Ciclo integral da auga GALICIA

,

LEI 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

A auga é un ben de primeira necesidade e esencial tanto para os seres humanos coma para a actividade económica de calquera sector, así como un elemento natural imprescindible para a vida e a configuración dos sistemas ambientais. Ademais é un dos sinais de identidade cultural e natural de Galicia.

Así mesmo, a calidade das augas é necesaria e imprescindible para proporcionar garantías de subministración á poboación, en calidade e cantidade, tanto para o mantemento dos ecosistemas naturais, o desenvolvemento dos procesos biolóxicos e o sustento da biodiversidade coma para o desenvolvemento de actividades económicas como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a agricultura ou o turismo.

A calidade das augas tamén inflúe na saúde pública. Neste sentido, márcase como obxectivo prioritario e fundamental a implantación de mecanismos e de iniciativas enfocadas a garantiren a calidade das nosas augas, dos nosos ríos e rías, da nosa costa e dos nosos lagos e zonas húmidas, coa salvagarda da biodiversidade e a mellora da conectividade ecolóxica.

Para alcanzar os máis altos estándares na calidade das augas aos que aspiramos en Galicia, tanto no medio natural coma para o abastecemento á poboación, é preciso contar cun conxunto de infraestruturas que permitan almacenar, potabilizar, distribuír e depurar a auga para evitar afeccións á natureza e reducir a súa pegada ecolóxica.

A este respecto, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou, nos últimos anos, un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu en gran medida a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos concellos no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron, sen dúbida, na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia.

Porén, tense constatado durante todo este tempo que as singularidades e as peculiaridades demográficas e xeográficas de Galicia dificultan non soamente a execución das infraestruturas hidráulicas, senón tamén a súa xestión para a prestación destes servizos básicos de forma axeitada. A dispersión poboacional na nosa comunidade, que aglutina a metade dos núcleos de poboación de toda España, as nosas rías e a nosa orografía son factores que complican e dificultan a xestión da auga en relación coa prestación dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, resultando necesario adaptar os modelos urbanos á nosa realidade do rural disperso.

É sabido que para avanzar na mellora da calidade das augas e garantir os servizos de abastecemento á poboación e ás actividades económicas non abonda coa execución de infraestruturas. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento.

Esta tarefa, intrinsecamente xa complicada, require dunha capacidade técnica e económica da que, en moitos casos, os concellos, que son as administracións que teñen as competencias de conformidade coa normativa de réxime local, carecen.

As dificultades e as singularidades da nosa comunidade autónoma tamén contribuíron a que actualmente convivan distintos modelos de xestión da auga, desde a xestión municipal dos propios sistemas e os consorcios, as mancomunidades e as sociedades supramunicipais ata as depuradoras, que son xestionadas directamente por Augas de Galicia para colaborar cos concellos. No seu ámbito xeográfico tamén existe unha realidade rural que debe ser tida en conta.

Paralelamente, a xestión da auga está tamén condicionada por un conxunto de importantes e urxentes retos ambientais e pola aplicación de diferentes directivas europeas.

Neste sentido, no contexto do cambio climático no que estamos inmersos, resulta necesario implantar dunha forma decidida os mecanismos necesarios para adaptar o ciclo integral da auga ao novo escenario de cambio global. A variación das condicións climáticas nos últimos anos, que veu modificar o réxime da pluviometría na nosa comunidade, e a previsión futura obrigan a reorientar as accións das administracións públicas relativas á xestión da auga. Os eventos extremos, cada vez máis acusados, como son as inundacións ou as secas e a variación de parámetros como a temperatura, obrigan a adaptar os sistemas de explotación de abastecemento, saneamento e depuración para garantir o abastecemento e a calidade das augas, sen afectar o medio natural.

Débese ter presente a necesidade de dar cumprimento a unha normativa europea cada vez máis exixente en materia ambiental, en concreto a Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro, a Directiva marco da auga, que establece un consumo responsable e unha xestión eficiente, sustentable e eficaz do ciclo integral. Esta directiva, no seu artigo 9, prevé a asunción do principio comunitario de recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, o que motiva que a prestación dos diferentes servizos deba levar aparellada o cobramento dunha taxa co obxecto de, en primeiro lugar, trasladarlles o custo do servizo ás persoas beneficiarias e, en segundo lugar, salvagardar a viabilidade económico-financeira do servizo.

O Pacto verde europeo que a Comisión Europea presentou o 11 de decembro de 2019 establece unha nova estratexia de crecemento verde para a Unión Europea, que ten por obxectivo situar Europa na senda da transformación cara a unha sociedade climaticamente neutra, equitativa e próspera, cunha economía moderna e competitiva que utilice de forma eficiente os recursos.

A Axenda 2030 sobre o desenvolvemento sustentable, que conta con dezasete obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS), configúrase como un contrato social global que se atopa no centro da visión da Unión Europea e que debe orientar as accións dos gobernos. O ODS 3 («Saúde e benestar»), o ODS 6 («Auga limpa e saneamento»), o ODS 12 («Produción e consumos responsables»), o ODS 14 («Vida submarina») e o ODS 15 («Vida dos ecosistemas terrestres») son obxectivos que hai que ter presentes para avanzar cun crecemento verde na xestión da auga.

As instalacións de abastecemento, saneamento e depuración están conformadas por estacións de bombeo, tanques de tormenta, estacións de tratamento de auga potable e estacións depuradoras de augas residuais. Estas instalacións precisan dun importante consumo de enerxía, co que se ve afectada a xestión dos sistemas do ciclo integral da auga polos cambios recentes na tarifa eléctrica, dado que o termo «enerxía» presenta un peso importante na factura dos custos dunha planta depuradora e, máis aínda, nunha estación de bombeo de augas residuais.

Cómpre sinalar así mesmo a innovación que está a vivir o sector, cunha continua evolución das tecnoloxías do abastecemento e do saneamento e incorporando solucións baseadas na natureza, que precisan dun acompañamento técnico especializado na posta en marcha destas novas ferramentas.

Os retos ambientais e económicos que afrontan no día de hoxe os entes locais vense dificultados tanto pola complexidade técnica da xestión dos servizos do ciclo integral da auga coma pola dificultade para alcanzar a sustentabilidade e a viabilidade económica e financeira destes servizos. Pódese afirmar que nos concellos con núcleos máis pequenos o custo da prestación do servizo por habitante, nunhas mesmas condicións de calidade, é maior do que nas cidades, xa que as instalacións de abastecemento e de saneamento teñen uns custos fixos que hai que repartir entre menos persoas.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as cales se atopan o abastecemento da auga potable e a evacuación e o tratamento das augas residuais, e no artigo 26 os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos. A obrigatoriedade de tales servizos establécese en función da poboación do municipio, aínda que o precepto sinalado establece un conxunto de servizos (entre os que se inclúen o abastecemento e a rede de sumidoiros) que deben ser prestados por todos os municipios.

A atribución competencial realizada pola lei básica refórzase na lexislación galega. Tanto a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, coma a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, atribúen aos concellos competencias en materia de abastecemento, rede de sumidoiros e tratamento de augas residuais, e establecen como servizos de prestación obrigatoria por todos os concellos, na liña da lexislación básica, o abastecemento domiciliario de auga e a rede de sumidoiros, así como o tratamento de augas residuais en determinados supostos.

Pola súa banda, por imperativo legal, as deputacións provinciais teñen outorgadas as funcións de cooperación e asistencia aos municipios, debendo asegurar, especificamente, a prestación dos servizos municipais de prestación obrigatoria naqueles concellos que carecen dos medios materiais e humanos para afrontalos con éxito.

A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, reforzou o papel das deputacións como garantes da adecuada prestación dos servizos públicos de competencia municipal. Neste sentido son competencias propias das deputacións, entre outras, a coordinación dos servizos municipais en todo o territorio, a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica, a prestación dos servizos públicos de carácter supramunicipal e, se é o caso, comarcal, a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social e mais a planificación no territorio provincial.

O artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre as administracións como un principio para conseguir os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia. Na actualidade, e en aplicación deste principio, a Comunidade Autónoma de Galicia xestiona varias estacións depuradoras de augas residuais, e resulta previsible que nos próximos anos este número se incremente.

Esta necesaria cooperación entre as administracións vén precedida da declaración de interese xeral pola Comunidade Autónoma do servizo de depuración por parte da actualmente derrogada Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas. Na actualidade, a declaración de interese xeral permanece vixente nos termos específicos establecidos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Da diagnose actual conclúese a existencia dunha enorme dificultade para a prestación dos servizos municipais da auga como consecuencia das singularidades demográficas e xeográficas de Galicia, do contexto do cambio climático, das recomendacións europeas orientadas cara a un consumo responsable, sustentable e eficiente da auga e mais por mor da complexidade técnica e económica intrínseca á prestación destes servizos municipais relacionados coa auga.

Todas as consideracións ata aquí expostas aconsellan unha corresponsabilidade das diferentes administracións na xestión da auga, isto é, unha implicación conxunta das deputacións provinciais e da Comunidade Autónoma en colaboración cos concellos, ofrecéndolles un instrumento para a xestión do ciclo integral da auga baseado na voluntariedade (requisito básico en tanto a competencia corresponde ás entidades locais), na colaboración e no compromiso ambiental do cumprimento da Directiva marco da auga, que busque unha xestión consensuada e equilibrada do ciclo integral da auga, no ámbito das competencias de cada unha das administracións implicadas.

Neste contexto levouse a cabo unha profunda reflexión sobre a idoneidade dun novo marco regulatorio do ciclo integral da auga para artellar os mecanismos de axuda ás entidades locais a prol de procurar unha xestión máis eficiente das infraestruturas e dos servizos que forman parte do ciclo, tendo como premisa a optimización dos recursos das distintas administracións, alcanzar os maiores niveis de calidade do servizo para toda a cidadanía e a mellora das nosas augas e do medio natural.

Como un primeiro paso de cara á consecución dun modelo de xestión do ciclo integral da auga que garanta a súa sustentabilidade futura, o 4 de novembro de 2013, a Administración autonómica galega e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron un protocolo de colaboración e de desenvolvemento do Pacto local para a xestión do ciclo urbano da auga. A través da posta en marcha deste Pacto local, cunha participación activa dos concellos, das deputacións provinciais e da Comunidade Autónoma de Galicia, acadouse un axeitado punto de partida para progresar na optimización da xestión da auga e na prestación destes servizos.

Este acordo político foi promovido para avanzar na consecución dun modelo de xestión sustentable e eficiente, sobre todo naqueles aspectos que máis afectan a autonomía local, de tal xeito que se poidan satisfacer os dereitos e os intereses das persoas usuarias e consumidoras da auga a través da prestación duns servizos de calidade, que permitan cumprir os obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.

As premisas fundamentais deste pacto consisten principalmente en acadar un instrumento público e integral de todo o ciclo integral da auga, con solvencia técnica, con tarifas igualitarias e homoxéneas e con posibilidades de vías de financiamento para a realización de investimentos baseados en criterios técnicos.

Nos últimos anos, neste marco de colaboración institucional, a Xunta de Galicia continuou a traballar mediante o impulso de iniciativas lexislativas co obxectivo de adaptar a xestión da auga ao contexto do cambio climático e á realidade do noso medio rural, así como de dispoñer de ferramentas para dar unha resposta áxil e coordinada por parte das administracións públicas.

Así, no ano 2019 aprobouse a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario; unha lei destinada a mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento de auga e a coordinar de forma responsable a actuación en período de seca, que ten como finalidade garantir a subministración en cantidade e calidade idóneas á poboación, reducir a vulnerabilidade dos sistemas e protexer a saúde pública fronte a situacións adversas como a seca.

No momento actual constátase a conveniencia de dar un paso máis no camiño de establecer un marco normativo que regule a política da xestión do ciclo integral da auga na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de mellorar a eficiencia na prestación dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga, acadar unha xestión sustentable no uso da auga a través da integración dos sistemas de abastecemento e dos sistemas de saneamento e de depuración, así como unha xestión profesionalizada das infraestruturas e dos servizos asociados a estas. Un novo marco regulatorio que ao mesmo tempo prevexa o establecemento de mecanismos disuasorios para fomentar un uso racional dos recursos hídricos e o aforro da auga, obxectivos da Directiva marco da auga, así como de medidas para a optimización do funcionamento das redes de saneamento, co fin de mellorar a depuración das augas residuais e previr a contaminación e posibles accidentes.

Desta forma impúlsase este texto normativo cuxo obxectivo principal é ofrecer aos concellos unha solución definitiva, eficaz, profesionalizada e igualitaria para a prestación dos servizos de saneamento, depuración e abastecemento. Unha alternativa, de carácter voluntario, para aquelas entidades locais que teñan dificultades contrastadas para ofreceren un bo servizo á súa cidadanía.

II

Nesta lei introdúcese un marco normativo que establece distintas medidas para a mellora do ciclo integral da auga e a prestación de servizos. Entre estas medidas, regúlanse os supostos en que a entidade pública empresarial Augas de Galicia pode prestar os servizos e xestionar as infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga co propósito de colaborar cos concellos que voluntariamente o requiran por teren dificultades para levalos a cabo por si mesmos, e desenvólvense, para estes supostos, o sistema de financiamento da xestión do ciclo integral da auga por Augas de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia conta cunha bacía hidrográfica integramente incluída no seu territorio, coñecida como Galicia-Costa, sobre a que dispón, como xa recolle o preámbulo da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, de competencia exclusiva (artigo 27.12 do Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril) e, por tanto, do fundamento xurídico para conseguir unha regulación que responda aos seus propios intereses.

Como fundamento desta norma hai que aterse ao disposto no Estatuto de autonomía de Galicia (EAG), fundamentalmente nos seguintes títulos competenciais que a dita norma prevé: en materia de réxime local (artigo 27.2, posto en relación co artigo 49, relativo á tutela financeira das entidades locais); en materia de obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou cuxa execución ou explotación non afecte outra comunidade autónoma ou provincia (artigo 27.7 do EAG); aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da comunidade (artigo 27.12 do EAG); augas subterráneas (artigo 27.14 do EAG); normas adicionais sobre protección do medio ambiente (artigo 27.30 do EAG), e en materia de sanidade (artigo 33.1 do EAG).

A maiores, polo que respecta ao sistema de financiamento, é preciso ter en conta o artigo 51 do Estatuto de autonomía de Galicia, que establece que se regularán mediante lei do Parlamento galego o establecemento, a modificación e a supresión dos seus propios impostos, taxas e contribucións especiais, así como as exencións ou bonificacións que os afecten; tamén o artigo 44.4, que sinala que forma parte da facenda da Comunidade Autónoma de Galicia o rendemento das súas propias taxas por aproveitamentos especiais e pola prestación de servizos directos da Comunidade Autónoma.

A regulación e as medidas que se establecen nesta lei adóptanse consonte o disposto no artigo 103.1 da Constitución española, e a súa aplicación levarase a cabo desde o respecto e a coordinación entre as competencias da Comunidade Autónoma e as competencias propias das administracións locais nesta materia.

III

Neste marco, con este texto normativo quere promoverse unha explotación conxunta dos sistemas de abastecemento e de saneamento, como un sistema de xestión no que se aproveitan unhas sinerxías e economías de escala moi relevantes fronte a unha xestión individual.

A explotación conxunta permite un importante aforro directo dos custos de explotación, principalmente dos custos de persoal, o que permite dispoñer dun equipo profesionalizado e multidisciplinar compartido para a realización de tarefas de mantemento correctivo e preventivo en varias instalacións. Así mesmo, permite a redución dos custos de subministración, xa que poden acadarse menores custos derivados da optimización de materiais e equipos, así como a redución dos prezos de compra, sen prexuízo do aforro noutros custos de mantemento e conservación. Todo isto redunda na mellora da eficiencia na prestación dos servizos públicos.

Trátase, polo tanto, dun marco normativo para regular o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración das augas, polo que se crea un novo modelo de xestión que pretende garantir a calidade dos servizos á cidadanía, a eficiencia na explotación das infraestruturas e a viabilidade económica dos sistemas. Un novo modelo que axude as entidades locais ante as dificultades contrastadas, tanto técnicas coma financeiras, para exerceren con eficacia as competencias en materia de augas, e que poden afectar a calidade destas e a saúde das persoas e do medio natural, así como tamén as distintas actividades económicas, como son a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo.

Búscase apostar pola coordinación e a implicación de todas as administracións con competencias na materia: a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos, cun texto legal que establece instrumentos de cooperación que garanten a corresponsabilidade e o cofinanciamento na programación dos investimentos necesarios para a mellora do ciclo integral da auga.

Neste modelo, Augas de Galicia poderá asumir a xestión dos servizos do ciclo da auga dos concellos que voluntariamente o soliciten, para o que deberá contar coa implicación da deputación provincial correspondente no financiamento das obras que sexan precisas.

O novo modelo incentiva a xestión profesionalizada e especializada dos servizos da auga, partindo do coñecemento minucioso dos sistemas e da ordenación completa das súas instalacións. Ademais, priorizaranse as actuacións nas redes coa finalidade de limitar as infiltracións de augas brancas e as verteduras contaminantes, co que se aumenta deste xeito a eficiencia dos sistemas e evita os grandes investimentos nas depuradoras e mais o elevado consumo de enerxía.

Neste aspecto considérase estratéxica a planificación baseada nos plans de eficiencia enerxética, nos plans de reducións de augas brancas, as auditorías nas redes de abastecemento e de saneamento, e asúmense unhas obrigas tanto polas entidades locais coma por Augas de Galicia, o que será un apoio fundamental aos concellos nesta tarefa, que é prioritaria para acadar unha mellora da calidade das augas e a prestación do servizo de auga de calidade á cidadanía.

O novo modelo implica, ademais, unha igualdade de trato e de condicións en todo o territorio, cun modelo único e igualitario, así como voluntario. Emporiso, establécense uns prezos únicos e xustos no conxunto da comunidade.

Co fin de garantir a viabilidade económica e financeira na xestión da auga e de permitir a recuperación dos custos dos servizos, garantindo a súa viabilidade e a aplicación dos principios de «quen usa, paga» e «quen contamina, paga», reordénanse os tributos existentes cunha denominación acorde ao recurso que se está gravando, mais sen crear novas taxas que repercutan nas persoas usuarias.

Para tal efecto, mediante esta lei preténdese dar solución ás disfuncións dos tributos existentes con natureza de taxa. Desta maneira, o coeficiente de vertedura pasa a denominarse «canon de xestión das depuradoras», unha nomenclatura máis acorde ao que grava o tributo, por se tratar dunha taxa que se aplica nos concellos nos cales a Administración hidráulica de Galicia, como axuda ás entidades locais, asume a responsabilidade e os custos da depuración das augas residuais.

Do mesmo xeito, o canon de xestión das redes de colectores vén substituír a actual taxa municipal da rede de sumidoiros ou dos sumidoiros naquela parte na que, voluntariamente, a entidade local se acolla ao modelo que se pon á súa disposición para a explotación dos servizos. Así mesmo, o canon de xestión dos abastecementos vén substituír a actual taxa municipal de abastecemento, naquela parte na que a entidade local, voluntariamente, se acolla a este modelo que se pon á súa disposición.

No canon de xestión das depuradoras, asumindo o principio comunitario de «quen contamina, paga», nos usos non domésticos e entidades locais, o tipo de gravame pode vir modulado pola concentración contaminante vertida, toda vez que unha maior ou menor concentración contaminante intervén de maneira directa nos custos asociados ao seu tratamento.

Con respecto ao coeficiente de vertedura e ao sistema de xestión dos baleirados das fosas sépticas en depuradoras xestionadas pola Administración hidráulica de Galicia, pásase dun modelo baseado exclusivamente na dispoñibilidade do servizo a un sistema no que, ademais da propia dispoñibilidade, se ten en conta o volume efectivamente baleirado na depuradora.

Derivado da asunción do principio comunitario de recuperación do custo do servizo propugnado polo artigo 9 da Directiva marco da auga e do principio comunitario do uso responsable da auga, concrétase como un mecanismo disuasorio o gravame das perdas de auga nas redes de abastecementos cando estas supoñan máis do vinte por cento da auga captada. Para tal fin modifícanse varios artigos da Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia.

Outras modificacións operadas na Lei de augas de Galicia son as relativas á incorporación, dentro do uso especial de produción hidroeléctrica, dos bombeos de auga desde o dominio público hidráulico cara aos encoros; a modificación das obrigas das entidades subministradoras da auga, singularmente no relativo ás declaracións de non pagados; o establecemento da obriga de presentar e cubrir os modelos de declaración e autoliquidación na sede electrónica da Xunta de Galicia; a ampliación da aplicación do coeficiente de zona sensible ás verteduras que sexan realizadas indirectamente ás devanditas zonas, e a regulación da acreditación do número de persoas na vivenda nos usos domésticos da auga cando as ordenanzas municipais consideren o dito factor á hora de aplicar as súas taxas vinculadas ao ciclo da auga.

IV

O articulado desta lei estrutúrase en tres títulos, catro disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, tres disposicións derradeiras e dous anexos.

O título I contén as disposicións xerais relativas ao obxecto e ao ámbito de aplicación da lei, as definicións, as finalidades e os principios de actuación, co fin de garantir as necesidades básicas de uso da auga en condicións axeitadas de cantidade e calidade e mais a protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres asociados.

O título II contén distintas medidas para a mellora do ciclo integral da auga e a prestación dos servizos, e estruturase en tres capítulos.

No capítulo I, relativo ás medidas de mellora da ordenación da xestión do ciclo integral da auga, regúlase e clarifícase a figura das aglomeracións urbanas, en consonancia coa maior relevancia que esta figura adquiriu na normativa comunitaria. En segundo lugar, regúlanse as distintas medidas para o cumprimento das obrigas derivadas do tratamento das augas residuais urbanas, as medidas relacionadas coa ordenación dos sistemas de saneamento, as medidas para a mellora da xestión das augas da choiva, as medidas relacionadas coa ordenación dos sistemas de abastecemento, as medidas para fomentar a eficiencia enerxética no ciclo integral da auga, así como as medidas para fomentar a transparencia e o intercambio de información na xestión do ciclo integral da auga.

O capítulo II, relativo á prestación dos servizos do ciclo integral da auga, define os obxectivos que deben acadarse na prestación, establece como réxime xeral a prestación conxunta e integrada dos servizos vinculados ao uso da auga e regula as medidas destinadas a garantir a sustentabilidade e viabilidade económica na xestión do ciclo integral da auga e a calidade dos servizos.

