Dominio público marítimo-terrestre GALICIA
DECRETO 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre
[sc name=»urbanismo» ]
Índice
CAPÍTULO I. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
CAPÍTULO II. Réxime de usos na zona de servidume de protección
Artigo 2. Actuacións non suxeitas a autorización autonómica en materia de costas
Artigo 3. Actuacións suxeitas a autorización autonómica en materia de costas
Artigo 4. Actuacións suxeitas a declaración responsable
Artigo 5. Actuacións prohibidas
CAPÍTULO III. Procedemento de outorgamento da autorización autonómica en materia de costas
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 6. Obxecto
Artigo 7. Solicitude da autorización autonómica
Artigo 8. Documentación
Artigo 9. Comprobación de datos
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Artigo 11. Tramitación
Artigo 12. Resolución
Artigo 13. Outras condicións da autorización
Artigo 14. Notificación
Artigo 15. Autorizacións vinculadas á utilización do dominio público marítimo-terrestre
Artigo 16. Incidencia na zona de servidume de tránsito e de acceso ao mar
Artigo 17. Legalizacións
Sección 2ª. Autorizacións de servizos temporais na zona de servidume de protección. Establecementos expendedores de comida e bebida ao servizo do uso e gozo do dominio público marítimo-terrestre
Artigo 18. Concepto de servizos de tempada
Artigo 19. Natureza temporal e desmontable
Artigo 20. Duración da tempada
Artigo 21. Condicións para a instalación
Artigo 22. Presentación da solicitude
Artigo 23. Documentación
Artigo 24. Tramitación
Sección 3ª. Autorizacións temporais na zona de servidume de protección. Celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas
Artigo 25. Obxecto
Artigo 26. Natureza temporal e desmontable
Artigo 27. Solicitude, documentación e tramitación
Sección 4ª. Autorizacións de instalacións permanentes vinculadas á utilización e gozo do dominio público marítimo-terrestre
Artigo 28. Requisitos das instalacións permanentes en servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre
CAPÍTULO IV. Declaración responsable para a realización de usos permitidos na zona de servidume de protección
Artigo 29. Obxecto
Artigo 30. Presentación da declaración responsable
Artigo 31. Contido da declaración responsable
Artigo 32. Efectos
CAPÍTULO V. Concorrencia da autorización autonómica e da declaración responsable cos títulos habilitantes municipais para actos de edificación e uso do solo
Artigo 33. Prelación de autorizacións e outros informes sectoriais
CAPÍTULO VI. Procedemento sancionador e reposición da legalidade
Artigo 34. Obxecto
Artigo 35. Competencia
Artigo 36. Tramitación
Artigo 37. Reposición da legalidade
Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal
Disposición adicional segunda. Modificación de formularios
Disposición adicional terceira. Establecementos de acuicultura
Disposición adicional cuarta. Corta de árbores
Disposición transitoria única. Réxime transitorio dos procedementos
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento normativo
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
I
No marco da complexa repartición competencial que se establece sobre o litoral, de conformidade coa interpretación feita polo Tribunal Constitucional nas sentenzas 149/1991, do 4 de xullo, e 198/1991, do 17 de outubro, de conformidade co disposto nos artigos 148.1.3 da Constitución española, e 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde en exclusiva á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia en materia de ordenación do territorio e do litoral, no ámbito da observancia da lexislación básica que, en garantía da igualdade de toda a cidadanía española para a protección do ambiente, corresponde ao Estado, segundo o disposto nos artigos 148.1.9 e 149.1.23 da Constitución española.
O Decreto 199/2004, do 29 de xullo, regulou por primeira vez as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, de conformidade cos criterios sentados pola doutrina constitucional, nomeadamente, as formas e procedementos para a execución das competencias que, en materia de costas, corresponden á Comunidade Autónoma. Non obstante, a súa aplicación evidenciou deficiencias, sendo derrogado e substituído polo Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
As modificacións normativas operadas desde o ano 2005 necesariamente deben terse presentes tanto na redacción como na posterior aplicación deste decreto. Así, a entrada en vigor do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral; a Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, o Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas; e, no ámbito da lexislación básica estatal reguladora do procedemento, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aconsellan agora un novo tratamento da materia, que regule a execución da lexislación en materia de costas pola Comunidade Autónoma.
De conformidade co disposto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, «en todas as iniciativas normativas se xustificará a súa adecuación aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia».
Tras máis dunha década de vixencia do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, e logo dos pronunciamentos xudiciais e modificacións normativas sinaladas, cómpre abordar un novo texto que, partindo da regulación básica estatal de mínimos, desenvolva de xeito completo e innovador todos os aspectos que inciden na materia, realizándose un esforzo de simplificación e integración da normativa vixente e ofrecendo solucións eficaces ás necesidades detectadas na aplicación práctica da regulación vixente.
Así, cómpre clarificar e unificar o réxime que debe resultar de aplicación na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, dando así cumprimento aos principios de necesidade e eficacia, adecuando o marco normativo autonómico, no ámbito do exercicio da potestade executiva que deriva das competencias autonómicas, regulando o réxime de usos na devandita zona, así como a determinación pormenorizada dos procedementos de outorgamento da autorización autonómica e, se ó caso, da presentación da declaración responsable, en función da actuación que se vai desenvolver.
A regulación contida neste decreto facilita ás persoas interesadas de forma clara, eficaz e transparente o coñecemento dos procedementos, trámites e dereitos, o que redundará no uso axeitado do ámbito especialmente sensible en que nos desenvolvemos e na súa defensa e conservación, contribuíndo a garantir a seguridade xurídica. O decreto, ademais, pretende solucionar os problemas detectados de acordo cos principios de simplicidade e proporcionalidade.
Ademais, préstase especial atención á efectividade dos principios de seguridade xurídica e transparencia, que rexeron todo o procedemento de elaboración e tramitación do decreto, promovendo a máis ampla participación pública.
Finalmente, en virtude do principio de eficiencia e dentro do obxectivo de simplificación administrativa, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con elas.
