DECRETO 42/2020, do 30 de xaneiro, polo que se modifican determinadas disposicións vixentes en materia de augas.

[sc name=»urbanismo» ]

Si ya es suscriptor-usuario de este servicio y no recuerda su clave de acceso solicítenosla en:  dapp@dappeditorial.es

A intervención humana no dominio público hidráulico e na súa zona de policía está suxeita ás funcións de supervisión e control por parte da Administración hidráulica competente que, no ámbito da demarcación hidrográfica Galicia-Costa corresponden á entidade pública empresarial Augas de Galicia nos termos establecidos nos artigos 4, 6 e 11 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que desenvolven a competencia exclusiva que atribúe á Comunidade Autónoma o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución española.
As ditas funcións maniféstanse a través da técnica autorizatoria como elemento de control previo ao inicio da actividade. Con carácter xeral, o texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, establecen procedementos con trámites e prazos certamente rigorosos e amplos, acordes coa importancia do ben público protexible. No entanto, en determinadas circunstancias, como son as relativas a intervencións de mínima entidade e nula repercusión no dominio hidráulico, acudir á figura da autorización previa pode dar lugar a impor cargas administrativas innecesarias aos promotores, tanto suxeitos públicos como particulares, que se traducen pola súa vez en dilacións temporais non desexadas.
A esta finalidade –a de reducir as cargas administrativas á cidadanía– respondeu a disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cando substituíu a autorización administrativa pola declaración responsable no suposto das actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, entendendo por tales as retiradas de árbores mortas, podas e outros elementos que reduzan a capacidade do leito ou contribúan á súa degradación.
Coa presente modificación continúase nesa liña de mellora e simplificación na tramitación administrativa, ampliando agora o dito catálogo de actuacións menores suxeitas a declaración responsable coa incorporación doutro tipo de actuacións que, esencialmente, podemos definir como actuacións de mantemento e conservación de instalacións e infraestruturas xa existentes, sen alterar o seu volume, estrutura ou funcionalidade.
Trátase en definitiva, de introducir os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia no réxime de autorizacións no dominio público hidráulico e na súa zona de policía, que, sen menoscabo da regulación dos usos que afecten o dominio público hidráulico, permitan compatibilizar a necesaria supervisión administrativa coa simplificación nos trámites para aqueles supostos en que as actuacións pretendidas non impliquen alteracións substanciais do relevo natural do terreo, non supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de avenidas e non poidan ser causa de degradación ou deterioración do dominio público hidráulico en xeral.
Por outra banda, o artigo 24 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, detalla o ámbito espacial de cada unha das zonas hidrográficas en que se divide o territorio de Galicia, e remítese no apartado 3 aos planos que contén o anexo do estatuto.
A Orde TEC/921/2018, do 30 de agosto, pola que se definen as liñas que indican os límites cartográficos principais dos ámbitos territoriais das confederacións hidrográficas de acordo co establecido no Real decreto 650/1987, do 8 de maio, polo que se definen os ámbitos territoriais dos organismos de bacía e dos plans hidrolóxicos, utiliza as mellores tecnoloxías dispoñibles para a traza cartográfica das liñas divisorias principais que delimitan o ámbito territorial dos organismos de bacía, sinalando que deberá ser a utilizada de xeito que os ámbitos territoriais dos organismos de bacía e as demarcacións hidrográficas deben adecuar e axustar as súas actuacións ao sinalado na cartografía a que se refire a orde, que se concreta no arquivo dixital das liñas divisorias principais que publica o ministerio competente en materia de dominio publico hidráulico, no seu nodo da infraestrutura de datos espaciais, baixo a denominación «Límites cartográficos de las confederaciones hidrográficas», polo que resulta necesario modificar o artigo 24 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, e suprimir os mapas que recollía o anexo, para adaptalo á normativa vixente.
