Caza maior silvestre abatida GALICIA

,

DECRETO 28/2021, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas sobre a subministración directa da caza maior silvestre abatida na Comunidade Autónoma de Galicia.
Estos Documentos, con los que puedan modificar o les acompañan, se ha incorporado a los contenidos ya existentes en el siguiente TÍTULO publicado y a su disposición:

A práctica da cesión por parte das persoas cazadoras a consumidores locais de pequenas cantidades de carne de caza constitúe unha actividade que se configura administrativamente como unha excepción ao réxime xeral de comercialización da caza, tal e como se regula no número 3.c) do artigo 1 do Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.
Esta excepcionalidade tamén aparece recollida no Real decreto 1086/2020, do 9 de decembro, polo que se regulan e flexibilizan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, produción e comercialización dos produtos alimenticios e se regulan actividades excluídas no seu ámbito de aplicación.
É importante ter en conta que a posta no mercado para consumo humano da carne de caza debe cumprir cuns exixentes requisitos sanitarios e de hixiene establecidos na normativa comunitaria e na normativa sectorial aplicable.
O Regulamento de execución (UE) nº 2015/1375 da Comisión, do 10 de agosto de 2015, polo que se establecen normas específicas para os controis oficiais da presenza de triquinas na carne, define os procedementos da toma de mostras e os métodos de análises de referencia para a realización destes controis. O devandito regulamento establece no anexo III os métodos de dixestión como métodos válidos para as carnes de caza silvestre.
Así mesmo, resultan de aplicación as normas complementarias ao Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, para a carne de caza maior abatida en Galicia e cuxo destino sexa un establecemento de manipulación de caza inscrita no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos.
Doutra banda, a regulación da comercialización da caza maior silvestre abatida posibilita, ademais dos pertinentes controis de seguridade alimentaria, unha mellor execución daqueles relativos á vixilancia e control no ámbito da sanidade animal, de acordo cos criterios establecidos nos plans nacionais de vixilancia sanitaria da fauna salvaxe.
Por iso, para minimizar o risco potencial de transmisión de enfermidades por consumo de carne de caza, é necesario, para autorizar esta actividade, establecer requisitos para controlar as condicións sanitarias que deben cumprir as pezas de carne antes da súa subministración directa á persoa consumidora final ou da súa entrega a unha sala de tratamento de caza, como paso previo á súa introdución na cadea alimentaria.
O presente decreto ten o seu fundamento competencial no artigo 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia (en diante EAG) que establece que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, corresponde á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución española (en diante CE), a competencia exclusiva en materias de agricultura e gandaría (artigo 30.1.3 EAG en relación co artigo 148.1.7ª CE). No tocante á sanidade interior, o artigo 33.1 do EAG, en relación co artigo 148.1.21ª CE, establece como competencia propia da Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, en desenvolvemento de cuxa competencia se promulgou a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Polo que respecta á caza, o artigo 27.15 do EAG, en relación co artigo 148.1.11ª da CE, atribúe tamén a competencia para a súa regulación á Comunidade Autónoma de Galicia. Finalmente, polo que respecta ao ambiente, o artigo 27.30 do EAG, en relación co establecido no artigo 148.1.9ª, establece a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para dictar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23ª CE.
Finalmente, é de salientar que ao presente decreto, ademais da normativa constitucional e autonómica citada, lle resulta de aplicación o Regulamento de execución (UE) nº 2015/1375 da Comisión, do 10 de agosto de 2015, polo que se establecen as normas específicas para os controis oficiais da presenza de triquinas na carne, e o Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.
O presente decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Foi realizado o trámite de consulta pública previa e o proxecto de decreto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e sometido a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia; asemade, foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero e a informe da Asesoría Xurídica Xeral.
Así mesmo, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Na súa virtude, por proposta conxunta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do conselleiro de Sanidade e do conselleiro do Medio Rural, co referendo do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xaneiro do dous mil vinte e un,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. O presente decreto ten por obxecto:
a) Establecer os requisitos para a subministración directa por parte da persoa cazadora á persoa consumidora final e aos establecementos de restauración de pequenas cantidades de carne fresca refrixerada de caza maior silvestre.
b) Establecer os requisitos que deben cumprir as pezas de caza maior silvestre abatidas en Galicia destinadas ás salas de tratamento de caza para a comercialización das súas carnes.
c) Establecer os requisitos que teñen que cumprir os locais intermedios de procesamento das devanditas pezas de caza silvestre destinadas á subministración directa.
d) Establecer os requisitos hixiénicos e sanitarios do acondicionamento e o transporte das pezas de caza maior silvestres destinadas a consumo humano para a subministración directa ou o envío á sala de tratamento de caza.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O presente decreto é aplicable ás pezas de caza maior abatidas na Comunidade Autónoma de Galicia. Como peza de caza maior entenderanse as incluídas na definición recollida na letra e) do artigo 3.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos deste decreto, considerarase:
