de risco sanitario.
Para estes efectos, no caso de abastecementos con captacións localizadas en encoros, entenderase que concorre un grave perigo por insuficiencia de recursos hídricos cando as reservas existentes non garantan o abastecemento á poboación nun prazo superior aos tres meses.
3. No caso de contratacións de obra tramitadas pola vía de emerxencia non será necesaria a elaboración dun proxecto de obra. Na súa falta, redactarase un documento técnico descritivo das obras, que terá un grao de detalle suficiente para permitir coñecer o carácter, a extensión, a localización e a finalidade da actuación proxectada, así como unha estimación económica aproximada. O devandito documento técnico, que será obxecto de aprobación cos efectos establecidos no artigo seguinte, servirá de base para a contratación das obras polo procedemento de emerxencia, así como para a verificación da adecuación da actuación ao plan urbanístico vixente e, se é o caso, para outras tramitacións que poidan resultar necesarias atendendo as específicas características da obra e a situación concreta de emerxencia.
4. As prestacións propias dos contratos de obras, servizos e subministracións a que se refiren as alíneas anteriores poderanse tamén executar logo da encarga a medios propios do poder adxudicador de que se trate, de acordo co réxime establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
Artigo 24. Réxime xurídico das obras e das infraestruturas hidráulicas no marco dun episodio de seca ou dunha situación de risco sanitario
1. A aprobación das medidas que se adopten ao amparo desta lei no marco dun episodio de seca ou dunha situación de risco sanitario levará implícita a declaración de utilidade pública das obras, das sondaxes e dos estudos que sexan necesarios para as desenvolver, así como a necesidade de urxente ocupación dos bens e de adquisición de dereitos. A declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación referiranse tamén aos bens e aos dereitos comprendidos na implantación e nas modificacións de obras que poidan aprobarse posteriormente.
Para os efectos anteriores, será imprescindible que os documentos técnicos onde se definan as medidas que sexa necesario executar inclúan unha relación concreta e individualizada onde se describan, en todos os aspectos materiais e xurídicos, os terreos, os bens, as servidumes e os demais dereitos reais que se considere necesario ocupar ou adquirir para a execución da medida ou para a reposición dos servizos afectados pola súa execución, coa identificación das persoas titulares, así como a representación gráfica da delimitación das ocupacións necesarias, e que se realizaron os trámites exixidos pola lexislación en materia de expropiación forzosa.
No caso de ser necesaria a tramitación de procedementos expropiatorios con motivo da execución de medidas que se aproben ao abeiro desta lei, estes serán tramitados pola vía de urxencia, de acordo co previsto na normativa en materia de expropiación forzosa.
2. As obras hidráulicas de abastecemento promovidas pola Administración hidráulica de Galicia ao amparo do disposto no artigo 20 non precisarán de licenza municipal, nin estarán sometidas a ningún outro acto de control preventivo municipal, aínda que se deberá solicitar, con carácter previo á aprobación definitiva do documento técnico descritivo das obras, a emisión por parte das entidades locais afectadas dun informe de adecuación ao planeamento urbanístico vixente.
O informe deberá ser emitido e remitido por medios electrónicos no prazo de cinco días hábiles desde a súa solicitude. O transcurso do prazo para a súa realización e remisión sen que estas se verifiquen permitirá a continuación da tramitación do procedemento de acordo co disposto nos parágrafos seguintes, e a conformidade da entidade local entenderase coa execución da actuación.
No caso de compatibilidade da obra co planeamento urbanístico vixente, o órgano competente de Augas de Galicia aprobará o documento técnico e procederá á súa contratación e execución inmediata.
No caso de se emitir un informe sobre a incompatibilidade urbanística da obra, as entidades locais pronunciaranse ademais, nese mesmo trámite, sobre a oportunidade da actuación e manifestarán a súa conformidade ou desconformidade coa súa execución, debendo ser esta última motivada, tendo en conta a ponderación de intereses locais en xogo e a adecuación da medida para satisfacer as necesidades de abastecemento de auga para o consumo humano derivadas dun episodio de seca ou dunha situación de risco sanitario.
