LEI 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

El texto de estos Documentos, con los que puedan modificar o acompañar, se han incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:                                                       >

Exposición de motivos

I

Galicia é unha comunidade autónoma marítima por excelencia co litoral máis longo de toda España: un total de 2.555 quilómetros, considerando non só os 1.659 quilómetros do seu perímetro costeiro, senón tamén os 432 quilómetros que rodean os seus centos de illas e illotes e os 464 quilómetros das súas marismas e areais. Con enormes diferenzas xeomorfolóxicas entre as súas fachadas atlántica e cantábrica, a costa galega alberga unha das súas singularidades máis recoñecidas: as súas rías. Este fenómeno xeográfico de orixe tectónica –nunha peculiar interacción entre o fluvial e o mariño– orixinou un dos ecosistemas mariño-costeiros máis variados e ricos do mundo, debido tamén ao afloramento oceánico que se produce nas súas augas. A esta riqueza ambiental –ou como consecuencia dela– súmase unha beleza paisaxística excepcional formada por centos de unidades fisiográficas de gran calidade.

Con esta xeografía privilexiada e os abundantes recursos mariños que contén o seu litoral, compréndese o tradicional vencello entre o mar e as súas xentes. Dunha banda, xerou unha importante economía azul, da que na actualidade o sector marítimo-pesqueiro galego é un dos máis importantes de Europa, o cal emprega o cincuenta por cento do sector en España e concentra unha parte importante dos ingresos das empresas galegas en instalacións situadas na costa. Doutra banda, as actividades relacionadas cos sectores marítimos foron un dos sinais de identidade de Galicia desde a antigüidade e xeraron un rico patrimonio material e inmaterial que debe ser preservado.

Desde as Rías Baixas ata a Mariña lucense, pasando polas Rías Altas e a Costa da Morte, cunha das zonas costeiras mellor conservadas de España e uns dos cantís máis altos de Europa, o litoral de Galicia merece manter e mellorar a súa sustentabilidade ambiental, social e económica e mais protexer a súa propia fisionomía natural e humana. A Comunidade Autónoma de Galicia dispón das competencias, dos coñecementos e dos medios para afrontar a súa ordenación.

II

O artigo 148.1.3 da Constitución española (CE) dispón que as comunidades autónomas poden asumir a competencia sobre «ordenación do territorio, urbanismo e vivenda». Así o fixo Galicia, recoñecendo a citada competencia e incluíndo, ademais, a ordenación «do litoral», ao dispoñer no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía (EAG) que «no marco do presente Estatuto corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as seguintes materias: 3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».

O Tribunal Constitucional tense pronunciado sobre o contido desta competencia autonómica de «ordenación do litoral» en diversas ocasións, vertendo unha doutrina xa consolidada, na que destaca a afirmación de que «todas as comunidades costeiras competentes para a ordenación do territorio o son tamén para a do litoral» (STC 149/1991, FJ 1.A). A afirmación anterior acompañouse dunha declaración de mínimos sobre o concepto de litoral, ao dispoñer que «para os efectos desta Lei [de costas], inclúe polo menos a ribeira do mar e as súas zonas de protección e influencia» (STC 149/1991, FJ 1A).

Con esta doutrina, o Tribunal Constitucional restou relevancia ao feito de que algunhas comunidades autónomas costeiras non asumisen expresamente o título específico de ordenación do litoral e trasladou o foco de atención sobre os conceptos de «territorio» e «litoral». Así, o Tribunal Constitucional ten invocado en repetidas ocasións o principio de territorialidade, que recoñece o territorio como elemento definidor das competencias autonómicas, sinalando que «o territorio, e de aí a súa funcionalidade xeral na estrutura de distribución de competencias operado pola Constitución, polos estatutos de autonomía e polas demais leis integradas no bloque da constitucionalidade, configúrase como un elemento definidor das competencias dos poderes públicos territoriais» (STC 38/2002). Mais declarou inconstitucional o intento do lexislador estatal de concretar o alcance do título competencial sobre ordenación do litoral a través da adición dunha alínea 2 ao artigo 114 da Lei de costas, que declaraba que «a competencia autonómica sobre ordenación territorial e do litoral (…) alcanzará exclusivamente o ámbito terrestre do dominio público marítimo-terrestre, sen comprender o mar territorial e as augas interiores»; pois non pode o lexislador estatal, sen unha expresa previsión constitucional ou estatutaria para iso, levar a cabo «unha interpretación conceptual e abstracta do sistema de distribución de competencias co obxectivo de delimitar as atribucións das comunidades autónomas» (STC 162/2012, FJ. 7).

O propio Tribunal Constitucional abordou directamente a cuestión de que debe entenderse por territorio autonómico a partir da Sentenza 38/2002, estendendo ao ámbito autonómico a doutrina sentada polo Tribunal Supremo e polo Consello do Estado respecto da pertenza dos portos e da zona marítimo-terrestre aos territorios municipais en que están radicados, e afirmando que «distinto é o caso do mar territorial», que non forma parte do territorio autonómico. Porén, esta realidade non impide que «no mar territorial excepcionalmente poden chegar a exercerse competencias autonómicas, eventualidade esta que dependerá, ben dun explícito recoñecemento estatutario (verteduras industriais ou contaminantes en augas territoriais, salvamento marítimo: arts. 17.6 e 11 EAAnd), ben da natureza da competencia tal como resulta da interpretación do bloque da constitucionalidade (acuicultura, STC 103/1989, do 8 de xuño; ordenación do sector pesqueiro, STC 158/1986, do 11 de decembro; marisqueo, STC 9/2001, do 18 de xaneiro)…» (FJ 6).

Este é o punto de partida da ordenación contida nesta lei, amparada competencialmente no título de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) respecto dos espazos do litoral que indiscutiblemente forman parte do territorio autonómico, e noutros títulos competenciais cando se proxecte a competencia sobre o mar: a competencia exclusiva sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos.

Á relación anterior débenselle engadir as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medio ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do medio ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

En primeiro lugar, o Tribunal Constitucional recoñeceu a capacidade das comunidades autónomas de desenvolveren lexislativamente a lexislación básica, superando a doutrina inicialmente restritiva vertida a propósito da Lei de costas, ao afirmar que «en materia de medio ambiente o deber estatal de deixar unha marxe ao desenvolvemento da lexislación básica pola normativa autonómica, aínda sendo “menor que noutros ámbitos”, non pode chegar, fronte ao afirmado na STC 149/1991 (fundamento xurídico 1º, D, in fine), da que debemos apartarnos neste punto, a tal grao de detalle que non permita ningún desenvolvemento lexislativo das comunidades autónomas con competencias en materia de medio ambiente, baleirándoas así de contido» (STC 102/1995).

En segundo lugar, o Tribunal Constitucional advertiu sobre os excesos que a propia transversalidade do título ambiental pode provocar de pretenderse encadrar neste calquera tipo de actividade relativa aos recursos naturais, «senón só a que directamente tenda á súa preservación, conservación ou mellora» (STC 102/1995). Como o propio Tribunal Constitucional recoñece, para deslindar cada suposto de concorrencia competencial, é necesario operar con dous criterios, un obxectivo e outro teleolóxico: é preciso identificar cada materia, pois unha mesma lei ou disposición pode albergar varias (SSTC 32/1983 e 103/1989); é necesario, ademais, indagar a finalidade do precepto (SSTC 15/1989, 153/1989 e 170/1989). Esta dobre operación permitirá identificar, en cada caso, o título competencial predominante pola súa vinculación directa e inmediata, sen que en ningún caso poida chegarse ao baleiramento das competencias das comunidades autónomas segundo os seus estatutos (STC 125/1984).

En terceiro lugar, a propósito do título ambiental, o Tribunal Constitucional recoñece as competencias das comunidades autónomas sobre os espazos naturais mariños cando así viñer exixido pola continuidade e unidade do espazo natural protexido (STC 99/2013).

Por último, as facultades executivas ou de xestión en materia de protección do medio ambiente correspóndenlle á Comunidade Autónoma. «Non só a Constitución llela encomenda a aquelas, senón que ademais estatutariamente se lles defire a función executiva … O xogo recíproco das normas constitucionais (artigos 148.1.9 e 149.1.23 CE) e das estatutarias pon de manifesto “sen lugar a dúbidas, que as facultades executivas ou de xestión en materia de medio ambiente, en xeral… corresponden” ás comunidades autónomas “e non ao Estado” (SSTC 149/1991 e 329/1993)» (STC 102/1995).

III

O bloque da constitucionalidade, tal e como queda descrito no punto II anterior, non queda desvirtuado pola condición demanial dalgúns dos espazos que esta lei pretende ordenar, aos que se refire o artigo 132 da Constitución española.

Como é sobradamente coñecido, o Tribunal Constitucional sinalou que «…a condición de dominio público non é un criterio utilizado na nosa Constitución (…) para delimitar competencias (…) o concepto de dominio público serve para cualificar unha categoría de bens, mais non para illar unha porción de territorio da súa contorna, e consideralo como unha zona exenta de competencias dos diversos entes públicos que as teñen…» (STC 77/1984).

Efectivamente, desa titularidade do dominio público, de conformidade co artigo 132 da Lei de costas, derivan certas «facultades» do lexislador estatal, en concreto, como perfilou o Alto Tribunal, «a facultade do lexislador para definir o dominio público estatal e para establecer o réxime xurídico de todos os bens que o integran». En palabras do Tribunal Constitucional referidas ao dominio público marítimo-terrestre, «o lexislador non só debe inspirarse nos principios de inalienabilidade, imprescritibilidade e inembargabilidade, senón que ademais debe adoptar todas as medidas que crea necesarias para preservar as súas características propias, … as medidas de protección necesarias para asegurar a integridade desa titularidade … pois, como é obvio, o mandato do constituínte quedaría burlado se o lexislador obra de modo tal que, aínda retendo fisicamente no dominio público do Estado a zona marítimo-terrestre, tolera que a súa natureza e as súas características sexan destruídas ou alteradas». Agora ben, «as facultades dominicais só poden ser lexitimamente utilizadas en atención aos fines públicos que xustifican a existencia do dominio público, isto é, para asegurar a protección da integridade do demanio, a preservación das súas características naturais e a libre utilización pública e gratuíta, non para condicionar abusivamente a utilización de competencias alleas» (STC 149/1991).

IV

Baseándose nas propias competencias e desde o comezo do Estado das autonomías, Galicia vén regulando o seu litoral de modo sectorial e desenvolvendo instrumentos relevantes de ordenación do territorio con incidencia no litoral, como as Directrices de ordenación do territorio e o Plan de ordenación do litoral de Galicia, e ferramentas necesarias para a preservación paisaxística, como os catálogos da paisaxe.

Coa aprobación desta lei preténdese dar un paso máis. Esta lei aspira á ordenación e á xestión do litoral desde un enfoque ecosistémico e integrado, que garanta un desenvolvemento sustentable.

O enfoque ecosistémico, recollido en diversos instrumentos internacionais e europeos, como é o Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común, supón xestionar as actividades humanas que se realizan no litoral dentro de límites ecoloxicamente significativos, pretendendo harmonizar a xestión dos recursos naturais e dos ecosistemas co desenvolvemento económico e social, co fin de garantir o menor impacto deste sobre aqueles e que a presión que provoquen sobre o litoral se manteña en niveis compatibles co bo estado ambiental dos ecosistemas costeiros e mariños.

Partindo do dito enfoque, a xestión do litoral débese abordar seguindo a Recomendación 2002/413/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2002, relativa á aplicación da xestión integrada das zonas costeiras de Europa, que o propio Estado español asumiu co asinamento do Protocolo internacional relativo á xestión integrada das zonas costeiras do Mediterráneo o 21 de xaneiro de 2008, ratificado como tratado internacional o 20 de maio de 2010 (BOE do 23 de marzo de 2011). A integración exixe superar a visión sectorializada do litoral, en prol dunha xestión que tome en consideración os diversos usos e as actividades económicas que se proxectan e desenvolven no litoral, os diversos riscos e as ameazas que afecten os ecosistemas mariño-costeiros, así como as distintas administracións que concorran na súa ordenación e xestión, isto é, adoptar un enfoque integrado na xestión do litoral. É precisamente a aspiración de alcanzar unha xestión integrada do litoral a que exixe unha regulación como a presente, que distingue os espazos, os suxeitos e as actividades, mais sen esquecer que o litoral é unha entidade única e continua que require de regras de ordenación coherentes e de accións coordinadas.

Xunto ao anterior, e fronte aos sucesivos intentos harmonizadores e uniformadores da ordenación da costa, esta lei constrúese sobre unha premisa distinta avalada pola experiencia e polo coñecemento científico: a escala autonómica é idónea para lograr unha ordenación e xestión ecosistémica e integrada do espazo litoral, realista, razoable e eficaz, coherente e adecuada á singularidade do litoral de Galicia.

O fin último do novo enfoque desde o que debe ordenarse e xestionarse o litoral é o seu desenvolvemento sustentable, que pon o acento nun equilibrio adecuado entre os valores ambientais, os económicos e os sociais presentes neste espazo tan sensible e singular. Tres alicerces básicos que veñen sustentando, por exemplo, a Política pesqueira común no marco da Unión Europea (Regulamento UE nº 1380/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013) e que o propio Tribunal Constitucional identificou ben cedo sobre o litoral na súa Sentenza 149/1991, na que invoca a Carta europea do litoral: «é esencial para o mantemento dos equilibrios naturais que condicionan a vida humana, ocupa un lugar estratéxico no desenvolvemento económico e na reestruturación da economía mundial, é soporte das actividades económicas e sociais que crean emprego para a poboación residente, é indispensable para o recreo físico e psíquico das poboacións sometidas á presión crecente da vida urbana e ocupa un lugar esencial nas satisfaccións estéticas e culturais da persoa humana».

Por todo o exposto, o litoral de Galicia ten que dispoñer dunha norma, coa lexitimidade que só confire o Parlamento, que ofreza instrumentos suficientes e axeitados que permitan un desenvolvemento sustentable. A tarefa é abordada co acompañamento dun estado de opinión que dificilmente ten unha volta atrás: o convencemento de que Galicia pode e debe asumir o protagonismo que lle corresponde na ordenación e na xestión dun dos seus espazos máis significativos e identitarios, o litoral.

V

Esta lei estrutúrase nun título preliminar e oito títulos, dez disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e cinco disposicións derradeiras.

O título preliminar recolle as disposicións xerais, referidas ao obxecto, ao ámbito de aplicación, aos fins da lei e aos principios da ordenación do litoral.

Esta lei define por vez primeira o litoral de Galicia como unha franxa de largura variable a ambos os dous lados da beira do mar, na que se produce a interacción entre a natureza, as comunidades humanas e as actividades socioeconómicas que se sustentan na existencia ou na influencia do mar. Esta franxa esténdese cara ao interior ata o límite administrativo dos concellos costeiros ou, de o superar, o límite interior dos espazos naturais protexidos que radiquen neles; e mar a fóra, ata o límite exterior do mar territorial, ben que exclusivamente para o exercicio das competencias que o Estatuto de autonomía recoñece explicitamente neste medio ou ás que deban realizarse no mar pola natureza da competencia, tal e como resulta da interpretación do bloque da constitucionalidade.

Os fins perseguidos pola lei están en íntima conexión coas ideas xa expostas: a consideración do litoral como unha entidade continua e única; a xestión responsable dos recursos naturais; a protección do medio ambiente; a prevención e a redución dos efectos dos riscos naturais; a protección, a conservación e a mellora da calidade das augas do litoral de Galicia; a tripla dimensión da sustentabilidade: ambiental, económica e social, que orienta a ordenación do litoral; a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación do litoral de Galicia; o apoio aos sectores produtivos mediante accións que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar e garantan o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos; o impulso dun turismo litoral diversificado, desestacionalizado e de calidade; a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral; ou o fomento da cultura do litoral, a través de accións de sensibilización, divulgativas e de formación da sociedade galega; a preservación e a recuperación das zonas costeiras, da súa diversidade e das súas especies protexidas, así como dos seus sistemas ecolóxico, xeomorfolóxico e hidrolóxico; e a coherencia entre as iniciativas das distintas entidades públicas e privadas, priorizando sempre aquelas que teñan como obxectivo a conservación, a recuperación e a protección públicas.

Como principios da ordenación do litoral, enúncianse os principios de desenvolvemento sustentable, precaución ou cautela, prevención, non-regresión, quen contamina paga, participación e uso das mellores e máis recentes evidencias científicas dispoñibles e coñecementos tradicionais. E desenvólvense a colaboración e a cooperación, a coordinación, o enfoque ecosistémico, a xestión integrada do litoral, a participación e o apoio científico e os saberes tradicionais.

O título I regula a organización administrativa e os suxeitos intervenientes na ordenación do litoral: as competencias autonómicas e dos entes locais; a coordinación, a través da creación dunha Comisión Interdepartamental de Coordinación de Ordenación do Litoral; a consideración da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo como órgano de consulta e asesoramento; o Foro do Litoral de Galicia como máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en materia de ordenación do litoral; e a esencial participación da sociedade civil no desenvolvemento sustentable do litoral, a través de redes e asociacións, de estratexias de desenvolvemento local participativo, a constitución de grupos de acción local en zonas costeiras e a custodia do litoral.

O título II recolle os instrumentos de ordenación do litoral, definindo o seu ámbito de aplicación, os obxectivos perseguidos e as determinacións que deben incorporar, establecendo como principio reitor de cada ordenación a colaboración interadministrativa e arbitrando os medios necesarios para garantir a participación dos suxeitos públicos e privados obrigados, así como unha adecuada coordinación.

A lei articula un sistema integrado de instrumentos de ordenación, que toma como punto de partida a posta en valor da economía azul, mediante a estratexia de economía azul de Galicia, que pretende servir de apoio ao crecemento sostible dos sectores produtivos vencellados ao mar e ao aproveitamento potencial dos mares e dos océanos como motores da economía, na liña da comunicación da Comisión Europea «Sobre un novo enfoque da economía azul sustentable da UE: transformar a economía azul da UE para un futuro sustentable» [COM (2021) 240 final].

As directrices de ordenación do litoral serán o elemento básico da planificación do litoral e ofrecerán unha visión global da ordenación, que servirá de referencia para formular os demais instrumentos.

