Registro de montes en GALICIA

,

DECRETO 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

El texto de estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:                                                                         >

I

Os montes de titularidade privada en Galicia, en réxime de copropiedade ou de comunidade de bens, poden ter a natureza de comunidades en man común (comunidades xermánicas) ou de comunidade por cotas (comunidade romana). Os de este último tipo, montes en réxime de copropiedade pro indiviso, reciben o nome de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, en función de diversas variedades lingüísticas, nas distintas comarcas do territorio da Comunidade Autónoma.

A denominación de montes «abertos» ou «abertais» deriva de que non están pechados, non se delimitaban con peches perimetrais artificiais (paredes, sebes, valos de arame, paus, terróns ou doutros materiais).

A denominación de montes «de fabeo», en referencia á parte do monte que se adxudicaba en aproveitamento ou cultivo exclusivo temporal polas «sortes» ou «senaras».

A denominación de montes «de varas» ou «de varadío» obedece a que a repartición se facía en función da cota que unha das «casas» de cada unha das persoas comuneiras ou copropietarias, no sentido do artigo 64 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, adxudicando unha parte do monte de forma alongada chamada «vara».

A denominación de montes «de voces», «de vocerío», ou de «bocería», porque as normas de repartición e de aproveitamento son de opinión do conxunto das persoas copropietarias, identificados polos nomes das «casas» de cada un deles («voces»). Esa última denominación remite a «voz», como cota ou parte do bravo e manso dunha aldea.

Á diferenza dos montes veciñais en man común, os de varas, abertais, de voces ou de fabeo permanecen abertos e en pro indiviso, sendo, de feito, na súa orixe, propiedade consorciada ou gregaria, anexos ás casas dunha aldea, lugar ou parroquia en proporción determinada, estando a persoa propietaria en condicións de vender a súa parte ou abandonar a súa casa, «o seu lume», sen perder, por esta razón, o seu dereito á cota. A repartición, para efectos de aproveitamento, faise non de modo igualitario, senón consonte as adquisicións hereditarias ou contractuais, que determinan o dereito que cada unha das persoas comuneiras representan na comunidade, sen prexuízo da vixencia e aplicación da regra subsidiaria da presunción de igualdade de cotas que resulta do artigo 393 do Código civil.

Trátase de comunidades de tipo romano caracterizadas consuetudinariamente pola repartición de cotas entre as distintas persoas propietarias equivalentes ao que, nun principio, correspondía o tanto de renda que tiña que pagar cada casa do total do canon foral, así como que a propiedade está documentada sendo a veciñanza ou persoas propietarias consorciadas «antigos e de soar coñecido», estando cada unha delas en condicións de vender, ceder ou transmitir a súa parte ás súas persoas herdeiras ou a terceiras persoas alleas á propiedade do monte abertal, sen prexuízo do dereito de adquisición preferente que, no caso de alleamento da cota a unha terceira allea á comunidade, nos termos establecidos nos artigos 1522 e concordantes do Código civil.

Tanto o artigo 64 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, que caracteriza estes montes como montes en copropiedade romana, coma a xurisprudencia da Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, teñen afirmado reiteradamente que, neste tipo de montes, cada persoa copropietaria está en condicións de vender, alugar a súa parte ou transmitírllela ás súas persoas herdeiras. Tamén se pode ceder, por calquera título, o dereito de uso e aproveitamento do monte que a cada persoa comuneira lle concede á titularidade dominical dunha cota.

Historicamente este tipo de montes caracterízanse porque as persoas copropietarias mantiñan o costume de xuntarse periodicamente, normalmente na primavera para repartir entre si porcións determinadas do monte chamadas «sernas», «searas», «senaras» ou «separas» para o aproveitamento privativo delas. Estas asignacións facíanse en tantos lotes como persoas copropietarias viñan determinados polos títulos ou polo uso inmemorial, e nos cales a súa adxudicación se decidía pola sorte, sen prexuízo da subdivisión das «sernas» así asignadas conforme as transmisións e adquisicións hereditarias e en virtude de título translativos con eficacia «inter vivos». Noutros casos, a participación nos montes de varas, abertais, de voces ou de fabeo fíxase en proporción ás propiedades inmobiliarias, terras de labranza, das que cada persoa veciña comuneira era propietaria no lugar en que se asenta a comunidade propietaria, sen prexuízo da posibilidade de modificación desta proporción co decurso do tempo.

Habitualmente os aproveitamentos de que son susceptibles estes montes para pasto e leña eran usados por todas as persoas comuneiras, pero á hora de facer rozas, a cada casa da aldea adxudicábanselle as súas varas, ou non se lle adxudicaban, caso de non telas; en tanto que o feito de ter a condición de persoa veciña titular dunha explotación económica vinculada os aproveitamentos propios do monte non atribúe a condición de copropietaria, a diferenza do que acontece no caso dos montes veciñais en man común.

O artigo 64 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, define os chamados montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo como os conservados pro indiviso nos cales as súas persoas copropietarias, sen prexuízo de realizar en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de reunirse para repartir entre si porcións determinadas de monte ou sernas para o aproveitamento privativo delas. Estas asignacións fanse en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou uso inmemorial, e nos cales a súa adxudicación se decide pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das sernas así asignadas conforme as adquisicións hereditarias ou contractuais.

De ser o caso, a división das devanditas terras e a consecuente extinción da copropiedade faranse conforme o costume, e non existindo esta faranse conforme a presunción de igualdade de cotas referida no parágrafo segundo do artigo 393 do Código civil. Deste xeito, a norma recolle a realidade dos montes de varas como comunidades de tipo romano caracterizadas consuetudinariamente pola atribución de cotas de copropiedade, transmisibles tanto por título hereditario, coma en virtude de negocios xurídicos con eficacia «inter vivos».

II

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, inclúe dentro dos montes de natureza privada en réxime de copropiedade, aqueles chamados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Consonte coa previsión da Lei 2/2006, do 14 de xuño, a Lei de montes de Galicia, no seu artigo 45, establece que se rexerán polo costume do lugar e subsidiariamente pola Lei de dereito civil de Galicia e polo Código civil, sen prexuízo do establecido nesa lei, no que se refire aos montes privados, e disposicións que a desenvolvan. Este mesmo artigo regula a obriga de reinvestimentos por parte das persoas integrantes da comunidade de propietarios, que é necesario desenvolver regulamentariamente e remite a un desenvolvemento regulamentario a regulación da composición e funcións da xunta xestora, o procedemento para a súa constitución, convocatoria, réximes de maiorías, os requirimentos para que a dita constitución se considere válida e a súa vixencia, así como o funcionamento da asemblea.

Pola súa banda, o artigo 69 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, establece un límite legal á división ou segregación dos montes, de feito que os predios ou parcelas de resultado non poden ter una cabida inferior ás 15 hectáreas (has).