O capítulo III contén distintas medidas dirixidas á mellora da xestión do ciclo integral da auga, para o cal regula os supostos en que a entidade pública empresarial Augas de Galicia pode prestar os servizos e xestionar as infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga co fin de colaborar cos concellos que voluntariamente o requiran por teren dificultades para levalos a cabo por si mesmos, debido á súa carencia de recursos. Así mesmo, regula a planificación, a proxección, a xestión dos procedementos expropiatorios necesarios para a execución das obras de construción das infraestruturas, a execución e a explotación das actuacións que resulten necesarias para a xestión destes servizos e mais as medidas para a protección de infraestruturas de titularidade autonómica.

O título III, relativo ao sistema de financiamento da xestión do ciclo integral da auga por Augas de Galicia, divídese en cinco capítulos.

O capítulo I regula as disposicións comúns ao réxime económico-financeiro dos servizos prestados nos supostos en que sexan prestados por Augas de Galicia.

Os capítulos II e III, relativos aos canons de xestión das depuradoras e de xestión das redes de colectores, respectivamente, e o capítulo IV, sobre as normas comúns para a xestión de ambos os canons, regulan os elementos e a cuantificación destes tributos nos distintos supostos, introducindo as novidades que se indican nos parágrafos precedentes en relación co canon de vertedura ao que substitúen.

E, por último, o capítulo V regula os elementos e as competencias do novo canon de abastecemento.

As disposicións adicionais prevén a declaración de interese público excepcional da xestión de determinadas infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga, a acreditación do número de persoas, familia numerosa e riscos de exclusión social nos novos canons, a aplicación da modalidade de carga contaminante do canon de xestión das depuradoras, a habilitación á Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para actualizar os tipos de gravame dos canons creados nesta lei e a regulación do réxime sancionador tributario aplicable.

As disposicións transitorias primeira e a segunda regulan o réxime establecido para as infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento que á entrada en vigor desta lei estean a ser xestionadas pola entidade pública Augas de Galicia, que son as sinaladas no anexo I, e establecen a necesidade do asinamento dun convenio de colaboración nos supostos en que este non exista e Augas de Galicia estea xestionando as ditas depuradoras. A disposición transitoria terceira regula a xestión do coeficiente de vertedura non prescrito durante o período transitorio. E a disposición transitoria cuarta regula a aplicación da normativa relativa ao coeficiente de vertedura.

A disposición derrogatoria única derroga expresamente o capítulo III do título IV da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Das tres disposicións derradeiras, a primeira contén distintas modificacións da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en relación co canon da auga; e as disposicións derradeiras segunda e terceira regulan a habilitación para o desenvolvemento normativo e a entrada en vigor da lei.

Por último, os anexos recollen as depuradoras de titularidade municipal que no momento de entrada en vigor desta lei están a ser xestionadas por Augas de Galicia e mais os volumes de depuración mensuais ordinarios de referencia das devanditas depuradoras.

V

Na tramitación do anteproxecto de lei observáronse todas as garantías exixidas pola lexislación vixente en materia de participación pública, promovendo unha participación pública real e efectiva ao longo de todo o procedemento de tramitación e respectándose as obrigas de publicidade nos termos previstos na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

O anteproxecto foi sometido ao trámite de consulta pública e de audiencia (da que se ampliou o prazo), publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e foi remitido a todas as administracións, corporacións ou entidades interesadas.

Durante a tramitación do texto normativo emitíronse os informes preceptivos pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, polo órgano de dirección con competencias en materia de dinamización demográfica, pola dirección xeral competente en materia de orzamentos, pola Axencia Tributaria de Galicia e pola Secretaría Xeral de Igualdade en relación co impacto de xénero. Realizouse tamén o correspondente informe sobre os trámites de consulta pública e audiencia, no que se analizaron as alegacións presentadas.

O Consello Reitor de Augas de Galicia foi informado sobre o texto do anteproxecto de lei, que tamén foi obxecto do ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia.

A tramitación adecuouse aos trámites establecidos na normativa aplicable.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

TÍTULO I

Disposicións xerais da xestión do ciclo integral da auga

Artigo 1. Obxecto

Esta lei ten por obxecto o establecemento dun marco normativo que regule a política da xestión do ciclo integral da auga na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta lei resulta aplicable a todas as administracións públicas e axentes que interveñen na xestión do ciclo integral da auga na Comunidade Autónoma de Galicia.

A regulación da intervención das comunidades de usuarios como axentes que participan na xestión do ciclo integral da auga será obxecto de desenvolvemento regulamentario.

Artigo 3. Definicións

  1. Para os efectos desta lei, enténdese por:
  2. a) Ciclo integral da auga: o percorrido que realizan os recursos hídricos, desde a súa detracción do medio natural ata a súa devolución a este, para posibilitar o seu uso.
  3. b) Elementos que forman parte da xestión do ciclo integral da auga: as infraestruturas e as instalacións de titularidade pública necesarias para prestar o servizo de abastecemento de auga en alta ou adución e o de subministración de auga en baixa ou distribución, o servizo de saneamento ou o de recollida e condución das augas residuais, de depuración das augas residuais e de retorno das augas depuradas ao medio natural e, no caso de existir, o servizo de rexeneración das augas residuais depuradas.
  4. c) Xestión do ciclo integral da auga: a administración e organización das accións necesarias que permitan o desenvolvemento do ciclo integral da auga, a través da explotación, a conservación e o mantemento de determinadas infraestruturas ou instalacións, tales como a extracción, o almacenamento, a condución, o tratamento e a distribución das augas superficiais ou subterráneas, así como a recollida e a depuración das augas residuais e a súa condución ata a devolución ao medio natural.
  5. d) Servizos vinculados ao ciclo integral da auga: as actividades relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga que posibilitan o emprego dos recursos hídricos que se incorporan a el.
  6. e) Persoas usuarias do ciclo integral da auga: as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que, a través dos servizos vinculados ao ciclo integral da auga, fan un uso dos recursos hídricos que se incorporan a el.
  7. f) Administración pública titular de infraestruturas: a administración pública que ten a titularidade dalgunha das infraestruturas ou das instalacións necesarias para a xestión do ciclo integral da auga nos termos establecidos nesta lei.
  8. g) Administración pública responsable dos servizos: a administración pública que ten a competencia para prestar os distintos servizos vinculados ao ciclo integral da auga, consonte o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos termos establecidos na lexislación estatal e autonómica.
  9. h) Entidade pública prestadora dos servizos: a entidade pública que xestiona unhas infraestruturas e presta, a través da súa explotación, uns determinados servizos vinculados ao ciclo integral da auga. A xestión das infraestruturas e a prestación dos servizos por estas entidades non modifican a titularidade das infraestruturas ou das instalacións nin a competencia para a prestación dos servizos.
  10. i) Entidade beneficiaria: a administración pública responsable dos servizos que, sen ser titular dunhas infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga, se encontra conectada a estas e resulta beneficiada da xestión ou da prestación dos servizos que efectúan outras administracións públicas.
  11. j) Aglomeración urbana: a zona xeográfica formada por un ou varios termos municipais ou por parte dun ou varios deles que, pola súa poboación ou actividade económica, constitúa un foco de xeración de augas residuais que xustifique a súa recollida e condución a unha instalación de tratamento ou a un punto de vertedura final.
  12. k) Ente público representativo dos municipios: a administración pública á que lle corresponde, no marco dunha aglomeración urbana, o cumprimento das obrigas derivadas do tratamento das augas residuais urbanas e a asunción, se é o caso, das responsabilidades derivadas do incumprimento daquelas.
  13. l) Habitante equivalente: a carga orgánica biodegradable cunha demanda bioquímica de oxíxeno de cinco días (DBO 5), de sesenta gramos de oxíxeno por día.
  14. m) Augas residuais urbanas: as augas residuais domésticas ou a mestura delas coas augas residuais non domésticas, así como con augas de escorredura pluvial.
  15. n) Augas brancas: as augas que non foron sometidas a ningún proceso de transformación, de xeito que a súa potencial capacidade de perturbación do medio é nula, e, polo tanto, non deben ser conducidas mediante os sistemas públicos de saneamento, pero que cando se introducen nestes sistemas adquiren a natureza de auga utilizada e deben ser depuradas antes da súa devolución ao medio.

ñ) Usos urbanos: os usos da auga realizados polas entidades locais destinados a subministraren auga a terceiros, por si mesmas ou mediante calquera das formas previstas na lexislación administrativa para a xestión do servizo público, cando os ditos usos dean lugar a verteduras ás redes de saneamento. Dentro dos usos urbanos considéranse incluídas as augas brancas que se incorporan ás redes de saneamento.

  1. o) Uso de baleirado das fosas sépticas: os usos da auga realizados por persoas físicas ou xurídicas que xeran verteduras de natureza doméstica, recollidas en cámaras subterráneas estancas ou que infiltran no terreo, que posteriormente son baleiradas en depuradoras de augas residuais para o seu tratamento.
  2. Para os efectos desta lei, serán aplicables as definicións contidas no artigo 2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e no artigo 2 da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario.

Artigo 4. Finalidades da lei

  1. Esta lei ten por finalidade contribuír a garantir a satisfacción das necesidades básicas do uso da auga, en condicións axeitadas de cantidade e calidade, e a protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres asociados.
  2. En concreto, a lei persegue:
  3. a) A mellora da eficiencia na prestación dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga.
  4. b) Unha xestión sustentable no uso da auga a través da integración dos sistemas de abastecemento e dos sistemas de saneamento e de depuración.
  5. c) Unha xestión profesionalizada das infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga e dos servizos asociados a estas.
  6. d) O establecemento de mecanismos disuasorios para fomentar un uso racional dos recursos hídricos e o aforro da auga.
  7. e) A optimización do funcionamento das redes de saneamento co obxecto de mellorar a depuración das augas residuais e de previr a contaminación.
  8. f) A coordinación das administracións públicas con competencias na xestión do ciclo integral da auga e o establecemento de instrumentos de cooperación acordados entre elas.

Artigo 5. Principios de actuación na xestión do ciclo integral da auga

  1. Esta lei inspírase nos seguintes principios:
  2. a) Acadar os obxectivos establecidos nas normas básicas estatais e europeas relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga, co máximo respecto á autonomía das entidades locais.
  3. b) A utilización e a explotación eficientes das infraestruturas que permitan xestionar o ciclo integral da auga e a prestación dos servizos vinculados ao uso da auga.
  4. c) A suxeición da xestión do ciclo integral da auga á planificación hidrolóxica e á planificación en materia de abastecemento, saneamento e depuración.
  5. d) A viabilidade técnico-financeira na xestión do ciclo integral da auga.
  6. e) A cooperación entre as administracións públicas, a través da corresponsabilidade e do cofinanciamento, en función da súa capacidade económica, na programación dos investimentos para a mellora do ciclo integral da auga.
  7. f) A solidariedade interterritorial na prestación dos servizos relacionados coa xestión do ciclo integral da auga e na repartición dos custos asociados á dita xestión.
  8. As administracións públicas con competencias comprendidas no ámbito desta lei deberán someter as súas actuacións ao principio de sustentabilidade económica e financeira dos servizos do ciclo integral da auga de uso urbano.
  9. As actuacións das administracións públicas, no marco da xestión do ciclo integral da auga, terán como un dos seus obxectivos a recuperación dos custos dos servizos, garantindo a súa viabilidade e a efectividade dos principios de «quen usa, paga» e «quen contamina, paga».
  10. As actuacións das administracións públicas, no marco da xestión do ciclo integral da auga, deberán atender ao principio de transparencia e bo goberno, de acordo coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

TÍTULO II

Medidas para a mellora do ciclo integral da auga e da prestación
dos servizos asociados

CAPÍTULO I

Medidas para mellorar a ordenación da xestión do ciclo integral da auga

Artigo 6. Fixación das aglomeracións urbanas de Galicia

  1. Coa finalidade de ordenar a xestión dos sistemas de saneamento e de depuración da Comunidade Autónoma de Galicia e contribuír ao cumprimento das obrigas relacionadas co tratamento das augas residuais urbanas, a Administración hidráulica de Galicia fixará as aglomeracións urbanas en que se estrutura o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, en concordancia co disposto no artigo 3 do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas.
  2. No prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, Augas de Galicia realizará unha proposta inicial das aglomeracións urbanas nas cales se estrutura o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se indicarán, para cada unha delas, segundo a información dispoñible, como mínimo, as seguintes características:
  3. a) Os núcleos de poboación e as zonas industriais que conforman cada unha das aglomeracións urbanas, a súa poboación, medida en habitantes equivalentes, e os concellos a que pertencen.
  4. b) As principais instalacións de saneamento e de depuración existentes en cada unha das aglomeracións urbanas e a súa capacidade.
  5. c) A poboación, medida en habitantes equivalentes, conectada ás instalacións de depuración existentes.
  6. d) A administración pública que teña a consideración de ente público representativo dos municipios en cada unha das aglomeracións urbanas.
  7. e) As administracións públicas titulares das infraestruturas de saneamento e de depuración e as administracións públicas responsables dos servizos en cada unha das aglomeracións urbanas.
  8. A proposta para a determinación das aglomeracións urbanas será sometida á audiencia das administracións públicas responsables dos servizos de saneamento e de depuración afectados e das administracións públicas titulares das infraestruturas durante un prazo de dous meses. Unha vez oídas as suxestións das administracións públicas responsables dos servizos, daráselles resposta a estas no prazo máximo dun mes, procurando alcanzar acordos de consenso.
  9. Logo de se realizar o trámite anterior, á vista do seu resultado, Augas de Galicia elaborará unha proposta definitiva de aglomeracións urbanas, que será elevada ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.
  10. Augas de Galicia dispoñerá dun rexistro das aglomeracións urbanas nas cales se estrutura o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que será publicado na páxina web deste organismo para o seu coñecemento.

Artigo 7. Determinación dos entes públicos representativos dos municipios

  1. Na proposta inicial de aglomeracións urbanas que formule Augas de Galicia indicarase como ente público representativo dos municipios o que resulte da aplicación dos seguintes criterios:
  2. a) No caso de aglomeracións urbanas conformadas por núcleos de poboación e zonas industriais localizadas nun único termo municipal, propoñerase inicialmente como ente público representativo do municipio á administración pública responsable do servizo de depuración.
  3. b) No caso de aglomeracións urbanas de carácter supramunicipal, conformadas por núcleos de poboación e zonas industriais localizadas en varios termos municipais, propoñerase inicialmente como ente público representativo dos municipios á administración pública responsable do servizo de depuración no termo municipal que teña unha maior poboación, medida en habitantes equivalentes, conectada ás instalacións de depuración que formen parte da aglomeración.
  4. A proposta definitiva que se eleve ao Consello da Xunta de Galicia determinará como ente público representativo dos municipios o acordado por estes durante o prazo de audiencia indicado na alínea 3 do artigo anterior, tendo en conta as seguintes regras:
  5. a) Naquelas aglomeracións en que os servizos de saneamento ou depuración se presten a través dunha entidade pública distinta das administracións públicas responsables deses servizos, esta poderá ter a condición de ente público representativo do municipio ou dos municipios, sempre que así o acorde a maioría das administracións públicas responsables e esa entidade manifeste a súa conformidade.
  6. b) No caso de aglomeracións urbanas de carácter supramunicipal, a designación deberase efectuar por acordo da maioría dos municipios.
  7. c) En defecto de acordo ou cando non se efectúen alegacións no trámite de audiencia, incluirase como ente público representativo o determinado na proposta inicial.

A proposta incorporará, se é o caso, o acordo adoptado polos municipios.

Artigo 8. Administracións públicas titulares de infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga

Para os efectos do disposto nesta lei, considéranse administracións públicas titulares das infraestruturas relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga, ademais das incluídas no número 1º do anexo I desta lei, as que resulten da aplicación sucesiva e excluínte dos seguintes criterios:

  1. a) As que figuren inscritas como titulares no Rexistro da Propiedade.
  2. b) As que acrediten a súa titularidade mediante calquera instrumento xurídico válido para tales efectos.
  3. c) As que fosen beneficiarias dos auxilios económicos previstos na normativa regulamentaria vixente en cada momento sobre colaboración técnica e financeira para a execución de infraestruturas relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga.
  4. d) As que veñan explotando a infraestrutura durante máis de dez anos consecutivos, agás nos supostos das infraestruturas de depuración que estean a ser xestionadas por Augas de Galicia no momento da entrada en vigor desta lei e que figuran no seu anexo I como de titularidade municipal ou supramunicipal.
  5. e) Os concellos que figuren como titulares nos seus inventarios de bens das corporacións locais.
  6. f) Os concellos en cuxo termo municipal se localice a infraestrutura.

Artigo 9. Modificación das aglomeracións urbanas de Galicia

  1. As modificacións das características das aglomeracións urbanas clasifícanse en modificacións substanciais ou non substanciais.

Considéranse modificacións substanciais aquelas que supoñan unha alteración das características indicadas nas alíneas 2.d) e 2.e) do artigo 6 ou unha alteración da poboación da aglomeración urbana ou da poboación conectada a unha determinada instalación de depuración, medida en habitantes equivalentes, superior ao dez por cento da que figure no Rexistro de aglomeracións urbanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

  1. O procedemento de modificación substancial das características das aglomeracións urbanas de Galicia poderase iniciar de oficio por Augas de Galicia ou por solicitude das administracións públicas titulares das infraestruturas ou dos responsables dos servizos de saneamento e de depuración.

A proposta de modificación deberá ser informada por Augas de Galicia no prazo de dous meses desde a súa solicitude. No dito informe analizarase a compatibilidade das modificacións propostas co disposto nesta lei e na normativa aplicable de tratamento das augas residuais urbanas. Aquel terá, neste ámbito, carácter vinculante.

A aprobación das modificacións seguirá a tramitación establecida nas alíneas 3 e 4 do artigo 6.

  1. As modificacións non substanciais serán comunicadas polos entes públicos representativos afectados a Augas de Galicia, co fin de que actualice os datos que consten no Rexistro de aglomeracións urbanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Medidas para o cumprimento das obrigas derivadas do tratamento das augas residuais urbanas

  1. Co propósito de dar cumprimento ás obrigas de información establecidas nesta lei e na restante normativa vixente en relación co tratamento das augas residuais urbanas, a Administración hidráulica de Galicia, en concordancia co disposto no artigo 26.2.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, realizará un control analítico e recompilará información sobre os caudais circulantes e sobre a adecuación das verteduras e das instalacións de depuración correspondentes á lexislación vixente.
  2. O resultado dos controis realizados e a información recompilada serán notificados cunha periodicidade mínima bienal ao ente público representativo do municipio ou dos municipios da aglomeración urbana correspondente. No caso de que os resultados poñan de manifesto a existencia dun risco de incumprimento da normativa aplicable ou dun incumprimento efectivo, o ente público representativo, no prazo máximo de dous meses desde a recepción da notificación, comunicará á Administración hidráulica de Galicia un programa de acción para a resolución dos incumprimentos detectados. Este programa de acción será obxecto de consulta e de presentación de alegacións por parte dos concellos afectados.
  3. O programa de acción detallará as actuacións necesarias para resolver o incumprimento ou minimizar os riscos de incumprimento e mais indicará o seu prazo e orzamento estimado. En función da complexidade destas actuacións, o programa de acción poderá ter un carácter plurianual. O programa de acción incluirá un plan para o seu financiamento.
  4. Sen prexuízo das responsabilidades en que, se é o caso, poida incorrer o ente público representativo dos municipios, o custo do desenvolvemento dos programas de acción e da asunción das responsabilidades que poidan derivar dos incumprimentos sinalados nas alíneas anteriores repartirase, de ser o caso, entre as administracións públicas responsables dos servizos de saneamento e de depuración causantes deses incumprimentos, en proporción ao grao de responsabilidade de cada unha delas.
  5. O resultado dos controis, así como o programa de acción, se o houber, deberán estar publicados na páxina web de Augas de Galicia, da administración responsable do servizo e na do concello ou dos concellos aos que afecten.

Artigo 11. Outras medidas relacionadas coa ordenación dos sistemas de saneamento e de depuración

  1. As administracións públicas titulares de infraestruturas de saneamento e de depuración están obrigadas a prever e programar a revisión das instalacións a través das cales se prestan os servizos e a efectuala, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos, cunha periodicidade mínima quinquenal.

Se destas revisións resultar a necesidade ou a conveniencia de repoñer ou substituír algún dos elementos da instalación, as administracións públicas titulares das instalacións deberán executar as obras oportunas para a reparación das deficiencias ou a reposición dos elementos afectados, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos, sen prexuízo da depuración previa, se procede, das responsabilidades en que poida incorrer a administración pública que preste efectivamente o servizo cando esta sexa distinta á administración pública titular.

  1. Os sistemas de saneamento e de depuración que dean servizo a unha aglomeración urbana de máis de dous mil habitantes equivalentes deberán dispoñer dun plan de control anual de verteduras ás redes de colectores, co fin de poder verificar e controlar as conexións ás redes de saneamento e o cumprimento das ordenanzas de vertedura. Estes plans aprobaranos as administracións públicas responsables dos servizos. A súa redacción e execución poderán ser efectuadas polas administracións públicas responsables dos servizos, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos.

Co obxectivo de contribuír á súa elaboración, Augas de Galicia desenvolverá unhas directrices para a redacción de plans de control de verteduras ás redes de colectores.

Os plans de control anual de verteduras ás redes de colectores aprobaranse no prazo máximo de dous anos desde a publicación das directrices para a súa redacción.

As directrices elaboradas por Augas de Galicia, así como os plans de control anuais de verteduras e os plans de revisión deberán estar ao dispor da cidadanía a través da súa publicación na páxina web de Augas de Galicia e na do concello ou dos concellos afectados.

  1. Os plans referidos na alínea anterior e as súas revisións, no caso de que sexan elaborados polas administracións públicas responsables dos servizos ou por unha entidade prestadora distinta a Augas de Galicia, serán informados por esta entidade pública con carácter previo á súa aprobación ou revisión polas administracións públicas responsables. O informe analizará a compatibilidade deses plans co disposto nas directrices indicadas na alínea anterior, nesta lei e na normativa aplicable ao tratamento das augas residuais urbanas. O informe emitirase no prazo máximo de dous meses. De transcorrer ese prazo sen que fose emitido, poderase continuar o procedemento para a aprobación do correspondente plan.
  2. No prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, os sistemas de depuración que dean servizo a unha poboación de máis de dous mil habitantes equivalentes deberán adaptar as súas instalacións, co fin de poder recibir e tratar axeitadamente os residuos procedentes das fosas sépticas de carácter doméstico situadas nos termos municipais que forman parte de cada unha desas aglomeracións urbanas ou en termos municipais limítrofes. As administracións públicas titulares das infraestruturas de depuración deberán executar as obras oportunas, por si mesmas ou a través das administracións públicas responsables do servizo de depuración ou das entidades públicas prestadoras dese servizo.