Regúlanse dous plans de ordenación do litoral: para os espazos terrestres e marítimo-terrestres, o Plan de ordenación costeira, e para os espazos mariños, o plan de ordenación mariña. O primeiro ten a natureza de plan territorial integrado dos regulados na normativa de ordenación do territorio; o segundo ten unha natureza diferente, de ordenación dos espazos mariños coas limitacións que para este espazo dispón o propio ámbito de aplicación desta lei, aínda que lle resultarán aplicables as disposicións da normativa de ordenación do territorio relativas ao procedemento de elaboración.

O sistema de instrumentos de ordenación e xestión péchase coa regulación de dous plans de natureza facultativa, que permitirán dispoñer dun instrumento axeitado que ordene as rías e as praias de resultar necesario, e coa remisión aos plans sectoriais, regulados na normativa de ordenación do territorio para determinadas actividades sobre o litoral.

A lei establece uns criterios de ordenación xerais, referidos ás interaccións terra-mar, á continuidade ecolóxica, á capacidade de carga dos ámbitos, á avaliación dos riscos e á exixencia de conter procedementos de revisión e indicadores que permitan avaliar o cumprimento dos seus obxectivos e introducir melloras.

Esta planificación completará a que ata agora viña levándose a cabo a través doutros instrumentos recollidos na lexislación sectorial e do Plan de ordenación do litoral de Galicia, que, como futuro Plan de ordenación costeira, será revisado para se adaptar á nova regulación dos usos do litoral.

O título III, relativo aos usos e ás actividades no litoral, recolle algunhas das novidades máis salientables da lei.

A regulación dos usos e das actividades parte dunha zonificación do litoral, realizada a partir da constatación de que non todos os espazos do litoral teñen as mesmas características, soportan a mesma tipoloxía de usos ou requiren das mesmas intervencións. Esta zonificación, respectuosa coa normativa básica estatal, e en particular coa normativa de costas, do medio mariño e do patrimonio natural e da biodiversidade, non incide na natureza dos espazos ou dos bens que zonifica nin altera o seu réxime xurídico establecido polas normas que os regulan. Serve, e esta é a finalidade da zonificación, para ordenar os usos e as actividades en función dos obxectivos de ordenación perseguidos con esta lei.

Desta forma, no litoral distínguense tres áreas distintas, con obxectivos de ordenación específicos e a conseguinte determinación dos usos permitidos, compatibles e prohibidos: a área de protección ambiental, que comprende os espazos que conservan características naturais senlleiras e insubstituíbles e valores ambientais sobranceiros, que deben ser especialmente protexidos e preservados do proceso urbanizador ou de calquera outro que poida alterar as súas condicións; a área de reordenación, que comprende os espazos transformados pola acción urbanizadora e os espazos degradados, de difícil ou imposible renaturalización, que exixen accións de reordenación, orientadas a non agravar a deterioración, a humanizar os espazos e a renovar os elementos e a súa contorna; e a área de mellora ambiental e paisaxística, que comprende todos os demais espazos que, sen reuniren as condicións dos anteriores, se manteñen maioritariamente libres de procesos de degradación ou sufriron procesos de desnaturalización reversibles, polo que exixen accións de protección, recuperación e mellora das súas condicións.

A lei regula o réxime de intervención administrativa, quere dicir, os diferentes títulos de intervención exixibles para levar a cabo os usos e as actividades que se declaran compatibles cos obxectivos de ordenación en cada unha das tres áreas antes referidas, aspirando a simplificar a tramitación a través dun procedemento integrado, a dar seguridade xurídica ás persoas usuarias do litoral e a establecer as condicións de outorgamento, desenvolvendo, cando for preciso, a normativa básica estatal e dando o protagonismo que lle corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma, con respecto ao marco constitucional, á normativa de costas e do medio mariño e ás facultades que lle corresponden ao Estado na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.

Cómpre destacar que o outorgamento das autorizacións e das concesións do dominio público marítimo-terrestre se atribúe á Administración autonómica a partir do momento en que se produza o efectivo traspaso de funcións e servizos polo Estado. Con fundamento na doutrina máis recente do Tribunal Constitucional analizada polo Consello Consultivo de Galicia no seu Ditame 227/2022, pártese de que a Constitución española non reserva ao Estado a competencia exclusiva para outorgar títulos de ocupación do dominio público. Así o sinala o Tribunal Constitucional na súa Sentenza 149/1991, ao recoñecer que a reserva ao Estado desta facultade non é senón unha opción que acolleu o lexislador estatal, mais non é unha consecuencia única e obrigada do bloque da constitucionalidade.

O Alto órgano consultivo da Comunidade Autónoma concluíu que, dos termos dos artigos 27.3 e 37.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e da doutrina actual do Tribunal Constitucional (por todas, STC 31/2010, do 28 de xuño, STC 57/2016, do 17 de marzo, e STC 18/2022, do 8 de febreiro), dedúcese que a competencia asumida pola Comunidade Autónoma galega sobre a «ordenación do territorio e do litoral» comprende todas as facultades ou funcións que naturalmente son desenvoltas en relación con tal materia, incluídas as facultades sobre a «xestión» dos títulos de uso e ocupación do dominio público marítimo-terrestre, comprensibles das funcións executivas de outorgamento (e, por conseguinte, tamén as relativas á prórroga, á modificación e á extinción) das autorizacións e das concesións previstas na normativa de costas para a utilización e a ocupación do dominio público marítimo-terrestre do litoral galego non adscrito.

Non formando parte tales funcións executivas das facultades do Estado derivadas da titularidade do dominio público marítimo-terrestre, nin da competencia estatal sobre a protección do medio ambiente, e sen que as reteña o Estado en virtude da cláusula residual do artigo 149.3 da Constitución española, resulta posible e considérase necesario o exercicio das ditas funcións de xestión de carácter executivo, pendente de que se proceda, en vista do principio de lealdade constitucional, ao traspaso de funcións e servizos por parte do Estado.

Xunto ás autorizacións e ás concesións do dominio público marítimo-terrestre, a lei regula as autorizacións para os usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, o informe de avaliación paisaxística e a autorización ou o informe para os usos e as actividades sobre os espazos naturais protexidos.

Singularizar o litoral de Galicia e recoñecer as súas particularidades significa identificar os usos e as actividades que se veñen realizando e os que necesariamente deben desenvolverse nel, non só sen o prexudicar, senón poñéndoo en valor e significándoo como unha fonte de riqueza, benestar e cohesión social. Algúns deses usos constitúen unha riqueza propia de Galicia e resultan estratéxicos para o desenvolvemento sustentable do litoral. Por iso, o título IV da lei identifícaos como «actuacións estratéxicas» e establece as medidas legais necesarias para que poidan levarse a cabo co máximo respecto ao medio ambiente e á paisaxe, e na mesma medida con eficacia e seguridade xurídica.

Así, regúlanse os usos da cadea mar-industria alimentaria, pola relevancia que teñen non só sobre a economía do mar senón sobre o benestar e a riqueza das poboacións do litoral, que escolleron hai décadas un xeito de vida vencellado ao mar. Regúlanse os establecementos vencellados a estes usos, declárase a necesidade de ocupar o dominio público marítimo-terrestre cando requiran a captación e o retorno da auga do mar para o desenvolvemento dos seus procesos produtivos ou comerciais, e suxéitase a súa localización no dominio público marítimo-terrestre ou na zona de servidume de protección a intensos condicionantes e exixencias de integración paisaxística.

O litoral como lugar de esparexemento, lecer e consumo de tempo libre pretende impulsarse a través da creación, unhas veces, e a ampliación, outras, dunha rede de sendas que permita unir os puntos máis emblemáticos da paisaxe litoral e promover o seu coñecemento e gozo, contribuíndo a un turismo diversificado e desestacionalizado, en coherencia coa normativa turística de Galicia. Xunto ás sendas, e coa mesma finalidade, crearase unha rede de establecementos de turismo litoral, que permitirá manter, recuperar ou mellorar inmobles preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural, situados na área de mellora ambiental e paisaxística e, só cando o permitan as normas reguladoras do espazo natural, na área de protección ambiental, aténdose as intervencións á normativa do patrimonio cultural e ás exixencias paisaxísticas.

O litoral ten monumentos, belezas, lugares ou edificacións que merecen ser preservados como parte integrante do seu valor. Perseguirase a recuperación e a posta en valor deste patrimonio, mesmo naqueles casos en que deban realizarse accións sobre o dominio público marítimo-terrestre ou a zona de servidume de protección. En tales casos, a normativa do patrimonio cultural debe prevalecer, como recoñece a propia normativa de costas. Por iso é polo que se declaran estratéxicas as intervencións sobre o patrimonio cultural do litoral e se articula un réxime xurídico claro, exixente e garantista para a súa posta en valor.

A lei recoñece o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable do litoral, e así o dispoñerán os plans de ordenación do litoral que se aproben, os cales establecerán un réxime de zonificación e de uso que garanta o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa de competencia autonómica. Asemade, velarase pola sustentabilidade deste sector marítimo-pesqueiro a través do informe de impacto económico e social que, como unha das principais ferramentas desta lei, se recolle no título V.

Por último, o medio ambiente e o benestar das poboacións costeiras exixen un servizo público de abastecemento, saneamento e depuración das augas residuais de calidade. Por iso, decláranse estratéxicas as dotacións públicas dirixidas a prestar o dito servizo, co máximo respecto da normativa de costas e rodeada, como é a regra nesta lei, de garantías de adecuación paisaxística e cinguindo a súa aplicación aos casos estritamente necesarios: cando os sistemas que pretendan implantarse presten servizo a actividades ou instalacións que estean situadas no dominio público marítimo-terrestre ou estean vinculados a servizos esenciais de depuración de núcleos de poboación situados no litoral.

No marco das competencias de que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia para ditar normas adicionais de protección do medio ambiente, e aspirando a preservar un modelo produtivo e un xeito de vida que depende en gran medida do mar, o título V da lei, baixo o título de «Normas adicionais de protección e sustentabilidade do litoral», recolle tres medidas relevantes, que suxeitan algunhas actuacións que pretendan levarse a cabo sobre o litoral a tres condicións adicionais: a determinación do grao de resiliencia da costa perante os riscos asociados ao cambio climático, a análise do impacto de certas actuacións no desenvolvemento económico e social dos sectores produtivos de Galicia ou as súas comunidades e mais o mantemento dos obxectivos de calidade e ambientais das augas interiores e costeiras do litoral. Estas medidas poderán axudar a tomar decisións relevantes sobre o litoral e serán exixibles, a través da emisión dun informe preceptivo, cando se trate de realizar certos usos.

En primeiro lugar, a Xunta de Galicia realizará estudos de resiliencia do litoral de Galicia que permitan considerar os riscos asociados para os efectos do cambio climático, tanto no deseño dos instrumentos de ordenación coma na adopción de decisións sobre os usos do litoral. A información estará dispoñible para a súa consulta e será utilizada preceptivamente nos procedementos autonómicos de outorgamento de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, cando se pretenda a ocupación do espazo con instalacións fixas ou non desmontables, a través da emisión dun informe pola consellaría competente en materia de medio ambiente, que poderá impoñer unhas condicións referidas ao prazo de vixencia do título, para establecer a obriga de desaloxar o espazo e retirar os materiais ante o avance do mar ou para incorporar ao conxunto das cláusulas unha expresa asunción do risco por parte da persoa interesada.

En segundo lugar, as actuacións que pretendan levarse a cabo no litoral de Galicia por calquera suxeito público ou privado, susceptibles de interferir no exercicio das competencias exclusivas da Comunidade Autónoma de Galicia, ben directamente ou ben por efecto da interacción terra-mar, deberán contar cun informe previo de sustentabilidade, que permita avaliar o impacto social e económico das devanditas actuacións e, se for o caso, adoptar ou exixir a adopción de medidas preventivas ou reparadoras, de conformidade cos criterios de sustentabilidade do litoral que se determinen.

Finalmente, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias sobre as augas do litoral velarán para que se manteñan os obxectivos de calidade e ambientais das augas interiores e costeiras do litoral cando poidan ser afectadas por verteduras ou pola realización de certas obras, instalacións e actividades. Os obxectivos de calidade e ambientais estarán determinados na normativa de augas de Galicia, entre os cales figurarán os obxectivos ambientais establecidos na Estratexia mariña da Demarcación noratlántica.

O título VI da lei regula o patrimonio litoral, coa inclusión de medidas para acrecentalo, co fin de poder acometer accións de renaturalización e a execución dalgunhas actuacións estratéxicas, e establece a declaración de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa e o dereito de tenteo e retracto en certos ámbitos que delimitarán os plans.

O título VII da lei recolle algunhas novidades que están en sintonía coas que se están a promover desde os organismos internacionais que teñen por misión o desenvolvemento sustentable das costas, dos mares e dos océanos: a cultura litoral e oceánica. Xuntamente co compromiso de poñer á disposición da sociedade información abonda e accesible sobre o litoral, decláranse como obxecto de protección específica, como parte do patrimonio cultural inmaterial, os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas das comunidades costeiras que manifestan un particular sentimento de identidade e de relación co medio costeiro e mariño. Así mesmo, promoveranse estratexias e programas de concienciación á cidadanía sobre a importancia da conservación do litoral, do seu uso sustentable e da súa función esencial para o benestar da humanidade, co impulso de programas de formación en todos os niveis do sistema educativo e universitario dirixidos a acadar o ODS (obxectivo de desenvolvemento sustentable) nº 14, sen esquecer o pulo de estratexias e programas de investigación e de innovación en ciencias mariñas e a promoción do desenvolvemento da ciencia cidadá sobre o litoral, a través da implicación activa de persoas non especializadas na captación, no procesamento, na interpretación de datos e na identificación de problemas.

Finalmente, o título VIII regula a inspección e a potestade sancionadora, cunha remisión xenérica ao cadro de infraccións e de sancións recollido nas diversas leis xerais e sectoriais que están vixentes.

A lei remata con dez disposicións adicionais, catro transitorias, unha derrogatoria e cinco derradeiras.

A disposición adicional primeira crea as áreas de influencia litoral, de conformidade coa mellor experiencia e coñecemento científico, conformadas por espazos non comprendidos no litoral definido por esta lei pero que poden resultar imprescindibles para o mantemento de bens e servizos ecosistémicos no futuro.

A disposición adicional segunda establece unha remisión á normativa de augas respecto das definicións de augas costeiras e de transición.

A disposición adicional terceira dispón os prazos para a aprobación dos diversos instrumentos de ordenación.

A disposición adicional cuarta regula o cambio de denominación do «Plan de ordenación do litoral de Galicia», que pasa a denominarse «Plan de ordenación costeira», e o establecemento dun prazo para proceder á súa revisión.

A disposición adicional quinta regula a complementariedade das disposicións desta lei cos diversos plans aprobados en virtude das normas sectoriais, dos que se enuncian os máis relevantes, de modo non taxado, e atribúe unha función integradora das diferentes disposicións á Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación de Litoral.

A disposición adicional sexta regula o catálogo de edificacións de valor cultural no litoral, sobre as que se poderán promover algunhas das actuacións estratéxicas.

A disposición adicional sétima está encamiñada a regularizar a situación xurídica dos bens inmobles destinados a usos ou servizos públicos autonómicos, cuxa titularidade resultou transferida á Comunidade Autónoma de Galicia antes da entrada en vigor da Lei de costas e que resultaron posteriormente declarados de dominio público marítimo-terrestre por causa dun deslindamento practicado conforme a dita lei. Con respecto absoluto ás competencias da Administración xeral do Estado, e dentro das posibilidades que confire a propia normativa de costas, encoméndase á Administración autonómica a promoción dun procedemento de declaración de innecesariedade e desafectación dos terreos, que corresponderá instruír e resolver, consonte o disposto na normativa vixente, á Administración xeral do Estado.

As disposicións adicionais oitava e novena exclúen a aplicación desta lei verbo de dúas cuestións específicas: a autorización dos aproveitamentos forestais na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, que se regulará pola normativa de montes de Galicia; e o tramo internacional do río Miño, que se regulará polo disposto nos correspondentes instrumentos internacionais.

A disposición adicional décima dispón que o establecido nesta lei debe entenderse sen prexuízo do establecido na súa lexislación específica para as obras e as actuacións de interese xeral do Estado, que se rexerán pola norma estatal sectorial que resulte aplicable no seu caso.

As disposicións transitorias establecen o réxime transitorio respecto dos procedementos de obtención de títulos habilitantes de usos e actividades sobre o litoral (a primeira), o Plan de ordenación do litoral (a segunda), a delimitación dos espazos de especial interese ambiental e paisaxístico (a terceira) e os procedementos de outorgamento de autorizacións e o réxime das declaracións responsables para usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre (a cuarta).

Tras unha disposición derrogatoria única, que declara derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a esta lei, a lei dispón de cinco disposicións derradeiras.

A disposición derradeira primeira introduce unha modificación do artigo 55 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, que afecta á determinación dos usos portuarios. Ademais de se especificar o contido dos usos pesqueiros, inclúense os usos relativos á cadea mar-industria alimentaria como usos complementarios ou auxiliares e os usos portuarios vinculados á interacción porto-cidade. Respecto destes últimos, trátase de usos que cumpren a dobre función de integrar o ámbito portuario no concello e a participación da comunidade no desenvolvemento portuario, a través da implantación de usos e actividades que, sen alteraren o desenvolvemento do porto e as operacións de tráfico portuario, melloren a calidade de vida da cidadanía, entre eles, a prestación de servizos sanitarios, asistenciais, docentes, culturais, deportivos e os destinados á mellora da conectividade do porto coa contorna urbana. Para eles dispóñense, ademais, unhas fórmulas de colaboración para a xestión dos espazos.

A disposición derradeira segunda introduce unha modificación do artigo 82 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que incorpora á dita lei os obxectivos ambientais establecidos na Estratexia mariña da Demarcación noratlántica.

A disposición derradeira terceira habilita un enderezo electrónico para consultar a información cartográfica necesaria para a aplicación desta lei.

A disposición derradeira cuarta autoriza o Consello da Xunta para ditar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario desta ei.

E a disposición derradeira quinta declara a entrada en vigor da lei aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

VI

Esta lei axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no que se exixe que «En todas as iniciativas normativas xustificarase a adecuación delas aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia».

Desta forma, o principio de necesidade desta iniciativa lexislativa vén determinado por canto as medidas propostas unicamente poden ser introducidas mediante unha norma con rango de lei, por afectar materias que están reservadas a este tipo de norma.

Respéctase o principio de proporcionalidade, xa que para acadar os obxectivos da lei se realiza un esforzo de simplificación e integración da normativa vixente.