O costume notorio e as normas de dereito positivo xa sinaladas permiten afirmar que as circunstancias que caracterizan os montes abertais son as tres que a seguir se indican, de maneira que, en todos aqueles casos en que concorran, o monte recibirá esta cualificación e a comunidade propietaria deste debe poder constituírse como tal e inscribirse no rexistro administrativo cuxa creación prevé o artigo 126.1.k) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, o funcionamento do cal se regula no decreto.

A primeira circunstancia que caracteriza estes montes é a repartición das varas, tenzas, sernas ou searas. Nalgunhas comarcas tamén se utilizan os termos estivadas, cabadas, vedros ou rozas, para aludir á superficie do monte atribuída a cada unha das persoas comuneiras para o seu cultivo de maneira periódica para o aproveitamento privativo da veciñanza dos lugares ou aldeas en que reside a veciñanza comuneira ou copropietarias dos montes desta natureza.

A segunda circunstancia que caracteriza estes montes é a existencia de aproveitamentos comunais secundarios e de acordos de repartimento deles.

A terceira é o sentimento de pertenza do monte á comunidade, matizado coa práctica liberdade de transmitir as cotas de cada un, por calquera título ou negocio xurídico transmisivo, xa sexa con eficacia «inter vivos», gratuíto ou oneroso, ou «mortis causa», en todo ou en parte.

Pola súa banda, o artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, prevé a creación do Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, no que se inscribirán os montes desta natureza. Con este decreto vénse cumprir un mandato da lexislación galega de satisfacer unha demanda histórica das comunidades que teñen por obxecto os montes de varas en Galicia, outorgando seguridade xurídica a estas comunidades en materia de organización e funcionamento e regulando o seu rexistro administrativo, que conterá a información básica destas. Este tamén se presentará como un instrumento útil para amosar a importancia que ten este tipo de copropiedade forestal en Galicia.

Sen prexuízo da súa evolución socioeconómica, os montes obxecto do decreto seguen a ter unha relevante importancia económica, social e ambiental na economía galega, vencellada tanto á explotación e aproveitamentos propiamente forestais, como agrícolas.

As normas aprobadas recentemente polo Parlamento de Galicia, como é o caso da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, teñen como finalidade recuperar e potenciar os usos agrícolas, gandeiros e forestais das terras agroforestais, para incrementar os ingresos das explotacións familiares, pero tamén manter os ecosistemas a través do fomento da xestión forestal sustentable e activa.

Preordenada a ese obxectivo de recuperación recóllese na Lei 7/2012, do 28 de xuño, a posibilidade de que estes montes, mentres manteñan a súa indivisión, desfruten dos mesmos beneficios que as agrupacións de xestión conxunta, posibilidade xa regulada.

Nos datos estatísticos forestais para Galicia para o ano 2023, reflíctese a existencia de 52 montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou fabeo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha superficie total aproximada de 11.254 has. Non obstante, a realidade destes montes resulta moito máis rica, concentrándose moitos deles na montaña lucense, aínda que se encontran espallados polo territorio da Comunidade Autónoma coa seguinte distribución: A Coruña (1), Lugo (48) e Ourense (3).

A primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, aprobada mediante o Decreto 140/2021, do 30 de setembro, recolle no seu eixe III sobre xestión forestal e loita contra o abandono do monte, iniciativas para a activación da xestión forestal privada. Entre elas está o Programa de dinamización dos montes de varas (liña de acción III.2.3), que prevé o desenvolvemento regulamentario dos montes de varas, da súa organización e funcionamento e da súa inscrición no Rexistro de montes de varas en Galicia, ao que se dá cumprimento co decreto.

III

O decreto estrutúrase en seis capítulos, trinta artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, tres disposicións derradeiras e catro anexos.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a audiencia ao Consello Forestal de Galicia e ás persoas interesadas e a publicación do texto no Portal de Transparencia e Goberno Aberto, ao tempo que foi obxecto de ditame pola Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia.

Polo exposto, o decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, natureza e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto:

  1. a) Desenvolver o réxime xurídico dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo en Galicia e, en particular, das comunidades de persoas copropietarias deles.
  2. b) Regular o funcionamento do Rexistro Administrativo de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo como sección diferenciada dentro do sistema rexistral forestal de Galicia.
  3. c) Habilitar na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento MR690A: Solicitude de convocatoria da primeira asemblea xeral da comunidade de montes de varas, abertais, de voces, vocerío ou fabeo pola Administración forestal (anexo I) e o procedemento MR690B: Solicitude de inscrición, modificación ou baixa dun monte no rexistro de montes de varas, abertais, de voces, vocerío ou fabeo (anexo III).

Artigo 2. Natureza dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo e das comunidades propietarias

  1. Os montes abertais, de voces, de vocerío, de varas ou de fabeo son montes privados en réxime de comunidade de bens pro indiviso.
  2. As persoas copropietarias destes montes, sen prexuízo de realizar en común aproveitamentos secundarios, teñen ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou sernas para o uso e aproveitamento privativo delas, facendo estas asignacións en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou uso inmemorial. A súa adxudicación decídese por acordo das persoas comuneiras ou pola sorte, sen prexuízo da subdivisión das sernas así asignadas conforme as adquisicións e transmisións hereditarias ou en virtude de negocios xurídicos ou de calquera outro título translativo con eficacia «inter vivos».
  3. As comunidades propietarias de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo gozan de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e para a defensa dos seus dereitos sobre o monte e sobre os seus aproveitamentos, así como sobre a súa administración e disposición, nos termos establecidos na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e nas normas reguladoras das comunidades de bens desta natureza.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Este decreto aplicarase aos montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, calquera que sexa a data e o modo da súa constitución.

CAPÍTULO II

Organización e funcionamento

Sección 1ª. Da organización das comunidades sobre os montes
de varas e os seus órganos de goberno

Artigo 4. Órganos de goberno

Os órganos de goberno das comunidades dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, son a asemblea xeral de persoas copropietarias ou comuneiras, en diante, asemblea xeral da comunidade, e de forma facultativa a xunta xestora. O dito sen prexuízo da existencia doutros órganos de goberno que poidan regularse nos estatutos.

Artigo 5. A asemblea xeral da comunidade

  1. A asemblea xeral da comunidade é o órgano supremo de expresión da vontade da comunidade titular dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo.
  2. Estará integrada por todas as persoas copropietarias. No caso de existir persoas usufrutuarias de cotas de copropiedade do monte, a condición de integrante da asemblea xeral da comunidade corresponde á persoa que sexa nuda propietaria, sen prexuízo do recoñecemento dos dereitos económicos á persoa usufrutuaria, quen tamén virá obrigada a realizar as achegas que se acorden para facer investimentos no monte de conformidade coas normas que regulen a relación xurídica de usufruto de que se trate.
  3. A asemblea xeral da comunidade reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao ano, durante o semestre inmediatamente seguinte ao peche de cada exercicio económico.
  4. A asemblea xeral da comunidade reunirase de xeito extraordinario cando así o acorden a persoa titular da presidencia ou as persoas integrantes da comunidade propietaria do monte coas condicións e nos casos previstos no artigo 14 deste decreto.
  5. En todo caso, a asemblea xeral da comunidade poderá constituírse validamente, sen necesidade de previa convocatoria, tanto para os efectos de constitución, como en sucesivas reunións, sempre que estean presentes ou debidamente representados todos os integrantes da comunidade propietaria do monte e así o acorden por unanimidade.

