Criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de GALICIA
DECRETO 119/2019, do 19 de setembro, polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia (códigos de procedemento SA431D, SA431C e SA431E).
[sc name=»urbanismo» ]
O artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia dispón que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.
A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece a obriga das administracións públicas de orientar as súas actuacións prioritariamente á promoción da saúde e a prevención das enfermidades. Pola súa vez, a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, establece a protección da saúde da poboación como unha das obrigas das administracións públicas, coa identificación, a avaliación, a xestión e a comunicación dos riscos para a saúde que poidan derivar dos condicionantes ambientais; a vixilancia dos factores ambientais de carácter físico, químico ou biolóxico e das situacións ambientais que afectan ou poden afectar a saúde.
No ámbito autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 34.6 que as autoridades sanitarias poderán establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento das actividades públicas ou privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas. Unha destas actividades é o uso das piscinas.
Coa publicación do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas, actualízase a normativa estatal nesta materia. Este real decreto deixa sen efecto parte do Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico sanitaria das piscinas de uso colectivo.
Entre as novidades que establece este real decreto atópase unha nova clasificación das piscinas que sitúa en diferentes grupos as piscinas de aloxamentos turísticos (piscinas tipo 2) e as de casas rurais ou de agroturismo (piscinas tipo 3A). A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, inclúe as casas rurais ou de agroturismo dentro dos establecementos de aloxamento turístico, polo que, para cumprir ambas as dúas normativas, o presente decreto establece a equiparación das piscinas de casas rurais, as de agroturismo e tamén as dos colexios maiores e residencias universitarias ou similares ás piscinas de uso público tipo 2, en canto ás exixencias hixiénico-sanitarias se refire. Deste xeito, diferéncianse as exixencias das piscinas que se atopan nos ditos establecementos turísticos e as piscinas de comunidades de persoas propietarias.
Ademais, o Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, remite ao Código técnico de edificación como lexislación de referencia en relación coas características construtivas das piscinas, polo que parece coherente que o cumprimento desta lexislación sexa comprobado polos servizos técnicos municipais das entidades locais, as cales deberán conceder a licenza de apertura.
Por outra parte, para cumprir coa Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, substitúe a autorización sanitaria de funcionamento por unha declaración responsable ante a xefatura territorial da consellería con competencias en materia de sanidade. Así mesmo, bastará con presentar unha comunicación previa no caso de interromper a actividade temporalmente, no caso de peche da instalación e para notificar o reinicio.
Na lexislación básica estatal non se regulan os aspectos relacionados coa seguridade, como a existencia de socorristas nas instalacións. O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia, indica que para o exercicio profesional do socorrismo acuático na Comunidade Autónoma de Galicia será necesario que o/a profesional solicite a inscrición no correspondente rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia. Así mesmo, é necesario actualizar os requisitos de seguridade das piscinas e asegurar que a vixilancia destas sexa eficaz.
Por todo o anteriormente exposto, faise necesaria a actualización da normativa vixente de piscinas en materia sanitaria, para adaptar a normativa nacional ás características do ámbito xeográfico galego.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, oído o Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto, sen prexuízo do que dispoña outra normativa de aplicación:
a) Desenvolver e adaptar os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas que teñan a súa localización na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Fixar distintos aspectos técnicos e de seguridade para protexer a saúde das persoas usuarias.
c) Establecer os procedementos que se seguirán para o inicio da actividade (SA431D), o reinicio da actividade ou o peche das instalacións (SA431C).
d) Fixar distintos aspectos relativos á vixilancia sanitaria das instalacións.
e) Establecer o procedemento para a comunicación das situacións de incidencia que se produzan (SA431E).
f) Asignar as competencias das administracións públicas.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos deste decreto establécense as seguintes definicións:
1. Piscina: instalación formada por un vaso ou conxunto de vasos destinados ao baño, ao uso recreativo, adestramento deportivo ou terapéutico, así como as construcións complementarias e servizos necesarios para garantir o seu funcionamento. Poden ser descubertas, cubertas ou mixtas.