Préstase especial atención á efectividade do principio de seguridade xurídica, directamente conectado coa integración coherente da nova norma no ordenamento xurídico vixente, de xeito que o resultado sexa un marco normativo estable, claro, integrado e de certeza; e ao principio de transparencia, coa promoción da máis ampla participación da cidadanía en xeral e, en particular, dos operadores técnicos e xurídicos implicados na materia, tanto na elaboración da propia lei coma na fase de planificación, e sen menoscabo dos procedementos de participación que poidan estar previstos noutras normas; así como ao principio de accesibilidade, coa garantía do acceso a toda a información de que dispoña a administración na materia obxecto de regulación.

Finalmente, en vista dos principios de simplicidade e eficacia, e dentro do obxectivo de simplificación administrativa e da normativa aplicable, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con elas.

Na tramitación do anteproxecto de lei observáronse todas as garantías exixidas pola lexislación vixente en materia de participación pública, coa promoción dunha participación pública real e efectiva ao longo de todo o procedemento de tramitación.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Obxecto, ámbito de aplicación e fins da lei

Artigo 1. Obxecto da lei

  1. Esta lei ten por obxecto a ordenación e a xestión integrada do litoral de Galicia, no marco das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia na Constitución española e no Estatuto de autonomía.
  2. A ordenación e a xestión integrada do litoral comprenden:
  3. a) o establecemento dunha organización administrativa do litoral que garanta a xestión integrada, a través de técnicas adecuadas e efectivas de coordinación, colaboración, cooperación e participación
  4. b) a regulación dos instrumentos de planeamento do litoral, no marco dos principios, dos criterios básicos e dos instrumentos establecidos na lexislación de ordenación do territorio de Galicia
  5. c) a determinación do réxime xurídico dos usos e das actividades socioeconómicas que se desenvolven sobre o litoral, con respecto da normativa de costas e do medio mariño e sen prexuízo da normativa ditada ao amparo de títulos competenciais específicos, así como con respecto das facultades que lle correspondan á Administración xeral do Estado en canto titular do dominio público marítimo-terrestre
  6. d) o outorgamento e a xestión, cando proceda, dos títulos habilitantes para a utilización do litoral
  7. e) a identificación das actuacións estratéxicas para o desenvolvemento sustentable do litoral e a previsión de instrumentos para a súa realización
  8. f) a adopción de medidas adicionais de protección e sustentabilidade do litoral que tomen en consideración o mantemento dos obxectivos de calidade e ambientais das augas do litoral de Galicia, o grao de resiliencia costeira perante o cambio climático e o impacto económico e social diante das actuacións que se proxecten sobre o litoral
  9. g) a regulación do patrimonio público litoral e as accións que se deben emprender para a súa conservación, ampliación e renovación
  10. h) a promoción da cultura litoral, a través de medidas de concienciación, divulgación e educación ambiental.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Enténdese por litoral a franxa de largura variable, a ambos os lados da beira do mar, na que se produce a interacción entre a natureza, as comunidades humanas e as actividades socioeconómicas que se sustentan na existencia ou na influencia do mar.
  2. Para os efectos desta lei, o litoral de Galicia esténdese cara ao interior ata o límite administrativo dos concellos costeiros ou, de o superar, o límite interior dos espazos naturais que radiquen neles; e mar a fóra, ata o límite exterior do mar territorial.
  3. As disposicións sobre o mar territorial entenderanse referidas exclusivamente a actuacións que deriven do exercicio lexítimo das competencias que a Comunidade Autónoma de Galicia ten recoñecidas no Estatuto de autonomía explicitamente nese medio ou ás que deben realizarse no mar pola natureza da competencia, tal e como resulta da interpretación do bloque da constitucionalidade, sen prexuízo das competencias en materia de costas, protección e ordenación do espazo marítimo ou de calquera outra que lle corresponda ao Estado.
  4. Esta lei é complementaria da lexislación sectorial reguladora das actividades que se realicen sobre o litoral, nomeadamente a lexislación de pesca, marisqueo e acuicultura, e aplicarase con pleno respecto da lexislación portuaria, do medio mariño e de costas.
  5. En todo caso, quedan fóra do ámbito de aplicación desta lei os portos do Estado, que se regularán pola súa lexislación específica.

Artigo 3. Fins da lei

Son fins desta lei:

  1. a) a ordenación e a xestión do litoral de Galicia como unha entidade continua e única, na que conflúen valores ambientais, económicos e sociais merecedores de protección
  2. b) a utilización racional e sustentable do litoral, mediante a xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio ambiente
  3. c) a identificación dos espazos do litoral que, polos seus extraordinarios valores ambientais, deban ser obxecto de especial protección, garantindo a preservación dos seus valores naturais, e daqueloutros que, polo seu estado de desnaturalización ou degradación, requiren unhas medidas de protección que eviten o avance da súa deterioración, e de mellora ou renovación co fin de mellorar o medio ambiente e a paisaxe, así como a calidade de vida das poboacións que viven no litoral
  4. d) o impulso, mediante unha planificación racional dos usos e das actividades, do desenvolvemento sustentable do litoral, do medio ambiente e da paisaxe de forma conciliada co desenvolvemento económico e social
  5. e) a cohesión social e a mellora da calidade de vida da poboación do litoral de Galicia
  6. f) o desenvolvemento equilibrado dos sectores e das actividades da economía azul
  7. g) o apoio ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de Galicia, mediante accións de ordenación do litoral que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar, garantan o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais
  8. h) a prevención e a redución dos efectos dos riscos naturais, en particular da emerxencia climática, que poidan ser causados por actividades naturais ou humanas
  9. i) a protección, a conservación e a mellora da calidade das augas do litoral de Galicia, así como o cumprimento dos obxectivos ambientais da Estratexia mariña da Demarcación noratlántica
  10. j) o impulso dun turismo litoral diversificado, desestacionalizado e de calidade
  11. k) a protección, a conservación e a mellora do patrimonio cultural do litoral a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación
  12. l) o fomento da cultura do litoral, a través de accións de sensibilización, divulgativas e de formación da sociedade galega
  13. m) a preservación e a recuperación das zonas costeiras, da súa biodiversidade e das súas especies protexidas, así como dos seus sistemas ecolóxico, xeomorfolóxico e hidrolóxico, garantindo a súa integridade e conectividade
  14. n) a coherencia entre as iniciativas das distintas entidades públicas e privadas, priorizando sempre aquelas que teñan por obxectivo a conservación, a recuperación e a protección públicas.

CAPÍTULO II

Principios da ordenación do litoral

Artigo 4. Principios

  1. A ordenación do litoral deberase realizar de acordo cos principios de lealdade institucional, colaboración e cooperación e coordinación.
  2. O deseño, a aprobación e a xestión dos instrumentos de ordenación do litoral, así como a toma de decisións sobre os usos e as actividades que se realicen no litoral, basearanse no enfoque ecosistémico e na xestión integrada, respectando os principios de desenvolvemento sustentable, precaución ou cautela, prevención, non-regresión, quen contamina paga, participación e uso das mellores e máis recentes evidencias científicas dispoñibles e dos coñecementos tradicionais.

Artigo 5. Colaboración e cooperación

  1. Constitúe un principio reitor da ordenación do litoral a colaboración interadministrativa, para cuxo fin se promoverán os medios axeitados para que todas as administracións públicas con competencias no litoral poidan participar no deseño, na aprobación e na xestión dos instrumentos de ordenación do litoral ou na toma de decisións respecto dos usos e das actividades que se desenvolvan nel.
  2. Os órganos administrativos das administracións públicas de Galicia que interveñan no deseño, na aprobación e na xestión dos instrumentos de ordenación do litoral ou na toma de decisións respecto dos usos e das actividades que se desenvolvan no litoral colaborarán activamente cos demais órganos da propia ou distinta administración co gallo de facilitar a información que resulte precisa para o exercicio das respectivas funcións.
  3. Para a implementación de políticas públicas de desenvolvemento sustentable do litoral, a execución de accións estratéxicas ou a xestión de ámbitos, espazos ou elementos do litoral nos cales poidan ter interese outras administracións, poderán promoverse uns convenios de colaboración e unhas fórmulas de cooperación que favorezan a adopción de decisións conxuntas e de responsabilidades compartidas.
  4. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá o impulso da cooperación transfronteiriza cando se estime que un plan, programa ou proxecto, ou unha obra, instalación ou actividade proxectada ou realizada por outro Estado, poida ter efectos ambientais significativos sobre o litoral de Galicia ou á inversa.

Artigo 6. Coordinación

  1. Todas as accións de ordenación do litoral previstas nesta lei débense realizar garantindo a coordinación institucional, a través de mecanismos, procedementos e órganos adecuados que permitan asegurar tanto a coherencia nas actuacións das administracións e dos órganos con competencias nos espazos terrestres, mariños ou marítimo-terrestres do litoral coma a coordinación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as administracións das entidades locais na aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral.
  2. As administracións públicas de Galicia articularán procedementos de coordinación entre os diferentes órganos implicados nas políticas e nas medidas previstas nesta lei, en prol de simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos relacionados con elas, coa intervención, cando resulte necesario, da Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral prevista no artigo 14; todo iso sen prexuízo do establecido na lexislación estatal e dos órganos de participación previstos nesta.

Artigo 7. Enfoque ecosistémico

Na planificación e na xestión do litoral, así como na súa avaliación, aplicarase un enfoque ecosistémico verbo da xestión das actividades humanas, no que se garantirá que a presión conxunta destas se mantén en niveis compatibles coa consecución do bo estado ambiental dos ecosistemas costeiros e mariños e que a súa capacidade de resposta aos cambios inducidos polos seres humanos non se ve comprometida, permitindo ao mesmo tempo o uso sostible dos bens e dos servizos do ecosistema para as xeracións actuais e futuras.

Artigo 8. Xestión integrada do litoral

  1. Segundo a Recomendación 2002/413/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2002, relativa á aplicación da xestión integrada das zonas costeiras de Europa, en atención aos diversos usos e ás actividades económicas que se proxectan e desenvolven no litoral, aos diversos riscos e ameazas que afecten os ecosistemas mariño-costeiros, así como ás distintas administracións que concorran na súa ordenación e xestión, adoptarase un enfoque integrado na xestión do litoral.
  2. A xestión integrada é un proceso participativo, dinámico e adaptativo que, tendo en conta a interrelación e a interdependencia entre os fenómenos naturais e as actividades humanas, persegue un desenvolvemento sustentable integral, ambiental, social e económico, cunha xestión baseada nos ecosistemas para a protección dos seus servizos ecosistémicos e para potenciar a súa resiliencia, sobre todos os espazos terrestres, mariños e marítimo-terrestres en que se percibe unha interacción terra-mar contrastada cientificamente.
  3. Son principios xerais da xestión integrada do litoral:
  4. a) ter especialmente en conta a riqueza biolóxica, a dinámica e o funcionamento natural dos espazos intermareais, así como a complementariedade e a interdependencia entre os espazos terrestres e mariños, que constitúen unha entidade única
  5. b) tomar en consideración de maneira integrada o conxunto dos elementos relativos aos sistemas hidrolóxicos, xeomorfolóxicos, climáticos, ecolóxicos, socioeconómicos e culturais para non superar a capacidade de carga e de acollida do litoral e para previr os efectos negativos do cambio climático, das catástrofes naturais e do desenvolvemento
  6. c) ter en conta a multiplicidade e a diversidade de actividades no litoral e dar prioridade aos servizos públicos e ás actividades que requiran, para os efectos de utilización e localización, a proximidade do mar
  7. d) formular estratexias, plans e programas de uso do solo que abarquen o urbanismo, as actividades socioeconómicas, así como outras políticas sectoriais pertinentes
  8. e) garantir unha ordenación equilibrada do territorio nos espazos terrestres do litoral e evitar unha concentración e unha expansión urbanas que poidan poñer en perigo os ecosistemas costeiros
  9. f) proceder a avaliacións preliminares dos riscos relacionados coas diversas actividades humanas e infraestruturas co fin de evitar os seus impactos negativos nos espazos litorais e, de estes se produciren, realizar unha restauración adecuada
  10. g) garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente, de maneira adecuada e oportuna, nun proceso de decisión transparente, das poboacións locais e dos sectores da sociedade civil interesados no litoral
  11. h) garantir unha coordinación institucional intersectorial organizada dos diversos servizos administrativos e das autoridades autonómicas e locais con competencias sobre o litoral.
  12. A xestión integrada do litoral persegue os seguintes obxectivos:
  13. a) preservar o litoral en beneficio das xeracións presentes e futuras, protexendo especialmente os ecosistemas costeiros e as paisaxes litorais
  14. b) facilitar, por medio dunha planificación racional das actividades, o desenvolvemento sustentable, garantindo que se teñan en conta o medio ambiente e as paisaxes de forma conciliada co desenvolvemento económico, social e cultural
  15. c) previr e reducir os efectos dos riscos naturais e, en particular, do cambio climático
  16. d) garantir a coherencia entre as iniciativas públicas e privadas e a coordinación das autoridades públicas na toma de decisións que afecten a utilización do litoral.

Artigo 9. Participación

  1. As administracións públicas de Galicia velarán pola participación das poboacións locais, dos operadores económicos, dos axentes sociais e da sociedade civil na ordenación do litoral.
  2. A participación deberá ser suficiente, adecuada, informada e eficaz. Para tal fin, facilitaráselles información a todas as posibles persoas interesadas e consultaranse os grupos de interese e as autoridades pertinentes, de conformidade co establecido na normativa reguladora dos dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.
  3. Alén da presentación de alegacións durante o período de información pública previsto na normativa de procedemento administrativo, garantirase a participación nas fases de formulación, aplicación e avaliación das estratexias, dos plans, dos proxectos ou dos programas.

Artigo 10. Apoio científico e saberes tradicionais

  1. Na ordenación, a xestión e a avaliación do litoral empregarase a mellor e máis recente información científica dispoñible que resulte indispensable para mellorar a protección dos ecosistemas mariño-costeiros e os seus recursos e para promover a innovación e a economía azul sustentable.
  2. As administracións públicas de Galicia con competencias no litoral garantirán o diálogo permanente entre a administración, a ciencia e os sectores vencellados á economía azul, a través da creación dunha comisión participada polos ditos sectores que permita atender e incorporar os coñecementos e as prácticas tradicionais que redunden en beneficio do uso racional e sustentable dos recursos mariños e costeiros.

TÍTULO I

Organización administrativa e suxeitos intervenientes na ordenación do litoral

CAPÍTULO I

Competencias autonómicas

Artigo 11. Competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

  1. A Comunidade Autónoma de Galicia exerce as competencias en materia de ordenación e xestión integrada do litoral a través das consellarías que teñen atribuídas as competencias de medio ambiente; a ordenación do territorio; o mar, en particular a pesca en augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, a ordenación do sector pesqueiro, a planificación portuaria, o control de calidade das augas interiores e costeiras e a loita contra a contaminación mariña; e, na medida en que incidan sobre o litoral, a promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, a ordenación do turismo e a protección do patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de Galicia.
  2. Correspóndelle ao Consello da Xunta a aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral autonómicos previstos nesta lei.
  3. Correspóndenlle á consellaría con competencias en medio ambiente as seguintes atribucións e funcións:
  4. a) a adopción das medidas de protección do medio ambiente litoral, con especial atención aos ecosistemas de maior fraxilidade
  5. b) o impulso, a dirección e a coordinación dos traballos preparatorios dos instrumentos de ordenación do litoral no relativo ás determinacións da paisaxe e aos espazos naturais protexidos, así como a elevación ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, se é o caso, dos plans especiais das praias
  6. c) o impulso, a implementación e o seguimento das accións de mitigación e adaptación dos efectos do cambio climático sobre o litoral, e en particular a emisión do informe de resiliencia costeira previsto no artigo 62
  7. d) o impulso das accións relacionadas coa execución da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, así como as dirixidas á creación da rede de sendas do litoral regulada no artigo 56
  8. e) o outorgamento de títulos de intervención referidos aos espazos naturais protexidos, conforme o previsto na súa normativa específica
  9. f) a emisión dos informes de avaliación paisaxística previstos no artigo 50.
  10. Correspóndenlle á consellaría con competencias en materia de ordenación do territorio as seguintes atribucións e funcións:
  11. a) o impulso, a dirección e a coordinación dos traballos preparatorios dos instrumentos de ordenación do litoral no relativo ás determinacións dos espazos terrestres, así como a elevación ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, se é o caso, das directrices de ordenación do litoral e do Plan de ordenación costeira
  12. b) o outorgamento dos títulos de intervención ou a emisión de informes equivalentes, para a utilización dos espazos terrestres do dominio público marítimo-terrestre, cando corresponda en virtude do previsto no artigo 48
  13. c) o outorgamento dos títulos de intervención autonómicos previstos no artigo 49 ou a emisión de informes equivalentes, para os usos en terreos na zona de servidume de protección
  14. d) a emisión do informe de impacto económico e social regulado no artigo 63, cando proceda.
  15. Correspóndenlle á consellaría con competencias sobre o mar as seguintes atribucións e funcións:
  16. a) o impulso, a dirección e a coordinación dos traballos preparatorios dos instrumentos de ordenación do litoral no relativo ás determinacións dos espazos intermareais e mariños, así como a elevación ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, se é o caso, da estratexia de economía azul de Galicia, do plan de ordenación mariña e dos plans especiais de ría
  17. b) o outorgamento dos títulos de intervención, para a utilización dos espazos intermareais e mariños do dominio público marítimo-terrestre, cando corresponda en virtude do previsto no artigo 48
  18. c) a emisión do informe de impacto económico e social regulado no artigo 63, cando proceda
  19. d) o impulso das estratexias de desenvolvemento local participativo e de organismos e instrumentos de coxestión previstas nesta lei.
  20. Correspóndenlle á consellaría con competencias en materia de turismo as atribucións e as funcións de impulso das actuacións estratéxicas previstas nesta lei que persigan un turismo de calidade, diversificado e desestacionalizado que favoreza o desenvolvemento sustentable do litoral.
  21. Correspóndenlle á consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural as atribucións e as funcións de impulso, promoción, conservación e acrecentamento do patrimonio cultural litoral, e en particular o deseño e a execución das actuacións estratéxicas previstas nesta lei para conseguir tales fins, así como a emisión dos informes que procedan respecto da aprobación de instrumentos de ordenación ou a realización de actuacións que afecten o patrimonio cultural litoral.