No caso da primeira reunión da asemblea xeral, de non estar presentes todas as persoas integrantes ou non existir acordo unánime haberá que aterse ao abeiro do disposto nos artigos 12 e 13 deste decreto.

Artigo 6. Xunta xestora da comunidade de persoas copropietarias

  1. A asemblea xeral poderá acordar a creación da xunta xestora, así como a designación dos seus integrantes entre os membros da comunidade de persoas copropietarias.
  2. A xunta xestora, de existir, é o órgano de goberno, xestión e representación da comunidade titular dos montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo.
  3. A xunta xestora estará composta por un número impar de persoas, todas elas copropietarias, cun mínimo de tres e un máximo de sete, actuando unha delas na función da presidencia, outra na de secretaría e outra na de tesouraría. En caso de que así se acorde pola asemblea xeral, a secretaría poderá ter de xeito conxunto as funcións propias da tesouraría, neste caso deberase nomear cando menos unha vogalía.
  4. A xunta xestora será nomeada co voto favorable da maioría das persoas copropietarias presentes sempre que esa maioría represente como mínimo o 50 % das cotas de participación totais das persoas copropietarias coñecidas en primeira convocatoria, ou o 30 % ou máis en segunda convocatoria.
  5. A xunta xestora nomeada pola asemblea xeral terá unha vixencia de catro anos, ao cabo dos que a asemblea xeral terá que acordar a renovación dela, podendo acordar a continuidade das mesmas persoas integrantes por períodos temporais de catro anos.
  6. Na xestión do monte é recomendable que se aplique a transversalidade propia dunha xestión con igualdade de xénero para a toma de decisións destes e doutros órganos de decisión estatutarios.

Sección 2ª. Funcións dos órganos da comunidade

Artigo 7. Funcións da asemblea xeral da comunidade

Sen prexuízo das que figuren nos seus estatutos, a asemblea xeral da comunidade terá as seguintes competencias:

  1. a) Aprobar e modificar a listaxe de persoas copropietarias, membros da comunidade titular do monte e a súa cota de participación, nos termos previstos nos números 2 e 3 do artigo 13.
  2. b) Aprobar e modificar os estatutos da comunidade titular do monte.
  3. c) Elixir e separar os membros da xunta xestora e, en todo caso, as persoas titulares da presidencia e da secretaría da asemblea xeral da comunidade, que tamén o serán da xunta xestora, no caso de acordarse a súa constitución.
  4. d) Controlar a actividade da xunta xestora e a dos seus membros, e aprobar a súa xestión. En particular, aprobar a memoria e o balance anual.
  5. e) Aprobar o plan anual de traballo, o orzamento anual e a liquidación anual de contas.
  6. f) Aprobar os actos e negocios xurídicos de disposición e aproveitamento do monte consonte o estipulado nos estatutos e na lexislación que resulte de aplicación.
  7. g) Acordar a división e a extinción da comunidade.
  8. h) Calquera das funcións que o decreto atribúe á xunta xestora, no caso de non nomearse esta.
  9. i) Calquera outra que non corresponda á xunta xestora da comunidade titular do monte, atendendo ás previsións normativas e estatutarias.

Artigo 8. Funcións da xunta xestora da comunidade

Sen prexuízo das adicionais que, de ser o caso, figuren nos seus estatutos, a xunta xestora terá as seguintes competencias:

  1. a) Executar os acordos aprobados pola asemblea xeral.
  2. b) Administrar e xestionar os fondos económicos e patrimoniais, se os houber, coa dilixencia e transparencia debidas.
  3. c) Cumprir e facer cumprir os estatutos.
  4. d) Confeccionar o plan anual de traballo e o orzamento anual de ingresos e de gastos.
  5. e) Elaborar a memoria e o balance anual da comunidade propietaria do monte.
  6. f) Propoñer á asemblea xeral as baixas e altas das persoas copropietarias e, de ser o caso, as modificacións ou alteracións das cotas de cada unha delas.
  7. g) Exercer accións en defensa da posesión do monte.
  8. h) Calquera outros actos para os que fose autorizada por parte da asemblea xeral, de xeito acorde ás previsións dos seus estatutos.

Artigo 9. Presidencia

  1. A persoa que teña a presidencia da asemblea xeral terá igualmente a presidencia da xunta xestora, no caso de existir esta.
  2. Corresponde á presidencia desempeñar a representación legal da comunidade titular do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, tanto en xuízo coma fóra del.

Esta condición de persoa representante deberá acreditarse para realizar actos de disposición ou de defensa dos intereses da comunidade titular do monte, mediante a certificación do acordo de nomeamento asinado pola persoa titular da secretaría.

  1. Sen prexuízo das adicionais que figuren nos seus estatutos, a presidencia terá as seguintes competencias:
  2. a) Acordar a convocatoria da asemblea xeral de conformidade co establecido no artigo 14 deste decreto.
  3. b) Presidir as sesións e ordenar os debates, tanto no seo da asemblea xeral como nas reunións da xunta xestora.
  4. c) Autorizar, co seu visto e prace, as actas levantadas pola secretaría, así como as certificacións dos acordos adoptados no seo da asemblea xeral e da xunta xestora.
  5. d) Ter o voto de calidade en caso de empate, en calquera das votacións celebradas para resolver asuntos que sexan competencia tanto da asemblea xeral, como da xunta xestora.
  6. e) Solicitar a inscrición do monte pertencente á comunidade no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo.

Artigo 10. Secretaría

  1. A persoa que teña a secretaría da asemblea xeral ostentará igualmente a secretaría da xunta xestora, no caso existir esta.
  2. A persoa copropietaria que teña a titularidade da secretaría terá, sen prexuízo das adicionais que figuren nos estatutos da comunidade titular do monte, as seguintes funcións e competencias:
  3. a) Efectuar as convocatorias das sesións da asemblea xeral e de xunta xestora, así como redactar a orde do día.
  4. b) Notificar a todas as persoas copropietarias a convocatoria da reunión da asemblea xeral, podendo empregar medios electrónicos, sempre e cando quede constancia do envío e recepción da dita notificación.
  5. c) Redactar e asinar as actas das reunións, tanto da asemblea xeral como da xunta xestora. Estas actas deberán contar co visto e prace da presidencia.
  6. d) A confección, a garda e a custodia da documentación. En concreto, deberá confeccionar e gardar o libro de actas, o libro-rexistro de persoas copropietarias e expedir/emitir as certificacións e comunicacións necesarias para a defensa dos intereses da copropiedade titular do monte. As persoas copropietarias que así o soliciten, terán dereito a acceder a toda esta documentación.
  7. e) Remitir á sección provincial do Rexistro de Montes de Varas correspondente unha copia da tarxeta do CIF da comunidade de bens expedida pola Axencia Tributaria, unha vez que se proceda a súa inscrición no rexistro.