No caso de que a obra resulte incompatible co plan urbanístico vixente, Augas de Galicia aprobará o documento técnico e requirirá un informe, para emitir con carácter de urxencia, á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio sobre os aspectos urbanísticos da actuación e as modificacións do plan que sexan precisas para alcanzar a súa compatibilidade urbanística. Este informe será trasladado ás entidades locais afectadas para que poidan presentar alegacións, que serán emitidas e remitidas por medios electrónicos no prazo de cinco días hábiles.
Así que rematen os trámites anteriores, a consellaría competente en materia de augas remitirá o expediente completo ao Consello da Xunta, quen, de proceder, resolverá de xeito motivado en atención ás razóns de urxencia e aos intereses públicos concorrentes. No caso de autorización definitiva da actuación polo Consello da Xunta, no acordo ordenarase tamén o inicio do procedemento de alteración urbanística correspondente consonte a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. O acordo do Consello da Xunta será inmediatamente executivo e habilitará Augas de Galicia para o inicio das obras logo da súa contratación de acordo co establecido nesta lei.
A entidade local afectada non poderá suspender a execución das obras sempre que se cumprise o trámite de informe previo, estea aprobado o proxecto técnico polo órgano competente, se efectuase a comunicación de tal aprobación á entidade local afectada e as obras se axusten ao proxecto ou ás súas modificacións.
3. No caso de que as obras hidráulicas de abastecemento promovidas pola Administración hidráulica de Galicia ao abeiro do disposto no artigo 22 sexan declaradas de emerxencia de acordo co artigo 23, estas non precisarán de licenza municipal, nin estarán sometidas a ningún outro acto de control preventivo municipal.
Nestes casos, sempre que sexa posible, comunicarase ás entidades locais afectadas, con carácter previo, a concorrencia dos requisitos establecidos no artigo 22 e dos presupostos que determinan o carácter de emerxencia das obras, para que poidan manifestar de forma motivada, no prazo que permitan as circunstancias concorrentes, a súa posición ao respecto, tendo en conta a ponderación dos intereses locais en xogo e a adecuación da medida co obxecto de satisfacer as necesidades de abastecemento de auga para o consumo humano derivadas dun episodio de seca ou dunha situación de risco sanitario.
Tras ponderar as alegacións das entidades locais afectadas, os órganos competentes de Augas de Galicia poderán aprobar o documento técnico para a realización das obras, declarar a emerxencia e proceder á súa contratación e execución inmediata.
Nestes casos, se a obra for incompatible co planeamento urbanístico vixente, o concello deberá iniciar o procedemento de alteración urbanística correspondente consonte a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
A entidade local afectada non poderá suspender a execución das obras sempre que se cumpran os requisitos establecidos nesta alínea e as obras se axusten ao documento técnico aprobado ou ás súas modificacións.
4. No caso de obras promovidas polas entidades locais e executadas por Augas de Galicia en aplicación dos mecanismos de colaboración establecidos no artigo 21 e que sigan a tramitación de emerxencia na súa contratación, será aplicable o réxime establecido na alínea anterior.
5. As obras promovidas e executadas polas entidades locais no marco do establecido nesta lei serán comunicadas, para o seu coñecemento e para os efectos de manter a debida coordinación entre as administracións competentes, a Augas de Galicia.
TÍTULO IV
Medidas adicionais para garantir o abastecemento e a calidade
da auga en episodios de seca no ámbito territorial
da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
Artigo 25. Competencias do Consello Reitor de Augas de Galicia e da Dirección de Augas de Galicia
1. Na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, o Consello Reitor de Augas de Galicia, regulado no Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, será o encargado da xestión do escenario de alerta e prestará apoio no escenario de emerxencia ao órgano competente en materia de protección civil encargado da súa xestión, así como cando estea activada a situación excepcional por seca.