II
O decreto estrutúrase en 6 capítulos, 37 artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria única, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
O capítulo I, relativo ás disposicións xerais, regula o seu obxecto e ámbito de aplicación.
O capítulo II recolle a regulación dos usos e actuacións que poderán levarse a cabo na zona da servidume de protección que, como consecuencia das limitacións legais impostas á propiedade, configuran o réxime xurídico destes terreos estremeiros co dominio público marítimo-terrestre, prohibindo determinadas actividades, permitindo libremente outras e sometendo as restantes a un réxime de autorización administrativa ou, se é o caso, declaración responsable, segundo o establecido na lexislación básica en materia de costas.
Cómpre sinalar que, dentro das actuacións que deben ser obxecto de autorización autonómica na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, produciuse unha importante modificación en relación coa competencia e o procedemento para o outorgamento da autorización autonómica dos aproveitamentos forestais, seguindo a liña da normativa de racionalización e simplificación dos procedementos administrativos.
Así, a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificou a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que a competencia para o outorgamento da autorización autonómica para as cortas de árbores en servidume de protección corresponde agora ao órgano forestal, consonte o procedemento previsto na súa normativa específica.
En consecuencia, este cambio normativo derivado da potestade de autoorganización da Administración autonómica, polo que se regula unha única autorización do órgano forestal que unifique a protección do litoral e a protección forestal, determina que non resulte de aplicación para os aproveitamentos forestais na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre o disposto neste decreto, polo que deberá observarse o disposto na normativa sectorial específica, no marco da normativa básica estatal en materia de costas.
Por outra banda, conforme o disposto na exposición de motivos da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas: «… A principal novidade que se introduce respecto da zona de servidume de protección é a dirixida ás edificacións que lexitimamente a ocupan, a cuxos titulares se lles permitirá realizar as obras de reparación, mellora, modernización e consolidación, sempre que non impliquen un aumento de volume, altura nin superficie. Substitúese a autorización administrativa autonómica pola declaración responsable».
Tales novidades lexislativas obrigan á adecuación do marco normativo autonómico á determinación pormenorizada dos procedementos de outorgamento das autorizacións, das cales se ocupa o capítulo III, en que nas súas seccións se recollen as distintas características na tramitación do procedemento, segundo o obxecto da autorización formulada.
Neste punto, xunto ás instalacións de tempada regúlanse tamén as instalacións que permitan ofrecer un servizo necesario ou conveniente para a utilización, uso ou gozo do dominio público marítimo-terrestre, pero de carácter continuado e permanente, sempre e cando se xustifique esa necesidade e a prestación efectiva do servizo de xeito continuado.
Esta regulación permitirá garantir convenientemente a prestación dun servizo máis extenso que o de mero servizo ás persoas bañistas estivais, que xa deixaron de ser as únicas usuarias destas zonas pola ampliación dos usos que nelas converxen, tanto deportivos como de ocio ao aire libre, totalmente desestacionalizados.
Así mesmo, perséguese acadar a mellora na calidade e na estética das instalacións, garantindo a preservación do espazo a través desa exixencia e da necesidade da súa adecuación á contorna con todas as garantías ambientais precisas. Estes aspectos, en moitas ocasións, non se conseguen coa autorización de establecementos de carácter temporal que, dado o breve período para o que van ser empregados, por cuestións de viabilidade económica e mesmo falla de investimento, non resultan tan coidados e adaptados á contorna, o que pretende solucionarse coa posibilidade de autorizar unha instalación permanente, para a que se requirirá, entre outros, o cumprimento dos requisitos de calidade arquitectónica e de integración paisaxística.
En definitiva, esta regulación constitúe unha medida tendente a incrementar a protección do dominio público marítimo-terrestre, ao dotar de servizos de calidade as praias e tamén outras zonas do litoral, diminuíndo a súa demanda sobre o dominio público, enmarcándose dentro dunha política potenciadora do turismo na nosa Comunidade Autónoma, que aposta por un turismo de excelencia na prestación de servizos que permitan atraer os visitantes durante todo o ano, potenciando e consolidando así o medio rural coa posta en valor da súa contorna máis alá da época estival.
O capítulo IV detalla o procedemento da tramitación administrativa das obras que, por imperativo legal (disposición transitoria cuarta e artigo 13.bis, da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas), requiren, para a súa realización, a presentación dunha declaración responsable da persoa interesada.
O capítulo V refírese á prelación da autorización autonómica, dado que, como consecuencia do ámbito de especial protección que regula así como do réxime taxado dos usos legalmente establecidos, calquera tipo de actuación permitida de edificación e uso do solo requirirá do preceptivo título habilitante municipal e, en consecuencia, dunha concorrencia de títulos administrativos.
O capítulo VI ocúpase da regulación dos procedementos a que deben someterse, no exercicio da potestade sancionadora, os órganos competentes da Administración autonómica en materia de disciplina urbanística no ámbito da servidume de protección. Distínguense dous tipos de procedementos perfectamente compatibles e non excluíntes como son o procedemento de reposición da legalidade e o procedemento sancionador.
O decreto remata con catro disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.
Finalmente, incorpóranse dous anexos relativos aos modelos normalizados para a tramitación do procedemento de autorización autonómica na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e para a presentación da declaración responsable.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo do dous mil dezanove,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Este decreto ten por obxecto regular as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre do seu territorio que, na execución da normativa estatal en materia de costas, lle corresponden dentro do marco da delimitación constitucional de competencias.
2. Para estes efectos, establécense as determinacións relativas ao réxime de usos e actividades na zona de servidume de protección e á tramitación dos procedementos legalmente previstos para a súa utilización, gozo, conservación e restitución.
CAPÍTULO II
Réxime de usos na zona de servidume de protección
Artigo 2. Actuacións non suxeitas a autorización autonómica en materia de costas
1. Nos terreos comprendidos na zona afectada pola servidume de protección poderán realizarse, sen necesidade de autorización sectorial en materia de costas:
a) Actividades con fins agrarios, tales como cultivos e plantacións, sen prexuízo do establecido no artigo 27 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
b) Actuacións suxeitas a declaración responsable, nos termos establecidos neste decreto e na normativa básica estatal en materia de costas.
c) Obras, instalacións ou actividades promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma ou pola Administración xeral do Estado, incluídas as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes dela, para cuxa aprobación se prevexa a emisión dun informe da Comunidade Autónoma, de conformidade coa normativa sectorial de costas, que deberá emitirse no prazo dun mes desde a recepción da súa solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se tivese comunicado o informe solicitado, entenderase emitido en sentido favorable.
2. O carácter favorable do informe sinalado na letra c) anterior, sobre a parte da actuación que se vai realizar na zona de servidume de protección, eximirá da necesidade de obter a autorización autonómica, sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 111 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, para as obras de interese xeral a que se refire o número 1 do dito artigo.
Artigo 3. Actuacións suxeitas a autorización autonómica en materia de costas
1. Con carácter ordinario e sen prexuízo do disposto noutra normativa sectorial que resulte de aplicación, na zona de servidume de protección, regulada na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, soamente se autorizarán, de conformidade co planeamento urbanístico en vigor:
a) As obras, instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización, como establecementos de cultivo mariño ou salinas marítimas, aquelas que presten servizos necesarios ou convenientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas.
b) Os desmontes, terrapléns e muros de contención, debidamente xustificados, cunha altura inferior a 3 metros, sempre que non prexudiquen a paisaxe e se realice un axeitado tratamento dos seus noiros con plantacións e recubrimentos. A partir da dita altura, deberá realizarse unha avaliación previa da súa necesidade e a súa incidencia sobre o dominio público marítimo-terrestre e sobre a zona de servidume de protección.
c) As obras de derrubamento e demolición de construcións e instalacións existentes, agás o disposto no artigo 37.4 para o cumprimento das ordes de restitución.
d) Os rótulos indicadores de establecementos debidamente autorizados, sempre que se coloquen na súa fachada e non supoñan unha redución do campo visual xerado polo volume da propia edificación ou instalación. Nas mesmas condicións, e sen producir ruído nin vibracións nin romper a harmonía da paisaxe, os patrocinadores de actividades lúdicas ou deportivas debidamente autorizadas poderán empregar medios publicitarios, sempre que se integren ou acompañen os elementos autorizados para a súa realización.
En todo caso, estas actuacións deberán ser compatibles coa protección do dominio público marítimo-terrestre.
e) Os valados perimetrais de peches das parcelas, que poderán ser opacos ata unha altura máxima dun metro e obrigatoriamente diáfanos por riba da dita altura con, cando menos, un 80 por 100 de ocos, agás que se empreguen elementos vexetais vivos ou outros materiais que, pola súa transparencia, non constitúan unha barreira visual, e os cerramentos vinculados aos de concesións no dominio público marítimo-terrestre, coas características que se determinen no título concesional. En todo caso, deberá quedar libre a zona afectada pola servidume de tránsito.
f) A construción ou modificación de vías de transporte interurbanas previstas no planeamento, sempre que a súa incidencia sobre a servidume de protección sexa transversal, accidental ou puntual, así como as de intensidade de tráfico inferior aos 500 vehículos/día de media anual, no caso de estradas, así como das súas áreas de servizo.
g) As acampadas e os campamentos de turismo que, reunindo todos os requisitos exixidos pola normativa sectorial aplicable, deixen expedita de instalacións fixas a zona de servidume de protección. Para estes efectos, enténdense por instalacións fixas todas aquelas instalacións destinadas a formar parte do recinto cun carácter permanente, con independencia de que sexan ou non materialmente desmontables.
Enténdese por acampada a instalación, con carácter temporal, de tendas de campaña ou de vehículos ou remolques habitables.
h) Os establecementos expendedores de comidas e bebidas ao servizo do uso e gozo do dominio público marítimo-terrestre, de conformidade coas disposicións que lles sexan aplicables con carácter xeral e coas específicas reguladas neste decreto.
i) As instalacións temporais para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como as vinculadas ao desenvolvemento das actividades deportivas de tempada.
j) Instalacións de tratamento de augas residuais, que se situarán fóra dos primeiros vinte metros da zona de servidume de protección. Nos primeiros vinte metros desde a ribeira do mar prohibiranse os colectores paralelos; exceptúase desta prohibición a reparación, así como a construción, cando estean integrados en paseos marítimos, fluviais ou outras vías urbanas.
k) Aqueloutras obras expresamente previstas na normativa vixente en materia de costas.
2. Cando a servidume de protección presente unha extensión de vinte metros desde a liña interior da ribeira do mar, en virtude do deslindamento practicado pola Administración do Estado, poderán autorizarse, ademais das obras, instalacións ou actividades sinaladas no número 1 deste artigo, novos usos e construcións nos termos do establecido no número 3 da disposición transitoria terceira da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 4. Actuacións suxeitas a declaración responsable
1. Nas obras e instalacións que lexitimamente ocupan a servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre con anterioridade á entrada en vigor da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e que resulten contrarias ao establecido na dita lei, poderán realizarse, logo da declaración responsable, obras de reparación, mellora, consolidación e modernización, sempre que non impliquen aumento de volume, altura nin superficie das construcións existentes, nos termos previstos na disposición transitoria cuarta da dita lei e na súa normativa de desenvolvemento.
2. O réxime sinalado no número 1 deste artigo será tamén de aplicación no suposto de obras e instalacións que, como consecuencia da modificación, por calquera causa, da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, pasen a estar emprazadas nela, de conformidade co sinalado no artigo 44.5 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas.
Artigo 5. Actuacións prohibidas
Constitúen usos prohibidos todas aquelas actuacións expresamente prohibidas na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e no Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas; así como aquelas que resulten prohibidas polo planeamento urbanístico de aplicación.
CAPÍTULO III
Procedemento de outorgamento da autorización autonómica en materia de costas
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 6. Obxecto
1. Requirirán autorización autonómica sectorial en materia de costas as obras, instalacións e actividades promovidas por persoas físicas e xurídicas distintas da propia Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades do sector público autonómico que, con carácter ordinario, constitúen usos permitidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre segundo a lexislación estatal de costas.
2. Os usos e actuacións referidos deberán ser conformes co planeamento urbanístico e co réxime xurídico que, segundo o tipo de solo en que se sitúen, se establece na lexislación urbanística e na normativa sectorial que, de ser o caso, resulte de aplicación.
Artigo 7. Solicitude da autorización autonómica
1. A solicitude da autorización autonómica en materia de costas para as actuacións descritas no artigo 3 deste decreto deberá presentarse, preferiblemente, por vía electrónica, dirixida ao Servizo Provincial de Urbanismo da xefatura territorial da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo en que se sitúe a actuación, a través do formulario normalizado MT701A (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes, calquera persoa ou entidade, pública ou privada, poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas, nos trámites realizados na súa condición de empregado público.
3. Se algunha das persoas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado sinalado no número 1 deste artigo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Documentación
1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:
a) Referencia catastral da parcela obxecto da obra, instalación ou actividade solicitada.
b) Certificación municipal de cualificación urbanística do solo.
c) Documentación acreditativa da propiedade ou dispoñibilidade dos terreos, mediante calquera medio de proba admisible en dereito.
d) Plano de deslindamento definitivo ou, de ser o caso, plano de definición provisional da liña de deslindamento a escala 1/1.000, efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, no cal deberá figurar grafada a situación e a ocupación exacta da actuación solicitada.
e) Información fotográfica en que se incluirán fotografías da contorna.
f) Xustificante de pagamento da taxa correspondente.
2. Para o caso de obras maiores, deberá achegarse, ademais da sinalada no número 1 anterior, a seguinte documentación:
a) Proxecto básico das obras ou instalacións, subscrito por persoal técnico competente.
b) Memoria xustificativa e descritiva con anexos, se é o caso, que deberá recoller as características da instalación e outros datos relevantes, tales como criterios básicos do proxecto, programa de execución dos traballos e, de ser o caso, o sistema de evacuación de augas residuais.
c) Planos de situación a escala adecuada.
d) Plano topográfico do estado actual, a escala non inferior a 1/1.000.
e) Planos de alzados e seccións características.
f) Planos de planta xeral, con representación do deslindamento, límite interior da ribeira do mar, servidume de tránsito e de protección.
3. Para o caso de obras menores, deberá achegarse, ademais da sinalada no número 1 deste artigo, a seguinte documentación:
a) Memoria explicativa das obras, con expresión das súas características, uso previsto e o seu orzamento detallado por partidas.
b) Planos de definición, incluíndo alzados e sección características.
c) En caso de cerramento, bosquexo da obra, con indicación de medidas.
d) Plano de perfil e topográfico da parcela, escala 1:500, estado previo e estado definitivo.
4. No caso de eventos ou instalacións temporais destinadas á celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas:
a) Memoria descritiva do evento, das instalacións e duración máxima delas.
b) Planos de definición en planta das actuacións, a escala mínima 1:5.000.
5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica da documentación complementaria será obrigatoria nos mesmos supostos exixidos para a presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas obrigadas á presentación electrónica achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, de dispoñer del.
7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
8. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación da autorización autonómica prevista neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) Documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente da persoa solicitante ou declarante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
b) Número de identificación fiscal da entidade solicitante ou declarante.
c) Documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente da persoa representante.
d) Número de identificación fiscal da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude ou, de ser o caso, de declaración responsable, e achegar os documentos correspondentes.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
1. A sede electrónica da Xunta de Galicia terá á disposición das persoas interesadas os modelos normalizados para a realización dos trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude de autorización. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalas, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. No caso das persoas obrigadas á presentación electrónica da solicitude, todos os trámites administrativos do procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Tramitación
1. Examinada a solicitude, no caso de que non reúna os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, advertíndolle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución declarando tal circunstancia.
2. Completada a documentación, solicitarase informe aos seguintes organismos, para o cal se lles remitirá copia da documentación técnica (proxecto básico das obras e instalacións):
a) Ao concello en cuxo termo municipal se pretenda desenvolver o obxecto da autorización, con especial referencia á adecuación tanto ao planeamento municipal como á normativa urbanística vixente.
b) Ao Servizo Periférico de Costas do Estado, en canto á delimitación do límite interior da ribeira do mar, liña de deslindamento, mantemento das servidumes de tránsito e acceso ao mar e incidencia das construcións e das actividades xeradas por estas sobre a integridade do dominio público, a estabilidade da praia e a defensa da costa, nos termos do artigo 50 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas.
c) Para darlle cumprimento ao disposto no artigo 49.3 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, emitirase un informe a consellería competente en materia de urbanismo, sobre a adecuación do proxecto ás normas e plans urbanísticos aplicables.
3. Estes informes emitiranse no prazo dun mes, e serán vinculantes os sinalados nas letras b) e c) do número 2 no que se refire aos ámbitos e materias indicados para cada caso. Se, transcorrido o prazo, non consta emitido o informe, poderase continuar coa tramitación do expediente.
4. Instruído o procedemento e antes de redactar a proposta de resolución, cando do exame do expediente resulte que as actuacións solicitadas non son autorizables nos termos da solicitude, poñeráselle de manifesto á persoa interesada, que poderá efectuar as alegacións que considere oportunas nun prazo de dez días.
Artigo 12. Resolución
1. A resolución que poña fin ao procedemento deberá ditarse e notificarse á persoa interesada segundo o previsto no artigo 14, no prazo máximo de cinco meses contados a partir da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, de conformidade co previsto no artigo 7 deste decreto. Transcorrido o dito prazo sen que sexa notificada a resolución, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo.
2. Así mesmo, a resolución notificaráselle ao concello correspondente, ao servizo periférico de costas e á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, no prazo de dez días desde a súa adopción.
3. A resolución de autorización para obras, instalacións e actividades na zona de servidume de protección outorgaraa salvo dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro, a persoa titular do órgano competente en materia de urbanismo.