Naqueles casos en que esta adaptación das instalacións non sexa tecnicamente viable deberase acreditar a imposibilidade da actuación e estudaranse outras posibilidades tendo en conta o contido desta lei.

  1. Nas aglomeracións urbanas de menos de dous mil habitantes equivalentes fomentarase o emprego de procesos de depuración extensivos, cun baixo consumo enerxético e de reactivos. Co obxectivo de ordenar a xestión do saneamento e a depuración neste ámbito, no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, Augas de Galicia desenvolverá unhas directrices para o saneamento e a depuración en pequenos núcleos de poboación de Galicia.
  2. No prazo máximo de catro anos desde a entrada en vigor desta lei, as aglomeracións urbanas de máis de dous mil habitantes equivalentes de carácter supramunicipal deberán dispoñer de caudalímetros en todos aqueles puntos da rede de saneamento onde se produza un cambio na administración pública responsable do servizo. As administracións públicas titulares dos sistemas de saneamento en que entran as augas deberán executar as obras oportunas, por si mesmas ou a través das administracións públicas responsables do servizo de saneamento ou das entidades públicas prestadoras dese servizo.
  3. No prazo máximo de catro anos desde a entrada en vigor desta lei, as aglomeracións urbanas deberán dispoñer de caudalímetros na entrada de todas as instalacións de depuración que dean servizo a unha poboación de máis de dous mil habitantes equivalentes. As administracións públicas titulares das infraestruturas de depuración deberán executar as obras oportunas, por si mesmas ou a través das administracións públicas responsables do servizo de saneamento ou das entidades públicas prestadoras dese servizo.

Artigo 12. Medidas para mellorar a xestión das augas brancas e pluviais

  1. Os sistemas de saneamento e de depuración que dean servizo a unha aglomeración urbana de máis de dous mil habitantes equivalentes deberán dispoñer dun plan de redución de entradas de augas brancas nas redes de saneamento. Estes plans aprobaranos as administracións públicas responsables dos servizos. A súa redacción e execución poderán ser efectuadas polas administracións públicas responsables dos servizos, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos.

Os plans de redución de entradas de augas brancas ás redes de colectores aprobaranse no prazo máximo de dous anos desde a publicación das directrices indicadas na seguinte alínea.

  1. Co obxecto de contribuír a mellorar a xestión das augas brancas e das augas pluviais, Augas de Galicia desenvolverá unhas directrices para a optimización da xestión das augas pluviais en Galicia, cun sistema de indicadores para poder avaliar as melloras neste eido e os obxectivos por acadar en cada sistema de saneamento e de depuración.
  2. Os plans referidos na alínea anterior e as súas revisións, no caso de que sexan elaborados polas administracións públicas responsables dos servizos ou por unha entidade prestadora distinta a Augas de Galicia, serán informados por esta entidade pública con carácter previo á súa aprobación ou revisión polas administracións públicas responsables. O informe analizará a compatibilidade deses plans co disposto nas directrices indicadas na alínea anterior, nesta lei e na normativa aplicable ao tratamento das augas residuais urbanas. O informe emitirase no prazo máximo de dous meses. De transcorrer ese prazo sen que fose emitido, poderase continuar o procedemento para a aprobación do correspondente plan.

As directrices ditadas por Augas de Galicia e o plan de redución de entradas de augas brancas nas redes de saneamento deberanse publicar na páxina web de Augas de Galicia e na do concello ou nos concellos afectados.

Artigo 13. Medidas relacionadas coa ordenación dos sistemas de abastecemento

  1. As administracións públicas titulares de infraestruturas de abastecemento están obrigadas a prever e programar a revisión das súas instalacións e a efectuala cunha periodicidade mínima quinquenal. Se destes controis resultar a necesidade ou conveniencia de repoñer ou substituír algún dos elementos da instalación, as administracións públicas titulares das infraestruturas deberán executar as obras oportunas para a reparación das deficiencias ou a reposición dos elementos afectados, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos.

O programa de revisión das instalacións deberá estar publicado na páxina web da administración titular das infraestruturas de abastecemento e na do concello ou dos concellos afectados.

  1. Os sistemas de abastecemento que subministren auga a unha poboación superior a vinte mil habitantes deberán sectorizar as súas redes de distribución, dividíndoas en áreas e sectores hidrométricos diferentes que permitan a medición do consumo no interior de cada un deles mediante a instalación de caudalímetros nos puntos de entrada e saída, co obxecto de mellorar a xestión desas redes. As administracións públicas titulares das infraestruturas deberán executar as obras oportunas, por si mesmas ou a través das administracións públicas responsables dos servizos ou das entidades prestadoras dos servizos.

Artigo 14. Medidas para fomentar a eficiencia enerxética no ciclo integral da auga

  1. As instalacións de saneamento e de depuración que dean servizo a unha aglomeración urbana de máis de vinte mil habitantes equivalentes ou as instalacións de tratamento de auga potable a través das cales se subministre auga a unha poboación de máis de vinte mil habitantes deberán dispoñer dun plan de optimización da eficiencia enerxética. Nestes plans teranse en conta as sinerxías entre os distintos elementos do ciclo integral da auga e os posibles aforros ou ineficiencias no uso dos recursos hídricos.
  2. Estes plans aprobaranos as administracións públicas responsables dos servizos. A súa redacción e execución poderán ser efectuadas polas administracións públicas responsables dos servizos, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras dos servizos. Os plans de optimización da eficiencia enerxética aprobaranse no prazo máximo de dous anos desde a publicación das directrices indicadas na seguinte alínea.
  3. Co obxectivo de contribuír ao incremento da eficiencia enerxética no ciclo integral da auga, Augas de Galicia desenvolverá unhas directrices para a mellora enerxética das instalacións de abastecemento, saneamento e depuración en Galicia, cun sistema de indicadores para poder avaliar as melloras neste eido e os obxectivos por acadar nos distintos sistemas.
  4. Os plans referidos neste artigo e as súas revisións, no caso de que sexan elaborados polas administracións públicas responsables dos servizos ou por unha entidade prestadora distinta a Augas de Galicia, serán informados por esta entidade pública con carácter previo á súa aprobación polas administracións públicas responsables dos servizos. O informe analizará a compatibilidade deses plans co disposto nas directrices indicadas na alínea anterior, nesta lei e na restante normativa aplicable ao ciclo integral da auga. O informe emitirase no prazo máximo de dous meses. De transcorrer ese prazo sen que fose emitido, poderase continuar o procedemento para a aprobación do correspondente plan.

Artigo 15. Medidas de investigación e innovación tecnolóxica

A Administración hidráulica de Galicia promoverá a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico para mellorar o funcionamento dos sistemas de depuración, desenvolver solucións eficientes, sustentables e adaptadas á xeografía galega, de redución do consumo de enerxía nas estacións de potabilización, nos sistemas de bombeo e nas estacións depuradoras, e de reutilización in situ dos lodos resultantes da depuración para a produción de enerxía.

Artigo 16. Medidas relacionadas coa formación, coa transparencia e co intercambio de información na xestión do ciclo integral da auga

  1. Co fin de profesionalizar a prestación dos servizos relacionados co ciclo integral da auga, Augas de Galicia establecerá un programa de formación periódica e continua na xestión do ciclo integral da auga para técnicos e responsables das entidades locais.
  2. As administracións públicas titulares das infraestruturas, as administracións públicas responsables dos servizos e as entidades públicas prestadoras dos servizos deberán remitir a Augas de Galicia a información que, en relación coas súas competencias, coas instalacións que xestionen e cos servizos que presten, lles sexa requirida por esta.
  3. Augas de Galicia creará e manterá un inventario dos sistemas de abastecemento e mais de saneamento e de depuración existentes en Galicia. Ademais, poñerá á disposición das distintas administracións relacionadas coa xestión do ciclo integral da auga un sistema de intercambio de información, a prol de manter actualizada a información dispoñible.

CAPÍTULO II

Mellora da prestación dos servizos asociados ao ciclo integral da auga

Artigo 17. Obxectivos na prestación dos servizos do ciclo integral da auga

  1. As administracións públicas titulares de infraestruturas e as administracións públicas responsables dos servizos relacionados coa xestión do ciclo integral da auga traballarán para a consecución dos seguintes obxectivos xerais:
  2. a) Mellorar e innovar na xestión do ciclo integral da auga e nas tecnoloxías aplicables para incrementar a eficiencia no uso e na protección dos recursos hídricos, coa utilización das mellores técnicas dispoñibles.
  3. b) Acadar unha viabilidade económico-financeira na xestión do ciclo integral da auga.
  4. c) Realizar os labores de mantemento e reparación axeitados para protexer as infraestruturas existentes e conservalas nas condicións óptimas para a prestación dos servizos.
  5. d) Repoñer as infraestruturas vinculadas á xestión do ciclo integral da auga cando esgoten a súa vida útil.
  6. e) Avaliar o impacto económico que vai ter sobre as persoas consumidoras.
  7. As administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras, realizarán e fomentarán un uso racional dos recursos hídricos, a través do aforro de auga, a sectorización das redes de abastecemento, a detección e reparación de fugas e o control dos caudais detraídos do medio hídrico, e mais dos consumos realizados.
  8. As administracións públicas responsables dos servizos de saneamento e de depuración, por si mesmas ou a través das entidades públicas prestadoras, contribuirán e fomentarán a protección dos recursos hídricos a través do control e o rexistro dos caudais entrantes nas redes de saneamento e do cumprimento das ordenanzas municipais de vertedura aos colectores, coa limitación da incorporación de augas brancas e a optimización da xestión das augas pluviais, coa instalación duns sistemas de medición da calidade e da cantidade de augas residuais xestionadas e coa mellora dos sistemas de depuración existentes.
  9. As administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración promoverán a creación de órganos de participación social en relación co uso sustentable e co desenvolvemento dunha economía circular.
  10. A entidade Augas de Galicia establecerá campañas de información e sensibilización dirixidas a toda a poboación para fomentar o uso responsable da auga e a protección dos ecosistemas acuáticos.

Artigo 18. Réxime xeral da prestación dos servizos do ciclo integral da auga

  1. As administracións públicas responsables dos servizos asociados ao ciclo integral da auga, por si mesmas ou de forma mancomunada ou asociada, fomentarán unha prestación conxunta e integrada dos servizos vinculados ao uso da auga, para o que establecerán preferentemente fórmulas que permitan unha xestión conxunta e integral do ciclo da auga.
  2. Sen prexuízo do establecido na alínea anterior, cando as administracións públicas responsables dos servizos asociados ao ciclo integral da auga sexan concellos que conten cunha poboación inferior a vinte mil habitantes, a prestación daqueles será coordinada pola deputación provincial correspondente ou unha entidade equivalente, na forma que establece o artigo 26.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Artigo 19. Sustentabilidade e viabilidade económica na xestión do ciclo integral da auga

  1. En toda a xestión do ciclo integral da auga, as administracións públicas responsables dos servizos velarán polo cumprimento dos principios de sustentabilidade e viabilidade económica dos servizos e de recuperación dos custos, en concordancia co disposto na Directiva 2000/60/CE, Directiva marco da auga.

Neste ámbito, a recuperación dos custos abranguerá os custos dos servizos relacionados coa auga, incluídos os ambientais e os do recurso. Entre os custos dos servizos, os de xestión incluirán a amortización das infraestruturas existentes, así como os gastos de explotación, protección e mantemento delas e, se é o caso, os necesarios para a súa substitución por novas infraestruturas antes do esgotamento da súa vida útil, cando for preciso para mellorar a eficiencia dos servizos e o uso racional do recurso.

  1. As entidades públicas prestadoras dos servizos levarán unha contabilidade dos distintos servizos vinculados que presten de forma separada da do resto de actividades que desenvolvan, con expresa indicación dos custos e dos resultados de cada actividade.
  2. Os tributos para sufragar os custos derivados da xestión do ciclo integral da auga serán tamén percibidos por aqueles consorcios autonómicos en que participe Augas de Galicia, agás que se establezan taxas propias.

Artigo 20. Da calidade dos servizos

  1. As administracións públicas responsables dos servizos tomarán as medidas axeitadas para incrementar a calidade deles a través do establecemento de indicadores e parámetros de control.
  2. Considérase que os servizos vinculados á xestión do ciclo integral da auga non se están prestando cunha calidade suficiente cando concorra algunha das circunstancias seguintes:
  3. a) Cando os resultados analíticos da auga á saída das estacións potabilizadoras ou á entrada dos depósitos de cabeceira incumpran reiteradamente os parámetros establecidos na normativa aplicable.
  4. b) Cando se produzan cortes periódicos reiterados nas subministracións de auga potable ou reducións ostensibles da presión nas redes de abastecemento.
  5. c) Cando, debido a unha ineficiente xestión das augas brancas e pluviais nas redes de saneamento, o número de alivios de augas residuais ou o seu volume sexa reiteradamente superior ao permitido pola normativa aplicable.
  6. d) Cando as verteduras de augas residuais depuradas incumpran de forma reiterada os parámetros establecidos na lexislación vixente.
  7. e) Cando non se realicen as tarefas de explotación, conservación e mantemento axeitadas das infraestruturas e das instalacións que forman parte da xestión do ciclo integral da auga.
  8. f) No caso de infraestruturas de carácter supramunicipal, cando para a súa xestión as administracións responsables dos servizos non teñan acordado un mecanismo de colaboración que garanta a efectiva prestación coordinada dos servizos.
  9. Nos supostos da alínea anterior, cando a prestación dos servizos non estea garantida correctamente e se aprecien graves dificultades ou a imposibilidade das administracións públicas responsables dos servizos para o axeitado exercicio das súas competencias, Augas de Galicia poderá realizar por si mesma as actuacións que considere precisas para garantir a continuidade e a calidade do servizo afectado mediante a asunción temporal das instalacións e das funcións de xestión e explotación das infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga nos termos establecidos legal e regulamentariamente.

CAPÍTULO III

Medidas para a mellora da xestión do ciclo integral da auga
no ámbito autonómico

Artigo 21. Xestión do ciclo integral da auga pola Administración hidráulica de Galicia

  1. A Administración hidráulica de Galicia, a través da entidade pública empresarial Augas de Galicia, poderá ter a calidade de entidade pública prestadora de servizos. Neste caso, Augas de Galicia xestionará as infraestruturas de abastecemento, saneamento ou depuración que formen parte do ciclo integral da auga e prestará os servizos asociados á súa explotación, colaborando coas administracións públicas responsables dos servizos, coa finalidade de garantir a subministración de auga en calidade e cantidade axeitadas e de contribuír á consecución do bo estado ecolóxico das augas.
  2. Os servizos e as prestacións concretas susceptibles de seren realizadas por Augas de Galicia en calidade de entidade pública prestadora de servizos estableceranse nunha carta de servizos.

Artigo 22. Xestión das infraestruturas de titularidade das entidades locais

  1. No suposto de que a administración pública titular das infraestruturas e a responsable dos servizos sexa unha ou varias entidades locais, estas poderán instar voluntariamente, nos termos establecidos no artigo 26, a xestión autonómica das ditas infraestruturas e a prestación dos servizos relacionados co ciclo integral da auga.

Nestes casos, a xestión das infraestruturas e a prestación dos servizos serán realizadas, logo da tramitación do procedemento correspondente, por Augas de Galicia, quen actuará como entidade pública prestadora de servizos, articulándose o alcance desta xestión, no que se refire aos aspectos técnicos, administrativos e financeiros, a través da subscrición de convenios de colaboración coas administracións públicas implicadas.

  1. A xestión de Augas de Galicia como entidade pública prestadora de servizos non supón en ningún caso a alteración da titularidade ou da competencia das administracións públicas responsables dos servizos.
  2. A recuperación da xestión das infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga e dos servizos asociados por parte das administracións públicas responsables dos servizos levarase a cabo nos termos que se establezan nos convenios de colaboración.
  3. No caso de incumprimento das obrigas establecidas nesta lei ou dos compromisos adquiridos nos convenios de colaboración que se formalicen para o efecto por parte das administracións públicas titulares e responsables dos servizos para as que Augas de Galicia actúe como entidade pública prestadora, poderase proceder á reversión da xestión á administración que corresponda, nos termos concretos que se establecesen nos respectivos convenios de colaboración.
  4. Malia o establecido nas alíneas anteriores, Augas de Galicia tamén xestionará as infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración e prestará os servizos vinculados en relación cos sistemas e coas instalacións de titularidade local cando exista un interese público excepcional, declarado nos termos establecidos no artigo 24, que xustifique a actuación desta entidade como entidade pública prestadora de servizos.

Artigo 23. Xestión das infraestruturas de titularidade estatal ou autonómica

  1. As infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga de titularidade estatal serán xestionadas polas administracións públicas responsables dos servizos ou, de ser o caso, nos termos expresamente establecidos nos instrumentos de colaboración vixentes formalizados para o efecto.
  2. No caso da prestación de servizos en virtude dunha declaración de interese público excepcional, Augas de Galicia, tralas tramitacións que resulten precisas, notificará ás administracións responsables do servizo a data de inicio efectivo da xestión, a partir da cal resultarán aplicables as condicións aprobadas, así como os canons establecidos no título III en función do servizo asumido por Augas de Galicia.

Malia o anterior, cando as administracións públicas responsables dos servizos sexan unha ou varias entidades locais, as ditas infraestruturas poderán ser xestionadas por Augas de Galicia cando así o soliciten as administracións públicas responsables dos servizos, a través do procedemento para a asunción autonómica da súa xestión e da prestación de servizos vinculados establecido nesta lei, ou cando exista un interese público excepcional, declarado nos termos establecidos no artigo 24, que xustifique a actuación desta entidade como entidade pública prestadora de servizos.

  1. A xestión de Augas de Galicia como entidade pública prestadora de servizos nos supostos recollidos neste artigo non supón en ningún caso a alteración da titularidade ou da competencia das administracións públicas responsables dos servizos.

Artigo 24. Interese público excepcional na xestión das infraestruturas

  1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta motivada de Augas de Galicia, poderá considerar que existe un interese público excepcional na xestión das infraestruturas de carácter supramunicipal naqueles supostos en que os servizos vinculados á xestión do ciclo integral da auga non se estean a prestar polas administracións públicas responsables dos servizos de xeito efectivo ou cunha calidade suficiente nos termos establecidos nos artigos 20.2.f) e 20.3.
  2. No caso da prestación de servizos en virtude dunha declaración de interese público excepcional, Augas de Galicia, tralas tramitacións que resulten precisas, notificará ás administracións responsables do servizo a data de inicio efectivo da xestión, a partir da cal resultarán aplicables as condicións aprobadas, e o sistema de financiamento previsto nesta lei para os casos en que Augas de Galicia actúe como entidade prestadora de servizos.
  3. Augas de Galicia poderá propoñer ao Consello da Xunta de Galicia a perda dos efectos da declaración de interese público excepcional cando se producise unha modificación nas circunstancias que motivaron a súa declaración ou cando así se acordase coas administracións públicas responsables dos servizos.

Artigo 25. Informe previo á xestión das infraestruturas por Augas de Galicia

  1. Coa finalidade de determinar a viabilidade e de definir o alcance da xestión de Augas de Galicia como entidade pública prestadora de servizos, Augas de Galicia emitirá un informe de carácter técnico, administrativo e económico da situación das infraestruturas que se pretendan xestionar. Este informe incluirá unha proposta das condicións baixo as que resultará posible a asunción da xestión e a prestación de servizos por parte de Augas de Galicia como entidade pública prestadora de servizos.

No caso de infraestruturas cuxa xestión sexa declarada de interese excepcional polo Consello da Xunta de Galicia, o informe emitirase previamente á declaración polo Consello da Xunta de Galicia do interese excepcional regulada no artigo 24, e as condicións de asunción que se establezan nel incorporaranse á proposta motivada que formule Augas de Galicia.

No resto de supostos, o informe emitirase unha vez solicitada a asunción da xestión das infraestruturas e a prestación de servizos relacionados co ciclo integral da auga realizada polas administracións públicas interesadas, nos termos establecidos nesta lei.

  1. No informe referido na alínea anterior analizaranse, como mínimo, os seguintes aspectos:
  2. a) A situación técnica e o estado de conservación e mantemento das infraestruturas susceptibles de seren xestionadas.
  3. b) A situación administrativa, legal e económica dos servizos que corresponda prestar a través desas infraestruturas.
  4. c) A estimación dos custos asociados á xestión desas infraestruturas e a prestación dos servizos vinculados.
  5. d) Unha estimación dos investimentos que sería necesario executar, en relación coas infraestruturas susceptibles de seren xestionadas, co fin de poder prestar os servizos vinculados cumprindo os parámetros establecidos pola normativa vixente.
  6. e) Un plan de financiamento dos investimentos, coas achegas previstas das diferentes administracións, de conformidade co disposto nesta lei.
  7. No suposto de que o obxecto da asunción sexan infraestruturas de depuración, o informe conterá, ademais, os seguintes aspectos:
  8. a) O volume de depuración mensual ordinario da infraestrutura de depuración, para cuxa determinación haberá que aterse aos datos de poboación e da actividade empresarial e industrial beneficiaria do servizo, así como aos datos de deseño e capacidade das instalacións, de acordo coas instrucións técnicas de obras hidráulicas aprobadas por Augas de Galicia.

O volume así determinado representará o volume de depuración que en condicións normais poderá ser tratado na correspondente infraestrutura de depuración obxecto de asunción.

  1. b) A determinación do punto ou dos puntos de control nos cales se medirá, en cada caso, o volume mensual de auga entrante na depuradora. Cando as instalacións reciban de forma independente augas residuais que procedan de máis dun municipio ou de calquera outra entidade, o volume anterior especificarase de xeito individualizado para cada un deles.
  2. c) A fixación da periodicidade na toma de mostras e a determinación da súa natureza, puntual ou continuada, para os efectos de cuantificar a cota do canon de xestión de depuradoras vinculada á carga contaminante, así como a operativa para a realización das mostraxes, que, en todo caso, deberá garantir o principio de contradición, facilitando a participación das administracións públicas implicadas no proceso se así o consideran conveniente.
  3. d) A relación, de ser o caso, doutras administracións públicas responsables dos servizos que, sen seren titulares da infraestrutura examinada, se encontren conectadas a esta e resulten beneficiadas da xestión ou da prestación dos servizos que efectúen outras administracións públicas.
  4. No caso de que o volume de depuración mensual ordinario a que fai mención a alínea anterior non sexa único e se estableza un volume aplicable a distintos períodos dentro do ano natural, estes períodos de tempo débense facer en referencia aos meses naturais do ano. Así mesmo, cando as instalacións reciban de forma independente augas residuais que procedan de máis dun municipio ou de calquera outra entidade, para cada un dos volumes de depuración mensuais ordinarios especificados de xeito individualizado establecerase un punto de control.
  5. No caso de que o obxecto da asunción comprenda infraestruturas de saneamento, o informe previo conterá:
  6. a) O volume de saneamento mensual ordinario para cuxa determinación haberá que aterse aos datos de poboación e da actividade empresarial e industrial beneficiaria do servizo de depuración, así como aos datos de deseño e capacidade das instalacións, en función da existencia, entre outros, de bombeos, estruturas de regulación ou elementos de control do caudal.