2. Piscina de uso público: aquelas abertas ao público ou a un grupo definido de persoas usuarias, non destinada unicamente á familia e persoas invitadas da persoa propietaria ou ocupante, con independencia do pagamento dun prezo de entrada. Poderán ser:
a) Tipo 1. Piscinas onde a actividade relacionada coa auga é o obxectivo principal, como é o caso das piscinas públicas, de lecer, parques acuáticos ou spas.
b) Tipo 2. Piscinas que actúan como servizo suplementario ao obxectivo principal, como no caso das piscinas de hoteis, aloxamentos turísticos, cámpings, terapéuticas en centros sanitarios, clubs, centros de ensino, entre outras.
3. Piscina de uso privado: aquelas destinadas unicamente á familia e persoas invitadas pola propiedade ou ocupante, incluíndo o uso relacionado co alugamento de casas para uso familiar. Poderán ser:
a) Tipo 3A. Piscinas de comunidades de persoas propietarias, casas rurais, agroturismo, colexios maiores, residencias universitarias ou similares.
b) Tipo 3B. Piscinas unifamiliares.
4. Piscina de uso continuo: piscina que con excepción do peche para os traballos de mantemento e reparación permanece en funcionamento a maior parte do ano.
5. Piscina de uso descontinuo ou de tempada: piscinas que interrompen o seu funcionamento durante máis de seis meses ao longo do ano.
6. Piscina natural: aquela en que a auga de alimentación do vaso é costeira ou continental, está situada xunto ao seu medio natural e a renovación da auga está asociada ao movemento natural das mareas ou cursos dos ríos e atópase comprendida no ámbito de aplicación do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño.
7. Vaso de auga termal ou mineromedicinal: aquel cuxa auga de alimentación foi declarada mineromedicinal ou termal pola autoridade competente e non está tratada quimicamente, situada nunha estación termal e utilizada exclusivamente para tratamentos médico-termais.
8. Vaso: estrutura construtiva que contén a auga destinada aos usos previstos no número 1.
En función dos seus usos, o vaso pode ser:
a) Polivalente: vaso para a práctica e o adestramento da natación e onde se celebren competicións de natación en niveis básicos.
b) De ensino: vaso dedicado á educación física e ao ensino da natación, así como aos xogos libres ou vixiados na auga das persoas menores de entre 6 e 11 anos.
c) De salpicadura: vaso adicado aos xogos libres ou vixiados na auga das persoas menores de 5 anos.
d) De recreo: vaso adicado ao recreo e ao baño de persoas mozas e adultas, sobre todo non nadadoras.
e) De natación: vaso para a práctica da natación e onde se celebren competicións nas súas modalidades de carreiras.
f) Foso de saltos: vaso para a práctica da natación e onde se celebren competicións nas súas modalidades de saltos de trampolín e de plataforma.
g) De hidromasaxe: vaso con chorros de aire ou auga.
h) Terapéutico: vaso destinado a usos médicos ou de rehabilitación.
9. Vaso cuberto: vaso protexido do ambiente exterior.
10. Vaso descuberto: vaso situado ao aire libre.
11. Vaso mixto: vaso que está protexido do ambiente exterior durante unha época do ano e noutra o ambiente é similar ao exterior debido a unha modificación estrutural non permanente.
12.Vaso climatizado: vaso cuxa auga é sometida a un proceso de quentamento co fin de regular a súa temperatura.
13. Lámina de auga: superficie de cada vaso, expresada en metros cadrados.
14. Cabida dos vasos: número máximo de bañistas que pode permanecer de forma simultánea no vaso, calculado segundo o que indique o código técnico da edificación ou a normativa vixente en cada momento.
15.Material auxiliar: obxectos para o desenvolvemento de actividades acuáticas.
16. Instalacións complementarias: vestiarios, aseos, locais de primeiros auxilios e similares que dan servizo á piscina, así como outras áreas destinadas a usos diferentes do baño tales como bar, restaurante, cafetaría e outras.