Artigo 11. Tesouraría

  1. A tesouraría poderá ser exercida pola persoa titular da secretaría, en cuxo caso tería de xeito conxunto as funcións desta e da tesouraría; ou ben poderá ser exercitada pola persoa que designe a asemblea xeral.
  2. A persoa copropietaria que exerza a función de tesouraría, sen prexuízo das que figuren nos estatutos da comunidade titular do monte, terá as seguintes competencias:
  3. a) A confección, a garda e a custodia dos documentos contables da comunidade titular do monte, en concreto o libro de contas, ingresos, gastos, orzamentos, balances e memorias económicas, permitindo o acceso á documentación ás persoas copropietarias que así o soliciten.
  4. b) Asistir á xunta xestora na administración e xestión dos fondos económicos e patrimoniais da copropiedade titular do monte.
  5. c) A levanza da contabilidade separada das cotas litixiosas se as houber ata a resolución do conflito ou litixio.

Sección 3ª. Da convocatoria e funcionamento da asemblea
xeral da comunidade

Artigo 12. Convocatoria da primeira reunión da asemblea xeral da comunidade

  1. As persoas copropietarias que teñan a titularidade dominical de cotas de participación dun monte de varas que excedan do 50 % delas, poderán convocar a primeira reunión da asemblea xeral da comunidade para os efectos da constitución formal da comunidade propietaria do monte.
  2. A convocatoria desta primeira reunión, cara á constitución formal da comunidade de persoas copropietarias poderá ser realizada tamén por solicitude dun mínimo do 20 % das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas dirixida á Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia forestal correspondente á provincia na que se atope o monte ou a meirande parte da superficie deste, se se atopase xeograficamente en máis dunha provincia. Para iso empregarase o procedemento MR690A (anexo I), no que se cubrirá a listaxe de persoas copropietarias.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  1. Coa primeira convocatoria deberá incluírse cando menos, a seguinte documentación, para sometela á aprobación pola asemblea xeral da comunidade:
  2. a) Anexo II, relativo á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
  3. b) Listaxe de persoas copropietarias cos enderezos para efectos de notificación e correo electrónico no caso de dispoñer del.
  4. c) Proposta de estatutos para a súa aprobación, de ser o caso, pola asemblea xeral.
  5. d) Acreditación da representación, de ser o caso.
  6. e) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante en relación coa solicitude.

No caso de que se solicite que a Administración convoque, coa solicitude deberá achegarse a documentación anterior. Para este fin, a Administración forestal poderá elaborar e dar a coñecer modelos-tipo que faciliten a redacción de estatutos.

  1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante as plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

  1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  2. Recibida a solicitude de convocatoria na xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia forestal, esta disporá dun prazo de 3 meses para convocar a primeira reunión da asemblea xeral da comunidade cun mínimo de 15 días naturais de antelación, mediante notificación a todas as persoas copropietarias coñecidas.
  3. A convocatoria deberá conter a orde do día dos asuntos a tratar. Esta orde do día incluirá a aprobación da listaxe definitiva das persoas copropietarias.
  4. A orde do día deberá estar exposta ata a celebración da reunión tanto nos taboleiros de anuncios do Concello, como nos lugares de costume da entidade inframunicipal onde radique a comunidade titular do monte e, en particular, nos lugares de costume para dar a coñecer a información municipal nas demarcacións parroquiais, pedanías e as comunidades veciñais dos artigos 52 a 54 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 13. Requisitos para a celebración da primeira reunión da asemblea xeral da comunidade e acordos

  1. A asemblea xeral da comunidade considerase validamente constituída cando, en primeira convocatoria, estean presentes ou representadas máis do 50 % das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas do monte e cun quórum mínimo dun terzo das persoas copropietarias. En segunda convocatoria deberán estar presentes ou representadas máis do 30 % das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas, polo que poderá constituírse validamente calquera que sexa o número de persoas asistentes a ela, sempre que todas as persoas copropietarias coñecidas teñan sido convocadas conforme as previsións deste decreto. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de media hora.
  2. Para a aprobación da listaxe definitiva que contén tanto as persoas copropietarias coñecidas, como as súas respectivas cotas de participación será necesario o acordo unánime das persoas copropietarias presentes.
  3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en caso de discrepancia por algunha das persoas coñecidas integrantes da comunidade propietaria co acordo relativo á listaxe, xa sexa por mor da composición ou das cotas de participación, e ata a resolución desta discrepancia, só será posible unha aprobación da listaxe con carácter provisorio e sempre que se conte co voto favorable da maioría das persoas copropietarias presentes, sempre que esa maioría represente como mínimo o 50 % das cotas de participación totais das persoas copropietarias coñecidas en primeira convocatoria, ou como mínimo o 30 % en segunda convocatoria.
  4. A resolución das discrepancias referidas no número anterior corresponde os órganos xurisdicionais civís, sen prexuízo da posibilidade do seu sometemento a mediación, conciliación ou arbitraxe privado, consonte as normas reguladoras destes sistemas alternativos de resolución de conflitos de natureza exclusivamente patrimonial privada.
  5. En tanto non se resolvan as discrepancias referidas nos números anteriores, mediante dunha resolución susceptible de execución, constarán como litixiosas as cotas de participación sobre o monte respecto das que exista conflito ou litixio.
  6. O carácter litixioso das cotas de participación determinará que non sexan tomadas en consideración para os efectos de toma de acordos pola asemblea xeral da comunidade e que os dereitos e as obrigas de contido económico que lles correspondan quedarán a expensas do que finalmente resulte da resolución do conflito. Isto implicará que deberá levarse unha contabilidade separada destas cotas litixiosas. Para materializar esta contabilidade separada, os ingresos correspondentes ás ditas cotas depositaranse na conta da comunidade e poderán empregarse para o financiamento dos gastos correspondentes a estas cotas, sen que caiba a súa repartición entre as persoas copropietarias da listaxe provisoria. Se a comunidade tiver que adiantar os gastos correspondentes ás cotas litixiosas as ditas cantidades quedarán reflectidas na contabilidade como saldo debedor.
  7. Unha vez aprobada a listaxe de persoas copropietarias, xa sexa provisoria ou definitiva, a asemblea xeral deberá aprobar os seus estatutos.

Con carácter facultativo, a asemblea poderá acordar a constitución dunha xunta xestora, e designar os seus integrantes entre os membros da comunidade de persoas copropietarias. No caso de que a asemblea xeral decida non designar xunta xestora, en primeiro lugar deberá nomear unha presidencia e unha secretaría por maioría simple das persoas asistentes, sempre que esa maioría represente como mínimo o 50 % das cotas de participación totais das persoas copropietarias coñecidas en primeira convocatoria, ou o 30 % ou máis en segunda convocatoria, e posteriormente procederase ao debate e aprobación dos estatutos.