O volume así determinado representará o volume de saneamento que en condicións normais poderá ser recibido polas infraestruturas de saneamento obxecto de asunción.

  1. b) A determinación do punto ou dos puntos de control nos cales se medirá, en cada caso, o volume mensual de auga conducido ou bombeado polos colectores. Cando as instalacións reciban de forma independente augas residuais que procedan de máis dun municipio ou calquera outra entidade, o volume anterior especificarase de xeito individualizado para cada un deles.
  2. c) O coeficiente de explotación de saneamento, que se determinará tendo en conta as infraestruturas xestionadas e o seu custo de explotación, conservación e mantemento en relación co total do sistema de saneamento. O coeficiente así determinado tomará un valor de entre 0 e 1.
  3. No caso de que o volume de saneamento mensual ordinario a que se fai mención na alínea anterior non sexa único e se estableza un volume aplicable a distintos períodos dentro do ano natural, estes períodos de tempo débense facer en referencia aos meses naturais do ano. Así mesmo, cando as instalacións reciban de forma independente augas residuais que procedan de máis dun municipio ou de calquera outra entidade, para cada un dos volumes de depuración mensuais ordinarios especificados de xeito individualizado establecerase un punto de control.
  4. O custo dos estudos que sexa necesario realizar para a elaboración do informe previo ao que se refire este artigo será asumido por Augas de Galicia, agás nos casos en que a asunción da xestión das infraestruturas e dos servizos solicitados non poida concretarse por causas imputables ás administracións solicitantes.
  5. Os volumes mensuais ordinarios a que se fai referencia nas alíneas anteriores serán aprobados por unha orde da persoa titular da consellaría á que se atope adscrita a entidade Augas de Galicia, de acordo co establecido no artigo 26.

Os volumes así determinados poderán ser revisados, de oficio ou por instancia das administracións solicitantes da asunción ou, se for o caso, das entidades beneficiarias das infraestruturas, por razón de calquera variación nos factores indicados nas alíneas 3 e 5 deste artigo, e singularmente por razón da incorporación de novos núcleos de poboación ou polígonos industriais ao servizo de sumidoiros, que impliquen unha variación substancial do volume mensual ordinario vixente. Para tal efecto, enténdese que existe esa variación substancial cando o volume no punto de control correspondente supoña unha modificación superior ao cinco por cento.

  1. A incorporación de novas redes de sumidoiros ao sistema de depuración ou de saneamento deberá ser comunicada a Augas de Galicia con carácter previo á súa incorporación para a súa valoración. A falta de comunicación previa ou a incorporación de novas redes que, a criterio de Augas de Galicia, supoñan unha alteración das condicións contidas no informe previo definido neste artigo que afecten a correcta xestión da infraestrutura poderá dar lugar á reversión da infraestrutura e dos servizos vinculados de conformidade co disposto nesta lei.
  2. O informe que sirva de base para o establecemento das condicións que rexerán a xestión autonómica da infraestrutura e a prestación de servizos vinculados poderá ser revisado en calquera momento de oficio ou por instancia das administracións solicitantes da asunción ou, de ser o caso, das entidades beneficiarias das infraestruturas e, como mínimo, unha vez cada seis anos, co fin de avaliar a procedencia da súa modificación, tanto no relativo aos volumes de depuración e de saneamento mensuais ordinarios coma á estimación de investimentos necesarios para cumprir os parámetros establecidos pola normativa vixente e as demais condicións establecidas.
  3. No caso de que resulte necesario modificar as condicións da prestación dos servizos que realice Augas de Galicia, estas deberán ser autorizadas polo Consello da Xunta de Galicia, no suposto da declaración de interese público excepcional referida no artigo 24 ou incorporadas aos convenios previstos no artigo 22, mediante a súa modificación.

Artigo 26. Procedemento para a asunción por parte de Augas de Galicia da xestión das infraestruturas e da prestación de servizos vinculados ao ciclo integral da auga

  1. A asunción por parte de Augas de Galicia da xestión das infraestruturas e da prestación de servizos vinculados ao ciclo integral da auga ten carácter voluntario. O procedemento para a dita asunción iniciarase por instancia dalgunha das seguintes administracións principais, mediante unha solicitude dirixida á entidade pública empresarial Augas de Galicia:
  2. a) No caso de infraestruturas de titularidade das entidades locais, os concellos titulares das ditas infraestruturas e responsables da prestación de servizos asociados ao ciclo integral da auga.

No suposto de que se trate de infraestruturas de carácter supramunicipal en réxime de cotitularidade, a solicitude deberá ser presentada conxuntamente por todas as administracións públicas titulares da infraestrutura cuxa asunción se pretenda.

A non-presentación pola totalidade das administracións públicas cotitulares das solicitudes de asunción autonómica da xestión das infraestruturas e das prestacións de servizos será causa de inadmisión, sen prexuízo de que poida instarse novamente o procedemento nun momento posterior de se acadar a necesaria conformidade.

  1. b) No caso de infraestruturas de titularidade autonómica, os concellos responsables dos servizos, sempre que non exista un interese excepcional na súa xestión autonómica declarado nos termos establecidos nesta lei.
  2. c) Para o caso de infraestruturas de titularidade estatal, os concellos responsables dos servizos e, de seren varias, todas elas de xeito conxunto, de conformidade coa administración titular da infraestrutura.

En todos os supostos, as entidades beneficiarias que, de ser o caso, se encontren conectadas ás infraestruturas cuxa asunción se pretende poderán presentar, de xeito conxunto cos solicitantes principais, a solicitude de asunción autonómica da xestión da infraestrutura e da prestación dos servizos vinculados, ou ben adherirse ao procedemento con posterioridade logo da solicitude da entidade beneficiaria neste sentido. En calquera dos casos, deberá constar a conformidade previa das administracións públicas solicitantes coa adhesión das entidades beneficiarias.

  1. Tras recibir as solicitudes, Augas de Galicia emitirá o informe previo a que fai referencia o artigo 25 e, de considerar viable a asunción, formulará unha proposta de condicións baixo as que resultará posible a asunción da xestión e da prestación dos servizos obxecto da solicitude.

As condicións propostas incluirán, entre outros aspectos, a determinación das concretas infraestruturas e servizos que configurarán o ámbito obxectivo da asunción da xestión por parte de Augas de Galicia, o volume mensual ordinario e, nos casos que corresponda, o coeficiente de explotación de saneamento, así como os puntos de control de volume e, se é o caso, o procedemento e a periodicidade da toma de mostraxes.

Na proposta incluiranse, de ser o caso, as condicións específicas que poidan resultar aplicables a outras entidades beneficiarias.

Naqueles supostos nos que do informe previo se conclúa a imposibilidade de asumir a xestión da infraestrutura e a prestación dos servizos vinculados, Augas de Galicia ditará unha resolución desestimatoria da solicitude, que expoñerá os motivos da inviabilidade da asunción.

  1. No suposto de que do informe previo se conclúa a viabilidade da asunción da xestión da infraestrutura e da prestación dos servizos asociados, as condicións formuladas segundo o disposto na alínea anterior incluiranse na proposta de convenio de colaboración, que será trasladada ás administracións solicitantes e, de ser o caso, ás entidades beneficiarias no suposto de que Augas de Galicia teña constancia da súa vontade de adhesión, para que, no prazo dun mes, mostren a súa conformidade, rexeitamento ou presenten as alegacións que estimen convenientes.

De xeito simultáneo, e para os mesmos efectos establecidos no parágrafo anterior, darase traslado, se procede de acordo co ámbito obxectivo da solicitude efectuada, da proposta de orde de aprobación a que se refire a alínea 5 deste artigo en relación coa determinación do volume mensual ordinario e/ou co coeficiente de explotación de saneamento de cara á determinación do canon de xestión das depuradoras e/ou de xestión das redes de colectores segundo o caso.

O rexeitamento da entidade beneficiaria non supoñerá a desestimación das solicitudes formuladas polos solicitantes principais.

  1. No suposto de que a proposta sexa rexeitada, Augas de Galicia ditará unha resolución de desestimación da solicitude co arquivamento do expediente. A solicitude será desestimada naqueles casos de cotitularidade de infraestruturas cando algún dos cotitulares rexeite a proposta de convenio.

Para o caso de que se formulen alegacións e á vista do seu resultado, Augas de Galicia emitirá unha nova proposta de convenio de colaboración, da que se dará traslado ás administracións públicas solicitantes durante o prazo dun mes e, de ser o caso, ás entidades beneficiarias, para a súa aprobación ou o seu rexeitamento. As ditas decisións deberán ser acordadas por cada solicitante en sesión plenaria.

  1. De se acordar a súa aceptación, e previa ou simultaneamente á formalización do convenio de colaboración que regule as relacións entre as partes, se resultar procedente de acordo co ámbito obxectivo da solicitude efectuada, aprobarase o volume mensual ordinario imputable a cada unha das administracións públicas que formalicen o convenio e, no caso de se tratar da asunción dunha rede de colectores, o coeficiente de explotación de saneamento aplicable en cada administración pública afectada, para os efectos da determinación do canon de xestión das depuradoras ou de xestión das redes de colectores, segundo sexa o caso, na modalidade de usos urbanos, mediante unha orde da persoa titular da consellaría á que se atope adscrita Augas de Galicia.
  2. O convenio de colaboración formalizarase entre Augas de Galicia como entidade prestadora dos servizos e a administración ou as administracións públicas solicitantes e, se é o caso, coas entidades beneficiarias segundo o establecido neste artigo.

Unha vez formalizado o convenio de colaboración, e logo da tramitación dos procedementos oportunos, Augas de Galicia, como entidade pública prestadora dos servizos, notificará ás administracións públicas que sexan parte no convenio a data de inicio efectivo das prestacións asumidas a través dese instrumento de colaboración.

De igual xeito, comunicará, de ser o caso, ás entidades beneficiarias que decidisen non adherirse ao convenio a data do seu asinamento e, cando proceda, a data de inicio efectivo das prestacións asumidas para os efectos sinalados na alínea seguinte.

  1. As administracións públicas solicitantes da asunción da xestión das infraestruturas e de prestación dos servizos públicos vinculados, logo de se iniciaren de xeito efectivo as prestacións por Augas de Galicia, poderán trasladar, se así o estiman, o custo do canon de xestión das depuradoras ou do canon de xestión das redes de colectores na modalidade de usos urbanos ás entidades beneficiarias non adheridas ao convenio de colaboración de acordo co disposto neste artigo.

O anterior enténdese sen prexuízo da obriga das administracións públicas responsables do servizo e das entidades beneficiarias de repercutiren os canons citados aos abonados ao servizo da rede de sumidoiros, indistintamente de que sexan ou non parte asinante do convenio de colaboración.

Artigo 27. Investimentos sobre as infraestruturas que forman parte da actuación de Augas de Galicia como entidade prestadora de servizos

  1. No caso das infraestruturas de titularidade das entidades locais, cando no informe previo referido no artigo 25 se conclúa a necesidade de realizar investimentos nas infraestruturas existentes que permitan unha prestación adecuada dos servizos vinculados máis aló dos correspondentes ao mantemento e á conservación delas, Augas de Galicia formulará unha proposta de convenio de colaboración coas administracións públicas solicitantes da asunción, fundamentada en criterios económicos e técnicos, na que se establecerán as condicións para a súa instrumentación e o seu financiamento. Naqueles casos nos cales Augas de Galicia aínda non estiver actuando como entidade prestadora de servizos, o asinamento destes convenios terá carácter previo ou simultáneo ao referido no artigo 22.
  2. Para a determinación da participación no financiamento dos investimentos nas infraestruturas existentes previstas na primeira alínea, en cada caso teranse en conta as dispoñibilidades orzamentarias de Augas de Galicia, dos concellos e das deputacións provinciais correspondentes e, en xeral, de calquera outra administración ou entidade integrante do sector público que poida achegar financiamento.

Con carácter xeral, no caso dos concellos de menos de vinte mil habitantes, agás que concorran causas debidamente xustificadas, as entidades competentes participarán no financiamento destas actuacións do seguinte xeito:

– Un terzo do custo das actuacións de dotación ou mellora das infraestruturas previstas será financiado pola Administración hidráulica de Galicia.

– Un terzo do custo das actuacións de dotación ou mellora das infraestruturas previstas será financiado polos concellos titulares das infraestruturas.

– O terzo restante será financiado polos propios concellos, pola deputación provincial correspondente, por outra administración ou entidade integrante do sector público ou mediante calquera outra fonte de financiamento.

  1. En todo caso, será imprescindible que a administración titular da infraestrutura acredite a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución das obras, así como a obtención das servidumes e das ocupacións temporais que sexan pertinentes, e acorde a súa efectiva posta á disposición de Augas de Galicia.

De ser necesario acudir ao procedemento expropiatorio para a obtención dos terreos, a administración local poderá solicitar a colaboración técnica de Augas de Galicia.

  1. Os investimentos sobre as infraestruturas de titularidade de Augas de Galicia serán asumidos por esta, sen prexuízo dos acordos de colaboración e financiamento que poidan subscribirse con outras administracións.
  2. Tras rematarse a execución dos investimentos acordados, a xestión das novas infraestruturas incorporarase ao ámbito da actuación de Augas de Galicia como entidade prestadora de servizos.

De estes investimentos supoñeren unha modificación das condicións de xestión e de prestación dos servizos vinculados, procederase conforme o disposto nesta lei para as modificacións das condicións da asunción da xestión das infraestruturas e a prestación de servizos por parte da entidade pública prestadora.

Artigo 28. Da protección das instalacións e infraestruturas asociadas á xestión do ciclo integral da auga

  1. Co fin de garantir o axeitado funcionamento e a protección das instalacións asociadas á xestión do ciclo integral da auga, as administracións públicas titulares poderán establecer unha zona de servidume destas infraestruturas, dentro da cal as actividades e os usos do solo estarán sometidos ás limitacións seguintes:
  2. a) A necesidade de obter autorización previa e expresa da administración titular da infraestrutura para edificar, instalar construcións permanentes, efectuar movementos de terra, obras na superficie e no subsolo ou calquera outra actividade ou operación que poida poñer en risco a seguridade das instalacións ou a garantía da continuidade do servizo.

Naqueles casos en que exista unha lexislación sectorial concorrente que exima da autorización previa para a realización destas actuacións, será necesaria a emisión dun informe preceptivo da administración titular da infraestrutura que estableza os condicionantes que sexan precisos para garantir a seguridade da infraestrutura hidráulica e a continuidade do servizo.

  1. b) O acceso libre e permanente do persoal propio ou designado pola Administración hidráulica de Galicia para levar a cabo as tarefas de vixilancia, mantemento, reparación, amolloamento e renovación das instalacións, así como tamén o depósito de materiais.
  2. No caso das infraestruturas de titularidade da Administración hidráulica de Galicia, as zonas de servidume serán establecidas polo Consello da Xunta de Galicia por proposta de Augas de Galicia.
  3. A Administración hidráulica de Galicia poderá acordar ou promover a expropiación forzosa dos dereitos e as facultades sobre os bens de titularidade privada que resulten afectados pola definición das zonas de servidume establecidas de acordo coas alíneas anteriores, en relación coas instalacións actualmente existentes ou de nova construción, sen prexuízo das indemnizacións que correspondan conforme a lexislación aplicable. Con esta finalidade, a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación enténdense implícitas na aprobación definitiva dos plans ou proxectos correspondentes, segundo establece a vixente normativa en materia de expropiación forzosa.

TÍTULO III

Sistema de financiamento da xestión do ciclo integral da auga por Augas de Galicia nos supostos de adhesión voluntaria das entidades locais

CAPÍTULO I

Sistema de financiamento da xestión do ciclo integral da auga

Artigo 29. Financiamento da xestión do ciclo integral da auga

  1. Coa finalidade de dar cumprimento aos principios de eficiencia e eficacia na xestión do ciclo integral da auga, así como de garantir a viabilidade dos servizos mediante a recuperación dos custos, nesta lei establécese un sistema de financiamento para aqueles supostos de adhesión voluntaria das entidades locais. Este mesmo sistema de financiamento será tamén aplicable en todos os demais casos nos cales Augas de Galicia actúe como entidade prestadora de servizos.
  2. Este sistema de financiamento está formado polos canons regulados neste título, que terán a natureza de taxa, de acordo co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos públicos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. A normativa aplicable aos canons de nova creación vén constituída pola presente lei e as súas normas de desenvolvemento, pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, pola Lei xeral tributaria e as súas normas de desenvolvemento, así como polo Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 30. Relación con outros ingresos de dereito público vinculados coa Administración hidráulica de Galicia

  1. O canon de xestión das depuradoras é incompatible cos tributos municipais destinados a sufragaren a prestación do servizo de depuración de augas residuais, e é compatible con aqueles destinados a sufragaren o servizo da rede de sumidoiros.
  2. O canon de xestión dos colectores é incompatible cos tributos municipais destinados a sufragaren a prestación do servizo de saneamento con relación á parte deste servizo que asuma Augas de Galicia. Para tal efecto, a asunción do servizo de saneamento por parte de Augas de Galicia implicará a revisión da taxa do servizo de sumidoiros por parte do concello, co obxecto da súa adecuación ao servizo que efectivamente continúe a manter.
  3. Nos termos previstos na vixente normativa estatal e autonómica en materia de réxime local, Augas de Galicia instará dos órganos competentes da Xunta de Galicia en materia de administración local o requirimento de anulación ou, de ser o caso, a impugnación perante a xurisdición contencioso-administrativa daqueles actos e acordos dos entes locais que incumpran o disposto nas alíneas anteriores.

CAPÍTULO II

Canon de xestión das depuradoras

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 31. Canon de xestión das depuradoras

  1. Mediante esta lei establécese a regulación do canon de xestión das depuradoras como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de taxa.
  2. O canon de xestión das depuradoras aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles supostos nos cales Augas de Galicia actúe como entidade pública prestadora de servizos.
  3. O canon de xestión das depuradoras será aplicable desde o día en que se inicie de xeito efectivo a prestación do servizo de depuración por parte de Augas de Galicia. A data de inicio será comunicada previamente aos concellos aos que se lles preste o servizo, para os efectos da aplicación do canon de xestión das depuradoras aos seus abonados.
  4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderá actualizar os tipos de gravame do canon de xestión das depuradoras, así como realizar calquera outra modificación na regulación legal do tributo.

Artigo 32. Afectación do produto do canon de xestión das depuradoras

O produto do canon de xestión das depuradoras será destinado ao financiamento dos gastos de explotación, conservación, mantemento e mellora das estacións depuradoras de augas residuais que xestione Augas de Galicia.

Sección 2ª. Elementos do tributo

Artigo 33. Feito impoñible

  1. Constitúe o feito impoñible do canon de xestión das depuradoras a prestación do servizo de depuración das augas residuais efectuado por Augas de Galicia, por si mesma ou mediante calquera das formas previstas na normativa vixente para a xestión do servizo público.
  2. O canon de xestión das depuradoras exixirase consonte as modalidades seguintes:
  3. a) Usos domésticos e asimilados.
  4. b) Usos non domésticos.
  5. c) Usos urbanos.
  6. d) Uso de baleirado das fosas sépticas.
  7. O canon de xestión das depuradoras exixirase indistintamente da procedencia da auga, tanto se é facilitada por entidades subministradoras como se procede de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou os usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente as persoas usuarias, así como a auga incluída nas materias primas e as augas brancas.

Artigo 34. Suxeito pasivo e outros obrigados tributarios

  1. Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, ás que Augas de Galicia lles preste o servizo de depuración.
  2. Terán a consideración de persoas contribuíntes as persoas seguintes ás que se lles preste o servizo de depuración, salvo proba en contrario:
  3. a) No suposto de abastecemento de auga por unha entidade subministradora, a persoa titular do contrato de subministración.
  4. b) No suposto de captacións propias, a persoa usuaria ou a persoa titular do aproveitamento desde o que se realiza a captación e, no seu defecto, a persoa titular da instalación desde a que se realice a captación, así como tamén as persoas titulares das instalacións desde as que se realicen as verteduras. No entanto, e mentres Augas de Galicia non dite a resolución á que fai referencia o artigo 66 desta lei, será persoa contribuínte a persoa titular do contrato de sumidoiros.

Se a persoa titular do aproveitamento é unha comunidade de usuarios, a persoa contribuínte será a persoa comuneira.

  1. c) No suposto de baleirado das fosas sépticas, a persoa titular da fosa séptica.
  2. d) No suposto dos usos urbanos, as entidades locais ás que se lles preste o servizo de depuración.
  3. No caso de abastecemento de auga por entidades subministradoras, estas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de substituto da persoa contribuínte. Así mesmo, nos supostos de persoas contribuíntes que non se abastezan de entidade subministradora, as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte.
  4. Son persoas responsables solidarias:
  5. a) No caso de vivendas, a persoa titular do contrato de subministración, no caso de non ser contribuínte, e a propietaria da vivenda.
  6. b) No caso de captacións propias, de non seren contribuíntes, as persoas titulares dos aproveitamentos e as titulares das instalacións mediante as cales ou desde as cales se produzan as captacións ou se realicen as verteduras contaminantes.

Artigo 35. Supostos de non-suxeición e exencións

  1. Non están suxeitos ao canon de xestión das depuradoras o uso para abastecemento realizado a través de redes básicas e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable, cando a súa posterior distribución en baixa estea gravada co canon de xestión das depuradoras.
  2. Atópanse exentos do pagamento do canon de xestión das depuradoras:
  3. a) Os usos da auga por parte de entidades públicas para a alimentación de fontes, as bocas de rega dos parques e xardíns e a limpeza de rúas.
  4. b) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios ou os que coas mesmas características sexan efectuados ou ordenados polas autoridades públicas en situacións de necesidade extrema ou catástrofe.
  5. c) Os usos destinados a unha unidade de convivencia independente que acredite, nas condicións que regulamentariamente se establezan, estar en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de captacións propias.

Artigo 36. Base impoñible e métodos de determinación da base impoñible

  1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos.

No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores ou caudalímetros homologados de volume de vertedura e tributen na modalidade de carga contaminante, así como no uso de baleirado das fosas sépticas, poderase considerar como base impoñible o volume vertido nas condicións que se determinen regulamentariamente.

No caso dos usos urbanos, a base impoñible virá constituída polo volume mensual de auga entrante na depuradora.

