Reestructuración parcelaria en Galicia

,

DECRETO 19/2017, do 16 de febreiro, polo que se regula a forma de designación e o réxime xurídico dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria.

[sc name=»urbanismo» ]

A Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, crea, no seu artigo 14, a figura dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria, como órgano de carácter provincial, que presidido pola persoa titular da delegación territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma estará formado, con carácter de membros natos, por unha persoa representante de cada un dos departamentos competentes en materia de desenvolvemento rural, xestión do Banco de Terras, produción agropecuaria, montes, conservación da natureza, xestión de augas, urbanismo, patrimonio cultural, organizacións profesionais agrarias e Administración local.

Tamén recolle a posibilidade de que se cite ás reunións do comité técnico asesor unha persoa representante doutros departamentos, como os competentes en materia de estradas, calidade agroalimentaria, infraestruturas enerxéticas, catastro, deputacións provinciais ou outros órganos ou entidades que poidan estar afectados pola actuación de mellora da estrutura que se queira levar a cabo.

Por outra banda, a disposición transitoria primeira da antedita lei dispón que esta se aplicará aos procedementos en curso sen retrotraer os trámites, adaptándose, de ser posible, á fase en que se atopen ou, se é o caso, ao inicio da fase seguinte. Isto supón que, especialmente, nos procedementos que estean en fases iniciais é fundamental, para poder avanzar no seu desenvolvemento, a regulación destes órganos, pois en caso contrario podería supor a paulatina paralización ou suspensión destes procesos de reordenación parcelaria.

O artigo 14 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, despois de enumerar os membros natos e eventuais dos citados comités, indica que a súa designación e funcionamento se determinará regulamentariamente.

Así, en cumprimento do dito mandato legal, mediante o presente decreto regúlase a forma de designación das persoas membros dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria, e o seu réxime xurídico, como órganos asesores e de coordinación en todas as actuacións de mellora da estrutura territorial de Galicia realizados polos diferentes organismos que incidan ou poidan repercutir nas zonas de reestruturación parcelaria.

Na tramitación desta disposición emitiu ditame o Consello Agrario Galego, consonte co previsto na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

Por proposta da conselleira do Medio Rural, e en virtude das competencias que á Comunidade Autónoma se lle atribúen no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é regular a forma de designación e o funcionamento dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria, creados polo artigo 14 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

Artigo 2. Membros dos comités técnicos asesores de reestruturación parcelaria e adscrición

  1. O comité técnico asesor de cada provincia, consonte co disposto no artigo 14 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, estará presidido pola persoa titular da delegación territorial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente por razón de localización da zona, ou persoa que a supla segundo resolución da persoa titular da consellería competente en materia de desenvolvemento rural, e estará formado por unha persoa representante por cada un dos departamentos e entidades competentes en materia de:
  2. a) Desenvolvemento rural.
  3. b) Xestión do Banco de Terras.
  4. c) Produción agropecuaria.
  5. d) Montes.
  6. e) Conservación da natureza.
  7. f) Xestión de augas.
  8. g) Urbanismo.
  9. h) Patrimonio cultural.
  10. i) Organizacións profesionais agrarias.
  11. j) Administración local.
  12. Así mesmo, e por razón das súas competencias en función de que as actuacións de mellora das estruturas que se desenvolvan teñan incidencia nas súas atribucións, será citada ás reunións do comité técnico asesor, con voz e sen voto, unha persoa representante de cada un dos seguintes departamentos e entidades:
  13. a) Estradas da Comunidade Autónoma de Galicia.
  14. b) Estradas do Estado.
  15. c) Xestión da calidade agroalimentaria, denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas.
  16. d) Infraestruturas enerxéticas e minas.
  17. e) Xerencia territorial do catastro.
  18. f) Deputación provincial.
  19. g) Calquera outro departamento, organización ambiental, monte veciñal en man común ou asociación en defensa do patrimonio e aqueloutras entidades ou persoas que por razón da materia teñan incidencia na actuación de mellora da estrutura agraria que se desenvolva.
  20. Exercerá a secretaría, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da xefatura territorial da consellería competente en materia de desenvolvemento rural da provincia correspondente, coa condición de licenciada en Dereito, designada pola súa persoa titular, quen designará igualmente a persoa que a substitúa nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular desta secretaría.
  21. Os comités están adscritos á consellería competente en materia de desenvolvemento rural, coa natureza xurídica de órgano colexiado, pero non participa na estrutura xerárquica do dito departamento.

Artigo 3. Funcións dos comités

  1. O comité técnico asesor de cada provincia emitirá os seguintes informes de carácter non vinculante:
  2. a) Informe, con anterioridade á aprobación do decreto de reestruturación parcelaria, sobre as actuacións previstas que se deben realizar na zona afectada polo estudo previo de iniciación da zona de reestruturación parcelaria.
  3. b) Informe sobre o Plan de ordenación de predios de especial vocación agraria.
  4. c) Informe, previamente á aprobación das bases de reestruturación parcelaria, sobre a continuidade, suspensión ou arquivo do proceso de reestruturación parcelaria.
  5. d) Informe sobre o incremento, ata nun punto porcentual, da porcentaxe do valor total en puntos da dedución para infraestruturas rurais.
  6. e) Informe sobre o incremento, ata nun punto porcentual, da porcentaxe do valor total en puntos da dedución para axuste técnico, que se aplicará se as medidas de adecuación ambiental ou as que se enfoquen á mitigación dos efectos do cambio climático e impliquen o uso de superficies de terreo de forma que non abonde a dedución legalmente prevista.
  7. f) Informe sobre a proposta de identificación e declaración de zonas agrarias prioritarias.
  8. g) Informe sobre a proposta de zonas de actuación intensiva e os seus perímetros.
  9. O prazo para a emisión destes informes será dun mes contado a partir da solicitude, agás o informe previsto no número 1 deste artigo, no que o prazo de emisión será de corenta e cinco días seguintes á solicitude.

Artigo 4. Designación das persoas membros dos comités técnicos

  1. A designación da persoa representante dos comités por cada un dos departamentos e entidades da Xunta de Galicia levaraa a cabo a persoa titular da consellería competente por razón da materia.
  2. No caso das restantes entidades, a designación da súa persoa representante, levaraa a cabo quen teña legalmente atribuída esa competencia.
  3. A designación, de ser o caso, das persoas representantes a reunións concretas por razón da materia, no caso dos departamentos ou entidades pertencentes á Xunta de Galicia, realizaraa o órgano de dirección competente por razón da materia. Nos demais casos, corresponderalle a quen teña legalmente atribuída competencia para o efecto.
  4. A designación da persoa que exerza a secretaría do comité levaraa a cabo a persoa titular da xefatura territorial que corresponda da consellería competente en materia de desenvolvemento rural.
  5. A designación das persoas integrantes dos comités técnicos farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 5. Réxime xurídico dos comités

O funcionamento dos comités técnicos asesores adecuarase ao establecido na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única. Non incremento de consignacións orzamentarias

A constitución, posta en marcha e funcionamento dos comités técnicos asesores non xerarán incrementos das consignacións orzamentarias do departamento a que se adscribe.

Disposición transitoria única. Sesión de constitución

A sesión efectiva de constitución dos comités realizarase no prazo do mes seguinte á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia do medio rural para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e materias propias deste departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil dezasete

O presidente P.S. (Decreto 15/2017) Alfonso Rueda Valenzuela Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.