Por último, modifícase o anexo II do Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño, co fin de eliminar determinadas contradicións que contén en relación co anexo I, para os parámetros de ácido sulfhídrico, ácido cianhídrico e cloro.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de dous mil vinte,
DISPOÑO:
Artigo primeiro. Modificación do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia
O Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, queda redactado como segue:
Un. O número 3 do artigo 24 queda redactado como segue:
«3. O territorio da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de cada unha das zonas hidrográficas desta demarcación e de cada un dos seus sistemas de explotación detállase na dirección electrónica da páxina web do sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica Galicia-Costa), que estará dispoñible desde a dirección electrónica da páxina web corporativa do organismo de bacía Augas de Galicia (na actualidade https://augasdegalicia.xunta.gal)».
Dous. Suprímese o anexo do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Artigo segundo. Modificación do Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia
O anexo II do Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño, queda redactado como segue:
«ANEXO II
Verteduras limitadas
Parámetro Valor límite Unidades
pH 5,5 – 9
1, 2 dicloroetano 0,40 mg/l
Aceites e graxas 100,00 mg/l
Aldehidos 2,00 mg/l
Aluminio 10 mg/l
Amoníaco 30,00 mg/l
AOX (1) 2,00 mg/l
Arsénico 1,00 mg/l
Bario 10,00 mg/l
Boro 3,00 mg/l
BTEX (2) 5,00 mg/l
Cadmio 0,10 mg/l
Chumbo 1,00 mg/l
Cianuros 0,50 mg/l
Cianuros disoltos 1,00 mg/l
Cloruros 2.000,00 mg/l
Cobre 3,00 mg/l
Condutividade eléctrica (25 ºC) 5.000,00 µS/cm
Cor Inapreciable en dilución 1/30
Cromo hexavalente 0,5 mg/l
Cromo total 2,00 mg/l
DBO5 500,00 mg/l
DQO 1.000,00 mg/l
Dióxido de xofre 15,00 mg/l
Estaño 3,00 mg/l
Fenois totais 1,00 mg/l
Ferro 10,00 mg/l
Fluoruros 10,00 mg/l
Fosfatos 60,00 mg/l
Fósforo total 40,00 mg/l
Hidrocarburos 15,00 mg/l
Hidrocarburos aromáticos policíclicos 0,20 mg/l
Manganeso 5,00 mg/l
Materias inhibidoras 20,00 equitox
Mercurio 0,01 mg/l
Níquel 2,00 mg/l
Nitratos 50,00 mg/l
Nitróxeno amoniacal 30,00 mg/l
Nitróxeno total Kjeldahl 40,00 mg/l
Nonilfenol 1,00 mg/l
Percloroetileno 0,40 mg/l
Pesticidas 0,10 mg/l
Praguicidas totais 0,10 mg/l
Selenio 0,50 mg/l
Sólidos en suspensión 500,00 mg/l
Sulfatos 400,00 mg/l
Sulfuros disoltos 0,30 mg/l
Sulfuros totais 1,00 mg/l
Temperatura 30,00 ºC
Tensioactivos aniónicos(3) 6,00 mg/l LSS
Triacinas totais 0,30 mg/l
Tributilestaño 0,10 mg/l
Triclorobenceno 0,20 mg/l
Zinc 2,00 mg/l
(1) Poderán observarse valores superiores de AOX naqueles casos en que se cumpran os valores de organoclorados individualizados deste anexo II.
(2) Suma de benceno, tolueno, etilbenceno e xileno.
(3) Substancias activas co azul de metileno expresadas como lauril sulfato sódico (LSS)».
Artigo terceiro. Modificación do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
Modifícase a disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional segunda. Actuacións menores de mantemento e conservación
1. Considéranse actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, as seguintes:
a) A retirada de árbores mortas e as podas de árbores que impidan accesos ao leito ou á súa servidume de paso, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.
b) A retirada de árbores mortas e as podas de árbores que reduzan a capacidade do leito.
c) A retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan o leito e especialmente nas obras de paso sobre ela, ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación do dominio público hidráulico.
d) O mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.