  1. A determinación da base impoñible realizarase, con carácter xeral, en réxime de estimación directa, mediante uns contadores ou caudalímetros homologados. Para estes efectos, as persoas contribuíntes están obrigadas a instalar e manter pola súa conta un mecanismo de medición directa da auga efectivamente usada ou consumida.
  2. No caso de persoas contribuíntes que non dispoñan de contadores ou caudalímetros, a base impoñible determinarase por unha estimación obxectiva.
  3. Supletoriamente, o método de estimación indirecta aplicarase de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 37. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación directa

  1. No caso de abastecementos por unha entidade subministradora, a base impoñible virá constituída polo volume de auga utilizado ou consumido subministrado pola dita entidade, medido, se é o caso, polo contador homologado instalado.
  2. No caso de concesións de uso ou captacións propias, a base impoñible virá constituída polo volume medido polo contador homologado instalado, que será declarado pola persoa contribuínte na forma e nos prazos que regulamentariamente se determinen.
  3. No caso dos usos urbanos, a base impoñible virá constituída polo volume mensual de auga entrante na depuradora, medido polos contadores ou caudalímetros situados nos puntos de control establecidos.
  4. No caso de uso de baleirado das fosas sépticas en depuradoras xestionadas por Augas de Galicia, a base impoñible será o volume vertido na depuradora.

Artigo 38. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación obxectiva

O cálculo da base impoñible do canon de xestión das depuradoras mediante o réxime de estimación obxectiva fixarase regulamentariamente en atención ás características e ás circunstancias do aproveitamento, tendo en conta a capacidade de extracción, adución ou almacenamento de auga dos mecanismos instalados polo suxeito pasivo, así como da información que conste no rexistro administrativo do aproveitamento ou da vertedura. No caso dos usos domésticos, a base impoñible mediante o método de estimación obxectiva poderase determinar a partir dos volumes de dotación básica da auga para vivendas que se establezan nos instrumentos de planificación hidrolóxica.

Artigo 39. Base liquidable da parte variable da cota asociada ao volume de auga nos usos urbanos

  1. A base liquidable da parte variable da cota tributaria asociada ao volume de auga nos usos urbanos resultará de minorar a base impoñible no volume de depuración mensual ordinario establecido para a depuradora. A base liquidable así calculada non poderá ser negativa, e neste caso tomará o valor de 0 m3.
  2. Malia o anterior, no caso de que á depuradora cheguen augas residuais de máis dunha entidade local e a base liquidable determinada conforme o indicado na alínea anterior sexa maior de 0 m3, a base liquidable correspondente a cada entidade local determinarase pola suma das bases liquidables en cada un dos puntos de control desa entidade, de acordo coa seguinte fórmula:

BLPC = VEPC × BLE / ∑VEPC

onde:

BLPC é a base liquidable no punto de control,

VEPC é a diferenza entre o volume contabilizado e o volume de depuración ordinario no punto de control,

BLE é a base liquidable da depuradora,

∑VEPC é a suma das diferenzas entre o volume contabilizado e o volume de depuración ordinario en cada un dos puntos de control en que a devandita diferenza sexa superior a 0 m3.

Artigo 40. Base liquidable da parte variable da cota asociada á carga contaminante nos usos urbanos

  1. No suposto de que algún dos parámetros da auga de entrada na depuradora sexa superior á concentración base establecida no artigo 47, a base liquidable da parte variable da cota tributaria asociada á carga contaminante será coincidente coa base impoñible.
  2. No caso de que á depuradora cheguen augas residuais de máis dunha entidade local e algún dos parámetros na auga de entrada á depuradora sexa superior á concentración base establecida no artigo 47, a base liquidable correspondente a cada entidade local virá determinada pola suma dos volumes contabilizados en cada un dos puntos de control asociados á dita entidade nos que a concentración contaminante para o citado parámetro tamén supere a concentración base.

Non obstante, de se superar a concentración base na auga de entrada á depuradora en máis dun parámetro, calcularase a base liquidable pola suma dos volumes contabilizados nos diferentes puntos de control nos cales o coeficiente de contaminación tome o mesmo valor. Para estes efectos, a parte variable da cota para cada valor do coeficiente de contaminación determinarase de xeito diferenciado, e a parte variable do canon será a suma das partes variables así calculadas.

Artigo 41. Devindicación

  1. A devindicación producirase no momento en que se inicie a prestación do servizo de depuración das augas residuais por Augas de Galicia.

Para estes efectos, entenderase que o servizo comeza a prestarse:

  1. a) Nos supostos en que a base impoñible veña constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido, cando se realice a utilización ou o consumo real ou potencial da auga.
  2. b) Naqueles supostos en que a base impoñible veña constituída polo volume vertido, no momento en que teña lugar a vertedura.
  3. c) No caso dos usos urbanos, no momento en que o volume da auga aflúa ás instalacións de depuración.
  4. d) No caso do uso de baleirado das fosas sépticas, cando se realice o baleirado nas instalacións de depuración.
  5. Nos usos domésticos e asimilados, o tipo de gravame aplicarase sobre os consumos mensuais.

Subsección 1ª. Cuantificación do canon de xestión das depuradoras
na modalidade de usos domésticos e asimilados

Artigo 42. Cota do canon de xestión das depuradoras

  1. A cota do canon de xestión das depuradoras na modalidade de usos domésticos e asimilados resultará da adición dunha parte fixa e unha parte variable. Da cantidade resultante poderanse practicar as deducións previstas no artigo 44.
  2. A parte variable da cota será o resultado de aplicar sobre a base impoñible os tipos de gravame previstos no artigo seguinte.
  3. No caso de que os contadores, os aproveitamentos ou as medidas do caudal sexan colectivos, aplicarase a parte fixa da cota multiplicada polo número de vivendas, oficinas ou locais conectados. Cando este extremo non sexa coñecido, o número de abonados determinarase en función do diámetro do contador de acordo coa seguinte táboa:
Diámetro do contador (mm) Nº de abonados asignados
< 15 1
15 3
20 6
25 10
30 16
40 25
50 50
65 85
80 100
100 200
125 300
> 125 400

Para os valores intermedios de diámetros nominais tomarase o valor inferior ao correspondente.

Artigo 43. Tipo de gravame

  1. O tipo de gravame para os usos domésticos e asimilados determinarase en función do número de persoas que habitan as vivendas e en función do volume de auga consumido. Para estes efectos, establécense os seguintes tramos de volume:
Tramos Volume mensual (m3)
Primeiro ≤ 2·n
Segundo > 2·n e ≤ 4·n
Terceiro > 4·n e ≤ 8·n
Cuarto > 8·n

onde «n» é o número de persoas na vivenda.

  1. Establécese unha cota fixa de 1,54 euros por contribuínte e mes para os usos domésticos e unha cota fixa de 3,08 euros para os usos asimilados a domésticos.
  2. A parte variable resulta de aplicar aos consumos mensuais os seguintes tipos de gravame:
  3. a) Consumo realizado dentro do primeiro tramo: 0,15 €/m3.
  4. b) Consumo realizado dentro do segundo tramo: 0,29 €/m3.
  5. c) Consumo realizado dentro do terceiro tramo: 0,37 €/m3.
  6. d) Consumo realizado dentro do cuarto tramo: 0,42 €/m3.
  7. Tomarase como referencia xenérica para os efectos da aplicación do tipo de gravame unha vivenda habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de vixencia. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de captacións propias.

Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para a exacción das súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e a dita acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon de xestión das depuradoras terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal.

  1. Nos supostos dos usos asimilados a domésticos, o tipo de gravame será o correspondente ao establecido para unha vivenda de tres persoas, coa aplicación ao consumo realizado dentro do primeiro tramo do tipo correspondente ao segundo tramo.
  2. Nos supostos de que os contadores, os aproveitamentos ou as capacidades sexan colectivos, o valor de «n» establecido na alínea 1 deste artigo será o resultado de multiplicar por 3 o valor obtido da aplicación da alínea 3 do artigo anterior. Nestes casos non será aplicable o establecido na alínea 4 deste artigo.
  3. Se no período de facturación se constata a existencia dunha fuga de auga na rede interna de subministración do contribuínte e o volume facturado ten a consideración de desproporcionado con motivo da dita fuga, os tipos de gravame do terceiro e cuarto tramos de consumo indicado nas alíneas 3.c) e 3.d) serán os establecidos para o tramo 2 indicado na alínea 3.b).

Para estes efectos, terá a consideración de volume desproporcionado aquel que reúna os seguintes requisitos:

– Que o volume facturado sexa superior ao quíntuplo do volume medio dos períodos de facturación inmediatos anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación.

– Que a persoa contribuínte tomase as medidas necesarias para reparar a fuga no prazo dunha semana desde que tivo coñecemento da existencia da fuga. Cando esta data non se coñeza, entenderase que a persoa contribuínte tivo coñecemento da existencia da fuga no momento en que se lle notifique a factura da auga correspondente ao período en que se produciu a fuga.

Artigo 44. Deducións da cota

Aplicarase unha dedución do cincuenta por cento sobre a cota íntegra do canon de xestión das depuradoras cando corresponda aos usos destinados á vivenda habitual das familias numerosas que acrediten formalmente tal condición, de acordo coa normativa aplicable na materia. A dedución terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de captacións propias.

Subsección 2ª. Cuantificación do canon de xestión das depuradoras
na modalidade de usos non domésticos

Artigo 45. Cota do canon de xestión das depuradoras

  1. A cota do canon de xestión das depuradoras para os usos non domésticos resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.
  2. A parte fixa da cota será de 3,08 euros por contribuínte e mes.
  3. A parte variable da cota resultará:
  4. a) Na modalidade de volume, de aplicar sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido o tipo de gravame previsto para esta modalidade no artigo seguinte.
  5. b) Na modalidade de carga contaminante, de sumar as cantidades que resulten de aplicar os tipos de gravame, xeral e especial, previstos no artigo seguinte para esta modalidade.
  6. Na modalidade de carga contaminante, cando a base impoñible sobre a que se aplique o tipo de gravame xeral e a base impoñible sobre a que se aplique o tipo de gravame especial non sexan coincidentes, por estar constituída esta última polo volume vertido, a parte variable da cota resultante da aplicación de cada tipo repercutirase de maneira diferenciada. Así mesmo, nestes supostos, de se abastecer o suxeito pasivo a través dunha entidade subministradora, Augas de Galicia poderá liquidar directamente a parte variable da cota resultante da aplicación do tipo de gravame especial, polo que a entidade subministradora queda obrigada a repercutir a parte fixa da cota e a parte variable da cota resultante da aplicación do tipo de gravame xeral.

Artigo 46. Tipo de gravame

  1. A determinación do tipo de gravame aterase ás seguintes regras:
  2. a) Na modalidade de volume, aplicarase a tarifa prevista na alínea 3 deste artigo sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido determinada por algún dos sistemas establecidos no artigo 36.
  3. b) Na modalidade de carga contaminante, serán aplicables os seguintes tipos de gravame:

1º) O tipo de gravame xeral previsto na alínea 3 deste artigo, que se aplicará sobre a base impoñible constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido determinada por algún dos sistemas establecidos no artigo 36.

2º) O tipo de gravame especial en función da contaminación producida, que será o determinado a partir dos valores previstos na alínea 3 deste artigo.

Esta modalidade de carga contaminante será aplicable naqueles casos nos cales Augas de Galicia, de oficio ou por instancia do suxeito pasivo, opte por determinar os tipos de gravame tendo en conta o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido, así como a contaminación producida. Augas de Galicia determinará de oficio a aplicación dos tipos de gravame correspondentes á modalidade de carga contaminante nos casos en que a cota resultante resulte superior á que poida deducirse da aplicación do tipo de gravame correspondente á modalidade de volume.

  1. Os parámetros e as unidades de contaminación que se considerarán na determinación do tipo de gravame na modalidade de carga contaminante son os seguintes:
Parámetros Unidades de contaminación
Materias en suspensión (MES) kg
Materias oxidables (MO) kg
Nitróxeno total (NT) kg
Fósforo total (PT) kg
Sales solubles (SOL) S/cm · m3
Metais (MT) kg equimetal
Materias inhibidoras (MI) equitox
  1. O tipo de gravame expresarase en euros/metro cúbico, sendo:
  2. a) Na modalidade de volume, de 0,5 €/m3.
  3. b) Na modalidade de carga contaminante os tipos de gravame serán:

1º. O tipo de gravame xeral, de 0,1 €/m3.

2º. O tipo de gravame especial, determinado a partir dos seguintes valores dos parámetros de contaminación:

– materias en suspensión: 0,202 €/kg

– materias oxidables: 0,406 €/kg

– nitróxeno total: 0,304 €/kg

– fósforo total: 0,609 €/kg

– sales solubles: 3,256 €/S/cm m3

– metais: 9,148 €/kg equimetal

– materias inhibidoras: 0,043 €/equitox.

  1. O tipo de gravame establecido na alínea 3.b) deste artigo poderá ser afectado, segundo os casos, polos coeficientes establecidos nas alíneas seguintes, de conformidade cos seguintes criterios:
  2. a) As achegas ou as detraccións de auga que efectúe o contribuínte, que se expresarán mediante a relación existente entre o volume de auga vertido e o volume de auga consumido ou utilizado.
  3. b) A realización de verteduras a zonas declaradas sensibles.
  4. Naqueles casos en que o volume de auga vertido á rede de sumidoiros sexa distinto ao volume de auga consumido ou utilizado, o tipo de gravame na modalidade de carga contaminante verase afectado por un coeficiente corrector de volume (CCV), que expresará a relación existente entrambos os volumes.

Para a aplicación deste coeficiente corrector de volume é preciso, salvo as excepcións que se determinen regulamentariamente, que a persoa obrigada tributaria dispoña de aparellos de medida nas fontes de abastecemento de auga e na vertedura. Noutro caso, este coeficiente non será aplicable.

No caso de que a base impoñible veña constituída polo volume vertido, este coeficiente non será aplicable.

  1. Nas verteduras que se realicen en depuradoras que vertan en zonas que, de acordo coa normativa vixente, fosen declaradas sensibles, os parámetros de contaminación veranse afectados polo seguinte coeficiente de zona sensible (CZS):
Parámetro de contaminación Coeficiente de zona sensible
Nitróxeno total 1,1
Fósforo total 1,1
Resto de parámetros 1

Augas de Galicia manterá un rexistro actualizado das instalacións de depuración que xestione en calidade de prestadora de servizos que vertan a zonas declaradas sensibles.

Subsección 3ª. Cuantificación do canon de xestión das depuradoras
na modalidade de usos urbanos

Artigo 47. Cota do canon de xestión das depuradoras e tipo de gravame

  1. A cota do canon de xestión das depuradoras na modalidade de usos urbanos resultará da adición de dúas partes variables, unha asociada ao volume de auga e outra á carga contaminante.
  2. A parte variable asociada ao volume de auga resultará da multiplicación do tipo de gravame de 0,29 €/m3 pola base liquidable determinada de acordo co indicado no artigo 39.
  3. A parte variable asociada á carga contaminante resultará da multiplicación da base liquidable determinada de acordo co indicado no artigo 40 para cada depuradora ou, se é o caso, punto de control por un coeficiente de contaminación e polo tipo de gravame de 0,053 €/m3.
  4. O coeficiente de contaminación determinarase para cada depuradora ou, se é o caso, para cada punto de control en función da concentración de contaminantes na auga, segundo a analítica mensual representativa realizada, en relación cos seguintes parámetros e coas seguintes concentracións base:
Parámetros Concentración base
Demanda bioquímica de oxíxeno (DBO5) 500,00 mg/l
Materias en suspensión (MES) 500,00 mg/l
Demanda química de oxíxeno (DQO) 1.000,00 mg/l
Nitróxeno total (NT) 60,00 mg/l
Fósforo total (PT) 40,00 mg/l
Condutividade 5.000,00 µS/cm
Materias inhibidoras (MI) 20 equitox

O coeficiente de contaminación tomará o valor do número de parámetros para os que se superen as concentracións base da táboa anterior. No caso en que as concentracións base non se superen para ningún parámetro, o coeficiente de contaminación adoptará o valor de cero.

Subsección 4ª. Cuantificación do canon de xestión das depuradoras
na modalidade de uso de baleirado das fosas sépticas

Artigo 48. Baleirado das fosas sépticas

O baleirado da fosa séptica levará aparellado a obriga do pagamento do canon de xestión das depuradoras. A súa cota será a resultante da adición dunha parte fixa asociada á autorización para realizar baleirados e dunha parte variable en función do volume vertido na depuradora durante o ano de vixencia.

  1. a) A parte fixa da cota será de corenta euros ao ano.
  2. b) O tipo de gravame da parte variable será de 2 €/m3 de auga vertida na depuradora no ano.

CAPÍTULO III

Canon de xestión das redes de colectores

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 49. Canon de xestión das redes de colectores

  1. Mediante esta lei establécese a regulación do canon de xestión das redes de colectores como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de taxa.
  2. O canon de xestión das redes de colectores aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, naqueles supostos nos cales Augas de Galicia actúe como entidade prestadora dos servizos.
  3. O canon de xestión das redes de colectores será aplicable desde o día en que se inicie a prestación do servizo de saneamento por parte de Augas de Galicia. A data de inicio será comunicada previamente ás administracións públicas para as que Augas de Galicia sexa a entidade prestadora dos servizos, para os efectos da aplicación do canon de xestión das redes de colectores aos seus abonados.
  4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderá actualizar os tipos de gravame do canon de xestión dos colectores, así como realizar calquera outra modificación na regulación legal do tributo.

Artigo 50. Afectación do produto do canon de xestión das redes de colectores

O produto do canon de xestión das redes de colectores será destinado ao financiamento dos gastos de explotación, conservación, mantemento e mellora das redes de colectores que xestione Augas de Galicia.

Sección 2ª. Elementos do tributo

Artigo 51. Feito impoñible

  1. Constitúe o feito impoñible do canon de xestión das redes de colectores a prestación do servizo de explotación, conservación e mantemento dos colectores, para a condución das augas residuais ás depuradoras de augas residuais, efectuado por Augas de Galicia, por si mesma ou mediante calquera das formas previstas na normativa vixente para a xestión do servizo público. Enténdese incluído no feito impoñible a xestión por Augas de Galicia, de xeito individual ou en conxunto, dos colectores, dos bombeos e dos tanques de retención.
  2. O canon de xestión das redes de colectores exixirase conforme as modalidades seguintes:
  3. a) Usos domésticos e asimilados.
  4. b) Usos non domésticos.
  5. c) Usos urbanos.
  6. O canon de xestión das redes de colectores exixirase indistintamente da procedencia da auga, tanto se é facilitada por entidades subministradoras como se procede de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou os usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente as persoas usuarias, así como a auga incluída nas materias primas e as augas brancas.

Artigo 52. Suxeito pasivo e outras persoas obrigadas tributarias

  1. Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, ás que Augas de Galicia lles preste o servizo de saneamento para a condución das augas residuais ás instalacións de depuración.
  2. Terán a consideración de persoas contribuíntes as persoas seguintes ás que se lles preste o servizo de xestión da rede de colectores para a condución das augas residuais ás instalacións de depuración, salvo proba en contrario:
  3. a) No suposto de abastecemento de auga por unha entidade subministradora, a persoa titular do contrato de subministración.
  4. b) No suposto de captacións propias, a persoa usuaria ou titular do aproveitamento desde o que se realiza a captación e, no seu defecto, a persoa titular da instalación desde a que se realice a captación, así como tamén as persoas titulares das instalacións desde as que se realicen as verteduras. No entanto, e mentres Augas de Galicia non dite a resolución á que fai referencia o artigo 66 desta lei, será persoa contribuínte a persoa titular do contrato de sumidoiros.

Se a persoa titular do aproveitamento é unha comunidade de usuarios, a persoa contribuínte será a persoa comuneira.

  1. c) No suposto dos usos urbanos, as entidades locais ás que se lles preste o servizo de explotación da rede de colectores para a condución das augas residuais ás depuradoras.
  2. No suposto de abastecemento de auga por entidades subministradoras de auga, estas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de substituto da persoa contribuínte. Así mesmo, nos supostos de persoas contribuíntes que non se abastezan dunha entidade subministradora, as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte.
  3. Son persoas responsables solidarias:
  4. a) No caso de vivendas, a persoa titular do contrato de subministración, no suposto de non ser contribuínte, e a propietaria da vivenda.
  5. b) No caso de captacións propias, de non ser contribuíntes, as persoas titulares dos aproveitamentos e as titulares das instalacións mediante as cales ou desde as cales se produzan as captacións ou se realicen as verteduras contaminantes.

Artigo 53. Supostos de non-suxeición e exencións

  1. Non están suxeitos ao canon de xestión das redes de colectores os usos para o abastecemento realizado a través de redes básicas e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable, cando a súa posterior distribución en baixa estea gravada co canon de xestión das redes de colectores.
  2. Atópanse exentos do pagamento do canon de xestión das redes de colectores:
  3. a) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios ou os que coas mesmas características sexan efectuados ou ordenados polas autoridades públicas en situacións de necesidade extrema ou catástrofe.
  4. b) Os usos destinados a unha unidade de convivencia independente que acredite, nas condicións que regulamentariamente se establezan, estar en situación de exclusión social, de acordo coa lexislación en materia de servizos sociais e inclusión social de Galicia. A exención terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte ao da súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación, no caso de captacións propias.

Artigo 54. Base impoñible e métodos de determinación da base impoñible

  1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos.

No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores ou caudalímetros homologados de volume vertido á rede, poderá considerarse como base impoñible o dito volume nas condicións que se determinen regulamentariamente.

No caso dos usos urbanos, a base impoñible virá constituída polo volume mensual de auga entrante na rede dos colectores asumida por Augas de Galicia.

  1. A determinación da base impoñible realizarase, con carácter xeral, en réxime de estimación directa, mediante uns contadores ou caudalímetros homologados. Para estes efectos, as persoas contribuíntes están obrigadas a instalar e manter pola súa conta un mecanismo de medición directa da auga efectivamente usada ou consumida.
  2. Para as persoas contribuíntes que non dispoñan de contadores ou caudalímetros, a base impoñible determinarase por estimación obxectiva.
  3. Supletoriamente, o método de estimación indirecta aplicarase de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 55. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación directa

  1. No caso de abastecementos por unha entidade subministradora, a base impoñible virá constituída polo volume de auga utilizado ou consumido, que será o subministrado pola dita entidade, medido, se é o caso, polo contador homologado instalado.
  2. No caso de concesións de uso ou captacións propias, a base impoñible virá constituída polo volume, que será o medido polo contador homologado instalado, que será declarado pola persoa contribuínte na forma e nos prazos que regulamentariamente se determinen.
  3. No caso dos usos urbanos, o volume mensual de auga conducido ou bombeado polos colectores será o medido polos contadores ou caudalímetros instalados no punto de entrada do colector á depuradora.