a) Subministración directa: a entrega directa por parte das persoas cazadoras de pequenas cantidades de carne fresca refrixerada de caza maior silvestre á persoa consumidora final ou a establecementos de restauración inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa). Entenderase por subministración de pequenas cantidades as que non excedan unha peza de caza maior silvestre por persoa cazadora e semana, unha vez realizadas as operacións de procesamento de acordo co establecido neste decreto.
b) Lugar de caza: lugar onde o animal perde a vida no exercicio da caza, independentemente da accesibilidade para a súa recollida ou distancia ao punto de reunión das pezas de caza maior silvestre abatidas no transcurso da cazaría.
c) Punto de reunión das pezas de caza maior silvestre: lugar determinado pola persoa responsable da cazaría para o agrupamento das pezas de caza maior silvestre abatidas no transcurso da cazaría.
d) Sala de tratamento de caza: establecemento autorizado e inscrito no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos no cal se realizan as operacións de procesamento da carne de caza para a súa comercialización.
e) Pezas de caza maior silvestre: corpo sen esfolar nin eviscerar dos animais mamíferos terrestres salvaxes que viven en liberdade, abatidos nas actividades cinexéticas, e que figuran na relación de especies cazables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido no anexo IV do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia.
f) Veterinario/a oficial: a persoa licenciada en veterinaria adscrita á consellería competente en materia de saúde pública e que desenvolve as súas funcións de control oficial ou parte delas en salas de tratamento de caza.
g) Servizo veterinario colaborador: profesional veterinario/a colexiado/a e con dotación propia de medios técnicos, con capacidade para realizar a inspección in situ das pezas de caza maior silvestre abatidas (no lugar de caza ou no punto de reunión das pezas de caza maior silvestre) e para a inspección destas nos locais intermedios de procesamento de caza maior silvestre.
h) Local intermedio de procesamento de caza maior silvestre. Superficie delimitada e específica, situada nun lugar concreto, de calquera material que, reunindo as condicións establecidas no artigo 6 e no anexo VII, permita as operacións para garantir a hixiene e salubridade das carnes e a inspección a que deben someterse as pezas de caza maior silvestre destinadas á subministración directa a locais de restauración ou á persoa consumidora final.
i) Subprodutos animais: corpos enteiros ou partes de animais, produtos de orixe animal ou outros produtos obtidos a partir de animais, que non están destinados para o consumo humano, de conformidade co establecido no Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais e os produtos non destinados ao consumo humano e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1774/2002.
j) Terreo cinexético: os terreos cinexéticos sometidos a réxime especial, de acordo co establecido no artigo 10 e concordantes da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
k) Responsable da cazaría: persoa designada polo titular do terreo cinexético, encargada de organizar as persoas cazadoras durante o desenvolvemento dunha acción de caza maior, e é, así mesmo, responsable do cumprimento de todas as funcións en materia de aproveitamento cinexético indicadas no presente decreto, así como de todas aquelas atribuíbles de acordo co establecido no Real decreto 50/2018, do 2 de febreiro, polo que se desenvolven as normas de control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior, nos casos en que a dita norma resulte de aplicación de acordo co indicado no seu artigo 2.
l) Transporte das pezas de caza maior silvestre: comprende o desprazamento das pezas de caza maior silvestre desde o lugar de caza ata o local intermedio de procesamento de caza maior silvestre ou a sala de tratamento de caza.
m) Persoa cazadora con formación: persoa que ten acreditados os coñecementos detallados na sección IV, capítulo I, número 4 do anexo III do Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, en materia de control in situ, sanitario e de hixiene, das pezas de caza silvestre abatidas coa finalidade de seren destinadas ao consumo humano.
Artigo 4. Normas de acondicionamento das pezas de caza maior silvestre destinadas a subministración directa ou a sala de tratamento de caza
1. A evisceración das pezas de caza maior silvestre cumprirá as seguintes condicións:
a) A extracción de estómagos e intestinos deberá realizarse de maneira hixiénica canto antes tras a morte do animal e nun tempo máximo de 30 minutos desde a súa chegada ao local intermedio de procesamento de caza maior silvestre.
b) As pezas de caza deberán chegar ao local intermedio con todas as vísceras, salvo no caso de que exista unha persoa que recibise unha formación, de acordo co establecido no número 4, do capítulo I, da sección IV, do anexo III do Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, que poderá retirar con anterioridade o estómago e os intestinos no punto de reunión das pezas de caza. A formación acreditarase mediante a certificación recoñecida pola autoridade competente que permita acreditar que se reúnen os requisitos de formación exixidos pola normativa. Esta acreditación terá validez en todo o territorio nacional.
O resultado da inspección da persoa con formación rexistrarase na parte destinada a iso no anexo II que acompañará as pezas ao local intermedio.