4. A resolución non pon fin á vía administrativa, polo que poderá interpoñerse, se é o caso, recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que xulguen procedente.
Artigo 13. Outras condicións da autorización
1. De conformidade coa disposición adicional cuarta da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, as autorizacións para obras e outras actividades no dominio privado deberán exercerse no prazo sinalado para iso, que non poderá exceder os dous anos, transcorrido o cal quedarán sen efecto, salvo cando a falla de exercicio sexa imputable á Administración.
2. Durante a vixencia da autorización deberanse adoptar as medidas necesarias tanto para garantir a integridade do dominio público marítimo-terrestre e as súas zonas de servidume, con especial atención a evitar a vertedura de materiais contaminantes no medio natural, así como a seguridade de persoas e bens, balizando e sinalizando convenientemente a zona de traballo e adoptando as medidas de seguridade e hixiene aplicables a este tipo de actuacións.
3. Con carácter previo ao inicio das obras e actividades, deberanse obter os títulos habilitantes municipais e demais autorizacións e informes preceptivos segundo o disposto na lexislación sectorial que resulte de aplicación.
Nomeadamente, no suposto de que a instalación se localice en terreo clasificado como solo rústico de especial protección, deberá obterse a autorización ou informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente en función da categoría de solo de que se trate.
Artigo 14. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos neste procedemento practicaranse, preferentemente, por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel. No caso de persoas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Autorizacións vinculadas á utilización do dominio público marítimo-terrestre
1. Cando a obra, instalación ou actividade para a que se solicite autorización estea vinculada á utilización do dominio público marítimo-terrestre, será necesario obter previamente a autorización ou concesión que habilite tal utilización, outorgada polo órgano competente.
2. Nos supostos previstos neste artigo, a autorización autonómica poderá outorgarse polo mesmo período de vixencia previsto na dita autorización ou concesión que habilite tal utilización.
Artigo 16. Incidencia na zona de servidume de tránsito e de acceso ao mar
No caso de que as obras, instalacións ou actividades solicitadas incidan, ademais, sobre a zona de servidume de tránsito e acceso ao mar, a resolución que adopte o órgano autonómico competente deberá recoller, preceptivamente, as observacións que, para os efectos do número 1 do artigo 50 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, fosen formuladas polo Servizo Periférico de Costas.
Artigo 17. Legalizacións
Para a legalización de obras, usos ou actividades realizadas sen a preceptiva autorización, seguirase o mesmo procedemento establecido neste capítulo para o seu outorgamento.
Sección 2ª. Autorizacións de servizos temporais na zona de servidume de protección. Establecementos expendedores de comidas e bebidas ao servizo do uso e gozo do
dominio público marítimo-terrestre
Artigo 18. Concepto de servizos de tempada
Para os efectos do establecido nesta sección, enténdese por servizo de tempada o establecemento expendedor de comidas e bebidas ao servizo da utilización e gozo do dominio público marítimo-terrestre, así como as actividades de servizo ao público para o gozo do litoral e a práctica de usos comúns e acordes coa natureza do dominio público marítimo terrestre, así como os elementos desmontables vinculados aos establecementos fixos preexistentes.
Artigo 19. Natureza temporal e desmontable
Os establecementos expendedores de comida e bebida ao servizo do uso e gozo do dominio público marítimo-terrestre regulados nesta sección terán carácter temporal e utilizarán instalacións de natureza desmontable, nos termos previstos no artigo 51.2 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, ou bens móbiles, a excepción das instalacións fixas existentes amparadas pola concesión ou autorización exixible conforme a lexislación de costas vixente no momento do seu outorgamento.
Artigo 20. Duración da tempada
1. A tempada de verán queda fixada entre o 1 de maio e o 31 de outubro de cada ano natural, sen prexuízo do sinalado no artigo 15 deste decreto.
Dado o carácter temporal e desmontable dos servizos de tempada, a autorización outorgada determinará expresamente o compromiso das persoas solicitantes de desmontar e retirar as instalacións no prazo de 15 días desde o remate da tempada.
2. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá solicitarse autorización para este tipo de instalacións durante o período de Semana Santa.
A solicitude da persoa interesada e, por razóns de economía procesual, ambas as autorizacións poderán acumularse e tramitarse nun único procedemento cando sexan coincidentes o suxeito, o obxecto e o lugar da localización.
3. No suposto de terse solicitado e autorizado, ademais da tempada de verán, a instalación para o período vacacional de Semana Santa, non resultará preceptiva a retirada das instalacións ata a finalización do período estival, nos termos sinalados no número 1 deste artigo. Porén, o funcionamento das instalacións deberá limitarse, exclusivamente, aos períodos autorizados.
4. En todo caso, os servizos de tempada poderán contar cunha autorización por un prazo máximo de catro anos, ben que as instalacións deberán desmontarse unha vez rematada cada unha das tempadas incluídas no dito prazo, segundo o disposto neste artigo.
Artigo 21. Condicións para a instalación
Os servizos de tempada, ademais de cumprir as disposicións que lles resulten aplicables con carácter xeral e as específicas reguladoras da súa actividade, deberán cumprir os seguintes criterios de distancias, dimensións e condicións:
a) Con carácter xeral, a distancia mínima a calquera outra instalación fixa ou desmontable será de 100 metros. Non obstante, a dita distancia poderá ser modificada de xeito xustificado no procedemento de outorgamento da autorización para as solicitudes de usos que presten servizos diferentes, para facilitar a utilización dos servizos urbanísticos existentes (saneamento, abastecemento eléctrico ou de auga, recollida de residuos ou outros) ou pola axeitada ordenación da praia e a súa contorna, co fin de garantir a calidade do servizo.
b) As instalacións terán unha ocupación máxima de 70 metros cadrados, dos cales 20 metros, como máximo, poderán destinarse a instalación pechada.
c) Non poderán almacenarse no exterior do establecemento envases, caixas, cubos ou aparellos que menoscaben a estética visual correspondente á localización da instalación.
d) Todas as conducións de servizos do establecemento deberán de ser soterradas. O sistema de saneamento garantirá unha eficaz eliminación das augas residuais, así como a ausencia de malos cheiros.
e) Non computarán ocupación, para os efectos sinalados neste artigo, a instalación temporal de aseos químicos públicos e gratuítos.