Artigo 56. Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación obxectiva

O cálculo da base impoñible do canon de xestión das redes de colectores mediante o réxime de estimación obxectiva fixarase regulamentariamente en atención ás características e ás circunstancias do aproveitamento, tendo en conta a capacidade de extracción, adución ou almacenamento de auga dos mecanismos instalados polo suxeito pasivo, así como da información que conste no rexistro administrativo do aproveitamento ou da vertedura. No caso dos usos domésticos, a base impoñible mediante o método de estimación obxectiva poderase determinar a partir dos volumes de dotación básica da auga para vivendas que se establezan nos instrumentos de planificación hidrolóxica.

Artigo 57. Base liquidable nos usos urbanos

  1. A base liquidable resultará de minorar a base impoñible no volume de saneamento mensual ordinario establecido para a rede de colectores. A base liquidable así calculada non poderá ser negativa, e neste caso tomará o valor de 0 m3.
  2. Así e todo, no caso de que á rede de colectores cheguen augas residuais de máis dunha entidade local e a base liquidable determinada conforme o indicado na alínea anterior sexa maior de 0 m3, a base liquidable correspondente a cada entidade local determinarase pola suma das bases liquidables en cada un dos puntos de control desa entidade, de acordo coa seguinte fórmula:

BLPC = VEPC × BLE / ∑VEPC

onde:

BLPC é a base liquidable no punto de control,

VEPC é a diferenza entre o volume contabilizado e o volume de saneamento ordinario no punto de control,

BLE é a base liquidable da rede de colectores,

∑VEPC é a suma das diferenzas entre o volume contabilizado e o volume de saneamento ordinario en todos os puntos de control en que a devandita diferenza sexa superior a 0 m3.

Artigo 58. Devindicación

  1. A devindicación producirase no momento en que se inicie a prestación do servizo de xestión de colectores para a condución das augas residuais ás instalacións de depuración de augas residuais.

Para estes efectos, entenderase que o servizo comeza a prestarse:

  1. a) Nos supostos en que a base impoñible veña constituída polo volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido, cando se realice a utilización ou o consumo real ou potencial da auga.
  2. b) Naqueles supostos en que a base impoñible veña constituída polo volume vertido, no momento en que se realice a vertedura.
  3. c) No caso dos usos urbanos, cando o volume da auga sexa conducido ou bombeado á rede de colectores.
  4. Nos usos domésticos e asimilados, o tipo de gravame aplicarase sobre os consumos mensuais.

Subsección 1ª. Cuantificación do canon de xestión das redes de colectores
para os usos domésticos e asimilados

Artigo 59. Cota do canon de xestión das redes de colectores

  1. A cota do canon de xestión das redes de colectores para os usos domésticos e asimilados resultará da adición dunha parte fixa e unha parte variable. O resultado así obtido será multiplicado polo coeficiente de explotación de saneamento, determinado nas condicións da xestión das infraestruturas recollidas na orde referida no artigo 26. Da cantidade resultante poderanse practicar as deducións previstas no artigo 61.
  2. A parte variable da cota será o resultado de aplicar sobre a base impoñible o tipo de gravame previsto no artigo seguinte.
  3. No caso de que os contadores, os aproveitamentos ou as medidas do caudal sexan colectivos, aplicarase a parte fixa da cota multiplicada polo número de vivendas, oficinas ou locais conectados. Cando este extremo non sexa coñecido, o número de abonados determinarase en función do diámetro do contador de acordo coa seguinte táboa:
Diámetro do contador (mm) Nº de abonados asignados
< 15 1
15 3
20 6
25 10
30 16
40 25
50 50
65 85
80 100
100 200
125 300
> 125 400

Para os valores intermedios de diámetros nominais tomarase o valor inferior ao correspondente.

Artigo 60. Tipo de gravame

  1. O tipo de gravame para os usos domésticos e asimilados determinarase en función do número de persoas que habitan as vivendas e en función do volume de auga consumido. Para estes efectos, establécense os seguintes tramos de volume:
Tramos Volume mensual (m3)
Primeiro ≤ 2·n
Segundo > 2·n e ≤ 4·n
Terceiro > 4·n e ≤ 8·n
Cuarto > 8·n

onde «n» é o número de persoas na vivenda.

  1. Establécese unha cota fixa de 1,54 euros por contribuínte e mes para os usos domésticos e unha cota fixa de 3,08 euros para os usos asimilados a domésticos.
  2. A parte variable resulta de aplicar aos consumos mensuais os seguintes tipos de gravame:
  3. a) Consumo realizado dentro do primeiro tramo: 0,15 €/m3.
  4. b) Consumo realizado dentro do segundo tramo: 0,29 €/m3.
  5. c) Consumo realizado dentro do terceiro tramo: 0,37 €/m3.
  6. d) Consumo realizado dentro do cuarto tramo: 0,42 €/m3.
  7. Tomarase como referencia xenérica para os efectos da aplicación do tipo de gravame unha vivenda habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de vixencia. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de captacións propias.

Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para a exacción das súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e a dita acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon de xestión das redes de colectores terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal.

  1. Nos supostos dos usos asimilados a domésticos, o tipo de gravame será o correspondente ao establecido para unha vivenda de tres persoas, coa aplicación ao consumo realizado dentro do primeiro tramo do tipo correspondente ao segundo tramo.
  2. Nos supostos de que os contadores, os aproveitamentos ou as capacidades sexan colectivos, o valor de «n» establecido na alínea 1 deste artigo será o resultado de multiplicar por 3 o valor obtido da aplicación da alínea 3 do artigo anterior. Nestes casos non será aplicable o establecido na alínea 4 deste artigo.
  3. Se no período de facturación se constata a existencia dunha fuga de auga na rede interna de subministración do contribuínte e o volume facturado ten a consideración de desproporcionado con motivo da dita fuga, os tipos de gravame do terceiro e cuarto tramos de consumo indicado nas alíneas 3.c) e 3.d) serán os establecidos para o tramo 2 indicado na alínea 3.b).

Para estes efectos, terá a consideración de volume desproporcionado aquel que reúna os seguintes requisitos:

– Que o volume facturado sexa superior ao quíntuplo do volume medio dos períodos de facturación inmediatos anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación.

– Que a persoa contribuínte tomase as medidas necesarias para reparar a fuga no prazo dunha semana desde que tivo coñecemento da existencia da fuga. Cando esta data non se coñeza, entenderase que a persoa contribuínte tivo coñecemento da existencia da fuga no momento en que se lle notifique a factura da auga correspondente ao período en que se produciu a fuga.

Artigo 61. Deducións da cota

Aplicarase unha dedución do cincuenta por cento sobre a cota íntegra do canon de xestión das redes de colectores cando corresponda aos usos destinados a vivenda habitual das familias numerosas que acrediten formalmente tal condición, de acordo coa normativa aplicable na materia. A dedución terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de captacións propias.

Subsección 2ª. Cuantificación do canon de xestión das redes de colectores
para os usos non domésticos

Artigo 62. Cota do canon de xestión das redes de colectores e tipo de gravame

  1. A cota do canon de xestión das redes de colectores na modalidade de usos non domésticos resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable. O resultado así obtido será multiplicado polo coeficiente de explotación de saneamento, determinado nas condicións da xestión das infraestruturas referidas no artigo 25 desta lei.
  2. A parte fixa da cota será de 3,08 euros por contribuínte e mes.
  3. A parte variable da cota resultará de aplicar sobre a base impoñible o tipo de gravame de 0,5 €/m3.

Subsección 3ª. Cuantificación do canon de xestión das redes de colectores
para os usos urbanos

Artigo 63. Cota do canon de xestión das redes de colectores e tipo de gravame

  1. A cota previa do canon de xestión das redes de colectores na modalidade de usos urbanos resultará de aplicar á base liquidable a que se refire o artigo 57 o tipo de gravame de 0,21 €/m3.
  2. A cota previa modularase polo coeficiente de explotación de saneamento a que fai referencia o artigo 25.

CAPÍTULO IV

Normas comúns para a xestión do canon de xestión das depuradoras
e de xestión das redes de colectores

Artigo 64. Competencias en canto á aplicación do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores

  1. A xestión, a inspección, a recadación en período voluntario e o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderán a Augas de Galicia.

Para estes efectos, as entidades subministradoras de auga, as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros e as empresas xestoras das instalacións de depuración e de colectores veñen obrigadas a subministrar a Augas de Galicia cantos datos, informes e antecedentes con transcendencia tributaria sexan precisos para o exercicio das funcións que Augas de Galicia ten encomendadas.

  1. A recadación na vía de constrinximento, coa inclusión da concesión de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento en período executivo, corresponderá ao órgano ou á entidade que desempeñe as competencias xerais en materia de aplicación dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. O coñecemento das reclamacións interpostas contra os actos ditados en aplicación do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores corresponderá aos órganos económico-administrativos da Xunta de Galicia.
  3. A potestade sancionadora exercerase consonte o previsto no título IV da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 65. Repercusión do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores

  1. No suposto de abastecemento por unha entidade subministradora, esta deberá repercutir integramente o importe do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores sobre a persoa contribuínte, quen quedará obrigada a soportalo. Ambos os canons serán exixibles ao mesmo tempo que as contraprestacións correspondentes á subministración.

Porén, nos casos de abastecemento por unha entidade subministradora da que a prestación non sexa obxecto de facturación, as entidades subministradoras veñen obrigadas a confeccionar nos dous primeiros meses naturais do ano unha factura en concepto de canon de xestión das depuradoras e de canon de xestión das redes de colectores, coas especificidades que se establezan regulamentariamente en relación co volume obxecto de subministración no ano inmediato anterior. Nos supostos de consumos propios das entidades subministradoras, os canons referidos aos devanditos consumos deberán ser ingresados na correspondente autoliquidación en función do período de que se trate.

  1. Nos supostos de persoas contribuíntes que non se abastezan dunha entidade subministradora, as entidades prestadoras do servizo da rede de sumidoiros deberán repercutir integramente o importe do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores sobre a persoa contribuínte, quen quedará obrigada a soportalo. Ambos os canons serán exixibles ao mesmo tempo que as contraprestacións correspondentes ao servizo de sumidoiros.

Porén, nos casos de prestación do servizo de sumidoiros que non sexan obxecto de facturación, as entidades prestadoras dos servizos veñen obrigadas a confeccionar nos dous primeiros meses naturais do ano unha factura en concepto de canon de xestión das depuradoras e de canon de xestión das redes de colectores, coas especificidades que se establezan regulamentariamente en relación co volume obxecto de facturación no ano inmediato anterior. Nos supostos en que o servizo sexa prestado á propia entidade prestadora, os canons referidos ao devandito servizo deberán ser ingresados na correspondente autoliquidación en función do período de que se trate.

  1. A obriga de repercusión sinalada na alínea anterior manterase mentres Augas de Galicia non proceda a ditar a resolución a que fai referencia o artigo 66. Nese momento, Augas de Galicia procederá a comunicar a dita circunstancia á entidade prestadora do servizo da rede de sumidoiros para os efectos de que deixe de repercutir os citados canons ao suxeito pasivo e, se é o caso, procederá a regularizar as cantidades facturadas por estas.
  2. As entidades subministradoras e, se é o caso, prestadoras do servizo de sumidoiros deberanlles aplicar de oficio aos seus abonados as correspondentes cotas dos canons que en cada momento se encontren vixentes, tanto no que se refire á parte fixa da cota coma á parte variable, agás nos supostos de determinación do canon de xestión das depuradoras por carga contaminante, nos que Augas de Galicia lles comunicará as tarifas aplicables.

Esta obriga de repercusión esténdese ás facturas que se emitan como resultado da rectificación ou anulación doutras anteriores, incluso no suposto de que os ditos importes xa fosen autoliquidados ou xustificados como non cobrados de acordo co indicado na alínea 10 deste artigo.

  1. A repercusión deberase facer constar de maneira diferenciada na factura que emita a entidade subministradora e a entidade prestadora do servizo de sumidoiros para documentar a contraprestación dos seus servizos, cos requisitos que se establezan regulamentariamente, polo que queda prohibida tanto a súa facturación coma o seu cobramento de forma separada, sen prexuízo do que se estableza en relación cos consumos propios e cos non facturados.
  2. No caso de que non efectúen lecturas mensuais, as entidades subministradoras e prestadoras do servizo de sumidoiros facturaranlles os canons aos usuarios domésticos e asimilados repartindo o volume de modo proporcional ao número de meses que comprenda o período de lectura.
  3. Establécese a obriga das entidades subministradoras de auga e prestadoras do servizo de sumidoiros de presentaren a autoliquidación durante os meses de xaneiro, maio e setembro, en relación cos respectivos cuadrimestres naturais de cada ano, das cantidades repercutidas ou de obrigada repercusión en concepto de canon de xestión das depuradoras e canon de xestión das redes de colectores, no lugar e na forma que se determinen regulamentariamente. Así mesmo, nestas autoliquidacións deberanse declarar os importes repercutidos e non percibidos para os efectos da exoneración do seu ingreso ou, no suposto de non acompañar a relación a que fai referencia a alínea 10 deste artigo, proceder ao seu ingreso.
  4. O procedemento para o cobramento dos canons en período voluntario será unitario co seguido para a recadación dos dereitos que á entidade subministradora lle correspondan polo servizo de abastecemento de auga. O acto de aprobación do documento que faculta para o cobramento dos dereitos dimanantes do servizo de abastecemento de auga e, se é o caso, do servizo de sumidoiros e o anuncio de cobranza virán referidos igualmente aos canons.
  5. Nos termos que regulamentariamente se establezan, se o importe dos canons non se fixo efectivo ao substituto antes de finalizar o prazo para presentar a autoliquidación, permitiráselle ao substituto non ingresar as cantidades non cobradas. O anterior non se poderá levar a cabo se o substituto admite durante o período voluntario que a persoa contribuínte non satisfaga os canons, pero si o importe que supoña a contraprestación pola subministración ou, de ser o caso, pola prestación do servizo de sumidoiros.
  6. A xustificación das cantidades non cobradas a que se refire a alínea anterior realizarase na forma que regulamentariamente se estableza, e nela conterase unha relación individualizada das débedas tributarias repercutidas ás persoas contribuíntes e non satisfeitas por estas.

A presentación desta relación no prazo regulamentariamente establecido exonera as entidades subministradoras e prestadoras do servizo de sumidoiros de responsabilidade en relación coas débedas tributarias contidas nela, agás que o procedemento recadatorio seguido non fose unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga. De non se presentar a devandita declaración ou de se presentar fóra do prazo establecido, a indicada entidade virá obrigada ao pagamento dos importes repercutidos e non percibidos. Esta obriga será exixible desde a data en que procedería a súa xustificación como importes non cobrados na autoliquidación.

Logo de se xustificaren os importes repercutidos e non percibidos na forma e no prazo sinalado neste artigo, se durante o período dun ano, contado desde a presentación da relación, a persoa contribuínte pretende efectuar o pagamento da factura ou do recibo en que estean incluídos os canons declarados, a entidade subministradora ou prestadora do servizo de sumidoiros non poderá admitilo de forma incompleta, e quedará obrigada a percibir o importe do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión de explotación. Neste caso, o suxeito pasivo substituto deberá declarar e ingresar o importe do canon correspondente na forma regulamentariamente establecida.

Así que as entidades subministradoras ou prestadoras do servizo de sumidoiros xustifiquen estas cantidades, exixiráselle o cumprimento directamente ao contribuínte na vía executiva, agás no caso de que da xestión recadatoria seguida pola entidade subministradora non exista constancia da notificación da débeda ao contribuínte, en cuxo caso estas débedas serán notificadas aos contribuíntes por Augas de Galicia para o seu ingreso en período voluntario, antes de pasar, de proceder, á súa exacción na vía executiva.

Esta notificación para o seu ingreso en período voluntario poderase levar a cabo mediante unha publicación colectiva, outorgándose un prazo dun mes natural para que as persoas interesadas se presenten persoalmente perante Augas de Galicia para seren notificadas por comparecencia dos importes repercutidos e non aboados, coa advertencia de que, ao transcorrer o mencionado prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación se entenderá producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer.

  1. As entidades subministradoras e, se é o caso, as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros, como obrigadas a repercutiren, están suxeitas ao réxime de responsabilidades e obrigas establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións aplicables. En particular, están obrigadas ao pagamento das cantidades correspondentes ao canon que non lles repercutisen aos seus abonados cando viñeren obrigadas a facelo. Esta obriga será exixible desde a data de expedición das facturas que se emitisen infrinxindo as obrigas previstas neste artigo, ou desde a súa non-emisión no prazo que se determine regulamentariamente nos supostos de subministracións non facturadas.
  2. As infraccións administrativas por defectos na aplicación dos canons e as súas sancións serán as contidas na Lei xeral tributaria e nas disposicións complementarias ou concordantes.

Artigo 66. Liquidacións

  1. Augas de Galicia liquidaralles o canon de xestión das depuradoras e o canon de xestión das redes de colectores aos suxeitos pasivos usuarios da auga de captacións propias na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente, logo da tramitación do correspondente expediente. O prazo máximo para notificar a resolución que se dite nese procedemento, así como nos procedementos de determinación do canon de xestión das depuradoras na modalidade de carga contaminante, será dun ano.

No suposto de uso do baleirado das fosas sépticas, Augas de Galicia liquidaralles o canon de xestión das depuradoras na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente a aquelas persoas usuarias que, de acordo co establecido na alínea 3 deste artigo, soliciten a realización de baleirados.

  1. Todas as persoas titulares e usuarias reais de aproveitamentos de augas procedentes de captacións superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra procedencia que realicen verteduras a redes de sumidoiros conectadas a colectores ou depuradoras xestionadas por Augas de Galicia, agás no caso dos usos domésticos, están obrigadas a presentar unha declaración perante Augas de Galicia na forma, no lugar e nos prazos e mediante os modelos e consonte as instrucións que estableza a consellaría con competencias en materia de xestión destes canons. Esta obriga esténdese ás persoas abonadas das entidades subministradoras de auga cando así sexan expresamente requiridas por Augas de Galicia para a súa presentación.
  2. As persoas titulares de fosas sépticas de natureza doméstica poderán solicitar a realización do seu baleirado nas instalacións de depuración xestionadas por Augas de Galicia que teñan habilitado o dito servizo. Para tal efecto, Augas de Galicia manterá un rexistro actualizado das instalacións que presten este servizo.

Augas de Galicia ditará unha resolución pola que se autoriza a realización de baleirados. Nela estableceranse, entre outros aspectos, a data de inicio da vixencia da autorización, a infraestrutura de depuración a través da cal se prestará o servizo e as condicións en que se debe realizar o dito baleirado. Esta autorización será tamén comunicada ao xestor da depuradora.

Esta autorización permanecerá vixente durante un ano. A dita autorización prorrogarase por instancia da persoa titular da fosa séptica por períodos anuais, sempre que se manteñan as condicións establecidas. A persoa titular deberá solicitar a prórroga da autorización con anterioridade á finalización do seu período de vixencia.

  1. As declaracións do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos.

As ditas presentacións deberanse realizar cubrindo os formularios electrónicos dos correspondentes modelos de declaración na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante a súa tramitación en liña.

No caso de que se presente a declaración presencialmente ou esta se presente electronicamente, pero sen cubrir o formulario na sede, considerarase como non presentada, sen prexuízo da apreciación das infraccións tributarias que procedan conforme a Lei xeral tributaria.

  1. O pagamento das liquidacións deberase realizar nas entidades colaboradoras no prazo establecido na normativa xeral tributaria.
  2. A consellaría competente para a aplicación do canon de xestión das depuradoras e de xestión das redes de colectores poderá dispoñer que as declaracións se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Artigo 67. Autoliquidacións

  1. No suposto do canon de xestión das depuradoras e de xestión das redes de colectores xestionado a través de entidades subministradoras ou, se é o caso, a través da entidade prestadora do servizo de sumidoiros, estas teñen a obriga de presentar as autoliquidacións perante Augas de Galicia nos termos que regulamentariamente este estableza, nos cales se incluirán as cotas facturadas durante os períodos de declaración.
  2. As autoliquidacións do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos.

As ditas presentacións deberanse realizar cubrindo os formularios electrónicos dos correspondentes modelos de autoliquidación na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante a súa tramitación en liña. Durante a súa tramitación en liña deberanse axuntar os arquivos informáticos que se establezan regulamentariamente.

No caso de que se presente a autoliquidación presencialmente ou esta se presente electronicamente pero sen cubrir o formulario na sede, considerarase como non presentada, sen prexuízo da apreciación das infraccións tributarias que procedan conforme a Lei xeral tributaria.

Regulamentariamente poderase establecer a obriga de presentar os diferentes arquivos informáticos que deben acompañar estas autoliquidacións mediante as plataformas web que se establezan.

  1. O pagamento das autoliquidacións deberase realizar nas entidades colaboradoras no prazo establecido nesta lei para a súa presentación.
  2. A consellaría competente para a aplicación do canon de xestión das depuradoras e de xestión das redes de colectores poderá dispoñer que as autoliquidacións se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Artigo 68. Réxime sancionador aplicable

  1. As infraccións tributarias referidas ao canon de xestión das depuradoras e ao canon de xestión das redes de colectores non contidas nos tres artigos seguintes cualificaranse e sancionaranse de acordo co previsto na normativa xeral tributaria.
  2. Igualmente, o procedemento para a aplicación do réxime sancionador, así como o instituto da prescrición, serán os establecidos na normativa xeral tributaria.
  3. Sobre a contía das sancións pecuniarias impostas consonte os artigos 69 ao 71 aplicaranse as reducións establecidas no artigo 188 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, nos termos previstos neste precepto.