2. Considéranse actuacións menores de mantemento e conservación na zona de policía de leitos fluviais, as seguintes:
a) En infraestruturas:
1º. A reparación de fochancas ou a renovación de camiños de servizo, veciñais, agrícolas, forestais ou pecuarios, con saburra do mesmo material que o existente no trazado.
2º. As obras de mantemento ou de mellora da rede viaria pública tales como a renovación de capas de rodadura, mantemento, conservación e reperfilación de cunetas.
3º. Os tendidos soterrados de redes de abastecemento de auga, sumidoiros, de electricidade, de gas ou de telecomunicacións, agás cando para a súa execución sexan precisos movementos de terras que superen o concepto de apertura de gabias, sempre que estean dentro da zona de dominio publico da infraestrutura correspondente.
4º. A colocación e substitución de carteis informativos ou de sinalización, sempre que respondan a modelos oficiais aprobados polo órgano ou entidade pública competente, sempre que estean dentro da zona de dominio publico da infraestrutura correspondente.
Non terán a consideración de actuacións menores en infraestruturas:
1º. As ampliacións de estradas ou camiños nin calquera outro traballo que implique un movemento de terras.
2º. A ampliación de obras de drenaxe ou calquera outra actuación sobre elas distintas da estendedura dunha nova capa de rodadura.
3º. O arranxo de infraestruturas de servizos que impliquen un movemento de terras.
b) En edificacións e vivendas, as actuacións consistentes en pintura, revestimento ou impermeabilización de fachadas, cambio de fiestras ou substitución de tellados e outras actuacións de similares características que en ningún caso desvirtúen a tipoloxía, forma e volume.
Non terán a consideración de actuacións menores, nos supostos de edificacións e vivendas situadas en zona de servidume, así como nos supostos en que a realización dos traballos indicados precise ocupar con elementos auxiliares (tales como estadas ou guindastres) a zona de servidume.
c) Os seguintes tipos de peches:
1º. Pastor eléctrico para gardar animais.
2º. Permeables de malla ou similares.
Non terán a consideración de actuacións menores:
1º. Os peches que se atopen localizados en zona de servidume.
2º. Os peches con zócolo.
3. A execución das actuacións menores referidas nos números 1 e 2, cando se realicen no ámbito da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, requirirán a presentación previa dunha declaración responsable. Estas actuacións teñen a consideración de usos permitidos para efectos da normativa ambiental salvo as previstas nos puntos 2.a).3º e 2.c).1º e 2º, que requiriran autorización da autoridade competente en materia de ambiente.
Na declaración responsable o/a promotor/a declarará, baixo a súa responsabilidade, que cumpre os requisitos establecidos na normativa vixente, que dispón da documentación que así o acredita, que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante a execución das actuacións. A dita declaración deberá dirixirse á entidade pública empresarial Augas de Galicia, segundo o modelo normalizado que se aprobe.
4. Augas de Galicia poderá requirir en calquera momento que se achegue a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos e o/a interesado/a deberá achegala.
A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a non presentación ante Augas de Galicia da declaración responsable ou da documentación que sexa, se for o caso, requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar coa execución da actuación desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.
Así mesmo, a resolución de Augas de Galicia que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga do/da interesado/a de restituír a situación ao momento previo ao comezo da actuación correspondente.
5. A execución de actuacións que non teñan a consideración de menores segundo esta disposición, que requiran o outorgamento de autorización previa segundo o disposto no Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto.
6. Promoverase a colaboración coas entidades locais para a execución destas actuacións. Augas de Galicia comunicará aos concellos as declaracións responsables presentadas para actuacións menores que se realicen nos respectivos termos municipais».
Disposición adicional única. Valoración de indemnizacións en materia de augas
O Xurado de Expropiación de Galicia emitirá informe preceptivo para determinar a valoración das indemnizacións que procedan na imposición de servidumes de acueduto, estribo de presa e de parada ou partidor, así como as de paso a que se refire o capítulo I do título II do Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, cando a competencia corresponda ao organismo de bacía da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento
Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de augas para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do presente decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de dous mil vinte
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.