Artigo 22. Presentación da solicitude
1. A solicitude de autorización presentarase no último trimestre do ano para a tempada seguinte, agás no suposto regulado no número 1 do artigo 27.
Así mesmo, terase en conta que, de conformidade co previsto no número 4 do artigo 20, poderá outorgarse autorización para os servizos de tempada por un prazo máximo de catro anos.
2. No caso de que a solicitude se presente antes do período sinalado, esta será inadmitida, coa advertencia á persoa solicitante de que poderá presentala novamente no período de referencia.
A presentación fóra do dito período implicará a inadmisión da solicitude por extemporaneidade, agás que non existan autorizacións outorgadas para a mesma praia, caso en que poderán ser admitidas co obxecto de garantir a adecuada prestación dos servizos.
3. No outorgamento das autorizacións terase en conta a prioridade na súa presentación, agás criterios de utilidade pública.
Artigo 23. Documentación
As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación sinalada no artigo 8, que deberá presentarse tendo en conta o disposto nos puntos 5 e seguintes do dito artigo.
Artigo 24. Tramitación
1. A tramitación da autorización axustarase ao sinalado con carácter xeral neste decreto para as autorizacións na zona de servidume de protección.
2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para outorgar a autorización. Transcorrido o devandito prazo sen que se tivese notificado a resolución á persoa interesada, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo.
Sección 3ª. Autorizacións temporais na zona de servidume de protección. Celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas
Artigo 25. Obxecto
1. Para os efectos do establecido nesta sección, son espectáculos públicos as representacións, exhibicións, actuacións, proxeccións, competicións ou audicións de concorrencia pública, de carácter artístico, cultural, deportivo ou análogo.
2. Para os mesmos efectos sinalados, son actividades recreativas aquelas que ofrecen ao público, persoas espectadoras ou participantes actividades, produtos ou servizos con fins de recreo, entretemento ou lecer.
Artigo 26. Natureza temporal e desmontable
1. As actividades ou celebracións reguladas nesta sección terán carácter temporal, nos mesmos termos sinalados no artigo 19 deste decreto e coas seguintes condicións:
a) As instalacións estarán vinculadas á actividade e exclusivamente nas datas sinaladas na solicitude, resultando de aplicación, de ser o caso, o previsto no artigo 15 para as actividades vinculadas á utilización do dominio público marítimo-terrestre, polo que a autorización poderá outorgarse polo mesmo período de vixencia previsto na autorización ou concesión outorgada polo órgano competente que habilite tal utilización.
No caso de celebracións de eventos para datas sinaladas, dentro ou fóra da tempada de verán, poderán autorizarse para ese período concreto solicitado.
b) A publicidade rexerase polo disposto no artigo 3.d) deste decreto, en relación co artigo 81.4 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas.
c) A persoa promotora deberá adoptar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas participantes e espectadoras así como a integridade dos bens.
d) Durante a celebración do espectáculo ou actividade deberanse adoptar as medidas necesarias para garantir a integridade do dominio público marítimo-terrestre e as súas zonas de servidume, con especial atención a evitar a vertedura de materiais contaminantes no medio natural.
e) Calquera tipo de instalación de servizo para estas actividades ou celebracións terá que ser retirada ao remate desta, deixando os terreos en idénticas condicións ás preexistentes á súa celebración.
2. Todas as condicións sinaladas no número anterior son independentes da necesidade da obtención dos permisos e autorizacións que, de ser o caso, sexan exixibles pola normativa que resulte de aplicación.
Artigo 27. Solicitude, documentación e tramitación
1. A solicitude da autorización e a súa tramitación axustarase ao sinalado para as autorizacións de tempada na zona de servidume de protección. Non obstante, cando a celebración do espectáculo ou actividade se vaia realizar nunha data determinada, tanto dentro da tempada estival como fóra dela, poderá autorizarse para as datas concretas solicitadas, sen que resulte exixible a presentación da solicitude dentro do último trimestre do ano.
2. En canto á documentación, as solicitudes deberán ir acompañadas dos documentos sinalados no artigo 8.
Sección 4ª. Autorizacións de instalacións permanentes vinculadas á utilización
e gozo do dominio público marítimo-terrestre
Artigo 28. Requisitos das instalacións permanentes en servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre
1. Sen prexuízo do previsto na sección 2ª, poderá outorgarse autorización autonómica para a instalación permanente de establecementos expendedores de comida e bebida ao servizo do uso e gozo do dominio público marítimo-terrestre.
Para tal efecto, deberá terse en conta a natureza e condicións do servizo ofertado e a xustificación da necesidade da súa demanda con carácter continuado na praia ou lugar de localización.
2. O outorgamento da autorización determinará o compromiso da prestación efectiva do servizo con carácter permanente, circunstancia que deberá recollerse expresamente na resolución que se dite.
Así mesmo, en atención á preservación dos valores do litoral marítimo, o outorgamento da autorización estará condicionado á adecuada integración da proposta na contorna en que se insire, o que será obxecto de xustificación no procedemento de tramitación da autorización, de acordo co sinalado neste artigo.
3. Ademais da documentación prevista no artigo 8, deberá achegarse o proxecto técnico para valorar a calidade arquitectónica da proposta, así como canta documentación resulte precisa para permitir acreditar o cumprimento das seguintes condicións:
a) Necesidade e xustificación da prestación con carácter permanente e continuado do servizo que se pretende na localización solicitada.
b) Idoneidade da localización desde o punto de vista da súa integración ambiental e paisaxística na contorna inmediata. As correccións topográficas serán as mínimas imprescindibles para permitir o asentamento da instalación proposta en adecuadas condicións de uso e, en todo caso, adoptaranse todas as medidas tendentes a conseguir a mellor protección da paisaxe. O proxecto deberá indicar todas as medidas ambientais precisas que teñan que adoptarse.
c) A tipoloxía da construción e os materiais e cores empregados deberán ser acordes e garantir a súa integración na paisaxe litoral, recomendándose o emprego de materiais lixeiros que faciliten a reversibilidade da actuación e a posterior recuperación das condicións orixinais do terreo, de ser o caso.
4. Resultarán de aplicación as condicións previstas no artigo 21 para os servizos de tempada, agás as relativas ás dimensións que, no caso das instalacións permanentes, poderán ter unha ocupación máxima de 200 metros cadrados, dos que 150 poderán destinarse a instalación pechada e o resto a terraza pechada mediante elementos desmontables. A esta superficie poderán engadirse outros 70 metros cadrados de ocupación aberta e desmontable, así como unha zona de aseo, que non poderá superar os 30 metros cadrados.
5. A tramitación do procedemento da autorización das instalacións permanentes axustarase ao sinalado con carácter xeral neste decreto para as autorizacións na zona de servidume de protección.
CAPÍTULO IV
Declaración responsable para a realización de usos permitidos na zona de servidume de protección
Artigo 29. Obxecto
1. A execución das obras de reparación, mellora, consolidación e modernización previstas no número 2 da disposición transitoria cuarta e no artigo 13 bis da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e no número 2 do artigo 4 deste decreto, requirirá da presentación previa dunha declaración responsable.
2. A declaración responsable deberá ser presentada con anterioridade á solicitude do título habilitante municipal de natureza urbanística e, en todo caso, no prazo de 1 mes antes do inicio das obras.
Artigo 30. Presentación da declaración responsable
A declaración responsable presentarase, preferiblemente, por vía electrónica, dirixida ao Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial da Consellería competente en materia de urbanismo en que se localice a actuación, a través do formulario normalizado MT701B (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Artigo 31. Contido da declaración responsable
1. No modelo normalizado a persoa declarante ou, de ser o caso, a persoa representante debidamente acreditada, declara:
a) Que as obras que se van executar son obras de reparación, mellora, consolidación ou modernización.
b) Que non suporán un aumento de volume, altura nin superficie das construcións existentes.
c) Que a obra supón unha mellora na eficiencia enerxética do inmoble, se é o caso, nos termos indicados na disposición transitoria cuarta da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
d) Que os mecanismos, sistemas, instalacións e equipamentos que se empreguen supoñen aforro enerxético efectivo no consumo de auga, se é o caso.
e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan ou que se declaran estar en posesión son certos.
2. Así mesmo, o declarante manifesta estar en posesión da seguinte documentación:
a) Documentación que acredite a propiedade ou dispoñibilidade sobre o inmoble no que se pretende actuar, mediante calquera medio de proba válido en dereito.
b) Documentación que acredite que o inmoble en que se pretende actuar se atopa nos supostos do número 2 da disposición transitoria cuarta da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.
c) Proxecto técnico das obras cando sexa exixible, de acordo co establecido na normativa vixente, ou, de non ser exixible, memoria descritiva das obras con expresión das súas características, uso previsto, orzamento detallado e, de ser o caso, planos de definición, incluíndo alzados e seccións características; no caso de obras de escasa entidade, bosquexo.
d) Certificación de eficiencia enerxética, de ser o caso.
e) Xustificación, de ser o caso, de que os mecanismos, sistemas, instalacións e equipamentos empregados supoñen aforro enerxético efectivo no consumo de auga.
Artigo 32. Efectos
1. A declaración responsable implica o compromiso de manter o cumprimento dos requisitos exixidos logo de realizada a actuación.
2. A declaración responsable producirá os efectos que se determinen na lexislación de costas e permitirá, con carácter xeral, o recoñecemento ou exercicio do dereito ou ben o inicio do uso ou a actividade, desde o día da súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teñan atribuídas as administracións públicas.
3. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se achegue á declaración responsable, así como a falta de presentación ante a Administración competente ou da documentación que, de ser o caso, sexa requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará, logo de audiencia da persoa interesada, a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito, uso ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.
A apreciación de calquera das circunstancias sinaladas no punto anterior será notificada ao Servizo Periférico de Costas do Estado, ao concello en que se localice a construción ou instalación e á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
4. Así mesmo, a resolución motivada da Administración pública que declare tales circunstancias comportará o inicio das correspondentes actuacións e a exixencia de responsabilidades e poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento do exercicio do dereito.
5. Resulta de aplicación para o procedemento do exercicio das facultades de comprobación, control e inspección da Administración ás cales se fai referencia neste artigo o previsto nos artigos 10 e 14 deste decreto.
CAPÍTULO V
Concorrencia da autorización autonómica e da declaración responsable cos títulos habilitantes municipais para actos de edificación ou uso do solo
Artigo 33. Prelación de autorizacións e outros informes sectoriais
1. Na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre non se poderán outorgar títulos habilitantes urbanísticos municipais para actos de edificación e uso do solo e subsolo sen que se acredite o outorgamento previo da autorización autonómica prevista neste decreto ou, de ser o caso, a xustificación da presentación da declaración responsable, segundo corresponda, así como dos informes que resulten exixidos pola correspondente normativa sectorial que resulte aplicable.
2. No caso de que se solicite o correspondente título habilitante urbanístico municipal para os usos descritos e a persoa interesada non xustifique ter obtido a pertinente autorización ou, de ser o caso, presentado a declaración responsable, o concello poderá dirixirse ao órgano autonómico competente para que informe sobre o seu outorgamento ou presentación, de ser o caso. O dito informe emitirase no prazo máximo de quince días, contados desde a recepción da solicitude no órgano competente.
CAPÍTULO VI
Procedemento sancionador e reposición da legalidade
Artigo 34. Obxecto
1. As infraccións do disposto na lexislación en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre serán sancionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia conforme a vixente normativa de costas.
2. Sen prexuízo do anterior, os órganos da Administración do Estado poderán exercer a potestade sancionadora nos casos de infraccións que afecten as servidumes de tránsito e de acceso ao mar, ou cando sexa necesario para asegurar a protección do dominio público e garantir a súa libre utilización.