As vísceras deberán acompañar a peza abatida ata o local intermedio para a súa inspección, e poden ir unidas anatomicamente a esta ou ser transportadas dentro dun recipiente de suficiente resistencia para evitar fugas de líquidos ao exterior, no cal se colocará un precinto cos datos que figuran no anexo I.
2. A persoa responsable da cazaría asegurarase do cumprimento do establecido no Real decreto 50/2018, do 2 de febreiro, nos casos en que a dita norma resulte de aplicación de acordo co indicado no seu artigo 2.
3. A peza de caza maior silvestre sen esfolar portará un precinto inviolable cos datos que figuran no anexo I.
4. Todas estas manipulacións de acondicionamento realizaranse de maneira hixiénica e en presenza da persoa responsable da cazaría, que será a encargada de proporcionar os precintos identificativos (anexo I) e o documento sanitario de traslado de pezas de caza maior silvestre abatidas na Comunidade Autónoma de Galicia (anexo II), no cal se declararán os exames veterinarios no lugar de caza previos ao envío.
5. Coa excepción dos cabeiros, hastas e cornos, a retirada de trofeos non se poderá realizar ata que se ditamine a súa aptitude para o consumo.
Artigo 5. Transporte das pezas de caza maior silvestre desde o lugar de caza ou desde o punto de reunión das pezas de caza maior silvestre
1. O transporte debe realizarse dentro das 12 horas seguintes á morte, nun vehículo en adecuado estado de limpeza e mantemento e deseñado de tal maneira que se protexan as pezas de caza maior silvestre da contaminación e deterioración, dotado de superficies internas lisas, fáciles de limpar e desinfectar. Está prohibido empillar as pezas de caza maior silvestre. O transporte debe ser refrixerado no caso de que se superen as 12 horas desde o momento da caza e morte ata a chegada ao local intermedio de procesamento ou á sala de tratamento de caza. En todos os casos, antes de que transcorran as 12 horas desde a morte, as pezas de caza maior silvestre deben acondicionarse nun local ou vehículo refrixerado.
2. Para poderen ser transportadas desde o lugar de caza a un local intermedio de procesamento de caza maior silvestre ou a unha sala de tratamento de caza, estas pezas terán que continuar enteiras e provistas do precinto inviolable de plástico fixado no corpo do animal.
3. No documento sanitario de traslado das pezas de caza maior silvestre (anexo II) que debe acompañar a peza de caza maior silvestre figurará a numeración do precinto que identifica a peza.
4. Será responsabilidade da persoa titular do local intermedio de destino supervisar as condicións do transporte e a correcta identificación das pezas de caza maior silvestre no momento da súa chegada.
5. O destino das pezas de caza maior silvestre poderá ser:
a) Un local intermedio de procesamento de caza maior silvestre.
b) Unha sala de tratamento de caza.
Artigo 6. Normas para o rexistro e autorización do local intermedio de procesamento de caza maior silvestre
1. Os locais intermedios de procesamento de caza maior silvestre deben atoparse inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa), regulado polo Decreto 204/2012, do 4 de outubro. Para o procedemento de inscrición, modificación e cancelación destes, será de aplicación o regulado no artigo 6 do decreto.
2. O local intermedio deberá dispoñer:
a) Dun recinto que cumpra coas condicións mínimas establecidas no anexo VII.
b) Do material de precintaxe inviolable previsto no anexo III.
c) Un servizo veterinario colaborador para a realización de exames post mortem e emisión do ditame sanitario sobre as carnes e vísceras destinadas a subministración directa para consumo humano, así como para a realización das tarefas mencionadas na letra f) do número 2 do artigo 7 en materia de caza ou sanidade animal. Corresponde aos respectivos colexios oficiais de veterinarios xestionar as listas de veterinarios dispoñibles para a realización das tarefas encomendadas neste decreto ao servizo veterinario colaborador.
Artigo 7. Condicións para a inspección veterinaria no local intermedio
1. A inspección veterinaria no local intermedio realizarase inmediatamente tras a chegada das pezas, emitindo ditame sobre a aptitude para o consumo humano da canal e as súas vísceras, unha vez efectuadas todas as actuacións precisas.
2. Os servizos veterinarios colaboradores:
a) Comprobarán que o local intermedio reúne as condicións establecidas no anexo VII para poder comezar os labores de inspección veterinaria.
b) Comprobarán que as pezas de caza maior silvestre presentadas van acompañadas dos documentos e precintos regulamentarios (anexos I e II).
c) Supervisarán os labores de esfoladura e evisceración, se é o caso.
d) Realizarán a inspección post mortem.
e) Garantirán que en todas as pezas de caza de especies sensibles se leve a cabo a investigación de triquina segundo o disposto no anexo I, Regulamento de execución (UE) nº 2015/1375 da Comisión, do 10 de agosto de 2015, polo que se establecen normas específicas para os controis oficiais da presenza de triquinas na carne. Para a toma de mostras procederase de acordo co establecido no anexo V.
As mostras deben ser analizadas, con técnicas oficialmente recoñecidas, nun laboratorio inscrito na sección de autocontrol de acordo ao artigo 8 do Decreto 105/2015, do 25 de xuño, polo que se regulan o Rexistro e a Comisión galega de laboratorios para a realización de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano e o seu réxime de acceso á actividade.
Para o ditame da mostra utilizarase o modelo do anexo VI. Non poderá emitirse ditame para as canais e vísceras sen o resultado das análises pertinentes. A canal vísceras deberán permanecer en condicións de refrixeración ata o ditame do servizo veterinario colaborador.