2. Nas situacións anteriores, o Consello Reitor de Augas de Galicia poderá acordar medidas, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, nos termos previstos nos correspondentes plans hidrolóxico e de seca aplicables na devandita demarcación, relativas á modificación temporal das condicións de utilización do dominio público hidráulico, calquera que sexa o título habilitante da dita utilización, e en particular:
a) Reducir ou modificar as dotacións na subministración de auga que sexan precisas para ordenar a xestión e o aproveitamento dos recursos hídricos. Para estes efectos, poderanse determinar as dotacións máximas de auga para abastecemento en alta.
b) Modificar, conforme o previsto no Plan hidrolóxico, os criterios de prioridade para a asignación de recursos aos distintos usos da auga, respectando en todo caso a supremacía do uso consignado no artigo 60.3.1º do Texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.
c) Acordar a suspensión cautelar do outorgamento de concesións e autorizacións para o uso privativo da auga, as revisións ou as modificacións que supoñan un incremento no uso da auga.
d) Impoñer a substitución da totalidade ou de parte dos caudais concesionais por outros de distinta orixe e de calidade adecuada para os usos a que estean destinados, para racionalizar o aproveitamento do recurso e dar cumprimento ao réxime de caudais ecolóxicos establecido no Plan hidrolóxico. Entre outros supostos, poderase impoñer a substitución de caudais destinados á rega, aos usos industriais e hidroeléctricos ou aos usos recreativos ou ornamentais por augas rexeneradas.
e) Impoñerlles ás persoas titulares de dereitos de concesión, tanto públicos coma privados, a obriga de informar, coa periodicidade que se estableza, sobre os caudais de auga captada, tratada e fornecida e mais de implementar as instalacións para a súa medición no caso de non existiren.
f) Impoñerlles ás persoas titulares de dereitos de concesión a limitación ou mesmo a suspensión de utilización de caudais de auga para usos recreativos ou ornamentais en fontes públicas, chafarices, pozos, galerías e minas de captación de auga.
g) Modificar as condicións fixadas nas autorizacións de vertedura, para protexer a saúde pública, o estado dos recursos e o medio hídrico e o dos sistemas terrestres asociados. Estas modificacións poderán alcanzar incluso a suspensión temporal daquelas verteduras que poidan ocasionar interrupcións nas operacións de captación e de tratamento da auga para o abastecemento.
h) Adaptar o réxime de explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos ás necesidades derivadas da xestión do episodio de seca, co fin de os compatibilizar con outros usos, de xeito que os recursos hídricos empregados neles poidan ser considerados reservas estratéxicas.
i) Adaptar o réxime de caudais ecolóxicos atendendo as prescricións establecidas na normativa de aplicación e nesta lei.
3. O Consello Reitor de Augas de Galicia, no marco da xestión dun episodio de seca, de acordo co establecido nos plans hidrolóxico e de seca aplicables na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, poderá valorar, atendendo as circunstancias concorrentes en cada caso, a conveniencia de realizar obras de captación, transporte ou adecuación de infraestruturas de abastecemento ou calquera outra medida proposta nos plans excepcionais elaborados polas administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación, como unha medida excepcional para mitigar os impactos xerados polo episodio de seca e garantir o abastecemento de auga para o consumo humano.
4. O Consello Reitor de Augas de Galicia poderá delegar as facultades previstas nas alíneas anteriores no comité permanente referido no artigo 8 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro. En todo caso, procurarase que exista unha representación e interlocución axeitada co concello ou cos concellos afectados.
5. Para os efectos de executar as medidas acordadas de conformidade co previsto nas alíneas anteriores, a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia poderá:
a) Adoptar cantas medidas sexan precisas para o eficaz cumprimento dos acordos adoptados polo Consello Reitor, e, en particular, aquelas medidas que sexan precisas para facer efectivos os acordos relacionados coa modificación das condicións de utilización do dominio público hidráulico.
b) Impoñerlles ás persoas titulares de dereitos de concesión a execución daquelas obras de control ou de medida de caudais que sexan necesarias para unha mellor xestión dos recursos ou acordar subsidiariamente a súa realización, que se deberán executar por conta das persoas obrigadas.
c) Acordar a realización de obras de captación, transporte ou adecuación de infraestruturas e de control da evolución das masas de auga subterránea, nos termos previstos nesta lei. A súa contratación corresponderá ao órgano de contratación de Augas de Galicia.
d) Acordar, no caso de activación dos escenarios de alerta ou emerxencia ou en situacións excepcionais por seca e nos termos previstos nesta lei, a execución de obras de captación, transporte, adecuación de infraestruturas ou calquera outra en materia de abastecemento de auga para o consumo humano, que deriven das medidas adoptadas polos órganos de xestión do episodio de seca para reducir ou minimizar os efectos adversos que deriven do devandito episodio.