Artigo 14. Convocatoria da asemblea xeral da comunidade

  1. A asemblea xeral ordinaria será convocada, cando menos, unha vez ao ano, e sempre dentro dos 6 meses seguintes á data de peche do exercicio económico.
  2. Con carácter extraordinario, poderá ser convocada a asemblea xeral da comunidade por iniciativa da presidencia ou por petición dun mínimo do 20 % das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas.

Neste caso a presidencia debe convocala nun prazo máximo de 2 meses desde a recepción da solicitude, que será dirixida polas persoas comuneiras solicitantes á presidencia. No suposto de que non se celebre nese prazo, as persoas solicitantes estarán facultadas para convocar a asemblea xeral, para tomar os acordos oportunos, incluíndo a remoción da xunta xestora, sempre que se respecten as maiorías previstas.

  1. A convocatoria da asemblea xeral farase cun mínimo de 15 días naturais de antelación, mediante a notificación a todas as persoas copropietarias coñecidas, preferentemente por medios electrónicos. Na convocatoria indicarase o seu carácter ordinario ou extraordinario, e deberá contar coa orde do día dos asuntos que se vaian tratar, entre os que terá que figurar o de aprobación, de ser o caso, da acta da sesión anterior.
  2. A convocatoria deberá estar exposta durante ese prazo mínimo de 15 días naturais tanto nos taboleiros de anuncios do concello como nos lugares de costume da entidade inframunicipal onde teña fixado o seu domicilio a comunidade propietaria. De ser necesario, a convocatoria deberá sinalar o lugar onde as persoas copropietarias poderán examinar a documentación dos asuntos que figuran na orde do día, que será, ordinariamente, o lugar fixado como domicilio da propia comunidade de bens.
  3. Para asistir á asemblea xeral, cada persoa copropietaria poderá delegar a súa representación. En todo caso, a delegación deberá ser expresa para cada asemblea xeral.
  4. A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes ou representados máis do 50 % das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas. En segunda convocatoria non está definido ningún quórum mínimo, polo que quedará constituída calquera que sexa o número de persoas asistentes a ela. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer un mínimo de media hora.

Artigo 15. Réxime de adopción de acordos

  1. Con carácter xeral, para a adopción de acordos por parte da asemblea xeral, será suficiente co voto favorable de máis do 50 % das cotas de participación das persoas copropietarias presentes ou representadas, calquera que sexa o número destes, agás que estatutariamente se determine outro réxime de maiorías. En particular, todos os actos e negocios xurídicos propios da administración e xestión da comunidade ou do monte obxecto dela estarán suxeitos a esta regra xeral.
  2. Como excepcións á regra xeral establecida no punto anterior, agás que nos estatutos se indique outro réxime, requirirase o voto favorable da maioría das persoas copropietarias presentes sempre que esa maioría represente como mínimo o 50 % das cotas de participación totais das persoas copropietarias coñecidas en primeira convocatoria, ou o 30 % ou máis en segunda convocatoria, nas seguintes materias:
  3. a) A reforma ou a revogación dos estatutos da copropiedade titular do monte.
  4. b) A habilitación da xunta xestora para a realizar contratos coa Administración pública ou calquera tipo de acto de disposición que supoña a cesión ou transmisión de dereitos de uso e aproveitamento sobre os terreos que forman parte do monte a terceiros alleos a comunidade propietaria.
  5. c) O nomeamento da presidencia e da secretaría da Asemblea.

Artigo 16. Os estatutos e o seu contido mínimo

  1. Os estatutos son a norma reguladora do funcionamento interno da comunidade titular do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, e corresponde a esta a súa redacción, para o que poderá apoiarse nos modelos-tipo que, de ser o caso, elabore a Administración forestal consonte co previsto no artigo 12.
  2. Os estatutos recollerán os usos e os costumes polos que se rexe a copropiedade e, cando menos, o contido mínimo previsto neste decreto.
  3. Os estatutos deberán incluír o seguinte contido mínimo:
  4. a) A atribución da condición de persoa copropietaria, a representación que implica cada cota de participación, os límites cuantitativos para a delegación da representación das persoas copropietarias e, de ser o caso, a referencia á existencia de cotas de participación que carezan de propietario coñecido.
  5. b) Os dereitos e as obrigas das persoas copropietarias.
  6. c) As condicións para as altas, baixas e substitucións das persoas copropietarias.
  7. d) Os órganos aos que se encomenda o goberno e a administración, o xeito de nomealos, substituílos e as funcións que lles corresponden.
  8. e) As obrigas documentais e contables, con expresa referencia á existencia dun libro de actas, dun libro de contas e dun libro rexistro de persoas copropietarias.
  9. f) O réxime económico e os recursos dos que dispoña a copropiedade.
  10. g) As causas de disolución e liquidación da copropiedade.
  11. h) Os criterios aos que se adecúen os diversos aproveitamentos do monte.
  12. i) A porcentaxe de reserva en rendementos económicos para investimentos en melloras e protección do monte, respectando as porcentaxes establecidas no artigo 45 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.
  13. Os estatutos tamén poderán conter calquera outra previsión que as persoas copropietarias xulguen conveniente, recomendándose a definición dunha estratexia que permita a aplicación da promoción da igualdade de xénero no uso do monte.
  14. Os estatutos e as súas modificacións empezarán a producir efectos o día seguinte ao da súa aprobación pola asemblea xeral e remitiranse, para os efectos de coñecemento, ao Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, segundo o disposto neste decreto.

Artigo 17. Libros da comunidade

  1. Cada comunidade titular dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo levará os seguintes libros:
  2. a) Un libro de rexistro cos nomes de todas as persoas copropietarias, enderezo postal, enderezo electrónico de telo dispoñible, data de inscrición e cota de participación no monte e, de ser o caso, as cotas de participación que carezan de persoa propietaria coñecida.
  3. b) Un libro de actas, que reflicte os acordos tomados nas sesións que se realicen, facendo constar a suficiencia do quórum de asistencia exixido legal ou estatutariamente e as maiorías polas que se adoptaron os acordos.
  4. c) Os libros de contas que fosen necesarios para asentar estas.
  5. Calquera persoa copropietaria poderá solicitar certificación dos datos e dos acordos recollidos no devanditos libros, que non lles poderá ser denegada e que deberá ser expedida pola persoa que teña encomendado o labor da secretaría, co visto e prace da presidencia.