Artigo 12. Competencias das entidades instrumentais do sector público autonómico

  1. Sen prexuízo das competencias que lles atribúan as súas leis de creación e as normas sectoriais autonómicas aplicables, participarán na ordenación do litoral o ente público Portos de Galicia, o ente público Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.
  2. Portos de Galicia impulsará o desenvolvemento sustentable do litoral a través da implantación de establecementos da cadea mar-industria alimentaria en espazos portuarios da súa competencia.
  3. Correspóndelle a Augas de Galicia o control da calidade das augas interiores e costeiras de Galicia, mediante a intervención e o control das verteduras de augas residuais producidas desde terra ao litoral galego.
  4. O Instituto de Estudos do Territorio elaborará, manterá e actualizará a información xeográfica e cartográfica necesaria para o desenvolvemento dunha adecuada ordenación do litoral e, no ámbito das súas funcións e en coordinación coa entidade con competencias en materia de tecnoloxías da información e da comunicación, xestionará e desenvolverá os sistemas de información corporativos da Xunta de Galicia vencellados ao litoral, así como prestará asistencia aos órganos competentes para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación e de execución das accións estratéxicas previstas nesta lei.

Así mesmo, ao Instituto de Estudos do Territorio corresponderalle desenvolver os instrumentos recollidos na normativa vixente sobre a protección, a xestión ou a ordenación da paisaxe litoral, emitir os informes que lle foren solicitados sobre a paisaxe e executar as funcións que se lle encomenden relativas á formación e á divulgación da paisaxe litoral.

  1. Corresponderalle ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, no marco das competencias da Comunidade Autónoma, o control da calidade do medio mariño, e en particular o control do cumprimento dos obxectivos ambientais nas augas costeiras do litoral de Galicia.
  2. A Axencia de Turismo de Galicia exercerá as funcións que lle correspondan na preparación e no desenvolvemento dos plans de ordenación do litoral respecto do cumprimento da normativa turística de Galicia, así como o impulso ou a execución das actuacións estratéxicas previstas nesta lei que afecten o turismo.

CAPÍTULO II

Competencias dos entes locais

Artigo 13. Concellos costeiros

Ademais das competencias que lles correspondan en virtude doutras leis, os concellos costeiros de Galicia exercerán sobre os seus termos municipais as seguintes competencias:

  1. a) a elaboración, a aprobación, o desenvolvemento e a xestión dos instrumentos de ordenación do litoral de ámbito municipal previstos nesta lei
  2. b) a participación na tramitación dos restantes instrumentos de ordenación do litoral que afecten o seu ámbito territorial
  3. c) o deseño, o impulso e a execución das actuacións estratéxicas de competencia municipal recollidas nesta lei
  4. d) as restantes competencias que lles confire a normativa urbanística, ambiental e de costas sobre os espazos terrestres e intermareais do litoral.

CAPÍTULO III

Coordinación

Artigo 14. Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral

  1. Créase a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral para coordinar a elaboración, a aplicación e o seguimento dos instrumentos de ordenación do litoral.
  2. Formarán parte desta comisión, polo menos, as persoas titulares das consellarías con competencias na ordenación do litoral, consonte o disposto no artigo 11 desta lei.
  3. A súa composición, que deberá ser equilibrada entre homes e mulleres, e mais o seu réxime de funcionamento determinaranse regulamentariamente.

CAPÍTULO IV

Órganos de participación, consulta e asesoramento

Artigo 15. A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo

A Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, adscrita á consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, ademais das funcións que lle son propias, exercerá a función consultiva en materia de ordenación do litoral, correspondéndolle o asesoramento e a emisión de informes relativos á aplicación e á interpretación da normativa vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre o litoral.

Artigo 16. Foro do Litoral de Galicia

  1. Créase o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
  2. O Foro do Litoral de Galicia estará adscrito á consellaría competente en materia de medio ambiente. A súa composición e o seu réxime de funcionamento determinaranse regulamentariamente.

CAPÍTULO V

Participación da sociedade civil no desenvolvemento sustentable do litoral

Artigo 17. Redes e asociacións

  1. Co propósito de fomentar un desenvolvemento sustentable, innovador e competitivo dos sectores produtivos vencellados ao litoral, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará a creación de redes ou asociacións que permitan a transferencia de coñecementos e a mellora de capacidades entre os organismos científicos, os sectores produtivos do litoral e as administracións públicas.
  2. As redes que se constitúan terán como obxectivo:
  3. a) fomentar a colaboración entre todos os axentes relacionados co litoral na formulación do coñecemento e na obtención da mellor información dispoñible
  4. b) facilitar o coñecemento mutuo e mellorar a transferencia de información e do coñecemento entre os organismos científicos, os sectores produtivos, a sociedade civil e as administracións públicas
  5. c) favorecer o debate e a participación sobre asuntos de interese para a sustentabilidade ambiental, económica e social do litoral
  6. d) identificar as liñas de investigación prioritarias para contribuír de forma eficaz a unha xestión sustentable dos recursos, en termos ambientais, económicos e sociais.
  7. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia incentivará decididamente o movemento asociativo feminino vinculado ao mar, con medidas que visibilicen as mulleres e poñan en valor o seu traballo e que incrementen a súa participación, en especial das máis novas, a coordinación, o intercambio de experiencias, a formación e a erradicación das desigualdades ás que se enfrontan.

Artigo 18. Desenvolvemento local participativo

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará o deseño de estratexias de desenvolvemento local participativo e a constitución de grupos de acción local en zonas costeiras, co fin de que aproveiten as oportunidades que ofrece a economía azul sustentable e se beneficien delas en maior medida, capitalizando e reforzando os recursos produtivos da pesca, do marisqueo e da acuicultura e mais os recursos ambientais, culturais, sociais e humanos.
  2. As estratexias de desenvolvemento local participativo incluirán cando menos os seguintes obxectivos estratéxicos:
  3. a) o aumento do valor, a creación de emprego, a valoración e o fomento da participación das mulleres, a atracción de persoas mozas e a promoción da innovación, en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e a acuicultura, e mais a mellora da imaxe dos produtos e da actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio
  4. b) o fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas
  5. c) o impulso e o aproveitamento do patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático
  6. d) o fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, coa inclusión do patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo
  7. e) o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e das actividades marítimas locais
  8. f) a cooperación.
  9. No deseño das estratexias de desenvolvemento local participativo e na constitución de grupos de acción local garantirase a participación equilibrada das mulleres e dos homes, así como a presenza das mulleres nos espazos de decisión das organizacións que se constitúan.

Artigo 19. Custodia do litoral

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará a custodia do litoral mediante acordos entre as entidades de custodia e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, propietarias e usuarias de espazos do litoral cuxo obxectivo principal sexa a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.

Para tal fin, realizaranse estudos e diagnósticos da situación dos ecosistemas que hai que conservar e do estado de propiedade destes, por iniciativa propia da administración ou solicitados polas entidades de custodia, coa información abonda para que sirvan de impulso á subscrición de acordos coa administración ou con terceiras persoas, orientados a articular os mecanismos de xestión ambiental e da conservación activa dos referidos ámbitos, así como o uso adecuado dos seus recursos naturais, culturais e paisaxísticos.

  1. A Administración autonómica, cando sexa titular de terreos situados na área de protección ambiental do litoral, poderá subscribir acordos de cesión da xestión, total ou parcial, deles a entidades de custodia do territorio, de conformidade co disposto na normativa do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
  2. Así mesmo, poderanse establecer uns mecanismos de cooperación da Administración autonómica con outras administracións e institucións públicas ou privadas, coa finalidade de incentivar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade e a integración dos sectores socioeconómicos nesta conservación.

TÍTULO II

Instrumentos de ordenación do litoral

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 20. Criterios xerais de planificación

  1. Os instrumentos de ordenación do litoral de Galicia formularanse prestándolles atención aos criterios xerais de planificación recollidos na normativa de ordenación do territorio de Galicia, a saber, o desenvolvemento territorial sustentable, a racionalidade territorial, a cohesión social e económica e a perspectiva de xénero, a cohesión territorial e a dinamización demográfica do sistema costeiro non urbano, a preservación da paisaxe e a infraestrutura verde.
  2. Así mesmo, os instrumentos de ordenación deberán integrar os seguintes criterios:
  3. a) os plans de ordenación do litoral tratarán adecuadamente as interaccións terra-mar, quere dicir, os efectos que as actividades humanas en terra poden ter sobre o espazo marítimo e as actividades marítimas poden ter no territorio
  4. b) no deseño dos instrumentos de ordenación terase en conta, co correspondente aval da mellor evidencia científica, a continuidade ecolóxica do ecosistema terrestre co mariño para evitar as actuacións que poidan afectala negativamente
  5. c) para mellorar a coherencia e a conectividade ecolóxica do territorio coas áreas mariñas e costeiras, a Administración autonómica fomentará o establecemento de corredores ecolóxicos e outros elementos da infraestrutura verde e azul que resulten esenciais para a súa preservación e, de ser o caso, para a súa restauración ecolóxica
  6. d) garantir unha ordenación equilibrada do territorio nos espazos terrestres do litoral, coa evitación dunha concentración e dunha expansión urbanas que poidan poñer en perigo os ecosistemas costeiros
  7. e) as determinacións que se adopten nos plans de ordenación preverán a capacidade de carga dos ámbitos para ordenar, isto é, o nivel de uso, en termos de número de persoas ou de tipos de actividade, que un hábitat determinado pode soportar de xeito permanente sen que diminúa o seu valor ecolóxico ou se deterioren as súas condicións naturais; cando as persoas ou as actividades aflúan de modo temporal ou estacional, terase en conta a capacidade de acollida
  8. f) realizar avaliacións preliminares dos riscos relacionados coas diversas actividades humanas e infraestruturas, co fin de evitar e de reducir os seus impactos negativos no litoral
  9. g) os instrumentos de ordenación recoñecerán e preservarán os modos de aproveitamento de carácter tradicional ou propios de Galicia, coa consideración, entre outras, das singularidades dos aproveitamentos dos montes veciñais en man común
  10. h) os instrumentos de ordenación preverán os riscos derivados do cambio climático e establecerán unhas medidas realistas e eficaces de mitigación e adaptación
  11. i) os instrumentos de ordenación establecerán os procedementos de revisión e os indicadores que permitan avaliar o cumprimento dos seus obxectivos e introducir melloras.
  12. A elaboración dos plans deberá garantir a participación da sociedade civil, e particularmente dos grupos de interese e das asociacións e dos grupos de mulleres, consonte o establecido no capítulo V do título I desta lei.
  13. Nos casos de aproveitamento económico dos recursos mariños vivos fomentarase a súa planificación e xestión compartidas entre as administracións públicas de Galicia e os respectivos sectores produtivos co correspondente asesoramento científico-técnico. Os organismos e os instrumentos de coxestión desenvolveranse regulamentariamente para cada zona de explotación e cada tipo de aproveitamento.

Artigo 21. Sistema integrado

  1. Sen prexuízo da utilización dos instrumentos de ordenación do territorio e urbanísticos aprobados e dos instrumentos de ordenación recollidos na lexislación sectorial, a ordenación do litoral realizarase a través dos seguintes instrumentos específicos:
  2. a) a estratexia de economía azul de Galicia
  3. b) as directrices de ordenación do litoral de Galicia
  4. c) o Plan de ordenación costeira
  5. d) o plan de ordenación mariña
  6. e) os plans especiais de ría
  7. f) os plans especiais das praias
  8. g) os plans sectoriais
  9. h) os plans de prevención e loita contra a contaminación do litoral.
  10. Os instrumentos de ordenación do litoral conforman un único sistema integrado que se articula de acordo cos principios de competencia, especialidade e coordinación.

Correspóndelle á Comisión Interdepartamental de Coordinación de Ordenación do Litoral elaborar os criterios interpretativos ou as directrices que resulten necesarias para promover a xestión integrada dos instrumentos de ordenación do litoral.

  1. As previsións contidas neste título débense entender no marco da lexislación básica do Estado e con respecto das facultades que derivan da súa titularidade sobre os bens que integran o dominio público marítimo-terrestre.

CAPÍTULO II

Instrumentos de ordenación específicos

Artigo 22. A estratexia de economía azul de Galicia

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia elaborará unha estratexia de economía azul, de apoio ao crecemento sustentable dos sectores produtivos vencellados ao mar e ao aproveitamento do potencial dos mares e dos océanos como motores da economía.
  2. Os obxectivos xerais da estratexia serán os seguintes:
  3. a) impulsar a protección e a conservación da biodiversidade mariña e a mellora dos seus hábitats
  4. b) preservar con carácter prioritario as actividades pesqueira, marisqueira, miticultora e de recolección de algas, potenciándoas e tomando as medidas que garantan a súa perdurabilidade e sustentabilidade
  5. c) favorecer a mitigación do cambio climático e a resiliencia costeira mediante a descarbonización do sector pesqueiro e acuícola, o impulso das enerxías renovables e mais a transición cara a unha economía circular nos mares e nas costas
  6. d) promover a competitividade e a sustentabilidade do sector pesqueiro, acuícola e marisqueiro, especialmente atendendo á dixitalización e implantación de novas tecnoloxías ao longo da cadea sectorial, á transición enerxética e á substitución xeracional, baseando este obxectivo na cogobernanza como fórmula para mellorar a transparencia, a rastrexabilidade e a toma de decisións sobre a sustentabilidade dos recursos e da actividade socioeconómica
  7. e) fomentar os usos náutico-deportivos e o turismo litoral sustentable
  8. f) fomentar a cultura oceánica
  9. g) mellorar a visibilidade das actividades portuarias, náutico-deportivas, pesqueiras, marisqueiras e acuícolas como motores económicos de Galicia
  10. h) impulsar a investigación, o desenvolvemento e a innovación do coñecemento azul.

Artigo 23. As directrices de ordenación do litoral

  1. No marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia aprobará as directrices de ordenación do litoral, que constituirán o marco xeral de referencia para a elaboración dos restantes instrumentos de ordenación do litoral e para a formulación e a execución das distintas políticas sectoriais sobre o litoral.
  2. As directrices do litoral conterán, polo menos, as seguintes determinacións:
  3. a) os criterios para identificar os espazos de interese ambiental e paisaxístico no litoral sobre os que se proxecten medidas especiais de protección, conservación e ordenación
  4. b) os criterios para garantir e promover a conectividade ecolóxica do territorio, co establecemento ou o restablecemento de corredores ecolóxicos
  5. c) os criterios para implantar a rede de sendas do litoral, na que se primará a recuperación de camiños e corredoiras e garantirá uns métodos de intervención respectuosos coa paisaxe e cos hábitats
  6. d) os criterios para implantar as distintas actividades económicas e sociais dos axentes públicos e privados que operen nos espazos do litoral, coa garantía da sustentabilidade das artes tradicionais
  7. e) os criterios para garantir o acceso ao mar e o estacionamento, co obxecto de preservar o medio ambiente e de evitar os impactos paisaxísticos
  8. f) os criterios para determinar a concentración urbana admisible no litoral
  9. g) os criterios de determinación da capacidade de carga e acollida nos diversos espazos do litoral
  10. h) os criterios para evitar as barreiras arquitectónicas que impidan a contemplación das paisaxes litorais
  11. i) os criterios exixidos ás edificacións e ás instalacións permitidas en espazos sensibles do litoral, nomeadamente as requiridas para os tanques de cultivo
  12. j) os criterios que orientarán as accións de renovación urbana ou de rehabilitación
  13. k) as liñas de acción dirixidas á ampliación dos espazos públicos litorais
  14. l) as oportunidades do litoral e a identificación de accións necesarias para o seu aproveitamento racional e sustentable
  15. m) os criterios para a determinación dos usos estratéxicos e prioritarios do mar, para os efectos da elaboración do plan de ordenación mariña
  16. n) a identificación das accións que requiran a actuación conxunta con outras administracións públicas.
  17. As determinacións contidas nas directrices de ordenación do litoral indicarán de modo inequívoco o alcance, orientador ou vinculante, para os plans ou, cando for o caso, o carácter de normas de aplicación directa.

Artigo 24. O Plan de ordenación costeira

  1. O Plan de ordenación costeira é o instrumento básico de ordenación dos espazos terrestre e intermareal do litoral de Galicia, que pretende dotar o litoral dun marco normativo estable que o protexa de forma efectiva e o provexa dun conxunto de principios, criterios e normas que garantan unha ordenación baseada en criterios de sustentabilidade e a conservación, a protección e a posta en valor destes espazos do litoral.
  2. Este plan ten a natureza xurídica de plan territorial integrado, séndolle aplicable o disposto para este na normativa de ordenación do territorio de Galicia.
  3. O Plan de ordenación costeira conterá, polo menos, as seguintes determinacións:
  4. a) a concreción das directrices de ordenación do litoral para o seu ámbito de aplicación
  5. b) o establecemento dun modelo territorial que identifique e caracterice as distintas áreas que conforman o litoral, de acordo coa zonificación do espazo establecido nesta lei
  6. c) os mecanismos de xestión que se deben impulsar en cada unha das áreas litorais e as medidas de protección específicas que garantan a preservación das súas funcións ambientais
  7. d) a definición daqueles espazos litorais que aínda están libres de ocupación e que deben ficar excluídos do proceso urbanizador, con atención a criterios urbanísticos, paisaxísticos e ambientais, así como a delimitación daqueloutros sobre os que se propón intervir para a reordenación do litoral
  8. e) a delimitación dos corredores ecolóxicos que permitan asegurar a conectividade ecosistémica entre espazos protexidos litorais e entre espazos protexidos do interior cara ao mar, así como as medidas concretas para a súa conservación e mellora
  9. f) o desenvolvemento dos obxectivos de ordenación asignados a cada área do litoral nesta lei e a concreción dos usos e das actividades permitidos, compatibles e prohibidos
  10. g) as accións orientadas á preservación da paisaxe litoral, conforme as directrices da paisaxe e os catálogos que se aproben
  11. h) o diagnóstico do estado do litoral, coa caracterización dos asentamentos, o inventario cartografado dos hábitats asociados ás dinámicas intermareais, os espazos naturais protexidos terrestres e marítimo-terrestres, o patrimonio cultural litoral e os usos e as actividades económicas existentes, así como os demais datos e ferramentas que sirvan para establecer un marco básico de referencia para a integración das políticas territoriais e as actuacións urbanísticas sobre o litoral.
  12. As determinacións do Plan de ordenación costeira terán a eficacia vinculante propia dos plans territoriais integrados establecida na normativa de ordenación do territorio de Galicia.
  13. O plan dispoñerá como principio reitor da súa actuación a colaboración interadministrativa e arbitrará os medios axeitados para que todas as administracións públicas poidan participar nas decisións mediante informes, audiencias ou a través dos órganos de coordinación que se cren para o efecto.