17. Titular: persoa física ou xurídica, pública ou privada, ou comunidade de propietarios que sexa propietaria da piscina, responsable de cumprir este decreto. No caso de que a piscina sexa explotada por persoa física ou xurídica diferente do propietario, será titular para os efectos da explotación quen asuma a dita explotación.
Para todos aqueles termos que non estean recollidos neste decreto, observarase o establecido no artigo 2 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
1. Este decreto aplicarase a todas as piscinas localizadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da súa titularidade.
2. As piscinas de uso privado tipo 3A, excepto as piscinas das comunidades de persoas propietarias, deberán cumprir tamén o disposto para as piscinas de uso público no Real decreto 742/2013, do 27 de setembro.
3. As piscinas de uso privado tipo 3A de comunidades de persoas propietarias deberán cumprir, como mínimo, o disposto nos artigos 5, 6, 7, 10, 13 e 14.d), e) e f) do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, e o disposto no artigo 17 do presente decreto.
4. As piscinas de uso privado tipo 3B deberán cumprir única e exclusivamente o disposto no artigo 17 do presente decreto.
5. Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste decreto:
a) As piscinas naturais.
b) Os vasos de auga termal ou mineromedicinal utilizados exclusivamente para tratamentos médico-termais.
6. As persoas físicas incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, por razóns de capacidade económica, técnica e de dedicación profesional, estarán consideradas con medios para relacionarse exclusivamente a través de medios electrónicos coa Administración.
CAPÍTULO II
Declaración responsable, comunicación previa
e responsabilidades administrativas
Artigo 4. Declaración responsable para o inicio da actividade
1. A persoa titular presentará o modelo de declaración responsable establecido no anexo I, código de procedemento SA431D, nos casos enumerados no número 2.
A declaración responsable presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas titulares presenta a súa declaración responsable de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación da declaración responsable poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A persoa titular dunha piscina de uso público ou de uso privado tipo 3A, excepto as das comunidades de persoas propietarias, deberá declarar o inicio da actividade á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a localización xeográfica da instalación nos seguintes casos:
a) Antes da súa entrada en funcionamento por primeira vez.
b) Antes da súa entrada en funcionamento tras obras de construción ou reformas.
c) Cando se produzan variacións nas circunstancias ou datos previamente declarados.
Na declaración responsable recolleranse os datos da instalación, titularidade, existencia ou non de empresa xestora, tipo de instalación, número de socorristas ou persoas tituladas en primeiros auxilios, se procede, e datos da actividade.
Tamén se declararán os datos da actividade relativos á data prevista do inicio da actividade, o período previsto en que a instalación permanecerá aberta e o horario de apertura.
3. A presentación da declaración responsable por parte das persoas titulares considerarase condición suficiente para o inicio da actividade e o seu exercicio por tempo indefinido, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que se poidan levar a cabo con posterioridade.
4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore á declaración responsable, ou a falta de presentación ante a Administración competente da declaración responsable, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.
Artigo 5. Comunicación previa para o reinicio da actividade e peche da instalación
1. A persoa titular presentará o modelo de comunicación previa establecido no anexo II, código de procedemento SA431C, nas situacións enumeradas no número 2.
A comunicación previa presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas titulares presenta a súa comunicación previa de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación da comunicación previa poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A persoa titular dunha piscina de uso público ou de uso privado tipo 3A, excepto as de comunidades de persoas propietarias, deberá comunicar á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a localización xeográfica da instalación as seguintes situacións:
a) O peche da instalación cando teña lugar durante un período superior a dúas semanas.
b) O reinicio da actividade tras o peche superior a dúas semanas en piscinas de uso continuo e a reapertura nas piscinas de uso descontinuo.
Na comunicación previa indicaranse os datos da instalación e o tipo de comunicación que se realiza.
Tamén se indicarán os datos da actividade relativos á data prevista do reinicio da actividade ou peche da piscina e o período previsto en que a instalación permanecerá aberta ou pechada.