Artigo 69. Infracción tributaria por incumprir a obriga de repercutir o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores na factura da auga

  1. Constitúe unha infracción tributaria incumprir a obriga de repercutir o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora ou prestadora do servizo de sumidoiros para documentar a contraprestación dos seus servizos. Neste suposto inclúese o incumprimento da obriga de liquidar o canon de xestión das depuradoras e o canon de xestión das redes de colectores nas subministracións ou, se é o caso, na prestación do servizo de sumidoiros non facturados ás persoas abonadas, mesmo os consumos propios das entidades subministradoras ou prestadoras do servizo de sumidoiros, nos termos que regulamentariamente se determinen, así como o incumprimento da prohibición da súa repercusión de forma separada da factura ou do recibo que emita a entidade subministradora ou prestadora do servizo de sumidoiros para documentar a contraprestación dos seus servizos.
  2. A infracción tributaria será leve cando o importe non repercutido, ou repercutido de forma separada, do correspondente canon sexa inferior ou igual a tres mil euros ou, sendo superior, o número de recibos de auga emitidos sen incluír o correspondente canon sexa inferior ou igual a dez.
  3. A infracción tributaria será grave cando o importe non repercutido, ou repercutido de forma separada, do correspondente canon sexa superior a tres mil euros.
  4. A base da sanción será o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores non repercutido, ou repercutido de forma separada, como resultado da comisión da infracción.
  5. A sanción por unha infracción leve consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do vinte e cinco por cento da base.
  6. A sanción por unha infracción grave consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do corenta por cento da base.
  7. A sanción por unha infracción grave graduarase incrementando a porcentaxe indicada na alínea anterior conforme os criterios de comisión repetida de infraccións tributarias e de prexuízo económico para a facenda pública, cos incrementos porcentuais previstos para cada caso nas alíneas 1.a) e 1.b) do artigo 187 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 70. Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores con prexuízo económico para a facenda pública

  1. Constitúe unha infracción tributaria repercutir incorrectamente o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora ou prestadora do servizo de sumidoiros para documentar a contraprestación dos seus servizos, ou repercutilo en documento separado, cando desta repercusión incorrecta se produza ou poida producirse un prexuízo económico para a facenda pública.
  2. A base da sanción será a diferenza entre o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores repercutido e o que procedía repercutir.
  3. A cualificación da sanción como leve ou grave, así como a determinación da súa sanción, realizarase consonte o establecido nas alíneas 2 á 7 do artigo anterior.

Artigo 71. Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores sen prexuízo económico para a facenda pública

  1. Constitúe unha infracción tributaria leve repercutir incorrectamente o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora ou prestadora do servizo de sumidoiros para documentar a contraprestación dos seus servizos, cando desta repercusión incorrecta non se produza ou non poida producirse un prexuízo económico para a facenda pública.
  2. A base da sanción será a diferenza entre o canon de xestión das depuradoras ou o canon de xestión das redes de colectores repercutido e o que procedía repercutir.
  3. A sanción consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do dez por cento da base.

CAPÍTULO V

Canon de xestión dos abastecementos

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 72. Normas xerais

  1. Mediante esta lei establécese a regulación do canon de xestión dos abastecementos como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de taxa.
  2. O canon de xestión dos abastecementos aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles supostos nos cales Augas de Galicia actúe como entidade prestadora de servizos.
  3. O canon de xestión dos abastecementos será aplicable desde o inicio da prestación efectiva do servizo.
  4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderá actualizar os tipos de gravame do canon de xestión dos abastecementos, así como realizar calquera outra modificación na regulación legal do tributo.

No suposto de que o sistema de abastecemento inclúa un encoro suxeito á taxa por servizos profesionais, tarifa 68, establecida pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na actualización dos tipos de gravame do canon de xestión do abastecemento non se terá en consideración o custo asociado á explotación, á conservación e ao mantemento do encoro.

Artigo 73. Afectación do produto do canon de xestión dos abastecementos

O produto do canon de xestión dos abastecementos será destinado ao financiamento dos gastos de explotación, conservación, mantemento e mellora das infraestruturas de abastecemento que xestione Augas de Galicia.

Artigo 74. Competencias en canto á aplicación do canon de xestión dos abastecementos

  1. A xestión, a inspección, a recadación en período voluntario e o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderán a Augas de Galicia.
  2. A recadación na vía de constrinximento, coa inclusión da concesión de aprazamentos e fraccionamentos do pagamento en período executivo, corresponderá ao órgano ou á entidade que desempeñe as competencias xerais en materia de aplicación dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. O coñecemento das reclamacións interpostas contra os actos ditados en aplicación do canon do abastecemento corresponderá aos órganos económico-administrativos da Xunta de Galicia.
  4. A potestade sancionadora exercerase consonte o previsto no título IV da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Sección 2ª. Elementos do tributo

Artigo 75. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible do canon de xestión dos abastecementos a prestación do servizo de subministración en alta de auga por Augas de Galicia, por si mesma ou mediante calquera das formas previstas na normativa vixente para a xestión do servizo público.

Artigo 76. Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos a título de persoas contribuíntes as entidades locais beneficiarias da prestación do servizo, que deberán repercutir o seu importe entre os abonados ao seu servizo de abastecemento en baixa.

Artigo 77. Base impoñible

Constitúe a base impoñible o volume real de auga subministrado ás entidades locais, medido polo contador instalado, expresado en metros cúbicos.

Artigo 78. Cota do canon de xestión dos abastecementos

  1. A cota do canon de xestión dos abastecementos resultará da adición dunha parte fixa e unha parte variable.
  2. A parte fixa da cota determinarase en función do diámetro do contador de auga ou caudalímetro, para cada un dos puntos nos que Augas de Galicia subministre auga en cada concello, dividindo o cadrado dese diámetro, expresado en milímetros, entre o quíntuplo do número de períodos de liquidación anuais que se establezan.
  3. A parte variable será o resultado da multiplicación da base impoñible constituída polo volume subministrado ás entidades locais, en cada un dos distintos puntos de subministración de auga, polo tipo de gravame establecido no artigo seguinte.

Artigo 79. Tipo de gravame

O tipo de gravame do canon de xestión dos abastecementos será de 0,2 €/m3.

Artigo 80. Devindicación

A devindicación producirase no momento en que se realice a subministración de auga ás entidades locais.

Artigo 81. Liquidación

  1. Augas de Galicia liquidará con periodicidade cuadrimestral o canon de xestión dos abastecementos ás entidades locais en relación co volume subministrado en cada punto de subministración no cuadrimestre natural.
  2. No caso de substitución do contador dentro do período de facturación, ratearase a parte fixa da cota en función do tempo de lectura de cada contador dentro do período de liquidación.

Disposición adicional primeira. Declaración de interese público excepcional da xestión de determinadas infraestruturas vinculadas ao ciclo integral da auga

  1. Considérase que resulta de interese público excepcional a xestión por Augas de Galicia das seguintes infraestruturas de carácter supramunicipal:
  2. a) Estación depuradora de augas residuais e emisario submarino dos Praceres, a través da que se presta o servizo de depuración ás seguintes entidades locais responsables do servizo: Concello de Pontevedra, Concello de Marín e Concello de Poio.
  3. b) Sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, a través do cal se subministra auga ás seguintes entidades locais responsables do servizo: Concello de Padrón, Concello de Valga, Concello de Catoira, Concello de Dodro, Concello da Pobra do Caramiñal, Concello de Ribeira, Concello de Pontecesures, Concello de Boiro, Concello de Rianxo e Concello de Vilagarcía de Arousa.
  4. A xestión das infraestruturas indicadas na alínea anterior dará lugar á aplicación, segundo sexa o caso, do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión dos abastecementos establecidos no título III desta lei desde a súa entrada en vigor.

Disposición adicional segunda. Acreditación do número de persoas, familia numerosa e riscos de exclusión social

  1. Para os efectos da aplicación do canon de xestión das depuradoras e do canon de xestión das redes de colectores, estarán exentos por risco de exclusión social os suxeitos pasivos que o estean por este motivo no canon da auga á entrada en vigor desta lei. Ademais, para os efectos da aplicación destes canons, entenderase acreditado o mesmo número de persoas que habitan na vivenda que o que se teña acreditado para os efectos do canon da auga no momento da entrada en vigor desta lei, así como a condición de familia numerosa para a aplicación da dedución da cota, se esta é aplicable en relación co canon da auga no momento da entrada en vigor desta lei.
  2. No suposto da asunción por parte de Augas de Galicia da xestión das instalacións de depuración ou das redes de colectores con posterioridade á entrada en vigor desta lei, para os efectos do canon de xestión das depuradoras e de xestión dos colectores, respectivamente, estarán exentos por risco de exclusión social os suxeitos pasivos que o estean por este motivo no canon da auga na data en que se produza a dita asunción. Ademais, para os efectos da aplicación destes canons, segundo sexa o caso, entenderase acreditado o mesmo número de persoas que habitan na vivenda que o que fose acreditado para os efectos do canon da auga na data en que se produza a dita asunción, así como a condición de familia numerosa para a aplicación da dedución da cota, se esta é aplicable en relación co canon da auga na data da asunción.

Disposición adicional terceira. Aplicación na modalidade de carga contaminante do canon de xestión das depuradoras

  1. Os contribuíntes con captacións propias que no momento da entrada en vigor desta lei teñan determinada mediante unha resolución a base impoñible no coeficiente de vertedura, esta base impoñible será aplicable no canon de xestión das depuradoras.
  2. As persoas contribuíntes que no momento da entrada en vigor desta lei estean tributando na modalidade de carga contaminante no coeficiente de vertedura seguirán tributando nesta modalidade no canon de xestión das depuradoras. Para tal efecto, o tipo de gravame especial, a base impoñible e, se é o caso, os coeficientes correctores alí determinados serán aplicables no canon de xestión das depuradoras.
  3. No suposto da asunción de depuradoras ou de redes de colectores con posterioridade á entrada en vigor desta lei, as persoas contribuíntes con captacións propias que, na data do inicio efectivo da prestación do correspondente servizo por Augas de Galicia, teñan determinada mediante unha resolución a base impoñible no canon da auga, esta base impoñible será aplicable no canon de xestión das depuradoras e no canon de xestión das redes de colectores, respectivamente.
  4. No suposto da asunción de instalacións de depuración con posterioridade á entrada en vigor desta lei, as persoas contribuíntes que na data en que teña lugar o inicio efectivo da prestación por Augas de Galicia como entidade prestadora dos servizos estean tributando na modalidade de carga contaminante no canon da auga tributarán nesta modalidade no canon de xestión das depuradoras. Para tal efecto, para a determinación do canon de xestión das depuradoras nesta modalidade deberanse tomar como referencia a base impoñible determinada na resolución do canon da auga, así como as concentracións contaminantes vertidas tomadas como base na resolución vixente do canon da auga e, de ser o caso, os coeficientes correctores que sexan aplicables.

Disposición adicional cuarta. Outras entidades

As referencias ás entidades locais que se realizan no relativo ao volume mensual ordinario e aos puntos de control para os efectos de liquidar o canon de xestión das depuradoras e o canon de xestión das redes de colectores deben entenderse referidas a outras entidades públicas ás que se lles preste o servizo de depuración e colectores, respectivamente.

Disposición transitoria primeira. Réxime establecido para as infraestruturas de saneamento e de depuración que á entrada en vigor desta lei estean a ser xestionadas pola entidade pública Augas de Galicia

  1. As infraestruturas de depuración de titularidade municipal que, no momento de entrada en vigor desta lei, están a ser xestionadas por Augas de Galicia son as sinaladas no número 1º do anexo I. Co fin de adaptar esta xestión ao estipulado nesta lei, establécese o seguinte réxime:
  2. a) No caso de que a xestión das referidas infraestruturas estea regulada a través dun convenio de colaboración, as partes deberán proceder á súa actualización no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, co obxecto de establecer o volume de depuración mensual ordinario para os efectos da aplicación do canon de xestión das depuradoras establecido no artigo 29 e seguintes, así como de adaptar o resto do seu contido ao réxime disposto nesta lei.

De non se producir a actualización no prazo establecido no parágrafo anterior, e logo de transcorrer, como máximo, un ano adicional, Augas de Galicia poñerá as infraestruturas de depuración á disposición das administracións públicas titulares e responsables da prestación do servizo, para os efectos de que estas asuman a súa xestión e presten o servizo de depuración correspondente, ben que as ditas administracións públicas poderán reclamar a posta á disposición das infraestruturas con anterioridade ao citado prazo.

No caso en que as infraestruturas sexan postas á disposición das administracións responsables da prestación do servizo de subministración en alta con anterioridade ao remate da vixencia dos contratos formalizados por Augas de Galicia, agás acordo en contrario, estas administracións subrogaranse nos ditos contratos nos termos que especificamente se acorden.

  1. b) No caso de que a xestión destas infraestruturas non estea regulada a través dun convenio de colaboración, esas infraestruturas serán postas á disposición das administracións públicas titulares e responsables do servizo para a súa xestión nun prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, ben que as ditas administracións públicas poderán reclamar a posta á disposición das infraestruturas con anterioridade ao citado prazo.

Malia o anterior, aquelas administracións públicas que opten voluntariamente pola continuidade da xestión das instalacións de depuración por parte de Augas de Galicia dispoñerán dun prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei para subscribir un convenio de colaboración consonte o disposto nos artigos 22 e 26.

  1. As infraestruturas de depuración que, no momento de entrada en vigor desta lei, están a ser xestionadas por Augas de Galicia a través de contratos de concesión de obra pública son as sinaladas no número 2º do anexo I.

Estas infraestruturas serán postas á disposición das administracións públicas responsables do servizo á finalización da vixencia dos contratos de concesión.

Malia o anterior, as administracións públicas responsables do servizo poderán optar voluntariamente pola continuidade da xestión destas instalacións de depuración por parte de Augas de Galicia unha vez finalizada a vixencia dos contratos de concesión de obra pública, para o que será requisito indispensable a subscrición, con anterioridade ao último ano de vixencia dos ditos contratos de concesión, dun convenio de colaboración consonte o disposto nos artigos 22 e 26.

En calquera caso, as administracións públicas responsables do servizo poderán reclamar a posta á disposición das infraestruturas de depuración en calquera momento con anterioridade ao remate da vixencia dos contratos de concesión de obra pública, o que implicará, agás acordo en contrario, a súa subrogación nos ditos contratos nos termos que especificamente se acorden.

  1. Nos supostos indicados nas dúas alíneas anteriores, durante o tempo que transcorra ata a formalización dos convenios ou das actualizacións reguladas ou, de estas non se produciren, ata a data do inicio da prestación efectiva do servizo de depuración por parte das administracións públicas responsables, e que non poderá ser superior ao prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei ou, se é o caso, superior á vixencia dos contratos de concesión de obra pública, será aplicable o canon de xestión das depuradoras establecido nos artigos 29 e seguintes, de acordo co disposto na alínea 5 desta disposición.

De non se producir a formalización dos convenios ou das actualizacións reguladas nas alíneas anteriores e no excepcional suposto de que, transcorrido o prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor da lei ou superado o prazo de vixencia dos contratos de concesión de obra pública, non se produza a asunción das infraestruturas e a prestación efectiva do servizo por parte das administracións públicas responsables, Augas de Galicia realizará as actuacións necesarias para garantir a continuidade do servizo de depuración, para o que resulta aplicable o réxime excepcional establecido nos artigos 27.6 e 33 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e nas súas normas regulamentarias de desenvolvemento.

Nestes casos, e tralos trámites pertinentes, repercutiranse nas administracións públicas responsables do servizo os custos en que, efectivamente, incorra Augas de Galicia con motivo desta asunción excepcional.

  1. No suposto de que non se produza a asunción das infraestruturas e a prestación efectiva do servizo por parte das administracións públicas responsables, tras transcorrer o prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor da lei sen que se formalizase o convenio ou tras superar o prazo de vixencia dos contratos de concesión de obra pública sen que se levasen a cabo as actualizacións reguladas nas alíneas anteriores, Augas de Galicia realizará as actuacións necesarias para garantir a continuidade do servizo de depuración, para o que resulta aplicable o réxime establecido nos artigos 27.6 e 33 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e nas súas normas regulamentarias de desenvolvemento.

Os custos en que, efectivamente, incorra Augas de Galicia derivados das actuacións que se leven a cabo en garantía da continuidade do servizo, tralos trámites pertinentes, repercutiranse nas administracións públicas responsables do servizo.

  1. Desde a entrada en vigor desta lei e ata que non se establezan os volumes de depuración mensuais ordinarios correspondentes, para aquelas instalacións de depuración nas que Augas de Galicia actúe como entidade prestadora dos servizos, serán aplicables os volumes indicados no anexo II.

No suposto de que a través das instalacións de depuración Augas de Galicia preste o servizo de depuración a máis dunha entidade local responsable del, a base liquidable correspondente aos usos urbanos distribuirase entre cada unha desas entidades consonte o disposto nos artigos 39 e 40.

  1. Desde a entrada en vigor desta lei e ata que non se establezan os puntos de control ou, estando estes establecidos, non existan contadores en todos estes puntos, procederase a cuantificar a cota do canon de xestión das depuradoras de acordo co establecido no artigo 47 desta lei, para o que a base liquidable da depuradora será a determinada nas respectivas alíneas 1 dos artigos 39 e 40. A cota así determinada distribuirase entre as distintas entidades locais proporcionalmente ao volume mensual ordinario aplicable a cada unha das entidades locais no período de liquidación.

Mentres o dito volume mensual ordinario non estea fixado para todas as entidades locais anteditas, a distribución realizarase proporcionalmente ao número de usuarios domésticos computables en cada entidade local. Considéranse usuarios domésticos computables en cada unha das entidades locais referidas os situados no seu ámbito territorial; no caso de que existan usuarios domésticos situados fóra do ámbito territorial do conxunto desas entidades locais, estes compútanse con aquela á que aflúan as súas augas residuais. Para tal efecto, cada uso asimilado a doméstico reputará como dous usuarios domésticos e os usos non domésticos como cincuenta e seis usuarios domésticos. O canon de xestión das depuradoras así liquidado será regularizado de acordo co establecido no parágrafo anterior unha vez que se estableza o volume mensual ordinario de cada entidade local.

Disposición transitoria segunda. Réxime establecido para as infraestruturas de abastecemento que á entrada en vigor desta lei estean a ser xestionadas pola entidade pública Augas de Galicia

  1. Co fin de adaptar ao estipulado nesta lei a xestión das infraestruturas de abastecemento que, no seu momento de entrada en vigor, estean a ser xestionadas por Augas de Galicia e non se declarasen de interese público excepcional, establécese o seguinte réxime:
  2. a) No caso de que a xestión das referidas infraestruturas estea regulada a través dun convenio de colaboración, as partes deberán proceder á súa actualización no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, co obxecto de adaptar o seu contido ao réxime disposto nesta lei.

De non se producir a actualización no prazo establecido no parágrafo anterior, e transcorrido, como máximo, un ano adicional, Augas de Galicia poñerá estas infraestruturas á disposición das administracións responsables da prestación do servizo de subministración en alta de auga, para os efectos de que estas asuman a súa xestión e presten o servizo correspondente, ben que as ditas administracións públicas poderán reclamar a posta á disposición das infraestruturas con anterioridade ao citado prazo.

No caso en que as infraestruturas sexan postas á disposición das administracións responsables da prestación do servizo de subministración en alta con anterioridade ao remate da vixencia dos contratos formalizados por Augas de Galicia, agás acordo en contrario, estas administracións subrogaranse nos ditos contratos nos termos que especificamente se acorden.

  1. b) No caso de que a xestión destas infraestruturas non estea regulada a través dun convenio de colaboración, esas infraestruturas serán postas á disposición das administracións públicas responsables do servizo de subministración en alta de auga para a súa xestión nun prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta lei, ben que as ditas administracións públicas poderán reclamar a posta á disposición das infraestruturas con anterioridade ao citado prazo.

Malia o anterior, aquelas administracións públicas que opten voluntariamente pola continuidade da xestión das instalacións de abastecemento por parte de Augas de Galicia dispoñerán dun prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei para subscribir un convenio de colaboración consonte o disposto nos artigos 22 e 26.

  1. Nos supostos indicados na alínea anterior, durante o tempo que transcorra ata a formalización dos convenios ou das actualizacións reguladas ou, de estas non se produciren, ata a data do inicio da prestación efectiva do servizo de subministración en alta de auga por parte das administracións públicas responsables, será aplicable o canon de xestión dos abastecementos establecido nos artigos 72 e seguintes.
  2. No suposto de que non se produza a asunción das infraestruturas e a prestación efectiva do servizo por parte das administracións públicas responsables, tras transcorrer o prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor da lei sen que se formalizase o convenio ou tras superar o prazo de vixencia dos contratos de concesión de obra pública sen que se levasen a cabo as actualizacións reguladas nas alíneas anteriores, Augas de Galicia realizará as actuacións necesarias para garantir a continuidade do servizo de subministración en alta de auga, para o que resulta aplicable o réxime establecido nos artigos 27.6 e 33 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e nas súas normas regulamentarias de desenvolvemento.

Os custos en que, efectivamente, incorra Augas de Galicia derivados das actuacións que se leven a cabo en garantía da continuidade do servizo, tralos trámites pertinentes, repercutiranse nas administracións públicas responsables do servizo.

Disposición transitoria terceira. Xestión do coeficiente de vertedura

  1. Augas de Galicia seguirá determinando e exixindo o coeficiente de vertedura non prescrito, do que os expedientes de xestión, liquidación e recadación se tramitarán de conformidade co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, ata a total extinción das débedas correspondentes.
  2. As entidades subministradoras e as entidades prestadoras do servizo de sumidoiros están obrigadas a repercutir e exixir o coeficiente de vertedura aos seus abonados nas facturas de auga que lles emitan correspondentes a consumos realizados con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei. Así mesmo, están obrigadas a repercutir o coeficiente de vertedura ás subministracións non facturadas reguladas no artigo 63 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Así mesmo, están obrigadas a presentar os modelos a que se refire o citado artigo da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, nos prazos alí sinalados, mentres existan importes de coeficiente de vertedura facturados ou percibidos.

  1. As infraccións por incumprimento das obrigas de repercutir ou a repercusión incorrecta do coeficiente de vertedura por consumos realizados con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei serán sancionables de acordo co réxime sancionador establecido nos artigos 71 ao 74 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Disposición transitoria cuarta. Aplicación da normativa relativa ao coeficiente de vertedura

  1. En tanto que o Consello da Xunta de Galicia non faga uso das facultades regulamentarias que lle outorga esta lei aplicarase, no relativo ao canon de xestión das depuradoras e ao canon de xestión das redes de colectores, a regulación establecida para o coeficiente de vertedura polo Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, en todo o que non se opoña a esta lei, así como a Orde do 26 de xuño de 2012 pola que se aproban os modelos de declaración e autoliquidación do canon da auga e do coeficiente de vertedura creados pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Para tal efecto, as referencias ao coeficiente de vertedura nas citadas normas débense entender referidas, segundo corresponda, ao canon de xestión das depuradoras e ao canon de xestión das redes de colectores.
  2. Para a determinación nos usos urbanos do canon da xestión das depuradoras e do canon de xestión dos colectores, e mentres non se dite o regulamento a que se fai referencia na alínea anterior, a toma de mostras e a medición do volume no punto ou nos puntos de control realizarase de acordo co que para tal fin se estableza no convenio de colaboración a que fai referencia o artigo 26.