Artigo 25. O plan de ordenación mariña

  1. No marco das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, o plan de ordenación mariña é o instrumento básico de ordenación dos espazos mariños do litoral de Galicia, que se elaborará no marco da estratexia de economía azul prevista nesta lei, para ordenar as actividades humanas que se desenvolven sobre o medio mariño co fin de acadar os seguintes obxectivos:
  2. a) fomentar o crecemento da economía do mar, o desenvolvemento do espazo marítimo e o aproveitamento dos seus recursos mariños sen menoscabo da conservación, da protección e da mellora do medio ambiente, incluída a resistencia para os efectos do cambio climático
  3. b) priorizar e garantir dentro da ordenación dos espazos mariños a pesca, o marisqueo, a miticultura e a recolección de algas, mediante a adopción de todas as medidas necesarias para o crecemento da súa potencialidade como unha actividade económica e sociocultural fundamental, apoiando o seu desenvolvemento sustentable pola súa condición de usos prioritarios e estratéxicos
  4. c) apoiar o desenvolvemento sustentable do sector enerxético, con respecto da biodiversidade e da pesca, do marisqueo e da acuicultura
  5. d) impulsar o desenvolvemento sustentable do transporte marítimo, incluído o transporte de persoas
  6. e) contribuír á promoción do turismo sustentable e da náutica deportiva
  7. f) favorecer a protección e a posta en valor do patrimonio cultural subacuático
  8. g) levar a cabo os demais obxectivos xerais establecidos para a estratexia de economía azul no artigo 22.
  9. A elaboración do plan deberase axustar ás seguintes determinacións:
  10. a) ter en conta as interaccións terra-mar nos termos establecidos no artigo 20.2
  11. b) solicitar a participación dos grupos de interese, desde as fases iniciais da elaboración do plan
  12. c) utilizar a mellor información dispoñible de carácter ambiental, económico e social, que orientará a toma de decisións, de acordo co principio de precaución
  13. d) promover fórmulas da cooperación interautonómica, coa Administración xeral do Estado e internacional, co fin de lograr a coherencia entre a planificación proxectada e outros plans ou actuacións de ordenación equivalentes.
  14. O plan establecerá o carácter orientativo ou vinculante das súas determinacións.

O plan ordenará as augas do litoral de Galicia, sen prexuízo das competencias de ordenación do espazo marítimo que lle corresponden ao Estado.

En todo caso, a zonificación cartográfica deberase tomar en consideración para os efectos de valorar o impacto económico e social das actuacións proxectadas sobre os espazos mariños do litoral de Galicia, nos termos establecidos no artigo 63 desta lei.

  1. O plan dispoñerá como principio reitor da súa actuación a colaboración interadministrativa e arbitrará os medios axeitados para que as demais administracións públicas con competencias concorrentes sobre o espazo mariño poidan participar nas decisións mediante informes, audiencias ou a través dos órganos de coordinación que se cren para o efecto.
  2. Para os efectos da tramitación e da aprobación do Plan de ordenación mariña, serán aplicables as disposicións referidas aos plans territoriais integrados contidas na normativa de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 26. Os plans especiais de ría

  1. Poderanse aprobar uns plans especiais de ría cando se considere conveniente contar cun instrumento de ordenación adaptado ás circunstancias morfolóxicas, produtivas, paisaxísticas e ambientais do ámbito espacial correspondente a unha ría de Galicia.
  2. Estes plans teñen a natureza xurídica de plan territorial especial e élles aplicable o disposto para este na normativa de ordenación do territorio de Galicia.
  3. Os plans especiais de ría conterán, polo menos, as seguintes determinacións:
  4. a) a descrición do ámbito espacial obxecto de ordenación
  5. b) a diagnose sobre a problemática suscitada polos usos existentes no ámbito e as tendencias previsibles destes, analizando a súa adecuación ou inadecuación ás exixencias establecidas nesta lei
  6. c) a avaliación da situación dos recursos ambientais e ecosistémicos do ámbito e as medidas e as actuacións para a súa protección e conservación
  7. d) as medidas e os plans necesarios para mellorar a calidade das augas e garantir o saneamento integral da ría
  8. e) a análise e a protección dos valores patrimoniais e paisaxísticos resultado da interacción entre as persoas e a ría, incluíndo as formas de vida, as prácticas e os coñecementos específicos e concretos que desta derivan e que supoñen un gran valor como elementos de identidade, cohesión social e calidade de vida
  9. f) a sinalización das áreas de zonificación recollidas nesta lei e as medidas específicas de ordenación que permitan lograr os obxectivos sinalados para cada unha delas
  10. g) a análise da capacidade de carga
  11. h) as actuacións estratéxicas que pretenden acometerse e calquera outra actuación que se considere necesaria para lograr os obxectivos pretendidos polo plan
  12. i) o estudo económico, que analice a coherencia entre as actuacións proxectadas e a dispoñibilidade de recursos
  13. j) a formulación, se é o caso, dos programas de investimentos públicos vinculados ao desenvolvemento das actuacións previstas.
  14. Os plans especiais de ría deben establecer os instrumentos de cooperación e coordinación que garantan o cumprimento dos principios da ordenación do litoral previstos nesta lei.

Artigo 27. Os plans especiais das praias

  1. Os plans especiais das praias son os instrumentos de ordenación das praias do litoral de Galicia.
  2. Estes plans teñen a natureza xurídica de plans territoriais especiais cando o seu ámbito sexa supramunicipal e élles aplicable o disposto para estes na normativa de ordenación do territorio de Galicia. Nos casos restantes, terán a natureza xurídica de plans especiais urbanísticos, suxeitos ao disposto na normativa do solo de Galicia.
  3. Os plans especiais das praias conterán as seguintes determinacións:
  4. a) a descrición do ámbito espacial obxecto de ordenación, referido a unha ou varias praias, que abarcará a área de protección ambiental e os ámbitos da área de mellora ambiental e paisaxística que se consideren necesarios para protexer e garantir o uso público das praias e prestar os servizos necesarios ou convenientes para o seu gozo
  5. b) a diagnose, con especial referencia ao estado de conservación, á accesibilidade, ao estacionamento, ao réxime de usos existente, ás edificacións preexistentes e o seu estado de conservación, ás ocupacións con ou sen título, aos servizos de tempada, entre outros datos indicativos do estado do ámbito
  6. c) as actuacións e as medidas que se deberán impulsar para ordenar os servizos de tempada das praias, atendendo a criterios de preservación dos valores ecosistémicos, para promover a accesibilidade universal e a definición de criterios de integración paisaxística das instalacións admitidas
  7. d) a análise da capacidade de carga e de acollida e, se for o caso, os límites máximos de ocupación
  8. e) a planificación da mobilidade con atención ás diferentes capacidades de carga e á variación da presión ao longo do ano, así como a promoción e a facilitación do uso de medios alternativos ao vehículo privado, coa correspondente minimización do impacto sobre o medio
  9. f) a análise das condicións de seguridade e as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas
  10. g) o estudo de resiliencia perante o cambio climático
  11. h) a análise do sector turístico e, se for o caso, o establecemento de obxectivos de calidade e sustentabilidade
  12. i) os obxectivos de ordenación e a sinalización das actuacións necesarias para logralos
  13. j) o estudo económico das accións para emprender, que analice a coherencia entre as actuacións proxectadas e a dispoñibilidade de recursos
  14. k) a formulación, de ser o caso, dos programas de investimentos públicos vinculados ao desenvolvemento das actuacións previstas, cando sexan de competencia autonómica, ou a previsión de actuacións para realizar en colaboración coa Administración xeral do Estado no seu caso.
  15. Os plans especiais das praias deben establecer os instrumentos de cooperación e coordinación que garantan o cumprimento dos principios da ordenación do litoral previstos nesta lei.

Artigo 28. Plans sectoriais

Nos termos e co alcance disposto na normativa de ordenación do territorio de Galicia, poderán aprobarse os plans sectoriais necesarios para ordenar e regular a implantación territorial de actividades sectoriais vinculadas co litoral, entre elas, cando proceda, as actuacións estratéxicas establecidas nesta lei.

TÍTULO III

Usos e actividades no litoral

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 29. Uso sustentable do litoral

  1. O uso do litoral realizarase conforme o principio de desenvolvemento sustentable, de xeito que se propicie o uso racional dos recursos naturais harmonizando os requirimentos da economía, a cohesión social, a igualdade de trato e oportunidades, a saúde, a seguridade das persoas e a protección do medio ambiente.
  2. As disposicións contidas neste título entenderanse sen prexuízo das limitacións específicas que se realicen nos instrumentos de ordenación para os espazos determinados que requiran de medidas particulares pola súa vulnerabilidade, capacidade de carga ou acollida, seguridade dos bens e das persoas ou calquera outra circunstancia vinculada aos obxectivos de ordenación recollidos nesta lei que os faga merecedores dunha ordenación singular.

Artigo 30. Zonificación do litoral

Para os efectos previstos nesta lei, e sen prexuízo do disposto na normativa de costas e do medio mariño, no litoral de Galicia distínguense tres clases de espazos, agrupados para a súa ordenación en áreas, en función das súas condicións e das accións que corresponde emprender sobre eles:

  1. a) área de protección ambiental: comprende os espazos que conservan características naturais, patrimoniais ou paisaxísticas senlleiras e insubstituíbles e valores ambientais sobranceiros, que deben ser especialmente protexidos e preservados do proceso urbanizador ou de calquera outro que poida alterar as súas condicións
  2. b) área de mellora ambiental e paisaxística: comprende os espazos que, sen reuniren as condicións dos anteriores, se manteñen maioritariamente libres de procesos de urbanización ou degradación, ou sufriron uns procesos de desnaturalización reversibles, polo que exixen accións de protección, recuperación e mellora das súas condicións
  3. c) área de reordenación: comprende os espazos transformados pola acción urbanizadora ou pola implantación de usos e actividades económicas, e os degradados por calquera causa, de imposible ou difícil renaturalización, que exixen accións de reordenación, orientadas a non agravar a deterioración, humanizar os espazos e renovar os elementos e a súa contorna.

Artigo 31. Tipoloxía de usos

Esta lei regula os usos en cada unha das áreas en que se zonifica o litoral, en función do seu grao de adecuación aos obxectivos de ordenación establecidos e sen prexuízo do disposto na normativa de costas e do medio mariño e mais do exercicio pola Administración xeral do Estado das facultades que lle corresponden na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.

Son usos permitidos os plenamente acordes cos obxectivos de ordenación, que poden realizarse libremente, sen prexuízo das limitacións establecidas nas normas sectoriais que resulten aplicables.

Son usos compatibles os respectuosos cos obxectivos de ordenación pero que están suxeitos a un réxime de intervención administrativa co fin de constatar o seu cumprimento e de establecer, cando proceda, as condicións de exercicio necesarias para os preservar.

Son usos prohibidos os contrarios ou os incompatibles cos obxectivos de ordenación establecidos nesta lei, polo que se impide a súa realización.

CAPÍTULO II

Área de protección ambiental

Artigo 32. Espazos da área de protección ambiental

  1. Conforman a área de protección ambiental os espazos do litoral que conservan senlleiras e insubstituíbles características naturais, patrimoniais ou paisaxísticas e valores ambientais sobranceiros.
  2. Inclúense na devandita área, polo menos, os seguintes espazos:
  3. a) os espazos de dominio público marítimo-terrestre natural que manteñan as características naturais da ribeira do mar e das rías, consonte o establecido no artigo 3.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas
  4. b) os espazos naturais protexidos do litoral, nas diversas categorías recollidas na normativa do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Estes espazos poderán abarcar no seu perímetro ámbitos do espazo terrestre ou ámbitos do espazo terrestre e mariño cando exista continuidade ecolóxica do ecosistema mariño co espazo terrestre obxecto de protección, avalada pola mellor evidencia científica existente, e englobarán, en todo caso, os espazos marítimo-terrestres incluídos na Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas catalogados como zona núcleo
  5. c) os espazos mariños do litoral recollidos no artigo 3.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, isto é, o mar territorial e as augas interiores, nos termos da alínea 3 do artigo 2.

Artigo 33. Obxectivos de ordenación da área de protección ambiental

Os obxectivos de ordenación da área de protección ambiental son os seguintes:

  1. a) preservar a paisaxe litoral como un valor natural e cultural
  2. b) preservar os ecosistemas e favorecer o seu desenvolvemento
  3. c) promover a mitigación e a adaptación para os efectos do cambio climático, de conformidade coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050
  4. d) preservar a calidade das augas
  5. e) preservar estes espazos de desenvolvementos urbanísticos e condicionar as obras, as instalacións e as actividades á súa compatibilidade co medio natural en que pretendan desenvolverse
  6. f) poñer en valor os elementos de valor patrimonial natural e cultural, coa promoción da súa preservación e, cando resulte necesario, da súa recuperación e restauración.

Artigo 34. Usos permitidos na área de protección ambiental

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral dispoñerán os usos e as actividades permitidos por estes resultaren acordes cos obxectivos de ordenación sinalados no artigo 33.
  2. En todo caso, poderanse realizar libremente os usos permitidos expresamente na normativa de costas, do medio mariño e do patrimonio natural e da biodiversidade que resulte aplicable por non causar unha afección sobre os valores que se deben protexer, e entre eles os seguintes:
  3. a) os usos comúns xerais do dominio público marítimo-terrestre recollidos na normativa de costas, tales como pasear, estar, bañarse, navegar, realizar actividades náutico-deportivas e outros actos semellantes que non requiran unhas obras e instalacións de ningún tipo e que se realicen conforme o disposto na súa normativa específica
  4. b) os usos de carácter tradicional permitidos na normativa do patrimonio natural e da biodiversidade, así como nos instrumentos de ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos, por contribuír á preservación dos seus valores e recursos naturais e á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que colaboraron á súa formación e fan posible o seu mantemento.
  5. Así mesmo, estarán permitidos os traballos necesarios para as actuacións asociadas á prevención e á extinción de incendios forestais, e entre elas as necesarias para o mantemento da rede de faixas de xestión da biomasa previstas na lexislación sectorial correspondente.

Artigo 35. Usos compatibles na área de protección ambiental

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral dispoñerán os usos e as actividades compatibles cos obxectivos de ordenación sinalados no artigo 33.
  2. En todo caso, son usos compatibles e, polo tanto, suxeitos á intervención administrativa previa, os susceptibles de causar afección sobre os valores naturais dos espazos, e entre eles os seguintes:
  3. a) os usos comúns especiais do dominio público marítimo-terrestre, quere dicir, os que, sen impediren o uso común, supoñen a concorrencia de circunstancias tales como o perigo ou a intensidade deste, a preferencia en casos de escaseza, a obtención dunha rendibilidade singular ou outras semellantes, que determinan un exceso de utilización sobre o uso que lles corresponde a todos ou un menoscabo deste, nos termos establecidos na normativa de costas e do medio mariño
  4. b) os usos privativos do dominio público marítimo-terrestre, quere dicir, os que determinan a ocupación dunha porción do dominio público de modo que se limita ou exclúe a utilización deste por outros interesados, nos termos establecidos na normativa de costas e do medio mariño
  5. c) os usos dos espazos naturais protexidos susceptibles de causar unha afección apreciable sobre os valores naturais que xustificaron a declaración de espazo natural protexido, de conformidade co establecido na normativa do patrimonio natural e da biodiversidade, así como nos instrumentos de ordenación e xestión dos espazos.
  6. Os títulos de intervención administrativa outorgaranse consonte o disposto no capítulo V deste título, logo da adecuada avaliación das repercusións dos usos ou das actividades pretendidos sobre os espazos e a garantía de non causar prexuízo á integridade destes.

Artigo 36. Usos prohibidos na área de protección ambiental

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral establecerán os usos e as actividades prohibidos nos espazos desta área por ser incompatibles cos obxectivos de ordenación recollidos no artigo 33.
  2. En todo caso, estarán prohibidos os usos que comprometan a integridade dos valores naturais que se deben protexer, e en particular os seguintes:
  3. a) a ocupación de terreos do dominio público marítimo-terrestre con instalacións fixas ou non desmontables, agás as que estean expresamente previstas no título IV desta lei
  4. b) os usos recollidos no artigo 32.2 da Lei 22/1998, do 28 de xullo, de costas, cando se trate de bens de dominio público marítimo-terrestre
  5. c) as actuacións de transformación urbanística, salvo as dirixidas á implantación das dotacións públicas estratéxicas reguladas no artigo 60
  6. d) os usos que se prohiban nos instrumentos de ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos por ser susceptibles de causar prexuízo á integridade do lugar ou sobre o estado de conservación dos compoñentes chave para a biodiversidade.

Artigo 37. Concorrencia de réximes de uso na área de protección ambiental

Se sobre un mesmo espazo conflúen unhas normas ou uns plans de ordenación con réximes de uso diversos, aplicarase a regra que supoña unha maior protección do espazo.

CAPÍTULO III

Área de mellora ambiental e paisaxística

Artigo 38. Espazos da área de mellora ambiental e paisaxística

  1. Conforman a área de mellora ambiental e paisaxística os espazos que, sen reuniren as condicións das da área de protección ambiental, se manteñen maioritariamente libres de procesos de degradación ou sufriron procesos de desnaturalización polo menos parcialmente reversibles.
  2. Inclúense na devandita área, polo menos, os seguintes espazos:
  3. a) os bens de dominio público marítimo-terrestre non incluídos na área de protección ambiental, agás que estean degradados ou desnaturalizados de modo irreversible
  4. b) os espazos contiguos aos da área de protección ambiental que contribúen a preservar os valores naturais do litoral e a previr ou evitar impactos ecolóxicos ou paisaxísticos sobre eles, e, en todo caso, os terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e, se é o caso, na zona periférica de protección dos espazos naturais protexidos
  5. c) os espazos de interese ambiental e paisaxístico, non incluídos na área de protección ambiental, que delimite o Plan de ordenación costeira
  6. d) os demais espazos que teñen a condición de solo rústico.

Artigo 39. Obxectivos de ordenación da área de mellora ambiental e paisaxística

Os obxectivos de ordenación da área de mellora ambiental e paisaxística son os seguintes:

  1. a) renaturalizar e recuperar os espazos próximos ás áreas de protección ambiental
  2. b) frear a degradación dos espazos parcialmente desnaturalizados
  3. c) promover a mitigación e a adaptación para os efectos do cambio climático
  4. d) establecer uns criterios de calidade ambiental e paisaxística na planificación dos desenvolvementos urbanísticos dos asentamentos existentes
  5. e) establecer uns criterios xerais para a adaptación das instalacións, das construcións e das edificacións á contorna ambiental e paisaxística, co obxecto de evitar a formación de barreiras arquitectónicas
  6. f) poñer en valor os elementos de valor patrimonial e cultural, coa promoción da súa renovación, recuperación e restauración
  7. g) promover un desenvolvemento socioeconómico compatible coa contorna litoral.