Artigo 26. Medidas relacionadas coa aplicación do réxime de caudais ecolóxicos na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
1. Conforme a normativa reguladora dos plans hidrolóxicos, o Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa establecerá o réxime de caudais ecolóxicos aplicable en condicións ordinarias e en condicións de seca.
A exixencia no cumprimento dos caudais ecolóxicos manterase en todos os sistemas de explotación, coa única excepción do abastecemento ás poboacións nos termos previstos no Texto refundido da Lei de augas aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e na súa normativa de desenvolvemento.
Nos leitos de ríos non regulados a exixencia dos caudais ecolóxicos quedará limitada a aqueles períodos en que a dispoñibilidade natural o permita nos termos previstos na normativa en materia de augas.
2. A activación dun escenario de alerta ou emerxencia nun sistema de explotación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa implicará a aplicación directa e inmediata do réxime de caudais ecolóxicos aplicable en condicións de seca, agás que haxa unha previsión en sentido contrario no Plan hidrolóxico da dita demarcación ou na restante normativa que resulte aplicable.
A aplicación do réxime de caudais ecolóxicos en calquera outra situación, durante un episodio de seca, atenderá as previsións do Plan hidrolóxico e o que dispoña o Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
3. Con carácter xeral, durante a vixencia das medidas adoptadas ao amparo desta lei relacionadas cun episodio de seca, manterase o réxime de caudais ecolóxicos aplicable en condicións ordinarias para as zonas protexidas identificadas no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa vixente en cada momento. Calquera modificación dos caudais ecolóxicos nestas zonas debe contar cun informe da dirección xeral competente en materia de patrimonio natural, que terá en conta as limitacións de caudal que de forma natural se producen nunha situación de seca, así como o disposto no artigo 18.4 do Regulamento da planificación hidrolóxica, aprobado polo Real decreto 907/2007, do 6 de xullo. O informe deberá ser emitido e remitido por medios electrónicos no prazo de cinco días hábiles desde a súa solicitude.
4. O Consello Reitor de Augas de Galicia, no ámbito da súa xestión dun episodio de seca, e con carácter excepcional, poderá acordar a non-aplicación do réxime de caudais ecolóxicos previsto coa finalidade de satisfacer as necesidades prioritarias de abastecemento á poboación.
Para adoptar esta decisión solicitaranse cantos informes e documentación se consideren necesarios para asegurar que se trate dunha situación en que non existe outra alternativa razoable que poida dar satisfacción á necesidade de abastecemento á poboación sen afectar os caudais ecolóxicos. Para a adopción da decisión deberase contar, como mínimo, con:
a) Un certificado da administración responsable do abastecemento á poboación no cal se xustifique de forma clara que se adoptaron todas as medidas viables e que está en risco o abastecemento á poboación, con indicación, se é o caso, dos problemas de saúde pública ou de calquera outra situación excepcional que xustifique a redución dos caudais ecolóxicos.
b) A administración responsable do abastecemento deberá xustificar ante o Consello Reitor de Augas de Galicia a falta de recursos ou a ausencia de infraestruturas que poidan aproveitalos, así como a previa adopción de todas as posibles medidas de aforro en usos menos prioritarios.
c) Un informe meteorolóxico onde consten as previsións de precipitación a curto, medio e longo prazo, realizado pola dirección xeral competente na materia.
d) Un informe de valoración das posibles afeccións ambientais da redución dos caudais ecolóxicos e as medidas que se terían que aplicar para minimizar o impacto, realizado pola dirección xeral competente en materia de patrimonio natural.
e) Un informe da autoridade sanitaria competente sempre que o certificado da administración responsable do abastecemento identifique algún posible problema de saúde pública.
Artigo 27. Medidas relacionadas coa reutilización de augas depuradas
1. No ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a reutilización de augas depuradas en substitución dos recursos convencionais rexerase polo disposto no Real decreto 1620/2007, do 7 de decembro, polo que se establece o réxime xurídico da reutilización das augas depuradas. Durante un episodio de seca, na tramitación das concesións ou autorizacións necesarias para a reutilización destas augas terase en conta o disposto no artigo 30.
2. En todos os casos de reutilización de augas residuais depuradas a que se refire a alínea anterior deberán cumprirse as condicións que estableza o informe vinculante da consellaría competente en materia de sanidade, co fin de preservar as garantías sanitarias, así como as que poidan establecer os informes doutras consellarías competentes por razón da materia.