CAPÍTULO III

Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo

Artigo 18. A persoa encargada do Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo

  1. O Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo levarase cos medios persoais e materiais da Administración forestal. En cada unha das catro provincias e dependendo da xefatura territorial da consellería con competencias en materia forestal créase unha sección provincial deste rexistro dependente do servizo provincial competente na materia.
  2. Corresponderá á persoa encargada de cada unha das seccións provinciais do Rexistro, nos termos previstos neste decreto:
  3. a) Formular as propostas de resolución e, de ser o caso, proceder á inscrición, á modificación e á baixa das comunidades dos montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo no Rexistro, logo de tramitación do expediente administrativo.
  4. b) Cualificar os documentos que presenten as comunidades de montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo que pretendan a súa inscrición, a súa baixa ou a súa modificación no Rexistro. No caso de atopar defectos na documentación presentada, facer o oportuno requirimento conforme a lei de procedemento vixente para a súa emenda e elaborar o informe proposta.
  5. c) Expedir certificacións a petición das persoas representantes das comunidades de montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, e/ou de autoridades administrativas e xudiciais. Para estes efectos, o Rexistro permitirá o acceso en liña aos datos que consten nel utilizando un certificado de sinatura electrónica recoñecida, así como, de ser o caso, a obtención de certificacións.
  6. d) Requirir ás comunidades de montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, a través dos seus representantes, a información que necesite o Rexistro coa finalidade de acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos para manter a referida condición, así como a súa composición.
  7. e) Coordinar a información do Rexistro de Comunidades de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo con outros rexistros públicos e, en particular, co resto do Sistema Rexistral Forestal de Galicia que regula o artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e colaborar coa actualización do Catastro de Bens Inmobles, consonte co disposto nos artigos 4 e 36 do Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario e mais o Real decreto 417/2006, do 7 de abril, polo que se desenvolve o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario.
  8. f) Realizar o labor de ordenación, tratamento e publicidade da información rexistral acumulada, respectando, en todo caso, a normativa reguladora de protección de datos persoais, en canto afecten persoas físicas.

Artigo 19. Solicitudes de rexistro

  1. Unha vez constituída formalmente a comunidade propietaria do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo e os seus órganos de representación e xestión e aprobados os seus estatutos, a persoa que teña a presidencia, en nome da comunidade, deberá solicitar, no prazo máximo dun mes, a inscrición do monte pertencente á comunidade no Rexistro de montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, ao abeiro do artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.
  2. Para os efectos do rexistro, serán considerados e cualificados como montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, aqueles montes privados nos que se recoñeza a existencia dunha comunidade por cotas, por «varas», «searas» ou «tenzas» asignadas de tal forma ás casas ou persoas comuneiras. Para os efectos de acreditar esta natureza dun monte perante o encargado do rexistro constituíran proba da titularidade os títulos acreditativos da súa existencia, en particular a inscrición dos títulos no Rexistro da Propiedade. Así mesmo, para acreditar esa natureza consideraranse válidas as probas indiciarias da existencia da devandita comunidade, como son a existencia de negocios particionais, con determinación de cotas de participación de cada unha das persoas comuneiras e a propia declaración das persoas comuneiras, sen prexuízo do que establece a disposición adicional primeira.
  3. En todo caso as probas indiciarias previstas no número anterior deste artigo deberán cumprir os seguintes requisitos:
  4. a) Os feitos nos que se basea a proba, é dicir, os indicios, deben estar plenamente probados.
  5. b) Os feitos que vaian ser probados deben deducirse deses indicios.
  6. c) Debe haber un razoamento ou engarzamento lóxico entre os indicios e os feitos que han de ser probados, que estea fundamentado nas regras do criterio humano ou da experiencia común.
  7. As solicitudes realizaranse empregando o procedemento MR690B (anexo III), e dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería competente en materia de montes da provincia na que se sitúe maioritariamente o monte.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

  1. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 20. Documentación complementaria necesaria para a tramitación da inscrición

  1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
  2. a) Listaxe de todas as persoas integrantes da comunidade de persoas propietarias, identificándose través dos seus nomes, números de NIF, xénero e data de nacemento, enderezos postais e electrónicos, no caso de dispor deste último, e cotas de participación no monte e, de ser o caso, as cotas de participación que carezan de persoa copropietaria coñecida ou que teñan carácter litixioso.
  3. b) Xustificación da titularidade dominical das cotas de copropiedade mediante a achega da documentación acreditativa da titularidade e, se for o caso, a documentación que acredite situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito. A falta destas probas, será suficiente, para os simples efectos de inscrición da comunidade de persoas propietarias no Rexistro que se regula neste decreto, a declaración responsable que acredite a lexitimación como copropietarias das persoas integrantes da comunidade que se acompañará dunha listaxe de parcelas catastrais afectadas polo monte.
  4. c) Certificación do Rexistro da Propiedade de que o predio non aparece inscrito no dito rexistro en favor doutras persoas.
  5. d) Identificación das persoas comuneiras que integran a xunta xestora e os seus cargos dentro dela, indicando xénero e idade.
  6. e) Copia dos estatutos aprobados e en vigor.
  7. f) Cartografía do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo obxecto da comunidade de persoas propietarias e listaxe de parcelas catastrais que forman parte del. No caso de que a cartografía do monte non se corresponda coa da parcela ou parcelas catastrais que o conforman na súa totalidade, achegarase en formato shapefile xeorreferenciado, coa intersección das parcelas catastrais afectadas consonte o disposto no anexo IV.
  8. g) Anexo II, relativo á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
  9. h) Acreditación da condición de persoa representante da comunidade de persoas propietarias da persoa que asine a solicitude de inscrición.
  10. i) Outra documentación que as persoas interesadas consideren relevante en relación coa solicitude.
  11. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

  1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

  1. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de rexistro, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, así como o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
  2. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Tramitación e resolución das solicitudes de inscrición

  1. A persoa encargada da sección provincial territorialmente competente do Rexistro instruirá e impulsará de oficio o procedemento de inscrición de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común.
  2. No caso de que a solicitude de inscrición, ou calquera posterior que se pretenda tramitar ante o Rexistro, non reúna os requisitos que resulten das previsións deste decreto ou doutras normas que resulten de aplicación, ben por non terse achegado a documentación necesaria xunto con ela, ben por resultar esta incompleta, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación expresa da documentación que deba completarse.

No requirimento de documentación complementaria deberá constar expresamente que no caso de que non sexa achegada no prazo sinalado, procederase a ter por desistida a solicitude de inscrición, ditando a oportuna resolución de arquivo, sen prexuízo da facultade do solicitante de instar unha nova solicitude nun momento posterior.