3. A presentación da comunicación previa por parte das persoas titulares no suposto da letra b) do número 2 considerarase condición suficiente para o reinicio da actividade e o seu exercicio por tempo indefinido, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que se poidan levar a cabo con posterioridade.
4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore á comunicación previa, ou a falta de presentación ante a Administración competente da comunicación previa, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. A documentación complementaria que as persoas titulares consideren oportuno achegar coa declaración responsable ou coa comunicación previa previstas nos artigos 4 e 5, respectivamente, presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. No caso de que algún dos documentos que se queren presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos (SA431D, SA431C e SA431E) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa declarante/comunicante.
b) NIF da entidade declarante/comunicante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado nos modelos de declaración responsable e comunicación previa e achegar os documentos correspondentes (anexos I e II).
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable ou da comunicación previa
Todos os trámites administrativos que as persoas titulares deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa titular dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.
Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición das notificacións sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Responsabilidades das administracións locais
1. Corresponde ao concello do municipio no cal se localice a piscina a instrución do procedemento de concesión da licenza pertinente, así como velar para que o proxecto de construción dunha piscina ou da modificación construtiva do vaso cumpra o indicado no artigo 5 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, e no resto da normativa aplicable.
2. No caso das piscinas de uso privado tipo 3A de comunidades de persoas propietarias, será o concello do municipio no cal se localice a piscina quen exercerá a inspección e vixilancia no marco das súas competencias.
Artigo 11. Responsabilidades da Administración autonómica
1. Corresponde á dirección xeral con competencias en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade a elaboración da guía para o deseño do programa de autocontrol de piscinas ou, na súa falta, o programa de vixilancia sanitaria das piscinas.
2. Corresponde ás xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade a inspección e a vixilancia do cumprimento da lexislación sanitaria aplicable ás piscinas de uso público ou de uso privado tipo 3A, excepto as das comunidades de persoas propietarias.
3. Cando do exercicio da actividade inspectora resulte que a instalación e/ou o vaso non cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente aplicable ás piscinas e o incumprimento pode ser causa dun risco grave e inminente para a saúde das persoas usuarias, a xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a súa localización xeográfica poderá determinar a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houber lugar.
CAPÍTULO III
Criterios hixiénico-sanitarios das instalacións
Artigo 12. Condicións e tratamento da auga do vaso
1. A auga do vaso deberá cumprir cos requisitos que se especifican no anexo I do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro. No caso dos vasos terapéuticos, a auga destes poderán ter unha temperatura superior a 30º C, sen exceder os 36º C.
2. As substancias biocidas e o resto das substancias químicas utilizadas no tratamento da auga do vaso cumprirán o disposto nos números 1 e 2 do artigo 7 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro.
3. A dosificación de substancias químicas realizarase con sistemas automáticos ou semiautomáticos de tratamento.
4. Aínda que se poida empregar un sistema de filtración común a varios vasos, a dosificación do desinfectante de acción residual deberá ser independente para cada vaso. Así mesmo, cada vaso disporá dos seus propios dispositivos de alimentación e evacuación.
5. Os desinfectantes para o tratamento sistemático da auga non se engadirán nunca directamente aos vasos. Excepcionalmente, cando sexa necesario e xustificado, permitirase a dosificación manual doutros produtos distintos dos desinfectantes, tales como os de tratamento de cobertura e correctores, sempre e cando se realice fóra do horario ao público e se garanta un prazo de seguridade antes da súa posta en funcionamento. Estas actuacións deberán quedar rexistradas no protocolo de autocontrol da piscina.
Artigo 13. Control da calidade da auga e do aire da piscina
1. Os parámetros para o control da calidade da auga e do aire son os establecidos nos anexos I e II do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, respectivamente.
2. A persoa titular será a responsable de que en cada vaso se realicen os controis da calidade da auga e do aire recollidos no artigo 11.2 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro.