Porén, durante o período a que fai referencia o primeiro parágrafo da alínea 3 da disposición transitoria primeira, Augas de Galicia procederá a levar a cabo os controis de volumes e á realización das tomas de mostra no punto ou nos puntos de control ou, no caso de non estaren determinados, na entrada á depuradora co obxecto de determinar o canon de xestión de depuradoras nos usos urbanos da auga. No caso de que sexa realizada máis dunha toma de mostra mensual, o valor que se considerará para os efectos de determinar o coeficiente de contaminación establecido no artigo 47 será o valor medio para cada parámetro analizado, considerándose como valor cero aqueles resultados que estean por debaixo do límite de detección.

  1. Augas de Galicia liquidará con carácter cuadrimestral o canon de xestión das depuradoras cando no correspondente cuadrimestre o volume mensual contabilizado na entrada da depuradora sexa superior ao volume mensual ordinario da dita depuradora ou cando a concentración mensual dalgún dos parámetros analizados na entrada da depuradora sexa superior á concentración base establecida no artigo 47. Neste suposto, a base liquidable cuadrimestral para cada unha das partes variables da cota do canon ás que se fai referencia na alínea 1 do artigo 47 será a suma das bases liquidables mensuais, determinadas de acordo co sinalado nos artigos 39 e 40, nas cales se produza o exceso de volume ou concentración indicado, segundo corresponda.
  2. Augas de Galicia liquidará con carácter cuadrimestral o canon de xestión das redes de colectores cando no correspondente cuadrimestre o volume mensual contabilizado na entrada das instalacións de depuración sexa superior ao volume mensual ordinario. Neste suposto, a base liquidable cuadrimestral será a suma das bases liquidables mensuais, determinadas de acordo co sinalado no artigo 57, nas cales se produza o exceso de volume.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Queda derrogado o capítulo III do título IV da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.
  2. Tamén quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Modifícanse os números 41 e 45 e engádese un novo número 32 bis e outro 44 bis ao artigo 2, que quedan redactados do seguinte xeito:

«32 bis. Redes de abastecemento: o conxunto das redes básicas de abastecemento e as redes de subministración, entendendo por estas últimas as instalacións afectadas ao abastecemento de auga en baixa».

«41. Usos da auga: as distintas clases de utilización do recurso, así como calquera outra actividade que teña repercusións significativas no estado das augas, incluídas as perdas de auga en redes de abastecemento. Para os efectos da aplicación do principio de recuperación dos custos, os usos da auga deberán considerar, cando menos, o consumo para uso doméstico, os usos non domésticos, os usos agrarios e as perdas de auga en redes de abastecemento».

«44 bis. Perdas de auga nas redes de abastecemento e subministración: os usos da auga determinados polo volume de auga que, incorporado a unha rede de abastecemento coa finalidade de serlles subministrado ás persoas usuarias finais, nin chega a ser consumida por estes usuarios finais nin pola propia entidade subministradora, senón que se perde ao longo da rede de abastecemento, distribución e subministración».

«45. Persoas usuarias da auga: son persoas usuarias da auga as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que usen ou consuman auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación. Para estes efectos, enténdese que é usuario da auga:

  1. a) No suposto de abastecemento de auga por unha entidade subministradora, a persoa titular do contrato de subministración.
  2. b) As comunidades de usuarios que estean legalmente constituídas.
  3. c) No suposto de perdas de auga nas redes de abastecemento, as persoas titulares das ditas redes, sexan ou non entidades subministradoras.
  4. d) No resto dos casos, quen adquira a auga ou realice o uso dela para o seu consumo directo ou quen figure como persoa titular do aproveitamento desde o que se realiza a captación da auga inscrito no Rexistro de Augas e, en defecto de autorización, concesión ou inscrición, a persoa titular da instalación desde a que se realice a captación, así como tamén as persoas titulares das instalacións desde as que se realicen as verteduras».

Dous. Modifícase a alínea 1 do artigo 28, que queda redactada como segue:

«Decláranse de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos en que regulamentariamente se determine, as obras incluídas expresamente coa dita cualificación no Plan xeral galego de abastecemento e no Plan xeral galego de saneamento, aos que se refire o artigo 34 desta lei, así como as incluídas coa dita cualificación no Plan hidrolóxico para a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, ao que se refire o artigo 75 desta mesma lei».

Tres. Modifícase a alínea 3 do artigo 40, que ten a seguinte redacción:

«3. A normativa de aplicación ao canon da auga creado por esta lei vén constituída por esta lei e as súas normas de desenvolvemento, pola Lei xeral tributaria e as súas normas de desenvolvemento, así como polo Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia».

Catro. Suprímese a alínea 2 do artigo 41 e as alíneas 3 e 4 pasan a ser as 2 e 3, respectivamente.

Cinco. Modifícase a alínea 1 do artigo 45, que ten a seguinte redacción:

«1. Constitúe o feito impoñible do canon da auga o uso ou o consumo real ou potencial de auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación, incluso non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir, considerándose incluída dentro desta afección a incorporación de contaminantes nas augas, así como a perda de auga nas redes de abastecemento, e sen prexuízo dos supostos de non-suxeición e exención previstos no artigo 47. Para estes efectos, enténdese por redes de abastecemento o conxunto de actividades que comprenden os servizos indicados nas alíneas 16.a) e 16.b) do artigo 2».

Seis. Modifícase as alíneas 1 e 4 e mais engádese unha nova alínea 5 ao artigo 46, que teñen a seguinte redacción:

«1. Son suxeitos pasivos a título de persoas contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que usen ou consuman real ou potencialmente a auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación, mesmo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir, incluída a incorporación de contaminantes nas augas e a perda de auga nas redes de abastecemento».

«4. No suposto de perdas de auga en redes de abastecemento, terán a condición de suxeito pasivo a título de persoa contribuínte as persoas físicas e xurídicas titulares das ditas redes, sexan ou non entidades subministradoras».

«5. Son persoas responsables solidarias:

– No caso de vivendas, a persoa titular do contrato de subministración, no caso de non ser contribuínte, e a propietaria da vivenda.

– No caso de captacións propias, as persoas titulares dos aproveitamentos, no caso de non seren contribuíntes, e as titulares das instalacións mediante as cales ou desde as cales se produzan as captacións ou realicen as verteduras contaminantes.

– No caso de utilización da auga por parte das persoas comuneiras que pertenzan a unha comunidade de usuarios legalmente constituída, a comunidade de usuarios.

– No caso de perdas en redes de abastecemento, a entidade subministradora, no caso de non ser contribuínte».

Sete. Modifícanse as alíneas 1 e 2 do artigo 48, que quedan redactadas do seguinte xeito:

«1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos, agás no relativo ás perdas de auga en redes de abastecemento, onde a base impoñible virá referida ao ano natural.

Non obstante, nos seguintes supostos a base impoñible virá constituída do seguinte xeito:

  1. a) No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores homologados de caudal de vertedura, na modalidade de carga contaminante poderá considerarse como base impoñible á que se aplique o tipo de gravame especial o volume de vertedura, nas condicións que se determinen regulamentariamente.
  2. b) Nos usos da auga destinados á produción hidroeléctrica mediante o turbinado directo de auga, a base impoñible do canon da auga virá constituída polos kWh producidos.
  3. c) Nas instalacións hidroeléctricas de bombeo, a base impoñible virá determinada polo volume de auga bombeado desde o dominio público hidráulico cara aos encoros».

«2. A determinación da base impoñible realizarase, con carácter xeral, en réxime de estimación directa, mediante uns contadores homologados. Para estes efectos, os usuarios están obrigados a instalar e manter pola súa conta un mecanismo de medición directa da auga efectivamente usada ou consumida.

Así mesmo, as persoas titulares das redes de abastecemento deben dispoñer de contadores homologados de medición do consumo de auga en todos os puntos de captación ou de subministración en alta e nos puntos de subministración final en alta ou en baixa, factúrese ou non a auga, incluídos os consumos propios da entidade subministradora de auga, entre os cales se engloban, entre outros, os consumos vinculados a usos non suxeitos ao canon da auga ou exentos do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 47. No suposto de existir puntos de subministración sen contador instalado, ese volume reputarase como perdas para os efectos de determinar a base impoñible do canon da auga».

Oito. Engádese unha nova alínea 3 ao artigo 49, que queda redactada do seguinte xeito:

«3. No caso de perdas de auga en redes de abastecemento, o volume será a diferenza entre o volume captado ou subministrado en alta e o volume de auga subministrado en alta ou en baixa, sexa ou non obxecto de facturación, incluídos os consumos propios da entidade subministradora, medidos ambos os volumes por contador, expresado en metros cúbicos. O volume anual así determinado entenderase distribuído de xeito lineal ao longo do ano natural».

Nove. Introdúcese un novo parágrafo na alínea 4 do artigo 53, que ten a seguinte redacción:

«Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para as súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e a dita acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon da auga terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal».

Dez. Modifícase a alínea 8 do artigo 56, que ten a seguinte redacción:

«8. Nas verteduras non domésticas efectuadas en zonas que, de acordo coa normativa vixente, fosen declaradas sensibles, os parámetros de contaminación veranse afectados polo seguinte coeficiente de zona sensible (CZS):

Parámetro de contaminación Coeficiente de zona sensible
Nitróxeno total 1,1
Fósforo total 1,1
Resto de parámetros 1

Dentro das zonas sensibles están afectadas por este coeficiente tanto as verteduras realizadas directamente ao dominio público hidráulico e marítimo-terrestre coma as realizadas a sistemas públicos de saneamento».

Once. Suprímese a alínea 6 e modifícase a alínea 5 do artigo 57, que queda coa seguinte redacción:

«5. Os tipos de gravame variables polo uso da auga para a produción hidroeléctrica serán:

  1. a) Para os usos da auga para a produción hidroeléctrica mediante o seu turbinado directo: 0,00041 €/kWh.
  2. b) Nas instalacións hidroeléctricas de bombeo aplicarase 0,000103 €/m3 de auga bombeado desde o dominio público hidráulico cara aos encoros.

Deberanse facturar de forma diferenciada as partes da cota variable derivadas de cada un dos supostos especificados nas alíneas anteriores».

Doce. Engádese un novo artigo 61 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 61 bis. Perdas de auga nas redes de abastecemento

  1. A cota determinarase mediante a aplicación dos seguintes tipos de gravame a cada tramo de porcentaxe que representan as perdas determinadas de acordo co indicado na alínea 3 do artigo 49 en relación co volume total de auga captada ou subministrada en alta.
% Volume de perdas Tipo de gravame
Menor ou igual ao 20 % 0,00 €/m3
Maior do 20 % 0,29 €/m3
  1. A cota do canon determinada consonte o indicado na alínea anterior verase afectada polo coeficiente demográfico seguinte en función da poboación do concello no ano de aplicación:
Poboación (habitantes) Coeficiente demográfico
Menor ou igual a 1.000 0,7
Maior de 1.000 e menor ou igual a 5.000 0,8
Maior de 5.000 e menor ou igual a 20.000 0,9
Maior de 20.000 1 »

Trece. Modifícanse as alíneas 4, 7 e 10 do artigo 63, que teñen a seguinte redacción:

«4. As entidades subministradoras deberanlles aplicar de oficio ás persoas abonadas as correspondentes cotas do canon que en cada momento se encontren vixentes, tanto no que se refire á parte fixa da cota coma á parte variable, agás nos supostos de determinación do canon da auga por carga contaminante, nos que Augas de Galicia lles comunicará as tarifas aplicables.

Esta obriga de repercusión esténdese ás facturas que se emitan como resultado da rectificación ou anulación doutras anteriores, incluso no suposto de que os ditos importes xa fosen autoliquidados ou xustificados como non cobrados de acordo co indicado na alínea 10 deste artigo».

«7. Establécese a obriga das entidades subministradoras de auga de presentaren a autoliquidación durante os meses de xaneiro, maio e setembro, en relación cos respectivos cuadrimestres naturais de cada ano, das cantidades repercutidas ou que se debesen repercutir en concepto de canon da auga, no lugar e na forma que se determinen regulamentariamente. Así mesmo, nestas autoliquidacións deberanse declarar os importes repercutidos e non percibidos para os efectos da exoneración do seu ingreso ou, no suposto de non acompañar a relación a que fai referencia a alínea 10 deste artigo, proceder ao seu ingreso».

«10. A xustificación das cantidades non cobradas a que se refire a alínea anterior realizarase na forma e nos prazos que regulamentariamente se establezan, e nela conterase unha relación individualizada das débedas tributarias repercutidas ás persoas contribuíntes e non satisfeitas por estas.

A presentación desta relación no prazo regulamentariamente establecido exonera as entidades subministradoras de responsabilidade en relación coas débedas tributarias contidas nela, agás que o procedemento recadatorio seguido non fose unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga. De non se presentar a devandita declaración ou de se presentar fóra do prazo establecido, a entidade subministradora virá obrigada ao pagamento dos importes repercutidos e non percibidos. Esta obriga será exixible desde a data en que, de acordo co que se determine regulamentariamente, procedería a súa xustificación como importes non cobrados na autoliquidación.

Logo de se xustificaren os importes repercutidos e non percibidos na forma e no prazo sinalado neste artigo, se durante o período dun ano, contado desde a presentación da relación, a persoa contribuínte pretende efectuar o pagamento da factura ou do recibo en que estea incluído o canon da auga declarado, a entidade subministradora non poderá admitilo de forma incompleta, e quedará obrigada a percibir o importe do canon da auga. Neste caso, o suxeito pasivo substituto deberá declarar e ingresar o importe do canon da auga na forma regulamentariamente establecida.

Así que as entidades subministradoras xustifiquen estas cantidades, exixiráselle o cumprimento directamente ao contribuínte na vía executiva, agás no caso de que da xestión recadatoria seguida pola entidade subministradora non exista constancia da notificación da débeda ao contribuínte, en cuxo caso estas débedas serán notificadas aos contribuíntes por Augas de Galicia para o seu ingreso en período voluntario, antes de pasar, de proceder, á súa exacción na vía executiva.

Esta notificación para o seu ingreso en período voluntario poderase levar a cabo mediante unha publicación colectiva, outorgándose un prazo dun mes natural para que as persoas interesadas se presenten persoalmente perante Augas de Galicia para seren notificados por comparecencia dos importes repercutidos e non aboados, coa advertencia de que, ao transcorrer o mencionado prazo sen efectuarse a comparecencia, a notificación se entenderá producida desde o día seguinte ao do vencemento do prazo sinalado para comparecer».

Catorce. Modifícase a alínea 3 e mais engádense as novas alíneas 4, 5 e 6 ao artigo 65, que teñen a seguinte redacción:

«3. Todas as persoas titulares e usuarias de aproveitamentos de augas procedentes de captacións superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra procedencia suxeitos ao canon da auga, agás no caso dos usos domésticos, están obrigadas a presentar unha declaración perante Augas de Galicia na forma, no lugar e nos prazos e mediante os modelos e consonte as instrucións que estableza a consellaría con competencias en materia de xestión destes canons. Esta obriga esténdese ás persoas abonadas das entidades subministradoras de auga cando así sexan expresamente requiridas por Augas de Galicia para a súa presentación».

«4. As persoas titulares das redes de abastecemento veñen obrigadas a declarar dentro dos tres primeiros meses de cada ano natural o volume total captado ou procedente da subministración en alta e o volume total subministrado no ano natural inmediato anterior, incluídos os consumos propios, no lugar e na forma e segundo os modelos e de conformidade coas instrucións que se aproben regulamentariamente. Augas de Galicia liquidará o canon da auga pola modalidade de perdas de auga nas redes de abastecemento aos suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes consonte a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e as súas normas de desenvolvemento».

«5. As declaracións e as autoliquidacións do canon da auga deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos.

As ditas presentacións deberanse realizar cubrindo os formularios electrónicos dos correspondentes modelos de declaración e autoliquidación na sede electrónica da Xunta de Galicia mediante a súa tramitación en liña. Durante a súa tramitación en liña deberanse axuntar os arquivos informáticos que, se é o caso, se establezan regulamentariamente.

No caso de que se presente a declaración ou a autoliquidación presencialmente ou esta se presente electronicamente, pero sen cubrir o formulario na sede, considerarase como non presentada, sen prexuízo da apertura, se é o caso, do correspondente expediente sancionador de concorrer o establecido no artigo 199 da Lei xeral tributaria.

Regulamentariamente poderase establecer a obriga de presentar os diferentes arquivos informáticos que deben acompañar estas autoliquidacións mediante as plataformas web que se establezan».

«6. A consellaría competente para a aplicación do canon da auga poderá dispoñer que as declaracións e as autoliquidacións del se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben».

Quince. Modifícase o artigo 72, que ten a seguinte redacción:

«Artigo 72. Infracción tributaria por incumprir a obriga de repercutir o canon da auga na factura da auga

  1. Constitúe unha infracción tributaria incumprir a obriga de repercutir o canon da auga nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos. Neste suposto inclúese o incumprimento da obriga de liquidar o canon da auga nas subministracións non facturadas ás persoas abonadas, mesmo os consumos propios das entidades subministradoras, nos termos que regulamentariamente se determinen, así como o incumprimento da prohibición da súa repercusión de forma separada da factura ou do recibo que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos.
  2. A infracción tributaria será leve cando o importe non repercutido, ou repercutido de forma separada, do canon da auga sexa inferior ou igual a 3.000 euros ou, sendo superior, o número de recibos de auga emitidos sen incluír o canon da auga sexa inferior ou igual a 10.
  3. A infracción tributaria será grave cando o importe non repercutido, ou repercutido de forma separada, do canon da auga sexa superior a 3.000 euros.
  4. A base da sanción será o canon da auga non repercutido, ou repercutido de forma separada, como resultado da comisión da infracción.
  5. A sanción por unha infracción leve consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do 25 % da base.
  6. A sanción por unha infracción grave consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do 40 % da base.
  7. A sanción por unha infracción grave graduarase incrementando a porcentaxe indicada na alínea anterior conforme os criterios de comisión repetida de infraccións tributarias e de prexuízo económico para a facenda pública, cos incrementos porcentuais previstos para cada caso nas letras a) e b) da alínea 1 do artigo 187 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria».

Dezaseis. Modifícase o artigo 73, que ten a seguinte redacción:

«Artigo 73. Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon da auga con prexuízo económico para a facenda pública

  1. Constitúe unha infracción tributaria repercutir incorrectamente o canon da auga nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, ou repercutilo en documento separado, cando desta repercusión incorrecta se produza ou poida producirse un prexuízo económico para a facenda pública.
  2. A base da sanción será a diferenza entre o canon da auga repercutido e o que procedía repercutir.
  3. A cualificación da sanción como leve ou grave, así como a determinación da súa sanción, realizarase consonte o establecido nas alíneas 2 á 7 do artigo anterior».

Dezasete. Modifícase o artigo 74, que ten a seguinte redacción:

«Artigo 74. Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon da auga sen prexuízo económico para a facenda pública

  1. Constitúe unha infracción tributaria leve repercutir incorrectamente o canon da auga nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, cando desta repercusión incorrecta non se produza ou non poida producirse un prexuízo económico para a facenda pública.
  2. A base da sanción será a diferenza entre o canon da auga repercutido e o que procedía repercutir.
  3. A sanción consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do 10 % da base».

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

  1. Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta lei.
  2. Para os efectos da habilitación establecida na alínea anterior, considéranse obxecto de norma regulamentaria as disposicións contidas nesta lei en relación co lugar, a forma e os prazos de presentación das declaracións e das autoliquidacións do canon de xestión das depuradoras, do canon de xestión das redes de colectores e do canon de xestión do abastecemento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

  1. Esta lei entrará en vigor o día 1 do mes natural seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
  2. Os usos da auga polas perdas de auga nas redes de abastecemento non serán obxecto de gravame ata o 1 de xaneiro de 2023.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

ANEXO I

1º) Depuradoras de titularidade municipal que no momento de entrada en vigor desta lei están a ser xestionadas por Augas de Galicia:

Infraestruturas de depuración Entidades locais titulares das infraestruturas para os efectos do disposto nesta lei e responsables do servizo de depuración
Edar da illa de Arousa Concello da Illa de Arousa
Edar de Alfoz-O Valadouro Concello de Alfoz e Concello do Valadouro
Edar de Arcade Concello de Soutomaior, Concello de Vilaboa e Concello de Pontevedra
Edar de Comboa Concello de Soutomaior
Edar de Dena Concello de Meaño
Edar de Gondomar Concello de Gondomar
Edar de Nigrán Concello de Nigrán
Edar de Ortigueira Concello de Ortigueira
Edar da Pobra do Caramiñal Concello da Pobra do Caramiñal
Edar de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas
Edar de Ribadumia Concello de Ribadumia
Edar de Riomaior Concello de Vilaboa
Edar de Tomiño Concello de Tomiño
Edar de Tragove Concello de Cambados e Concello de Vilanova de Arousa

2º) Depuradoras que no momento de entrada en vigor desta lei están a ser xestionadas por Augas de Galicia a través de contratos de concesión de obra pública:

Infraestruturas de depuración Entidades locais responsables do servizo de depuración
Edar de punta Avarenta Concello de Ares, Concello de Fene e Concello de Mugardos
Edar de Baiona Concello de Baiona
Edar de Camariñas Concello de Camariñas
Edar de Cariño Concello de Cariño
Edar de Cedeira Concello de Cedeira
Edar de Esteiro Concello de Muros
Edar de Laxe Concello de Laxe
Edar de Melide Concello de Melide
Edar de Moraña Concello de Moraña
Edar de Muros Concello de Muros
Edar da Ponte do Porto Concello de Camariñas
Edar de Porto do Son Concello de Porto do Son
Edar de Ribadeo Concello de Ribadeo

ANEXO II

Volumes de depuración mensuais ordinarios de referencia:

Infraestruturas de depuración Volumes de depuración mensuais ordinarios de referencia
m3/mes
Edar da illa de Arousa 58.377,00
Edar de Alfoz-O Valadouro 14.938,00
Edar de Arcade 87.803,00
Edar de Baiona 192.488,00
Edar de Camariñas 28.978,00
Edar de Cariño 41.084,00
Edar de Cedeira 65.536,00
Edar de Comboa 19.196,00
Edar de Dena 179.349,00
Edar de Esteiro 25.730,00
Edar de Gondomar 198.251,00
Edar de Laxe 24.514,00
Edar de Melide 71.892,00
Edar de Moraña 14.494,00
Edar de Muros 65.942,00
Edar de Nigrán 271.288,00
Edar de Ortigueira 26.305,00
Edar dos Praceres 1.805.045,00
Edar da Pobra do Caramiñal 147.949,00
Edar de Ponte Caldelas 13.910,00
Edar da Ponte do Porto 7.693,00
Edar de Porto do Son 50.451,00
Edar de punta Avarenta 296.636,00
Edar de Ribadeo 104.112,00
Edar de Ribadumia 144.902,00
Edar de Riomaior 32.556,00
Edar de Tomiño 75.105,00
Edar de Tragove 268.521,00