  1. Na tramitación do procedemento de inscrición e con carácter previo a ditar a resolución, a persoa encargada do rexistro poderá requirir a persoa solicitante calquera aclaración ou complemento da documentación presentada que, de forma motivada, considere necesaria para a adecuada tramitación da solicitude.
  2. Unha vez o responsable da instrución considere completa a documentación abrirase un trámite de información pública por un período de 20 días hábiles. Para ese efecto, publicarase un anuncio no Diario Oficial de Galicia co fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examinar o expediente e presentar as alegacións e documentación que xulgue oportunas.
  3. A persoa encargada da sección provincial elaborará un informe proposta. A persoa titular do servizo territorial competente en materia de montes, unha vez analizado o informe proposta, elevará a súa proposta á persoa titular da xefatura territorial correspondente, para a súa resolución por esta.
  4. Corresponde ditar a resolución, xa sexa concedendo ou denegando a inscrición á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería con competencias en materia forestal. Esta resolución será notificada á persoa solicitante por medios electrónicos. En todo caso, a resolución deberá ser motivada, tanto nos seus aspectos técnicos, coma xurídicos.
  5. O procedemento ten un prazo máximo de duración de 6 meses contados desde a data da presentación da solicitude, sen prexuízo da facultade de suspensión do procedemento previsto nas normas reguladoras do procedemento administrativo común. No caso de que non se teña ditado resolución expresa neste prazo, a solicitude considerarase estimada por silencio administrativo.
  6. A resolución de inscrición no Rexistro incluirá, en todo caso como contido mínimo, a identidade completa da comunidade propietaria do monte, os nomes das persoas integrantes e as cotas de participación de cada unha delas, a referencia á xunta xestora, de ser o caso, ou á persoa que teña a presidencia da asemblea, a existencia de estatutos aprobados e a identificación do monte, que incluirá superficie e relación de parcelas catastrais, así como un número de rexistro co que se identificará a comunidade inscrita en todos os seus trámites posteriores ao de inscrición.
  7. Contra a resolución pola que se denega ou se aproba a inscrición, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Das modificacións dos datos inscritos no Rexistro

  1. No caso de que os datos obxecto de inscrición no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo sufrisen algunha variación, deberán ser comunicados no prazo dun mes desde que a dita modificación viñese de producirse.
  2. En particular, deberán ser comunicadas aquelas variacións que afecten as seguintes materias:
  3. a) A composición e as persoas que integran a xunta xestora.
  4. b) Modificación do contido dos estatutos.
  5. c) A listaxe de persoas copropietarias e/ou á súa cota de participación.
  6. d) Variacións na delimitación ou superficie do monte. Neste caso será necesario achegar nova cartografía dixitalizada, consonte co anexo IV.
  7. e) Extinción do monte, caso que comportará a cancelación da inscrición.
  8. A tramitación da comunicación das ditas modificacións realizarase consonte o procedemento estipulado nos artigos anteriores en materia de inscrición rexistra.
  9. Empregarase o mesmo procedemento estipulado nos artigos anteriores para solicitar modificacións derivadas de calquera tipo de erro, que poida dar lugar a discrepancias entre a realidade física e rexistral, podendo instarse de oficio tal modificación mediante requirimento previo, tanto nos casos de erros, como nos casos de falta de comunicación ao rexistro de modificacións ou incidencias xudiciais.

CAPÍTULO IV

Comprobación de datos e notificacións

Artigo 24. Comprobación de datos

  1. Para a tramitación dos procedementos regulados no decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
  • Procedemento MR690A:
  1. a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
  2. b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
  3. c) DNI ou NIE das persoas copropietarias.
  4. d) NIF da entidade representante, de ser o caso.
  • Procedemento MR690B:
  1. a) NIF da entidade solicitante.
  2. b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
  3. c) DNI ou NIE das persoas copropietarias.
  4. d) NIF da entidade copropietaria.
  5. e) NIF da entidade representante, de ser o caso.
  6. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

  1. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 25. Notificacións

  1. No procedemento MR690A, convocatoria da primeira asemblea xeral de copropiedade dos montes de varas, abertais, de voces, vocerío ou fabeo, a práctica das notificacións realizarase como segue:

1.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

1.2. A persoa interesada debe manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou papel) no formulario.

1.3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

1.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

1.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

1.6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

  1. No procedemento MR690B, solicitude de rexistro de montes de varas, abertais, de voces, vocerío ou fabeo, a práctica das notificacións realizarase como segue:

2.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

2.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

2.5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V

Fomento da xestión forestal sostible e activa

Artigo 26. Silvicultura activa e xestión forestal conxunta

  1. A Administración forestal fomentará a redacción de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, a xestión forestal sustentable e a certificación da dita xestión, mediante a silvicultura activa neste tipo de comunidades. As comunidades poderán solicitar o recoñecemento de persoa silvicultora activa.
  2. Para obter axudas públicas e incentivos fiscais e financeiros as comunidades que teñan por obxecto montes da natureza dos regulados neste decreto deberán estar previamente rexistradas e debidamente actualizadas no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo.
  3. As comunidades reguladas neste decreto unha vez inscritas no Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, e sempre que manteñan a súa inscrición no rexistro, contarán cos mesmos beneficios que as agrupacións de xestión conxunta reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
  4. As comunidades reguladas neste decreto tamén poderán solicitar o seu recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, sempre que cumpran os requisitos previstos nas normas reguladoras delas. Unha vez obtido o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta, as comunidades sobre montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, mentres se manteñan indivisos e inscritos no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, gozarán dos mesmos beneficios recollidos pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, para as agrupacións forestais de xestión conxunta, atopándose sometidas ás obrigas propias destas.

Artigo 27. Dos reinvestimentos na mellora do monte

  1. En aplicación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, as comunidades propietarias deberán investir nos montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo da súa propiedade e para a súa mellora, polo menos, o 40 % dos ingresos obtidos polos aproveitamentos do monte, derivados dos actos de disposición voluntaria, así como dos procedentes de procedementos de expropiación forzosa, agás daqueles ingresos obtidos nas partes da propiedade non esclarecida, por tratarse de titularidades descoñecidas, que deberá investirse na súa totalidade.
  2. Para estes efectos, terán a consideración de actuacións de mellora, en todo caso, a realización e a execución de plans silvícolas e de ordenación forestal, a reforestación ou repoboación forestal, os labores de entresaca e de limpeza da biomasa forestal, a realización de pistas de acceso e a execución de obras e de actividades de prevención de incendios forestais, as actividades de prevención e tratamento de pragas, gastos de xestión, ordenación, adquisición de terreos estremeiros, mellora de pasteiros, así como todas aquelas actuacións incluídas no proxecto de ordenación e os custos vinculados ao apoio técnico que sexa necesario para a súa axeitada execución.
  3. Para o cálculo da cota de reinvestimento que se vai realizar, ingresos obxecto de reinvestimento, actuacións e servizos de mellora e protección do monte nas que se deben reinvestir os ingresos do monte, e demais cuestións relativas os reinvestimentos como o prazo e procedemento para a comunicación do cumprimento da obriga de reinvestir, aplicarase subsidiariamente aos montes de varas o artigo 125 relativo ás cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e os artigos 2, 3, 4, 6, 7, 8 e seguintes do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal.

CAPÍTULO VI

Protección, división e extinción dos montes de varas,
abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

Artigo 28. Protección do monte

  1. A titularidade dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, mentres se manteñan indivisos e inscritos no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, poderá facerse valer fronte a calquera suxeito, público ou privado por actos, materiais ou xurídicos.
  2. A comunidade propietaria e, de ser o caso, a xunta xestora da comunidade propietaria, actuando a través da presidencia, poderá exercitar cantas accións, de natureza posesoria e petitoria, resulten adecuadas, tanto en vía administrativa, como xudicial.
  3. Naqueles casos nos que non figure a inmatriculación no Rexistro da propiedade do monte, a inscrición entenderase autorizada en todo caso deixando a salvo o dereito da propiedade e sen prexuízo de terceiras persoas que puidesen reclamar a propiedade das parcelas con mellor dereito material.

Artigo 29. División e extinción da comunidade de persoas copropietarias

  1. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, de acordo coa súa natureza, son susceptibles de división, de parcelación ou segregación, atopándose cada persoa comuneira lexitimada para o exercicio da acción de división, agás a existencia dalgún pacto ou causa de indivisibilidade.
  2. A división das devanditas terras que integran o monte abertal, de voces, de varas ou de fabeo, e, de ser o caso, a consecuente extinción da comunidade, farase conforme o costume e, de non existir este, farase conforme a presunción de igualdade de cotas referida no parágrafo segundo do artigo 393 do Código civil, a través das canles de división da cousa común propios das comunidades desta natureza.
  3. A división levarase a cabo a través da parcelación do monte e da adxudicación de cada un dos lotes ou varas a cada unha das persoas copropietarias, en función das respectivas cotas de copropiedade, sen prexuízo da aplicación das normas que regulan as superficies mínimas de cultivo e a determinación da extensión ou cabida mínima dos predios ou parcelas de resultado establecida no artigo 69 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, a non ser que a división teña como finalidade incorporar parte da superficie do monte a unha leira estremeira.
  4. No caso de que a comunidade propietaria teña o recoñecemento como agrupación de xestión conxunta non poderá extinguirse en canto supoña un incumprimento dos requisitos recollidos no artigo 122 ter da Lei 7/2012, do 28 de xuño.
  5. No caso de extinción da comunidade a persoa que teña a presidencia deberá solicitar a baixa no rexistro do monte de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo mediante a presentación da solicitude MR690B prevista neste decreto no prazo dun mes desde que concorra a causa determinante da extinción.

Artigo 30. Dereito de adquisición preferente

As persoas copropietarias poderán vender, ceder ou transmitir a súa cota de participación ás súas persoas herdeiras ou a terceiras alleas á propiedade do monte abertal, sen prexuízo do dereito de adquisición preferente que, no caso de alleamento da cota a unha terceira persoa allea á comunidade, establecen os artigos 1522 e concordantes do Código civil.

Disposición adicional primeira. Inscrición de oficio no Rexistro

  1. No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto serán obxecto de inscrición de oficio no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, os montes de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo dos que actualmente a Administración forestal dispoña da información necesaria para a súa inscrición, debendo serlle notificado o dito acto ás persoas interesadas.
  2. Tamén procederá a inscrición de oficio de comunidades de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo no caso de existencia dunha sentenza xudicial firme que recoñeza a súa existencia ou declare un determinado monte como monte privado en réxime deste tipo de comunidade.
  3. Aqueles montes veciñais en man común que, tras sentenza xudicial firme, perdan a dita natureza recoñecéndoselle a súa condición como montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo serán, de oficio, obxecto de inscrición no correspondente rexistro e procederase á súa exclusión no Rexistro de montes veciñais en man común. Os ditos actos seranlles notificados.
  4. En calquera dos casos previstos nos 3 números anteriores, de non contar con toda a información precisa para a inscrición, inscribirase de xeito provisional e requirirase toda a información complementaria necesaria para a súa inscrición definitiva. De non presentala no prazo que se sinale no requirimento, terán que iniciar todo o procedemento de constitución segundo o regulado neste decreto.
  5. As comunidades constituídas antes da entrada en vigor do decreto deberán solicitar a súa inscrición no Rexistro de Montes de Varas, Abertal, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo no prazo dun ano desde a data de entrada en vigor.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados no decreto, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Deslindamentos e revisión de bosquexos

A revisión de bosquexos, avinzas, ou deslindamentos dos límites destas copropiedades realizaranse segundo os preceptos sinalados na Lei 7/2012, do 28 de xuño, para os montes veciñais en man común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación da dirección xeral competente en materia forestal

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia forestal para aprobar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido no decreto e para a modificación dos formularios.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia

O Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue:

Engádese unha disposición transitoria:

«Disposición transitoria quinta. Rexistro do pastoreo nos montes ou terreos forestais que conten cun instrumento de ordenación o xestión aprobado

  1. Co fin de fomentar a creación de sistemas agroforestais e a multifuncionalidade dos montes, facilitando a gandaría extensiva e o incremento da superficie de pastos e forraxe en terreos forestais, e tendo en consideración os prazos necesarios para a redacción e aprobación dun proxecto para a modificación dun instrumento de ordenación ou xestión forestal, establécese un período transitorio ata o 31 de decembro de 2024, no que os montes ou terreos forestais que dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado poderán solicitar a súa inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo empregando o procedemento MR604F regulado no artigo 46.
  2. O outorgamento da inscrición da superficie de pastos e forraxe no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

En consonancia coa dita esixencia a persoa titular do monte ou terreo forestal deberá presentar no prazo máximo de 6 meses desde a inscrición no rexistro unha solicitude de modificación do instrumento que incorpore un modelo silvícola para as parcelas obxecto de pastoreo, que sexa compatible coa regulación de pastoreo previamente inscrita. De non facelo, ao remate do dito prazo de 6 meses darase de oficio de baixa as parcelas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, sen que caiba unha nova presentación do procedemento MR604F, quedando obrigada a persoa titular á regulación ou prohibición do pastoreo conforme o disposto no artigo 45».

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO IV

Estrutura das táboas de atributos en formato shapefile

Na documentación complementaria que se indica no artigo 20, debe incluír dúas capas en formato shapefile, que deben conter 4 arquivos (.shp, .shx, .dbf e .prj) que se presentarán comprimidos en formato .ZIP e deberán estar no sistema de coordenadas ETRS 1989 UTM ZONA 29 N (cód. EPSG:25829), como obriga a disposición transitoria segunda do Decreto 1071/2007, do 27 de xullo, que regula o sistema xeodésico de referencia oficial en España:

– Capa A. Límite, límite da masa para inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado.

– Capa B. Parcelas catastrais, intersectación das parcelas catastrais co límite da masa para inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado.

A información xeográfica descrita no anexo presentarase mediante capas en formato shapefile cuxas táboas de atributos se describen neste anexo. Todas as capas son de tipo poligonal.

  1. Táboa de atributos do límite da masa a inscribir.
Campo Tipo Tamaño Precisión Descrición
IdRMVAVF Texto 18 0 Código do Rexistro das masas de montes de varas, abertais, voces ou fabeo. Deixar en branco no caso de novas solicitudes.
IdAlta Numérico 1 0 Indicar se a solicitude é unha alta, modificación ou baixa.

– [IdTipo ]=’0’→ «baixa»

– [IdTipo ]=’1’→ «alta»

– [IdTipo ]=’2’→ «modificación»

CodCon Numérico 5 0 Código de 5 díxitos do concello.
Superficie Numérico 10 4/6* Superficie do límite do monte en hectáreas.

*Máximo 6 decimais e mínimo 4 decimais.