Artigo 35. Competencia
Os procedementos de reposición da legalidade e sancionadores por infraccións do disposto na lexislación en materia de costas, cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre na Comunidade Autónoma de Galicia, serán incoados, tramitados e resoltos pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, de acordo co establecido nos seus estatutos.
Artigo 36. Tramitación
1. Os procedementos de reposición da legalidade e sancionadores iniciaranse de oficio por acordo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ben por iniciativa propia, a petición razoada doutros órganos, ou por denuncia.
2. Coa denuncia achegarase a seguinte documentación:
a) As denuncias remitidas polas persoas particulares ou solicitudes de inicio por instancia doutras administracións públicas distintas do Servizo Periférico de Costas do Estado deberán achegar a seguinte documentación:
1º Datos identificativos da persoa ou persoas presuntamente responsables, cando sexan coñecidos.
2º. Descrición detallada das condutas ou feitos que poidan constituír infracción administrativa.
3º. Identificación do lugar onde se produciron os feitos denunciados.
4º. Reportaxe fotográfica das obras.
b) A remisión das peticións de incoación formuladas polo Servizo Periférico de Costas do Estado deberá achegar, sempre que sexa posible, ademais da documentación sinalada na letra a), a seguinte:
1º. Localización exacta das obras no plano oficial do deslindamento do dominio público marítimo-terrestre, con indicación da súa orde ministerial de aprobación.
Nos tramos de costa en que estea aprobado o deslindamento, pero no plano aprobado non estea reflectida a extensión da zona de servidume, ademais, deberá grafarse esta, cando menos, para a parcela en que se executen as obras denunciadas.
En tramos de costa en que non estea aprobado o deslindamento, achegarase plano en que se grafe a liña probable de deslindamento e a extensión da zona de servidume, cando menos, para a parcela en que se executen as obras denunciadas.
2º. Indicación exacta da distancia das obras denunciadas ao límite interior da ribeira do mar.
3. A tramitación do procedemento axustarase ao establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e no Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, así como ao establecido na lexislación básica sobre o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
4. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de doce meses contados desde a súa data de incoación.
Artigo 37. Reposición da legalidade
1. Sen prexuízo da sanción penal ou administrativa que se impoña, a resolución do expediente sancionador recollerá expresamente a obriga das persoas infractoras de repoñer a legalidade infrinxida e restituír as cousas ao seu estado anterior á comisión da infracción, así como a forma e o prazo para levala a cabo.
2. A resolución administrativa, sen prexuízo, de ser o caso, da prescrición da infracción, deberá pronunciarse expresamente sobre a obriga de restitución, segundo o réxime xurídico previsto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, modificada pola Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e segundo a lexislación autonómica de aplicación.
3. No suposto previsto no número 16 do artigo 211 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, unha vez sexa firme en vía administrativa a denegación da autorización solicitada ou a resolución administrativa que declare a inexactitude, falsidade ou omisión, con carácter esencial, dos datos e información incorporada á declaración responsable, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, sen máis trámite, ditará resolución ordenando repoñer a legalidade infrinxida e restituír as cousas ao seu estado anterior á comisión da infracción, así como a forma e o prazo para levala a cabo.
4. A orde de reposición ditada constituíra título administrativo suficiente para a execución de cantas obras sexan necesarias para a restitución das cousas ao estado anterior á comisión da infracción.
5. As administracións competentes procurarán a coordinación da súa acción administrativa co Rexistro da Propiedade, mediante a utilización dos mecanismos establecidos na lexislación vixente en materia de inscrición e anotación preventiva de actos de natureza urbanística, sen prexuízo das funcións que o ordenamento xurídico recoñece ás notarías e rexistros.
Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recollidos nos procedementos regulados neste decreto serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Secretaría Xeral Técnica, sxt.cmatv@xunta.gal), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión dos procedementos indicados e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, nos propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, mediante solicitude dirixida á Secretaría Xeral Técnica, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Disposición adicional segunda. Modificación e actualización dos formularios normalizados
Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados e actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional terceira. Establecementos de acuicultura
No caso dos establecementos que, ademais da autorización autonómica prevista neste decreto, requiran para o exercicio da actividade de cultivos mariños do título administrativo habilitante outorgado pola consellería competente en materia de acuicultura, presentarase unha única solicitude de autorización ante dita consellería.
Neste caso, ademais da documentación establecida pola normativa sectorial en materia de acuicultura, achegarase referencia catastral da parcela obxecto da obra, instalación ou actividade solicitada; acreditación da propiedade ou dispoñibilidade dos terreos, e plano de deslindamento definitivo ou, de ser o caso, plano de definición provisional da liña de deslindamento a escala 1/1000 efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, no cal deberá figurar grafada a situación e a ocupación exacta da actuación solicitada.
A consellería competente en materia de acuicultura remitirá copia de todo o expediente ao órgano autonómico competente en materia de urbanismo para os efectos de continuar a tramitación da autorización para a ocupación da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o disposto neste decreto.
A resolución que poña fin ao procedemento deberá ditarse e notificarse á persoa interesada no prazo máximo de cinco meses contados a partir da entrada da documentación no órgano competente en materia de urbanismo. Transcorrido o dito prazo sen que sexa notificada a resolución, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo.
Se a resolución é denegatoria, a consellería competente en materia de acuicultura deberá ditar resolución motivada denegatoria do título habilitante solicitado.
Disposición adicional cuarta. Cortas de árbores
O disposto neste decreto non resulta de aplicación en relación co procedemento de autorización dos aproveitamentos forestais na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, polo que deberá observarse o disposto na normativa sectorial específica, nomeadamente na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Disposición transitoria única. Réxime transitorio dos procedementos
O disposto neste decreto seralles de aplicación aos procedementos de autorización en que non recaese resolución na data da súa entrada en vigor.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogado o Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento normativo
A persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo poderá ditar cantas disposicións administrativas de carácter xeral resulten precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Mª Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!