f) De acordo co resultado da inspección post mortem, ademais do ditame no ámbito da seguridade alimentaria derivado do Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, o servizo veterinario colaborador terá que informar a autoridade competente en materia de caza ou de sanidade animal, en función de que o que observe que poida ser de interese nestes ámbitos, así como asegurarse de realizar as tomas de mostras que estas autoridades competentes teñan determinado.
g) Comprobarán que as canais (enteiras, metades ou cuartos) e vísceras declaradas aptas sexan identificadas con precintos que inclúan os datos do anexo III e irán acompañadas ao seu destino do documento do anexo IV. Cada canal (enteira, metade ou cuarto) e/ou víscera irá precintada de maneira individual e debe permanecer cos devanditos precintos durante toda a súa vida comercial. Nos casos en que as canais vaian fraccionadas en dúas ou máis partes, cada unha das partes portará o precinto regulamentario (anexo III).
h) Asegurarán que, en todos os casos, antes de que transcorran as 12 horas desde a morte, as pezas de caza maior silvestre serán arranxadas en condicións de refrixeración ata o seu destino final.
3. A persoa titular do establecemento asegurarase do cumprimento do establecido no Real decreto 50/2018, do 2 de febreiro, nos casos en que a dita norma resulte de aplicación de acordo co indicado no seu artigo 2.
Garantirá a existencia dun sistema de rastrexabilidade axeitadamente documentado que conteña aqueles rexistros que permitan relacionar os documentos e precintos de entrada cos precintos e documentos de saída correspondentes e rastrexar en todo momento as pezas de caza maior silvestre, as súas canais (enteiras, medias ou cuartos) e as súas vísceras, así como os resultados das inspeccións e controis realizados sobre elas.
Artigo 8. Destino das pezas de caza maior silvestre de subministración directa
1. Só está permitida a subministración directa de pezas de caza maior silvestre á persoa consumidora final ou a establecementos de restauración rexistrados no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa).
2. Os establecementos de restauración de destino conservarán durante polo menos dous anos o modelo de documentación correspondente ao anexo IV.
3. No caso da cesión directa, o traslado das pezas de carne de caza silvestre desde o local intermedio de procesamento farase directamente ao establecemento de restauración colectiva ou ao domicilio da persoa consumidora final, e queda completamente prohibida calquera cesión posterior entre a persoa consumidora final e establecementos de restauración colectiva ou entre os propios establecementos de restauración colectiva.
4. As pezas de caza maior silvestre que carezan de ditame do servizo veterinario colaborador serán consideradas non aptas para o consumo e deberanse xestionar de acordo co que dispoñen os artigos 21 e 22 do Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, con respecto ás condicións de recollida, identificación e traslado ás plantas de eliminación.
Artigo 9. Responsabilidades
1. A persoa titular do local intermedio de procesamento será responsable de manter os rexistros dos animais procesados, así como todos aqueles referentes á inspección veterinaria, resultados do laboratorio, ditames e destino das carnes ou outros que a autoridade competente de control oficial poida determinar.
2. Nun prazo máximo de 10 días tras a celebración da cazaría, a persoa responsable desta deberá acreditar documentalmente a correcta xestión dos subprodutos animais non destinados ao consumo humano, de acordo co establecido no Real decreto 50/2018, do 2 de febreiro, naqueles casos en que a dita norma resulte de aplicación de acordo co indicado no seu artigo 2.
3. A documentación mencionada no número anterior dirixirase á consellería competente en materia de caza.
4. Cando no transcurso das inspeccións sobre as pezas de caza se detecte algún signo de enfermidade de importancia para a sanidade animal, así como nos casos ou territorios considerados pola autoridade competente nesta materia como de especial risco sanitario, o servizo veterinario colaborador enviará aos servizos veterinarios oficiais da unidade territorial provincial da consellería competente en materia de sanidade animal correspondente a información pertinente de acordo cos modelos de comunicación que esta teña establecidos.
5. O incumprimento das responsabilidades recollidas neste artigo terá a consideración de infracción administrativa e dará lugar á incoación dun expediente sancionador de conformidade co indicado no artigo 11.
Artigo 10. Control oficial
1. Corresponde á dirección xeral competente en materia de caza o control do cumprimento das disposicións aplicables ao exercicio da caza e, en concreto, o control das funcións das persoas responsables da cazaría nos termos definidos na presente norma.
2. Corresponde á dirección xeral competente en materia de saúde pública o control do cumprimento das disposicións aplicables aos locais intermedios de procesamento de caza silvestre e das salas de tratamento de caza autorizadas e inscritas no Rexistro Sanitario de Industrias e Produtos Alimentarios de Galicia.
3. Corresponde á dirección xeral competente en materia de sanidade animal o control das disposicións aplicables á vixilancia sanitaria dos animais salvaxes.
Artigo 11. Réxime sancionador
1. O incumprimento do establecido neste decreto terá a consideración de infracción administrativa e dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador pola consellería competente segundo o establecido no artigo 10.
2. En función do tipo de incumprimento, aplicarase o réxime sancionador regulado na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza, na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, ou na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízanse as consellerías competentes en materia de ambiente, territorio e vivenda, medio rural e sanidade para que de forma conxunta diten, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil vinte e un
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo
ANEXO I