3. O control inicial realizarase en todos os vasos, con independencia da orixe da auga de abastecemento:
a) Dentro da quincena anterior ao inicio da actividade da piscina.
b) Despois de ter o vaso pechado máis de dúas semanas.
c) Despois de peches temporais que poidan supoñer variacións significativas dos parámetros de control da auga ou do aire.
4. Os aparellos de medición utilizados para levar a cabo os controis de rutina deberán calibrarse periodicamente segundo as indicacións establecidas pola persoa fabricante. Os procedementos de calibración e a súa periodicidade deberán quedar descritos no protocolo de autocontrol da instalación e as datas das calibracións rexistradas.
5. No caso das piscinas con varios vasos climatizados, a temperatura de referencia para o cálculo da temperatura ambiente será a temperatura da auga do vaso cuxa lámina de auga sexa predominante na instalación. No caso de non existir un vaso predominante, terase en conta a temperatura media da auga dos vasos que representen a maioría da lámina de auga. Para este cálculo non se terán en conta nin os vasos terapéuticos nin os de hidromasaxe.
Artigo 14. Condicións hixiénico-sanitarias
1. A auga dispoñible nas instalacións complementarias da piscina deberá cumprir o disposto no Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.
2. As instalacións e todos os elementos e materiais que conteña, incluído o material auxiliar, atoparanse en condicións hixiénico-sanitarias axeitadas, mediante o sistema que se estableza no seu protocolo de autocontrol.
3. Co fin de preservar a saúde pública, as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade poderán establecer a obriga de realizar de maneira adicional calquera medida ou tratamento de control de organismos nocivos cando o consideren necesario.
CAPÍTULO IV
Persoal e elementos de seguridade nas instalacións
Artigo 15. Socorrista
1. Como regra xeral, todas as piscinas de uso público e de uso privado tipo 3A, excepto as piscinas das comunidades de persoas propietarias, deberán dispoñer polo menos dunha persoa socorrista. No caso das piscinas con lámina de auga de entre 500 e 1.000 metros cadrados o número mínimo de socorristas será de dous/dúas. A partir de 1.000 metros cadrados de lámina de auga, a xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente segundo a súa localización xeográfica fixará en cada caso o número de socorristas necesarios/as.
No suposto de que a separación física entre os vasos que conforman a instalación da piscina non permita a súa vixilancia eficaz, será obrigatoria a presenza dunha persoa socorrista en cada un dos vasos ou en cada área de vixilancia.
2. Da obrigatoriedade de ter socorrista quedarán exceptuadas unicamente aquelas piscinas con superficie total de lámina de auga igual ou inferior a 200 metros cadrados e profundidade máxima da auga igual ou inferior a 1,60 metros. Non obstante:
a) Nas piscinas de uso público tipo 2 de aloxamentos turísticos e tipo 3A deberanse colocar inescusablemente nun lugar visible a indicación expresa da ausencia do servizo de salvamento.
b) No resto das piscinas con estas características deberá existir, como mínimo, unha persoa titulada en primeiros auxilios, que deberá ter formación acreditada e actualizada en soporte vital básico.
3. A titulación das persoas socorristas será a establecida no Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia ou normativa que o substitúa. A ausencia de inscrición no devandito rexistro determinará o incumprimento da obriga a que se refire o número 1.
4. A persoa socorrista permanecerá nas instalacións durante todo o tempo que estas se atopen abertas ao público.
O exercicio desta actividade é incompatible coa realización simultánea de actividades de persoa monitora de natación, atención sanitaria en instalacións anexas, labores de mantemento na instalación e aqueloutras que diminúan a correcta vixilancia das persoas usuarias da piscina.
5. A persoa socorrista levará unha vestimenta adecuada, estará debidamente identificada durante todo o tempo que a piscina estea aberta ao público levando de forma visible e permanente o modelo de distintivo das persoas socorristas acuáticas que establece a Orde do 14 de maio de 2012 pola que se regula o modelo de distintivo dos socorristas acuáticos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 16. Elementos de seguridade
1. Na piscina existirá obrigatoriamente un teléfono ou calquera outro sistema que permita a comunicación inmediata cos servizos de urxencia.
2. Disporán dunha caixa de urxencias que conterá, como mínimo, desinfectante e antiséptico autorizado pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, gasas estériles, algodón hidrófilo, vendas, esparadrapo, apósitos adhesivos, tesoiras, pinzas e luvas dun só uso.
3. As instalacións disporán dos elementos de seguridade que sexan necesarios para evitar ou minimizar o risco de afogamento, que poderán ser dispositivos tecnolóxicos de apoio. Estes elementos complementarán a actividade da persoa socorrista pero non poderán substituíla nos casos en que sexa obrigatoria a súa presenza.
4. Co fin de preservar a seguridade das persoas usuarias da piscina, os tobogáns, os trampolíns ou calquera outra instalación similar estarán nunha zona coutada do vaso e respectarán o disposto nas normas técnicas para este tipo de instalacións.
Artigo 17. Situacións de incidencia
1. A persoa titular comunicará á dirección xeral con competencias en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade as situacións de incidencia que recolle o artigo 13 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, nun prazo máximo de dez días desde o seu acontecemento, mediante o modelo establecido no anexo III, código de procedemento SA431E, sen prexuízo do cumprimento dos deberes e obrigas que poidan derivar da existencia de eventuais actuacións xudiciais.
2. A comunicación da situación de incidencia presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Se algunha das persoas interesadas presenta unha comunicación da situación de incidencia de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación da comunicación da situación de incidencia poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
3. Na comunicación da situación de incidencia recolleranse os datos da instalación, o tipo e a data da incidencia, o número de persoas afectadas, as accións levadas a cabo sobre a piscina, o tipo de intervención realizada e outros datos relacionados coa incidencia e o seu seguimento.
A dirección xeral con competencias en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade notificará, no prazo máximo dun mes, os datos recollidos na comunicación da situación de incidencia ao ministerio con competencia en materia de sanidade.
4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se xunte ou incorpore á comunicación da situación de incidencia, ou a falta de presentación ante a Administración competente, producirá responsabilidades administrativas, sen prexuízo das penais ou civís a que houber lugar.
Artigo 18. Información ao público
Ademais do exixido no artigo 14 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, relativo á información ao público, a persoa titular da piscina terá á disposición das persoas usuarias un regulamento de réxime interno coas normas de utilización da piscina, e incluirá, como mínimo, as seguintes prescricións:
a) Cabida de cada vaso da instalación.
b) A obriga de respectar en todo momento as indicacións do persoal socorrista.
c) A obriga de ducharse antes da inmersión na auga dos vasos.
d) A obriga de usar calzado de baño persoal nas zonas de pés descalzos.
e) A prohibición da entrada na zona de baño con calzado de rúa.
f) A prohibición de correr polo bordo do vaso.
g) A prohibición da entrada na zona de baño de persoas con enfermidades infecto-contaxiosas.
h) A prohibición da entrada de animais nas instalacións, agás cans guía.
i) A prohibición de comer, beber e fumar na zona de praia reservada ás persoas usuarias da piscina.
j) A prohibición de abandonar desperdicios dentro do recinto da instalación.
k) A recomendación do uso do gorro de baño nas piscinas cubertas.
Artigo 19. Remisión da información
As persoas titulares das piscinas incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberán introducir no SILOE (Sistema de información sobre piscinas), antes do 30 de abril de cada ano, os datos do ano anterior indicados no anexo IV do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro.
Artigo 20. Réxime sancionador
Sen prexuízo doutra normativa que puider resultar aplicable, o incumprimento das disposicións deste decreto será sancionado conforme o que se establece na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e na lexislación sanitaria básica estatal.
Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –consellería competente en materia de sanidade– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
As persoas interesadas poderán solicitar da persoa responsable do tratamento o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria das piscinas de uso colectivo.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!