Artigo 40. Usos permitidos na área de mellora ambiental e paisaxística

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral recollidos nesta lei dispoñerán os usos e as actividades permitidos por estes resultaren acordes cos obxectivos de ordenación sinalados no artigo 39.
  2. Ademais dos permitidos na área de protección ambiental, poderanse realizar libremente os usos agrícolas, gandeiros e forestais propios da natureza de solo rústico para os que a normativa urbanística non exixa a obtención dun título habilitante.
  3. Así mesmo, estarán permitidos os traballos necesarios para as actuacións asociadas á prevención e á extinción de incendios forestais, e entre elas as necesarias para o mantemento da rede de faixas de xestión da biomasa previstas na lexislación sectorial correspondente.

Artigo 41. Usos compatibles na área de mellora ambiental e paisaxística

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral dispoñerán os usos e as actividades compatibles cos obxectivos de ordenación sinalados no artigo 39.
  2. En todo caso, son usos compatibles, e polo tanto suxeitos á intervención administrativa previa, os susceptibles de causar afección sobre os valores ambientais e paisaxísticos, e entre eles os seguintes:
  3. a) os usos comúns especiais e os usos privativos do dominio público marítimo-terrestre, descritos na alínea 2 do artigo 35
  4. b) os usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, agás os cultivos e as plantacións, permitidos consonte o disposto no artigo 40 e na normativa de costas
  5. c) os usos nas zonas periféricas de protección dos espazos naturais, de o exixir o plan de ordenación ou de xestión do espazo protexido
  6. d) os usos dos espazos de especial interese ambiental e paisaxístico, non incluídos na área de protección ambiental, que delimite o Plan de ordenación costeira.
  7. Os títulos de intervención administrativa outorgaranse consonte o disposto no capítulo V deste título, logo da adecuada avaliación das repercusións dos usos ou das actividades pretendidas sobre os espazos e a garantía de non causar prexuízo ao dominio público marítimo-terrestre ou aos valores ambientais e paisaxísticos do litoral.

Artigo 42. Usos prohibidos na área de mellora ambiental e paisaxística

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os plans de ordenación do litoral establecerán os usos e as actividades prohibidas nos espazos desta área por estes seren incompatibles cos obxectivos de ordenación recollidos no artigo 39.
  2. En todo caso, estarán prohibidos os usos que comprometan a integridade do dominio público marítimo-terrestre ou os valores ambientais e paisaxísticos do litoral, e en particular os seguintes:
  3. a) os usos recollidos no artigo 32.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, cando se trate de bens de dominio público marítimo-terrestre
  4. b) os usos recollidos no artigo 25.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, cando se trate de espazos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre
  5. c) os usos prohibidos en solo rústico, de conformidade co disposto na lexislación urbanística vixente, agás os expresamente admitidos nesta lei.

Artigo 43. Concorrencia de réximes de uso na área de mellora ambiental e paisaxística

Se sobre un mesmo espazo conflúen unhas normas ou uns instrumentos de ordenación con réximes de uso diversos, aplicarase a regra que supoña unha maior protección do espazo.

CAPÍTULO IV

Área de reordenación

Artigo 44. Espazos da área de reordenación

  1. Conforman a área de reordenación os espazos degradados ou desnaturalizados, os espazos en solo urbano ou de núcleo rural ou os espazos afectados por calquera tipo de acción humana transformadora que provocase a perda irreversible dos seus valores naturais.
  2. Inclúense nesta área os espazos do litoral non comprendidos nas áreas anteriores, e polo menos os seguintes:
  3. a) a zona de servizo dos portos autonómicos
  4. b) os terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre de vinte metros regulada na alínea 3 da disposición transitoria terceira da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

Artigo 45. Obxectivos de ordenación da área de reordenación

Os obxectivos de ordenación desta área, que desenvolverán o principio de desenvolvemento territorial e urbano sustentable, son:

  1. a) favorecer e fomentar a dinamización económica e social do litoral
  2. b) mellorar a calidade e a funcionalidade das dotacións, dos equipamentos e dos espazos públicos
  3. c) promover a mitigación e a adaptación para os efectos do cambio climático
  4. d) promover, de conformidade coa normativa de costas e do solo, un uso residencial nun contexto urbano sustentable, seguro, salubre, accesible universalmente, de calidade adecuada e integrado socialmente
  5. e) fomentar e poñer en valor a protección do patrimonio cultural
  6. f) impulsar un uso turístico responsable e de calidade, así como a náutica deportiva
  7. g) contribuír á conservación, á mellora e á recuperación da paisaxe litoral
  8. h) mellorar os espazos libres e as zonas verdes públicas
  9. i) contribuír a facilitar o mantemento e a mellora da infraestrutura produtiva preexistente asociada á cadea mar-industria alimentaria
  10. j) promover actuacións de renovación urbana e de rehabilitación edificatoria
  11. k) ordenar os novos desenvolvementos ou as renovacións urbanas, de forma que os espazos libres fiquen o máis preto da liña de costa, sempre que for posible.

Artigo 46. Usos na área de reordenación

  1. Nos termos establecidos no artigo 31, os usos nesta área regularanse pola normativa urbanística ou portuaria que resulte aplicable, sen prexuízo do disposto na normativa de costas e do medio mariño e mais do exercicio pola Administración xeral do Estado das facultades que lle corresponden na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.
  2. Malia o anterior, son usos compatibles, e polo tanto están suxeitos a un título de intervención administrativa outorgado consonte o disposto no capítulo V deste título, os usos comúns especiais e os usos privativos do dominio público marítimo-terrestre, así como os usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, de conformidade coa normativa de costas.
  3. Están prohibidos:
  4. a) os usos recollidos no artigo 32.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, cando se trate de bens de dominio público marítimo-terrestre
  5. b) os usos recollidos no artigo 25.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, cando se trate de espazos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, agás que se cumpran as condicións establecidas na alínea 3 da súa disposición transitoria terceira.
  6. Sobre os espazos desnaturalizados promoveranse accións de rehabilitación ou de rexeneración e renovación urbanas.
  7. A Administración autonómica ou os concellos costeiros promoverán os procedementos de desafectación dos espazos que resulten innecesarios para o dominio público marítimo-terrestre ou para os usos portuarios, con expresa solicitude de cesión gratuíta daqueles en favor da Administración autonómica ou da entidade local. Os bens cedidos serán destinados aos fins de uso ou servizo público.

CAPÍTULO V

Réxime da intervención administrativa

Artigo 47. Títulos de intervención administrativa

  1. Os usos do litoral declarados compatibles nesta lei, e polo tanto suxeitos a un título de intervención administrativa previsto nos artigos 35, 41 e 46, non se poderán realizar sen o seu outorgamento previo por parte da administración competente.
  2. Os títulos de intervención administrativa que poden concorrer sobre os usos do litoral son os seguintes:
  3. a) as autorizacións e as concesións para os usos especiais e privativos do dominio público marítimo-terrestre, que se regulan polo establecido na normativa de costas ou de portos e mais polo disposto no artigo 48 desta lei
  4. b) a autorización autonómica ou, cando proceda, a declaración responsable para os usos, as actividades e as instalacións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, nos termos establecidos no artigo 49
  5. c) o informe de avaliación paisaxística para os usos ou as actividades nos espazos de interese ambiental e paisaxístico que delimite o Plan de ordenación costeira, nos termos establecidos no artigo 50 desta lei
  6. d) a autorización autonómica ou local ou, se é o caso, o informe para os usos e as actividades sobre os espazos naturais protexidos, consonte o disposto no artigo 51
  7. e) os informes de resiliencia costeira, de impacto económico e social e de compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais das augas do litoral, nos supostos recollidos no artigo 52.
  8. Os títulos de intervención previstos na alínea anterior non eximen as persoas interesadas en usar o litoral de obter os permisos, as licenzas e as demais autorizacións exixidas por outras disposicións legais.

Artigo 48. Autorizacións e concesións do dominio público marítimo-terrestre

  1. Respectando o réxime xeral establecido na normativa de costas, as autorizacións e as concesións do dominio público marítimo-terrestre serán outorgadas polas consellarías competentes en materia de ordenación do territorio ou do mar, segundo proceda, no momento en que se produza o efectivo traspaso das funcións e dos servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación do litoral.
  2. Nos espazos portuarios autonómicos correspóndelle outorgar as autorizacións e as concesións do dominio público á Administración portuaria, que o fará de conformidade coa súa normativa específica.
  3. En cumprimento da normativa de costas, poderase permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre unicamente para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización, isto é, as que desempeñen unha función ou presten un servizo que polas súas características requira a ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

En particular, entenderase que desempeñan unha función ou prestan un servizo que polas súas características require a ocupación do dominio público marítimo-terrestre as seguintes:

  1. a) os establecementos da cadea mar-industria alimentaria, nos termos sinalados no artigo 55
  2. b) as dotacións públicas esenciais para o abastecemento de poboacións e o saneamento e a depuración das augas residuais recollidas no artigo 60
  3. c) as infraestruturas enerxéticas, preferentemente de enerxía renovable, que subministren electricidade ou gas ás actividades ou ás instalacións legalmente establecidas no dominio público marítimo-terrestre
  4. d) as instalacións de xeración eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables que teñan que ocupar o mar, así como as súas instalacións complementarias que requiran espazos de dominio público marítimo-terrestre en terra
  5. e) as instalacións náutico-deportivas necesarias para acoller a práctica de deportes náuticos
  6. f) as infraestruturas de soporte ás redes de comunicacións electrónicas que presten servizo ás actividades ou ás instalacións legalmente establecidas no dominio público marítimo-terrestre
  7. g) as actividades e as instalacións de servizo público ou ao público que, pola configuración física do tramo de costa en que resulte necesario a súa colocación, non poidan situarse nos terreos lindeiros co dito dominio, sempre que a documentación que acompañe o proxecto de actividade ou instalación acredite o cumprimento da normativa de costas e inclúa un estudo de alternativas que xustifique a localización escollida.
  8. En todo caso, a ocupación deberá ser a mínima posible e deberá quedar garantida a protección do dominio público marítimo-terrestre. Para os ditos efectos, e sen prexuízo das facultades que lle corresponden ao Estado na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre, a ocupación requirirá, segundo os casos, o grao de resiliencia do tramo de dominio público marítimo-terrestre afectado, o seu impacto social e económico no litoral e a previa comprobación da súa compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais das augas do litoral de Galicia; todo iso de conformidade co establecido no título V desta lei.
  9. O Consello da Xunta aprobará a creación do Rexistro de Autorizacións e Concesións no Dominio Público Marítimo-Terrestre, no que deberán inscribirse de oficio os títulos e as súas modificacións, así como, de ser o caso, os seus pregos de condicións. Este rexistro terá carácter público e, polo tanto, será accesible e susceptible de emitir unha certificación sobre o seu contido.

Artigo 49. Autorización autonómica para os usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

  1. Os usos e as actividades que pretendan levarse a cabo nos espazos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre requirirán unha autorización previa autonómica outorgada pola consellaría competente en materia urbanística, agás que estean suxeitos a unha declaración responsable de acordo co disposto na alínea seguinte.
  2. Están suxeitas a unha declaración responsable as actuacións que se proxecten sobre as obras, as actividades e as instalacións legalmente implantadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre que non comporten un incremento da altura, da superficie ocupada ou da volumetría existente nin un cambio do uso.
  3. Sen prexuízo do disposto na normativa de costas e, se é o caso, nos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos, nos terreos comprendidos na zona de servidume de protección poderanse realizar obras, instalacións e actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización, entre elas as sinaladas no artigo 48.3.
  4. Así mesmo, poderanse realizar na zona de servidume de protección as obras, as instalacións e as actividades que presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, entre os que se atopan os seguintes:
  5. a) as instalacións ou as actividades que favorezan o uso común do dominio público marítimo-terrestre, singularmente das praias, como os servizos de restauración, de vixilancia e de atención médica e os deportes náuticos
  6. b) as instalacións desmontables que permitan a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas de tempada
  7. c) as instalacións deportivas descubertas
  8. d) as acampadas ou os campamentos autorizados con instalacións desmontables, nos termos que se determinen regulamentariamente e na normativa sectorial que resulte aplicable
  9. e) as obras e as instalacións que melloren a eficiencia enerxética de edificacións e instalacións que ocupen lexitimamente a servidume de protección ou o dominio público marítimo-terrestre
  10. f) as obras e as instalacións que executen medidas de intervención e protección establecidas nun plan de acción da paisaxe
  11. g) a actividade forestal necesaria para o mantemento polos seus titulares das masas forestais existentes
  12. h) as actividades, as instalacións e as infraestruturas vinculadas á prevención e á extinción de incendios forestais
  13. i) as obras, as instalacións e as actividades necesarias para a execución das actuacións estratéxicas recollidas no título IV desta lei.

Nos demais casos, a necesidade ou a conveniencia será determinada polo órgano competente para autorizar os usos. Deberá quedar constancia da xustificación na motivación da resolución que se adopte.

  1. Regulamentariamente desenvolverase o procedemento de outorgamento da autorización recollido neste artigo, así como todas as cuestións que requira a súa efectividade.

Artigo 50. Informe de avaliación paisaxística de usos e de actividades

  1. Será preceptivo un informe de avaliación paisaxística emitido polo órgano autonómico competente en materia de paisaxe para a realización dos usos declarados compatibles nos espazos da área de protección ambiental e nos espazos da área de mellora ambiental e paisaxística que delimite o Plan de ordenación costeira, así como para a execución das actuacións estratéxicas cando for exixido no título IV desta lei.
  2. Este informe non será requirido no caso de que os usos estean incluídos nun proxecto que fose obxecto de avaliación de impacto ambiental e xa conste emitido no correspondente informe ou declaración de impacto ambiental.
  3. O informe comprobará a integración paisaxística das obras, das construcións ou das instalacións proxectadas, de conformidade coas determinacións paisaxísticas establecidas nesta lei, na normativa da paisaxe e no Plan de ordenación costeira, determinará as prevencións e as cautelas que procedan en consideración das particularidades dos espazos e poderá establecer unhas condicións, medidas ou solucións de deseño necesarias para eliminar os impactos negativos sobre a paisaxe.
  4. O procedemento de emisión, os prazos e as demais determinacións sobre este informe son os que se establecen na normativa da paisaxe de Galicia.

Artigo 51. Autorización ou informe para os usos e as actividades sobre os espazos naturais protexidos

  1. De acordo co establecido na normativa do patrimonio natural e da biodiversidade e nos instrumentos de ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos, os usos e as actividades que pretendan levarse a cabo sobre os espazos naturais protexidos estarán suxeitos á autorización ou ao informe favorable da consellaría competente en materia de protección do patrimonio natural, agás que se trate de espazos naturais de interese local suxeitos ao outorgamento dun título de intervención municipal.
  2. Ademais das exixencias establecidas na normativa do patrimonio natural, a autorización ou o informe deberán acreditar o cumprimento dos fins e dos obxectivos de ordenación previstos nesta lei referidos á protección da natureza e da biodiversidade do litoral.
  3. O procedemento de emisión, os prazos e as demais determinacións sobre este informe son os que se establecen na normativa do patrimonio natural de Galicia.

Artigo 52. Outros informes

Nos procedementos de outorgamento de títulos de intervención solicitaranse, cando proceda, os seguintes informes:

  1. a) se o uso require a ocupación de espazos do dominio público marítimo-terrestre con instalacións fixas ou non desmontables, un informe de resiliencia costeira, consonte o disposto no artigo 62
  2. b) se o uso é susceptible de provocar efectos económicos e sociais sobre os sectores produtivos de Galicia ou as súas comunidades, o informe de impacto económico e social regulado no artigo 63
  3. c) se o uso pretendido pode ter incidencia nos obxectivos de calidade e ambientais das augas do litoral, un informe de compatibilidade, consonte o disposto no artigo 64.

Artigo 53. Procedemento integrado

  1. O exercicio do uso pretendido poderase obter trala tramitación dun único procedemento, que integre, de resultar posible, todos os títulos de intervención requiridos pola normativa vixente.

Para estes efectos, as autorizacións autonómicas poderanse substituír pola emisión dun informe preceptivo e vinculante.

  1. Na instrución do procedemento deberanse solicitar todos os informes preceptivos exixidos polas normas sectoriais, de costas ou de medio mariño.
  2. A resolución pola que se outorgue o título deberá incluír polo menos as condicións derivadas dos informes preceptivos e vinculantes que se emitiron. Así mesmo, debe quedar xustificada a razón da non-inclusión das condicións derivadas dos informes non vinculantes que non se incorporen.
  3. Este procedemento integrado será desenvolvido regulamentariamente.

TÍTULO IV

Actuacións estratéxicas para o desenvolvemento sustentable do litoral

Artigo 54. Actuacións estratéxicas

  1. Considéranse actuacións estratéxicas as que, en execución dunha competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, teñen lugar no litoral de Galicia e resultan esenciais para o seu desenvolvemento sustentable.
  2. Decláranse estratéxicas as seguintes actuacións:
  3. a) en relación coa competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura: os establecementos da cadea mar-industria alimentaria
  4. b) en relación coas competencias exclusivas sobre a promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer e a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade: a creación dunha rede de sendas litorais
  5. c) en relación coa competencia exclusiva sobre a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade: a creación dunha rede de establecementos turísticos do litoral
  6. d) en relación coa competencia exclusiva sobre o patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico de interese de Galicia: as intervencións sobre o patrimonio cultural litoral
  7. e) en relación coa competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro: a sustentabilidade económica e social do conxunto do sector pesqueiro e da cadea mar-industria alimentaria
  8. f) en relación coa competencia para a execución da lexislación estatal en materia de verteduras de augas residuais nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego, así como coas competencias autonómicas en materia de augas: a implantación de dotacións públicas esenciais para o abastecemento de poboacións e a recollida, o almacenamento, o tratamento e a vertedura de augas residuais.
  9. As disposicións deste título enténdense sen prexuízo do cumprimento das condicións e das exixencias establecidas na normativa sectorial que resulte aplicable.

Artigo 55. Usos da cadea mar-industria alimentaria

  1. Para os efectos desta lei, enténdese por cadea mar-industria alimentaria o conxunto de empresas e entidades que desenvolven actividades económicas propias do sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, incluídas as actividades de extracción, cultivo, produción, manipulación, transformación e comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.
  2. Os establecementos da cadea mar-industria alimentaria poderán ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre ou comprendidos na zona de servidume de protección unicamente cando requiran a captación e o retorno da auga do mar para o desenvolvemento dos seus procesos produtivos ou comerciais.

Os terreos de dominio público marítimo-terrestre da área de protección ambiental só poderán ocuparse coas instalacións necesarias para as tomas de auga, os tanques de cultivo e os establecementos auxiliares aos aproveitamentos pesqueiros, acuícolas e marisqueiros tradicionais e de baixo impacto ambiental.

  1. Ademais das exixencias establecidas na normativa de costas e de pesca de Galicia, os establecementos da cadea mar-industria alimentaria e os tanques de cultivo deberán cumprir as directrices da paisaxe de Galicia e as condicións paisaxísticas establecidas nos catálogos da paisaxe.

Para ese efecto, deberase emitir o informe de avaliación paisaxística regulado no artigo 50, co fin de considerar as repercusións que poida ter sobre a paisaxe a execución das actuacións, das obras ou das actividades proxectadas, así como expoñer os criterios para a súa integración, de acordo cos catálogos da paisaxe e cos documentos de referencia sobre a sustentabilidade e a integración paisaxística elaborados polo Instituto de Estudos do Territorio.

Para tal fin, a entidade promotora deberá elaborar un estudo de impacto e a integración paisaxística do proxecto, conforme o establecido na normativa de protección da paisaxe de Galicia.

  1. O disposto neste artigo será aplicable aos centros de investigación científica e tecnolóxica en ciencias mariñas e aos centros públicos de formación profesional marítimo-pesqueira, marisqueo, acuicultura e mergullo que requiran da captación da auga do mar.

Artigo 56. Rede de sendas litorais

  1. En coherencia coa Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, as administracións públicas de Galicia impulsarán a creación dunha rede de sendas ao longo dos espazos terrestres do litoral, que favorezan o lecer, o coñecemento e a interpretación da paisaxe litoral e a mobilidade peonil segura entre núcleos.
  2. Para tal fin, o Plan de ordenación costeira establecerá en colaboración cos concellos litorais a rede de sendas litorais baixo os seguintes criterios:
  3. a) as sendas litorais procurarán, sempre que sexa factible, a utilización da trama de camiños existente coas menores modificacións posibles, evitando a creación de novas liñas de ruptura na paisaxe
  4. b) a rede de sendas será deseñada como unha articulación de tramos diferenciados da costa con características paisaxísticas, morfolóxicas ou patrimoniais propias
  5. c) cada un dos tramos procurará unha vinculación entre os núcleos de poboación e o bordo litoral, así como cos lugares cunha especial relevancia ambiental, de forma que se procure servir os habitantes da zona
  6. d) a rede incorporará tamén un tratamento diferenciado para as vías ciclistas.

Así mesmo, os instrumentos de planificación territorial e urbanísticos preverán a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a súa execución e establecerán o réxime de uso, conservación e mantemento das sendas.

  1. A consellaría competente en materia de ordenación do territorio impulsará a planificación da rede de sendas litorais no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia impulsará a formalización de convenios coas administracións de territorios litorais limítrofes, así como con outros territorios litorais de Europa, para conformar, ampliar e dar continuidade ás redes de sendas litorais internacionais.

Artigo 57. Rede de establecementos turísticos do litoral

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, impulsará a creación dunha rede de establecementos turísticos ao servizo dun turismo de calidade, diversificado e desestacionalizado que favoreza o desenvolvemento sustentable do litoral.
  2. A rede de establecementos turísticos crearase a partir da recuperación ou da rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural de Galicia, situadas na área de mellora ambiental e paisaxística ou, cando o permitan os plans de ordenación e xestión dos espazos naturais, na área de protección ambiental.
  3. Poderán formar parte da rede os establecementos situados no dominio público marítimo-terrestre ou na zona de servidume de protección, sempre que se trate de edificacións previamente destinadas a residencia ou a habitación que veñan ocupando lexitimamente o espazo en aplicación do dereito transitorio da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
  4. As intervencións nas edificacións estarán suxeitas ás directrices da paisaxe de Galicia e ás condicións paisaxísticas establecidas nos catálogos da paisaxe, así como á normativa do patrimonio cultural de Galicia que resulte aplicable.
  5. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría con competencias en materia de paisaxe, aprobará as bases reguladoras da rede, nas que se especificarán as condicións que deben reunir as edificacións que pretendan formar parte dela, os requisitos exixibles aos establecementos e o seu réxime de funcionamento.

Artigo 58. Intervencións sobre o patrimonio cultural do litoral

  1. De conformidade cos fins establecidos no artigo 3 desta lei, as administracións públicas promoverán a protección, a conservación e o acrecentamento do patrimonio cultural do litoral, a través de accións orientadas á súa posta en valor, á súa recuperación e á súa rehabilitación.
  2. Nos termos establecidos na normativa de costas, aos bens declarados de interese cultural ou catalogados que se atopen situados no dominio público marítimo-terrestre, na zona de servidume de tránsito, de servidume de protección ou de influencia aplicaránselles as medidas derivadas do devandito réxime con preferencia ás contidas na normativa de costas.

Así mesmo, nos núcleos que fosen obxecto dunha declaración de conxunto histórico, zona arqueolóxica, lugar de valor etnolóxico ou sitio histórico serán aplicables as medidas derivadas do devandito réxime con preferencia ás contidas na normativa de costas, sempre que se aprobase o plan correspondente conforme o previsto na normativa do patrimonio cultural de Galicia.

  1. Cando os bens de interese cultural ou catalogados estean situados no dominio público marítimo-terrestre, quen pretenda o seu uso privativo deberá obter o título habilitante previsto no artigo 48 desta lei, que recollerá no conxunto das súas cláusulas as obrigas que a lexislación do patrimonio cultural impón aos posuidores dos bens.

Porén, cando a declaración ou a catalogación se promovan sen existir manifestación de interese no aproveitamento privativo do ben, a consellaría competente en materia de patrimonio cultural impulsará a subscrición dun convenio de colaboración coa Administración xeral do Estado, titular do ben, para os efectos de establecer un réxime concertado de protección. Ata a subscrición do convenio, correspóndelle á persoa titular do ben cumprir as obrigas derivadas da lexislación do patrimonio cultural.

  1. Cando os bens de interese cultural ou catalogados estean situados na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, a declaración de interese cultural ou a catalogación non eximirá da obtención da autorización autonómica ou do réxime de declaración responsable regulados no artigo 49 e rexerase en todo o demais pola normativa do patrimonio cultural de Galicia.
  2. Cando se trate de bens declarados de interese cultural ou catalogados con anterioridade á entrada en vigor desta lei, os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural para os efectos de verificar que as intervencións requiridas polo novo uso non poñen en perigo os valores que aconsellaron a súa protección.
  3. Sobre todos os bens de interese cultural e catalogados do litoral poderán realizarse as intervencións que correspondan ao seu nivel de protección, de entre as previstas na normativa do patrimonio cultural de Galicia, incluídas as de ampliación en planta, con carácter complementario a unha actuación de rehabilitación, en volumes diferenciados e sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto.

Non se considerará aumento de volume a reconstrución destinada a completar un estado previo dos bens arruinados utilizando partes orixinais deles cuxa autenticidade e posición orixinal se poidan acreditar.

  1. Nos termos da alínea 3 do artigo 2, as actuacións no espazo mariño do litoral que poidan afectar o patrimonio cultural subacuático de Galicia estarán suxeitas ao réxime de intervención da consellaría competente en materia de patrimonio cultural establecido na normativa do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 59. Sustentabilidade económica e social do sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria alimentaria

  1. En coherencia cos fins desta lei recollidos no artigo 3, o desenvolvemento sustentable do litoral require a adopción de accións que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar e garantan o desenvolvemento das súas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través desta lei, recoñece o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable do litoral e terá a obriga de asegurar en todos os instrumentos de ordenación mariña do litoral previstos nesta un réxime de zonificación e de uso que garanta o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa da súa competencia.

Respecto dos caladoiros sobre os que non se teñan competencias, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia velará pola sustentabilidade do sector nos termos establecidos no artigo 74 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

  1. En todo caso, será preceptivo o informe de impacto económico e social regulado no artigo 63 desta lei nos procedementos de aprobación de plans, proxectos ou programas que pretendan levarse a cabo en augas do litoral de Galicia e sexan susceptibles de provocar un impacto apreciable no desenvolvemento económico e social do sector marítimo-pesqueiro, incluídos os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña cando os aeroxeradores ou as infraestruturas de evacuación eléctrica poidan incidir de xeito apreciable en zonas de uso pesqueiro, marisqueiro ou acuícola do litoral de Galicia.

Artigo 60. Dotacións públicas esenciais para o abastecemento de poboacións e o saneamento e a depuración das augas residuais

  1. Ademais das exixencias establecidas na normativa de costas e de augas de Galicia, a construción das infraestruturas hidráulicas para o abastecemento de poboacións e o saneamento e a depuración das augas residuais deberanse axustar ás condicións establecidas nas alíneas seguintes.
  2. As novas infraestruturas que se proxecten sobre o litoral deberán cumprir as directrices da paisaxe de Galicia e as condicións paisaxísticas establecidas nos catálogos da paisaxe.

Para ese efecto, a consellaría competente en materia de medio ambiente deberá emitir un informe de avaliación paisaxística, co fin de considerar as repercusións que poidan ter sobre a paisaxe a execución das actuacións, das obras ou das actividades proxectadas, así como de expoñer os criterios para a súa integración, de acordo cos catálogos da paisaxe e os documentos de referencia sobre a sustentabilidade e a integración paisaxística que elabore o Instituto de Estudos do Territorio.

  1. Os sistemas de recollida, almacenamento, tratamento e vertedura no dominio público marítimo-terrestre de augas residuais poderán ocupar o dominio público marítimo-terrestre nos seguintes supostos:
  2. a) cando os ditos sistemas presten servizo a actividades ou instalacións que estean situadas no dominio público marítimo-terrestre
  3. b) cando os ditos sistemas estean vinculados a servizos esenciais de depuración de núcleos de poboación situados no litoral.

En ambos os casos, a documentación que acompañe os instrumentos de ordenación que recollan estas intervencións ou proxectos de obra que deban someterse a unha avaliación ambiental deberá incluír un estudo de alternativas que acredite a necesidade de ocupación do espazo.

  1. As infraestruturas creadas poderán dar servizo de almacenamento, tratamento e vertedura ao mar de augas residuais que se xeren fóra deses espazos, sempre que se xustifique que a conexión ás ditas infraestruturas é a única alternativa posible ou que minimiza substancialmente o impacto ambiental que provocaría a construción de infraestruturas independentes.

TÍTULO V

Normas adicionais de protección e sustentabilidade do litoral

Artigo 61. Normas adicionais

Nos termos sinalados nos artigos seguintes, ademais das exixencias establecidas na normativa xeral de medio ambiente, de costas e do medio mariño, as actuacións que se leven a cabo sobre o litoral deberán tomar en consideración as seguintes circunstancias:

  1. a) o grao de resiliencia da costa perante os riscos asociados ao cambio climático
  2. b) o impacto das actuacións proxectadas no desenvolvemento económico e social dos sectores produtivos de Galicia ou das súas comunidades
  3. c) o cumprimento dos obxectivos de calidade e ambientais das augas interiores e costeiras do litoral.

Artigo 62. Resiliencia costeira

  1. Sen prexuízo do disposto na normativa de costas, no marco da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia realizará uns estudos de resiliencia do litoral de Galicia que permitan considerar os riscos asociados para os efectos do cambio climático, tanto no deseño dos instrumentos de ordenación coma na adopción de decisións sobre os usos do litoral.
  2. Para a determinación do grao de resiliencia costeira considerarase especialmente o risco de inundacións, o retroceso da liña de costa e as variacións na frecuencia e na intensidade de fenómenos naturais adversos.
  3. A información dispoñible dos estudos dos riscos asociados para os efectos do cambio climático na costa incorporará, entre outras consideracións, as que se determinen no informe especial do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC-Prevención e control integrados da contaminación), e estará dispoñible para a súa consulta no visor do Instituto de Estudos do Territorio.
  4. A información sobre a resiliencia costeira deberá ser utilizada para os efectos do informe que a Comunidade Autónoma de Galicia debe emitir no marco do procedemento de outorgamento de concesións do dominio público marítimo-terrestre, nos termos establecidos na normativa de costas, cando se pretenda a ocupación do espazo con instalacións fixas ou non desmontables.
  5. Cando o outorgamento do título de ocupación lle corresponda á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o previsto no artigo 48, e sen prexuízo das prohibicións de usos recollidas na normativa de costas, o grao de resiliencia costeira permitirá suxeitar o uso pretendido sobre o litoral a unhas condicións, que se incorporarán ao conxunto das cláusulas do título.

En todo caso, o grao de resiliencia costeira considerarase ao determinar o prazo de vixencia do título, para establecer a obriga de desaloxar o espazo e retirar os materiais ante o avance do mar ou para incorporar ao conxunto das cláusulas unha expresa asunción do risco por parte da persoa interesada.

Artigo 63. Impacto económico e social

  1. Os plans, os proxectos ou os programas que pretendan levarse a cabo no litoral de Galicia e sexan susceptibles de provocar un impacto apreciable no desenvolvemento económico e social dos sectores produtivos de Galicia ou as súas comunidades deberán ser sometidos a unha avaliación dos seus efectos económicos e sociais.

En todo caso, será preceptiva a dita avaliación cando se trate das actuacións recollidas no artigo 59.3, así como nos procedementos de outorgamento de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre, cando se pretenda a ocupación do espazo con instalacións fixas ou non desmontables.

  1. Para os efectos da elaboración do informe da consellaría competente, as persoas promotoras, públicas ou privadas, dos proxectos, dos plans ou dos programas achegarán un estudo do impacto económico e social destes.
  2. Se o plan, o proxecto ou o programa estiver suxeito á avaliación ambiental autonómica, o informe do impacto económico e social emitirase no procedemento de avaliación ambiental.
  3. O informe conterá unha avaliación dos impactos das actividades proxectadas e poderá determinar as medidas correctoras necesarias para mitigar, paliar ou impedir os impactos negativos, incluídas as medidas compensatorias en favor dos sectores afectados ou das súas comunidades.
  4. O informe terá carácter vinculante cando a competencia para a aprobación do plan, do proxecto ou do programa lles corresponda ás administracións públicas de Galicia. Nos restantes casos, será notificado á administración competente para a aprobación do plan, do proxecto ou do programa co obxecto da súa consideración na resolución ou na actuación que proceda.

Artigo 64. Compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais das augas interiores e costeiras do litoral de Galicia

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias sobre as augas do litoral velarán polo mantemento dos obxectivos de calidade e ambientais das augas interiores e costeiras cando poidan ser afectadas por verteduras ou pola realización de obras, instalacións e actividades.
  2. Os obxectivos de calidade e ambientais serán os determinados na normativa de augas de Galicia.
  3. Con respecto ao disposto na normativa de protección do medio mariño, e ademais do control das verteduras desde terra ao mar regulado na normativa de augas de Galicia e do cumprimento dos obxectivos establecidos no Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia, as actuacións que pretendan levarse a cabo nas augas costeiras que requiran a execución de obras e instalacións, ou a colocación ou o depósito de materiais sobre o fondo mariño, deberán contar cun informe de compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais das augas de Galicia.

TÍTULO VI

Patrimonio público litoral

Artigo 65. Medidas

Os poderes públicos impulsarán unhas medidas encamiñadas a dispoñer de patrimonio público de solo litoral que favoreza a renaturalización dos espazos parcialmente desnaturalizados e a execución das actuacións estratéxicas definidas nesta lei.

Artigo 66. Constitución de patrimonio público autonómico do solo litoral

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia constituirá un patrimonio público do solo litoral co fin de obter reservas de solo para as actuacións de iniciativa pública que contribúan á execución da competencia de ordenación do litoral, entre elas, a conservación e a mellora do medio ambiente, do patrimonio natural e do patrimonio cultural.
  2. Integrarán o patrimonio público autonómico do solo litoral:
  3. a) os bens resultantes de procedementos de expropiación forzosa derivados da aprobación de plans ou proxectos para o cumprimento dos fins previstos nesta lei
  4. b) os bens adquiridos no exercicio do dereito de tenteo ou retracto, nos termos recollidos no artigo 68 desta lei
  5. c) os bens cedidos pola Administración xeral do Estado tras un procedemento de desafectación do dominio público marítimo-terrestre, afectos a finalidades de uso ou servizo público.

Artigo 67. Declaración de utilidade pública

  1. Decláranse de utilidade pública as actuacións estratéxicas reguladas no título IV desta lei para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dos dereitos necesarios para a súa execución.
  2. Así mesmo, considerarase implícita a declaración de utilidade pública na aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral regulados nesta lei cando conteñan disposicións que teñan por finalidade:
  3. a) incrementar os espazos da área de protección ambiental, mediante a incorporación de terreos incluídos na área de mellora ambiental ou paisaxística que poidan chegar a obter, tralas intervencións oportunas de renaturalización, unhas condicións naturais equivalentes ás dos espazos que conforman aquela área
  4. b) intervir sobre os espazos incluídos na área de mellora ambiental ou paisaxística susceptibles de recuperar parcialmente as súas condicións naturais
  5. c) ampliar os espazos verdes e promover as actuacións de renovación urbana e de rehabilitación na área de reordenación.

Artigo 68. Dereito de tenteo e retracto

  1. Os instrumentos de ordenación do litoral poderán delimitar os ámbitos das áreas de mellora ambiental e paisaxística e de reordenación nos cales as transmisións onerosas de terreos estean suxeitas aos dereitos de tenteo e de retracto para os efectos de obter reservas de solo para acometer accións de renaturalización ou levar a cabo accións de rehabilitación ou de renovación urbana.
  2. O prazo para o exercicio do dereito de tenteo será de tres meses, a partir da notificación do prezo e das condicións da transmisión pola persoa transmitente á administración á que o instrumento de ordenación atribúa o dereito de tenteo. Logo de transcorrer o dito prazo sen que se notificase á persoa transmitente o exercicio do dereito de tenteo, poderá levarse a cabo a transmisión.
  3. De non se producir a notificación para o exercicio do dereito de tenteo, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano, contado a partir da data en que a Administración tivese coñecemento da transmisión.