3. No caso de que a auga depurada se destine a usos industriais, tendo en conta as condicións que establecen as alíneas anteriores, poderanse revisar as autorizacións de vertedura do efluente de proceso co fin de facer compatibles os valores dos parámetros de control cos novos usos, co límite de que esta vertedura non poña en perigo recursos destinados ao abastecemento.
4. As administracións titulares ou xestoras das estacións depuradoras de augas residuais adoptarán as medidas precisas para que os caudais depurados se poidan reutilizar de acordo coas condicións que se establezan.
Artigo 28. Redistribución de recursos procedentes de encoros
Augas de Galicia, dentro do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, poderá redistribuír os caudais que se capten nos encoros situados nos sistemas de explotación declarados en situación excepcional por seca, coa finalidade de prolongar ao máximo as últimas reservas de auga existentes neles e de garantir as necesidades básicas de abastecemento á poboación.
Para ese efecto, poderanse fixar uns volumes máximos de auga para captar en proporción á poboación que se abasteza de cada captación, que poderán ser modificados de maneira progresiva en función dos recursos hídricos restantes nos encoros, co fin de que a redistribución dos caudais teña en conta o estado das reservas de auga e a probabilidade de recuperación destas.
Artigo 29. Medidas específicas en materia de garantía de abastecemento
1. No ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, por petición das entidades locais, no caso de que estas non poidan exercer as competencias en materia de abastecemento de auga que lles atribúen as leis como consecuencia dun episodio de seca, Augas de Galicia poderá ordenar, logo do informe vinculante da autoridade sanitaria competente, que se emitirá con carácter de urxencia, o destino, con carácter temporal, ao abastecemento á poboación de caudais de auga concedidos para outros usos.
2. No ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, Augas de Galicia poderá autorizar, por instancia da persoa titular dunha concesión ou da administración responsable da xestión do sistema de abastecemento afectado, e logo do informe vinculante da autoridade sanitaria competente, que se emitirá con carácter de urxencia, as derivacións ou as captacións de augas superficiais ou subterráneas de emerxencia e a realización das obras asociadas para atender o abastecemento de auga de poboacións. As autorizacións outorgaranse polo tempo indispensable e a súa vixencia esgotarase, en todo caso, cando finalice a situación de necesidade que motivou o seu outorgamento.
3. Para estes efectos e co fin de garantir o abastecemento á poboación, con carácter temporal e entrementres persista o episodio de seca, Augas de Galicia poderá así mesmo ordenar a requisa dos dereitos de augas privadas procedentes de fontes, chafarices, pozos, galerías e minas de captación de auga.
4. As actuacións previstas neste precepto poderanse adoptar logo de se activar un escenario de alerta ou emerxencia e enténdense sen prexuízo do dereito das persoas particulares afectadas a seren indemnizadas pola administración responsable da xestión do sistema de abastecemento autorizada, nos casos en que así proceda en aplicación do disposto no artigo 120 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Artigo 30. Tramitación dos procedementos para a aplicación das medidas previstas neste título
1. Dada a concorrencia de razóns de interese público, a tramitación dos procedementos para a aplicación das medidas previstas neste título terá carácter de urxencia, de conformidade co previsto no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na súa virtude, todos os prazos previstos para a tramitación ordinaria dos devanditos procedementos quedarán reducidos á metade, agás os relativos á presentación de solicitudes e de recursos.
2. A tramitación dos procedementos de modificación temporal nas condicións de utilización do dominio público hidráulico efectuarase da seguinte maneira:
a) O procedemento iniciarao de oficio o órgano competente, e o acordo de inicio notificaráselles ás persoas interesadas.
b) O procedemento instruirao a subdirección xeral competente en materia de xestión do dominio público hidráulico, quen solicitará os informes previos que sexan preceptivos e aqueloutros que considere oportunos e mais elaborará a proposta de resolución.
c) A audiencia ás persoas interesadas reducirase ao prazo de cinco días hábiles.
d) A resolución do procedemento corresponderá ao Consello Reitor de Augas de Galicia ou ao órgano en que delegue.
3. A resolución adoptada de acordo coa alínea anterior, que esgota a vía administrativa para os efectos do previsto no artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, determinará a modificación das condicións de utilización do dominio público hidráulico durante o período que expresamente se estableza na devandita resolución ou, na súa falta, mentres non se desactive o escenario do episodio de seca que motive as ditas medidas de modificación de uso ou mentres estas non sexan expresamente revogadas.
4. Os procedementos iniciados para a aplicación das medidas previstas neste título non resoltos antes da finalización do episodio de seca serán arquivados unha vez que, de acordo coa normativa ou a planificación aplicables, desapareza a situación que motivou a súa adopción, sen prexuízo, se é o caso, dos efectos do silencio administrativo para os procedementos iniciados por instancia dunha persoa interesada.
Artigo 31. Especialidades do réxime sancionador
1. Durante a existencia dun episodio de seca serán aplicables os seguintes tipos infractores específicos, dentro do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa:
a) O incumprimento polas persoas titulares de concesións e autorizacións administrativas, reguladas pola lexislación de augas e costas, das condicións impostas nas resolucións ditadas ao amparo desta lei considerarase infracción leve. O dito incumprimento poderá ser cualificado como infracción grave ou moi grave cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 86 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
b) A captación de augas superficiais ou subterráneas sen a correspondente concesión ou autorización e mais a realización de traballos ou mantemento por calquera medio que faga presumir a realización ou a continuación da captación das indicadas augas nos ámbitos territoriais correspondentes aos sistemas de explotación en que se declarase algún dos escenarios correspondentes a un episodio de seca considerarase infracción leve. A dita conduta poderá ser cualificada como infracción grave ou moi grave cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 86 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
c) A realización de verteduras non autorizadas nos ámbitos territoriais correspondentes aos sistemas de explotación en que se declarase algún dos escenarios correspondentes a un episodio de seca considerarase infracción leve. A dita conduta poderá ser cualificada como infracción grave ou moi grave cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 86 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
2. As indicadas infraccións serán sancionadas pola Administración hidráulica de Galicia de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, ben que a sanción deberá impoñerse no seu grao máximo, tendo en conta na determinación do importe concreto, dentro do dito grao máximo, os criterios previstos no artigo 87 da referida lei.
Disposición adicional primeira. Aplicación das limitacións temporais na utilización do dominio público hidráulico ás concesións de augas outorgadas pola Administración hidráulica de Galicia
1. As concesións de augas que outorgue a Administración hidráulica de Galicia durante a vixencia das medidas adoptadas ao amparo desta lei estarán suxeitas ás limitacións temporais na utilización do dominio público hidráulico previstas nela, as cales deberán incluírse expresamente nos títulos concesionais que se outorguen.
2. Así mesmo, as limitacións temporais na utilización do dominio público hidráulico establecidas nesta lei resultarán tamén aplicables ás concesións outorgadas no momento da súa entrada en vigor pola Administración hidráulica de Galicia sen necesidade de modificación expresa dos títulos concesionais.
Disposición adicional segunda. Auditoría e plan de actuacións sobre as perdas de auga nas redes de abastecemento
1. No prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa. Igualmente, deberán publicar a porcentaxe de perda de auga na sede electrónica da administración correspondente. O resultado desta auditoría será actualizado cunha periodicidade bienal.
2. Para minimizar as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación, no prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, deberán igualmente aprobar un plan de actuacións para minimizar as perdas. Este plan será actualizado cunha periodicidade máxima cuadrienal.
3. Dentro dos prazos establecidos nas alíneas anteriores, as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento deberán remitir a Augas de Galicia unha copia do resultado da auditoría e do plan de actuacións e as súas actualizacións.
4. O incumprimento por parte das entidades locais das obrigas contidas nesta disposición adicional poderá dar lugar á denegación da colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia prevista nesta lei e no Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e de explotación de infraestruturas hidráulicas.
Disposición adicional terceira. Obriga da instalación de contadores homologados de medición de consumo de auga
1. No prazo máximo dun ano, contado desde a entrada en vigor desta lei, as persoas titulares das redes de abastecemento deben dispoñer de contadores homologados de medición de consumo de auga en todos os puntos de captación ou de subministración en alta e nos puntos de subministración final en alta ou en baixa, factúrese ou non a auga, incluídos os consumos propios da entidade subministradora da auga, entre os cales se engloban, entre outros, os consumos vinculados a usos non suxeitos ao canon da auga ou exentos do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 47 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
2. Caso de as persoas titulares das redes seren administracións locais, haberá que aterse ao disposto no artigo 15 no suposto de incumprimento da obriga indicada na alínea anterior.
3. Caso de as persoas titulares das redes non seren administracións locais, o incumprimento da obriga indicada na alínea 1 considerarase unha infracción leve, que será sancionada de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, para as infraccións desta cualificación.
Disposición adicional cuarta. Límite das perdas de auga nas redes de abastecemento
1. No prazo máximo de tres anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, as persoas titulares das redes de abastecemento adoptarán as medidas necesarias para garantir que as perdas de auga nas redes de abastecemento se sitúen como máximo no vinte por cento do volume total da auga captada.
2. Para estes efectos, as perdas cuantificaranse como a diferenza entre o volume captado ou fornecido en alta e o volume de auga fornecido en baixa, sexa ou non obxecto de facturación, incluíndo os consumos propios da entidade subministradora, medidos ambos os volumes, en todo caso, por contador homologado, sen se admitir outros sistemas alternativos, e expresados en metros cúbicos.
Disposición adicional quinta. Adaptación de plans e protocolos de inspección sanitaria
A consellaría competente en materia de sanidade actualizará os plans e os protocolos de inspección existentes, co obxecto de os adaptar ás necesidades actuais, para alcanzar o maior grao de garantía de seguridade nas augas de consumo humano e nas súas redes de abastecemento.
Disposición adicional sexta. Carácter non indemnizable dos efectos provocados polas medidas adoptadas
As medidas que establece esta lei e as que se adopten na súa aplicación non dan dereito a ningún tipo de indemnización, salvo cando así proceda consonte o disposto na lexislación de expropiación forzosa, na lexislación en materia de responsabilidade patrimonial da administración ou noutra normativa que resulte aplicable.
Disposición adicional sétima. Auditoría e plans de actuacións sobre as perdas nas redes de abastecemento por parte de empresas privadas
As empresas privadas que teñan concesións para o abastecemento de auga deberán realizar a auditoría e o plan de actuación nos termos previstos na disposición adicional segunda. Poderanse revisar as concesións para as adaptar á situación actual de dispoñibilidade de recursos hídricos.
Disposición transitoria primeira. Vixencia do actual Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
Ata que non sexa aprobado o Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa adaptado ás previsións desta lei, continuará a aplicarse o Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa vixente no momento da súa entrada en vigor.
Disposición transitoria segunda. Vixencia dos actuais plans de emerxencia ante situacións de seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
Os plans de emerxencia ante situacións de seca aprobados no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa con anterioridade á entrada en vigor desta lei poderán continuar a aplicarse no que non se opoñan ao seu contido. Estes plans deberán ser remitidos a Augas de Galicia no prazo máximo de seis meses, contado desde a entrada en vigor desta lei, para analizar a compatibilidade das súas previsións co establecido nela.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia
Engádese unha subalínea 21 na alínea 30 do anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:
«Actuacións de comprobación e control das declaracións responsables para a realización de actuacións menores no dominio público hidráulico e na súa zona de policía, conforme o establecido na normativa de augas. 36 €».
Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a alínea 16.a) do artigo 2, que queda redactada do seguinte modo:
«a) O abastecemento de auga en alta ou adución, que inclúe a captación, o abrollamento e o represamento dos recursos hídricos e a súa xestión, incluído o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o almacenamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación».
Dous. Modifícase a alínea 2 do artigo 9, que queda redactada do seguinte modo:
«2. Dentro da plena capacidade de obrar de Augas de Galicia compréndese a súa facultade de adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear toda clase de bens e dereitos, subscribir contratos, propoñer a constitución de consorcios, mancomunidades e outras modalidades asociativas de entes locais, formalizar convenios, executar, contratar e explotar obras e servizos, outorgar subvencións, obrigarse, interpoñer recursos e exercitar as accións que lle correspondan de acordo coa normativa de aplicación ás entidades públicas empresariais.
A potestade expropiatoria poderaa exercer a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia atribuíndolle a Augas de Galicia a condición de beneficiaria do procedemento expropiatorio, e poderá así mesmo encomendarlle a xestión, de acordo coa lexislación aplicable, de determinadas actuacións de carácter material, técnico ou de servizos, dentro do procedemento expropiatorio».
Tres. Engádese unha nova alínea 5 ao artigo 31, que queda redactada como segue:
«5. Naquelas infraestruturas públicas básicas de abastecemento supra municipal xestionadas e explotadas pola Administración hidráulica de Galicia, a concesión para o abastecemento á poboación inscribirase no Rexistro de Augas a favor da entidade pública empresarial Augas de Galicia, logo da tramitación do oportuno procedemento, de conformidade co disposto no artigo 125 do Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril».
Catro. Incorpórase unha nova alínea p) no artigo 85, que queda redactada como segue:
«p) A inexactitude ou omisión de carácter esencial nos datos, nas manifestacións ou nos documentos que se incorporen ou acompañen as declaracións responsables».
Cinco. Engádese unha nova alínea 6 ao artigo 92, que queda redactada como segue:
«6. Na falta de ordenanza local en materia de verteduras á rede de saneamento e depuración de augas residuais, as entidades locais serán competentes, nos seus respectivos ámbitos competencias, para o exercicio da potestade sancionadora polos feitos descritos nas letras b) e e) do artigo 85 conforme as seguintes regras:
a) Cando tales feitos se cualifiquen de infracción leve consonte o disposto nas letras b) e e) do artigo 85, poderán ser sancionados con multa de ata 15.000 euros.
b) Cando tales feitos se cualifiquen de infracción grave consonte o disposto no artigo 86, poderán ser sancionados con multa desde 15.001 ata 60.000 euros.
c) Cando tales feitos se cualifiquen de infracción moi grave consonte o disposto no artigo 86, poderán ser sancionados con multa desde 60.001 ata 100.000 euros.
Xunto coa sanción de multa poderán impoñerse as sancións accesorias de peche da instalación de verteduras, a prohibición de utilización de instalacións ou servizos públicos ou, se é o caso, a suspensión temporal ou a revogación, total ou parcial, da autorización de vertedura».
Disposición derradeira terceira. Prazo de adaptación a esta lei do Plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa
No prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei aprobarase un plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa adaptado ao seu contido. O plan será aprobado a través do procedemento regulado polas disposicións regulamentarias aplicables.
Disposición derradeira cuarta. Prazo de adaptación a esta lei dos plans de emerxencia ante situacións de seca
As administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan, singular ou mancomunadamente, unha poboación igual ou superior a vinte mil habitantes dispoñen dun prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei para a aprobación de plans de emerxencia ante situacións de seca adaptados ao contido desta lei.
Disposición derradeira quinta. Gravame sobre as perdas de auga nas redes de abastecemento
Antes do remate do prazo previsto na disposición adicional cuarta, o Consello da Xunta aprobará e presentará un proxecto de lei de modificación do canon da auga ou de creación dun novo imposto autonómico co fin de gravar as perdas de auga que se produzan nas redes de abastecemento cando supoñan máis do vinte por cento da auga captada.
Disposición derradeira sexta. Gravame nos usos non domésticos da auga
No prazo máximo dun ano, o Consello da Xunta de Galicia aprobará e presentará un proxecto de lei de modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co obxecto de establecer, nos usos non domésticos da auga, un tipo de gravame mínimo no canon da auga e no coeficiente de vertedura, que aplicará, respectivamente, sobre a base impoñible constituída polo volume de auga usada ou consumida e sobre a base impoñible constituída polo volume de auga vertida.
Disposición derradeira sétima. Desenvolvemento regulamentario en materia de augas de consumo humano
O Consello da Xunta de Galicia aprobará, por iniciativa da consellaría competente en materia de sanidade, no marco do disposto na normativa básica de aplicación, unha disposición regulamentaria co obxecto de abordar unha regulación autonómica en materia de augas de consumo humano.
O dito regulamento creará, para os efectos sanitarios, un censo integrado de xestores e abastecementos de auga na Comunidade Autónoma de Galicia co propósito de mellorar o control sobre os abastecementos de auga, tanto públicos coma privados, e de facilitar a identificación das persoas afectadas pola obriga do seu mantemento.
Disposición derradeira oitava. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta lei.
Disposición derradeira novena. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!