ANEXO II
DOCUMENTO SANITARIO DE TRASLADO DE PEZAS DE CAZA MAIOR SILVESTRE Doc nº:
PROCEDENCIA DAS PEZAS
ACTIVIDADE CINEXÉTICA CAZA MAIOR
NOME E Nº DE IDENTIFICACIÓN DO TECOR

Concello Provincia
Responsable DNI
Tfno.
IDENTIFICACIÓN DAS PEZAS
Especie Nº pezas Identificación das pezas Hora aproximada da morte

DESTINO
Nome
Enderezo
Localidade Provincia
Nº Regasa (Rexistro galego)
PERSOA CON FORMACIÓN
D/Dna. _______________________________________ persoa con formación, acreditada co nº _____________ actuante na inspección das pezas de caza maior silvestre abatidas na actividade cinexética arriba mencionada
DECLARA:
Que en cumprimento do número 4 do capítulo II, sección IV, do anexo III do Regulamento (CE) nº 853/2004, do 29 de abril de 2004, polo cal se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, levouse a cabo no lugar de caza un exame destes exemplares para observar posibles características que indiquen algún risco sanitario.
O resultado do exame foi o seguinte:
Non se detectaron nas pezas de caza maior silvestre abaixo consignadas características anómalas no exame mencionado, nin un comportamento anómalo antes de cobrar a peza, nin hai sospeita de contaminación ambiental.
Nas seguintes pezas de caza maior silvestre observáronse anomalías ou declaráronse comportamentos anómalos:
Nº precinto Parte afectada Posible causa

As cabezas apuntadas nos certificados de control de trofeo de xabaril adxuntos a esta declaración, non acompañan as pezas por seren destinadas á súa naturalización
En______________________________de__________de________
(Sinatura da persoa con formación)
ANEXO III

ANEXO IV
Relativo a pezas de caza maior silvestre destinadas á subministración directa de acordo ao artigo 3.a)
I. Identificación das pezas
Pezas enteiras sen esfolar de caza maior silvestre de (especie animal)
Nº de pezas: Nº precinto:

II. Procedencia das pezas
Terreo cinexético:
Concello:
III. Destino das pezas. As pezas destínanse á subministración directa de:
Consumidor final. Nome e enderezo:
Establecemento/Razón social
Nº de Regasa/datos do consumidor final
Enderezo
IV. Certificado da inspección veterinaria
A persoa abaixo asinante D/Dª _____________________________________________________ colexiado/a nº___________ veterinario/a do servizo veterinario colaborador no local intermedio de procesamento de caza silvestre con nº Regasa ____________ na localidade de____________
Certifica que:
As pezas enteiras de caza maior silvestre das especies arriba indicadas foron sometidas á inspección post mortem, incluída a análise triquinoscópica, no caso do xabaril. Efectuáronse os seguintes comisos
PARTE COMISADA PATOLOXÍA

O ditame de aptitude para o consumo é: favorable/desfavorable (rísquese o que non proceda)
…………………………… ,…….. de ……………………………. de……..
(Nome e sinatura do/da veterinario/a)
ANEXO V
Toma de mostras para análise parasitolóxica de triquina
No caso de cazarías de varios animais, deben tomarse as mostras por separado e identificar cada animal a que corresponden de forma clara e, ademais, deberase poder identificar a cabeza coa canal de que proceda cada mostra, ata ter os resultados das análises.
Desta forma, no caso de que se detecte presenza de triquina, poderase retirar rapidamente do consumo e eliminarse segundo as normas correspondentes.
Protocolo de recollida de mostras de xabarís:
1. As mostras deben ser tomadas en cantidade suficiente, que será un mínimo de 10 gr/por mostra. O peso das mostras de carne entenderase libre de toda graxa ou fascias.
2. Os tecidos de elección serán: os piares do diafragma, na zona de transición entre a parte muscular e a parte tendinosa, músculos da lingua e pata dianteira.
3. Cando non se dispoña dos piares do diafragma, deberase tomar da parte de diafragma situada preto das costelas ou do esterno, o do maseter ou da lingua.
4. As mostras virán identificadas nunha bolsa por cada canal de animal abatido.
Achéganse fotos e esquema de descrición dos lugares de elección da canal.
Piares do diafragma:

Lingua:

Parte do diafragma situado preto das costelas ou do esterno:

ANEXO VI
Ditame da análise parasitolóxica
A persoa responsable da dirección do laboratorio inscrito no Rexistro Galego de Laboratorios con nº_________
DECLARA:
Que a análise parasitolóxica realizada á mostra número…… deu un resultado:
Non se detecta presenza de triquina (negativo)
Detectouse presenza de triquina (positivo)
(Rísquese o que non proceda)
O que se pon en coñecemento da persoa propietaria da mostra.
Lémbraselle que é necesario destruír a carne en caso de resultado positivo, segundo se establece nos regulamentos (CE) nº 1069/2009 e 142/2011.
……………………………….., ……….. de …………………………. de 20..
Fdo.:
ANEXO VII
Condicións mìnimas do local intermedio de procesamento de caza maior silvestre
Será preceptivo o cumprimento dunhas condicións hixiénicas e estruturais tales que a manipulación das pezas de caza maior silvestre nos locais de procesamento non entrañe riscos para as carnes obtidas.
O devandito recinto será de uso exclusivo para estas actividades e contará como mínimo con:
1) Auga fría e quente, potable, en cantidade e presión suficiente.
2) As paredes ata un mínimo de 2 metros e os chans serán lisos, fáciles de limpar e desinfectar.
3) Os ocos ao exterior impedirán o acceso de insectos, roedores e outras pragas.
4) Existirá o equipamento necesario que permita o procesamento, de forma hixiénica e co animal suspendido, así como para a toma de mostras das pezas de caza nos casos en que o determine a autoridade competente.
5) Sistema para esterilizar os útiles de corte.
6) Lavamáns de acionamento non manual, dotados de auga potable quente e fría, e material de limpeza e secado hixiénico de mans.
7) Sistema de recollida de produtos non destinados ao consumo humano.
8) No local deberá haber un lugar habilitado para o almacenamento dos produtos de limpeza e desinfección.