TÍTULO VII

Cultura litoral, concienciación e educación ambiental

Artigo 69. Cultura litoral e oceánica e patrimonio cultural inmaterial

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público empresarial con competencias en materia de litoral poñerán ao dispor da sociedade información abonda e accesible sobre a configuración e o estado dos espazos terrestres e mariños do litoral, as súas zonas de especial interese ambiental, paisaxístico e cultural, os seus servizos ecosistémicos, as actividades públicas e privadas implantadas neses espazos e calquera outro contido divulgativo que permita mellorar a cultura litoral e oceánica da cidadanía.
  2. Serán obxecto de protección específica como parte do patrimonio cultural inmaterial de Galicia aqueles usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas das comunidades costeiras que manifestan un particular sentimento de identidade e de relación co medio costeiro e mariño, entre eles, as técnicas artesanais e tradicionais vinculadas cos oficios do mar.
  3. Desenvolveranse uns plans de fomento e recuperación de oficios tradicionais relacionados co mar, así como uns programas pedagóxicos de formación en materia de cultura litoral e oceánica. Para desenvolver estes plans e programas contarase coas asociacións que traballan neste ámbito e con persoas que atesouran saberes e coñecementos relacionados cos oficios do mar e coa cultura litoral.

Artigo 70. Concienciación social e educación para o desenvolvemento sustentable

  1. As administracións públicas de Galicia, en colaboración con outras entidades públicas e privadas con labores vencellados co litoral, promoverán estratexias e programas co fin de concienciar a cidadanía sobre a importancia da súa conservación e uso sostibles, así como, en xeral, sobre a súa función esencial para o benestar da humanidade. Esta función de sensibilización irá acompañada de información efectiva sobre os medios de participación pública nos supostos previstos polo ordenamento xurídico.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procurará introducir en todos os niveis do sistema educativo e universitario de Galicia uns programas de formación dirixidos a proporcionar coñecementos, aptitudes e comportamentos para acadar o Obxectivo de desenvolvemento sustentable nº 14 fixado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, relativo a conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sustentable.
  3. As administracións públicas promoverán unhas estratexias e uns programas de concienciación da cidadanía sobre o cambio climático.

Artigo 71. Investigación, capacitación e ciencia cidadá

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unhas estratexias e uns programas de investigación e innovación en ciencias mariñas cos centros de investigación implantados en Galicia, para, entre outros obxectivos, incrementar a observación do estado do medio mariño e os seus recursos, identificar os riscos e as áreas de vulnerabilidade, determinar as medidas e os mecanismos de resposta que garantan a explotación sustentable dos recursos e promover a protección e a restauración dos seus ecosistemas.

Así mesmo, promoveranse asociacións e alianzas entre os centros de investigación e as empresas dos diferentes sectores da economía azul para xerar un diálogo permanente, unha innovación mariña e marítima sostible e a adecuada capacitación das persoas profesionais destes sectores.

  1. Como ferramenta complementaria da investigación científica promoverase o desenvolvemento da ciencia cidadá sobre o litoral, a través da implicación activa de persoas non especializadas na captación, no procesamento, na interpretación de datos e na identificación de problemas, de grande utilidade na implementación da investigación científica e para facilitar a aplicación das políticas e a xestión sobre o litoral.

TÍTULO VIII

Inspección do litoral e potestade sancionadora

Artigo 72. Inspección

  1. A inspección do litoral será exercida polos órganos que desempeñan as funcións de inspección nos distintos espazos terrestres ou mariños do litoral, de conformidade coa normativa específica que os regule, e sen prexuízo das funcións de tutela e policía que lle corresponden ao Estado na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.
  2. O persoal de inspección ten, no exercicio das súas funcións, a condición de autoridade e pode solicitar a colaboración das forzas e dos corpos de seguridade e a cooperación de persoal funcionario e autoridades doutras administracións públicas.
  3. No exercicio da antedita actividade, o persoal de inspección pode inspeccionar toda clase de obras e instalacións, contando, cando sexa preciso, coa preceptiva autorización xudicial, e está facultado para entrar e permanecer nos predios, nas construcións e noutros lugares suxeitos á súa actuación inspectora o tempo estritamente necesario para realizar a súa función.
  4. Os documentos formalizados polo persoal de inspección nos cales se recollan os feitos constatados teñen valor probatorio agás que se acredite o contrario, de conformidade co establecido pola lexislación do procedemento administrativo común.
  5. Correspóndenlle ao persoal que teña encomendado o exercicio da inspección do litoral, ademais das funcións previstas na súa normativa sectorial aplicable, as seguintes:
  6. a) a investigación e a comprobación do cumprimento da normativa, así como a práctica das probas e das medicións necesarias para esta finalidade
  7. b) a documentación das súas actuacións mediante as actas de inspección, os informes, as dilixencias e as correspondentes comunicacións
  8. c) a proposta de adopción, de ser o caso, de medidas provisionais e de incoación dos procedementos de protección da legalidade.

Artigo 73. Potestade sancionadora

  1. A realización de usos sobre o litoral que contraveñan as disposicións contidas nesta lei será perseguida a través dos procedementos sancionadores e os cadros de infraccións e sancións previstos na lexislación de costas, portos, medio mariño, patrimonio natural, urbanismo ou calquera outra sectorial que resulte aplicable.
  2. Se un mesmo feito pode ser sancionado por causa de infraccións diferentes, perseguirase a infracción de maior gravidade.
  3. En ningún caso a infracción pode supoñer un beneficio económico para a persoa infractora. Cando a suma da sanción imposta e do custo das actuacións de reposición dos bens e das situacións ao seu anterior estado determine unha cifra inferior ao dito beneficio, incrementarase a contía da multa ata alcanzar o cento dez por cento do importe del.
  4. De ser o caso, os resultados da inspección realizada conforme o artigo anterior serán elevados á consellaría con competencias para exercer a potestade sancionadora en función da infracción cometida ou aos concellos costeiros competentes.

Disposición adicional primeira. Área de influencia litoral

Por un decreto do Consello da Xunta poderán declararse áreas de influencia litoral, conformadas por espazos non comprendidos no litoral de acordo co establecido no artigo 2 desta lei, nas que serán aplicables as disposicións desta lei necesarias para o mantemento de bens e servizos ecosistémicos do litoral.

A dita declaración, que deberá estar avalada pola experiencia e polo coñecemento científico, irá acompañada da incorporación das áreas declaradas ao Plan de ordenación costeira.

Disposición adicional segunda. Definición de «augas costeiras» e «augas de transición»

As referencias ás augas costeiras e de transición contidas nesta lei entenderanse segundo as definicións establecidas na lexislación de augas.

Polo tanto, son augas costeiras as augas de superficie que se encontran cara á terra desde unha liña cuxa totalidade de puntos se atopa a unha distancia dunha milla náutica mar a fóra desde o punto máis próximo da liña de base que serve para medir a largura das augas territoriais e que se estenden, de ser o caso, ata o límite exterior das augas de transición.

Son augas de transición as masas de auga de superficie próximas á desembocadura dos ríos que son parcialmente salgadas como resultado da súa proximidade ás augas costeiras, pero que reciben unha notable influencia de fluxos de auga doce.

Disposición adicional terceira. Aprobación dos instrumentos de ordenación do litoral previstos nesta lei

  1. A estratexia de economía azul aprobarase no prazo dun ano, contado desde a entrada en vigor desta lei.
  2. As directrices de ordenación do litoral aprobaranse no prazo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei.
  3. O plan de ordenación mariña aprobarase no prazo de tres anos, contado desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición adicional cuarta. Adaptación do Plan de ordenación do litoral de Galicia

O Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado definitivamente polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro (DOG do 23 de febreiro) pasará a denominarse «Plan de ordenación costeira de Galicia» e deberá ser revisado, para a súa adaptación a esta lei, no prazo de dous anos, contado desde a súa entrada en vigor.

Disposición adicional quinta. Plans que afectan o litoral aprobados conforme o previsto na lexislación sectorial

  1. As disposicións contidas nesta lei son complementarias das establecidas nos plans aprobados en virtude da normativa sectorial, entre eles os seguintes:
  2. a) os plans de ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos e de protección da biodiversidade
  3. b) os plans de pesca, marisqueo e acuicultura
  4. c) os plans de continxencias por contaminación mariña accidental
  5. d) os plans de loita contra o cambio climático
  6. e) os plans do sistema portuario de Galicia
  7. f) os plans de protección civil e emerxencias
  8. g) os plans de protección do patrimonio cultural
  9. h) os plans de ordenación e protección da paisaxe
  10. i) a planificación hidrolóxica
  11. j) os plans de turismo
  12. k) os plans de transporte marítimo
  13. l) os plans de infraestruturas
  14. m) os plans previstos na normativa forestal
  15. n) os plans de ordenación dos montes veciñais, na superficie que corresponda ao litoral.
  16. A Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral velará pola integración entre as disposicións desta lei e as leis sectoriais, e impulsará, cando proceda, as modificacións que favorezan a xestión integrada do litoral.

Disposición adicional sexta. Catálogo de bens de valor cultural no litoral

  1. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de medio ambiente, logo do informe favorable do departamento competente en materia de patrimonio cultural, aprobará un catálogo de bens de valor cultural no litoral, sobre os que se poderán promover as actuacións estratéxicas recollidas no artigo 58 desta lei.
  2. O catálogo deberá incluír:
  3. a) a identificación dos bens, con indicación da área do litoral en que se atopan, especificando, de ser o caso, se ocupan un dominio público marítimo-terrestre ou unha zona de servidume de protección
  4. b) a xustificación da incorporación ao catálogo, cando a edificación non estea declarada ben de interese cultural ou catalogada, ou, neste caso, a referencia á declaración ou á catalogación
  5. c) os usos orixinais dos bens e os usos futuros compatibles para o caso de que se interveña sobre eles, quedando garantido que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa catalogación
  6. d) calquera outro dato que favoreza a mellor preservación dos valores que se tratan de protexer e o seu contorno.
  7. No procedemento de aprobación do catálogo abrirase un trámite de información pública para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que estimaren pertinentes.
  8. Os bens catalogados integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.
  9. A incorporación dun ben inmoble ao catálogo obrigará os concellos en cuxo territorio se localice a incorporalo ao planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección, conservación e uso.
  10. As modificacións e as revisións do catálogo seguirán o mesmo procedemento que o establecido para a súa aprobación.

Disposición adicional sétima. Regularización dos bens transferidos incluídos no dominio público marítimo-terrestre

  1. A consellaría con competencias en materia de patrimonio da Xunta de Galicia, por razóns de interese público, promoverá a regularización da situación xurídica dos bens inmobles destinados a usos ou servizos públicos autonómicos, cuxa titularidade resultou transferida á Comunidade Autónoma de Galicia antes da entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e que resultaron posteriormente declarados de dominio público marítimo-terrestre como resultado dun deslindamento practicado conforme a dita lei.
  2. Para eses efectos, se os terreos sobre os que se sitúan os inmobles perderon as súas características naturais de praia ou zona marítimo-terrestre, a Administración autonómica solicitará o inicio do procedemento de declaración de innecesariedade e desafectación dos terreos regulado no artigo 18 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
  3. Para cumprir coa finalidade da transferencia dos bens e en cumprimento do disposto no artigo 19 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, solicitarase da Administración xeral do Estado a cesión gratuíta dos terreos afectados, co compromiso de que as edificacións ou as instalacións que ocupen os inmobles manterán o destino de uso ou servizo público que determinou a súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. De se rematar o procedemento de desafectación nos termos expostos, os terreos e os inmobles integraranse no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que lles resulte aplicable o disposto no artigo 66.2.c) desta lei.
  5. Nos casos restantes, para o mantemento dos usos ou dos servizos públicos preexistentes promoverase a formalización dun convenio de colaboración que regule o uso dos terreos ou solicitarase unha concesión que ampare a ocupación do dominio público marítimo-terrestre; todo isto de conformidade co establecido na normativa de costas.

Disposición adicional oitava. Corta de árbores

A autorización dos aproveitamentos forestais na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre regularase polo establecido na normativa de montes de Galicia.

Disposición adicional novena. Tramo internacional do río Miño

O tramo internacional do río Miño regularase polo disposto nos correspondentes instrumentos internacionais.

Disposición adicional décima. Obras e actuacións de interese xeral do Estado

O establecido nesta lei entenderase sen prexuízo do estipulado na súa lexislación específica para as obras e as actuacións de interese xeral do Estado, que se rexerán pola norma estatal sectorial que resulte aplicable en cada caso.

Disposición transitoria primeira. Títulos habilitantes

  1. Esta lei aplicarase aos procedementos de obtención de títulos habilitantes de usos e actividades sobre o litoral que se inicien a partir da súa entrada en vigor.
  2. Os procedementos iniciados por instancia de parte perante a Administración autonómica con anterioridade á entrada en vigor, que non fosen resoltos no prazo máximo legalmente establecido, continuarán a súa tramitación conforme a normativa anterior, sen prexuízo do dereito da persoa interesada de desistencia para os efectos de iniciar outro procedemento de conformidade co disposto nesta lei.

Disposición transitoria segunda. Aplicación transitoria do Plan de ordenación do litoral de Galicia

  1. Ata a revisión do Plan de ordenación do litoral de Galicia, manterase o réxime xurídico das áreas de protección costeira, dos corredores e dos espazos de interese recollidos nos artigos 54, 57 e 58 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, agás no que afecte ás actuacións estratéxicas do título IV, cuxas disposicións serán aplicables a partir da entrada en vigor desta lei.
  2. Para os efectos da execución das actuacións estratéxicas previstas nesta lei, o Instituto de Estudos do Territorio de Galicia aprobará os instrumentos cartográficos que recollan a zonificación regulada no título III, que estarán dispoñibles no enderezo electrónico a que se refire a disposición derradeira terceira desta lei.

Disposición transitoria terceira. Delimitación dos espazos de especial interese ambiental e paisaxístico

Ata a revisión do Plan de ordenación do litoral de Galicia, as referencias contidas nesta lei aos espazos de especial interese ambiental e paisaxístico que debe delimitar o Plan de ordenación costeira serán todos os desa natureza delimitados no Plan de ordenación do litoral de Galicia.

Disposición transitoria cuarta. Autorizacións autonómicas e declaracións responsables para usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

Mentres non se desenvolva regulamentariamente o procedemento de outorgamento das autorizacións e as declaracións responsables do artigo 49 desta lei, seguirá en vigor o Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia

Modifícase o artigo 55 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 55. Actividades, instalacións e construcións permitidas

  1. Na zona de servizo portuaria só se poderán levar a cabo actividades, instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima, consonte o establecido nesta lei, na normativa estatal aplicable e nas normas que a desenvolvan.
  2. Para ese efecto, teñen a consideración de usos portuarios os seguintes:
  3. a) O uso de infraestrutura básica asignado a diques e vieiros.
  4. b) Os usos comerciais, entre os cales figuran os relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e outras actividades portuarias comerciais.
  5. c) Os usos pesqueiros, incluídos os referidos á pesca, ao marisqueo e á acuicultura.
  6. d) Os usos náutico-deportivos.
  7. e) Os usos complementarios ou auxiliares dos anteriores, incluídos os relativos a actividades loxísticas e de almacenaxe, os relativos á cadea mar-industria alimentaria e os que lles correspondan a empresas industriais ou comerciais que xustifiquen a localización no porto pola súa relación co tráfico portuario, polo volume dos tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan ás persoas usuarias do porto.
  8. f) Os usos necesarios para levar a cabo o transporte das persoas usuarias do transporte marítimo, competencia da Comunidade Autónoma.
  9. g) Os usos vinculados á interacción porto-cidade, que cumpran a dobre función de integrar o ámbito portuario no concello e a participación da comunidade no desenvolvemento portuario, a través da implantación de usos e actividades que, sen alteraren o desenvolvemento do porto e as operacións de tráfico portuario, melloren a calidade de vida da cidadanía, entre eles, a prestación de servizos sanitarios, asistenciais, docentes, culturais e deportivos, así como os destinados á mellora da conectividade do porto coa contorna urbana.
  10. A xestión dos espazos portuarios vinculados á interacción porto-cidade regularase mediante unhas fórmulas de colaboración interadministrativa, que deberán incluír, polo menos, as competencias e o financiamento en materia de conservación e mantemento de espazos e servizos, o réxime da responsabilidade derivada de acontecementos acaecidos no espazo ou en relación coa prestación do servizo e mais calquera outra cuestión que se considere necesaria para facilitar a xestión eficaz das administracións implicadas e dos usuarios dos servizos.
  11. Nos terreos da zona de servizo portuaria que non reúnan as características naturais de bens de dominio público marítimo-terrestre definidos no artigo 3 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, poderanse admitir outros usos non estritamente portuarios, tales como equipamentos culturais, recreativos, certames feirais, exposicións e outras actividades comerciais e industriais non portuarias, sempre que resulten compatibles cos usos antes definidos, non se prexudique globalmente o desenvolvemento futuro do porto e as operacións de tráfico portuario e se axusten ao establecido no plan urbanístico en vigor, así como ao previsto na normativa de costas en materia de protección do dominio público marítimo-terrestre adscrito.»

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

Modifícase o artigo 82 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 82. Obxectivos de calidade e ambientais das augas

  1. Establécense como obxectivos de calidade das augas das rías de Galicia os indicados no anexo II desta lei. Estes obxectivos de calidade terán o carácter de mínimos.
  2. Establécense como obxectivos ambientais das augas das rías de Galicia os establecidos na Estratexia mariña da Demarcación noratlántica, recollidos no anexo II do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, ou na norma que o substitúa.
  3. Os métodos de análises de referencia para a determinación dos parámetros considerados nos obxectivos de calidade e ambientais, así como o procedemento para o seu control, serán determinados regulamentariamente.
  4. En calquera caso, os anteriores obxectivos, tanto de calidade coma ambientais, entenderanse modificados no caso de que por parte da Unión Europea ou do Estado se diten obxectivos de calidade máis estritos ou ben referidos a novos parámetros.».

Disposición derradeira terceira. Información cartográfica

A información cartográfica necesaria para a aplicación desta lei estará dispoñible no enderezo electrónico da consellaría con competencias en materia de medio ambiente.

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións para o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás o establecido no artigo 48.1 respecto do exercicio das competencias autonómicas para o outorgamento das autorizacións e das concesións do dominio público marítimo-terrestre, do que a entrada en vigor queda supeditada á publicación do real decreto de traspasos de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente