Residuos y suelos contaminados GALICIA

,

LEI 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

Exposición de motivos

I

A Constitución española recoñece, no seu artigo 45, o dereito de todos os españois a gozaren dun medio ambiente adecuado para a persoa e establece o correlativo deber de o conservar. Así mesmo, en virtude do seu artigo 149.1.23ª, corresponde ao Estado, como competencia exclusiva, a lexislación básica sobre a protección do medio ambiente e ás comunidades autónomas, a facultade de estableceren normas adicionais de protección.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, a través do artigo 27.30 do seu Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva para aprobar as normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, en virtude da cal a nosa comunidade autónoma vén ditando disposicións con incidencia sobre a produción e a xestión de residuos. Tal foi o caso da aprobación da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, que constitúe a norma marco de referencia en materia ambiental, así como a aprobación con posterioridade, como disposición específica na materia que nos ocupa, da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia. Esta última veu xustificada pola necesidade de completar o marco xurídico xa existente, regulando, de conformidade co disposto na normativa básica estatal, a produción e xestión de residuos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A aprobación da presente lei, que se fundamenta na referida competencia exclusiva para aprobar normas adicionais sobre protección do medio ambiente, responde á concorrencia de circunstancias similares ás que motivaron que se ditase a Lei 10/2008, do 3 de novembro, e pretende proporcionar á Comunidade Autónoma de Galicia un réxime xurídico completo e actualizado, de conformidade co marco normativo vixente, en materia de produción e xestión de residuos, así como de solos contaminados.

II

No tempo transcorrido desde a publicación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, os cambios experimentados foron importantes, tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo, pola entrada en vigor de novas normas da Unión Europea e de lexislación básica estatal que regulan cuestións non recollidas na normativa autonómica galega e que inciden de maneira directa sobre ela, o que xustifica a necesidade de actualizar, modificar e completar o marco xurídico existente na nosa comunidade autónoma en materia de residuos.

Así, a Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, sobre os residuos e pola que se derrogan determinadas directivas, estableceu o marco xurídico da Unión Europea para a xestión dos residuos, proporcionando os instrumentos que permiten disociar a relación existente entre crecemento económico e produción de residuos. En particular, a directiva fai fincapé na prevención, entendida como as medidas adoptadas antes de que una substancia, material ou produto se converta en residuo, para reducir a cantidade de residuo (mesmo mediante a reutilización dos produtos ou o alongamento da súa vida útil), os impactos adversos sobre o medio ambiente e a saúde humana da xeración de residuos ou o contido de substancias nocivas en materiais e produtos. Así mesmo, incorpora o concepto de xerarquía de residuos, que servirá de orde de prioridades na lexislación e na política sobre a prevención e a xestión dos residuos, comezando pola prevención e seguindo pola preparación para a reutilización, a reciclaxe e outro tipo de valorización (como, por exemplo, a valorización enerxética), e finalizando pola eliminación. O fin é transformar a Unión Europea nunha «sociedade da reciclaxe».

Posteriormente, a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, traspuxo ao ordenamento estatal a Directiva 2008/98/CE. Esta lei, que en boa parte dos seus preceptos ten o carácter de lexislación básica de protección do medio ambiente, incorpora todas as novidades introducidas pola normativa da Unión Europea e, coa finalidade de simplificar as cargas administrativas sobre os operadores, substitúe parte das autorizacións existentes na lexislación anterior por comunicacións. Como consecuencia disto, refórzanse as potestades das administracións públicas para a inspección, a vixilancia e o control das actividades reguladas. Ademais, a lei regula de maneira máis sistematizada e coherente o marco normativo da denominada «responsabilidade ampliada do produtor do produto», en virtude da cal os suxeitos produtores de produtos que co seu uso xerarán residuos quedan involucrados na prevención e na organización da xestión dos residuos xerados, de acordo co principio de que quen contamina paga.

Coa finalidade de dotar dunha mellor intelixibilidade esta lei, reprodúcense algúns dos artigos da Lei 22/2011, do 28 de xullo, que son o resultado da transposición da Directiva 2008/98/CE e que se manteñen e amplían na Directiva (UE) 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018. Isto permitirá que na lei galega queden perfectamente integrados aqueles preceptos da norma básica estatal que posibiliten que os destinatarios da norma poidan ter unha visión de conxunto da regulación aplicable.

O tempo transcorrido desde a aprobación da Lei 10/2008, do 3 de novembro, foi tamén un período de importantes desenvolvementos regulamentarios da lexislación básica estatal. Así, cabe mencionar o Real decreto 110/2015, do 20 de febreiro, sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos; o Real decreto 710/2015, do 24 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos, e o Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

En relación coa planificación na produción e xestión de residuos, a Comunidade Autónoma de Galicia levou a cabo o seu proceso de planificación a través do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020, que foi modificado no ano 2016 para adaptarse a novos obxectivos e para ampliar a súa vixencia ata o ano 2022, e no eido dos residuos industriais, mediante o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022.

A todo iso hai que engadir a necesaria transición en que se encontra inmersa esta comunidade autónoma cara a unha auténtica economía circular, coa que se pretende, de acordo co plan de acción impulsado no ámbito da Unión Europea, que o valor dos produtos, os materiais e os recursos perdure na economía durante o maior tempo posible e que se reduza ao mínimo a xeración de residuos.

Neste sentido, a Unión Europea comezou en 2010 a transformación do modelo económico imperante ata entón. O VII Programa xeral de acción da Unión en materia de medio ambiente ata 2020 «Vivir ben, respectando os límites do noso planeta», adoptado pola Decisión nº 1386/2013/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de novembro de 2013, xa anunciaba a necesidade de fomentar a transición cara a unha economía verde, primando as medidas encamiñadas a desvincular por completo o crecemento económico da degradación do ambiente, para converter a Unión nunha economía hipocarbónica, eficiente no uso dos recursos, ecolóxica e competitiva.

En decembro de 2015 a Comisión Europea propuxo un paquete de medidas coas que se persegue transformar a economía lineal baseada no trinomio extraer-usar-e-tirar nunha economía circular na que, onde antes había residuos, agora existan recursos potenciais que poidan ser utilizados de novo no sistema de produción.

Ese paquete de medidas inclúe un bo número de propostas que terán un impacto importante nos máis diversos ámbitos, tanto o produtivo e o económico como o social, ademais do puramente ambiental.

O Plan de acción para a economía circular [COM(2015) 614 final], deseñado pola Comisión Europea baixo o lema «pechar o círculo», inclúe toda unha serie de propostas lexislativas sobre residuos para reducir os depósitos en vertedoiros e aumentar a preparación para a súa reutilización e reciclaxe, así como un anexo con 54 medidas de desenvolvemento nos ámbitos da produción, o consumo, a xestión de residuos, o mercado de materias primas secundarias e a reutilización da auga, determinadas áreas prioritarias (plásticos, residuos alimentarios, materias primas críticas, construción e demolición, e biomasa e bioprodutos), a innovación, o investimento e outras medidas horizontais, e o seguimento dos avances cara a unha economía circular.

En materia de residuos e dentro dese paquete de medidas, a Unión Europea aprobou no ano 2018 varias directivas, cuxo prazo de transposición finaliza o 5 de xullo de 2020, que modifican a regulación na materia: a Directiva (UE) 2018/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifican a Directiva 2000/53/CE, relativa aos vehículos ao final da súa vida útil, a Directiva 2006/66/CE, relativa ás pilas e acumuladores e aos residuos de pilas e acumuladores, e a Directiva 2012/19/UE, sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos; a Directiva (UE) 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE, sobre os residuos; a Directiva (UE) 2018/850 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 1999/31/CE, relativa á vertedura de residuos; e a Directiva (UE) 2018/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 94/62/CE, relativa aos envases e residuos de envases.

A este respecto, a Directiva (UE) 2018/851, antes citada, aprobouse baixo a consideración de que a xestión de residuos na Unión Europea debe mellorarse e transformarse nunha xestión sustentable das materias orientada a protexer, preservar e mellorar a calidade do ambiente, así como a protexer a saúde humana, garantir a utilización prudente, eficiente e racional dos recursos naturais, promover os principios da economía circular, mellorar o uso da enerxía renovable, aumentar a eficiencia enerxética, reducir a dependencia da Unión dos recursos importados, crear novas oportunidades económicas e contribuír á competitividade a longo prazo.

Neste contexto, a Comisión chegou igualmente á conclusión, na Estratexia europea sobre o plástico prevista na súa Comunicación do 16 de xaneiro de 2018, titulada «Unha estratexia europea para o plástico nunha economía circular», de que debía abordarse o aumento constante da xeración de residuos plásticos e do abandono deses residuos plásticos no ambiente, en particular o medio mariño, para conseguir que o ciclo de vida dos plásticos sexa circular. O importante impacto negativo de determinados produtos de plástico no ambiente, a saúde e a economía exixían o establecemento dun marco xurídico específico que permitise reducir eficazmente eses efectos negativos. Así, aprobouse a Directiva (UE) 2019/904 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, relativa á redución do impacto de determinados produtos de plástico no medio ambiente, tamén en período de transposición.

En definitiva, como salienta o propio Plan de acción para a economía circular, facer realidade a economía circular exixe un compromiso a todos os niveis, desde os Estados membros ás rexións e ás cidades, pasando polas empresas e a cidadanía.

Por iso, co obxectivo fundamental de facilitar e promover a transición cara a unha verdadeira economía circular, que é unha das finalidades esenciais da presente lei, e segundo as premisas impostas no ámbito da Unión Europea, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 12 de decembro de 2019, a Estratexia galega de economía circular 2020-2030. Así, desenvolveuse o marco establecido pola Comisión, adaptándoo ás súas peculiaridades económicas, sociais, naturais, produtivas e enerxéticas, o que non só comportará beneficios ambientais asociados á correcta xestión dos residuos e á protección do solo, das augas, do aire e do clima, senón que proporcionará igualmente beneficios económicos e sociais asociados.

O presente texto normativo nace imbuído do devandito espírito de cambio, para que esta necesaria transición brinde a oportunidade de transformar a nosa economía, xerando novas vantaxes competitivas e sustentables para Galicia. A nosa comunidade autónoma desexa unha participación activa no proceso, incorporando a esta lei, como principios inspiradores, a economía circular e a loita contra o cambio climático.

Desde esta orientación, adquire ademais condición de principio xeral informador da política de residuos o principio de xerarquía na prevención e xestión, onde a base da pirámide e, por tanto, o maior esforzo das administracións públicas, debe corresponder á prevención do residuo e, por esta orde, á preparación para a súa reutilización, á súa reciclaxe e, de non ser posible, a outros tipos de valorización, minimizándose por completo a eliminación de residuos e, con maior énfase, a eliminación destes en vertedoiros.

III

Esta lei consta de 94 artigos, divididos en nove títulos.

O título preliminar estrutúrase en tres capítulos. No capítulo I, relativo ás disposicións xerais, regúlanse o obxecto, os fins e obxectivos e o ámbito de aplicación da lei; establécense as definicións de conceptos empregados nela, e regúlase tamén a fin da condición de residuo e os subprodutos. Todo iso, en liña coas previsións da Directiva 2008/98/CE e da política de residuos da Unión Europea ás que antes se aludiu.

O capítulo II aborda a distribución de competencias entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais, establecendo a necesaria coordinación entre elas.

No capítulo III recóllense os principios da política de residuos, entre os que resalta o principio de xerarquía de residuos e o principio de que quen contamina paga, de tanta transcendencia nesta materia.

O título I, titulado «Instrumentos da política de residuos», establece a regulación dos plans de xestión e dos programas de prevención de residuos no ámbito autonómico, especificando os mecanismos de seguimento e control, así como do cumprimento dos seus obxectivos e os supostos para a súa revisión. Abórdanse tamén os programas locais de prevención e xestión de residuos, e establécense as medidas económicas e financeiras e mais a regulación da Sociedade Galega do Medio Ambiente.

O título II, «Da produción, posesión e xestión de residuos», consta de tres capítulos. No capítulo I quedan establecidas as obrigas do suxeito produtor ou outro suxeito posuidor inicial do residuo, así como as obrigas que se asumen na xestión. Entre tales obrigas destaca a determinación dos supostos en que resulta necesaria a constitución dun seguro ou dunha fianza que garanta a restitución do dano que o desenvolvemento da actividade poida causar no ambiente.

O capítulo II refírese ao traslado de residuos. A súa principal finalidade é a de clarificar o réxime xurídico daquel dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a previsión básica contida no Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado. Co mesmo fin de dotar os operadores dunha maior seguridade xurídica, e para facilitar a aplicación da normativa sobre rastrexabilidade de residuos, derrógase o Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade de residuos.

O capítulo III regula o réxime de intervención administrativa de todas as actividades relacionadas coa produción e xestión de residuos, incluídas as levadas a cabo polos sistemas de responsabilidade ampliada do suxeito produtor, abranguendo todas as actividades sometidas a autorización ou comunicación. Alén diso, recóllense os supostos en que será necesario solicitar informe aos organismos competentes, establecendo, segundo o caso, o carácter preceptivo e vinculante destes informes.

Ademais, por primeira vez nunha norma con rango de lei, faise referencia á existencia da plataforma electrónica que a Administración autonómica pon á disposición dos suxeitos produtores e xestores con instalacións no noso territorio para permitir e facilitar o cumprimento das súas obrigas na materia, tanto respecto dos movementos de residuos realizados dentro da comunidade autónoma como respecto dos movementos de residuos realizados entre comunidades autónomas, cuxo uso é obrigatorio.

O título III, «Xestión de residuos domésticos, comerciais e industriais», desenvolve, entre outros aspectos, o réxime xurídico dos puntos limpos.

Establécese a necesidade de fomentar a creación de centros de recollida de residuos industriais e o fomento de medidas específicas de prevención da fracción orgánica dos residuos, así como da súa reciclaxe, a través da implantación de sistemas de compostaxe doméstica e comunitaria, e medidas para a redución do desperdicio alimentario. Así mesmo, recóllense prohibicións sobre a entrega gratuíta de bolsas de plástico e a venda de vaixelas dun só uso.

O título IV regula a responsabilidade ampliada do suxeito produtor.

O título V prevé a declaración de utilidade pública e interese social no establecemento ou ampliación de instalacións de xestión de residuos, para efectos da lexislación sobre expropiación forzosa, a cal xa se recollía na anterior Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

O título VI regula os solos contaminados. O capítulo I introduce os principios da política de solos e clarifica algúns supostos específicos de non aplicación da normativa de solos, recolléndose as obrigas de información que con carácter xeral se establecen neste ámbito.

O capítulo II regula os instrumentos de avaliación da calidade do solo, establecidos na normativa sectorial.

O capítulo III regula a declaración de solos contaminados, os seus efectos e os suxeitos obrigados á recuperación daqueles, así como a posibilidade de reparación de maneira voluntaria.

O capítulo IV relaciona un conxunto de instrumentos de políticas de solos.

O título VII regula o marco xurídico de axudas económicas, así como as accións de promoción e difusión para alcanzar os obxectivos da lei.

O título VIII, «Vixilancia, inspección, control e potestade sancionadora», desenvólvese en tres capítulos. O capítulo I, titulado «Vixilancia, inspección e control», detalla os órganos competentes para o exercicio de actividades de vixilancia e control e as súas potestades e funcións.

O capítulo II, «Responsabilidade e réxime sancionador», regula a potestade sancionadora, a responsabilidade administrativa e os suxeitos responsables, así como o réxime de infraccións e sancións, a reparación do dano e a indemnización, e a posibilidade de impor multas coercitivas.

Por último, no capítulo III, «Procedemento sancionador», regúlanse determinados aspectos do procedemento sancionador e os supostos en que se adoptarán medidas provisorias.

A lei finaliza con catro disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

As disposicións adicionais regulan a tramitación electrónica da totalidade dos procedementos administrativos previstos nesta lei, a recuperación de solos degradados por verteduras incontroladas e o sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos e o plan de xestión e programa de prevención de residuos.

A respecto da obriga de tramitación electrónica de todos os procedementos administrativos regulados por esta lei, debe sinalarse que, de conformidade co previsto na disposición adicional novena da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese para as persoas físicas incluídas no ámbito de aplicación da presente lei a obriga de se relacionaren cos órganos competentes a través de medios electrónicos, por ficar acreditado que, debido á súa capacidade técnica e dedicación profesional, teñen dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e acceso a eles.

As disposicións transitorias regulan o procedemento de traslados de residuos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a adaptación ao réxime de responsabilidade ampliada do suxeito produtor, a adaptación ao novo réxime de fianzas e o réxime transitorio aplicable aos subprodutos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Derróganse expresamente a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia; o Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos, e o Decreto 154/1998, do 28 de maio, polo que se publica o catálogo de residuos de Galicia. Tamén quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei ou o contradigan.

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei, que entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación.

IV

Desta maneira, danse por cumpridos os obxectivos propostos coa aprobación da presente lei, coa finalidade, por un lado, de dispor na nosa comunidade autónoma dunha normativa que, de conformidade co marco de competencias xa exposto, concilie o réxime xurídico común ou básico coas peculiaridades que presenta, ou pode presentar, a xestión dos residuos no noso territorio, e, por outro, de actualizar as disposicións anteriormente vixentes adaptándoas á lexislación básica, introducindo elementos novos e mantendo outros que se modifican parcial ou totalmente. Tamén se procura unha normativa máis completa e tecnicamente máis adecuada para facer fronte ás necesidades existentes na nosa comunidade autónoma, acorde coa experiencia e os avances que esta materia experimentou nos últimos anos e que teña en conta a simplificación das cargas administrativas impostas aos administrados e a mellora do control e da xestión efectiva dos procedementos administrativos incluídos no ámbito de aplicación desta lei.

V

De conformidade con todo o exposto, coa aprobación desta lei dáse pleno cumprimento aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguranza xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que constitúen a base da calidade normativa, consonte o artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Canto ao principio de transparencia, no procedemento de elaboración desta lei promoveuse a participación pública da cidadanía en xeral e dos operadores económicos dos sectores afectados en particular. Así mesmo, durante a tramitación da lei obtívose o ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia, de conformidade co artigo 5 da Lei 6/1995, do 28 de xuño, polo que se crea o Consello Económico e Social de Galicia.

VI

Esta lei foi previamente notificada á Comisión Europea, en cumprimento do artigo 16 da Directiva 94/62/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro de 1994, relativa aos envases e residuos de envases, e da Directiva (UE) 2015/1535 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de setembro de 2015, pola que se establece un procedemento de información en materia de regulamentacións técnicas e de regras relativas aos servizos da sociedade da información, así como do disposto no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, polo que se regula a remisión de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información.

Así mesmo, ao abeiro da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia para aprobar normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, a presente lei incorpora ao ordenamento xurídico autonómico algúns dos mandatos da Directiva 94/62/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro de 1994, relativa aos envases e residuos de envases, incluída a súa modificación pola Directiva (UE) 2018/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018; da Directiva (UE) 2018/849 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifican a Directiva 2000/53/CE, relativa aos vehículos ao final da súa vida útil, a Directiva 2006/66/CE, relativa ás pilas e acumuladores e aos residuos de pilas e acumuladores, e a Directiva 2012/19/UE, sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos; da Directiva (UE) 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 2008/98/CE, sobre os residuos; da Directiva (UE) 2018/850 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 1999/31/CE, relativa á vertedura de residuos; e da Directiva (UE) 2019/904 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xuño de 2019, relativa á redución do impacto de determinados produtos de plástico no medio ambiente.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións e principios xerais

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

  1. Constitúe o obxecto desta lei a regulación da produción e xestión sustentable dos residuos, potenciando medidas que preveñan a súa produción e diminúan os impactos adversos sobre a saúde humana e o ambiente, vinculados á súa xeración e xestión, á vez que se fomenta o uso sustentable dos recursos e a transición cara a unha economía circular e baixa en carbono no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Ademais, é obxecto desta lei regular o réxime xurídico dos solos contaminados aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Fins

Esta lei ten como fins fomentar:

  1. a) A progresiva transformación da sociedade galega nunha sociedade cuxo sistema produtivo estea baseado na economía circular, potenciando a utilización do residuo como recurso e o seu valor económico, e favorecendo a creación de emprego verde, entendido como aquel que reduce o impacto ambiental das empresas e sectores económicos ata alcanzar niveis sustentables.
  2. b) A loita contra o cambio climático, a través, principalmente, da aplicación do principio de coherencia da política de residuos coa estratexia contra o cambio climático e de supeditación daquela a esta.
  3. c) A estabilización e redución da produción de residuos en canto ao seu peso, volume, diversidade e perigosidade, co fin de disociar a produción de residuos do crecemento económico.
  4. d) A rexeneración dos espazos degradados e a descontaminación do solo.

Artigo 3. Obxectivos

  1. Para a consecución dos fins previstos no artigo anterior, establécense os seguintes obxectivos cuantitativos:
  2. a) A redución progresiva do peso dos residuos producidos, ata alcanzar no ano 2020 un 10 % de redución respecto dos xerados no ano 2010, e no ano 2025 un 15 %.
  3. b) O incremento progresivo, de conformidade coa Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008, da cantidade de residuos municipais destinados á preparación para a reutilización e a reciclaxe para as seguintes fraccións: papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos e outras susceptibles de ser preparadas para a reutilización. Estes deberán alcanzar, no seu conxunto, como mínimo, o 50 % en peso no ano 2020, correspondendo un 2 % á preparación para a reutilización principalmente de residuos téxtiles, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos e mobles, o 55 % no ano 2025 e o 60 % no ano 2030.
  4. c) A eliminación en vertedoiro no ano 2035 dun máximo do 10 % dos residuos domésticos xerados, tal como establece a Directiva (UE) 2018/850 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018.
  5. d) O incremento progresivo da cantidade de residuos non perigosos de construción e demolición destinados á preparación para a reutilización, a reciclaxe e outros tipos de valorización material, ata alcanzar antes do ano 2020 o 70 % en peso dos residuos producidos, tal como establece o artigo 22.1.b) da Lei 22/2011, do 28 de xullo, e o 75 % no ano 2025. Para o cómputo deste fluxo quedarán excluídos os materiais naturais escavados codificados co LER 17 05 04.
  6. e) Alcanzar, antes do ano 2025, o obxectivo do 30 % da preparación para a reutilización do total de residuos domésticos xestionados, e un 5 % no ano 2030. Estas porcentaxes teranse que alcanzar igualmente e separadamente para os residuos comerciais e para os residuos industriais, sen ter en conta a fracción orgánica dos residuos domésticos nin a poda.
  7. Así mesmo, establécense como obxectivos cuantitativos aqueles fixados polas normas reguladoras de determinados fluxos de residuos e, en concreto, os seguintes:
  8. a) Para os envases, o máis tardar o 31 de decembro de 2025 reciclarase un mínimo do 65 % en peso de todos os residuos e, o máis tardar o 31 de decembro de 2030, o 70 %, de conformidade co artigo 6 da Directiva 94/62/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro de 1994, relativa aos envases e residuos de envases.

Ademais, o máis tardar o 31 de decembro de 2025 alcanzaranse os seguintes obxectivos mínimos en peso de reciclaxe dos materiais específicos que se indican deseguido, contidos nos residuos de envases:

1º. O 50 % de plástico.

2º. O 25 % de madeira.

3º. O 70 % de metais ferrosos.

4º. O 50 % de aluminio.

5º. O 70 % de vidro.

6º. O 75 % de papel e cartón.

O máis tardar o 31 de decembro de 2030 os devanditos obxectivos serán:

1º. O 55 % de plástico.

2º. O 30 % de madeira.

3º. O 80 % de metais ferrosos.

4º. O 60 % de aluminio.

5º. O 75 % de vidro.

6º. O 85 % de papel e cartón.

  1. b) Para os residuos de pilas e acumuladores, os obxectivos mínimos de recollida que se terán que alcanzar son os establecidos no Real decreto 106/2008, do 1 de febreiro, sobre pilas e acumuladores e a xestión ambiental dos seus residuos.
  2. c) Para os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, os obxectivos mínimos de valorización que se terán que alcanzar son os establecidos no Real decreto 110/2015, do 20 de febreiro, sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
  3. d) Para os pneumáticos ao final da súa vida útil, alcanzarase no ano 2020, como mínimo, o obxectivo do 15 % para a preparación para a reutilización (segundo uso e recauchutado), do 45 % para reciclaxe, debendo ser a reciclaxe do aceiro do 100 %, e un máximo do 40 % de valorización enerxética, tal como establece o Plan estatal marco de residuos.
  4. e) Respecto do aceite industrial usado, a súa recollida e xestión realizarase de conformidade coas mellores técnicas dispoñibles e será do 100 % sobre o total xerado, garantíndose o seu sometemento aos tratamentos adecuados necesarios, de forma que se asegure a protección da saúde humana e do ambiente, en calquera dos usos a que se destine, tal como establece o Real decreto 679/2006, do 2 de xuño, polo que se regula a xestión dos aceites industriais usados.
  5. f) Para os biorresiduos, os concellos deberán instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a súa recollida separada no servizo de xestión dos residuos municipais que presten.
  6. g) Para os residuos téxtiles e os residuos perigosos de orixe doméstica, os concellos deberán establecer, o máis tardar o 1 de xaneiro de 2025, a súa recollida separada, de conformidade coa Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008.
  7. Os obxectivos cuantitativos fixados neste artigo enténdense sen prexuízo de ulteriores modificacións da normativa aplicable que os incrementen ou que reduzan os prazos para o seu cumprimento.
  8. Para calcular os obxectivos fixados nesta lei, tense que empregar a metodoloxía de cálculo máis recente que elaborou a Comisión Europea.
  9. Ademais das fraccións previstas pola normativa europea e estatal, é obrigatoria para os entes locais a recollida diferenciada de materia orgánica compostable (fracción orgánica dos residuos domésticos) e poda, do aceite vexetal usado, dos residuos dos téxtiles e dos residuos perigosos, todos de orixe domiciliaria.

Artigo 4. Liñas básicas da política de residuos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Para a consecución dos obxectivos e dos fins sinalados nos artigos anteriores, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

  1. a) Colaborará coas entidades locais na xestión daqueles residuos da competencia destas, con especial atención á implantación efectiva da recollida separada en orixe de novas fraccións, en especial dos biorresiduos, para destinalos á compostaxe ou á dixestión anaerobia.
  2. b) Colaborará na posta en marcha de centros especializados na preparación para a reutilización de residuos, en especial dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, téxtiles e mobles.
  3. c) Impulsará o establecemento de medidas de promoción de posta no mercado de produtos de segunda man e daqueles que fosen preparados para ser reutilizados.
  4. d) Porá en marcha medidas de fomento do mercado da reciclaxe.
  5. e) Impulsará a economía colaborativa como medida de prevención na produción de residuos.
  6. f) Adoptará medidas de fomento da contratación pública ecolóxica, facendo especial fincapé nos aspectos da economía circular.

Artigo 5. Ámbito de aplicación

  1. Esta lei resulta aplicable a todo tipo de residuos que se orixinen ou xestionen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coas seguintes exclusións:
  2. a) As emisións á atmosfera reguladas na normativa de calidade do aire e protección da atmosfera, así como o dióxido de carbono capturado e transportado con fins de almacenaxe xeolóxica e efectivamente almacenado en formacións xeolóxicas de conformidade coa normativa sectorial de aplicación.
  3. b) A almacenaxe xeolóxica de dióxido de carbono realizada con fins de investigación, desenvolvemento ou experimentación de novos produtos e procesos, sempre que a capacidade prevista de almacenaxe sexa inferior a 100 quilotoneladas.
  4. c) Os solos non contaminados escavados e outros materiais naturais escavados durante as actividades de construción, cando se teña a certeza de que estes materiais se utilizarán con fins de construción no seu estado natural no lugar ou obra onde foron extraídos.
  5. d) Os residuos radioactivos.
  6. e) Os explosivos desclasificados.
  7. f) As materias fecais non incluídas na alínea b) do número 2 deste artigo, a palla e os demais materiais naturais non perigosos, agrícolas ou silvícolas non perigosos, utilizados en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen o ambiente.

Inclúese nesta excepción o material fecal hixienizado resultado de procesos de dixestión anaerobia.

  1. Esta lei non é aplicable aos residuos que se citan a seguir, nos aspectos xa regulados por outra norma da Unión Europea ou nacional que incorpore normas daquela:
  2. a) As augas residuais.
  3. b) Os subprodutos animais cubertos polo Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e os produtos derivados non destinados ao consumo humano e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1774/2002.

Non se inclúen nesta excepción e, por tanto, serán regulados por esta lei, os subprodutos animais e os seus produtos derivados cando se destinen á incineración ou aos vertedoiros ou sexan utilizados nunha planta de biogás ou de compostaxe.

  1. c) Os cadáveres de animais que morresen de forma diferente ao sacrificio, incluídos sacrificados co fin de erradicar epizootias, e que son eliminados de conformidade co Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009.
  2. d) Os residuos resultantes da prospección, da extracción, do tratamento ou da almacenaxe de recursos minerais, así como da explotación de canteiras, cubertos polo Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos de industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.
  3. e) As substancias que se destinen a ser utilizadas como materias primas para pensos, tal como se definen no artigo 3.2.g) do Regulamento (CE) nº 767/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xullo de 2009, e que non sexan subprodutos animais nin os conteñan.
  4. Sen prexuízo das obrigas impostas en virtude da normativa específica aplicable, exclúense do ámbito de aplicación desta lei os sedimentos resituados no interior das augas superficiais para efectos de xestión das augas e das vías navegables, de prevención das inundacións ou de mitigación dos efectos das inundacións e das secas, ou de creación de novas superficies de terreo, se se demostra que os devanditos sedimentos non son perigosos.
  5. A regulación prevista nesta lei en materia de solos contaminados resultará aplicable aos solos que teñan tal condición, dentro do necesario respecto ás competencias estatais.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos desta lei, resultarán de aplicación as definicións recollidas no artigo 3 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, e, ademais, as seguintes:

  1. a) «Actividades potencialmente contaminantes do solo»: as definidas no artigo 54.
  2. b) «Agregado reciclado»: material resultante da valorización final de residuos de construción e demolición que cumpra cos requisitos especificados na normativa sobre disposicións para a libre circulación de produtos de construción, aqueles que se especifiquen na normativa sobre fin de condición de residuo e os exixibles segundo o uso a que se destine.
  3. c) «Bandexa alimentaria»: recipiente para alimentos segundo o establecido na parte B do anexo da Directiva 2019/904/UE.
  4. d) «Comercialización»: toda subministración dun produto para a súa distribución, consumo ou utilización no mercado no transcurso dunha actividade comercial, xa sexa mediante pagamento previo ou a título gratuíto.
  5. e) «Compostaxe doméstica»: xestión dos propios residuos domésticos de carácter orgánico biodegradable producidos nos fogares, restaurantes, servizos de restauración colectiva ou establecementos de venda retallista e que se realiza individualmente para a utilización particular do compost resultante. A compostaxe doméstica considérase unha operación de prevención de residuos.
  6. f) «Compostaxe comunitaria»: xestión dos residuos domésticos de carácter orgánico biodegradable producidos nos fogares, restaurantes, servizos de restauración colectiva ou establecementos de venda retallista nunha instalación común creada para o efecto, co fin de obter un recurso para a súa aplicación como fertilizante ou substrato de cultivo.
  7. g) «Desperdicio alimentario»: produtos alimenticios que tivesen como destino a alimentación humana, non vendidos ou consumidos en todas as fases da cadea de produción, transformación, fabricación e subministración de alimentos, incluída a venda retallista e outros tipos de distribución de alimentos, en restaurantes e servizos alimentarios, así como nos fogares.
  8. h) «Dixestato»: produto resultante da dixestión anaerobia de residuos.
  9. i) «Pequeno produtor de residuos perigosos»: suxeito produtor de residuos perigosos que produce menos de 10 toneladas anuais de residuos perigosos.
  10. j) «Planta fixa»: instalación que non cumpre cos requisitos sinalados na alínea seguinte para ser considerada planta móbil.
  11. k) «Planta móbil»: instalación que se monta ou traslada para achegarse aos centros de produción do residuo ou ao seu lugar de aplicación, e que non ten carácter permanente por estar vinculada a un momento de produción puntual dun tipo de residuo ou a unha actividade de rexeneración ambiental, por un tempo non superior a un ano.
  12. l) «Plástico»: material composto por un polímero, definido de acordo co establecido no artigo 3.5 do Regulamento (CE) nº 1907/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, ao que poden terse engadido aditivos ou outras substancias, e que pode funcionar como principal compoñente estrutural dos produtos finais. Para os efectos da prohibición de comercialización recollida no artigo 44.2, exceptúanse do concepto de plástico os polímeros naturais que non fosen modificados quimicamente.
  13. m) «Produtor de residuos perigosos»: suxeito produtor de residuos perigosos que produce 10 ou máis toneladas anuais de residuos perigosos.
  14. n) «Proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación»: aqueles proxectos que teñan por obxecto o estudo ou a experimentación de novas tecnoloxías ou procesos no campo do tratamento de residuos e que conten co correspondente informe técnico certificado por unha entidade acreditada por un organismo nacional de acreditación.

Para os efectos do establecido na presente lei, estes proxectos terán unha duración máxima dun ano, salvo conformidade do órgano de dirección competente en materia de residuos, logo de solicitude motivada do equipo investigador.

ñ) «Punto limpo»: instalación autorizada de recollida separada e almacenaxe temporal de residuos de competencia municipal que, polo seu gran volume ou perigo, deben ser depositados en instalacións específicas.

  1. o) «Punto limpo móbil»: instalación móbil de recollida separada e almacenaxe temporal de residuos de competencia municipal que, polo seu gran volume ou perigo, deben ser depositados en instalacións específicas.
  2. p) «Recheo»: operación de valorización, sempre que así o declare o órgano de dirección competente en materia de residuos, na que se utilizan residuos non perigosos aptos para os fins de rexeneración en zonas escavadas ou para obras de enxeñaría paisaxística. Os residuos empregados para recheo deben substituír materiais que non sexan residuos, ser aptos para os fins mencionados anteriormente e estar limitados á cantidade estritamente necesaria para lograr os ditos fins.
  3. q) «Residuos alimentarios»: todos os alimentos, tal como se definen no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguranza Alimentaria e se fixan os procedementos relativos á seguranza alimentaria, que se converteron en residuos.
  4. r) «Residuo inerte»: aquel que cumpre cos criterios de admisión nos vertedoiros para residuos inertes establecidos no Real decreto 646/2020, do 7 de xullo, polo que se regula a eliminación de residuos mediante depósito en vertedoiro.
  5. s) «Réxime de responsabilidade ampliada do suxeito produtor»: o conxunto de medidas para garantir que os suxeitos produtores de produtos asuman a responsabilidade financeira ou financeira e organizativa da xestión da fase de residuo do ciclo de vida dun produto.
  6. t) «Solo alterado»: solo, sen a consideración de solo contaminado, cuxas características foron alteradas negativamente pola presenza de compoñentes químicos de carácter perigoso procedentes da actividade humana, en concentración tal que superan os niveis xenéricos de referencia establecidos pola normativa vixente ou 50 mg/kg de hidrocarburos totais de petróleo.
  7. u) «Tratamento intermedio»: as operacións de tratamento realizadas sobre o residuo que precisen un tratamento posterior.
  8. v) «Tratamento final»: todas as operacións de tratamento de residuos non incluídas na alínea anterior.
  9. w) «Vaixela de plástico dun só uso»: os pratos, garfos, coitelos, culleres, pallas e escarvadentes fabricados total ou parcialmente con plástico e que non foron concibidos, deseñados ou introducidos no mercado para completar, dentro do seu período de vida, múltiples circuítos ou rotacións mediante a súa devolución a un produtor para ser reutilizados co mesmo fin para o que foron concibidos.
  10. x) «Valorización final»: operacións de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos polas cales os residuos son transformados de novo en produtos, materiais ou substancias, incluída a valorización enerxética.
  11. y) «Valorización de materiais»: toda operación de valorización distinta da valorización enerxética e da transformación en materiais que vaian ser utilizados como combustible ou outros medios de xerar enerxía, incluíndo, entre outras operacións, a preparación para a reutilización, a reciclaxe e o recheo.

Artigo 7. Fin da condición de residuo

  1. De conformidade co sinalado na normativa básica estatal, os residuos que, logo de seren sometidos a unha operación de valorización, cumpran os criterios específicos establecidos por orde do ministerio competente, poderán deixar de ser considerados como tales sempre que se cumpran as condicións previstas na devandita normativa básica estatal.

Así mesmo, deixarán de ser considerados residuos aqueles que cumpran cos criterios establecidos na normativa da Unión Europea.

  1. De acordo co artigo 5.3 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, as substancias ou obxectos afectados polo disposto no devandito precepto e as súas normas de desenvolvemento serán computados como residuos reciclados e valorizados para os efectos do cumprimento dos obxectivos en materia de reciclaxe e valorización cando se cumpran os criterios de valorización e reciclaxe previstos naquelas.
  2. Nas memorias anuais que os xestores deben presentar de conformidade co sinalado no artigo 28, achegarase a información que, a respecto dos produtos resultantes das operacións de valorización a que se refire este artigo, determine o órgano de dirección competente en materia de residuos.

Artigo 8. Subprodutos

  1. A substancia ou obxecto, resultante dun proceso de produción, cuxa finalidade primaria non sexa a produción desa substancia ou obxecto serán considerados subproduto e non residuo, se cumpren cos requisitos establecidos pola normativa correspondente do ministerio competente, de conformidade co sinalado na normativa básica estatal.
  2. As competencias que as correspondentes ordes ministeriais atribúan ás comunidades autónomas en relación coas persoas produtoras e usuarias de subprodutos serán exercidas, no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos.
  3. As persoas produtoras e as usuarias de subprodutos na Comunidade Autónoma de Galicia deberán levar un rexistro cronolóxico das cantidades xestionadas ou utilizadas como subproduto e dos restantes datos que, de ser o caso, prevexan as correspondentes ordes ministeriais. Este rexistro deberá manterse e estar á disposición da Administración durante un período mínimo de cinco anos ou durante aquel período mínimo superior que poida preverse na correspondente orde ministerial.

CAPÍTULO II

Organización e competencias

Artigo 9. Competencias das entidades locais

  1. As entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos sinalados na normativa básica estatal e nesta lei.
  2. En particular, corresponde aos concellos:
  3. a) Como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan as súas respectivas ordenanzas, no marco xurídico do establecido na normativa básica estatal en materia de residuos, nesta lei, na normativa sectorial en materia de responsabilidade ampliada do produtor e no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia. A prestación deste servizo poderase levar a cabo de forma independente ou asociada.
  4. b) O establecemento das medidas adecuadas para evitar o abandono ou vertedura de residuos domésticos.
  5. c) O exercicio da potestade de vixilancia e inspección e da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias.
  6. As entidades locais poderán:
  7. a) Elaborar programas de xestión dos residuos da súa competencia, de acordo co establecido nesta lei e de conformidade e en coordinación co plan nacional marco e cos plans de xestión de residuos que aprobe a Administración autonómica.
  8. b) Elaborar programas de prevención dos residuos da súa competencia de acordo co establecido nesta lei e nos programas de prevención de residuos aprobados pola Administración autonómica.
  9. c) Xestionar os residuos comerciais non perigosos e os residuos domésticos xerados nas industrias nos termos que establezan as súas respectivas ordenanzas, sen prexuízo de que os suxeitos produtores destes residuos poidan xestionalos por si mesmos. Cando a entidade local estableza o seu propio sistema de xestión poderá impor, de maneira motivada e baseándose en criterios de maior eficiencia e eficacia na xestión dos residuos, a incorporación obrigatoria dos suxeitos produtores de residuos ao devandito sistema en determinados supostos.
  10. d) A través das súas ordenanzas, obrigar o suxeito produtor ou outro suxeito posuidor de residuos perigosos domésticos ou de residuos cuxas características dificulten a súa xestión a que adopten medidas para eliminar ou reducir as devanditas características, ou a que os depositen na forma e lugar adecuados.
  11. e) Implantar sistemas de recollida separada de novas fraccións de residuos domésticos, de conformidade coa planificación establecida por parte da Administración autonómica.
  12. f) Realizar as súas actividades de xestión de residuos directamente ou mediante calquera outra forma de xestión prevista na lexislación sobre réxime local. Estas actividades poderán ser levadas a cabo por cada entidade local de forma independente ou mediante asociación de varias entidades locais.
  13. g) Declarar como servizo público de titularidade municipal todas ou algunhas das operacións de xestión de determinados tipos de residuos, no seu ámbito competencial, cando estea motivadamente xustificado por razóns de adecuada protección da saúde humana e do ambiente.
  14. h) A declaración de servizo público non exclúe a iniciativa privada. A prestación de servizo público baixo un réxime de monopolio require, en calquera dos casos, una previsión legal expresa.

Artigo 10. Competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

Son competencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

  1. a) A elaboración dos plans autonómicos de xestión de residuos e dos programas autonómicos de prevención de residuos.
  2. b) A autorización e rexistro das actividades de produción e xestión de residuos de conformidade co establecido nesta lei.
  3. c) Asegurar o cumprimento das obrigas impostas aos suxeitos produtores dentro do marco da responsabilidade ampliada do produtor, tanto de forma individual como colectiva.
  4. d) O rexistro da información en materia de produción e xestión de residuos no seu ámbito competencial e en materia de solos contaminados, incluído o Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia e o Rexistro da calidade de solos de Galicia.
  5. e) A autorización, de ser o caso, do traslado desde ou cara a países da Unión Europea, ou nos casos estipulados no exercicio das competencias autonómicas en materia de traslados no interior do territorio do Estado, conforme a normativa aplicable aos devanditos traslados.
  6. f) A tramitación dos procedementos en materia de solos contaminados, así como a declaración de solos contaminados.
  7. g) A declaración como servizo público, de titularidade autonómica ou municipal, de todas ou algunhas das operacións de xestión de determinados tipos de residuos, cando estea motivadamente xustificado por razóns de adecuada protección da saúde humana e do ambiente.
  8. h) O exercicio da potestade de vixilancia e inspección e da potestade sancionadora no ámbito das súas competencias.
  9. i) Calquera outra competencia en materia de residuos que non fose expresamente atribuída á Administración estatal ou ás entidades locais.

Artigo 11. Coordinación, colaboración e cooperación interadministrativas

  1. Coa finalidade de realizar as accións necesarias para a consecución dos obxectivos establecidos nesta lei e na planificación en materia de residuos, será promovida a coordinación entre as administracións autonómica e local, así como a colaboración e cooperación coa estatal, no que se refire ao seu réxime de competencias.
  2. A fin de asegurar a coherencia da actuación das administracións públicas de Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia utilizará os procedementos previstos na normativa de réxime local. Coa mesma finalidade, e de conformidade co disposto na normativa básica estatal en materia de réxime local e nos artigos 205 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o Consello da Xunta terá a facultade de coordinar a actuación das entidades locais e, en especial, das deputacións provinciais, cando as actividades ou os servizos locais necesarios para a consecución dos obxectivos previstos nesta lei transcendan o interese propio das correspondentes entidades locais, incidan ou condicionen de forma relevante os da Administración autonómica ou sexan concorrentes ou complementarios dos desta.
  3. A potestade de coordinación a que se refire o número anterior exercerase a través dos programas de prevención e xestión de residuos aprobados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que fixarán os obxectivos e prioridades da acción pública en materia de residuos e a vinculación das entidades locais ao seu contido, nos termos previstos na lexislación básica e nesta lei.

CAPÍTULO III

Principios da política de residuos

Artigo 12. Protección da saúde humana e do ambiente

  1. As autoridades competentes adoptarán as medidas necesarias para asegurar que a xestión dos residuos se realice sen pór en perigo a saúde humana e sen danar o ambiente e, en particular:
  2. a) Non xerarán riscos para a auga, o aire ou o solo, nin para a fauna e a flora.
  3. b) Non causarán incomodidades polo ruído ou os cheiros.
  4. c) Non atentarán adversamente contra paisaxes nin contra lugares de especial interese legalmente protexidos.
  5. As medidas que se adopten en materia de residuos serán coherentes coas estratexias de loita contra o cambio climático.

Artigo 13. Xerarquía de residuos

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no desenvolvemento das políticas e da lexislación en materia de prevención e xestión de residuos, aplicará, para conseguir o mellor resultado ambiental global, a xerarquía de residuos pola seguinte orde de prioridade:
  2. a) Prevención.
  3. b) Preparación para a reutilización.
  4. c) Reciclaxe.
  5. d) Outro tipo de valorización, incluída a valorización enerxética.
  6. e) Eliminación.
  7. Con todo, se para conseguir o mellor resultado ambiental global en determinados fluxos de residuos for necesario apartarse da devandita xerarquía, poderase adoptar unha orde distinta de prioridades, xustificándoo previamente por un enfoque de ciclo de vida sobre os impactos da xeración e xestión deses residuos, tendo en conta os principios xerais de precaución e sustentabilidade no ámbito da protección ambiental, viabilidade técnica e económica, protección dos recursos, así como o conxunto de impactos ambientais sobre a saúde humana, económicos e sociais.
  8. Só se poderán eliminar residuos tratados previamente e que non sexan susceptibles de valorización segundo as mellores técnicas dispoñibles. Así, só poderán ser obxecto de eliminación os refugallos procedentes das plantas de tratamento de residuos, entendidos estes como os producidos polo tratamento de xestión non susceptibles de valorización posterior.

Esta disposición non é aplicable aos residuos cuxo tratamento é tecnicamente inviable ou nos que quede xustificado por razóns de protección da saúde humana ou do ambiente.

  1. Queda prohibido eliminar en vertedoiro residuos recollidos separadamente.

Artigo 14. Principio de prevención e medidas de prevención

Será exixible a adopción de medidas de prevención como resposta a un suceso, a un acto ou a unha omisión que supoña unha ameaza inminente de dano ambiental, co obxecto de impedir a súa produción ou de reducir ao máximo o devandito dano.

Artigo 15. Acceso á información e participación en materia de residuos

  1. As administracións públicas galegas garantirán os dereitos de acceso á información e de participación en materia de residuos nos termos previstos na lexislación sobre dereitos de acceso á información, participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e na lexislación sobre transparencia.
  2. As administracións públicas, as persoas interesadas e o público en xeral terán a oportunidade de participar na elaboración dos plans e programas de prevención e xestión de residuos que aproben as administracións públicas galegas, así como na avaliación dos seus efectos no ambiente.

Artigo 16. Custos da xestión dos residuos

  1. De acordo co principio de que quen contamina paga, os custos relativos á xestión dos residuos terán que correr a cargo do suxeito produtor inicial de residuos, do suxeito posuidor actual ou do anterior suxeito posuidor de residuos, de acordo co establecido na normativa básica estatal.
  2. As normas que regulen a responsabilidade ampliada do suxeito produtor para fluxos de residuos determinados establecerán os supostos en que os custos relativos á súa xestión terán que ser sufragados, parcial ou totalmente, polo suxeito produtor do produto de que proceden os residuos e cando os suxeitos distribuidores do produto poderán compartir os devanditos custos.
  3. Na determinación dos custos de xestión dos residuos domésticos e dos residuos comerciais xestionados polas entidades locais, deberá incluírse o custo real das operacións de recollida, transporte e tratamento dos residuos, incluída a vixilancia destas operacións, e o mantemento posterior ao peche dos vertedoiros.

Artigo 17. Información, formación e concienciación cidadás

  1. A consellaría competente en materia de residuos elaborará e desenvolverá campañas de información, formación e concienciación cidadás, que terán como obxectivos prioritarios:
  2. a) Promover o cambio do modelo produtivo lineal cara a un modelo produtivo acorde cos principios básicos da economía circular.
  3. b) Fomentar o emprego verde a través dunha adecuada política de residuos.
  4. c) Reducir o desperdicio alimentario na produción primaria, na transformación e a fabricación, na venda comerciante retallista e noutros tipos de distribución de alimentos, en restaurantes e servizos alimentarios, así como nos fogares.
  5. d) Informar do impacto ambiental do consumo e dos beneficios dun consumo responsable.
  6. e) Promover a participación activa da cidadanía na progresiva implantación da recollida separada, así como o uso dos puntos limpos.
  7. f) Fomentar a diminución do uso de envases e embalaxes de produtos de difícil reutilización ou reciclaxe, prestando especial atención ao ecodeseño.
  8. g) Evitar a degradación do patrimonio natural por efecto dunha xestión inadecuada de residuos.
  9. h) Informar sobre as consecuencias nocivas para a saúde e o ambiente derivadas do uso incorrecto de produtos que xeran residuos especiais, así como do aumento da xeración de residuos.
  10. i) Promover medidas de formación en materia de residuos, especialmente dirixidas á poboación escolar.
  11. Para o desenvolvemento destes obxectivos, a consellaría competente en materia de residuos asinará, de ser o caso, convenios de colaboración cos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do suxeito produtor ou con asociacións ou entidades públicas ou privadas.

TÍTULO I

Instrumentos da política de residuos

CAPÍTULO I

Planificación

Artigo 18. Da planificación autonómica

  1. Corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a elaboración e aprobación dos plans de xestión e programas de prevención de residuos autonómicos, de conformidade co previsto na normativa básica estatal, na presente lei e nas súas normas de desenvolvemento.

Os plans de xestión e os programas de prevención de residuos autonómicos someteranse ao establecido na normativa sobre avaliación ambiental.

  1. Na elaboración da planificación valoraranse aquelas medidas que incidan de forma significativa na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.
  2. Os plans de xestión conterán, cando menos, as seguintes determinacións:
  3. a) Ámbito material, territorial e temporal, así como o procedemento para a súa revisión.
  4. b) Análise e diagnose da situación da xestión de residuos existente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma e estimación dos residuos obxecto do plan: cantidade, tipoloxía e orixe, así como operacións de xestión a que se someten. Analizarase o tipo, a cantidade e a fonte dos residuos xerados dentro do territorio da comunidade autónoma, os que se prevexa que se van transportar desde e cara a outros Estados membros e, cando sexa posible, desde e cara a outras comunidades autónomas, e realizarase unha avaliación da evolución futura dos fluxos de residuos.
  5. c) Sistemas existentes de recollida de residuos e principais instalacións de xestión, incluída calquera medida especial para aceites usados, residuos perigosos ou fluxos de residuos obxecto de lexislación específica.
  6. d) Avaliación da necesidade de novos sistemas de recollida, peche das instalacións existentes de residuos, instalacións adicionais de tratamento de residuos, de conformidade co principio de proximidade e xerarquía, e os investimentos correspondentes.
  7. e) Principios que deben rexer a prevención e a xestión dos residuos afectados polo plan.
  8. f) Obxectivos específicos de prevención, preparación para a reutilización, reciclaxe e outras formas de valorización, así como de eliminación dos residuos, e as medidas que se deberán adoptar para a consecución destes obxectivos e dos establecidos na Lei 22/2011, do 28 de xullo, na restante normativa en materia de residuos, noutras normas ambientais e nesta lei.
  9. g) Plan de infraestruturas necesarias para a consecución dos obxectivos previstos.
  10. h) Información sobre os criterios de instalación para a identificación da localización e sobre a capacidade das futuras instalacións de xestión (preparación para a reutilización, valorización e eliminación).
  11. i) Políticas de xestión de residuos, incluídas as tecnoloxías e os métodos de xestión de residuos previstos, e a identificación dos residuos que presenten problemas de xestión específicos.
  12. j) Estimación dos custos de execución do plan.
  13. k) Programación temporal das actuacións previstas para a execución do plan.
  14. l) Aspectos organizativos relacionados coa xestión de residuos, incluída unha descrición da repartición de responsabilidades entre os operadores públicos e privados que se ocupan da xestión de residuos.
  15. m) Campañas de sensibilización e información dirixidas ao público en xeral ou a un grupo concreto de persoas consumidoras.
  16. n) Lugares historicamente contaminados por eliminación de residuos e medidas para a súa rehabilitación.
  17. O programa autonómico de prevención de residuos deberá ter, como mínimo, o seguinte contido:
  18. a) Obxectivos de prevención, de redución da cantidade de residuos xerados e de redución da cantidade de substancias perigosas ou contaminantes.
  19. b) Descrición das medidas de prevención existentes e avaliación da utilidade das medidas que se deberán implantar para atinxir os obxectivos establecidos.

A finalidade dos devanditos obxectivos e medidas será rachar o vínculo entre o crecemento económico e os impactos sobre a saúde humana e o ambiente asociados á xeración de residuos.

  1. Os programas de prevención de residuos poderán ser aprobados de forma independente ou integrados nos plans de xestión de residuos ou noutros ambientais. Cando os programas de prevención se integren noutros plans, as medidas de prevención e o seu calendario de aplicación deberán distinguirse claramente.
  2. Os plans de xestión e os programas de prevención deberán contar cun informe anual de resultados.

Artigo 19. Efectos da planificación autonómica

  1. Os plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de residuos deberán ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación e cos efectos indicados nela.
  2. Os instrumentos de planeamento urbanístico terán que se adaptar ás determinacións dos plans e programas da Administración xeral da Comunidade Autónoma consonte co previsto na lexislación de ordenación do territorio que resulte de aplicación.
  3. Dentro do necesario respecto ás competencias estatais, os plans e programas en materia de residuos serán de obrigado cumprimento para as administracións públicas e os suxeitos privados, nos termos previstos no correspondente plan ou programa.

Artigo 20. Duración de plans e programas autonómicos

Os plans e programas en materia de residuos terán a duración que se estipule no propio instrumento planificador e prorrogaranse automaticamente en tanto non se aproben novos plans ou programas que os substitúan.

Artigo 21. Revisión e avaliación de plans e programas autonómicos

Os plans e programas serán revisados e avaliados:

  1. a) Nos prazos previstos neles e, como mínimo, cada seis anos.
  2. b) En calquera caso, cando concorran circunstancias que o fagan necesario e, nomeadamente, para adaptar o seu contido ás exixencias que deriven das modificacións que se produzan na normativa da Unión Europea, básica estatal e da comunidade autónoma.

Artigo 22. Programas locais de prevención e xestión de residuos

  1. As entidades locais poderán elaborar, no marco das súas competencias, programas de xestión e de prevención de residuos, de conformidade e en coordinación coa planificación estatal e autonómica na materia.
  2. O contido dos devanditos programas axustarase ao contido mínimo exixido, segundo o caso, para os plans autonómicos de xestión de residuos e para os programas autonómicos de prevención de residuos.
  3. As entidades locais poden elaborar os programas previstos neste artigo individualmente ou agrupadas se así o acordan os seus órganos de goberno. En calquera caso, terán sempre en conta as peculiaridades propias do seu alcance territorial conforme a normativa en vigor e conforme os plans e programas autonómicos.
  4. Os programas regulados neste artigo terán a duración que establezan e avaliaranse e revisaranse, polo menos, cada seis anos.
  5. A aprobación definitiva dos programas locais corresponderá ao órgano municipal ou supramunicipal correspondente, e deberá contar co informe favorable da consellaría competente en materia de residuos, que deberá pronunciarse sobre os aspectos con incidencia nas competencias autonómicas. O informe deberá ser emitido no prazo máximo dun mes. Se transcorreu o prazo sen que se emitise o informe, entenderase que este é favorable.
  6. As administracións competentes, co fin de controlaren e avaliaren os avances na aplicación das medidas de prevención, determinarán os instrumentos que permitan realizar avaliacións periódicas dos progresos realizados e poderán fixar obxectivos e indicadores cualitativos e cuantitativos concretos.

Artigo 23. Participación das entidades locais nas políticas de prevención e xestión de residuos

A consellaría competente en materia de residuos impulsará a participación das entidades locais no deseño das políticas de prevención e xestión de residuos e, en particular, na elaboración dos instrumentos de planificación en materia de residuos.

CAPÍTULO II

Medidas económicas, financeiras e fiscais

Artigo 24. Recursos económicos

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá establecer medidas económicas, financeiras e fiscais en materia de residuos cos seguintes fins:
  2. a) Fomentar a prevención da xeración de residuos.
  3. b) Implantar a recollida separada.
  4. c) Mellorar a xestión dos residuos de acordo co principio de xerarquía.
  5. d) Impulsar e fortalecer os mercados da reciclaxe.
  6. e) Favorecer que o sector dos residuos contribúa á mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro.
  7. f) Establecer os criterios e a metodoloxía para a análise do ciclo de vida (ACV) dos produtos, de maneira harmonizada coas directrices da Unión Europea.
  8. g) Instaurar a obriga de informar as persoas usuarias dos produtos xeradores de residuos en todo o que fai referencia á súa reutilización, reciclaxe, valorización ou eliminación e riscos de contaminación que supoñen os residuos que xeran en colaboración cos sistemas de responsabilidade ampliada do produtor, as plantas de reciclaxe e demais.
  9. h) Promover a investigación, o desenvolvemento e o uso de técnicas ecolóxicas racionais e de técnicas de deseño de produtos que impliquen unha redución do impacto ambiental e da xeración de residuos.
  10. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a contratación e a compra pública sustentable e innovadora, así como o uso de produtos reutilizados e procedentes da valorización material de residuos, no marco da economía social e verde, circular e hipocarbónica.

CAPÍTULO III

A Sociedade Galega do Medio Ambiente

Artigo 25. A Sociedade Galega do Medio Ambiente

  1. A Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., cuxa creación foi acordada polo Decreto 111/1992, do 11 de abril, é unha sociedade pública autonómica, dependente da consellaría competente en materia de residuos, á que corresponden as seguintes funcións:
  2. a) A xestión dos residuos domésticos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia, coas consecuentes operacións de transporte, almacenaxe, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado de residuos.
  3. b) A xestión daqueloutros residuos que figuren no seu obxecto social.
  4. c) A realización de accións para a mellora da xestión e prevención de residuos, incluídas as actuacións de formación e sensibilización.
  5. d) Calquera outra que lle sexa atribuída e que teña relación co seu obxecto social.
  6. A xestión da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. realizarase de tal forma que se garanta o cumprimento dos obxectivos marcados nesta lei e na planificación autonómica na materia de residuos.
  7. Para o cumprimento dos seus fins, a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. poderá desenvolver as súas actividades total ou parcialmente mediante a titularidade de accións ou de participacións en sociedades con obxecto idéntico ou análogo.

TÍTULO II

Da produción, posesión e xestión de residuos

CAPÍTULO I

Obrigas dos suxeitos produtores, posuidores iniciais
e xestores de residuos

Artigo 26. Obrigas do suxeito produtor ou outro suxeito posuidor inicial relativas á xestión de residuos

  1. Os suxeitos produtores de residuos perigosos con instalacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia están obrigados a subscribir unha garantía financeira que cubra as responsabilidades a que puideren dar lugar as súas actividades, atendendo ás características destas, ao perigo e ao potencial risco, segundo se estableza regulamentariamente. En todo caso, quedan exentos desta obriga aqueles suxeitos que produzan menos de 10 toneladas anuais de residuos perigosos.
  2. Os suxeitos produtores de residuos perigosos, os suxeitos produtores de residuos non perigosos que produzan máis de 1.000 toneladas anuais e aqueles suxeitos pequenos produtores de residuos perigosos que se determinen regulamentariamente, cando produzan residuos en instalacións situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, están obrigados a levar o arquivo cronolóxico de xeito telemático a través da plataforma habilitada para ese efecto pola consellaría competente en materia de residuos.

Os suxeitos pequenos produtores de residuos que, non estando obrigados, non leven o arquivo cronolóxico de xeito telemático deberán dispor dun arquivo físico na instalación a que estea asociada a correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, á disposición das autoridades competentes, durante un prazo de cinco anos.

  1. Os suxeitos produtores ou outros suxeitos posuidores iniciais de residuos deberán facilitar á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a información que esta lles requira en relación coa natureza, características e composición dos residuos que posúan, así como calquera outra información relacionada co adecuado cumprimento das súas obrigas.

Así mesmo, deberán informar inmediatamente a consellaría competente en materia de residuos en caso de accidente, desaparición, perda ou derramamento de residuos.

  1. Os suxeitos produtores ou outros suxeitos posuidores iniciais de residuos comerciais non perigosos e os suxeitos produtores de residuos domésticos xerados nas industrias deberán informar o concello correspondente e o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das cantidades de residuos xeradas e acreditar a súa xestión, con carácter anual, antes do 1 de marzo do ano seguinte.
  2. Os suxeitos que produzan residuos como consecuencia de procesos produtivos aplicarán as mellores tecnoloxías dispoñibles co obxecto de minimizar a súa produción e o perigo dos residuos que xeren.

Para tal efecto, os suxeitos que produzan residuos perigosos nunha cantidade igual ou superior a 10 toneladas anuais deberán elaborar e presentar ante o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia os correspondentes estudos de minimización.

  1. Regulamentariamente establecerase o réxime xurídico dos produtores de residuos perigosos e non perigosos e os órganos competentes para a súa inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.
  2. Así mesmo, os suxeitos a que se refire este artigo fican sometidos ás demais obrigas establecidas no artigo 17 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

Artigo 27. Obrigas dos suxeitos xestores de residuos

  1. Os suxeitos xestores de residuos deberán cumprir a normativa que lles sexa de aplicación, así como, cando a súa actividade estea suxeita a autorización, as condicións impostas nela.

Ademais, deberán garantir que as operacións de xestión que leven a cabo se realizan de conformidade co establecido nos proxectos presentados e nas autorizacións destes, ou de acordo coa información incorporada na súa comunicación.

  1. Todos os suxeitos xestores de residuos deberán facilitar á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a información que esta lles requira en relación coa natureza, as características e a composición dos residuos que posúan, así como calquera outra información relacionada co adecuado cumprimento das súas obrigas.

Así mesmo, deberán informar inmediatamente a consellaría competente en materia de residuos en caso de accidente, desaparición, perda ou derramamento de residuos.

  1. Todos os suxeitos xestores de residuos perigosos, os suxeitos que realicen tratamento de residuos, incluída a almacenaxe de residuos, os suxeitos negociantes de residuos perigosos e non perigosos e os suxeitos axentes de residuos perigosos deberán constituír previamente ao inicio da súa actividade unha fianza, que terá por obxecto responder fronte á Administración do cumprimento das obrigas que deriven do exercicio daquela e da autorización ou comunicación. A mesma obriga terán outros suxeitos xestores de residuos cando así o exixan as normas que regulan a xestión de residuos específicos ou as que regulan operacións de xestión.
  2. Ademais, os suxeitos xestores que realicen tratamento de residuos perigosos, incluída a almacenaxe, deberán subscribir un seguro ou garantía financeira equivalente para cubrir as responsabilidades que deriven destas operacións. Esta obriga estenderase a outros suxeitos xestores de residuos cando así o exixan as normas que regulan a xestión de residuos específicos ou as que regulan operacións de xestión.

Esta garantía deberá cubrir en todo caso:

  1. a) As indemnizacións debidas por morte, lesións ou enfermidade das persoas.
  2. b) As indemnizacións debidas por danos ás cousas.
  3. c) Os custos de reparación e recuperación do ambiente alterado, incluídos os danos ao solo e ao subsolo. A contía determinarase conforme as previsións da lexislación sobre responsabilidade ambiental.

As franquías establecidas non poderán ser en ningún caso superiores á contía das fianzas depositadas.

  1. Os suxeitos xestores que leven a cabo operacións de tratamento, incluída a almacenaxe de residuos, en instalacións situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán levar o arquivo cronolóxico de xeito telemático a través da plataforma habilitada para ese efecto pola consellaría competente en materia de residuos.

Os suxeitos xestores de residuos que, non estando obrigados, non leven o arquivo cronolóxico de xeito telemático deberán dispor dun arquivo físico na instalación á que estea asociada a correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, á disposición das autoridades competentes, durante un prazo de cinco anos.

  1. Así mesmo, os suxeitos a que se refire este artigo fican sometidos ás demais obrigas establecidas no artigo 20 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

Artigo 28. Obrigas de información

  1. As persoas físicas ou xurídicas que obtivesen unha autorización de tratamento de residuos das previstas no artigo 32 enviarán anualmente á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso dos residuos de competencia municipal, tamén ao concello correspondente, unha memoria resumo da información contida no arquivo cronolóxico, co contido que figura no anexo XII da Lei 22/2011, do 28 de xullo, ou na norma específica que regule un fluxo de residuos determinado.

A memoria resumo da información contida no arquivo cronolóxico remitirase antes do 1 de marzo, salvo que se especifique outra data na normativa específica que regule un fluxo de residuos determinado.

  1. As persoas físicas ou xurídicas que efectuasen unha comunicación das previstas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, manterán o arquivo cronolóxico á disposición da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para efectos de inspección e control.

CAPÍTULO II

Traslado de residuos

Artigo 29. Traslado de residuos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia

  1. Todos os traslados de residuos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deben cumprir os seguintes requisitos:
  2. a) Disporán dun contrato de tratamento con carácter previo ao inicio do traslado de residuos.
  3. b) Irán acompañados do correspondente documento de identificación dos residuos.
  4. Ademais, están sometidos a comunicación previa á súa realización, para efectos da oposición ao seu tratamento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cando non existan instalacións adecuadas nel ou estea previsto nos plans de residuos unha solución alternativa ao seu tratamento:
  5. a) Os traslados de residuos perigosos.
  6. b) Os traslados de residuos destinados á eliminación.
  7. c) Os traslados de residuos destinados a instalacións de incineración clasificadas como valorización, segundo o previsto na operación R1 do anexo II da Lei 22/2011, do 28 de xullo, no relativo ao cumprimento da fórmula de eficiencia enerxética.
  8. d) Os traslados que se destinen a valorización de residuos domésticos mesturados identificados co código LER 20 03 01.
  9. e) Aqueles traslados de residuos que sexan determinados por unha norma regulamentaria estatal ou autonómica.
  10. O contido mínimo dos documentos previstos neste artigo será o establecido no artigo 5 e mais nos anexos I e II do Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.
  11. Toda a documentación asociada aos trámites administrativos regulados neste artigo, salvo a referente ao contrato de tratamento, será presentada ante o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en formato electrónico a través da plataforma habilitada para o efecto, de conformidade co previsto nesta lei e na normativa que a desenvolva.

Artigo 30. Traslados de residuos entre comunidades autónomas

Os traslados de residuos entre comunidades autónomas con orixe ou destino no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia realizaranse de acordo co establecido no artigo 25 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, e no Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado, ou norma autonómica de desenvolvemento.

Artigo 31. Traslados transfronteirizos na Unión Europea con orixe ou destino na Comunidade Autónoma de Galicia

  1. O traslado de residuos entre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e países da Unión Europea rexerase polo disposto no Regulamento (CE) nº 1013/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2006, relativo aos traslados de residuos, e polo artigo 26 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  2. En relación co establecido no artigo 18 do regulamento citado no número anterior, cando os residuos teñan como destino o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o suxeito xestor autorizado para a súa recepción deberá presentar, con carácter semestral, ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia unha previsión dos residuos que pretenda recibir nos próximos seis meses.

CAPÍTULO III

Réxime de intervención administrativa en materia de residuos

Artigo 32. Actividades en materia de residuos e instalacións de xestión de residuos sometidas a autorización

  1. Quedan sometidas ao réxime de autorización administrativa previa por parte do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:
  2. a) As instalacións situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que se vaian desenvolver operacións de tratamento de residuos, incluída a almacenaxe no ámbito da recollida en espera de tratamento, así como a ampliación, modificación substancial ou traslado das devanditas instalacións.
  3. b) As plantas móbiles de tratamento de residuos que vaian realizar a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. c) As persoas físicas ou xurídicas con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que vaian realizar unha ou varias operacións de tratamento de residuos.
  5. d) O traslado de residuos desde ou cara a outros países da Unión Europea, de acordo co previsto no Regulamento (CE) núm. 1013/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2006, relativo aos traslados de residuos.
  6. e) O depósito en vertedoiro de residuos procedentes doutras comunidades autónomas.
  7. f) Os sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do suxeito produtor con sede social no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  8. Cando a persoa física ou xurídica que solicite a autorización para realizar unha ou varias operacións de tratamento de residuos sexa titular da instalación de tratamento en que se vaian desenvolver tales operacións, o órgano competente en materia de residuos ou, de ser o caso, o competente en materia de prevención e control integrados da contaminación, poderá conceder unha única autorización que comprenda a instalación e as operacións de tratamento, sempre que aquela estea situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  9. No caso das operacións de valorización de espazos degradados e aplicación en agricultura de lodos tratados, a autorización da actividade e da instalación incluirá a dos lugares en que a aplicación vaia ser realizada. Se a aplicación se vai realizar fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa solicitude de autorización deberá achegarse a documentación acreditativa de que a comunidade autónoma de destino permite a devandita aplicación.
  10. As autorizacións previstas na alínea a) do número 1 deste artigo integraranse, cando proceda, na autorización concedida conforme a normativa vixente sobre prevención e control integrados da contaminación, logo de informe favorable do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos. Este informe terá carácter preceptivo e vinculante para os efectos relacionados coa materia de residuos.
  11. No procedemento de outorgamento da autorización de instalacións de xestión de residuos en localizacións situadas en explotacións mineiras, deberá solicitarse informe ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de minas. Este informe será preceptivo e vinculante para os efectos relacionados coa devandita materia.
  12. No procedemento de outorgamento das autorizacións de actividades de valorización de residuos en solos agrarios, deberá solicitarse informe ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de sanidade vexetal. Este informe será preceptivo e vinculante para os efectos relacionados coa devandita materia.

Artigo 33. Denegación da solicitude de autorización

A autorización a que fai referencia o artigo 32 será denegada de forma motivada nos seguintes casos:

  1. a) Cando non estean suficientemente acreditadas as operacións que se pretenden realizar nin o destino dos residuos de saída resultantes do tratamento.
  2. b) Cando a xestión prevista non se axuste ao disposto na planificación vixente ou dificulte a consecución dos obxectivos establecidos, de tal maneira que a autorización pretendida implique que a comunidade autónoma non poida cumprir os obxectivos establecidos na lexislación da Unión Europea ou básica estatal.
  3. c) Cando se considere que os tratamentos propostos poden ocasionar danos ao ambiente ou á saúde das persoas.
  4. d) Cando as instalacións non cumpran os criterios técnicos mínimos necesarios para desenvolver a actividade de xestión de residuos solicitadas sen perigo para a saúde das persoas ou para o ambiente.
  5. e) Cando as instalacións non fosen executadas de acordo cos proxectos técnicos presentados.
  6. f) Cando exista un informe negativo do concello en cuxo termo se sitúe a instalación sobre a compatibilidade do proxecto co planeamento urbanístico vixente.
  7. g) Cando exista un informe negativo, de carácter preceptivo e vinculante, dun órgano sectorial.
  8. h) Cando se incumpran os requisitos exixidos pola normativa aplicable.

Artigo 34. Prazo para resolver e sentido do silencio

  1. A resolución do procedemento de outorgamento das autorizacións previstas nas alíneas a), b), c) e e) do número 1 do artigo 32 deberá ser notificada no prazo máximo de dez meses. De non notificarse a resolución no devandito prazo, a persoa solicitante poderá entender denegada a autorización.
  2. No caso das autorizacións previstas nas alíneas d) e f) do número 1 do artigo 32, observarase o disposto na normativa específica na materia tanto respecto do prazo máximo para notificar a resolución como do sentido do silencio.

Artigo 35. Actividades suxeitas a comunicación

  1. Sen prexuízo do disposto na normativa aplicable de carácter sectorial, as actividades que se enuncian a seguir están suxeitas a comunicación, a cal se presentará con carácter previo ao seu inicio perante o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos, sempre que as realicen entidades ou empresas con sede social en Galicia:
  2. a) A recollida de residuos sen unha instalación asociada.
  3. b) O transporte de residuos con carácter profesional.
  4. c) A actividade dos negociantes e axentes de residuos.
  5. d) Os sistemas individuais de responsabilidade ampliada do suxeito produtor.
  6. e) Produzan subprodutos declarados de conformidade co artigo 8.
  7. f) Leven a cabo proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en materia de residuos.
  8. g) Teñan o carácter de plataformas loxísticas de residuos, de conformidade coa normativa específica sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
  9. h) Realicen actividades de compostaxe comunitaria de biorresiduos.
  10. i) Realicen actividades que estean exentas de autorización consonte o artigo 28 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  11. Tamén deberá comunicarse ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos a instalación, ampliación, modificación substancial ou traslado de industrias ou actividades dentro do territorio da comunidade autónoma cando estas produzan residuos perigosos ou máis de 1.000 toneladas anuais de residuos non perigosos.
  12. Quedan exentas de presentar comunicación aquelas empresas que obtivesen autorización para o tratamento de residuos e que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos. Nestes casos, e para os residuos producidos como consecuencia do mantemento das instalacións, as inscricións serán realizadas de oficio polo órgano competente para outorgar a autorización.

Artigo 36. Protección da legalidade ambiental

  1. Co fin de asegurar o cumprimento do previsto nesta lei, a autoridade competente poderá adoptar algunha das seguintes medidas:
  2. a) O peche do establecemento ou a paralización da actividade cando estes non conten coa autorización, comunicación ou rexistro correspondentes.
  3. b) A suspensión temporal da actividade cando non se axuste ao comunicado ou ás condicións impostas pola devandita autoridade, sempre que disto derive un risco grave para o ambiente ou a saúde pública, durante o período necesario para que se emenden os defectos que poidan existir.
  4. As medidas previstas no número anterior non teñen a consideración de sancións e ditaranse conforme o disposto na normativa autonómica para os procedementos que regulen o outorgamento da autorización, a comunicación ou rexistro, ou, de ser o caso, segundo o procedemento regulamentariamente establecido para o restablecemento da legalidade ambiental.

TÍTULO III

Xestión de residuos domésticos, comerciais e industriais

Artigo 37. Puntos limpos de recollida separada de residuos de competencia local

  1. Todas as entidades locais deben garantir o servizo de recollida separada dos residuos domésticos no ámbito das súas competencias. Aqueles residuos domésticos que, debido ao seu tamaño ou á súa composición, non poidan ser xestionados a través de contedores situados na vía pública deberán xestionarse a través de instalacións fixas ou móbiles debidamente habilitadas, salvo que, por razóns de saúde pública e seguranza e protección do ambiente, non sexa recomendable a súa xestión nestas instalacións e a súa recollida deba canalizarse a través doutros sistemas de recollida selectiva autorizados.
  2. As entidades locais poderán prestar o servizo de recollida separada doutros residuos non perigosos xerados nos comercios e dos residuos domésticos xerados nas industrias, se así se establece nas súas respectivas ordenanzas, prevendo o sistema de financiamento correspondente.
  3. Os municipios poderán levar a cabo a xestión dos puntos limpos directamente ou mediante calquera outra forma de xestión prevista na lexislación sobre réxime local. Estas actividades poderán ser levadas a cabo por cada entidade local de forma independente ou mediante asociación de varias entidades locais.

Artigo 38. Réxime xurídico dos puntos limpos

  1. O exercicio da actividade de xestión de residuos levada a cabo nos puntos limpos deberá cumprir coas prescricións técnicas que sexan aprobadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e requirirá autorización previa do órgano competente en materia de residuos, de conformidade co establecido na normativa básica estatal aplicable.
  2. A entidade local que xestione, directa ou indirectamente, o punto limpo regulará a forma de uso das instalacións, e garantirá que a instalación se encontre, en todo momento, nas condicións baixo as cales foi concedida a autorización para o seu funcionamento.

No caso de xestión indirecta do punto limpo, o suxeito responsable fronte á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do mantemento adecuado das instalacións será o suxeito titular da correspondente autorización de xestión.

  1. As entidades locais, en colaboración coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, fomentarán a utilización dos puntos limpos por parte da cidadanía, mediante programas de concienciación, campañas divulgativas e outras iniciativas de natureza similar.

Artigo 39. Establecementos comerciais de carácter colectivo

Nos establecementos comerciais de carácter colectivo, de conformidade co establecido no artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, deberán adoptarse as medidas necesarias para facilitar a recollida separada dos residuos xerados nos seus establecementos, incluíndo salas de venda e dependencias auxiliares, como almacéns, oficinas e zonas comúns.

Artigo 40. Edificios públicos

  1. En todos os edificios situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico deberán adoptarse as medidas necesarias para facilitar a recollida separada dos residuos xerados neles, así como fomentarse a instalación e utilización de fontes de auga potable de carácter gratuíto e de envases reutilizables.
  2. As medidas previstas no número anterior deberán adoptarse igualmente nos edificios situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan de titularidade das entidades locais de Galicia, as universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e as entidades vinculadas ou dependentes delas, dentro do respecto á súa autonomía.
  3. No caso dos edificios situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan titularidade da Administración xeral do Estado, as administracións das demais comunidades autónomas e as entidades dos seus respectivos sectores públicos, as devanditas medidas terán carácter potestativo.

Artigo 41. Separación na orixe das fraccións de recollida separada obrigatoria en eventos públicos

  1. Na organización de eventos públicos de carácter puntual que, a xuízo de cada concello, impliquen a concentración dun elevado número de persoas, resultará obrigatorio elaborar un plan para a prevención e adecuada xestión dos residuos que se xeren durante a celebración do evento. Neste plan incluirase, como mínimo, o número, o tipo e a situación dos colectores, ou sistemas equivalentes necesarios, que se calcularán tendo en conta o número de persoas que se prevexa que asistirán ao evento e a cantidade de residuos que se prevexa que se xeren de cada fluxo, tendo en conta as fraccións de recollida separada obrigatoria, de forma que poidan ser retiradas polos servizos de recollida sen que sexa preciso ter que realizar ningunha outra separación posterior.
  2. O concello exixirá as obrigas previstas neste artigo nas comunicacións ou no outorgamento das licenzas e permisos ou outros instrumentos de intervención administrativa municipal que, en conformidade coa normativa aplicable, resulten exixibles para a celebración do evento.

Artigo 42. Centros de recollida separada de residuos industriais

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará a creación e posta en marcha de centros de recollida separada de residuos industriais nos polígonos industriais e nos parques empresariais.

Artigo 43. Programas de implantación de instalacións de compostaxe comunitaria

  1. As entidades locais onde se implanten instalacións de compostaxe comunitaria deberán informar, cando menos cunha periodicidade anual, o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos dos seguintes aspectos:
  2. a) Número de persoas participantes nos programas de compostaxe comunitaria.
  3. b) Número e localización de instalacións de compostaxe comunitaria existentes no termo municipal.
  4. c) Cantidade de residuos tratados na instalación de compostaxe comunitaria.
  5. d) Cantidade de compost obtido na instalación de compostaxe comunitaria e o seu destino.
  6. Así mesmo, as entidades locais presentarán resultados analíticos do compost obtido nas instalacións de compostaxe comunitaria sempre que sexan requiridas polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos.
  7. Regulamentariamente determinarase a capacidade máxima das instalacións de compostaxe comunitaria, así como os demais requisitos para a súa xestión.

Artigo 44. Bolsas de plástico e produtos de plástico dun só uso

  1. A entrega das bolsas de plástico queda supeditada ao que establece o Real decreto 293/2018, do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico e polo que se crea o Rexistro de Produtores, ou norma que o substitúa.
  2. Queda prohibida a comercialización de:
  3. a) Vaixelas de plástico dun só uso.
  4. b) Vasos e cuncas para bebidas de poliestireno expandido.
  5. c) Bandexas alimentarias de poliestireno expandido.
  6. Exclúense da prohibición de comercialización establecida no número anterior as pallas destinadas a fins médicos e utilizadas coa devandita finalidade.

Artigo 45. Redución do desperdicio alimentario

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia levará a cabo actuacións encamiñadas ao fomento da redución da xeración do desperdicio alimentario na produción primaria, na transformación e fabricación, na venda comerciante retallista e noutros tipos de distribución alimentaria, restaurantes e servizos alimentarios, así como no fogar.
  2. Os suxeitos titulares de establecementos de restauración, regulados na Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, están obrigados a ofertar a entrega das fraccións sobrantes de alimentación non consumidas a quen contratou o servizo de restauración, preferentemente en recipientes que non sexan dun só uso. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará con esta finalidade o emprego de utensilios ambientalmente sustentables.

A conservación ulterior dos alimentos entregados será responsabilidade da persoa usuaria que contratou o servizo.

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá o diálogo social e a aprobación dun código de boas prácticas en relación cos excedentes alimentarios, coa participación de todos os axentes implicados, o cal terá como obxectivos principais:
  2. a) A diagnose sobre perdas e desperdicios alimentarios.
  3. b) A mellora dos procesos para reducir excedentes de alimentos aptos para o consumo humano, pero non para a súa comercialización.
  4. c) A fixación de mecanismos para que tales excedentes sexan entregados a organizacións sociais, dentro dos contidos fixados nas directrices de doazón de alimentos na Unión Europea.
  5. d) A realización de campañas de fomento do consumo responsable.
  6. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverá unha norma específica para a prevención das perdas e o desperdicio alimentario na medida en que se avance nunha normativa harmonizada na materia.

TÍTULO IV

Responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto

Artigo 46. Concepto e obrigas

  1. Enténdese por suxeito produtor do produto a persoa física ou xurídica que de forma profesional desenvolva, fabrique, procese, trate, venda ou importe produtos, segundo se determine nas normas de desenvolvemento da responsabilidade ampliada do suxeito produtor previstas no artigo 31 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  2. Poderase dar cumprimento ás obrigas que se establezan no marco da responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto de forma individual ou de forma colectiva. Onde estean implantados sistemas públicos de xestión, os suxeitos produtores poderán dar cumprimento a estas obrigas contribuíndo economicamente aos devanditos sistemas, de forma proporcional ás cantidades de produto que poñan no mercado e atendendo aos custos efectivos da súa xestión.
  3. A responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto aplicarase sen prexuízo da responsabilidade dos suxeitos produtores de residuos, doutros suxeitos posuidores iniciais e dos demais suxeitos xestores que interveñan na cadea de xestión, segundo o establecido nesta lei, na Lei 22/2011, do 28 de xullo, e nas normas que regulen os distintos fluxos de residuos e produtos específicos.
  4. Non obstante o previsto no número anterior, aqueles sistemas de responsabilidade ampliada do suxeito produtor que establezan a recollida dos seus residuos a través de sistemas de loxística inversa estarán excluídos das obrigas de inscrición como transportistas para os traslados realizados entre os puntos de recollida e as súas plataformas loxísticas, de conformidade coas normas específicas para os fluxos de residuos suxeitos á responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto.

Artigo 47. Comunicación dos sistemas individuais

  1. Os produtores que opten por un sistema individual deberán presentar ante o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos unha comunicación previa ao comezo das súas actividades, indicando o seu funcionamento e as medidas que aplicarán para o cumprimento das obrigas derivadas da responsabilidade ampliada.
  2. O contido da comunicación prevista neste artigo será, como mínimo, o que establece o anexo IX da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

Artigo 48. Autorización dos sistemas colectivos

  1. Os suxeitos produtores que opten por sistemas colectivos para o cumprimento das súas obrigas derivadas da responsabilidade ampliada constituirán unha asociación das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, ou outra entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, nos termos previstos na normativa básica estatal en materia de residuos.
  2. De conformidade co establecido na normativa básica estatal e nesta lei, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será competente para outorgar a autorización previa ao inicio da actividade cando a asociación titular do sistema colectivo teña previsto establecer a súa sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. A autorización previa ao inicio da actividade do sistema colectivo terá o contido mínimo previsto no anexo X da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  4. Unha vez comprobada a integridade documental do expediente, a solicitude de autorización será remitida á Comisión de coordinación en materia de residuos para o seu informe, de conformidade co establecido no artigo 32.3 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, con carácter previo á resolución do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos. Este concederá, se procede, a autorización, na que se fixarán as condicións de exercicio. A autorización inscribirase no Rexistro de Produción e Xestión de Residuos de Galicia.
  5. As condicións de exercicio e a autorización deberán axustarse aos principios previstos no artigo 9 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.
  6. O prazo máximo para a tramitación da autorización será de seis meses, prorrogables de maneira motivada por razóns derivadas da complexidade do expediente. A devandita prórroga poderá facerse por unha soa vez, por un tempo limitado e antes de que expirase o prazo orixinal. Transcorrido o prazo sen notificarse resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude presentada.
  7. As autorizacións de sistemas colectivos concederanse polo período que se estableza na regulación específica. Cando non se indique o prazo de vixencia, a autorización terá unha duración de cinco anos e renovarase seguindo o procedemento establecido na normativa básica estatal e neste artigo.
  8. As autorizacións reguladas neste artigo non son transmisibles a terceiros.

Artigo 49. Obrigas dos sistemas individuais e colectivos

As obrigas dos sistemas individuais e colectivos de responsabilidade ampliada do suxeito produtor son as establecidas na normativa básica estatal aplicable.

TÍTULO V

Expropiación

Artigo 50. Declaración de utilidade pública e interese social

  1. Declárase de utilidade pública e interese social, para os efectos da lexislación de expropiación forzosa, o establecemento ou ampliación de instalacións de xestión de residuos.
  2. A declaración de utilidade pública e interese social levará implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
  3. As administracións públicas, no exercicio de competencias en materia de residuos que supoñen a xestión dun servizo público, deben garantir o respecto aos fins e aos obxectivos perseguidos por esta lei e a planificación do sistema de residuos, a sustentabilidade económica e financeira do servizo e a correspondencia necesaria entre o custo do servizo e a consecución de obxectivos ambientais.

Artigo 51. Recoñecemento da utilidade pública e interese social

  1. Para o recoñecemento da utilidade pública e interese social das instalacións a que se refire o artigo anterior, o suxeito interesado deberá presentar unha solicitude dirixida ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de residuos, na que incluirá unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que se consideren de necesaria expropiación.
  2. A solicitude irá acompañada dunha proposta de actuación, que se someterá a información pública e para a cal se solicitará informe dos organismos afectados.
  3. Concluída a tramitación, o recoñecemento da utilidade pública e o interese social será acordado pola persoa titular da consellaría competente en materia de residuos.

TÍTULO VI

Dos solos contaminados

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 52. Obxectivos da política de solos

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de garantir un desenvolvemento sustentable, perseguirá os seguintes obxectivos en relación cos solos situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia:

  1. a) A conservación das súas funcións naturais.
  2. b) O mantemento do máximo das súas funcións.
  3. c) A recuperación de acordo co uso a que están destinados, utilizando as mellores técnicas dispoñibles.

As actuacións de recuperación deben orientarse a materializar solucións permanentes, primando, na medida do posible, as técnicas de tratamento in situ, que minimizan o impacto relacionado coa xestión dos residuos.

  1. d) A asignación de usos que permitan absorber os custos dunha acción recuperadora adecuada dos solos.
  2. e) A prioridade do coñecemento e control da calidade dos solos situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. f) A aplicación efectiva do principio de prevención e dos principios de que quen contamina paga e de que quen dana repara.

Artigo 53. Protección do solo

A protección do solo constitúe un deber dos suxeitos posuidores ou propietarios daquel, que comporta as obrigas de coñecer, informar e controlar a súa calidade, así como de adoptar medidas preventivas, de defensa, de recuperación, de control e de seguimento nos casos en que sexa preceptivo de acordo coa normativa vixente.

Artigo 54. Actividades potencialmente contaminantes do solo

Teñen a consideración de actividades potencialmente contaminantes do solo aquelas actividades de tipo industrial ou comercial que, ben sexa polo manexo de substancias perigosas ben sexa pola xeración de residuos, poden contaminar o solo. En todo caso teñen esa consideración:

  1. a) As actividades de tipo industrial e comercial mencionadas no anexo I do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo, e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados, ou norma que o substitúa.
  2. b) As actividades que producen, manexan ou almacenan máis de 10 toneladas por ano dunha ou varias das substancias incluídas no Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de substancias perigosas, aprobado polo Real decreto 363/1995, do 10 de marzo.
  3. c) As almacenaxes de combustible para uso propio segundo o Regulamento de instalacións petrolíferas, aprobado polo Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, e a Instrución técnica complementaria MI-IP 03, aprobada polo Real decreto 1427/1997, do 15 de setembro, cun consumo anual medio superior a 300.000 litros e cun volume total de almacenaxe igual ou superior a 50.000 litros.

Artigo 55. Obrigas de información

  1. Calquera persoa, física ou xurídica, de carácter público ou privado, que detecte indicios ou riscos de contaminación do solo, como consecuencia da realización de calquera tipo de actividade, incluídas operacións de escavación ou movemento de terras, verteduras e accidentes, deberao pór en coñecemento do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados coa maior brevidade posible.
  2. Os suxeitos titulares ou responsables de actividades ou de instalacións en que se desenvolvan actividades potencialmente contaminantes do solo, así como os suxeitos posuidores ou propietarios de solos sobre os que estas se implanten ou se implantasen, terán a obriga de achegar os datos, información e documentación requiridos polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados, para efectos de determinar o grao de cumprimento da normativa en materia de solos contaminados.
  3. Os suxeitos titulares de actividades potencialmente contaminantes do solo deberán presentar ante o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados un informe preliminar de situación para cada un dos solos en que se desenvolve a actividade, co alcance e contido mínimo establecidos no anexo II do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, nun prazo non superior a dous anos desde o inicio da actividade.
  4. Os suxeitos titulares das actividades potencialmente contaminantes do solo están obrigados a remitir cada cinco anos un informe de situación ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados, co contido mínimo que establece o artigo 5 do Decreto 60/2009, do 26 de febreiro, sobre solos potencialmente contaminados e procedemento para a declaración de solos contaminados.

Tamén estarán obrigadas a presentar o informe no caso de modificación substancial da instalación, ampliación ou peche definitivo ou cando se produza a transmisión da súa titularidade.

  1. As persoas propietarias dos solos en que se desenvolveu unha actividade potencialmente contaminante no pasado deben presentar un informe de situación do solo cando pretendan establecer neles unha actividade diferente das potencialmente contaminantes ou que supoña un cambio de uso do solo.
  2. Logo do estudo dos informes previstos nos números anteriores, así como doutras fontes de información dispoñibles, o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados poderá requirir información complementaria, como a toma de mostras de solo e augas subterráneas, a realización de investigacións de calidade do solo ou a implantación dun plan de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, así como a adopción inmediata de medidas de prevención.
  3. Os suxeitos titulares das actividades potencialmente contaminantes do solo están obrigados a adoptar as medidas que impoña o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados e que sexan necesarias para evitar a aparición de accións contaminantes e, de ser o caso, evitar, controlar ou minimizar os efectos derivados destas.
  4. No caso de transmisión da propiedade de predios nos que se realizou algunha das actividades potencialmente contaminantes do solo, será de aplicación o disposto no artigo 33.2 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

CAPÍTULO II

Avaliación da calidade do solo

Artigo 56. Instrumentos para a avaliación da calidade do solo

Son instrumentos para avaliar a calidade do solo:

  1. a) Os informes preliminares e os informes de situación do solo a que se refire o artigo 55.
  2. b) Os plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas.
  3. c) As investigacións analíticas da calidade do solo, exploratorias e detalladas.
  4. d) As valoracións de riscos.

Artigo 57. Plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas

Os plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas teñen como obxecto realizar un seguimento da posible afección que sobre a calidade do solo e das augas subterráneas poida ocasionar o desenvolvemento dunha actividade potencialmente contaminante.

Artigo 58. Investigacións analíticas da calidade do solo

  1. As investigacións analíticas da calidade do solo teñen por obxecto determinar de forma cualitativa e cuantitativa a presenza de contaminación no solo sobre a base dun traballo experimental realizado in situ.
  2. As investigacións analíticas deberán permitir identificar os posibles focos de contaminación e o tipo e cantidade de contaminantes presentes, delimitar as áreas afectadas, tanto horizontal como verticalmente, e describir a evolución espacial e temporal da contaminación.
  3. As investigacións analíticas poderán constar de dúas fases:
  4. a) Investigación analítica exploratoria da calidade do solo, que ten por obxecto comprobar a existencia de concentracións de substancias contaminantes que poidan implicar que o solo estea alterado ou contaminado.
  5. b) Investigación analítica detallada da calidade do solo, que ten como finalidade permitir unha correcta delimitación do tipo, concentración e distribución das substancias contaminantes no solo e no resto dos medios que poidan verse afectados pola contaminación, así como a cuantificación dos riscos para a saúde das persoas e o ambiente derivados da presenza de contaminantes.

O alcance e o contido destas dúas fases son os establecidos no anexo IV do Decreto 60/2009, do 26 de febreiro, ou norma que o substitúa.

Artigo 59. Valoracións de riscos

  1. As valoracións de riscos son os procesos de identificación, medida e comparación de diversos parámetros, mediante os cales se estudan, analizan e caracterizan os riscos que a presenza de determinadas substancias nos medios afectados pode supor para a saúde das persoas e o ambiente.
  2. O alcance e o contido das valoracións de riscos son os establecidos no anexo VIII do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, e no anexo IV do Decreto 60/2009, do 26 de febreiro, ou normas que os substitúan.

Artigo 60. Entidades acreditadas, aprobación e execución dos instrumentos para a avaliación da calidade do solo

  1. Deberán estar debidamente acreditadas por unha entidade nacional de acreditación as entidades que realicen o deseño e implantación dos plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, as investigacións analíticas, tanto exploratorias como detalladas, e as valoracións de riscos, así como o deseño, execución, control e seguimento da recuperación.
  2. Os traballos sinalados no número anterior deberán ser executados sobre a base dunha proposta realizada pola correspondente entidade acreditada. A proposta será valorada e aprobada polo órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados con carácter previo á súa execución.
  3. Tanto a proposta como a súa implantación deberán ser levadas a cabo pola mesma entidade acreditada, salvo causa xustificada e contando coa aceptación previa do órgano competente para a súa aprobación.
  4. Os controis periódicos correspondentes aos plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas deberán ser realizados por entidades coa acreditación en toma de mostras da matriz que se pretende caracterizar.
  5. As análises químicas in situ correrán a cargo de laboratorios debidamente acreditados para os parámetros que se determinen.

CAPÍTULO III

Solos contaminados e suxeitos obrigados

Artigo 61. Declaración de solos contaminados

  1. O órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de solos contaminados declarará e delimitará os solos contaminados nos supostos previstos no artigo 34.1 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  2. A resolución que declare un solo como contaminado conterá as determinacións sinaladas nas alíneas a), b) e c) do anexo XI da Lei 22/2011, do 28 de xullo, e alén diso:
  3. a) As medidas de control e de seguimento que, de ser o caso, deban adoptarse.
  4. b) Os usos aos cales non poderá ser destinado o solo en tanto subsista a declaración.
  5. c) A fundamentación xurídica e técnica en que se sustenta a declaración.
  6. A Administración autonómica competente realizará un mapa de solos alterados e contaminados que incluirá información sobre o tipo de contaminantes e os riscos para a saúde e para o ambiente, así como as precaucións e restricións derivadas.

Artigo 62. Efectos da declaración

  1. A declaración dun solo como contaminado obrigará a realizar as operacións necesarias para proceder á súa limpeza e recuperación, na forma e prazos que se determinen na resolución de declaración de solo contaminado.
  2. Non obstante o previsto no número anterior, as medidas de recuperación adicionais derivadas dun novo uso do solo que exixa alcanzar niveis de calidade do solo superiores aos niveis asociados ao uso existente no momento en que se produciu a contaminación non poderán exixirse ao suxeito causante desta, no caso de que sexa distinto do suxeito promotor do novo uso. Neste suposto, será o suxeito promotor do novo uso quen deba adoptar as medidas adicionais de recuperación.
  3. De conformidade co establecido no artigo 34.3 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, unha vez que a declaración de solo como contaminado sexa firme en vía administrativa, esta será obxecto de nota marxinal no Rexistro da Propiedade, por iniciativa do órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados. A devandita nota cancelarase unha vez que se declare que o solo deixou de ter tal consideración.
  4. A declaración dun solo como contaminado pode comportar a suspensión da executividade dos dereitos de edificación e outros aproveitamentos do solo no caso de resultaren incompatibles coas medidas de limpeza e recuperación do terreo que se establezan, ata que estas se leven a cabo ou se declare o solo como non contaminado.
  5. Poderá declararse que un solo deixou de estar contaminado logo de comprobar que se realizaron de forma adecuada as operacións de descontaminación e recuperación del recollidas no punto 3.

Artigo 63. Suxeitos responsables da descontaminación e recuperación dos solos contaminados

  1. Están obrigados a realizar as operacións de descontaminación e recuperación dos solos contaminados, logo de requirimento do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, os suxeitos causantes da contaminación, os cales, cando sexan varios, responderán destas obrigas de forma solidaria e, subsidiariamente, por esta orde, as persoas propietarias dos solos contaminados e as posuidoras deles.

Nos supostos de bens de dominio público en réxime de concesión, responderán subsidiariamente, na falta do suxeito ou suxeitos causantes da contaminación, por esta orde, a persoa posuidora e a propietaria.

  1. Os suxeitos responsables subsidiarios poderán repercutir o custo das actuacións que levasen a cabo na recuperación dun solo declarado contaminado ao suxeito ou suxeitos causantes da contaminación.

A recuperación dos custos de descontaminación non poderá exixirse por encima dos niveis de contaminación asociados ao uso do solo no momento en que se produciu a contaminación por parte do suxeito causante.

  1. Serán responsables solidarios ou subsidiarios das obrigas pecuniarias que resulten desta lei os suxeitos que se recollen no artigo 13 da Lei 26/2007, do 24 de outubro, de responsabilidade ambiental, nos termos que o devandito artigo establece.

Artigo 64. Convenios de colaboración para a reparación de solos contaminados

De conformidade co artigo 37 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, as actuacións para proceder á limpeza e recuperación dos solos declarados como contaminados poderán levarse a cabo mediante convenios de colaboración entre os suxeitos obrigados a realizar as devanditas operacións e as administracións públicas competentes, nos termos previstos nese artigo.

Artigo 65. Reparación de solos contaminados

As actuacións para proceder á limpeza e recuperación dos solos declarados como contaminados poderán levarse a cabo mediante acordos subscritos entre os obrigados a realizar as ditas operacións e autorizados mediante convenios entre aqueles e as administracións públicas competentes, ou, de ser o caso, mediante os contratos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

De ser o caso, os custos de limpeza e recuperación dos solos contaminados correrán por conta do obrigado, en cada caso, a realizar as devanditas operacións. Os convenios de colaboración poderán concretar incentivos económicos que poidan servir de axuda para financiar os custos de limpeza e recuperación de solos contaminados.

Os convenios que se subscriban coa Administración, en especial cando a Administración sexa corresponsable da contaminación do solo, incluirán criterios claros sobre estes incentivos.

Artigo 66. Recuperación voluntaria de solos

  1. A descontaminación do solo para calquera uso poderá levarse a cabo, sen a previa declaración do solo como contaminado, mediante un proxecto de recuperación voluntaria aprobado polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados.
  2. Logo da execución do proxecto acreditarase que a descontaminación se levou a cabo nos termos previstos no propio proxecto.
  3. As descontaminacións que se produzan por vía voluntaria serán inscritas no Rexistro da Calidade do Solo de Galicia polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados.

Artigo 67. Utilidade pública

Os proxectos para a recuperación dos solos declarados contaminados decláranse de utilidade pública para efectos de expropiación forzosa.

Artigo 68. Prazo para resolver

O prazo para resolver os procedementos de declaración de solos contaminados regulados no artigo 8 do Decreto 60/2009, do 26 de febreiro, sobre solos potencialmente contaminados e o procedemento para a declaración dos solos contaminados, será de doce meses. Transcorrido o devandito prazo sen que se notifique a correspondente resolución, producirase a caducidade do procedemento.

Artigo 69. Garantía financeira

O órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados poderá exixir a constitución dunha garantía financeira do cumprimento das obrigas fronte á Administración derivadas das actuacións de recuperación e descontaminación de solos contaminados, nos termos que se determinen regulamentariamente en desenvolvemento desta lei.

Artigo 70. Relación co planeamento urbanístico

  1. A execución de desenvolvementos urbanísticos nos ámbitos que inclúan solos contaminados poderá verse condicionada en tanto o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados non declare que os solos deixaron de ter tal consideración.
  2. En relación cos devanditos solos e para o obxecto de determinar a viabilidade dos usos previstos no ámbito que se pretenda desenvolver, os concellos, na tramitación do corresponde instrumento de planeamento urbanístico:
  3. a) Presentarán dentro do procedemento de avaliación ambiental daquel, xunto coa documentación exixida pola normativa de aplicación, un informe da calidade do solo.
  4. b) Remitirán o instrumento de planeamento urbanístico, logo da súa aprobación inicial, ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados, que deberá emitir informe no prazo de tres meses. Transcorrido o prazo sen que se emitise o informe, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente as normas vulneradas.

CAPÍTULO IV

Rexistro da Calidade do Solo de Galicia

Artigo 71. Rexistro da Calidade do Solo de Galicia

  1. O Rexistro da Calidade do Solo de Galicia é o instrumento público de carácter administrativo que conterá, como mínimo, a relación de solos en que se desenvolven ou se desenvolveron actividades potencialmente contaminantes do solo, os solos declarados como contaminados e os que se declaren que perderon a condición de solos contaminados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. O rexistro regulado neste artigo cumprirá as funcións que o artigo 35 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, prevé para o inventario de solos declarados como contaminados pola Administración autonómica e, así mesmo, será o rexistro administrativo no que se inscribirán as descontaminacións que se produzan por vía voluntaria, de acordo co previsto no artigo 38 do mesmo texto legal.
  3. O órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados levará o rexistro regulado neste artigo e emitirá certificacións dos datos que consten nel, cando lle sexan solicitadas nos termos previstos na lexislación sobre dereito de acceso á información en materia de ambiente e na restante normativa aplicable, sen prexuízo do que establece a lexislación sobre protección de datos de carácter persoal.
  4. Acompañando este rexistro elaborarase un sistema de información xeorreferenciada ou un mapa, de carácter público, que inclúa todos os datos relevantes relacionados coa declaración de solo contaminado. Así mesmo, incluirá información de todos os solos descontaminados.

TÍTULO VII

Fomento, promoción e difusión

Artigo 72. Axudas económicas

  1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias, poderá outorgar subvencións para incentivar mecanismos de prevención de residuos e a implantación das mellores técnicas dispoñibles na xestión de residuos.
  2. Así mesmo, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá establecer subvencións para financiar as actuacións de descontaminación e recuperación dos solos declarados contaminados previstas nesta lei. Neste caso, conforme o previsto na normativa básica estatal, exixirase o compromiso de que as posibles plusvalías que adquiran os solos reverterán na contía subvencionada en favor da Administración pública concedente da subvención, así como a constitución de garantía financeira para asegurar o cumprimento do devandito compromiso.

Artigo 73. Promoción e difusión

A consellaría competente en materia de residuos realizará, con carácter anual, as seguintes accións de promoción e difusión:

  1. a) Potenciar a subscrición de acordos de colaboración cos sectores produtivos e con representantes empresariais e sindicais e do asociacionismo ambiental, das asociacións de persoas consumidoras e doutras organizacións de participación cidadá, co fin de facilitar o cumprimento dos obxectivos previstos nesta lei.
  2. b) Promover convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas para a implantación de medidas tendentes á educación, investigación, información e asesoramento, orientadas especialmente a pequenas e medianas empresas, a fin de introducir nas empresas as tecnoloxías menos contaminantes e de prevención en materia de residuos.
  3. c) Favorecer, a través de acordos de colaboración coa consellaría competente en materia de educación, a integración de contidos en materia de residuos nos ciclos formativos, co fin de mellorar a conciencia ambiental no estudantado e na cidadanía en xeral.

TÍTULO VIII

Vixilancia, inspección, control e potestade sancionadora

CAPÍTULO I

Vixilancia, inspección e control

Artigo 74. Órganos competentes

A inspección, vixilancia e control do cumprimento desta lei, así como das súas normas de desenvolvemento, corresponde, no ámbito das súas respectivas competencias, á consellaría competente en materia de residuos e ás entidades locais.

Artigo 75. Servizos de vixilancia e inspección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

  1. As funcións de vixilancia e inspección ambiental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia relativas ao cumprimento desta lei e das súas normas de desenvolvemento serán levadas a cabo por persoal funcionario.
  2. O persoal inspector terá a condición de axente da autoridade. Estará facultado para:
  3. a) Acceder, identificándose previamente e sen necesidade de preaviso, ás instalacións e lugares en que se desenvolvan as actividades reguladas por esta lei, salvo naqueles que teñan a condición de domicilio ou outros lugares para cuxa entrada sexa necesario o consentimento da persoa titular ou autorización xudicial.
  4. b) Realizar cantos exames, controis, toma de mostras e recollida de información, incluída a gravación de imaxes, resulten necesarios para o exercicio dos labores de vixilancia e inspección encomendados.
  5. As actas formalizadas polo persoal inspector observando os requisitos legais correspondentes nas que se recollan os feitos constatados por aquel farán proba destes agás que se acredite o contrario.
  6. Para o desempeño das súas funcións, o persoal inspector poderá ir acompañado de persoal de asesoramento técnico. Este persoal asesor está obrigado a gardar segredo respecto dos datos e informacións de que tiver coñecemento no exercicio destas funcións.

Artigo 76. Inspección

  1. No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia están suxeitos ás inspeccións periódicas que estime necesarias o órgano da Administración xeral daquela competente en materia de inspección ambiental:
  2. a) As entidades e empresas que leven a cabo operacións de tratamento de residuos.
  3. b) As entidades e empresas que recollan ou transporten residuos con carácter profesional.
  4. c) Os suxeitos axentes e negociantes.
  5. d) Os establecementos e empresas que produzan residuos.
  6. e) Os sistemas de aplicación da responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto.
  7. O órgano sinalado no número anterior poderá comprobar en calquera momento que se cumpren os requisitos para o mantemento das autorizacións outorgadas e para continuar a actividade prevista nas comunicacións segundo o previsto nesta lei. No caso de que non for así, poderase suspender a autorización ou paralizar provisoriamente a actividade prevista na comunicación e proporanse as medidas que se deberán adoptar ou, de ser o caso, poderase revogar a autorización ou paralizar definitivamente a actividade.
  8. As persoas titulares das entidades e empresas mencionadas no número 1 deste artigo están obrigadas a prestar toda a colaboración requirida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o seu persoal inspector, incluída a posta a disposición de calquera documentación relacionada co exercicio da actividade.
  9. As inspeccións das operacións de recollida e transporte de residuos cubrirán a orixe, a natureza, a cantidade e o destino dos residuos recollidos e transportados.
  10. O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá tomar en consideración os rexistros efectuados conforme o sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais ou outros equivalentes, especialmente no que se refire á frecuencia e intensidade das inspeccións.

CAPÍTULO II

Responsabilidade e réxime sancionador

Artigo 77. Potestade sancionadora

O exercicio da potestade sancionadora en materia de residuos e solos contaminados corresponde:

  1. a) Á consellaría competente en materia de medio ambiente, no que atinxe o ámbito de competencias que nesta materia corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. b) Aos concellos, no caso das infraccións consistentes no abandono, vertedura ou eliminación incontrolados dos residuos cuxa recollida e xestión corresponde a aqueles, así como das infraccións relativas ao depósito ou entrega de residuos sen cumprir as condicións previstas nas súas ordenanzas.

Artigo 78. Alcance da responsabilidade en materia de residuos

  1. Os residuos terán sempre unha persoa responsable do cumprimento das obrigas que derivan da súa produción e xestión, que se corresponderá co suxeito produtor ou outro suxeito posuidor inicial ou o suxeito xestor, nos termos previstos na normativa básica estatal, nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento. Estes suxeitos poderán exercer accións de repetición cando os custos en que incorresen deriven dos incumprimentos legais ou contractuais doutras persoas físicas ou xurídicas.
  2. A responsabilidade dos suxeitos produtores e dos demais suxeitos posuidores iniciais de residuos domésticos e comerciais conclúe cando os entreguen nos termos previstos nas ordenanzas locais e no resto da normativa aplicable.
  3. A responsabilidade dos demais suxeitos produtores ou posuidores iniciais de residuos, cando non realicen o tratamento por si mesmos, conclúe cando os entreguen a un suxeito negociante para o seu tratamento, ou a unha empresa ou entidade de tratamento autorizada, sempre que a entrega sexa acreditada documentalmente e se realice cumprindo os requisitos legalmente exixidos.
  4. De conformidade co artigo 31.2.e) da Lei 22/2011, do 28 de xullo, en aplicación da responsabilidade ampliada e coa finalidade de promover a prevención e de mellorar a reutilización, a reciclaxe e a valorización de residuos, os suxeitos produtores de produtos que co seu uso se converten en residuos poderán ser obrigados, pola correspondente normativa, a responsabilizarse total ou parcialmente da organización da xestión dos residuos, podendo establecerse que os suxeitos distribuidores do devandito produto compartan esta responsabilidade.
  5. A responsabilidade ampliada do suxeito produtor aplicarase sen prexuízo da responsabilidade da xestión de residuos establecida nesta lei e na restante normativa de aplicación.

Artigo 79. Suxeitos responsables das infraccións administrativas

  1. Poderán ser sancionadas polos feitos constitutivos das infraccións administrativas recollidas neste capítulo as persoas físicas ou xurídicas que os cometan a título de dolo ou culpa, de acordo co establecido nesta lei e sen prexuízo, de ser o caso, das correspondentes responsabilidades civís, penais e ambientais.
  2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, cando o cumprimento dunha obriga establecida na presente lei corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán de forma solidaria das infraccións que, de ser o caso, se cometan e das sancións que se impoñan. Non obstante, cando a sanción sexa pecuniaria e sexa posible, individualizarase na resolución en función do grao de participación de cada suxeito responsable.
  3. A responsabilidade será solidaria, en todo caso, nos seguintes supostos:
  4. a) Cando o suxeito produtor, o suxeito posuidor inicial ou o suxeito xestor de residuos entregue residuos a unha persoa física ou xurídica distinta das sinaladas nesta lei e na restante normativa de residuos.
  5. b) Cando sexan varios os suxeitos responsables e non sexa posible determinar o grao de participación de cada un na realización da infracción.
  6. Cando os danos causados ao ambiente se orixinen por acumulación de actividades debidas a diferentes persoas, a administración competente poderá imputar individualmente esta responsabilidade e os seus efectos económicos.

Artigo 80. Infraccións

  1. Constitúen infraccións administrativas, de conformidade coa presente lei, as accións e omisións tipificadas nela.
  2. As infraccións tipificadas na presente lei clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 81. Infraccións moi graves

Constitúen infraccións moi graves:

  1. a) O exercicio dunha actividade regulada nesta lei sen a preceptiva comunicación ou autorización, ou con ela caducada ou suspendida, así como o incumprimento das obrigas impostas nas autorizacións ou da información incorporada na comunicación, sempre que supuxese perigo grave ou dano á saúde das persoas, producise un dano ou deterioración grave para o ambiente, ou cando a actividade teña lugar en espazos protexidos.
  2. b) A actuación en forma contraria ao establecido nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, sempre que supuxese perigo grave ou dano á saúde das persoas, producise un dano ou deterioración grave para o ambiente, ou cando a actividade teña lugar en espazos protexidos.
  3. c) O abandono, vertedura ou eliminación incontrolada de residuos perigosos.
  4. d) O abandono, vertedura ou eliminación incontrolada de calquera outro tipo de residuos, sempre que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  5. e) O incumprimento das obrigas derivadas das medidas provisorias previstas nesta lei.
  6. f) A ocultación ou a alteración intencionadas de datos achegados aos expedientes administrativos para a obtención de autorizacións, permisos ou licenzas, ou de datos contidos nas comunicacións relacionadas co exercicio das actividades reguladas nesta lei.
  7. g) A elaboración, importación ou adquisición intracomunitaria de produtos con substancias ou preparados prohibidos polo perigo dos residuos que xeran.
  8. h) Non realizar as operacións de limpeza e recuperación cando un solo fose declarado como contaminado, logo do correspondente requirimento do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ou o incumprimento, de ser o caso, das obrigas derivadas de acordos voluntarios ou convenios de colaboración para a reparación en vía convencional dos solos contaminados.
  9. i) A mestura das diferentes categorías de residuos perigosos entre si ou destes cos que non teñan tal consideración, sempre que como consecuencia diso se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  10. j) A entrega, venda ou cesión de residuos perigosos a persoas físicas ou xurídicas distintas das sinaladas nesta lei, así como a aceptación daqueles en condicións distintas das que se establezan nas correspondentes autorizacións e comunicacións, ou nas normas establecidas nesta lei.
  11. k) A elaboración, a posta no mercado ou a utilización de produtos ou envases no ámbito da responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto, incumprindo as obrigas que deriven desta lei ou das súas normas de desenvolvemento e as condicións impostas na autorización, cando como consecuencia se perturben gravemente a saúde e hixiene públicas, a protección do ambiente ou a seguranza das persoas consumidoras.
  12. l) A entrada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de residuos perigosos procedentes doutro Estado membro da Unión Europea, así como a saída de residuos perigosos cara a outro Estado membro, sen obter os permisos e autorizacións exixidos pola lexislación da Unión Europea ou sen cumprir a obriga establecida no artigo 26.5.b) da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  13. m) Non elaborar os plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, as investigacións analíticas da calidade do solo ou as valoracións de riscos cando sexa obrigatorio de acordo co disposto nesta lei, sempre que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave no ambiente.
  14. n) Non adoptar medidas de recuperación en solos cando así se requira, sempre que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave no ambiente.

ñ) O incumprimento das condicións sinaladas nas resolucións emitidas polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados nos procedementos regulados nesta lei e na normativa de desenvolvemento, sempre que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave no ambiente.

  1. o) O incumprimento da obriga prevista no artigo 55.1 de informar o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de solos contaminados da detección de indicios ou riscos de contaminación, sempre que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou se producise un dano ou deterioración grave no ambiente.

Artigo 82. Infraccións graves

Constitúen infraccións graves:

  1. a) O exercicio dunha actividade descrita nesta lei sen a preceptiva comunicación ou autorización, ou con ela caducada ou suspendida, así como o incumprimento das obrigas impostas nas autorizacións ou da información incorporada na comunicación, sen que supuxese un perigo grave ou un dano á saúde das persoas nin se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  2. b) A actuación en forma contraria ao establecido nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen que supuxese un perigo grave ou un dano á saúde das persoas nin se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  3. c) O abandono, vertedura ou eliminación incontrolados de calquera tipo de residuos non perigosos sen que supuxese un perigo grave ou un dano á saúde das persoas nin se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  4. d) O incumprimento da obriga de proporcionar documentación, a ocultación ou falseamento de datos exixidos pola normativa aplicable ou polas estipulacións contidas na autorización, o incumprimento da obriga de custodia e mantemento da devandita documentación, así como a ocultación ou falseamento de datos ou non entrega da información ou documentación exixida polo órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, cando esta información sexa necesaria para determinar o grao de cumprimento desta lei e as súas normas de desenvolvemento.
  5. e) A falta de constitución de fianzas ou garantías, ou da súa renovación, cando sexan obrigatorias.
  6. f) O incumprimento das obrigas derivadas dos convenios e acordos que se establezan en materia de responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto, en relación coa produción e xestión de residuos e no ámbito de solos contaminados.
  7. g) A obstrución, por acción ou omisión, da actividade de vixilancia, inspección e control da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o incumprimento das obrigas de colaboración previstas no artigo 44.2 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.
  8. h) A falta de etiquetaxe, ou a etiquetaxe incorrecta ou parcial dos envases que conteñan residuos perigosos.
  9. i) A mestura das diferentes categorías de residuos perigosos entre si ou destes cos que non teñan tal consideración, sempre que como consecuencia non se puxese en perigo grave a saúde das persoas nin se producise un dano ou deterioración grave para o ambiente.
  10. j) A entrega, venda ou cesión de residuos non perigosos a persoas físicas ou xurídicas distintas das sinaladas nesta lei, así como a aceptación daqueles en condicións distintas das que se establezan nas correspondentes autorizacións ou nas normas establecidas nesta lei.
  11. k) A elaboración, a posta no mercado ou a utilización de produtos ou envases no ámbito da responsabilidade ampliada do suxeito produtor do produto incumprindo as obrigas que deriven desta lei e das súas normas de desenvolvemento e as estipulacións contidas na autorización, sempre que non se perturben gravemente a saúde e hixiene públicas, a protección do ambiente nin a seguranza das persoas consumidoras.
  12. l) Non elaborar os estudos de minimización de residuos ou os plans empresariais de prevención previstos nas normas de residuos, así como non atender os requirimentos efectuados polo órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de residuos para que aqueles sexan modificados ou completados con carácter previo á súa aprobación.
  13. m) O incumprimento das prohibicións establecidas no artigo 44.2.
  14. n) A entrada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de residuos procedentes doutro Estado membro da Unión Europea, así como a saída de residuos cara a outro Estado membro, sen obter os permisos e autorizacións exixidos pola lexislación da Unión Europea, ou sen cumprir a obriga establecida no artigo 26.5.b) da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

ñ) No caso de traslado intracomunitario, o incumprimento da obriga de emisión do certificado de valorización ou eliminación intermedia ou definitiva dos residuos, no prazo máximo e nos termos establecidos nos artigos 15 e 16 do Regulamento 1013/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2006.

  1. o) Non elaborar os plans de vixilancia e control do solo e das augas subterráneas asociadas, as investigacións analíticas da calidade do solo ou as valoracións de riscos cando sexa obrigatorio de acordo co disposto nesta lei, cando non se puxese en perigo grave a saúde das persoas nin se producise un dano ou deterioración grave no ambiente.
  2. p) A ocultación ou alteración por parte das entidades acreditadas dos datos que deban subministrar á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co disposto nesta lei e co que regulamentariamente se estableza.
  3. q) A comisión dalgún dos feitos tipificados nesta lei como infracción moi grave, cando, pola súa escasa contía ou entidade, non mereza esa cualificación.

Artigo 83. Infraccións leves

Constitúen infraccións leves:

  1. a) O atraso na subministración da documentación que haxa que proporcionar á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido pola normativa aplicable, nas estipulacións contidas nas autorizacións ou que deba, de ser o caso, acompañar as comunicacións.
  2. b) A comisión dalgún dos feitos tipificados nesta lei como infracción moi grave ou grave cando, pola súa escasa contía ou entidade, non mereza esa cualificación.
  3. c) Calquera incumprimento das obrigas impostas expresamente por esta lei e as súas normas de desenvolvemento, das estipulacións contidas nas autorizacións ou do contido das comunicacións, cando non estea tipificada como infracción moi grave ou grave.

Artigo 84. Sancións

  1. As infraccións moi graves tipificadas nesta lei darán lugar á imposición de todas ou algunhas das seguintes sancións:
  2. a) Multa desde 45.001 euros, ou desde 300.001 euros de tratarse de residuos perigosos, ata 1.750.000 euros.
  3. b) Inhabilitación para o exercicio de calquera das actividades previstas nesta lei por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez.
  4. c) No suposto das infraccións tipificadas nas alíneas a), b), e), f), i) e j) do artigo 81, clausura temporal ou definitiva, total ou parcial, das instalacións ou aparellos por un prazo máximo de cinco anos, debéndose salvagardar os dereitos das persoas traballadoras de acordo co previsto na lexislación laboral.
  5. d) No suposto das infraccións tipificadas nas letras a), b), e), f), g), i) e j) do artigo 81, revogación da autorización ou suspensión por un tempo non inferior a un ano nin superior a dez.
  6. As infraccións graves tipificadas nesta lei darán lugar á imposición de todas ou algunhas das seguintes sancións:
  7. a) Multa desde 901 euros ata 45.000 euros, ou desde 9.001 euros ata 300.000 euros de tratarse de residuos perigosos.
  8. b) Inhabilitación para o exercicio de calquera das actividades previstas nesta lei por un período de tempo inferior a un ano.
  9. c) No suposto das infraccións tipificadas nas alíneas a), b), e), g), h), i), j) e n) do artigo 82, revogación da autorización ou suspensión por un tempo de ata un ano.
  10. As infraccións leves sancionaranse cunha multa de ata 900 euros, ou de ata 9.000 euros de tratarse de residuos perigosos.
  11. No suposto das infraccións tipificadas nas alíneas g) e k) do artigo 81 e nas alíneas k), l) e m) do artigo 82, o órgano que exerza a potestade sancionadora poderá acordar como sanción accesoria o comiso das mercadorías, determinando o seu destino final.
  12. As persoas físicas ou xurídicas que fosen sancionadas pola comisión das infraccións moi graves ou graves tipificadas nesta lei non poderán obter subvencións do sector público autonómico ata cumpriren a sanción e, de ser o caso, executaren as medidas correctoras pertinentes.

Artigo 85. Gradación das sancións

  1. O órgano que exerza a potestade sancionadora deberá gardar a debida adecuación entre a sanción e o feito constitutivo da infracción, considerando especialmente:
  2. a) A súa repercusión.
  3. b) A súa transcendencia polo que respecta á saúde e seguranza das persoas e do ambiente ou aos bens protexidos pola Lei 22/2011, do 28 de xullo, e pola presente lei.
  4. c) As circunstancias da persoa responsable e o seu grao de intencionalidade, participación e beneficio obtido.
  5. d) A reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme en vía administrativa.
  6. e) A reiteración.
  7. f) A irreversibilidade dos danos ou deterioracións producidos.
  8. g) Os demais criterios de gradación previstos con carácter básico no artigo 29.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
  9. En ningún caso a multa que se impoña pola comisión dunha infracción tipificada nesta lei resultará máis beneficiosa para quen cometeu a infracción que o cumprimento da disposición infrinxida. Para este efecto, a contía máxima da multa prevista no artigo 84 para o tipo de infracción de que se trate poderá incrementarse ata un importe equivalente ao beneficio obtido. A valoración do beneficio ilícito farase de acordo con valores e prezos de mercado.

Artigo 86. Prescrición das infraccións

  1. As infraccións tipificadas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:
  2. a) As infraccións moi graves, aos cinco anos.
  3. b) As infraccións graves, aos tres anos.
  4. c) As infraccións leves, ao ano.
  5. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese, coas seguintes particularidades:
  6. a) Nos supostos de infraccións continuadas, o prazo de prescrición comezará a contar desde o momento da finalización da actividade ou do último acto co que a infracción se consuma. Caso de os feitos ou actividades constitutivos de infracción seren descoñecidos por careceren de signos externos, o devandito prazo computarase desde que aqueles se manifesten.
  7. b) Cando os danos ao ambiente derivados das infraccións non foren inmediatamente perceptibles, o prazo de prescrición comezará a contar desde o momento da súa manifestación ou coñecemento.
  8. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador. O prazo de prescrición volverá correr se o expediente sancionador estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa presuntamente responsable.

Artigo 87. Prescrición das sancións

  1. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescribirán ao ano, as impostas por faltas graves, aos tres anos e as impostas por faltas moi graves, aos cinco anos.
  2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola que se impón a sanción ou transcorrese o prazo para recorrer contra ela.
  3. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución. O prazo volverá transcorrer se aquel estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.
  4. No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que finalice o prazo legalmente previsto para a resolución do devandito recurso, de acordo co previsto no artigo 30.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

Artigo 88. Publicidade das sancións

Os órganos que exerzan a potestade sancionadora poderán acordar, cando estimen que existen razóns de interese público e a través do procedemento que regulamentariamente se determine, a publicación no diario oficial correspondente e nos medios de comunicación social que consideren oportunos das sancións impostas pola comisión de infraccións moi graves e graves, así como os nomes e apelidos ou razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, unha vez que as devanditas sancións adquirisen o carácter de firmes.

Artigo 89. Concorrencia de sancións e relacións coa orde xurisdicional penal

  1. Non poderán sancionarse os feitos que fosen sancionados penal ou administrativamente, nos casos en que se aprecie identidade de suxeito, feito e fundamento.
  2. Cando un órgano da Unión Europea impuxese unha sanción polos mesmos feitos, e sempre que non concorra a identidade de suxeito e fundamento, o órgano competente para resolver deberá tela en conta para efectos de graduar a que, de ser o caso, deba impor, e poderá minorala, sen prexuízo de declarar a comisión da infracción, de acordo co artigo 31.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
  3. En calquera momento do procedemento sancionador, cando o órgano competente estime que os feitos poderían ser constitutivos de ilícito penal, comunicarao ao Ministerio Fiscal, e solicitaralle a este testemuño das actuacións practicadas respecto da devandita comunicación.

Esta comunicación suspenderá a tramitación do procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite resolución firme que poña fin ao procedemento ou teña lugar o sobresemento ou o arquivamento das actuacións ou se produza a devolución do expediente por parte do Ministerio Fiscal. De non se apreciar a existencia de ilícito penal, continuarase a tramitación do procedemento sancionador desde que se teña coñecemento da resolución xudicial firme que poña fin ao procedemento, ou do sobresemento, do arquivamento das actuacións ou da devolución do expediente por parte do Ministerio Fiscal. Os feitos declarados probados na resolución xudicial firme vincularán os órganos administrativos competentes.

  1. Cando o órgano competente tiver coñecemento de que se está a desenvolver un proceso penal sobre os mesmos feitos, solicitará do órgano xudicial comunicación das actuacións realizadas.

Recibida a comunicación, e de estimarse que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puider concorrer, o órgano competente para a resolución do procedemento sancionador acordará a suspensión deste ata que se dite resolución xudicial firme.

  1. Cando un só feito constitúa dúas ou máis infraccións conforme esta lei e outras leis que foren de aplicación, imporase ao suxeito infractor a sanción de maior gravidade se o exercicio da potestade sancionadora corresponde, respecto de todas esas infraccións, á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o fundamento ou ben xurídico protexido son os mesmos.

Artigo 90. Reparación do dano e indemnización

  1. Sen prexuízo da sanción que se puider impor, a persoa infractora quedará obrigada á reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como á indemnización dos danos e perdas causados, que poderán ser determinados polo órgano competente, caso en que deberá comunicarse á persoa infractora para a súa satisfacción no prazo que para o efecto se determine.
  2. Nos casos de danos ambientais, a persoa infractora estará obrigada á reparación nos termos da normativa vixente sobre responsabilidade ambiental.
  3. Cando as condutas sancionadas causasen danos ou perdas ás administracións e a contía destinada a indemnizar estes danos non quedase determinada no expediente, fixarase mediante un procedemento complementario, cuxa resolución será inmediatamente executiva. Este procedemento será susceptible de terminación convencional, pero nin esta nin a aceptación pola persoa infractora da resolución que puider recaer implicarán o recoñecemento voluntario da súa responsabilidade. A resolución do procedemento porá fin á vía administrativa.

Artigo 91. Multas coercitivas e execución subsidiaria

  1. De as persoas infractoras non procederen á reparación ou indemnización dos danos causados de acordo co establecido nesta lei, unha vez transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador poderá acordar a imposición de multas coercitivas, ata o efectivo e completo cumprimento da resolución que impoña tales obrigas, ou a execución subsidiaria.
  2. A contía de cada unha das multas coercitivas non superará un terzo da multa imposta pola infracción cometida e fixarase tendo en conta os seguintes criterios:
  3. a) O atraso no cumprimento da obriga de reparación desde a data en que a resolución sancionadora sexa executiva.
  4. b) A existencia de intencionalidade no incumprimento.
  5. c) A natureza dos prexuízos causados, en particular cando afecte recursos ou espazos únicos, escasos ou protexidos.
  6. d) A reincidencia no incumprimento da obriga de reparación de danos causados ao ambiente.
  7. A imposición de multas coercitivas exixirá que no requirimento se indique o prazo de que se dispón para o cumprimento da obriga e a contía da multa que pode ser imposta. En todo caso, o prazo deberá ser suficiente para cumprir a obriga.
  8. Se, unha vez imposta a multa coercitiva, se mantiver o incumprimento que a motivou, aquela poderá ser reiterada por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado.
  9. As multas coercitivas son independentes e compatibles coas que se poidan impor en concepto de sanción.
  10. No caso de que non se realicen as operacións de limpeza e recuperación de solos contaminados, poderá procederse á execución subsidiaria á custa da persoa infractora.
  11. Os medios de execución forzosa das resolucións que obriguen a realizar as medidas de prevención, de evitación e de reparación de danos ambientais serán os regulados pola normativa sobre responsabilidade ambiental.

CAPÍTULO III

Procedemento sancionador

Artigo 92. Procedemento sancionador e resolución sancionadora

  1. A imposición de sancións realizarase mediante a tramitación do correspondente procedemento sancionador, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
  2. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada e resolverá todas as cuestións suscitadas naquel. A resolución deberá ser ditada e notificada no prazo máximo dun ano desde a data do acordo de incoación do procedemento.
  3. Na resolución non poderán aceptarse feitos distintos dos determinados no curso do procedemento, con independencia da súa diferente valoración xurídica. Con todo, cando o órgano competente para resolver considere que a infracción ou a sanción revisten maior gravidade que a determinada na proposta de resolución, notificarase á persoa inculpada para que achegue cantas alegacións estime convenientes no prazo de quince días.
  4. A resolución será executiva cando non caiba contra ela ningún recurso ordinario en vía administrativa, sen prexuízo do previsto no segundo parágrafo do artigo 90.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Nela poderán adoptarse as disposicións cautelares precisas para garantir a súa eficacia en tanto non sexa executiva, que poderán consistir no mantemento das medidas provisorias que, de ser o caso, se adoptaron.

Artigo 93. Medidas provisorias

  1. Iniciado o procedemento sancionador, a persoa titular do órgano competente para resolvelo, por iniciativa propia ou por proposta da persoa instrutora daquel, poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisorio que estime necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puider recaer e evitar o mantemento dos riscos ou danos para a saúde humana e o ambiente.
  2. As medidas provisorias deberán ser proporcionadas á natureza e gravidade das presuntas infraccións e poderán consistir en:
  3. a) Medidas de corrección, seguranza ou control que impidan a continuidade na produción do dano.
  4. b) Precintado de aparellos, equipos ou vehículos.
  5. c) Clausura temporal, parcial ou total do establecemento.
  6. d) Suspensión temporal da autorización para o exercicio da actividade por parte da empresa.
  7. Coa mesma finalidade prevista no número 1, o órgano competente para a iniciación do procedemento sancionador, nos casos de urxencia e para a protección provisoria dos intereses implicados, poderá adoptar as medidas provisorias imprescindibles antes de iniciar o procedemento, cos límites e condicións establecidos no artigo 56 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sen que en ningún caso a súa duración poida exceder o prazo de quince días.

Estas medidas poderán incluír a suspensión da autorización e a prohibición do exercicio das actividades comunicadas, cando a autoridade competente comprobe que o suxeito titular non cumpre os requisitos establecidos na autorización concedida ou na comunicación presentada.

  1. Non se poderá adoptar ningunha medida provisoria sen o trámite de audiencia previa ás persoas interesadas por un prazo non inferior a dez días nin superior a quince, para que poidan presentar cantas alegacións, documentos e xustificacións estimen convenientes, salvo nos seguintes supostos:
  2. a) Cando concorran razóns de urxencia que aconsellen a adopción inmediata da medida, baseadas na produción dun dano grave para a saúde humana ou o ambiente.
  3. b) Cando se trate do exercicio dunha actividade das reguladas no artigo 53 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, ou na presente lei, sen a preceptiva autorización ou con ela caducada ou suspendida.

Nestes casos o trámite de audiencia levarase a cabo inmediatamente despois de acordada a medida provisoria, para a revisión ou ratificación desta por parte do órgano que a impuxo.

Artigo 94. Órganos competentes

  1. Nos casos en que, de acordo co establecido nesta lei, o exercicio da potestade sancionadora corresponda á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para a incoación dos procedementos sancionadores corresponderá:
  2. a) Á persoa titular da respectiva xefatura territorial da consellaría competente en materia de residuos, segundo o ámbito territorial en que se cometese a infracción.
  3. b) Á persoa titular da dirección xeral competente en materia de residuos, de os feitos afectaren os ámbitos territoriais de máis dunha xefatura territorial.
  4. c) Á persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de residuos en cuxo ámbito territorial se detectase a infracción, cando esta se refira ao traslado de residuos.
  5. Cando a iniciación do procedemento sancionador sexa acordada pola persoa titular dunha xefatura territorial, porao en coñecemento da dirección xeral competente en materia de residuos, que poderá avocar a súa tramitación, de conformidade cos artigos 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, de estimar que a presunta infracción pon o ambiente en perigo grave de degradación.
  6. A resolución dos procedementos sancionadores de competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderá:
  7. a) Nas infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial da consellaría competente en materia de residuos que acordase a iniciación do procedemento sancionador, agás no suposto sinalado na alínea b) do número 1, en que corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de residuos.
  8. b) Nas infraccións graves, á persoa titular da dirección xeral competente en materia de residuos.
  9. c) Nas infraccións moi graves, á persoa titular da consellaría competente en materia de residuos.
  10. En todo caso, na tramitación dos procedementos sancionadores garantirase que a instrución e a resolución se encomenden a órganos distintos, de acordo co disposto polo artigo 63.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Disposición adicional primeira. Tramitación electrónica

  1. A tramitación dos procedementos administrativos previstos nesta lei deberase levar a cabo por vía electrónica, de conformidade co previsto na presente lei e na súa normativa de desenvolvemento.
  2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia adoptará as medidas necesarias e incorporará as tecnoloxías precisas para garantir a interoperatividade dos distintos sistemas, de acordo coa normativa aplicable nesta materia.

Disposición adicional segunda. Recuperación de solos obxecto de verteduras incontroladas

O réxime de responsabilidade regulado no artigo 36.1 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, será aplicable aos supostos de verteduras incontroladas de residuos, para efectos da execución das tarefas de limpeza e de reposición ao estado anterior que, de ser o caso, correspondan.

Disposición adicional terceira. Sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos

O sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos seguirá a ser xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de conformidade co previsto nesta lei e na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Disposición adicional cuarta. Plan de xestión e programa de prevención de residuos

  1. No prazo máximo de dous anos a partir da entrada en vigor desta lei, a Administración autonómica aprobará un novo plan de xestión e o programa de prevención de residuos.
  2. Para a elaboración do plan e do programa desenvolverase un amplo proceso de participación.
  3. O plan de xestión e o programa de participación incluirán os plans e programas de ámbito supramunicipal e terán en conta os programas de xestión e prevención de ámbito local.

Disposición transitoria primeira. Procedemento de traslado de residuos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

En tanto non se desenvolva regulamentariamente, o procedemento de traslado de residuos dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia tramitarase de forma telemática a través da plataforma habilitada para tal efecto pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido polo Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

Disposición transitoria segunda. Adaptación ao réxime de responsabilidade ampliada do suxeito produtor

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 22/2011, do 28 de xullo, os sistemas integrados de xestión de residuos existentes no momento da entrada en vigor da devandita lei rexeranse polo previsto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, polas normas reguladoras de cada fluxo de residuos, e pola Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia. Non obstante, eses sistemas adaptaranse ao establecido na Lei 22/2011, do 28 de xullo, e na presente lei, no prazo dun ano desde que entren en vigor as normas que adapten as citadas disposicións reguladoras estatais. Este réxime tamén será aplicable a aqueles sistemas de responsabilidade ampliada cuxa comunicación ou solicitude de autorización se presentase antes da entrada en vigor das normas de adaptación mencionadas.

Disposición transitoria terceira. Adaptación ao novo réxime de garantías

  1. As persoas rexistradas no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia que estean a levar a cabo actividades que se vexan afectadas polo réxime de garantías introducido como novidade nesta lei disporán do prazo de seis meses para solicitaren a adaptación da súa autorización ou comunicación e do prazo dun ano para presentaren a garantía financeira correspondente ao exercicio da súa actividade.
  2. Aquelas persoas que no prazo indicado non teñan depositadas as garantías financeiras requiridas serán dadas de baixa de oficio no rexistro, logo da tramitación do correspondente procedemento no que se acorde a revogación da autorización ou, no suposto de comunicacións, a determinación da imposibilidade de continuar co exercicio da actividade por incumprimento dos requisitos para o seu exercicio.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio en materia de subprodutos

Os materiais que fosen declarados subprodutos polo órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do procedemento aplicable antes da posta en marcha dos mecanismos previstos no artigo 4.2 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de acordo coa disposición transitoria primeira da devandita lei, poderán xestionarse conforme o réxime xurídico derivado de tal declaración autonómica, ata que sexa aceptada ou rexeitada a súa condición de subproduto conforme os mecanismos previstos no artigo 4.2 da Lei 22/2011, do 28 de xullo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

  1. Quedan derrogadas:
  2. a) A Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.
  3. b) O Decreto 154/1998, do 28 de maio, polo que se publica o catálogo de residuos de Galicia.
  4. c) O Decreto 59/2009, do 26 de febreiro, polo que se regula a rastrexabilidade dos residuos.
  5. Así mesmo, quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei ou a contradigan.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente